24 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 13ª semana





28 de xuño: domingo 13 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 37-42
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Quen ama a seu pai ou a súa nai máis cá min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis cá min, non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por min, ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós, recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto, terá recompensa de xusto. E quen dea de beber a un destes pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa.


Meditación:
O Evanxeo é sempre palabra de vida para nós, por iso será ben que nos preguntemos como estas palabras, aparentemente duras de oír e de vivir, poden ser para nós palabras de vida.
“Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min; e quen ama a seu fillo ou a súa filla máis ca a min, non é digno de min”. Xesús non nega amores, quere fundamentalos ben. Xesús non nos pide que deixemos de lado a pais, nais, fillos, fillas, irmáns, irmáns, calquera clase de parentes e xente amiga; invítanos a asentar eses amores, a ordenalos no conxunto do noso diario vivir; ofrécenos unha grande fonte de amores e fidelidades, abundante, completa, onde acudir para manter todos os nosos amores, facelos fortes, sans, libres, creativos, creadores, alegres. Ofrécese el mesmo coma fonte deses amores todos que tanta importancia teñen na nosa vida. Ofrécenos a Deus mesmo coma fonte inesgotable de amor para soster diariamente eses nosos amores. Podémonos desentender de Xesús e amar ao noso xeito; podemos fiarnos de Xesús e ir á escola de amores e solidariedades nos que el é un verdadeiro mestre.
“Quen encontre a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”. A vida podémola baleirar de graza, de sentido, de alegría, de vida, podémola perder precisamente cando nos volvemos tolos querendo protexela para nós, egoistamente, rodeándoa de todo tipo de comodidades, sen estar nada dispostos a sacrificarnos nisto ou naquilo para que a vida chegue a todos, para compartila con quen nos rodea. O máis fermoso da vida é a súa condición de cousa compartida. Canto máis a compartamos, máis é vida para nós. Canto máis a introduzamos no xogo da comunidade, no servizo da comunidade, dando e recibindo, máis feliz se nos fai. Quen “perde” así a vida, no xogo das solidariedades, encontraraa. Esta é a promesa fonda de Xesús. Quen perde así a vida por Xesús, encontraraa. Hai aquí unha fonda sabedoría de vida, que as persoas cristiás podemos experimentar e logo ofrecer a quen nos rodee. Xesús quere a nosa felicidade e ábrenos camiños para que cara a ela avancemos con pé firme. Fiémonos del.
Na Eucaristía atopámonos con este Xesús recio, forte, valente, humilde, próximo, familiar, que se nos regala no bocadiño de pan, no groliño de viño, e que nos invita a unha aventura existencial insospeitada. Sempre desde o pequeno, o contracultural, o chocante, o desconcertante. Pero aí está Deus, aí está a vida.

Oración

Quero ser persoa digna de ti, Xesús,
un pouquiño polo menos.

Quero pronunciar o teu nome cada día
con respecto, con agarimo, con verdade.

Quero poñerte no centro do meu corazón,
da miña vida, das miñas decisións.

Quero recibir o teu alento cada mañá,
o teu recoñecemento ou perdón cada tarde.

Quero gozar da túa compaña cada día
e sentirte ao meu lado na hora da miña morte.

Quero terte por mestre no coñecemento e servizo de Deus,
no coñecemento e servizo da xente, do pobo.

Quero entrar no misterio fondo das túas propostas de vida
e podelas experimentar ao teu lado.

Quero andar o camiño da confianza en ti
e superar as resistencias que me impiden tela.

Quero amar, servir, levar a cruz contigo, coma ti, algo coma ti,
e vivir no orgullo de ser discípulo, discípula túa.

Quero quererte, Xesús,
e facerme un contigo, en Deus, na comunidade, no pobo.

Acción
Seguro que temos a experiencia de ver que cousas que nos custou o seu levalas a cabo, despois trouxéronnos gozo e pracer, vida. Podemos recordar algunha e con ese recordo fortalecernos para avanzar no que Xesús tamén nos propón.


29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo

Evanxeo: Mt 16, 13-19
Naquel tempo, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do Home?
Eles responderon:
—Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.

Meditación
Celebramos a festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día aparecera polas praias de Cafarnaúm. De maneira sorprendente sobre esta persoa apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois que van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.

Oración

Grazas, meu Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa maneira animadores do camiño cristián. 
Grazas polo don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola comunidade cristiá
que a partir deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos días.
Grazas polos homes e mulleres
que a foron enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas súas fortalezas e debilidades,
que son as nosas fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan chulerías e prepotencias.
Grazas pola xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña e arrastra no seu seguimento.
Grazas pola xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas mulleres que fan Igrexa,
e a queren pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre soñaba Xesús.

Acción
Podemos pensar que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?


30 de xuño: martes da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 23-27
Unha vez subiu Xesús a unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos fórono espertar, exclamando:
—Señor, sálvanos que afogamos!
El díxolles:
¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe?
E, poñéndose de pé, increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes, abraiados, dicían:
—¿Quen será este que mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?

Meditación
Na vida persoal pasamos ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan dubidar de nós mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo, que nunca é bo conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da parroquia, ou na vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado poñerlle nomes ás grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os sentimentos, as palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo Deus. E está ben facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios, tranquilidade, acougo para discernir ben a situación, para ver o que cómpre facer, para nunca nos sentir sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas que nos pacifican e alentan a fondo, que nos garanten que nunca a vida está abocada ao fracaso, nin sequera coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros, podemos vivir asentadas nesta fe, nesta calma, nesta esperanza.

Oración

Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos respiro na vida:
o paro, a crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa que non dámos atendido!
A parroquia que non vai,
a sociedade escindida,
unha parte grande do mundo afogada
por culpa de políticas deshumanizadas!
O corazón, o máis íntimo de nós
que anda á intemperie,
sen saber onde apoiarse
para poder vivir
en paz, en liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!

Acción
Podemos identificar algún dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo con outras persoas, con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos forzas para manexar mellor eses medos.


1 de xullo: mércores da 13 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 28-34
Naquel tempo, en chegando Xesús á outra bando do lago, ao país de Gadara, saíronlle ao camiño dende uns sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por alí. E berrando dicían:
—¿Que temos que ver contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?
Había lonxe de alí unha boa camada de porcos fozando e os demos rogáronlle:
—Se nos botas, mándanos para o rabaño de porcos.
El díxolles:
—Ide.
Saíron e fóronse para os porcos que, guindándose polo  barranco abaixo, foron dar ao lago, onde morreron afogados. Os porqueiros fuxiron, chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. E toda a vila saíu ao encontro de Xesús. E, cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela terra.

Meditación
Posiblemente esteamos ante un relato fantasioso, digno de formar parte dalgún evanxeo apócrifo. Pero está aquí. E, dentro da súa fantasía, transmítenos algúns convencementos sobre Xesús e sobre a súa maneira de estar coa xente que o rodeaba. Xesús andaba os camiños, andaba polas periferias, como dicimos agora, e por iso frecuentemente batía coa xente que nas periferias había, xente desfeita pola vida. Atribuíase aos “demoños” calquera cousa que alterase a estabilidade psíquica dunha persoa. Xesús plantáballe cara a eses “demoños”, é dicir, a todo o que facía que a xente non puidese vivir con humanidade, con dignidade. Era forte para iso. E moitas veces a xente que batía con el quedaba recuperada para a vida dunha forma definitiva. O mal quedaba completamente superado, afogado, como afogados quedaban nesta historia fantasiosa os porcos que foran caer ao lago.

Oración

Xesús, veño onda ti,
para que me aprendas o teu estilo de vida.
Non eras home de libros e ordenadores,
eras home de prazas e camiños,
para bater coa xente,
para que a xente batese contigo.
Con tempos de moito silencio,
con horas de moita palabra.
E non pasabas nunca de largo,
implicábaste en cada caso,
poñendo a túa forza de vida
ao servizo de quen dela precisaba.
Iso era o cerne da túa relixión, do teu credo,
iso era o que mamabas cada día do Deus a quen tanto querías.
Así de simple.
Apréndeme, Xesús, a ser coma ti, algo polo menos.

Acción
En case todos os pobos e aldeas hai algunhas persoas desestabilizadas, desintegradas da convivencia veciñal. ¿Cal é a nosa relación con esas persoas? ¿Que lle aportamos?


2 de xullo: xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 1-8
Naquel tempo subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa vila. Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
—Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
Entón algúns letrados dixeron para si:
—Este home blasfema.
Coñecendo Xesús o que pensaban, díxolles:
—¿Que cavilades nos vosos adentros? ¿Que é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—: “érguete, colle a padiola e vai para a casa”.
E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal poder á xente.

Meditación
O corpo e o espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza—, con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa, liberadora?

Oración

Que poder máis grande tiñas, Xesús!
Que poder máis grande recibías de Deus!
Sandar os corpos e máis os espíritos,
asentar corazóns,
recompoñer e vigorizar vidas,
enchéndoas coa seguridade do perdón,
das mans dun Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais, Xesús,
porque compartes connosco os teus poderes,
e nos fas capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar vidas,
de sementar esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús, grazas.

Acción
Podemos visitar hoxe algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.


3 de xullo: festa de Santo Tomé apóstolo

Evanxeo: Xn 20, 24-29
Tomé, un dos doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Paz convosco
Despois díxolle a Tomé:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches? Benia as persoas que creron sen me veren!

Meditación
Somos moitas as persoas ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de que Xesús resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en Deus dunha existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar, dicimos ás veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e resucitado poida estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a máis empobrecida, a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos crer que tocando a esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente servimos a Cristo, que coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a mellor vida relixiosa. Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.
Pero a vida humana é así. Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no aire, no campo da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa fraxilidade e a súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as amizades que sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan o meu, mesmo os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a produción ou para o lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é substancialmente humana tamén.

Oración

Meu Señor e meu Deus!
Meu Pai en quen confiar,
miña Nai en quen acougar!
Meu Amigo con quen compartir,
miña Irmá na que me apoiar!
Meu Compañeiro no que me recrear,
miña Mestra coa que madurar!
Miña Confidente que me comprende,
meu Guieiro que me encamiña!
Miña Criada que me atende en todo,
Meu Gardián que coida de min!
Meu Respecto que sempre me desborda,
Meu Agarimo que sempre me acubilla!
Meu Señor e meu Deus!

Acción
Podemos achegarnos a algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros. Tocamos as súas feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas do mesmo Cristo. E facemos o que a nosa fe nos pida facer.


4 de xullo: sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 14-17
Naquel tempo achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
—Nós e máis os fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por que non o gardan os teus discípulos?
Respondeulles Xesús:
—¿Poden os compañeiros do esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos novos  para que ambos os dous se conserven.

Meditación    
Na cultura relixiosa dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.
Pero Xesús non entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos que non é posible acoller a novidade de Xesús?

Oración

Que nunca nos chufemos, Xesús,
de andar fielmente polos teus camiños.
Que nunca sinalemos aos demais
como os errados e arredados de ti.
Que sexamos suficientemente humildes
como para ver que todos temos as mans sucias
e o corazón encollido.
Que nos renovemos á luz da túa vida,
para que as nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo como ti o servías.
Purifícanos o corazón e a vida, Xesús,
para que a túa fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo as nosas vidas.

Acción
Todos formamos parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.