09 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 28ª semana



  
13 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 17, 11-19
Unha vez, indo Xesús camiño de Xerusalén, cando pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle berrando:
—Xesús, mestre, ten dó de nós.
El, ao velos, díxolles:
—Ídevos presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que, cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
—¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra deste estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
—Érguete e vaite; salvoute a túa fe.


Meditación
O evanxelista Lucas é o único que nos conta este relato dos dez leprosos, dos que soamente un volve para darlle grazas a Xesús. O relato está moi traballado por Lucas, para axudarnos a ver dúas cousas; por unha parte que a xente máis débil e marxinada, coma os leprosos e leprosas naqueles tempos, é a que mellor pode demandar, recibir e agradecer o don de Deus; e por outra, que curiosamente unha persoa que non era considerada coma persoa relixiosa correcta –así se dicía dos samaritanos— é, sen embargo, a que mellor acolle o regalo de Deus, a que mellor o agradece; Deus non se ata a crenzas e relixións, a igrexas e teoloxías, peta no corazón de todas as persoas e calquera persoa, sexa do país ou credo que sexa, pode abrirlle a porta e gozar da súa presenza e da súa forza curadora, liberadora.
O evanxelista Lucas subliña a importancia do agradecemento. É de ben nacido ser agradecido, di o refrán. E ten razón. O ser humano, calquera home ou muller, todos, todas, somos o que somos grazas a unha chea de achegas que de mil maneiras diferentes, máis ou menos importantes, moitas persoas nos van facendo na vida. Como se di, neniño, neniña?, preguntaba o papá ou a mamá ou seu filliño/a, cando vía que alguén lle ofrecía algún galano. Como se di?, e non paraba ata que o neniño/a, ben aprendida, dicía: Grazas. Moi ben, así se fai, así se di. Dubidamos de que hoxe teñamos tanto esmero en ensinar a agradecer. Quizabes porque vivimos nunha sociedade na que se nos pide por riba de todo estar e ser indignados/as –e razóns non faltan para tal demanda--, quizabes por iso mesmo nos custe máis do normal saber xuntar o agradecemento coa indignación. E sería unha pena. ¿Non poderíamos ensaiar a indignación contra todo o que nos estraga e escraviza a vida, o que vai dentro de nós e o que anda por fóra, ao tempo que practicamos o agradecemento con todo aquilo, con todas aquelas persoas que nos axudan a vivir en dignidade, en comuñón, en fraternidade, entre nós, coa máis xente do mundo, coa natureza, axudándonos a ser o que realmente somos: persoas integradas, solidarias, unificadas?
Tampouco non é doado ser agradecido/a nunha sociedade na que todo o recibido é considerado un dereito, algo que se me debe, e ante o que, polo tanto, non debo mostrar agradecemento, senón unha especie de autocompracencia: non me dan, senón o que xa é meu. E dicimos tamén, non podiamos xuntar a defensa audaz dos nosos dereitos cun sentimento fondo de agradecemento, posto que aínda todo o que penso recibir coma dereito, a sanidade, por exemplo, é un dereito para min grazas á loita de millóns de cidadás, grazas á acción política de determinados partidos políticos, grazas á investigación de moitos profesionais, grazas a quen cabila nas estruturas sociais, grazas á natureza que fai posible a existencia de menciñas,  grazas a Deus que o sustenta e potencia todo.

Oración

Grazas, meu mestre, Xesús,
por estar na miña vida
ofrecendo sen medida
compaña, alento e luz
nas horas de noite e cruz;
ese amor teu entrañable
que me quere vulnerable
a tanta dor inocente
que trae amargura á xente
e quebranto interminable.

Graciñas, Xesús, graciñas,
por tantas cousas fermosas
nas que ti te nos amosas
coma unha nai que acariña,
coma unha doce menciña:
o ar, a auga, o pan trigo,
o sol, as fabas, os figos,
a conversa e a amizade,
todo o que sabe a irmandade,
as veciñas, os amigos...

Graciñas, Xesús, ledicia
polas persoas valentes,
as que nin ceden nin menten
na loita pola xustiza,
sen amargor, sen preguiza;
as que descansan soñando,
e logo espertan cantando
e nas súas mans graciosas
xuntan esforzos e rosas,
o mundo novo anunciando.

Acción
Estamos hoxe atentas/os a calquera don que a xente, que a natureza, que a vida nos faga chegar. Agradecémolo dalgunha maneira: cantando, rezando, compartíndoo coa xente que nos rodea.


14 de outubro: luns da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 29-32
A xente xuntábase ao redor de Xesús e el púxose a dicirlles:
—Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do home para esta xeración. A reina do Sur enfrontarase no xuízo con estes homes e fará que os condenen, porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está que é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.

Meditación
Cada xeración tenos o noso aquel, as nosas grazas e as nosas desgrazas. De común podemos ter esa resistencia a entender que Deus está totalmente por nós, por cada persoa humana que vén a este mundo, e polo mundo no seu conxunto que a acolle e a pode axudar a converterse nunha persoa integrada. O medo a Deus é unha gran desgraza. Xonás, contra o seu gusto primeiro, anunciaba a disposición sempre aberta e acolledora de Deus con todo ser humano. E ese é o único e principal sinal que de Deus nos dá Xesús. Desde dentro ou desde fóra da Igrexa parece que nos reina presentar a Deus como un ser irritable, avaricioso da súa gloria,  empeñado en subxugarnos, inaccesible, inhumano. Nada máis contrario ao ser de Deus, todo vida, todo benevolencia, todo inclinación servidora cara ao ser humano que somos nós.

Oración

Cantas veces, meu Deus,
me vexo a min mesmo con ollos turbios!
Cantas veces tamén
me fago o inimigo de min mesmo,
inculpándome, machucándome,
considerándome unha persoa indigna, desprezable!
Cantas veces, meu Deus,
te asocio a este triste oficio de condenación!
Quen puidese ver sequera
un levísimo reflexo do teu rostro,
do teu corazón,
para contemplarme a min mesmo
como ti me contemplas,
e curar de tanta tristura,
de tanta negritude!

Acción
¿Como vemos e sentimos a Deus na nosa vida? ¿Alguén que nos espía, alguén que nos xulgará, alguén que se desentende de nós? ¿Ou alguén que abraza e se deixa abrazar, sexamos como sexamos? Sería fermoso que falásemos con alguén destas posibles maneiras de entender e vivir a Deus na nosa vida.


15 de outubro: martes da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Tareixa de Xesús

Evanxeo: Mt 11, 25-30
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a quen o Fillo llelo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a miña carga liviá.

Meditación
O evanxeo de hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.
Escribiu varias obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500 anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente, representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos. Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi unha gran experta no acompañamento espiritual.
Estamos invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos. Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.

Oración
(oración de Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)

Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus basta.

Acción
Podiamos ler algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida.  Podiamos mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.


16 de outubro: mércores da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 42-46
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e deixades a un lado a xustiza e máis o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro.
Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas e porque vos fagan reverencias nas prazas! Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven e que a xente tripa sen se decatar!
Entón un mestre da lei tomou a palabra e replicoulle:
—Mestre, dicindo estas cousas tamén nos aldraxas a nós.
El contestoulle:
—Ai tamén de vós, os mestres da lei, porque botades enriba da xente fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!

Meditación
Segue o evanxeo coa súa crítica aos fariseos. Debemos dicir que non todos os fariseos eran así, aínda que a súa maneira de ver e de vivir a experiencia relixiosa levaba moito a ese tipo de historias que aparecen no texto. Ser moi minuciosos no que non ten tanta importancia e deixar de lado o realmente importante: a xustiza, o amor, a misericordia de Deus. O gusto por aparentar estando cheos de inmundicia. Poñer normas e normas, sen implicarse nas dificultades da vida da xente.
Calquera persoa relixiosa –tamén o pobo cristián— pode caer nestes absurdos que critica o evanxeo de hoxe. De feito hai moita xente das nosas sociedades que critica a Igrexa católica por cousas semellantes. Canto vestido e aparencia vana nos nosos líderes, nas nosas cerimonias! Pensemos no tema da pederastia; vaia sepulcro de podremia! É doado ver se estamos nós na onda de Xesús: se andamos pola vida con humildade, se nos doen as cargas que a xente ten que tolerar, sobre todo a xente máis vulnerable; se nos move o afán por andar en xustiza e en amor, para nós e para a xente que nos rodea. É tan doado andar acusando pola vida!

Oración

Que o meu corazón, meu Deus,
que a miña intención se centre en amar e comprender,
en verter amor,
en promover xustiza,
que na inxustiza sempre o débil sae malparado.
Que o meu esforzo se oriente sempre,
coma o de Xesús,
a aliviar cargas que pesan sobre os lombos da xente
e non a multiplicalas,
coas medidas cotiás da solidariedade,
cos recursos maiores da organización social.
Querer a xente,
coidar a xente,
consumirme pola xente,
con humildade sempre,
con decisión sempre.
Algo coma Xesús, meu Deus,
algo coma Xesús.

Acción           
¿Vémonos persoas apaixonadas pola xente que nos rodea? ¿Dóennos as penalidades que sofren, as inxustizas que soportan? ¿Dunha maneira ou doutra estamos ao seu lado? Se non o facemos, ¿como poderiamos mellorar niso, que é tan importante para unha persoa cristiá?


17 de outubro: xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 47-54
Nunha ocasión falou así Xesús, referíndose aos fariseos:
—Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais! Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais; eles asasinaron e vós facedes os panteóns.
Por iso dixo a sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros"; de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido dende a creación do mundo: desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o altar e o santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.
Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar aos que querían entrar.
E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron e encirralo, tirándolle da lingua, para ver se o pillaban no que dicía.

Meditación
Ditas para os letrados e fariseos, estas palabras ofrécensenos agora a nós como corrección e axuda. Que nos quere dicir Xesús a nós con estas palabras? É un aviso para os nosos líderes eclesiais (bispos, curas, frades, ...) que dalgunha maneira teñen, ou pretenden ter, a chave do saber, do coñecemento e da experiencia de Deus, do bo sentido da vida cristiá; ás veces cumpren ben con esa misión, pero cantas veces nin eles entran nese mundo marabilloso nin polo tanto facilitan que o pobo cristián entre! A xente normal da Igrexa, as persoas que chamamos laicas e laicos, ao tempo que podemos agradecer os servizos que o clero nos presta, tamén estamos chamadas a acceder por nós mesmas ao coñecemento e servizo de Deus, porque todas, todos somos xente bautizada, e, como tal, habilitada para ter trato persoal con Deus, para falar no nome do Deus co que tratamos, e mesmo para decidir sobre da marcha das comunidades cristiás. Todo en familia, todo en comunidade, aportando e respectando o servizo de cantas persoas facemos a comunidade.

Oración

Grazas, meu Deus,
por todas as persoas que me axudan
a coñecerte e a gustar de ti.
Grazas tamén
polas que me axudan a avanzar
polo camiño da adultez humana e espiritual.
Grazas por todos os momentos
nos que me alentas
para dar pasos de servizo
dentro da comunidade cristiá e fóra dela.
Grazas porque me chamas
a responsabilizarme da vida propia e comunitaria
e a gozar responsabilizándome.
Grazas porque me queres viva onda ti,
no medio do pobo.

Acción
¿Vemos cousas no clero que non nos gustan e criticámolas? Igual, no canto de criticar, podiamos ir falar coa persoa concreta e transmitirlle con calma as razóns do noso descontento.


18 de outubro: venres da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Lucas evanxelista

Evanxeo: Lc 10, 1-9
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén  polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación
Este texto saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.
Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.

Oración

Grazas, meu Deus,
por toda a xente que te vive con convencemento
e que logo, coa palabra ou coa escrita,
comparte connosco as súas experiencias.
Grazas polas persoas que non falan
senón do que previamente viviron.
Grazas, meu Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra e coa vida
nos recordan a persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa fonte de vida e de esperanza
de paz e de alento,
que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción
Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.


19 de outubro: sábado da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 8-12
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir; xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.

Meditación
A palabra non o é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente, ante Deus.
Se nos deixamos levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que grande pode ser a nosa desfeita!

Oración

Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos ofreces gratuitamente en todo momento.
Grazas porque con el apréndesnos
a falar cando conveña e como conveña,           
e a calar tamén cando conveña e como conveña.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos leva ata Xesús,
e nos permite recoñecelo como fillo teu,
e nos empuxa a querelo, a admiralo,
a intentar seguilo en todo canto poidamos.
Grazas porque, deixándonos levar por el,
fasnos libres e valentes
ante o mal que nace en nós,
ante o mal que maquinan os poderes inxustos deste mundo.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que tanto brillou en Cristo Xesús.

Acción
¿Vémonos con medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.