20 de
outubro: domingo 29 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 18, 1-8
Unha vez
propúxolles Xesús unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen
cansar:
—Había nunha
vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había
tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu
contrario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois
cavilou: “Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me
está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a
vida”.
E o Señor
continuou:
—Escoitade o que
di un xuíz perverso. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos,
que chaman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles
fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do home, ¿el atopará fe sobre a
terra?
Meditación
¿En que situación nos atopamos
nós, como membros das nosas comunidades cristiás, como membros das nosas parroquias, pobos e
cidades? Sentimos o peso da inxustiza sobre as nosas vidas ou sobre as vidas
dos nosos veciños e veciñas, ou sobre as vidas, por exemplo, dos inmigrantes
afogados no Mediterráneo? Somos persoas, comunidades, en angustia, porque as
forzas do mal nos apertan o propio corazón, a propia vida, ou porque o mal, a
inxustiza, domina entre nós e provoca dor, sufrimento en moitas persoas? Non se
trata de que teñamos que andar angustiados/as á forza, coma por mandato divino,
pero daría que pensar sobre a fondura e calidade do noso amor de xustiza, se,
visto todo o que pasa neste mundo, estivésemos tranquilos, vendo pasar os días,
sen que se nos encolla o ánimo, sen que o sono se nos retire algunha noite, e
sen que, algunha vez polo menos, berremos desconsolados, angustiadas: que pasa
aquí, Señor? Por que as cousas están así? Por que a inxustiza vive e convive
connosco con tanta impunidade? Cando, por fin, florecerá a xustiza, a
irmandade, o respecto polos dereitos das persoas e dos pobos? Por que tanto
tempo tanta maldade? Por que o noso corazón tamén decae e se deixa tentar e
sucumbir?
O
evanxelista Lucas invítanos a recrear nas nosas vidas, nas vidas das nosas
comunidades cristiás, a experiencia da viúva da parábola, que sabía compaxinar
a angustia, a dor pola inxustiza, coa demanda insistente, co feito de non
renunciar por nada do mundo ao que consideraba de xustiza; e a compaxinar tamén
esa demanda coa confianza máis absoluta, pois para o seu cumprimento non
contamos co corazón raquítico dun xuíz inxusto, senón coa palabra fiel e
comprometida dun Deus xusto e paciente, que ama e respecta, que ten posto todo
o seu empeño en facer fondamente satisfactoria a convivencia humana. Deus é
xusto e paciente, ten paciencia histórica, sabe que os procesos humanos,
persoais e sociais, son lentos; e quérenos creativamente implicados/as neses
procesos, cos seus pasos para adiante, cos seus pasos para atrás. Pero o
remate, persoal e socialmente, está garantido por un Deus que non falla á súa
palabra. ¿Sabemos vivir nesta tensión, nesta confianza de fondo, neste esforzo
e nesta entrega?
Oración
Grazas, grazas,
Pai.
Es marabilloso.
Que grande e
xeneroso es,
desmedido en dar
e en servir!
Como me gusta
estar contigo!
Que pouquiña
cousa son,
pero levo o teu
ADN no meu ser!
Grazas, grazas,
Pai.
Son pecador,
miro torpemente
só por min,
esquezo
deseguida que son comunidade
e fago e
consinto inxustizas.
Son pecador.
Perdón. Perdón.
Perdón.
A xente pobre,
a xente
marxinada,
a xente que
sofre inxustiza...
dígoche nomes:
N., N., N....
poño as súas
vidas nas túas mans,
póñome á túa
disposición,
e á deles, á
delas.
Vexo en min
ideoloxía
máis ca paixón
polo débil.
Palabras,
máis ca
implicación.
Debate
máis ca amor e
servizo.
Achégome a ti,
pobre e
necesitado,
achégome
ao teu lume,
ao teu fogar,
á túa fonte,
ás túas apertas.
Bícame,
cun bico de sal
e de lume
cun bico de paz
e de enerxía,
Grazas, grazas,
Pai.
Acción
¿Como estamos
vivindo esas dúas características da vida cristiá que nos recorda o evanxeo de
hoxe: paixón pola xustiza e gusto pola oración? Seguro que algo poderemos
avanzar e mellorar en calquera destas dúas cousas. Propoñémonos facer algo
conveniente para conseguilo.
21 de
outubro: luns da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 13-21
Unha vez un que
estaba entre a xente díxolle a Xesús:
—Mestre, dille a
meu irmán que reparta a herdanza comigo.
El contestoulle:
—Home, ¿quen me
nomeou xuíz ou árbitro entre vós?
E logo díxolle á
xente:
—Atención:
gardádevos da cobiza, que por moito que unha persoa teña, non por iso a súa
vida depende dos seus bens.
E propúxolles
esta parábola:
—As terras de
certa persoa rica déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Como vou
facer, que non teño onde almacenar a colleita?” E dixo: “Xa o sei: vou desfacer
os meus celeiros e construirei outros máis grandes e alí almacenarei o trigo
todo e todos os meus bens. Logo heime dicir: amigo, tes aí reservas para moitos
anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta
mesma noite váiseche reclamar a túa vida, ¿para quen será todo o que
xuntaches?”
Así é a persoa
que atesoura riquezas para si mesma, pero non é rica para Deus.
Meditación
O evanxeo de
Xesús ofrécenos con frecuencia unha maneira de nos situar na vida moi diferente
do que habitualmente acontece. Vímolo onte mesmo coa cousa de relacionarnos coa
xente desde o poder ou desde o servizo. Vémolo hoxe coa maneira de nos
relacionar cos bens que poidamos ter. A persoa rica da parábola que conta Xesús
adquire os seus bens lexitimamente, iso parece. E lexitimamente pensa que ten
dereito a facer con eses bens o que lle pete: comer, beber, folgar, vivir
alegremente. Cantos, cantas de nós non faríamos outro tanto!
Xesús era do
pobo pobre, reivindicaba pan, vida e dignidade para a xente empobrecida no nome
do mesmo Deus, e por iso mesmo tamén advertía á xente rica e pobre, sobre todo
á rica, que unha persoa non se constrúe só con cartos, nin medra como tal á
medida das súas posesións. Ao contrario, corremos o risco grande de nos facer
cada vez máis pequenos humanamente, cantos máis bens posuamos. Era un
pensamento firme que Francisco de Asís mamara do Evanxeo de Xesús: cando
posuímos algo, deseguida levantamos barreiras para defender a nosa posesión,
deseguida establecemos distancias coa xente, deseguida esvaece en nós ese
grande soño humano e divino de sermos simplemente irmáns e irmás.
Oración
Quero
entenderte, Xesús,
como Francisco
de Asís te entendía.
Quero facer da
irmandade o meu soño diario,
e quero poñer os
meus bens ao servizo dese soño.
Quero ser persoa
desde o compartir
e non desde o
acumular.
Ti fas nacer en
min estes quereres,
ti mantelos
vivos en min;
que eu non te
defraude, Xesús,
que os secunde
con humildade e decisión.
Acción
É normal que
traballemos para gañar, para poder vivir con dignidade. Se o facemos así,
estamos honrando a Deus. Pero tamén sería normal que, canda iso, traballemos
tamén para facernos persoas humanas, coidar a irmandade, desenvolver calidades,
aptitudes, servizos. ¿Estámolo facendo así? Seguro que poderemos mellorar en
algo.
22 de
outubro: martes da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 35-38
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Tede posta a
roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma quen agarda que volva o seu
amo da voda, para lle abrir axiña que chegue e chame. Ditosos os criados e
criadas aquelas a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que
poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola
anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.
Meditación
Estar coa roupa
de traballo posta e coas lámpadas acesas; estar coma quen agarda que o amo da
casa volva para lle abrir nada máis pete á porta; e facelo non desde a
ansiedade nin desde o medo ao castigo de quen chega. Facelo sabendo que somos
persoas sempre expostas ás felices sorpresas de Deus, que nos poden chegar de
mil maneiras a través de persoas e de circunstancias imprevistas. Deus é así,
sorprendente sempre, e gustoso de traer nas mans bens necesarios para unha vida
feliz: paz, alentos, perdóns, entusiasmos, exemplos, palabras, silencios,
sinxeleza, astucia da boa, apegos á xente, apegos á dignidade, apegos á
natureza,… Así é Deus. Algún ousaría presentalo, se non fose Xesús, coma un criado ou criada que pon o seu mandil para
que todos os homes e mulleres do mundo gocemos dunha estupenda mesa fraterna? É
que iso, e non outra cousa, é Deus: o gran servidor.
Oración
Grazas, meu
Deus,
porque nos
queres e nos coidas sempre.
Grazas porque
nos queres en vixilia,
para que nada do
duro e do feliz da vida nos pase de largo.
Grazas, meu
Deus,
porque te fixas
en nós,
e, cando menos o
esperamos, paras na nosa porta
e dis con voz
fecunda e servidora:
aquí estou co
que vos cómpre nas mans.
Grazas porque
nos mandas sentar á mesa
--á mesa da
irmandade, iso si—,
pos o mandil de
quen serve
e gozas
agasallándonos cos teus ricos manxares.
Grazas, meu
Deus, grazas.
Así es ti,
así nos invitas
a sermos nós.
Acción
Hoxe podiamos
andar moi atentos/as ao que a vida nos vaia
ofrecendo coa xente que se cruce connosco, coas circunstancias diversas polas
que pasemos. Podemos intentar vivir alerta. Seguro que percibiremos o paso
benfeitor de Deus pola nosa vida.
23 de
outubro: mércores da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 39-48
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Entendede que
se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que
lle asaltasen a casa. Así tamén vós estade preparados, porque á hora menos
pensada ha vir o Fillo do home.
Díxolle Pedro:
—Señor, ¿a
parábola que acabas de contar vai por nós ou por toda a xente en xeral?
Contestoulle o
Señor:
—¿Quen é, logo,
o administrador ou administradora fiel e prudente, a quen o seu señor encargará
o coidado da servidume, para lle dar ao seu tempo a ración de alimento? Ditosa
a criada ou criado aquel a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa
súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se a
criada ou criado aquel di para si: “O amo aínda non vén polo de agora”, e
empeza a mallar na servidume, e a comer e beber ata se emborrachar, o día menos
pensado e á hora máis imprevista, chegará o seu amo e botarao fóra coa xente
que non é fiel. A criada ou criado que,
coñecendo as vontades do seu amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas
como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non as coñece, aínda que
faga algo que mereza castigo, levara poucos. A quen moito se lle dá, moito se
lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.
Meditación
Na vida podemos
funcionar desde o medo ou desde a responsabilidade. Funcionar desde o medo nin
é san nin eficaz. O medo destrúe as persoas e fainos vivir na amargura máis
fonda. Moitas veces vivimos a fe, a vida cristiá desde o medo: o medo ao
ambiente, ao que dirán de min, se non cumpro con tales cousas; o medo a eses
supostos castigos nesta vida ou na outra, se non cumpro co que Deus me manda.
Pero iso non funciona. Comprobámolo no apagamento da vida cristiá, cando eses
medos desaparecen de enriba de nós.
Xesús non nos
invita a actuar desde o medo, senón desde a responsabilidade, por nós mesmos e
polas persoas que ocasionalmente teñamos ao noso cargo da forma que sexa. Cos
nosos abandonos podemos danarnos a nós e podemos danar a quen nos rodea. Isto é
algo especialmente importante para quen teña responsabilidades sobre outras
persoas, tanto no campo relixioso coma no civil. O cargo non é un choio, unha
oportunidade para medrar, chulearse e enriquecerse, con trampas ou sen elas. O
cargo implica responsabilidade sobre outras persoas; e responsabilidade quere
dicir ter que responder do seu benestar ou malestar, do seu éxito ou do seu
fracaso.
Oración
É a tarefa que
nos pos :
velar pola
xente,
coidar da xente,
que non lle
falte a ración de alimentos,
a ración de
dignidade,
a ración de
acompañamento na vida,
a ración de
Deus, co nome que sexa,
que todo o mundo
precisa.
Canto máis
conscientes nos fixeches disto,
máis
responsabilidade temos;
canto máis ti e
a vida
nos capacitastes
para este labor,
máis esperas
amorosamente de nós.
Que sexa o amor,
a solidariedade,
repleta de
humildade e confianza,
a que nos
mobilice cada dia, Deus noso.
Grazas, por
confiares en nós.
Acción
Máis ou menos
todas, todos temos algún tipo de responsabilidade sobre outras persoas a
diferentes niveis, no civil e no relixioso. Podemos ver como estamos
desenvolvendo esa responsabilidade. Seguro que o Evanxeo de hoxe nos pode
motivar.
24 de
outubro: xoves da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 49-53
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Lume vin traer
á terra e canto me gustaría que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun
bautismo e que angustia ata que se cumpra! ¿Pensades que vin traer paz á terra?
Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco
persoas, estarán divididas tres contra dúas e dúas contra tres. Estarán
enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra
con nora e nora con sogra.
Meditación
Podémoslle dar
grazas a Xesús por abrir o seu corazón diante de nós, falándonos desas
intimidades que conmoven a súa existencia: o seu desexo de que o mundo arda,
pero non con lumes de violencia, senón con lumes de verdade, de solidariedade,
de respecto exquisito pola xente máis fráxil; os seus medos a ter que pasar por
situacións moi difíciles por opoñerse a calquera autoridade que xogaba coa
honra de Deus negándolle solicitude infinita polos seus fillos e fillas; o seu
convencemento de que as súas palabras, a súa vida toda sería motivo de
enfrontamento e de división entre a xente, e non porque iso a el lle guste,
senón pola complexidade humana, polas resistencias da xente.
Ábrenos o seu
corazón, comparte connosco o que o move e conmove. ¿Como resoan no noso corazón
esas súas vivencias? ¿Que é o que a nós nos conmove no momento presente?
¿Andamos na onda de Xesús?
Oración
Que prenda en
min, Xesús, o teu lume!
Que as túas
lapas me envolvan por dentro e por fóra,
que me fagan
limpo e transparente,
que me fagan arder
en solidariedade,
que me fagan
persoa incendiaria,
algo coma ti
polo menos, Xesús!
Que os teus
medos sosteñan os meus medos,
que a túa
valentía alimente diariamente a miña!
Que se divido
sexa á sombra da túa división,
e que a división
nunca mate en min
o desexo
permanente de unidade absoluta
na paixón pola
xente
na paixón por
Deus.
Algo coma ti,
Xesús,
algo coma ti.
Acción
Podemos mirar
cales son as cousas fondas que nos moven na vida. ¿Gustaríanos que algunhas
cousas deixasen de afectarnos tanto, e que outras, en cambio, influísen máis no
noso día a día? Seguro que, se o pensamos e queremos, podemos dar pasos ao
estilo de Xesús.
25 de
outubro: venres da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 12, 54-59
Unha vez díxolle
Xesús á xente:
—Cando vedes que
do poñente vén unha nube, axiña dicides: “Temos chuvia”, e así é. E cando venta
do sur, dicides: “Vén o calmizo”, e así é. Que parvos sodes! Sabedes
interpretar o cariz da terra e máis do ceo, ¿e como non sabedes interpretar o
tempo presente?
E ¿por que non
xulgades en por vós o que cómpre facer? Cando vaias coa persoa contraria ao
xuíz, mira de amañar as cousas con el polo camiño, non sexa que te leve á forza
onda o xuíz e este te entregue ao garda para que te meta na cadea. Seguro que
de alí non saes ata que pagues o último céntimo.
Meditación
Se Xesús, tan
amigo el de buscar e cumprir a vontade de Deus, nos incita a saber interpretar
o tempo presente, é porque entende que no que vai acontecendo nas nosas vidas,
nos tempos que vivimos, hai unha manifestación da vontade de Deus para nós. E
se nos fala da necesidade de interpretar, é que as cousas non son claras e
evidentes de todo; que fai falla pararse, ver, facer silencio, analizar,
deixarse afectar, para descubrir esa vontade de Deus presente na vida, na
historia, e implicarse con ela.
Nos tempos
presentes hai unha serie de feitos significativos, algúns de aspecto positivo,
outros de aspecto negativo, nos que Deus nos está falando: o feminismo, a
ecoloxía, os movementos autoritarios en
política, o dominio das finanzas, as emigracións, a xente refuxiada, a
crispación en España, a violencia contra o
diferente, o empobrecemento de moitísima xente, os movementos
solidarios, a visibilización da pederastia na Igrexa etc.
Xesús invítanos
a amañar estas cousas mentres imos de camiño, antes de que sexa tarde, e o ben
se nos vaia das mans e o mal nos destrúa. Que todo pode ser.
Oración
Critícasnos,
Xesús, por sermos parvos,
por sermos
hipócritas, xente de pouco xuízo.
Invítasnos a
fuxir do rebumbio da vida,
onde todo se
enzarapalla e escurece;
para calmarnos e
facer silencio,
para escoitar
voces fondas que nos falan
desde a vida que
vai e vén,
desde o que os
nosos ollos contemplan, admirados ou temerosos.
Disnos que ás
veces a maior revolución é calar,
ollar, escoitar,
deixar que os acontecementos nos batan
e nos conmovan
cara á
solidariedade máis completa.
Son as horas, os
tempos, de xuntar intelixentemente
a astucia das
serpes coa sinxeleza das pombas.
Antes de que
todo acabe en desfeita.
Grazas, Xesús.
Oxalá acollamos a túa advertencia!
Acción
Se
nos está pasando algunha cousa importante na nosa vida, na nosa comunidade,
parroquia ou cidade, na nosa sociedade, podemos pararnos sos ou en grupo para
escoitar, pensar, discernir, rezar, acoller, actuar en consecuencia. Seguro que
nos fará ben.
26 de
outubro: sábado da 29ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 13, 1-9
Nunha ocasión
presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel de cando
Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. El
respondeulles:
—¿Coidades que
eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e
asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica
pensades que aquelas dezaoito persoas que morreron esmagadas pola torre de
Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e
asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
E contoulles
esta parábola:
—Un home tiña
unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou.
Díxolle á persoa encargada: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta
figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?”. A persoa
encargada respondeulle:
—Señor, déixaa
aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco;
a ver se así dá froito; e, se non, poderala cortar”.
Meditación
Aínda que parece
que o insinúa a primeira parte deste Evanxeo, as enfermidades, accidentes,
desgrazas de calquera tipo que poidamos padecer nunca son un castigo de Deus.
Non é propio de Deus andar castigando. Non o ía facer ese Deus do que Xesús di
que é bo con todo o mundo, e fai saír o sol por igual sobre a xente boa e sobre
a xente mala.
Pero Deus non é
indiferente ao mal que fagamos ou suframos. O seu é estar ao noso lado
urxíndonos a levar unha vida coidadosa connosco e coidadosa tamén coa xente que
nos rodea. Todas, todos, estamos chamados a ser a figueira que dea bos froitos
de xustiza, de paz, de respecto preferente pola xente vulnerable, froitos de
fraternidade. E Deus, unha vez máis, non é aquí o amo da viña e da figueira,
senón a persoa encargada, que se compromete e cavar, estercar e regar para que
a figueira, nós, dea bos froitos. Nesas está permanente connosco.
Oración
Ditosos nós,
homes e mulleres do mundo,
por terte a ti,
Deus noso,
por hortelán
paciente,
que miras por
cada un de nós
esmerándote nas
faenas,
para que a terra
nos sexa mol,
para que o bo
esterco nos nutra
e a auga nos dea
lentura.
E así sermos
figueiras de froitos saborosos
para galanura
propia,
para gozo e
fartura de quen nos rodea
e se achegue a
nós con fame de humanidade.
Ditosos nós por
ti, Deus noso,
paciente labrego
do mundo e da xente que o habitamos.
Acción
¿Como lemos as
desgrazas que caen enriba de nós ou da xente veciña, familiar ou amiga que
coñezamos? ¿Asumimos a nosa posible responsabilidade sobre moito do mal que nos
pode pasar, que pasa no mundo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.