03 xullo, 2019

Tempo Ordinario: 14ª semana




7 de xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 10, 1-12.17-20
Daquela designou o Señor a outros setenta e dous e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros para a sega. Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, non vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E, se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na  mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vida e vos acollan, comede do que vos dean, curade os enfermos que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o Reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa chega o reino de Deus. Asegúrovos que o día do Xuízo será máis doado de levar para Sodoma do que para aquela vila.
Cando volveron os setenta e dous dicían con moita alegría:
—Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
El contestoulles:
—Eu vía a Satanás caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e máis alacráns, e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádesvos, máis ben, de que os vosos homes estean escritos no ceo.

Meditación
Xesús ensináballes ás persoas que o acompañaban cousas sinxelas, pero ben prácticas, que nos valen tamén para as persoas que hoxe seguimos soñando cos soños de Xesús. Por exemplo, ter en conta que nos manda “coma años no medio de lobos”. É dicir, que falemos e vivamos o de Deus con mansedume, sen ningunha violencia, nin imposición, nin ameazas, nin nada parecido. Tanto cando somos ben acollidas, como cando non o somos. Tanto cando nos abren as portas, como cando nos dan con elas nos fociños. Xente de paz, na boca e no corazón. Houbo e hai moitas veces exceso de ameazas na linguaxe e na práctica relixiosa. Deus propón, non impón. Deus ofrece, non obriga. A Deus non lle vai a xente obrigada, senón as persoas que desexan as cousas de Deus, porque descobren o bo gusto de vivir nas ondas do amor, do servizo, dos coidados, coas persoas, coa natureza, cos animais. Ao oír iso de sermos “coma años no medio de lobos”, pensamos máis nos feroces lobos –por suposto, os lobos sono sempre os outros, non nós— ca nos mansos años, que si debemos ser nós.
Xesús ensínanos a non andar nas cousas de Deus e no servizo ao pobo pola comenencia, polos cartos, por facer carreira, senón con pobreza. Xesús, coma o Papa Francisco, quere que sexamos unha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre. Sen orgullo, sen vana gloria, Xesús invítanos a ser persoas que co noso estilo de vida lle paremos os pés aos que se din servidores do pobo, pero logo vemos que o que buscan é encherse de cartos, de poder, de prestixio idiota. As comunidades cristiás estamos chamadas a ser escola de servidores sen comenencias. Sen saco, sen alforxa, nin calzado sequera, dicía Xesús. Sen ningún signo de posesión, de acumulación, que rompa o soño igualitario, fraterno, de Deus.

Oración

Señor, Señor,
polo teu amor!,
xornaleiros, xornaleiras,
homes, mulleres de acción,
que enchan cidades e aldeas
da alegría do teu don.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
xente mansa, xente humilde,
arriscada e con paixón,
que ofreza sen violencias
a túa liberación.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
pobres de corpo, de mando
e coa paz no corazón
petando ás portas da xente
compartindo canto son.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
con casa e mesa de irmás,
á voz prestando atención
de quen ri e de quen chora,
de quen alza o seu clamor.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
loitadores, loitadoras,
con humildade e vigor
sen achicarse ante os grandes,
sen ceder á tentación.

Señor, Señor,
polo teu amor!,
alegres, agradecidas/os,
sen buscar admiracións,
sabendo que ti es a forza,
ti, só ti, a salvación.

Acción
¿Participamos nalgunha tarefa civil ou eclesial que leve á construción dunha terra nova ao estilo de Deus, ao estilo de Xesús? Se non o facemos, ¿de que maneira poderiamos empezar a facer algo, como mandados/as polo mesmo Xesús?


8 de xullo: luns da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 18-26
Nunha ocasión, mentres Xesús lle falaba á xente, apareceu unha persoa importante que se prostrou diante del e lle dixo:
—A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
Ergueuse Xesús e seguiuno cos seus discípulos. Nisto, unha muller que padecía hemorraxias dende había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, dicindo para si:
—Se lle dou tocado a roupa, xa curo.
Xesús virouse e ao vela díxolle:
—¡Ánimo, filla, a túa fe sandoute!
E dende aquel instante a muller quedou curada.
Ao chegar Xesús á casa do home aquel importante, viu os frautistas e máis o barullo da xente e dixo:
—Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.
A xente ríase del. Pero el botou para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda.

Meditación
O día 1 de xullo, domingo 13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que contados polo evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos a ver o fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de solidariedade, mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a intervir. Xesús que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental a fe de quen con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o corazón, a vida, coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos, convertendo en vida o que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era recoñecido e admirado Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen milagres Xesús era o que era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos, recuperacións, vida. Xesús realmente daba gusto.

Oración
           
Impós a túa man sobre nós, Xesús,
porque iso é sempre o teu.
Mans cheas de bendicións,
porque ti eras e es todo bendición.
Mans cheas de perdón,
porque ti mesmo eras e es o perdón de Deus.
Mans cheas de alentos,
porque o Espírito de Deus corría polas túas veas.
Mans cheas de curación,
porque curador da humanidade aceptaches ser.
Mans cheas de vida,
porque en ti ata a mesma morte se fixo vida.
Impón a túa man sobre nós, Xesús.

Acción
Podemos mirar se nós, como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar próximos ás persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que poderemos mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.


9 de xullo: martes da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 32-38
Nunha ocasión presentáronlle a Xesús un mudo endemoñado. E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
—Nunca tal cousa se viu en Israel.
Pero os fariseos dicían:
—Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza.  Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolle aos discípulos:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

Meditación
Este pedaciño de Evanxeo permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de Xesús: un sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que andaba machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que lles valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a compaixón convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo o que podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel nunha crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así; incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo; en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen tendo actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de vida arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de Deus. ¿Que facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos dicimos?

Oración
           
Unha cousa me pides, meu Deus,
unha cousa soamente:
que a vida non me sexa indiferente.
Que o corazón non se me encolla,
que os ollos non se pechen
ante a miseria evidente.
Que non vexa como normal
o que é absurdo, repelente.
Que sinta, ame e me una
a quen soña diferente.
No teu nome, meu Deus,
ou no nome do que queira ou de quen queira,
pero nunca, nunca, indiferente.

Acción
As persoas e países europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Que resposta lle dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De que  forma concreta estamos colaborando? ¿Somos sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?


10 de xullo:  mércores da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 1-7
Unha vez Xesús chamou os doce discípulos e deulles poder para que botar os espírito malos e para curar toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e máis André, seu irmán, Santiago o do Zebedeo e máis Xoán, seu irmán; Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e máis Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.
A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:
—Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide mais ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades,  proclamade que xa chega o reino dos Ceos.

Meditación
Cada un, cada unha no noso grupo, comunidade ou parroquia temos un nome particular, unha historia propia, un xeito de ser, unhas calidades especiais, nunha variedade que nos singulariza e enriquece a todo o conxunto. Iso é ser comunidade. E a esta comunidade que hoxe nós somos tamén Xesús nos envía a proclamar que o de Deus xa está aquí, no medio de nós, que o podemos percibir na vida e nos feitos doutras persoas, e que o podemos poñer en evidencia co noso estilo de vida, cos nosos feitos. Onde hai melloría para os seres humanos no corpo e no espírito hai reino de Deus. Non se entende anunciar e traballar polo reino de Deus sen esa implicación en todo o que leve conforto e alento á xente, sobre todo á máis vulnerable.

Oración

Conto contigo, Xesús,
sen ti, sen o teu Espírito
son incapaz de levar adiante a tarefa
que me propós,
a min e á comunidade da que formo parte.
Que unha cousa son as ideas,
e outra a disposición firme para darlles vida.
Oio no me interior que me dis:
a miña forza tela asegurada;
eu tamén conto contigo.

Acción
Podemos pensar en que cousas concretas de conforto e alento da xente estamos nós anunciando o mundo novo de Deus polo que Xesús loitou ata a morte.  ¿Podería eu facer algo máis, dadas as miñas particulares calidades e habilidades?


11 de xullo: xoves da 14ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Bieito, patrón de Europa.

Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle Pedro a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que,  cando cheguen os novos tempos e o fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.

Meditación
A Bieito de Nursia (480-547)  tocoulle vivir nun momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.

Oración

Seguirte, Xesús,
saír da rutina e seguirte.
Sen deixarse envolver
polo balbordo do mundo,
polos seus cantos de serea,
polas súas promesas fofas.
Seguirte, Xesús,
simplemente seguirte,
nun claustro ou na casa,
de monxa ou de labrega,
no mar ou en terra,
coa familia, na empresa,
sa ou enferma.
Seguirte, Xesús,
co silencio necesario,
coa palabra amigable
co berro de protesta,
sempre con humildade,
sempre con dispoñibilidade.
Seguirte, Xesús,
seguirte de cerca.

Acción
Sería un bo día para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior fidelidade cristiá.


12 de xullo: venres da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 16-23
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede  prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente, porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.
E, cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o que tendes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, salvarase. Cando vos persigan nunha vila, fuxide a outra, porque de certo vos aseguro que non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home.

Meditación
Este pedaciño de Evanxeo está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no medio do mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está pasando hoxe no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América Latina.  Xente cristiá que é asasinada por ser cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos que aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos xente moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza, aínda que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a conciencia fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por estarmos tan metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos cadren máis os avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois andamos entre quen estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus; “sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden coar por todos os lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña causa”, por “dar testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social, política ou mesmo relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o voso valedor sempre. “Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia concreta tamén, está aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.

Oración

No mundo,
contigo, coma ti,
pero sabéndonos ovellas entre lobos.
No mundo,
pero sinxelas coma pombas e astutas coma serpes.
No mundo,
pero tendo coidado coa xente crida no sistema
e co sistema que vai dentro de nós mesmas.
No mundo,
pero comprometéndonos a fondo coa túa causa,
dando testemuño de ti con humilde ousadía.
No mundo,
pero sen deixarnos levar pola angustia.
No mundo,
pero confiando a fondo no teu Espírito
que guiará os nosos feitos, as nosas palabras.
No mundo,
pero soñando cunha terra nova, cun ceo novo
no nome do Deus comprometido coa vida.

Acción
¿Estamos tendo algún tipo de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen eses conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Como levamos eses conflitos?


13 de xullo: sábado da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 24-33
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Un discípulo non é máis ca o seu Mestre, nin un servo é máis que o seu Señor. Abóndalle ao discípulo chegar a ser coma o seu Mestre, e ao servo, coma o seu Señor. Se ao dono da casa lle chamaron Belcebul, ¡canto máis aos criados!
Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se vende un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai. Pois vós ata os pelos da cabeza tendes contados. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.

Meditación
A insistencia de Xesús hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non teñades medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que se implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte— coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo, non abundan.
Os nosos medos normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar. Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida: traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿como chegar a vivir esa experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos situar na vida. E ante que promesas e boas venturas.

Oración

Chégame, chégame abondo, Xesús,
con ser servo que imita o seu Señor,
ai, canté!
Chégame, Xesús,
con vivir na limitación e na confianza,
á espera da luz
sobre a miña propia persoa,
sobre tantas cousas da vida que me desbordan.
Chégame, Xesús,
con non ter medo
a quen me pode amolar de mil maneiras,
pero nunca poderá violarme no meu íntimo,
onde Deus garante eternidades.
Chégame moito, Xesús,
con saber que ata os pelos da miña cabeza
están todos contados… e coidados,
porque eu, coma calquera outro irmán ou irmá,
sexa crente ou non,
somos cousa preciosa para Deus.
Chégame, chégame abondo, Xesús,
ser algo, un chisquiño coma ti.

Acción
Podiamos hoxe pensar un pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Que facemos con eses medos? ¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a eles? Sería ben apropiado poder falar disto en grupo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.