13 de
outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 11-19
Unha vez, indo
Xesús camiño de Xerusalén, cando pasaba entre Samaría e Galilea, ao entrar
nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle
berrando:
—Xesús, mestre,
ten dó de nós.
El, ao velos,
díxolles:
—Ídevos
presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que,
cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba
curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose rostro en terra,
aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
—¿Non foron dez
os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra deste
estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
E engadiu:
—Érguete e
vaite; salvoute a túa fe.
Meditación
O evanxelista
Lucas é o único que nos conta este relato dos dez leprosos, dos que soamente un
volve para darlle grazas a Xesús. O relato está moi traballado por Lucas, para
axudarnos a ver dúas cousas; por unha parte que a xente máis débil e marxinada,
coma os leprosos e leprosas naqueles tempos, é a que mellor pode demandar,
recibir e agradecer o don de Deus; e por outra, que curiosamente unha persoa
que non era considerada coma persoa relixiosa correcta –así se dicía dos
samaritanos— é, sen embargo, a que mellor acolle o regalo de Deus, a que mellor
o agradece; Deus non se ata a crenzas e relixións, a igrexas e teoloxías, peta
no corazón de todas as persoas e calquera persoa, sexa do país ou credo que
sexa, pode abrirlle a porta e gozar da súa presenza e da súa forza curadora,
liberadora.
O evanxelista
Lucas subliña a importancia do agradecemento. É de ben nacido ser agradecido,
di o refrán. E ten razón. O ser humano, calquera home ou muller, todos, todas,
somos o que somos grazas a unha chea de achegas que de mil maneiras diferentes,
máis ou menos importantes, moitas persoas nos van facendo na vida. Como se di,
neniño, neniña?, preguntaba o papá ou a mamá ou seu filliño/a, cando vía que
alguén lle ofrecía algún galano. Como se di?, e non paraba ata que o neniño/a,
ben aprendida, dicía: Grazas. Moi ben, así se fai, así se di. Dubidamos de que
hoxe teñamos tanto esmero en ensinar a agradecer. Quizabes porque vivimos nunha
sociedade na que se nos pide por riba de todo estar e ser indignados/as –e
razóns non faltan para tal demanda--, quizabes por iso mesmo nos custe máis do
normal saber xuntar o agradecemento coa indignación. E sería unha pena. ¿Non
poderíamos ensaiar a indignación contra todo o que nos estraga e escraviza a
vida, o que vai dentro de nós e o que anda por fóra, ao tempo que practicamos o
agradecemento con todo aquilo, con todas aquelas persoas que nos axudan a vivir
en dignidade, en comuñón, en fraternidade, entre nós, coa máis xente do mundo,
coa natureza, axudándonos a ser o que realmente somos: persoas integradas,
solidarias, unificadas?
Tampouco non é
doado ser agradecido/a nunha sociedade na que todo o recibido é considerado un
dereito, algo que se me debe, e ante o que, polo tanto, non debo mostrar
agradecemento, senón unha especie de autocompracencia: non me dan, senón o que
xa é meu. E dicimos tamén, non podiamos xuntar a defensa audaz dos nosos
dereitos cun sentimento fondo de agradecemento, posto que aínda todo o que
penso recibir coma dereito, a sanidade, por exemplo, é un dereito para min
grazas á loita de millóns de cidadás, grazas á acción política de determinados
partidos políticos, grazas á investigación de moitos profesionais, grazas a
quen cabila nas estruturas sociais, grazas á natureza que fai posible a existencia
de menciñas, grazas a Deus que o
sustenta e potencia todo.
Oración
Grazas, meu
mestre, Xesús,
por estar na
miña vida
ofrecendo sen
medida
compaña, alento
e luz
nas horas de
noite e cruz;
ese amor teu
entrañable
que me quere
vulnerable
a tanta dor inocente
que trae
amargura á xente
e quebranto
interminable.
Graciñas, Xesús,
graciñas,
por tantas
cousas fermosas
nas que ti te
nos amosas
coma unha nai
que acariña,
coma unha doce
menciña:
o ar, a auga, o
pan trigo,
o sol, as fabas,
os figos,
a conversa e a
amizade,
todo o que sabe
a irmandade,
as veciñas, os
amigos...
Graciñas, Xesús,
ledicia
polas persoas
valentes,
as que nin ceden
nin menten
na loita pola
xustiza,
sen amargor, sen
preguiza;
as que descansan
soñando,
e logo espertan
cantando
e nas súas mans
graciosas
xuntan esforzos
e rosas,
o mundo novo
anunciando.
Acción
Estamos hoxe
atentas/os a calquera don que a xente, que a natureza, que a vida nos faga
chegar. Agradecémolo dalgunha maneira: cantando, rezando, compartíndoo coa
xente que nos rodea.
14 de
outubro: luns da 28ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 29-32
A xente
xuntábase ao redor de Xesús e el púxose a dicirlles:
—Esta é unha
xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de
Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do
home para esta xeración. A reina do Sur enfrontarase no xuízo con estes homes e
fará que os condenen, porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a
sabedoría de Salomón; e aquí está que é máis ca Salomón. Os habitantes de
Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque
eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é
máis ca Xonás.
Meditación
Cada xeración
tenos o noso aquel, as nosas grazas e as nosas desgrazas. De común podemos ter
esa resistencia a entender que Deus está totalmente por nós, por cada persoa
humana que vén a este mundo, e polo mundo no seu conxunto que a acolle e a pode
axudar a converterse nunha persoa integrada. O medo a Deus é unha gran
desgraza. Xonás, contra o seu gusto primeiro, anunciaba a disposición sempre
aberta e acolledora de Deus con todo ser humano. E ese é o único e principal
sinal que de Deus nos dá Xesús. Desde dentro ou desde fóra da Igrexa parece que
nos reina presentar a Deus como un ser irritable, avaricioso da súa
gloria, empeñado en subxugarnos,
inaccesible, inhumano. Nada máis contrario ao ser de Deus, todo vida, todo
benevolencia, todo inclinación servidora cara ao ser humano que somos nós.
Oración
Cantas veces,
meu Deus,
me vexo a min
mesmo con ollos turbios!
Cantas veces
tamén
me fago o
inimigo de min mesmo,
inculpándome,
machucándome,
considerándome
unha persoa indigna, desprezable!
Cantas veces,
meu Deus,
te asocio a este
triste oficio de condenación!
Quen puidese ver
sequera
un levísimo
reflexo do teu rostro,
do teu corazón,
para
contemplarme a min mesmo
como ti me
contemplas,
e curar de tanta
tristura,
de tanta
negritude!
Acción
¿Como vemos e
sentimos a Deus na nosa vida? ¿Alguén que nos espía, alguén que nos xulgará,
alguén que se desentende de nós? ¿Ou alguén que abraza e se deixa abrazar,
sexamos como sexamos? Sería fermoso que falásemos con alguén destas posibles
maneiras de entender e vivir a Deus na nosa vida.
15 de
outubro: martes da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Tareixa de
Xesús
Evanxeo: Mt 11, 25-30
Nunha ocasión
dixo Xesús:
—Bendito sexas,
meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á
xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito
sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén
coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a
quen o Fillo llelo queira revelar.
Achegádevos a
min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei.
Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e
atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a
miña carga liviá.
Meditación
O evanxeo de
hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa
carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada
doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba
moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha
desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de
Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou
fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos
seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como
responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis
que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con
Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida
complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.
Escribiu varias
obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que
ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500
anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente,
representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos.
Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a
monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi
unha gran experta no acompañamento espiritual.
Estamos
invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a
facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de
vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos.
Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para
experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.
Oración
(oración de
Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)
Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se
muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus
basta.
Acción
Podiamos ler
algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida. Podiamos
mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois
realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa
fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos
axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.
16 de
outubro: mércores da 28ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 42-46
Nunha ocasión
dixo Xesús:
—Ai de vós,
fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e
deixades a un lado a xustiza e máis o amor de Deus. Pero é isto o que hai que
practicar, sen descoidar o outro.
Ai de vós,
fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas e porque vos fagan
reverencias nas prazas! Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven e
que a xente tripa sen se decatar!
Entón un mestre
da lei tomou a palabra e replicoulle:
—Mestre, dicindo
estas cousas tamén nos aldraxas a nós.
El contestoulle:
—Ai tamén de
vós, os mestres da lei, porque botades enriba da xente fardos insoportables, e
vós nin cun dedo os tocades!
Meditación
Segue o evanxeo
coa súa crítica aos fariseos. Debemos dicir que non todos os fariseos eran así,
aínda que a súa maneira de ver e de vivir a experiencia relixiosa levaba moito
a ese tipo de historias que aparecen no texto. Ser moi minuciosos no que non
ten tanta importancia e deixar de lado o realmente importante: a xustiza, o
amor, a misericordia de Deus. O gusto por aparentar estando cheos de
inmundicia. Poñer normas e normas, sen implicarse nas dificultades da vida da
xente.
Calquera persoa
relixiosa –tamén o pobo cristián— pode caer nestes absurdos que critica o
evanxeo de hoxe. De feito hai moita xente das nosas sociedades que critica a
Igrexa católica por cousas semellantes. Canto vestido e aparencia vana nos
nosos líderes, nas nosas cerimonias! Pensemos no tema da pederastia; vaia
sepulcro de podremia! É doado ver se estamos nós na onda de Xesús: se andamos
pola vida con humildade, se nos doen as cargas que a xente ten que tolerar,
sobre todo a xente máis vulnerable; se nos move o afán por andar en xustiza e
en amor, para nós e para a xente que nos rodea. É tan doado andar acusando pola
vida!
Oración
Que o meu
corazón, meu Deus,
que a miña
intención se centre en amar e comprender,
en verter amor,
en promover
xustiza,
que na inxustiza
sempre o débil sae malparado.
Que o meu
esforzo se oriente sempre,
coma o de Xesús,
a aliviar cargas
que pesan sobre os lombos da xente
e non a
multiplicalas,
coas medidas
cotiás da solidariedade,
cos recursos
maiores da organización social.
Querer a xente,
coidar a xente,
consumirme pola
xente,
con humildade
sempre,
con decisión
sempre.
Algo coma Xesús,
meu Deus,
algo coma Xesús.
Acción
¿Vémonos persoas
apaixonadas pola xente que nos rodea? ¿Dóennos as penalidades que sofren, as
inxustizas que soportan? ¿Dunha maneira ou doutra estamos ao seu lado? Se non o
facemos, ¿como poderiamos mellorar niso, que é tan importante para unha persoa
cristiá?
17 de
outubro: xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 11, 47-54
Nunha ocasión
falou así Xesús, referíndose aos fariseos:
—Ai de vós, que
lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais!
Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais; eles asasinaron e vós
facedes os panteóns.
Por iso dixo a
sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e
asasinarán a outros"; de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas
do sangue dos profetas vertido dende a creación do mundo: desde o sangue de
Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o altar e o santuario. Si, seguro
que se lle han pedir contas a esta xeración.
Ai de vós,
xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes
entrar aos que querían entrar.
E saíndo de alí,
os letrados e fariseos empezaron e encirralo, tirándolle da lingua, para ver se
o pillaban no que dicía.
Meditación
Ditas para os
letrados e fariseos, estas palabras ofrécensenos agora a nós como corrección e
axuda. Que nos quere dicir Xesús a nós con estas palabras? É un aviso para os
nosos líderes eclesiais (bispos, curas, frades, ...) que dalgunha maneira
teñen, ou pretenden ter, a chave do saber, do coñecemento e da experiencia de
Deus, do bo sentido da vida cristiá; ás veces cumpren ben con esa misión, pero
cantas veces nin eles entran nese mundo marabilloso nin polo tanto facilitan
que o pobo cristián entre! A xente normal da Igrexa, as persoas que chamamos
laicas e laicos, ao tempo que podemos agradecer os servizos que o clero nos
presta, tamén estamos chamadas a acceder por nós mesmas ao coñecemento e
servizo de Deus, porque todas, todos somos xente bautizada, e, como tal,
habilitada para ter trato persoal con Deus, para falar no nome do Deus co que
tratamos, e mesmo para decidir sobre da marcha das comunidades cristiás. Todo
en familia, todo en comunidade, aportando e respectando o servizo de cantas
persoas facemos a comunidade.
Oración
Grazas, meu
Deus,
por todas as
persoas que me axudan
a coñecerte e a
gustar de ti.
Grazas tamén
polas que me
axudan a avanzar
polo camiño da
adultez humana e espiritual.
Grazas por todos
os momentos
nos que me
alentas
para dar pasos
de servizo
dentro da
comunidade cristiá e fóra dela.
Grazas porque me
chamas
a
responsabilizarme da vida propia e comunitaria
e a gozar
responsabilizándome.
Grazas porque me
queres viva onda ti,
no medio do
pobo.
Acción
¿Vemos cousas no
clero que non nos gustan e criticámolas? Igual, no canto de criticar, podiamos
ir falar coa persoa concreta e transmitirlle con calma as razóns do noso
descontento.
18 de
outubro: venres da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Lucas
evanxelista
Evanxeo: Lc 10, 1-9
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas
persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a
onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben
boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que
mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como
años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a
parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes
nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de
paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa
ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha
aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e
dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.
Meditación
Este texto saíu
da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento
debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas!
Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que
recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús,
pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en
concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita
paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas
encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana,
para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de
Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.
Invítanos hoxe
Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e
liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén
gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en
nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas
viviu hai dous mil anos.
Oración
Grazas, meu
Deus,
por toda a xente
que te vive con convencemento
e que logo, coa
palabra ou coa escrita,
comparte
connosco as súas experiencias.
Grazas polas
persoas que non falan
senón do que
previamente viviron.
Grazas, meu
Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra
e coa vida
nos recordan a
persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten
entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa
fonte de vida e de esperanza
de paz e de
alento,
que son os
evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu
Deus, grazas.
Acción
Podemos tomar
conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos
con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que
maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús
e se decidan a seguilo.
19 de
outubro: sábado da 28ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 8-12
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que
quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal
persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será
negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo
do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se
lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades,
non vos preocupedes de como vos ides defender e do que ides dicir; xa vos
ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.
Meditación
A palabra non o
é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que
importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar
distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente
pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso
recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida
connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que
militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou
afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto
ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra
podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente,
ante Deus.
Se nos deixamos
levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de
liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que
grande pode ser a nosa desfeita!
Oración
Grazas, Deus
noso, polo teu Espírito Santo,
que nos ofreces
gratuitamente en todo momento.
Grazas porque
con el apréndesnos
a falar cando
conveña e como conveña,
e a calar tamén
cando conveña e como conveña.
Grazas, Deus
noso, polo teu Espírito Santo,
que nos leva ata
Xesús,
e nos permite
recoñecelo como fillo teu,
e nos empuxa a
querelo, a admiralo,
a intentar
seguilo en todo canto poidamos.
Grazas porque,
deixándonos levar por el,
fasnos libres e
valentes
ante o mal que
nace en nós,
ante o mal que
maquinan os poderes inxustos deste mundo.
Grazas, Deus
noso, polo teu Espírito Santo,
que tanto
brillou en Cristo Xesús.
Acción
¿Vémonos con
medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante
calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas
cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.