29 de
setembro: domingo 26 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 16, 19-31
Nunha ocasión
díxolles Xesús aos fariseos:
—Había un home
rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días
espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo
cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do
rico, e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que
morreu o pobre e levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono.
Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a
Abraham e máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: “Ai, pai
Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e
refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume”. Pero Abraham
contestoulle: “Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres
Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nos
e vós hai un abismo insuperable, de xeito que dende aquí non se pode pasar onda
vós, nin dende aí se pode vir onda nós”. Entón el insistiu: “Daquela, pai
Abraham, suplícoche que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns,
para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos”. Pero
Abraham respondeulle: “Xa teñen a Moisés e os Profetas, que lles fagan caso a
eles”. El volveu insistir: “Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; mentres
que se un morto vai onda eles, seguro que se converterán”. Pero Abraham
replicoulle: “Se a Moisés e máis aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo
farán nin a un morto resucitado”.
Meditación
É doado pensar
con quen se correspondería hoxe a figura do rico tan luxoso e do pobre famento
e abandonado que está á súa porta. Podemos ser persoas ou grupos sociais ou
países os que os representamos.
O evanxeo debuxa
as consecuencias da falla de solidariedade cun cadro simbólico do máis alá, que
non hai que tomar ao pé da letra na descrición do ceo e do inferno, pero si na
claridade coa que anuncia as consecuencias destrutivas para a vida da persoa
que é capaz de pasar mañá e noite por diante do famento (famento de calquera
fame) que xace á súa porta, e nin se lle conmoven as entrañas, nin se lle
alonga a man, nin a imaxinación se lle acelera para ver como pode facer para
que deixe de pasar o que ve que está pasando. Todo isto ten un nome dramático:
indolencia, que é xustamente o contrario do que caracteriza a Deus: a
“dolencia”, a condolencia, a misericordia entrañable. Por iso a indolencia nos
arreda tan a fondo de Deus, máis que calquera falta contra a relixión, moito
máis ca calquera xuramento ou cousas tales.
Para ver, logo,
se como persoas ou como comunidades andamos na onda de Deus, na onda de Xesús,
un test elemental, básico, simple, é este: dóenos a xente? Dóenos a xente
fráxil concreta coa que batemos na vida? Facemos algo por ela? Facemos algunha
caridade? Ademais da caridade, intentamos facer xustiza, colaborando para que
os sistemas sociais cambien, de xeito que cada vez haxa menos pobres, cada vez
haxa un reparto mellor dos bens da terra? Xa coñecemos o dito famoso de Herder
Cámara: “Se dou comida a un pobre, chámanme santo; pero, se pregunto por que é
pobre, chámanme comunista”. Ante as urxencias, é necesario facer caridade; pero
a caridade mesmo pode ser un insulto para Deus e para a xente pobre, se vale
para frearnos na participación social, política, que permita cambiar as formas
inxustas da sociedade, que causan as pobrezas.
Oración
Bendito Lázaro,
benditos todos
os Lázaros,
toda a xente pobre,
toda a xente
marxinada ao pé da abundancia e o gasto alegre,
non por ser
pobre,
senón por ser
obxecto da túa ollada entrañable
e por telos
convertido, Deus,
en xuíces do
mundo, da historia,
nos nosos mesmos
xuíces!
Maldita a
riqueza, a abundancia e o gasto alegre
que pecha os
ollos e o corazón,
que non sabe
alongar a man e compartir,
que pretende
festa e esmorga,
mentres tres
cuartos da humanidade morre de fame
ao pé mesmo da
súa porta pechada!
Benditas as
persoas que son coma o can de Lázaro,
que lamben e
curan as súas feridas
--as túas
feridas, Deus--,
que acompañan as
súas soidades,
que calman os
seus desalentos,
que se fan voz
da súa protesta calada!
Maldita en
cambio a indolencia,
o pasotismo, a
indiferenza
de quen pasa,
ve, e segue ao seu.
ignorando a dor
humana que se esgota,
ignorando a
Deus, que nela se fai carne rota!
Bendita a dor, a
condolencia,
benditos os
corazóns brandos e os petos abertos,
benditos os
amores responsables,
que dan coa man
e pensan coa cabeza,
buscando cousas
e remedios dignos,
que coloquen a
cada quen no seu sitio:
de irmán a
irmán, de irmá a irmá,
no corazón de
Deus,
e na rúa de cada
aldea, vila ou cidade,
no corazón do
mundo!
Bendito Lázaro,
Deus!
Bendito Deus,
Lázaro!
Acción
¿Temos
dalgunha maneira a alguén ao pé da porta
da nosa casa, da nosa vida, demandando de nós atencións, afectos, servizos de
calquera clase? Seguro que podemos facer algo por atendelos.
30 de
setembro: luns da 26ª semana do Tempo Ordinario.
Evanxeo: Lc 9, 46-50
Unha vez as persoas que seguían a Xesús de cerca
empezaron a discutir sobre quen delas era a persoa máis importante. Xesús,
léndolles o pensamento, colleu pola man unha criatura, achegouna a si e
díxolles:
—Quen acolle a esta criaturiña no meu nome, acólleme a min, e
quen me acolle a min acolle a quen me enviou; porque a persoa máis pequena
entre vós esa é a máis importante.
Tomando entón a
palabra Xoán, dixo:
—Mestre, vimos a alguén que botaba demos fóra no teu nome e
tratamos de llo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo impidades, que quen non está contra vós, está
convosco.
Meditación
Querer ser a
persoa máis importante; que alguén sexa ou non sexa do noso grupo, do noso
país, da nosa raza ou cor, do noso credo, do noso pensamento político: velaquí
dúas realidades que condicionan moito os nosos comportamentos, a nosa busca de
benestar, nos tempos de Xesús e nos nosos, pois responden a un aquel humano que
permanece no tempo. Xesús sitúase, como moitas veces máis, contra corrente: a
obsesión por ser a persoa máis importante é absurda, pois rompe de raíz coa
chamada humana máis auténtica, polo tanto tamén divina, a vivir en
fraternidade; ante iso Xesús invítanos a vivir envolvéndonos no pequeno, no
fráxil, como o noso lugar natural. E ante o desexo de querer excluír a quen non
é do noso grupo, a proposta de Xesús, como tantas veces, é remitirnos aos
feitos de vida: o importante é que a xente sexa querida, atendida, coidada,
veña de onde veña a forza que anima a quen tal fai.
Oración
Apréndeme, Xesús,
a descubrir
contigo
a importancia do
pequeno,
do fráxil, do
vulnerable,
e a atopar aí
o lugar
privilexiado de encontro con Deus.
Apréndeme a
obsesionarme
por esa
experiencia elemental
que marcou a túa
existencia,
e que ti nos
ofreces
como camiño de
autenticidade cristiá.
Grazas, Xesús.
Acción
Se nos paramos
un pouco, non nos resultará difícil descubrir como moitas veces aspiramos ao
grande, a ser dos grandes, a intimar cos grandes. Tamén nos será doado
descubrir como tendemos a excluír do noso mundo a quen é distinto, non cre coma
nós, non pensa coma nós, non é do noso país ou raza… Collamos algún detalle
concreto e vexamos como cambiar niso o noso comportamento.
1 de
octubro: martes da 26ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo. Lc 9, 51-56
Cando se ía cumprir
o tempo de que a Xesús o levasen deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén.
Mandou mensaxeiros por diante, que entraron nunha aldea de samaritanos para lle
prepararen pousada, pero non o recibiron, porque se decataron de que ía cara a
Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres
que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse
e rifoulles. E foron para outra aldea.
Meditación
Santa Tareixa do Neno Xesús naceu en Francia no
ano1873. Sendo aínda unha nena, tivo experiencias relixiosas moi intensas, por
exemplo, cando fixo a Primeira Comuñón aos 11 anos. Despois de llo solicitar ao
mesmo Papa nunha audiencia, con 15 anos ingresou no Carmelo de Lisieux, onde
profesou con 17 anos. Morreu moi nova, 24 anos. Escribiu un libro, “Historia de
un alma”, unha autobiografía espiritual, no que podemos seguir a súa sinxela e
fonda traxectoria crente. Patroa das Misións desde o ano 1925, no 1997 foi
declarada Doutora da Igrexa. A súa achega á espiritualidade cristiá podémola
ver resumida no que se deu en chamar “infancia espiritual”. A súa profunda e
moi madura experiencia relixiosa viviuna nun marco de sinxeleza e confianza
absoluta en Deus, fuxindo sempre de calquera forma de vaidade e superando
importantes dificultades no seu camiño de fe. O seu camiño espiritual non é un
xogo pueril, senón a máxima madurez na máis grande simplicidade.
Oración
¿A que me invitas, Xesús,
co exemplo de
Santa Tareixiña?
¿A que nos
provocas
coa súa imaxe
fráxil e a súa curta historia,
repletas de vida
e de intensidade?
¿A que nos
chamas
coa súa
sorprendente madurez
rodeada de
inocencia e simplicidade?
Eu teño o meu
camiño,
cada quen ten o
seu camiño,
para o que ti te
ofreces como compañeiro fiel.
Non me pides
milagres,
pero si que vaia
madurando pouco a pouco,
mesturando
humildemente
o empeño persoal
coa confianza absoluta
en ti, Xesús, no
teu Espírito, no teu Deus,
no noso Deus.
Ben asentada no
anaco de terra e tempo
no que me toca
vivir.
Ben asentada en
ti,
coma unha
criaturiña no colo da súa nai.
Acción
O evanxeo de
hoxe e tamén a experiencia de Santa Tareixiña invítannos a rexeitar todo tipo
de violencia, tanto a que nós poidamos cometer contra persoas, animais ou
natureza, coma a que outras persoas poidan cometer contra nós. Pensamos e
cambiamos algo.
2 de
outubro: mércores da 26º semana do Tempo Ordinario. Memoria dos Santos Anxos
Custodios.
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10
Nunha ocasión achegáronse a Xesús as persoas que o
seguían máis de cerca para lle preguntar:
—¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por
unha criaturiña, púxoa no medio do grupo e dixo:
—Asegúrovos que se non cambiades e non vos facedes coma esta
criaturiña, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta
criaturiña será a persoa máis importante no reino dos ceos. E quen acolla unha
criaturiña coma esta no me nome, acólleme a min.
Coidado con desprezar a unha destas criaturiñas!
Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu
Pai celestial.
Meditación
Unha vez máis a alerta de Xesús contra o afán
mundano de buscar ser importantes a base de poder, de forza, de dominio, de
cartos. Outra vez a chamada de Xesús para que entendamos que ser importante é
poñerse no centro coa xente máis fráxil e fundirse con ela nunha aperta vital,
nunha disposición a servir, coa suma humildade, coa suma intelixencia que a
xente máis vulnerable se merece.
Así unhas persoas convertémonos para outras neses
anxos custodios, a través dos cales Deus mira con sumo respecto e consideración
polos seus fillos e fillas. As persoas máis vulnerables son algo absolutamente
sagrado para Deus, son os especiais anxos custodios de toda a humanidade; de aí
que todo o que teña que ver coa súa vida, co seu trato, coa súa dignidade está
especialmente presente aos ollos de Deus, ten suma importancia para el. E
deberíaa ter tamén para nós, para toda persoa que cre en Deus.
Oración
Grazas,
meu Deus,
por
todas as persoas que ao longo da miña vida
foron
sendo para min santos anxos custodios.
Amosáronme
moi realmente
a
túa presenza, compaña e protección,
grazas!
Grazas,
meu Deus,
por
esa incomprensible forza de ben,
por
esa inaudita chamada á irmandade, á xustiza, á unión,
que
misteriosamente se fai persistente en min
e
empuxa a miña vida,
a
pesar das miñas preguizas, covardías e egoísmos.
Ti
estás certamente aí protexendo,
grazas!
Grazas
polas criaturas máis fráxiles,
verdadeiros
anxos custodios da comunidade cristiá,
que
nos amosan o teu rostro
e
o camiño de luz que leva ao teu encontro.
Grazas!
Acción
¿Poderiamos sinalar algunhas persoas que foron ou
son coma anxos custodios para nós? Agradezámosllo dalgunha maneira. ¿Estamos
nós sendo coma anxos custodios para outras persoas vulnerables? Celebrémolo
tamén, para fortalecernos nesa tarefa.
3 de
outubro: xoves da 26ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 1-12
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas
persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a
onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe;
así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para
a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco,
nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes unha casa, antes
de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela
repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma
casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu
xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan,
comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega
a vós o reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na aldea na que entredes,
saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa aldea nin o po que se nos
pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa chegou o reino de Deus.”
Asegúrovos que o día aquel será máis suave para Sodoma do que para esa aldea.
Meditación
Amósasenos o primeiro plan de evanxelización levado
a cabo polas primeiras comunidades cristiás seguindo as palabras e o estilo de
Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente, que merece atención; moita xente hai
precisada desa abundancia de Deus. Oxalá se multiplicasen os homes e mulleres dispostas
a facer florecer tanto ben! Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza
nunca un negocio en nada. Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer
vínculos fraternos, dando e recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as
nosas ideas, implicándose nos problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen
nos desprece.
Oración
Señor, Señor,
amo, sementador
e das colleitas
da vida
absoluto
coidador!
Velaquí as miñas
mans,
o meu empeño e
amor;
velaquí o meu
desexo
de estar
contigo, a carón
nas loitas nas
que ti loitas
por un mundo
máis mellor:
Que a vida
abunde e floreza
onde a vida é
escaso don.
E que abunden as
obreiras
que a traballen
con paixón.
Acción
Fan falla
xornaleiros xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos
colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e
colaborar algo máis?
4 de
outubro: venres da 26ª semana do Tempo Ordinario. Memoria de San Francisco de
Asís
Evanxeo: Lc 10, 13-16
Nunha
ocasión dixo Xesús:
—¡Ai
de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os
milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que farían penitencia, cubertos
de saco e de cinsa. Pero o día do xuízo será moito máis doado de levar para
tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensar que vas chegar ata
o ceo? ¡Afundiraste no abismo!
Quen
vos escoita a vós, escóitame a min, e
quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a
quen me mandou.
Meditación
Hoxe andamos ás voltas tamén coa evanxelización.
Estamos necesitados de volver ás propostas de Xesús, aínda que teñamos que
adaptalas aos nosos tempos. Francisco de Asís (1182-1226), laico, a quen
recordamos hoxe, foi un gran evanxelizador. Ante unha Igrexa que optara polo
poder, ante unhas comunidades de monxes arredadas do pobo, con grandes
dominios, grandes mosteiros e grandes bibliotecas, optou pola pobreza, por
vivir en vivendas pobres a carón da xente, compartindo as súas carencias, coa
paz como lema e recurso, nunha fondísima irmandade con todo, coa natureza, cos
animais, coa xente, incluso coa xente inimiga. O noso Papa escolleu para si o
nome de Francisco, recordando a este santo, pensando que a súa maneira de vivir
e ofrecer o Evanxeo era moi necesaria no noso tempo tan precisado da frescura e
do vigor do Evanxeo.
Oración
Con Francisco, meu Deus,
quero andar en camiños de irmandade.
Quero a irmandade que de ti nace, meu Deus,
como fonte e sustento de todos os meus pasos.
Por ser irmán, irmá,
aspiro a chegar a ser pobre,
pobre por dentro e por fóra,
pobre feliz,
porque canto máis un posúe máis protexe a posesión
e crea distancias coa xente.
Por ser irmán, irmá,
quérome persoa de paz,
persoa amiga, próxima, familiar,
persoa que traballa a paz a forza de paz e de
xustiza.
Por ser irmá, irmán, meu Deus,
quérome envolta coa xente nas súas festas e
amarguras,
levando o teu alento, o teu consolo,
regalándoo, como ti a min mo regalaches.
Por ser irmán, irmá,
quérome admirador das túas criaturas todas
e coidadora da casa común
onde todo o mundo vive en gran familia.
Que acolla o teu Espírito, meu Deus,
como Francisco o soubo acoller.
Acción
Na nosa sociedade hai moitas desigualdades e
tensións, moita falla de irmandade. Seguro que algo poderemos facer para que o
estilo de Francisco, que tanto nos cómpre, se vaia instalando entre nós, no
propio corazón, na familia, na parroquia, na sociedade.
5 de outubro: sábado da 26ª semana do Tempo Ordinario. Témporas de
agradecemento e de apertura aos dons de Deus
Evanxeo: Mt 7,7-11
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o
acompañaban:
—Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade
e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta
abriráselle.
¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou
filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha
cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza,
canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!
Meditación
Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras.
Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente
rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as
colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente
relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de
quen se consideraba que viñan todos os bens.
Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes
e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no
campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus
nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto
ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o
noso traballo para poder vivir do producido. Vémolo como quen nos empuxa a ver
o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran
fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e
a vivir do seu traballo.
Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con
agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e
compartindo os bens da terra.
Oración
Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,
guiada e empuxada por ti,
en ser persoa permanentemente aberta.
Aberta a ti, á xente, á vida,
ao teu Deus e noso Deus.
Que ben aprender ao teu lado, Xesús,
levada polo teu espírito,
a pedir, a buscar, a petar,
sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,
pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.
As mans ben concretas de moitas persoas,
as mans casuais da vida,
as mans sorprendentes de Deus
que guía e sostén todas as nosas mans.
Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,
neste outono de froitos e bendicións,
coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e
irmáns con quen comelo.
Grazas por tanto ben!
Acción
Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un
breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da
vida que está detrás de todo canto existe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.