7 de
xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 1-12.17-20
Daquela designou
o Señor a outros setenta e dous e mandounos de dous en dous por diante del a
todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben
boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que
mande xornaleiros para a sega. Ide e sabede que vos mando coma años entre
lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, non vos paredes a parolar
con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide:
“Paz a esta casa”. E, se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz;
se non a hai, volverá convosco. Permanecede na
mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao
seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vida e vos
acollan, comede do que vos dean, curade os enfermos que haxa e dicídelles: “Xa
chega a vós o Reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na vila na que
entredes, saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa vila nin o po
que se nos pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa chega o reino de
Deus. Asegúrovos que o día do Xuízo será máis doado de levar para Sodoma do que
para aquela vila.
Cando volveron
os setenta e dous dicían con moita alegría:
—Señor, aínda os
demos tamén se nos someten no teu nome.
El
contestoulles:
—Eu vía a
Satanás caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e
máis alacráns, e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo,
non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádesvos, máis ben,
de que os vosos homes estean escritos no ceo.
Meditación
Xesús
ensináballes ás persoas que o acompañaban cousas sinxelas, pero ben prácticas,
que nos valen tamén para as persoas que hoxe seguimos soñando cos soños de
Xesús. Por exemplo, ter en conta que nos manda “coma años no medio de lobos”. É
dicir, que falemos e vivamos o de Deus con mansedume, sen ningunha violencia,
nin imposición, nin ameazas, nin nada parecido. Tanto cando somos ben
acollidas, como cando non o somos. Tanto cando nos abren as portas, como cando
nos dan con elas nos fociños. Xente de paz, na boca e no corazón. Houbo e hai
moitas veces exceso de ameazas na linguaxe e na práctica relixiosa. Deus propón,
non impón. Deus ofrece, non obriga. A Deus non lle vai a xente obrigada, senón
as persoas que desexan as cousas de Deus, porque descobren o bo gusto de vivir
nas ondas do amor, do servizo, dos coidados, coas persoas, coa natureza, cos
animais. Ao oír iso de sermos “coma años no medio de lobos”, pensamos máis nos
feroces lobos –por suposto, os lobos sono sempre os outros, non nós— ca nos
mansos años, que si debemos ser nós.
Xesús ensínanos
a non andar nas cousas de Deus e no servizo ao pobo pola comenencia, polos
cartos, por facer carreira, senón con pobreza. Xesús, coma o Papa Francisco,
quere que sexamos unha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre. Sen orgullo, sen
vana gloria, Xesús invítanos a ser persoas que co noso estilo de vida lle
paremos os pés aos que se din servidores do pobo, pero logo vemos que o que
buscan é encherse de cartos, de poder, de prestixio idiota. As comunidades
cristiás estamos chamadas a ser escola de servidores sen comenencias. Sen saco,
sen alforxa, nin calzado sequera, dicía Xesús. Sen ningún signo de posesión, de
acumulación, que rompa o soño igualitario, fraterno, de Deus.
Oración
Señor, Señor,
polo teu amor!,
xornaleiros,
xornaleiras,
homes, mulleres
de acción,
que enchan
cidades e aldeas
da alegría do
teu don.
Señor, Señor,
polo teu amor!,
xente mansa,
xente humilde,
arriscada e con
paixón,
que ofreza sen
violencias
a túa
liberación.
Señor, Señor,
polo teu amor!,
pobres de corpo,
de mando
e coa paz no
corazón
petando ás
portas da xente
compartindo
canto son.
Señor, Señor,
polo teu amor!,
con casa e mesa
de irmás,
á voz prestando
atención
de quen ri e de
quen chora,
de quen alza o
seu clamor.
Señor, Señor,
polo teu amor!,
loitadores,
loitadoras,
con humildade e
vigor
sen achicarse
ante os grandes,
sen ceder á
tentación.
Señor, Señor,
polo teu amor!,
alegres,
agradecidas/os,
sen buscar
admiracións,
sabendo que ti
es a forza,
ti, só ti, a
salvación.
Acción
¿Participamos
nalgunha tarefa civil ou eclesial que leve á construción dunha terra nova ao
estilo de Deus, ao estilo de Xesús? Se non o facemos, ¿de que maneira
poderiamos empezar a facer algo, como mandados/as polo mesmo Xesús?
8 de
xullo: luns da 14ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 18-26
Nunha ocasión,
mentres Xesús lle falaba á xente, apareceu unha persoa importante que se
prostrou diante del e lle dixo:
—A miña filla
acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
Ergueuse Xesús e
seguiuno cos seus discípulos. Nisto, unha muller que padecía hemorraxias dende
había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, dicindo
para si:
—Se lle dou
tocado a roupa, xa curo.
Xesús virouse e
ao vela díxolle:
—¡Ánimo, filla,
a túa fe sandoute!
E dende aquel
instante a muller quedou curada.
Ao chegar Xesús
á casa do home aquel importante, viu os frautistas e máis o barullo da xente e
dixo:
—Apartade, que a
rapaciña non está morta; a rapaza dorme.
A xente ríase
del. Pero el botou para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E
ela ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda.
Meditación
O día 1 de
xullo, domingo 13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que
contados polo evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos
a ver o fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de
solidariedade, mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a
intervir. Xesús que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental
a fe de quen con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o
corazón, a vida, coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos,
convertendo en vida o que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era
recoñecido e admirado Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen
milagres Xesús era o que era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos,
recuperacións, vida. Xesús realmente daba gusto.
Oración
Impós a túa man
sobre nós, Xesús,
porque iso é
sempre o teu.
Mans cheas de
bendicións,
porque ti eras e
es todo bendición.
Mans cheas de
perdón,
porque ti mesmo
eras e es o perdón de Deus.
Mans cheas de
alentos,
porque o
Espírito de Deus corría polas túas veas.
Mans cheas de
curación,
porque curador
da humanidade aceptaches ser.
Mans cheas de
vida,
porque en ti ata
a mesma morte se fixo vida.
Impón a túa man
sobre nós, Xesús.
Acción
Podemos mirar se
nós, como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar
próximos ás persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que
poderemos mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.
9 de
xullo: martes da 14ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 32-38
Nunha ocasión
presentáronlle a Xesús un mudo endemoñado. E así que lle botou o demo fóra, o
mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
—Nunca tal cousa
se viu en Israel.
Pero os fariseos
dicían:
—Bota os demoños
co poder do xefe dos demoños.
Xesús percorría
todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino
e curando toda enfermidade e doenza.
Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque
estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolle
aos discípulos:
—A anada é ben
boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que
mande xornaleiros á súa ceifa.
Meditación
Este pedaciño de
Evanxeo permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de
Xesús: un sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que
andaba machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que
lles valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a
compaixón convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo
o que podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel
nunha crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con
indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así;
incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo;
en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes
como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación
calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas
que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen
tendo actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de
vida arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de
Deus. ¿Que facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos
dicimos?
Oración
Unha cousa me
pides, meu Deus,
unha cousa
soamente:
que a vida non
me sexa indiferente.
Que o corazón
non se me encolla,
que os ollos non
se pechen
ante a miseria
evidente.
Que non vexa
como normal
o que é absurdo,
repelente.
Que sinta, ame e
me una
a quen soña
diferente.
No teu nome, meu
Deus,
ou no nome do
que queira ou de quen queira,
pero nunca,
nunca, indiferente.
Acción
As persoas e
países europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Que
resposta lle dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De
que forma concreta estamos colaborando?
¿Somos sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?
10 de
xullo: mércores da 14ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 1-7
Unha vez Xesús
chamou os doce discípulos e deulles poder para que botar os espírito malos e
para curar toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o
primeiro Simón, chamado Pedro, e máis André, seu irmán, Santiago o do Zebedeo e
máis Xoán, seu irmán; Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de
impostos, Santiago o de Alfeo e máis Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o
mesmo que o entregou.
A estes doce
mandounos Xesús con estas instrucións:
—Non vaiades a
terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide mais ben ás ovellas
perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades, proclamade que xa chega o reino dos Ceos.
Meditación
Cada un, cada
unha no noso grupo, comunidade ou parroquia temos un nome particular, unha
historia propia, un xeito de ser, unhas calidades especiais, nunha variedade
que nos singulariza e enriquece a todo o conxunto. Iso é ser comunidade. E a
esta comunidade que hoxe nós somos tamén Xesús nos envía a proclamar que o de
Deus xa está aquí, no medio de nós, que o podemos percibir na vida e nos feitos
doutras persoas, e que o podemos poñer en evidencia co noso estilo de vida, cos
nosos feitos. Onde hai melloría para os seres humanos no corpo e no espírito
hai reino de Deus. Non se entende anunciar e traballar polo reino de Deus sen
esa implicación en todo o que leve conforto e alento á xente, sobre todo á máis
vulnerable.
Oración
Conto contigo,
Xesús,
sen ti, sen o
teu Espírito
son incapaz de
levar adiante a tarefa
que me propós,
a min e á
comunidade da que formo parte.
Que unha cousa
son as ideas,
e outra a disposición
firme para darlles vida.
Oio no me
interior que me dis:
a miña forza
tela asegurada;
eu tamén conto
contigo.
Acción
Podemos pensar
en que cousas concretas de conforto e alento da xente estamos nós anunciando o
mundo novo de Deus polo que Xesús loitou ata a morte. ¿Podería eu facer algo máis, dadas as miñas
particulares calidades e habilidades?
11 de
xullo: xoves da 14ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Bieito, patrón de
Europa.
Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle
Pedro a Xesús:
—Pois nós
deixámolo todo e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos
que, cando cheguen os novos tempos e o
fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes,
sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel
que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu
nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.
Meditación
A Bieito de
Nursia (480-547) tocoulle vivir nun
momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos
centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV,
pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen
demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”,
reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura
dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe
solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato
influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción
de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós;
fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a
organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa
empresa.
O alento
monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o
baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e
se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O
silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a
vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.
Oración
Seguirte, Xesús,
saír da rutina e
seguirte.
Sen deixarse
envolver
polo balbordo do
mundo,
polos seus
cantos de serea,
polas súas
promesas fofas.
Seguirte, Xesús,
simplemente
seguirte,
nun claustro ou
na casa,
de monxa ou de
labrega,
no mar ou en
terra,
coa familia, na
empresa,
sa ou enferma.
Seguirte, Xesús,
co silencio
necesario,
coa palabra
amigable
co berro de
protesta,
sempre con
humildade,
sempre con
dispoñibilidade.
Seguirte, Xesús,
seguirte de
cerca.
Acción
Sería un bo día
para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen
rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo)
e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en Trasmañó
(Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado
(A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos
ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior
fidelidade cristiá.
12 de
xullo: venres da 14ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 16-23
Naquel tempo
díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Vede que vos
mando coma ovellas entre lobos! Así que sede
prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa
xente, porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E
pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de
min diante deles e dos pagáns.
E, cando vos
entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque
naquela hora hásevos inspirar o que tendes que dicir. Non sodes vós os que
falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá
irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien
a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que
persevere ata o final, salvarase. Cando vos persigan nunha vila, fuxide a
outra, porque de certo vos aseguro que non acabaredes de andar as vilas de
Israel antes de que veña o Fillo do Home.
Meditación
Este pedaciño de
Evanxeo está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no
medio do mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está
pasando hoxe no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América
Latina. Xente cristiá que é asasinada
por ser cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos
que aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos
xente moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza,
aínda que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a
conciencia fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por
estarmos tan metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos
cadren máis os avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois
andamos entre quen estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus;
“sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden
coar por todos os lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña
causa”, por “dar testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social,
política ou mesmo relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o
voso valedor sempre. “Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia
concreta tamén, está aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.
Oración
No mundo,
contigo, coma
ti,
pero sabéndonos
ovellas entre lobos.
No mundo,
pero sinxelas
coma pombas e astutas coma serpes.
No mundo,
pero tendo
coidado coa xente crida no sistema
e co sistema que
vai dentro de nós mesmas.
No mundo,
pero comprometéndonos
a fondo coa túa causa,
dando testemuño
de ti con humilde ousadía.
No mundo,
pero sen
deixarnos levar pola angustia.
No mundo,
pero confiando a
fondo no teu Espírito
que guiará os
nosos feitos, as nosas palabras.
No mundo,
pero soñando
cunha terra nova, cun ceo novo
no nome do Deus
comprometido coa vida.
Acción
¿Estamos tendo
algún tipo de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen
eses conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Como levamos eses
conflitos?
13 de
xullo: sábado da 14ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 24-33
Naquel tempo
díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Un discípulo
non é máis ca o seu Mestre, nin un servo é máis que o seu Señor. Abóndalle ao
discípulo chegar a ser coma o seu Mestre, e ao servo, coma o seu Señor. Se ao
dono da casa lle chamaron Belcebul, ¡canto máis aos criados!
Pero non lles
teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin
cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á
plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades
medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a
aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se vende un par de pardais
por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso
Pai. Pois vós ata os pelos da cabeza tendes contados. Así que non teñades medo,
que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva
por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai
celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu
Pai celestial.
Meditación
A insistencia de
Xesús hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non
teñades medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que
se implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en
contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo
sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte—
coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que
certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo,
non abundan.
Os nosos medos
normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a
primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar.
Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida:
traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿como chegar a vivir esa
experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do
xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede
ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos situar
na vida. E ante que promesas e boas venturas.
Oración
Chégame, chégame
abondo, Xesús,
con ser servo
que imita o seu Señor,
ai, canté!
Chégame, Xesús,
con vivir na
limitación e na confianza,
á espera da luz
sobre a miña
propia persoa,
sobre tantas
cousas da vida que me desbordan.
Chégame, Xesús,
con non ter medo
a quen me pode
amolar de mil maneiras,
pero nunca
poderá violarme no meu íntimo,
onde Deus
garante eternidades.
Chégame moito,
Xesús,
con saber que
ata os pelos da miña cabeza
están todos
contados… e coidados,
porque eu, coma
calquera outro irmán ou irmá,
sexa crente ou
non,
somos cousa
preciosa para Deus.
Chégame, chégame
abondo, Xesús,
ser algo, un
chisquiño coma ti.
Acción
Podiamos hoxe
pensar un pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Que facemos con
eses medos? ¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a
eles? Sería ben apropiado poder falar disto en grupo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.