14 de
xullo: Domingo 15 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 25-37
Unha vez
achegouse a Xesús un xurista e preguntoulle para o poñer a proba:
—Mestre, ¿qué
teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeulle:
—Que pon a Lei?
Qué les?
Contestou o
xurista:
—Amarás o Señor
teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e
con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
Xesús díxolle:
—Contestaches
perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista,
querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—¿E quen é o meu
próximo?
Xesús
contestoulle:
—Nunha ocasión
un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono uns bandidos que, despois de
o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo
camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodea e pasou de largo. Igual fixo un
clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo. Pero un samaritano,
que ía de camiño polo mesmo lugar, ao
velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e
vendoullas. Logo montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e
coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle:
“Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
E ¿quen dos tres
che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
O xurista respondeu:
—O que practicou
a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
—Pois ti vai e
fai outro tanto.
Meditación
Unha Igrexa
samaritana é unha Igrexa que sabe que para comprobar se está fortemente
vinculada con Deus, ten que ver como está vinculada coas persoas. Para Xesús a
consideración polas persoas é a mellor medida indicadora da nosa consideración
por Deus. E por iso unha Igrexa samaritana, unha comunidade cristiá samaritana,
observa con todo detalle a parábola de Xesús que hoxe lemos. Xesús con
frecuencia era provocador, pero non por meterse coa xente, senón para que ás
persoas se lles abrisen os ollos e caesen na conta da razón ou do desatino das
súas vidas. A provocación aquí está entre os comportamentos do sacerdote e do
levita (ou sancristán), xente por suposto moi correcta no seu credo e na súa
práctica relixiosa, e o samaritano, que era considerado coma un perdido a nivel
relixioso.
Unha Igrexa
samaritana, en cambio, é unha Igrexa que, primeiro, anda os camiños da xente;
como di o Papa Francisco, unha igrexa que sae dos seus “rollos” e vai á
periferia, é dicir, alí onde a vida pasa deixando vítimas e marxinadas. Despois
é unha Igrexa que abre os ollos e ve; non dá un rodeo, achégase, déixase
afectar e conmover, preocúpase do caso, implícase, cura, coida, pon dos seus
medios, fai un seguimento da situación... tal como fixo o samaritano da
parábola. Xesús aproba o comportamento do samaritano, o herexe, e non o do
sacerdote e do levita, que eran moi correctos nas súas ideas e prácticas
relixiosas.
Xesús é o gran
samaritano. Só unha Igrexa samaritana reponde ao que Xesús quería dos seus
seguidores e seguidoras. Teremos exemplos de cristiáns/ás que non responden a
isto, e igual nós mesmos estamos nese grupo; pero tamén, grazas a Deus,
coñecemos xente que, no Espírito de Xesús, nos segue indicando o camiño.
Adiante, por aquí hai acerto e boa ventura.
Oración
Que nada na vida, meu
Deus, nada,
que nada na vida me
sexa nunca indiferente!
Que a inmigración non me sexa indiferente
cos seus rostros curtidos en pobrezas,
coa súa ollada esperanzada e fervente.
Que o cárcere non me sexa nunca indiferente,
misterio de vidas en suspenso e en suspense,
clamor de amor, de solidariedade creativa, ardente.
Que a aldea non me sexa nunca indiferente,
cruces e glorias en desconcertante mestura,
o sinxelo, o humilde, o pequeno, gratuitamente.
Que a natureza non me sexa indiferente
coa súa capacidade de vida e de mantenza
ameazada polas teimas do mercado, friamente.
Que a causa palestina non me sexa indiferente,
co seu particular gulag de horror e espanto,
ao abeiro do noso silencio compracente.
Que ningún rostro humano me sexa indiferente,
co seu camiño propio, de po e lama, fráxil,
que nada, meu Deus, nada, me sexa nunca indiferente,
e que a morte non me colla sen ter feito o suficiente.
Acción
Máis ca nunca o evanxeo invítanos hoxe que revisemos cómo
miramos pola xente fráxil que hai ao noso redor. ¿Qué facemos, qué deixamos de
facer, que podiamos facer sos ou como grupo ou comunidade?
15 de xullo: luns da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 34—11,1
Naquel tempo
díxolles Xesús aos seus Apóstolos:
—Non vaiades
pensar que vin traer paz á terra; non vin traer paz, senón espada. Porque vin
enfrontar o home co seu pai, a filla coa súa nai, á nora coa súa sogra e os
inimigos de cada un serán os da propia familia. Quen ama a seu pai ou a súa nai
máis ca a min non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca
a min non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno
de min. Quen trate de conservar a vida perderaa; pero quen a perda por min ese
conservaraa.
Quen vos recibe a vós recíbeme a min; e quen me
recibe a min recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta
terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto terá
recompensa de xusto. E quen dea de beber aínda que soamente sexa un vaso da
auga fresca a un destes pequenos, por ser discípulo meu, asegúrovos que non
perderá a súa recompensa.
En rematando de lles dar estas instrucións aos doce
discípulos, partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Meditación
Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para
atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente
cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran
horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo
central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por
iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia,
na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o
conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada
quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un
estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos
acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para
podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que
temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a
mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade.
Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que
nos doia e causemos algunha dor.
Oración
Apréndeme, Xesús,
a vivir os conflitos, os enfrontamentos,
como ti os vivías:
desde o que consideramos xusto,
desde a liberdade,
desde o amor,
desde a coherencia,
desde a busca do mellor para a xente máis débil,
pero tamén para toda a xente,
mesmo para aquela
que nos pode quebrar a cabeza
e quentar o xenio.
Apréndeme a non fuxir dos conflitos,
a vivilos como oportunidades de crecemento.
Acción
Á luz deste evanxeo, podemos revisar como estamos
vivindo nós os conflitos. ¿Por qué cousas entramos en conflitos: por parvadas
ou por cousas de peso, que inflúen no benestar ou malestar da xente? ¿Escapamos
deles, afrontámolos con serenidade, escoitamos a quen nos provoca o conflito
por se ten razón, sabemos ceder cando cómpre, sabemos manternos no que cremos
xusto?
16 de xullo: martes da 15ª semana do Tempo Ordinario. Nosa Señora do
Carme.
Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas
que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se
en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que
facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo
será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm,
¿seica pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en
Sodoma se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso
dígovos que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.
Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza.
Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús
estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita
dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus
lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a
fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles
chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de
Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo,
sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar
ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo,
de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a
outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús,
podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o
crecemento como persoas crentes ou o decaemento.
Oración
Santa
María do Carme,
Señora
santa María.
Santa
María do Carme,
Señora
santa María,
vimos
para amosarche
o
noso amor e ledicia
nesta
xornada de festa,
dándoche
honras cumpridas.
Por
seres nai coidadora
que
por nós con ansia miras,
por
mostrarnos a Xesús
na
súa palabra e vida,
por
nos dar vigor e paz,
bendita,
Santa María.
Ben
sexa a xente do mar,
ou
da terra, nai querida,
a
que no gozo ou no aperto
na
túa axuda confía,
ante
ti por un igual
dámosche
grazas, María.
Nos
tempos que nós vivimos,
con
tanto amor e avaricia,
con
cousas que nos arrastran
cara
ao ben, cara á malicia,
connosco
faro de luz,
Santa
María, camiña.
Acción
Se podemos, seguro que gozaremos moito participando
nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que
vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.
17 de xullo: mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da
terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas
revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin
coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente
vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar
tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo
conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das
oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e
pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de
Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e
agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis
aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a
cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade desconcertante
de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado polo seu saber
ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se abra a Deus, e que
o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa realidade. Non é que
Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de determinadas persoas; senón
que hai determinados corazóns que, polo seu poder sabichón, están especialmente
bloqueados como para que neles poida entrar o coñecemento de Deus. A sabedoría
e o poder normalmente non queren saber
de propostas de cambio solidario.
Oración
“Bendito sexas, meu Pai,
Señor do ceo e máis da terra,
porque lles escondiches estas cousas
aos sabios e aos prudentes
e llas revelaches á xente humilde.
Si, meu Pai,
bendito sexas por che agradar isto así.”
Bendito sexas, Pai noso,
por teres escollido de sempre
as persoas débiles, fráxiles, pequenas,
para facelas partícipes
dos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.
Bendito sexas, Pai noso,
porque no pequeno e irrelevante Xesús,
aos ollos deste mundo,
nos amosaches en corpo e alma
o teu rostro misericordioso e fiel.
Bendito sexas, Pai noso,
por che agradar isto así.
Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade
cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á
xente humilde? ¿Cómo poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de
Deus?
18 de xullo: xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e
oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que
son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o
meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen
excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había
moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos
nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno
galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el
ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma
os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a
súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na
que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un
exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade,
que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada
de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se
lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!
Oración
Grazas, Xesús, pola túa invitación.
Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.
Grazas por nos ofrecer todo o teu.
sen reparo ningún,
sen distingo ningún.
Grazas polo teu xugo doado de levar,
pola amizade que nos ofreces,
poña ensinanza que nos prometes,
pola compaña que nos garantes.
Grazas polo teu ser humilde e accesible,
polo acougo e forza que nos prometes.
Intúo que nin sequera nos podemos facer unha idea
do mundo de bendición que hai en ti para todos nós!
Grazas no meu nome pequeno,
no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiada
que escoita de ti palabras de invitación e acollida,
que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,
gobernos e cidadanía.
Grazas por monseñor Agrelo,
altofalante internacional das túas ofertas e
promesas
á xente máis cansa e oprimida.
Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de
Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá,
temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa
e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos
acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que
poderiamos mellorar?
19 de xullo: venres da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os
seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os
fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está
permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu
fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do
ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes,
senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo
quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí
hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa
“misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes.
Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a
recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan
para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais
xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo
da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo
cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita
obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e
quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira
desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha
parvada e desentendémonos delas. ¿Cómo recuperar o sentido das prácticas
relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Cómo aprender a integralas nunha
visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado
da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra
esixencia?
Oración
“Misericordia quero e non sacrificios”,
--iso nos recordas, Xesús.
E disnos que, se o entendésemos ben,
moi distintas habían ser as cousas
na nosa vida persoal e comunitaria;
moi distinto sería o aprecio da fe, da vida
relixiosa
dentro da Igrexa e fóra dela.
Apréndenos, logo, a entendelo ben,
ao teu xeito,
co atrevemento, simplicidade e fondura
con que ti o facías.
Ollando para a nosa mesma debilidade,
ollando para a debilidade de tanta xente do noso
redor
(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),
“misericordia quero e non sacrificios”.
Acción
¿Qué importancia lle dámos na nosa vida cristiá a
esas palabras que Xesús repite: “misericordia quero e non sacrificios”?
Pensámolo, falámolo con outros compañeiros e compañeiras, e facemos o que o
Espírito nos aconselle.
20 de xullo: sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 14-21
Naquel tempo, ao saír Xesús da sinagoga os fariseos
empezaron a maquinar na maneira de acabar con el. Xesús, ao sabelo, decidiu ir
para outro lado e seguírono moitos; curou a todos e mandoulles que non o
descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
“Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a
miña regalía. Pousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o dereito ás
nacións. Non discutirá nin berrará, ninguén oirá a súa voz polos rueiros. Non
crebará a canivela cascada, nin apagará a torcida que fumega ata que faga
triunfar o dereito. El será a esperanza das nacións.
Meditación
Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios.
Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do
sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos
e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa,
fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí
a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas
persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade
corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de
Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos
fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma
Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas
(algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde
a frescura dunha vida que acolle a
xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.
Oración
Canté, meu Deus,
se con Xesús fose unha miguiña o
teu servo/a,
o teu elixido/a, o teu amado/a, a
túa regalía!
Canté, meu Deus,
se soubese acoller o Espírito que
pousas sobre min,
para me facer persoa de paz e de
xustiza en todo!
Canté, meu Deus,
se soubese evitar berros,
discusións, palabras ocas,
e me envolveses no teu silencio
atento, solidario!
Canté, meu Deus,
se soubese acompañar e acariñar
toda vida en risco de non ser,
de apagarse, de desaparecer
á espera viva do seu
florecemento!
Canté, meu Deus,
poder ser contigo, un chisquiño a
lo menos,
un reflexo da túa esperanza
para quen bata comigo!
Canté, meu Deus, canté!
Acción
Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa
innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Cómo
reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou
combatémola porque nos rompe esquemas?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.