6 de
outubro: domingo 27 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 5-10
Nunha ocasión
rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a
fe!
O Señor
respondeulles:
—Se tivésedes
unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e
plántate no mar", e seguro que vos obedecía. E ¿quen de vós que teña un
criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da leira: "Entra axiña e
ponte á mesa". ¿Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa
de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e
beberás ti?" ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ao criado
por facer o que lle manda? Así tamén vós, cando fagades todo o que vos mande,
dicide: "Somos simples servidores; non fixemos máis do que tiñamos que
facer".
Meditación
Xesús, a través
do evanxelista, ofrécenos o que el mesmo viviu a fondo primeiro; máis ca
palabras, ofrécenos o testemuño da súa vida que foi así. E o primeiro é a fe. O
poderío da fe!, que Xesús recalca con esa comparanza provocativa: “Se tivésedes
fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: `Arríncate e plántate
no mar”; é difícil que se arrinque, pero mira que plantarse no mar! É dicir,
coa fe acádase aínda todo aquilo que pode parecer imposible. E cales poden ser
os desexos imposibles que se nos pasen pola cabeza, polo corazón, neste
momento? Poder superar ese defecto, ese pecado, que tanto me dana e tanto dana
a quen me rodea? Poder ter unha comunidade cristiá viva, acolledora, implicada
na vida, alegre, namorada de Xesús e do de Xesús? Unha sociedade nova, con
políticos saneados, co afán común por construírnos dando prioridade sempre ás
persoas e grupos máis débiles? Atoparlle saída á relación de parella bloqueada
por sabe Deus que historias? Poderme construír coma persoa, coma comunidade,
desde o amor, desde a solidariedade real? A fe non ten solucións para nada, non
é un consultorio político, comunitario, sentimental, non; pero dános un xeito
de ser, un marco de referencia, unha postura de fondo desde a que se poden
recorrer camiños insospeitados.
O exemplo que
pon Xesús na segunda parte deste evanxeo igual non nos gusta moito, porque
parece que normaliza unhas relacións laborais nada xustas, e xa estamos
fartos/as de que o nosos Goberno xogue canto queira cos nosos dereitos laborais.
Xesús bota man dunha práctica laboral normal naquel tempo, na que o criado era
criado para todo, as 24 horas do día. E de aí saca a súa ensinanza: nisto da
solidariedade, nisto de facer do amor real e verdadeiro o marco e forza da nosa
vida, non vale andar a cachos: pola mañá si, pola noite non; no sindicato moi
democrático, pero na casa son un déspota; na comunidade cristiá digo
marabillas, pero cando teño que defender cousas xustas na xuntanza do partido,
encóllome; moita moral privadas, sexual, pero de alcance político, social, da
ética nada; ou ao revés, moita ética social, pero son un trampulleiro no
traballo e coa afectividade déixome levar polo sol que máis quenta, etc. Non,
un é cristián, cristiá, a tempo completo, porque é a única maneira de nos
sentir a gusto no camiño da fidelidade.
Oración
Sen chufarme,
Señor, sen nunca chufarme,
porque non son
eu amo de nada
e en todo caso
levo feito soamente
aquilo que o teu
amor en min deitara.
Descentrado,
Señor, de min descentrado,
para inserir en ti
as miñas ramas
e dar e levar
froito humildemente
co vigor e o
frescor da túa graza.
Entregada,
Señor, sempre entregada,
en ti, por ti,
cada solpor, cada alborada,
co espido afán
de que en min medre
a semente por ti
nas miñas mans pousada.
Confiado, Señor,
confiado a tope,
porque as cousas
nas túas mans descansan:
a saúde, o
traballo, o mundo enteiro,
os fillos/as, a
muller, os amigos, a Terra amada.
Alegre, Señor,
alegre sen reservas,
a pesar de que o
mal das súas faga
e dentro o
corazón se me escureza
e o poder
ensombreza as nosas caras.
A ti, Señor, a
ti todo me dou
en libre
compromiso coa túa causa:
a túa, a miña, a
do pobo humilde,
a túa luz, en
cruz, unificadas.
Acción
Podemos
preguntarnos como medrar algo na fe, na confianza en Deus, xa que é tamén algo
tan fundamental. Abrirlle o corazón a Deus que nola ofrece a través da
pregaria, a través dalgunha lectura atinada, a través do trato con xente que
nos chame a atención pola súa fe forte, vivindo día a día como quen ten fe.
Escollemos aquilo ao que máis nos sintamos chamados para medrar na fe.
7 de
outubro: luns da 27ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 25-37
Unha vez
ergueuse un letrado e preguntoulle a Xesús para o poñer a proba:
—Mestre, ¿que
teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeu:
—¿Que pon a Lei?
¿Que les?
Contestou:
—Amarás o Señor
teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e
con todo o teu entendemento, e o próximo como a ti mesmo.
E díxolle Xesús:
—Contestaches
perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista,
querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—E ¿quen é o meu
próximo?
Xesús
contestoulle:
—Unha vez un
home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono un bandidos, que, despois de o
roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou de baixar polo mesmo
camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un
clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo e pasou de largo.
Pero unha persoa de Samaría, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu
mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas.
Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro
día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando
volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
—¿Quen desas
tres persoas che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
—A que practicou
a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
—Pois ti vai e
fai outro tanto.
Meditación
É ben raro que
só o evanxelista Lucas nos conte esta parábola, co fermosa que é e co ben que
nos mostra a orixinalidade de Xesús, a súa maneira particular de entender a
vida relixiosa, a fidelidade a Deus, como se pode amar e servir a Deus, como se
pode acceder á vida xa mentres vivimos e mesmo despois da morte. Xesús non era
absolutamente orixinal, porque na tradición profética do Antigo Testamento xa
lemos mensaxes semellantes. O que chama aquí a atención é a diferenza de
comportamentos entre os dous clérigos
(sacerdote e levita) e a persoa de Samaría, porque a xente de Samaría tiñan
fama de xente desalmada, xa que se arredaran das prácticas relixiosas xudías no
templo de Xerusalén. E curiosamente foi aquela persoa samaritana e non os
clérigos a que de verdade honrou a Deus.
Todo o debuxa
Xesús á perfección para que nos quede ben claro que, por riba de calquera
práctica relixiosa, o cerne do culto e amor a Deus xógase na vida, na maneira
como tratamos á xente ferida, coa que imos batendo na vida. Hai pouco o Papa
Francisco felicitaba as ONGs que se dedican a recoller persoas que naufragan no
Mediterráneo, dicíndolles que eran a xente samaritana de hoxe. Pero, sen ter
que ir ao Mediterráneo, todo o mundo podemos vivir o noso amor a Deus atendendo
moita xente vulnerable que vive ao noso redor.
Oración
Oio a Deus que
me di:
Non me preguntes
como quererme,
como servirme,
como reverenciarme,
como darme o
mellor culto;
sábelo de sobra.
Sae aos camiños
da vida,
non poñas
escusas, por moi sagradas que che parezan,
para evitar
bater coa xente marxinada,
con grupos
marxinados,
con pobos e
continentes marxinados,
achégate,
déixate conmover,
le,
coñece,
toca,
ama,
coida,
inviste tempo,
cartos, ansias, memorias,
e a vida
xermolará en ti na mellor primavera.
E logo vén ao
templo e falemos,
e abracémonos.
A pregaria do
templo será eco dos feitos da rúa.
Os feitos da rúa
porán verdade nos rezos do templo.
Acción
Se somos xente
preocupada por mellor amar a Deus, podemos preguntarnos se na nosa vida
concreta estamos pasando de largo ante algunha situación de xente ferida;
podemos preguntarnos como sos ou co apoio doutras persoas podemos dar apoio a
quen padece, persoas, grupos sociais, países enteiros. A caridade ás veces
demanda reclamar xustiza, dereitos; demanda tamén movida social, política.
8 de
outubro: martes da 27ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 38-42
Un día entrou
Xesús nunha aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña
unha irmá chamada María, que, sentada aos pés de Xesús, escoitaba as súas
palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e,
achegándose, dixo:
—Señor, ¿non che
importa que a miña irmá me deixe a min soa servindo? Dille que me bote unha
man.
Pero o Señor
respondeulle:
—Marta, Marta,
preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria.
María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.
Meditación
Todo o mundo lle
dariamos a razón a Marta, que ademais fora a que invitara e acollera a Xesús na
súa casa. ¿Que nos pasaría, sen a xente que se preocupa polas mil cousas
miúdas, pero imprescindibles, das que se compón a vida, o benestar diario? Polo
tanto Xesús non nos invita a pasar deses servizos miúdos que fan agradable a
vida.
Xesús invítanos
a non contentarnos con iso. Podémonos ver, acollernos, obsequiarnos con cousas,
mesmo dicirnos palabras durante horas enteiras, sen nos comunicar a un nivel
fondo: nin falamos do que na vida nos doe ou nos aleda, nin nos facemos capaces
de escoitar o que a outras persoas lles doe ou lle dá ledicia na vida. Xesús
invítamos, logo, a unha relación de corazón a corazón. Relacionarnos así coa
xente vainos habilitando para relacionarnos con Deus, que lle gusta andar
agachado alí onde as persoas vibran, onde sofren e festexan.
Oración
Sentar,
acougar,
pararme ao lado
da xente,
pararme no paso
da vida,
pararme onda ti,
meu Deus.
Sentar,
acougar,
escoitar,
afiar os oídos
do corpo e do corazón,
os oídos do
espírito,
para percibir a
vida
na súa presenza
ou na súa ausencia,
para acoller os
gozos da vida,
as queixas e
dores da vida.
Sentar,
acougar,
escoitar,
enchouparme da
vida,
enchouparme de
ti, meu Deus,
e logo vivir,
vivir a tope,
vivir ao ritmo
da vida,
vivir ao ritmo
de Deus.
Coma ti, Xesús.
Acción
Podemos facer o
esforzo por parar hoxe un momento, 15, 20 minutos, escoitando as voces que
resoan no noso interior, escoitando a vida que xorde en nós. Ou, se alguén nos
visita, podemos esforzarnos por escoitalo a fondo, con atención ao que di, ao
que hai no fondo do que di. Facéndoo, escoitamos a vida, escoitamos a Deus.
9 de
outubro: mércores da 27ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 1-4
Dunha vez, cando
Xesús estaba orando en certo lugar, unha das persoas que andaban canda el
pediulle:
—Mestre,
apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ás persoas que o acompañaban.
Respondeulles
Xesús:
—Cando recedes,
dicide:
Pai, santificado
sexa o teu nome, veña o teu reino, dános cada día o noso pan, perdoa os nosos pecados,
porque tamén perdoamos nós a quen nos debe algo; e non nos deixes caer na
tentación.
Meditación
Que fermoso
debía ser ver rezar a Xesús! Véndoo daban ganas de rezar, de rezar coma el. O
que sabemos sobre a oración de Xesús é que lle gustaba rezar, que pasaba tempos
só ante o Pai/Nai do ceo, que as súas oracións eran máis ca nada como
exclamacións cheas de vida e de sentimento. Que saibamos, Xesús non escribiu
oracións, como fai quen isto está escribindo. A única oración que nos deixou
foi esta do Noso Pai, ben sinxela e directa por outra banda:
Primeiro que
Deus sexa santificado entre nós, coa nosa vida honrada, irmandada; que a súa
santidade, feita de xustiza sen límites para defender a xente vulnerable, e
feita de misericordia sen recortes, luza entre nós. Logo ter pan, o pan que
cada día necesitamos para vivir; non máis, non menos; e que o teña todo o
mundo; logo o perdón de Deus para curarnos dos nosos pecados, como unha escola
onde aprender a perdoarnos entre nós; perdoar, perdoar sempre, o mal que nos
fan; facer da dignidade de quen nos rodea a grande ilusión da nosa vida;
baleirarnos para enchernos da irmandade, para enchernos de Deus. E por último
sermos fortes cando o mal, agochado de calquera maneira, pretenda meterse na nosa vida.
Oración
Grazas, Xesús,
porque nos
ensinas a rezar,
con poucas
palabras, con moito sentimento,
desde a verdade
da vida,
desde a verdade
de Deus.
Grazas, Xesús,
por levarnos
sempre cara ao sinxelo,
cara ao
elemental,
cara ao
realmente necesario:
a santidade de
Deus nas nosas vidas,
o pan
compartido,
o perdón indo e
vindo sen reparos,
e o afán
cauteloso de que sexa o ben,
só o ben,
o que oriente e
encha as nosas vidas.
E con estas
ansias no corazón
empezar e
rematar as nosas xornadas,
no teu nome,
no nome do Deus
da vida que sempre nos acompaña.
Amén.
Acción
¿Rezamos algo
diariamente? ¿Poderiamos rezar algo en familia ao comezo, ao final do día? Que
fermoso sería un Noso Pai diario en familia en calquera momento do día. Rezar
ben axúdanos a vivir ben, con ánimo, felices. Fagamos a proba unha tempada.
10 de
outubro: xoves da 17ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 5-13
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Supoñede que
calquera de vós ten un amigo ou amiga, que vos presentades na súa casa pola
noite, e desde fóra lle dicides: “Amigo, amiga, déixame tres bolos de pan, que
me veu outro amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E ese amigo
ou amiga desde dentro responde: “Non me amoles; está a porta pechada, eu e máis
a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde
logo que, se non se ergue para llos dar por se tratar dunha persoa amiga, polo
menos pola túa insistencia erguerase e hallos dar.
Por iso dígovos:
“Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que todo o
que pide recibe, o que busca atopa e a quen peta abriráselle”. Ou logo ¿que pai
hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra; ou se
lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes
dar cousas boas aos vosos fillos e fillas, ¡canto máis o Pai celestial lle dará
o Espírito Santo a quen llelo pida!
Meditación
Este pedaciño de
Evanxeo é continuación do Evanxeo de onte sobre a oración. Xesús segue
aprendendo a rezar ás persoas que lle dixeran: “apréndenos a rezar”. Dentro
desas persoas que tal desexan estamos, xaora, tamén nós. E Xesús nesta ocasión
insístenos en dúas cousas: primeira,
ser constantes na nosa pregaria; pedir, buscar, petar son actitudes propias de
quen de verdade ansía algo e se dispón por todos os medios posibles para poder
conseguilo. Pedir, buscar, petar é algo propio de quen anda pola vida co
corazón aberto, buscando darlle entrada na súa vida a todo canto ben nos vén da
mesma vida, das persoas coas que nela batemos, do Deus que de mil maneiras se
achega a nós cos seus dons. Se andamos pola vida como persoas pechadas á graza
e aos dons da vida, da xente, nunca acertaremos a rezar ben.
E a segunda cousa na que insiste Xesús é que
recemos sempre con moita confianza. Diante de nós non temos un Deus cutre,
agarrado, avarento, senón un Pai ou Nai espléndida que goza compartindo os seus
dons. Os regalos de Deus non son cousas materiais, como se fose o señor da
lotería; Deus é abundante no Espírito Santo, que é paz, forza, alento, perdón,
berro cara a xustiza, foco de unión, frescura na fogaxe, resistencia…, todo iso
que precisamos para ir conseguindo o que na vida nos pode dar unha dignidade
feliz.
Os dons de Deus
non suplen o noso esforzo. Os dons de Deus axudan a que o noso esforzo
frutifique en toda clase de bens, espirituais e mesmo materiais. Os dons de
Deus superan os nosos esforzos por moi grandes que estes sexan.
Oración
Quéresme, meu
Deus, tan persistente,
como se todo
dependese das miñas forzas;
e tan confiada e
entregada,
como se todo
dependese absolutamente de ti.
Quéresme
revolvendo ceo e terra,
coma quen todo o
necesita e non ten nada;
pero tamén
abandonada e libre,
coma quen non
necesita nada para vivir.
Quéresme
buscadora, emprendedora,
coma o home de
negocios máis infatigable;
e tan felizmente
desinteresada,
coma o meu
canciño deitado ao sol do mediodía.
Quéresme inqueda
e espelida,
coma as
laparadas de lume no silveiral;
máis tamén
docemente sosegada,
como as horas
mainas dun atardecer de outono.
E quéresme así,
meu Deus,
quéresme así, porque
me queres.
Grazas!
Acción
¿Angustiámonos
con facilidade ante determinadas situacións da vida persoal, social, política?
¿Que papel pode xogar a nosa fe cristiá, a nosa oración neses momentos? Neses
casos podiamos rezar insistentemente así: Confío en ti, meu Deus; con Xesús
confío en ti.
11 de
outubro: venres da 27ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 15-26
Unha vez,
despois de que Xesús botase un demo, algunha persoas presentes dixeron:;
—Este bota fóra
dos demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.
Outras persoas,
para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban,
díxolles:
—Todo reino
dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. Pois ben, se
Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós
dicides que boto os demos co poder de Belcebul. Pero, se eu boto os demos co
poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan os vosos fillos? Por iso eles
mesmos serán os vosos xuíces. Pero, se boto os demos co poder de Deus, é que xa
chegou a vós o reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo,
os seus bens están seguros. pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle
as armas nas que confía, repartirá o botín. Quen non está comigo está contra
min, e quen non recolle comigo, derrama.
Cando o espírito
malo sae dunha persoa, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa,
di: "Volverei á miña casa de onde saín;" e, ao chegar, atopa a casa varrida e
ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e
entrando todos, establécense alí, e resulta que o final daquel home acaba peor
que o principio.
Meditación
Demos para
arriba e demos para abaixo. Non fai falla imaxinar personaxes horrendos para
decatarse de que o mal anda entre nós, na nosa sociedade, nos nosos pobos, na
nosa propia persoa, no noso corazón. É algo que incluso repetimos con
insistencia: que mal anda o mundo. Quizais o dicimos menos referido a nós, no
sentido de ver que tamén nós, se non nos coidamos, podemos ser axentes de mal,
de malicia.
No evanxeo
tampouco non se dubidaba diso. A pregunta era quen e como se lle podía facer
fronte ao mal, con que forzas. Xesús amósasenos coma unha persoa en conflito
permanente con todo o que podería roubarlle a paz, a dignidade, o benestar
físico e espiritual a calquera persoa. E con enerxías para facelo. Os evanxeos
son un indicador claro de como facelo, desde que bases, con que métodos. Se
lemos, meditamos, interiorizamos o que día a día nos evanxeos imos vendo,
acabaremos sendo tamén nós, coas nosas limitacións, persoas empoderadas contra
o mal.
Oración
O poder de Deus,
a forza de Deus:
iso era, Xesús,
o que a ti te facía forte,
e esa é a
fortaleza que ti queres compartir connosco.
Grazas.
Así,
só así,
poderei ser
forte contra o mal,
arrincándoo do
meu corazón,
das miñas
palabras,
dos meus feitos.
Só así
poderei ser
coma unha man
túa
no esforzo común
por reparar este
mundo,
por facelo limpo
e luminoso.
Éncheme, Xesús,
co poder de Deus.
Acción
Estamos hoxe
especialmente atentos/as a calquera mal, que, na forma que sexa, rolde as
portas da nosa vida. E miramos de lle dar cara coa forza que de Deus nos vén,
co apoio de xente amiga coa que podemos compartir esas situacións.
12 de
outubro: sábado da 27ª semana do Tempo Ordinario. Festividade da nosa Señora do
Pilar
Evanxeo: Lc 11, 27-28
Nunha ocasión,
cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo
berrando:
—¡Ditoso o
ventre que te levou e os peitos que te criaron!
Pero Xesús
replicoulle:
—Ditosas máis
ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.
Meditación
Quizais nunca
Santiago veu a España, nin a Zaragoza, nin ao mesmo Santiago de Compostela.
Quizais nunca, polo tanto, se atopou Santiago coa nosa Señora sobre dun piar en
Zaragoza. Pero na vida moitas veces vivimos de historias, de lendas, que van
configurando a nosa maneira de ser, de pensar, de crer. O importante, neste noso
caso, é ver se esa lenda da nosa Señora do Pilar nos orienta ben cara a unha
vida cristiá apegada ao Evanxeo de Xesús. E o Evanxeo de Xesús de hoxe fálanos
da admiración que Xesús causaba na xente, ata o punto que unha muller exclamou
o que nós tamén adoitamos dicir en situacións similares: “Bendita a nai que te
pariu”. A nosa Señora, en calquera das súas advocacións, participa algo desta
admiración por Xesús, pero sempre é Xesús o centro.
Por outra banda,
Xesús mesmo nos advirte que esa relación familiar, de carne e sangue, tan
íntima como pode ser a da mesma maternidade e a da crianza, non é tampouco o
máis importante. O importante é escoitar, gardar e cumprir a palabra de Deus
que nos pode chegar de maneiras moi diversas na vida. Nisto Santa María é un bo
exemplo para nós: escoitou, acolleu e cumpriu. Asentándonos niso, a nosa vida
cristiá estará asentada nun bo piar.
Oración
Santa María,
señora do Pilar,
que a morea
enorme
de flores aos
teus pés
nós leve a
admirar
a túa humilde
sinxeleza,
a túa capacidade
de escoitar
as múltiples
voces de Deus na vida,
a túa capacidade
de gardar a palabra,
de deixar que
colla corpo en ti
e de convertela
nunha vida aberta a Deus e á xente.
Santa María,
señora do Pilar,
que a morea
multicolor
de flores aos teus
pés
nos leve a
admirar a Xesús,
na súa
habilidade desmedida
de acoller a
toda clase de xente marxinal,
coa súa
particular historia desfeita,
coa súa
dignidade maltratada.
Santa María,
señora do Pilar,
lévanos onda
Xesús,
para formar con
el unha familia nova, universal,
na que a xente
débil sexa sempre o centro
da nosa fe, das
nosas ansias comunitarias.
Acción
É normal que
teñamos un fondo respecto e agarimo por Santa María, a nai de Xesús. Se
participamos nalgunha celebración na súa memoria, por respecto a ela
precisamente fagámolo con sentido, non coma unha feira relixiosa onde todo se
compra e se vende.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.