18 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 12ª semana





21 de xuño: domingo 12 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 26-33
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se venden un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.
Pois vós mesmo tendes contados os pelos todos da cabeza. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos. Todo o que volva por min diante da ente tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante da xente eu negareino a el diante do meu Pai celestial.


Meditación:
Se somos xente cun claro estilo de vida cristiá, tamén nós podemos ter conflitos nos tempos de hoxe. Seguindo a Xesús, tendo en conta o tipo de conflitos que el tivo no seu momento, podiamos tamén nós pensar no tipo de conflitos polos que poderiamos pasar se actuásemos vivamente coma xente cristiá, coma seguidores de Xesús. Xesús tivo conflitos coas autoridades relixiosas, porque para el a persoa humana estaba por riba dos intereses relixiosos, fosen os que fosen, e non ao revés. Tivo conflitos con quen lle botaba en cara ao seu apego pola xente débil, pecadora, marxinal, cousa que para el era algo realmente sagrado. Tivo conflitos coas autoridades relixiosas que facían do culto un negocio e non un espazo de encontro libre e curador con Deus. Tivo conflitos con quen entendía que triunfar na vida era ter poder, mando, dominio, e non ser servidor, o máis servidor de todos. Tivo conflitos con quen nin se deixaba perdoar nin perdoaba, pechando portas ao redor de si, sobre todo á xente máis débil. Tivo conflitos con quen lle pedía postos, privilexios, enchufes, e nos entendían que ese é precisamente o estilo do mundo. Tivo conflitos con quen facía da comunidade un lugar de diferenzas, que fala de pais, mestres, dirixentes, xerarquías, e non un lugar de pura e dura fraternidade. Tivo conflito cos poderes políticos, porque formaban parte do sistema que explotaba a xente débil. Estes e outros campos de conflito vividos por Xesús poden iluminar os nosos conflitos actuais, pódennos axudar a estar neste mundo coa conciencia de Xesús.
O evanxeo de hoxe pon á nosa disposición algúns criterios, algunhas actitudes, coas que enfrontarnos a esas dificultades ou conflitos. A primeira sería dicir con franqueza, con afouteza, a plena luz o que no silencio persoal e comunitario fomos aprendendo de Xesús e dos seus seguidores e seguidoras. Sen medo, con humildade, baseados na luz do Espírito que nos acompaña sempre. Iso si, sen querer substituír o Espírito polas nosas propias ideas, polos nosos propios manías.
Outro criterio sería o de saber diferenciar ben entre o que mata o corpo e o que mata o espírito, é dicir, o que acaba co conxunto da persoa e fai dela un farrapo. Normalmente estamos sempre moi atentos ao que nos fai mal no corpo: os cartos, a posición, a aparencia social, pero deixamos máis de lado o que prexudica o espírito: a formación, a integración social, a igualdade de oportunidades e valoracións, a sensibilidade polo débil, a solidariedade, a falla de honradez, o desinterese pola propia coherencia, etc.
Outro criterio para nos manexar ben coma cristiás no medio das dificultades desta vida sería o da confianza máis absoluta en Deus. Seremos pouca cousa, pero estamos nas mans de Deus. Cústanos abrirnos a esta confianza total en Deus. Enchémola de tantas reservas, que Deus acaba quedando aí a un lado, como algo que en teoría dicimos que conta, pero en realidade facemos todo como se Deus non existise, contando soamente coas cartas que nós mesmos temos na man. E Deus non falla, cando nel poñemos todas as nosas confianzas. E incluso, así o podemos dicir baseados no mesmo Xesús, tampouco nos falla el, cando nós nos esquecemos del.     
A Eucaristía é o momento de asolagarnos no Corpo e no Sangue de Xesús, no seu estilo de vida, no seu Espírito; un lugar onde sacar forzas para desenvolvernos logo na vida con humildade e valentía, sen ir de chulos polo mundo, pero tampouco sen nos encoller, como se o de Xesús non valese para nada.

Oración

Quero confiar en ti, meu Deus,
como dicía Xesús,
como facía Xesús.

Quero vivir na seguridade
de que nada cae nin se ergue
sen o consentimento do Pai,
sen a súa olla atenta,
sen o seu corazón solidario,
sen a súa oferta de total esperanza.

Quero vivir na confianza plena
de que todo o meu,
todo o de cada un dos meus irmáns e irmás,
todo o da comunidade,
todo o do mundo
está en moi boas mans,
está nas túas mans, Pai.

Nin o paxariño máis cativo
cae ao chan sen o acompañamento amoroso de Deus!
E como non vai mirar Deus
con amor comprometido
por quen somos os seus fillos e fillas!
Ata os pelos todos das nosas cabezas
están contados solicitamente
—dicía Xesús de forma ben gráfica!

Quero vivir na confianza, meu Deus,
na confianza que só ti es capaz de xerar.
Quero vivir sen medos,
na valentía humilde que só ti es quen de facer xurdir.

Señor, Señor,
polo teu amor!

Acción
Estamos vivindo uns tempos moi recios. Como persoas cristiás, nos lugares concretos onde vivimos, podémonos xuntar para ver que podemos facer para contribuír a unha boa integración social e económica do país? ¿Con que dificultades nos estamos atopando? ¿Como as podemos afrontar?


22 de xuño: luns da 12 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7,1-5
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo co que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”,  tendo ti unha trabe no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

Meditación
Canto necesitamos andar con total humildade pola vida! Todas, todos temos a tendencia a vernos a nós mesmas/os no certo, na verdade, con comportamentos correctos sempre coa familia, cos veciños e veciñas, nas cousas da fe cristiá. A todos e todas nos sae andar xulgando e criticando a uns e outros, subliñando os seus defectos e pecados, que os terán, para así quedar sempre nós máis por riba, como persoas boas, xustas, correctas en todo.
Xesús invítanos a ollar para nós mesmos. Invítanos a ser honestas e verdadeiras con nós mesmas. Invítanos a non deixarnos enganar, que é moi doado facelo. Invítanos a ollar os nosos feitos con obxectividade, sen trampas; invítanos a ollar as nosas intencións, o que nos move por dentro, aló no fondo, porque é aí onde nace o ben ou o mal, a bondade ou a malicia. Se nos miramos con calma, con verdade e a fondo, seguro que se nos quitarán as ganas de andar criticando a demais xente, teremos unha ollada moito máis humilde, máis comprensiva, máis agarimosa, e axudaremos mellor a facer comunidade, parroquia e pobo.

Oración

Que gran regalo, meu Deus,
o de aprenderme a ollar para min mesmo!
Que gran regalo
descubrir con paz e humildade as miñas zonas escuras!
Que gran regalo
abrirme os ollos para ver o mal que fago, o ben que deixo de facer!
Que gran regalo
poder mergullarme nas miñas intencións de fondo
e descubrir as trampas do meu ser, do meu actuar!
Que gran regalo
poder facerme así persoa comprensiva, amorosa, paciente,
persoa comunitaria, persoa irmá.
Que gran regalo
a palabra próxima, amorosa, de quen me avisa e corrixe!
Meu Deus, meu Deus,
que saiba abrir o corazón para recibir ese teu regalo!
Grazas.

Acción
¿Estamos facendo dalgún xeito, con algunha persoa, iso do que nos advirte Xesús? ¿Estámolo facendo tamén con algún grupo, algún sector da Igrexa, algún partido político? ¿Como podiamos cambialo? ¿Como corrixir e deixarnos corrixir con humildade, con amor?


23 de xuño: martes da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 6.12-14
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non deades o sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as esmaguen cos pés e, virándose, vos esnaquicen.
Así que tratade a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e máis os Profetas. Entrade pola porta estreita, porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitas as persoas que entran por el. Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!

Meditación
Tres advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país, cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria. Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo, constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia, resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque nos quere ver sans e robustos na vida.

Oración

Xesús,
quero estar cabo ti
para que me aprendas
as cousas simples e fondas da vida.
Gústame iso de non xogar coa vida, Xesús,
de non xogar coa xente, coa convivencia,        
de coidar todo o que a agranda e favorece.
Gústame tamén iso de non xogar coa fe,
non xogar contigo, con Deus,
non xogar coas cousas todas do teu Evanxeo:
acollelo, amalo e, no que poida, vivilo.
Estou disposto a traballar, a esforzarme,
a non deixarme levar pola preguiza, polas apetencias.
Apréndeme a facelo sabiamente, Xesús,
para que en min, en todos e todas nós,
resplandeza a vida, a ledicia, a paz e o ben;
e así facer da vida un xogo gozoso
e do trato coa xente e con Deus unha festa permanente.

Acción
Por nugalla ou preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade, para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?


24 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista

Evanxeo: Lc 1, 57-66.80
Cando a Sabela se lle cumpriu o tempo, deu a luz un fillo. En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer o nome de Zacarías coma seu pai. Pero interveu a nai dicindo:
—Non, chamarase Xoán!
Eles replicaron:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Preguntáronlle por xestos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir e puxo:
—Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron sorprendidos. E se súpeto ceibóuselle a lingua e empezou a falar bendicindo a Deus. A xente veciña quedou toda abraiada e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. Todos os que o oían dicían moi impresionados: “¿Que vai ser deste neno?” Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño medraba, robustecíase o seu espírito e vivía no deserto ata o día de se manifestar a Israel.

Meditación
Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías  estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, como estaba absolutamente cimentado en Deus, como lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.

Oración

Bendito, Xoán,
no teu nacemento
no que se xuntou o amor duns pais crentes
co Espírito de Deus que todo o fertiliza!
Bendito, Xoán,
porque a man de Deus sempre estivo contigo
e te deixaches guiar sempre por ela,
e nela buscaches apoio e seguridade!
Bendito, Xoán,
que puideches medrar e robustecerte no Espírito
poñendo da túa parte o que Deus che ía pedindo!
Bendito, Xoán,
que nos desvelas o que pasa con todas nós:
tamén froitos do Espírito para a construción persoal,
para a construción comunitaria!
Bendito, Xoán,
forte e dócil,
seguro e humilde,
libre a todos os xeitos e por iso mesmo crítico,
aberto a todos os sinais de Deus,
aberto a Xesús!
Bendito, Xoán,
primo de Xesús,
mestre de Xesús,
discípulo de Xesús!
Admirámoste, agradecémoste.
¡Bendita tamén a nai que te pariu e os peitos que te criaron!

Acción
Na festa de Xoán o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi importante no noso crecemento humano e espiritual.


25 de xuño: xoves da 12ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 7, 21-29
Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non todo o que me di: “Señor, Señor” entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do meu Pai celestial. Moitos hanme dicir naquel día: “Señor, Señor, ¿non profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e non fixemos moitos milagres no teu nome?” Pero daquela eu heilles dicir abertamente: “Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os malfeitores!”
Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na rocha. Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica, pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval e bateu contra a casa, que se derrubou sendo grande a desfeita.
E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina, porque lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.

Meditación
Onte dicíanos que nos damos a coñecer polos nosos feitos, bos ou ruíns. Hoxe Xesús, na mesma liña, dinos que os feitos bos son moito máis importantes que os nosos rezos, as nosas afirmacións relixiosas, o noso  falar de Deus, ou calquera cousa máis ou menos marabillosa que poida saír de nós nese campo.
Para Xesús os feitos son bos cando responden á vontade de Deus. E a vontade de Deus non é algo máxico, nin algo que se nos manifesta así polas boas. Para Xesús o máximo era sempre facer a vontade de Deus, e para atinar coa vontade de Deus el buscaba, compartía, pensaba, razoaba, sentía, rezaba, actuaba. Así descubría a vontade de Deus e facíaa súa; a súa propia vontade era unha coa de Deus. Eran un. Pois o mesmo para nós: atinar coa vontade de Deus en cada circunstancia da vida non é copiala dun libro, senón poñer o corazón e a cabeza a andar, con humildade, abertas ao que outras persoas buscadoras nos transmiten tamén. A vontade de Deus non tripa a nosa. A nosa tamén se pode ir facendo unha coa de Deus. Unha aventura impresionante.

Oración

Unha casa sobre pedra,
sobre a pedra firme da túa vontade.
E non sobre as areas corredías dos meus quereres.
Ai, canté, meu Deus, canté!
Quen me dera ir limpando os meus quereres todos
ata descubrir neles
os sinais da túa vontade
que ti desde o día e hora do meu nacemento
inseriches no meu ser!
E así poder construír unha boa casa onde habitar,
casa familiar, comunal,
casa aberta a calquera persoa visitante ou peregrina,
a calquera persoa buscadora,
casa de Deus para quen queira entrar.
O meu corazón, casa de Deus.
A miña vida, casa de Deus.
A miña casa, casa de Deus.
A miña comunidade cristiá, aberta e gratuíta,
casa de Deus.

Acción
¿Como estamos construíndo a casa da nosa vida? ¿Sobre que a construímos? ¿A que cousas lle damos importancia para ter unha casa firme, sólida, a proba das sacudidas da vida? ¿Estamos abertas/os ao que Xesús nos suxire?


26 de xuño: venres da 12 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 1-4
Cando Xesús baixou do monte, foino seguindo moita xente. E nestas achegouse a el un gafo, que, prostrándose ante el, díxolle:
—Señor, so con que queiras pódesme limpar.
Xesús estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Quero, queda limpo.
E, coa mesma, quedou limpo da lepra. E díxolle Xesús:
—Mira, non digas nada; pero vai, preséntate ao sacerdote e ofrece o donativo que prescribiu Moisés para que lles sirva de testemuño.

Meditación
Un gafo, un leproso, era naqueles tempos unha persoa completamente excluída da vida social e relixiosa. Era opinión común que, se tiñan tal desgraza, era porque algo mal tiñan feito; é dicir, pensábase que eran persoas excluídas polo mesmo Deus, como castigo. O medo ao contaxio e enfermar coma eles, o medo á impureza relixiosa na que un incorría só con tocalos, obrigábaos a vivir fóra das aldeas e vilas, á intemperie total.
Un destes achégase a Xesús, solicitando curación con moita confianza. Xesús tócao, saltándose a norma que prohibía totalmente tocarlles, cúrao, intégrao na vida social e relixiosa e mándalle facer o requisito que os leprosos tiñan que facer para recibir como o certificado de curación que os devolvese á normalidade.
Este é o noso Xesús. Tantas veces batendo con xente marxinal, tantas veces apostando pola súa integración total. Esa era unha das liñas claras da súa forte conciencia relixiosa.

Oración

Bendito, Xesús,
na túa fonda humanidade,
na túa atrevida liberdade!

Bendito, Xesús,
no apego entrañable
co que atendías a quen a ti se achegaba!

Bendito, Xesús,
na forza de ben e de vida
que saía das túas mans solidarias!

Bendito, Xesús,
na xente que hoxe te imita
ofrecendo servizo humanitario.

E benditos, benditas nós,
se nos sabemos achegar a ti con confianza,
para sermos persoas curadas e integradas a fondo,
para aprender tamén a curar e integrar.

Acción
Abonda a xente deixada de lado nos nosos tempos, dentro e fóra do noso país. Seguro que algo poderemos facer, ao estilo de Xesús, para que ninguén se sinta excluído en nada.


27 de xuño: sábado da 12 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 8, 5-17
Un día, ao entrar Xesús en Cafarnaúm, achegóuselle un centurión que lle suplicou dicindo:
—Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
Replicoulle o centurión:
—Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito; abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure. Que eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai” e vai; a aqueloutro: “ven” e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.
A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles aos que o seguían:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moitos de Oriente e máis de Occidente virán sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacobe, no reino dos ceos. Pero aos fillos do reino botaranos para fóra, á escuridade; alí será o pranto e o triscar os dentes.
E Xesús díxolle ao centurión:
—Vaite, que se cumpra segundo a túa fe.
E naquela hora curou o criado.
En chegando Xesús á casa de Pedro, atopou a sogra deste deitada con febre. Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo. Contra a tardiña leváronlle moitos endemoñados e coa súa palabra botoulles fóra os espíritos e curou os enfermos todos. Así cumpriuse o que deixara dito o profeta Isaías: “Apandou coas nosas doenzas e cargou coas nosas enfermidades”.

Meditación
Se onte era o leproso, hoxe é o centurión quen mostra unha extrema confianza en que Xesús é quen de curar o seu criado enfermo. Como ao mesmo Xesús, tamén a nós nos pode desconcertar esa fe do centurión, un oficial do exercito invasor que tiña dobregado ao pobo de Israel; unha persoa nada ben vista polo tanto, pero que emporiso creu en Xesús, abriuse á súa forza de curación e de reintegración social, e converteuse nunha referencia de apertura relixiosa.
Este oficial do exército invasor deixaba así co cu ao aire a tantas persoas relixiosas do mesmo Israel, que non tiveron ollos nin corazón para descubrir que naquel Xesús, veciño seu, facíase Deus presente para eles iniciando un momento espiritual e social novo. Este mesmo oficial tamén a nós nos pode deixar co cu ao aire, por moi católicos que nos consideremos, se a nosa fe en Xesús palidece nas nosas mans e, en verdade, pouco significa para a nosa maneira de vivir e de construír parroquia, sociedade.

Oración

Sen trapalladas,
sen meiguerías,
quero confiar en ti, Xesús.

Coma o anónimo leproso,
coma o anónimo centurión,
quero confiar en ti, Xesús.

Co meu corpo,
coa miña intelixencia,
cos meus sentimentos,
con todo o meu ser,
quero confiar en ti, Xesús.

Nas horas brandas,
nas horas duras,
quero confiar en ti, Xesús.

Xa sei que o fas
porque iso é o teu,
pero esperta e confirma a miña fe, Xesús.

Acción
Seguro que temos reparado en como moitas veces xente que di non crer nos sorprende con comportamentos excelentes. Recordamos algún caso deses e aprendemos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.