19 setembro, 2019

Tempo Ordinario: 25ª semana




22 de setembro: domingo 25 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 16, 1-13
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamouno e díxolle: “¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido”.
O administrador púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!”.
Vai e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle debes ao meu amo?”. El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois preguntoulle ao segundo: “¿Ti canto debes?”. Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.
O amo loou a aquel administrador inxusto polo xeito raposeiro co que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles que os fillos da luz.
Por iso eu avísovos:
—Facede amigos coas riquezas inxustas, para que, cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E, se no alleo non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro, ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.


Meditación
A presenza e o uso do diñeiro nas nosas vidas é unha das cuestións fundamentais do desenvolvemento humano, persoal e social; moitas ansias nosas de cada día andan ao redor da forma de gañar e de administrar o diñeiro.
Que pistas nos dá Xesús para acertar na adquisición e no uso do diñeiro? Xesús ofrécenos dúas pautas para acertar nesta complexa cuestión. A primeira e fundamental é que o diñeiro non encha o corazón, a vida; que non o poñamos como obxectivo básico da nosa existencia. Un non nace para facerse rico/a, por moito que ese pareza ser o obxectivo de moitas vidas. Un nace para a felicidade, que implica ter de que vivir con dignidade, pero que se realiza sobre todo na experiencia de ser persoa amada, respectada, por Deus e pola xente, na experiencia de sentirse integrado/a nun proxecto común de irmandade. Se escoitamos ben o noso corazón, se lle facemos caso ás experiencias que na vida nos van dando realmente paz e satisfacción, vemos que as cousas van por aí e non polo lado do poder e dos cartos. Que lugar están ocupando os cartos nos obxectivos da miña vida?
A segunda pista que Xesús nos ofrece depende da anterior. Os cartos están ao servizo da nosa felicidade permitíndonos vivir cando menos con pobreza digna, e converténdose nas nosas mans nun instrumento precioso para fomentar o coidado, a solidariedade coa xente que precise de nós. Así o diñeiro permítenos entrar nas moradas santas da xustiza solidaria, que é onde se encontra Deus e onde nós nos atopamos coa nosa identidade máis auténtica, coa nosa felicidade polo tanto. E aquí é onde se nos pide imaxinación, para que no momento presente poidamos facer dos nosos bens, persoais ou comunitarios, instrumento de solidariedade firme. Por exemplo, o Papa hai uns días incitaba á Igrexa a converter os conventos pechados en fogar para inmigrantes. Algo no que as persoas e comunidades cristiás, nos poderíamos distinguir: na creatividade para inventar maneiras de compartir bens e de incitar ao mesmo. Cáritas faino en boa medida. Todos somos moi desconfiados con isto dos cartos; soamente os exemplos claros desmontan esas desconfianzas e nos axudar a abrir os petos.

Oración

Quen nos liberará, meu Deus, quen,
dese fondo apego a ter e posuír,
a encher ata rebordar os nosos fardos,
nun afán tolo por atopar seguridades
ante todo o posible e imposible?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos abrirá os ollos, quen,
para descubrir a gloria de non ter,
a ledicia e a paz de andar no pouco,
a saborosa potencia do pequeno
para facer vidas nutridas e redondas?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Quen nos acenderá o corazón, meu Deus, quen,
para entender que nada é meu e todo é noso,
que se humanizan os bens cando se ofrecen,
e se enchen as vidas que converten
en pan común os propios soños?
Quen senón ti, meu Deus, quen?

Acción
¿Qué peso teñen os cartos na nosa vida? A parte de cubrir con eles unha vida digna, ¿dispoñemos tamén deles para algún proxecto comunitario a favor da xente máis desfavorecida? Se non o facemos, igual podiamos dar algún paso por aí.


23 de setembro: luns da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 16-18
Unha vez díxolle Xesús á xente:
—Ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón que  o pon nun candeeiro para alumar así as persoas que entren. Porque non hai cousa oculta que non chegue a saberse, nin segredo que non chegue a descubrirse e facerse público. Así que atendede a como escoitades, porque a quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que cre ter.

Meditación
“A quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que ten”. Palabras de Xesús que hai que entender ben. Non fala aquí de que, distribuíndo os bens, as riquezas, se lle teña que dar máis a quen xa ten, e quitarlle a quen non ten o pouco que poida ter. Sabemos de sobra que Xesús apostaba xustamente polo contrario, polo compartir, dándolle preferencia á xente máis débil sempre.
Esa frase, logo, quere dicir que, se temos unha actitude acolledora cara a palabra de Xesús –e tamén cara a calquera palabra humana que nos poida iluminar--, daquela a nosa vida medrará en toda clase de ben, ampliarase para acoller a quen nos rodea, iluminarase para descubrir as nosas zonas escuras, farase feliz e resplandecente, para nós e para as persoas que nos poidan rodear na vida. Deus é luz, transparencia, inocencia, verdade. Deus ilumina e aclara o noso corazón. Deus dános a encomenda de sermos tamén nós luz; luz humilde, agradecida, pero luz. Quen non está aberto á luz, a calquera luz, perderase na escuridade.

Oración

Que gusto dá a luz, meu Deus,
que gusto dá a luz!
Que gusto dá
andar coa vida iluminada, ao descuberto,
sen agachar nada ante ti, meu Deus
--imposible!--,
sen agachar nada ante ninguén!
Que gusto dá
vivir na inocencia, na transparencia,
na humildade,
exhibindo á luz do día,
as propias luces, as propias escuridades!
Que gusto dá
vivir na transparencia
ante ti, meu Deus,
ante toda a xente que nos rodee!
Que gusto dá, meu Deus,
recibir e agradecer a túa luz
e facernos luz para compartila!
Grazas!

Acción
Ás veces relacionámonos na vida desde os chismes, os segredos, as murmuracións polas costas, a falla de claridade, que non o saiba fulano etc. Normalmente este funcionamento enturba as relacións, agocha as verdades e non axuda a ninguén. ¿Estamos envolt@s en algo disto? ¿Poderiamos relacionarnos máis desde a transparencia, calando, iso si, cando o respecto nolo esixa?


24 de setembro: martes da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 19-21
Unha vez viñeron onda Xesús a súa nai e máis os seus irmáns, pero debido á moita xente non se podían achegar a el. Entón avisárono:
—A túa nai e máis os teus irmáns están fóra e quérente ver.
El respondeulles:
—A miña nai e máis os meus irmáns sono as persoas que escoitan a palabra de Deus e a levan á práctica.

Meditación
Xesús non renega da familia, pero entende que a familia non o é todo, non é o máis importante. A súa postura vital era escandalosa para aqueles tempos, nos que a familia tiña unha forza especial na traxectoria dunha persoa. Hoxe somos xente máis autónoma, pero aínda así a familia segue a ser algo ben importante dentro do noso desenvolvemento persoal e social.
Xesús, sen desentenderse da familia, móvese empuxado por razóns distintas dos lazos familiares da carne e do sangue. El descubriu unha nova familia maior formada por un Pai ou Nai, que é a fonte xenerosa de todo canto somos e temos; ante el toda a realidade creada (natureza, minerais, vexetais, animais, seres humanos) formamos unha ampla e intensa fraternidade, que se desenvolve ben cando está atenta a esa palabra fonda que resoa en todos os seres e nos leva a respectarnos, a amarnos, a servirnos, con humildade, sen prepotencias, buscando sempre o ben común. Escoitar e practicar esa palabra vai creando uns lazos moito máis fortes que os da simple carne e sangue.

Oración

Quero sentirme irmán, irmá
da terra, da auga e do vento,
a quen tanto, tanto  lles debo.
Quero sentirme irmá, irmán
de todos, todos os animais,
sexan ou non animais domésticos.
Quero sentirme irmán, irmá
de todos os home e mulleres do mundo,
sexa cal sexa o seu sangue, o seu credo.
Quero sentirme irmá, irmán
da xente máis débil e empobrecida
que me fan ser irmá(n) moi de certo.
Quero sentirme irmán, irmá
ao abeiro da Fonte e Alento da vida,
irmá(n) no presente, no eterno.

Acción
A familia é un tesouro. Pero éo sobre todo cando nos capacita para saír, para voar, para sermos nós, para abrirnos a familias maiores. ¿Cómo estamos vivindo a nosa realidade familiar? ¿Vémonos en algo como persoas sometidas pola familia? ¿Vemos que o meu mesmo servizo á familia me está ancheando o amor, o corazón, a capacidade de saír de min mesma(o), e ser así máis universal?


25 de setembro: mércores da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 1-6
Un día Xesús convocou os Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma, avisándoos:
—Non levede nada para o camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos acollan, ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.

Meditación
Xesús tamén conta connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós, homes e mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente cousa de clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós somos comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que pertenzo, non é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo me fai falla e punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas nos dan. Somos a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de Deus e da vida, descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e gústanos vivilo, gustalo e compartilo con outra xente.
Xesús indícanos as formas de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e compartir; humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a facer ningún negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre todo, arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.

Oración

Xa o sei, Xesús, xa o sei,
non podo anunciar con convencemento
o que non vivo con paixón.
Non podo transmitir como Boa Nova
o que a min non me aleda o corazón.
Non podo falar de ti afervoadamente
se non tremo ao pronunciar o teu nome.
Non podo anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar en humildade e pobreza,
mentres alá no fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame que contases comigo.
Grazas.

Acción
¿Estamos participando dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e que tamén nos encomenda a nós?  ¿Podemos sinalar algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con algún servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?


26 de setembro: xoves da  25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 7-9
Sucedeu que o tetrarca Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois había algunhas persoas que dicían:
—Resucitou Xoán de entre os mortos.
E outras persoas:
—Apareceu Elías.
E outras:
—Resucitou un dos antigos profetas.
Pero Herodes dicía:
—A Xoán mandeino eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a maneira de ver a Xesús.

Comentario
Posiblemente sexamos moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos, revólvenos, inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos… Algo diso lle pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade tan atractiva e tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de aproximación á súa persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten habido que así o fixo e alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi collendo a súa vida? Pois parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña ganas de facer esta experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún paso? Hai xente, hai comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que nos poden botar unha man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden contar o que Xesús lles aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un encontro con el. Por que non probar, a ver?

Oración
Buscar a maneira de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar parada, agardando sen máis
a que a casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer, revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos e lugares
onde quen me precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos teus Evanxeos,
na miña vida, nas cousas da vida,
na vida da xente máis empobrecida,
uníndome á comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar, escoitar,
abrir os ollos do corazón para verte
e deixarme asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que te amosas).
E que sexa o que Deus queira, Xesús,
que sexa o que Deus queira.

Acción
¿Estamos facendo algo por avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na perplexidade cara a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen ousar experimentar en por nós o encontro con Xesús? ¿Cómo poderiamos dar algún paso neste camiño?


27 de setembro: venres da 25ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 9, 18-22
Unha vez que Xesús estaba orando nun lugar apartado, acompañado polo grupo que o seguía de cerca, preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
—Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías, ou algún dos antigos profetas que resucitou.
Insistiu Xesús:
—¿E vós quen dicides que son eu?
Respondeu Simón Pedro:
—O Mesías de Deus.
Entón el prohibiulles terminantemente dicir nada a ninguén. E engadiu:
—Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados, que o executen e que ao terceiro día resucite.

Meditación
Xesús orando. Xesús dándolle voltas ante Deus ao que traía entre mans: ser un valedor da esplendidez e da misericordia de Deus con toda a xente, maiormente da xente máis vulnerable, pola razón que fose. Xesús ollando para o seu grupo de xente íntima, que non daba entrado  pola súa maneira servidora de entender a vida. Xesús que fai preguntas para que o seu grupo entenda, para que descubran presenzas novas de Deus que desconcertan. Xesús que lles abre o propio corazón, para compartir coa xente que o seguía de cerca o convencemento de que, se non somos persoas dispostas a sufrir pola causa de Deus, pola causa da xente empobrecida, é que non o entendemos a el. E non porque Deus se compraza no sufrimento de ningún fillo ou filla súa. Pero nada se reconstrúe, nada se renova, nada se resucita nas persoas e nos pobos e sociedades sen esforzo, sen aguante, sen sufrimento servidor e amoroso. E logo o silencio, para deixar que estas cousas vaian calando nas nosas entrañas. O silencio da xente no silencio de Deus. Para que o actuar da xente sexa tamén o actuar de Deus. Nós tamén estabamos alí.

Oración

Prohibiulles terminantemente falar.
Mandoulles calar.
Silencio.
Para non dar nada por entendido, por dixerido,
por asimilado,
por levado á vida.
Silencio.
Para evitar a verborrea inútil,
que non leva a nada,
que non convence a demais xente,
nin sequera a quen a pronuncia.
Silencio.
Para que as palabras cheguen ao fondo,
ás entrañas,
e se convertan en apegos entrañables.
Silencio para que Xesús tome corpo en nós,
para que nós tomemos corpo en Xesús, en Deus.
Silencio.

Acción
¿Quen está sendo Xesús para nós? ¿Parámonos algunha vez para ver se estamos asimilando algo do de Xesús? Por exemplo, ¿comprendemos que unha persoa cristiá non debería recear en sacrificarse polo común? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira?


28 de setembro: sábado da 25ª semana do Tempo Ordinario.

Evanxeo: Lc 9, 43b-45
Nunha ocasión, cando todo o mundo o admiraba polas cousas que facía, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Que vos quede isto ben gravado: ao Fillo do home hano entregar nas mans dos homes.
Pero eles non entendían o que lles quería dicir; non o daban descifrado, e non ousaron pedir que llelo aclarase.

Meditación
Lin hai poucos días esta frase saída da pluma de Luís Trigo Chao, un militante galego socialista dos anos 20-30 do século pasado, que tivo moito éxito social e que logo tería que fuxir ao monte e sería asasinado no ano 1947: “As revolucións non se fan con auga de colonias, senón entregando o sangue dos mellores fillos do pobo”. Xesús no seu momento diría algo semellante: “Tomade e comede, este é o meu corpo. Tomade e bebede, este é o meu sangue entregado por vós e polo mundo enteiro”. Salvando as grandes diferenzas –pero recoñecendo tamén as enormes similitudes--, un e outro, Luís e Xesús, advírtennos do mesmo: quen traballe por cambios substanciais na propia persoa e na sociedade, que conte con horas de conflito, de enfrontamento,  de sufrimento, de morte incluso; e iso por moito que haxa momentos de éxito, gloria e recoñecemento, que os haberá.

Oración

Nas horas crúas da noite, Xesús,
un chisco da túa luz.
Nas horas do enfrontamento,
algo do teu alento.
Nas horas da turbación,
a túa confirmación.
Cando cheguen os desprezos,
a graza do teu aprezo.
E, se a cousa acaba en morte,
que a túa paz nos conforte.

Acción
Case instintivamente fuximos do conflito, e, cando as cousas se complican un pouco en calquera acción comunitaria na que participamos, con frecuencia renunciamos a seguir. ¿Estanos pasando algo así nalgún campo? Podiamos dar algún paso seguindo o talante de Xesús, o noso Mestre?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.