5 de xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 11, 25-30
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai,
Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e
aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por
che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo
agás o Pai, nin coñece ninguén o pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo
queira revelar.
Achegádevos a min todas
as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu
xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo
para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña cara liviá.
Meditación
Quen era no tempo de
Xesús esa xente pequena, cansa e oprimida, pola que el daba grazas ao Pai, e a
quen el lle ofrecía compaña, alivio e liderado? Maioritariamente era a xente
que máis padecía as consecuencias negativas de estar sometida ao imperio
romano, a través das amplas e duras redes de dominio que estendía nas
poboacións que dominaba. Xente sobre todo rural, pobre, xente cargada de
impostos, xente endebedada, xente que escasamente tiña con que vivir, xente
enferma, xente atormentada, xente desequilibrada moitas veces, xente sen
esperanza de que as cousas puidesen cambiar, xente fundida, xente para quen a
relixión, no canto de ser un mundo de esperanza, se convertía nun peso máis que
se sumaba ás outras cargas. Seguro que non nos será moi difícil entender quen
son no día de hoxe, no noso tempo e sociedade, esa xente pequena pola que Deus
e Xesús senten tanta preferencia e mesmo admiración. Seguro que a todos, todas,
se nos veñen á cabeza nomes e rostros moi concretos. Bo é que pensemos neles,
nelas, por un momento, que lles abramos as nosas vidas á súa presenza.
Desa xente o evanxeo de
hoxe di dúas cousas importantes. Primeira, que a Xesús lle provocaron
admiración e agradecemento. Descubría nesa xente cousas, actitudes,
disposicións que non vía noutra xente ben situada economicamente, intelixente,
de boa sona social. Xesús aprendeu desa xente. Descubriu a Deus, ollando para
esa xente. Vía que eran persoas que desde a súa debilidade máxima tiñan o
corazón e a vida abertos ás cousas de Deus, aos soños de Deus, que consistían
sempre en dignificar as súas vidas, en lles dar respiro, en crear fraternidade,
en facer xustiza. Esa era a xente que enchía os días de Xesús e da que con
tanta frecuencia nos fala o Evanxeo. Somos nós desa xente pequena? E, se non o
somos, sabémonos achegar a ela para axudarlles a ter alivio nas súas vidas de
cada día, pero tamén para aprender delas, dado que son xente preferida de Deus,
nas que seguramente Deus deixa bos sinais da súa presenza? Como nos situamos
ante esa xente pequena na nosa comunidade cristiá?
Pero Xesús, que pasaba e
pasa moitísimo tempo compartindo os cansazos e aperturas desa xente pequena,
que tanto aprendía dela, deseguida se ofrece tamén, con todo o que el ten e
pode, para levar respiro, liberdade, acougo a esas vidas maltratadas.
Ofrécelles a súa amizade, a súa compaña íntima. Ofrécelles compartir os soños
nos que el anda metido: levar alivio ás multitudes maltratadas. Ofrécelles
romper con todo xugo de opresión, moi representado daquela polas redes abusivas
do imperio romano, e representado hoxe polo imperio financeiro mundial,
causante de tantos atropelos contra as persoas e os pobos. Ofrécelles non pan e
circo, charanga e pandeireta, senón o alivio, a alegría fonda de quen entra no
xugo recio e suave a un tempo da fraternidade, que ese é o xugo doado de levar
e livián de Xesús. Que lle ofrecemos nós, como persoa, coma comunidade cristiá,
á xente pequena que nos rodea?
A Eucaristía é un espazo
apropiado para que o noso corazón se satisfaga comunitariamente coas cousas de
Xesús, e se fortaleza para vivir cada día compartindo vida coa xente sinxela,
cansa, aflixida, oprimida.
Bendicións
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
porque a xente
pequena, sinxela,
a xente sen
cartos nin poder,
a xente que non
conta aos ollos deste mundo,
é a túa
preferida.
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
porque non
pensas como pensamos os humanos;
ollas con
preferencia extrema as máis desfavorecidas
e ábreslles con
máis facilidade
o teu corazón,
os teus dons, o teu misterio.
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
pola xente
pobre e marxinal
coa que tés
trato e intimidade especial;
na súa
fraxilidade intúen a túa presenza liberadora,
suspiran pola
vida, polo afecto,
polo pan, pola
paz, pola dignidade,
e desexan
ardentemente un mundo novo,
un corazón novo
para unha nova
xustiza, para unha nova sociedade.
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
porque che
prace que as cousas sexan así,
e invítasnos
polo mesmo
a descubrir a
valía da xente pequena
e a enredarnos
con ela coma ti.
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
por Xesús de Nazaré,
o teu fillo ben amado,
que coa súa
palabra e a súa vida
nos abriu os
ollos e o corazón,
para que
aprendésemos a ver a vida
desde o lado e
o mérito da xente sinxela.
Bendicímoste,
Pai/Nai do ceo,
porque en Xesús
e con Xesús nos invitas
a sermos acollidos/as
coma xente pequena
e a acoller
tamén a todas as persoas que o son,
creando redes
sólidas de alivio e de esperanza,
de acougo e de
espírito de loita,
para facer máis
doada de levar a carga das nosas vidas.
Acción
¿De que clase de xente
formamos parte? ¿Da que é sabia e prudente, ou da humilde? Se somos da xente
humilde, sentimos que somos xente preferida de Deus? ¿E cal é a xente preferida
nosa? ¿Preferimos a xente humilde como o fai Deus? ¿En que demostramos esas
preferencias? ¿Que podería facer para demostrarllas máis aínda?
6 de xullo: luns da 14ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 18-26
Nunha ocasión, mentres
Xesús lle falaba á xente, apareceu unha persoa importante que se prostrou
diante del e lle dixo:
—A miña filla acaba de morrer.
Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
Ergueuse Xesús e seguiuno
cos seus discípulos. Nisto, unha muller que padecía hemorraxias dende había
doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, dicindo para
si:
—Se lle dou tocado a
roupa, xa curo.
Xesús virouse e ao vela
díxolle:
—¡Ánimo, filla, a túa fe
sandoute!
E dende aquel instante a
muller quedou curada.
Ao chegar Xesús á casa do
home aquel importante, viu os frautistas e máis o barullo da xente e dixo:
—Apartade, que a rapaciña
non está morta; a rapaza dorme.
A xente ríase del. Pero
el botou para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela
ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda.
Meditación
O día 1 de xullo, domingo
13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que contados polo
evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos a ver o
fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de solidariedade,
mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a intervir. Xesús
que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental a fe de quen
con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o corazón, a vida,
coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos, convertendo en vida o
que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era recoñecido e admirado
Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen milagres Xesús era o que
era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos, recuperacións, vida. Xesús
realmente daba gusto.
Oración
Impós a túa man
sobre nós, Xesús,
porque iso é
sempre o teu.
Mans cheas de
bendicións,
porque ti eras
e es todo bendición.
Mans cheas de
perdón,
porque ti mesmo
eras e es o perdón de Deus.
Mans cheas de
alentos,
porque o
Espírito de Deus corría polas túas veas.
Mans cheas de
curación,
porque curador
da humanidade aceptaches ser.
Mans cheas de
vida,
porque en ti
ata a mesma morte se fixo vida.
Impón a túa man
sobre nós, Xesús.
Acción
Podemos mirar se nós,
como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar próximos ás
persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que poderemos
mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.
7 de xullo: martes da 14ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 32-38
Nunha ocasión
presentáronlle a Xesús un mudo endemoñado. E así que lle botou o demo fóra, o
mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
—Nunca tal cousa se viu
en Israel.
Pero os fariseos dicían:
—Bota os demoños co poder
do xefe dos demoños.
Xesús percorría todas as
vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e
curando toda enfermidade e doenza. Pero,
vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos
derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolle aos discípulos:
—A anada é ben boa, pero
os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande
xornaleiros á súa ceifa.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo
permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de Xesús: un
sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que andaba
machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que lles
valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a compaixón
convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo o que
podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel nunha
crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con
indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así;
incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo;
en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes
como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación
calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas
que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen tendo
actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de vida
arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de Deus. ¿Que
facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos dicimos?
Oración
Unha cousa me
pides, meu Deus,
unha cousa
soamente:
que a vida non
me sexa indiferente.
Que o corazón
non se me encolla,
que os ollos
non se pechen
ante a miseria
evidente.
Que non vexa
como normal
o que é
absurdo, repelente.
Que sinta, ame
e me una
a quen soña
diferente.
No teu nome,
meu Deus,
ou no nome do
que queira ou de quen queira,
pero nunca,
nunca, indiferente.
Acción
As persoas e países
europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Que resposta lle
dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De que forma concreta estamos colaborando? ¿Somos
sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?
8 de xullo:
mércores da 14ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 1-7
Unha vez Xesús chamou os
doce discípulos e deulles poder para que botar os espírito malos e para curar
toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro
Simón, chamado Pedro, e máis André, seu irmán, Santiago o do Zebedeo e máis
Xoán, seu irmán; Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos,
Santiago o de Alfeo e máis Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que
o entregou.
A estes doce mandounos
Xesús con estas instrucións:
—Non vaiades a terra de
pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide mais ben ás ovellas perdidas
da casa de Israel. E mentres camiñades,
proclamade que xa chega o reino dos Ceos.
Meditación
Cada un, cada unha no
noso grupo, comunidade ou parroquia temos un nome particular, unha historia
propia, un xeito de ser, unhas calidades especiais, nunha variedade que nos
singulariza e enriquece a todo o conxunto. Iso é ser comunidade. E a esta
comunidade que hoxe nós somos tamén Xesús nos envía a proclamar que o de Deus
xa está aquí, no medio de nós, que o podemos percibir na vida e nos feitos
doutras persoas, e que o podemos poñer en evidencia co noso estilo de vida, cos
nosos feitos. Onde hai melloría para os seres humanos no corpo e no espírito
hai reino de Deus. Non se entende anunciar e traballar polo reino de Deus sen
esa implicación en todo o que leve conforto e alento á xente, sobre todo á máis
vulnerable.
Oración
Conto contigo,
Xesús,
sen ti, sen o
teu Espírito
son incapaz de
levar adiante a tarefa
que me propós,
a min e á
comunidade da que formo parte.
Que unha cousa
son as ideas,
e outra a
disposición firme para darlles vida.
Oio no me
interior que me dis:
a miña forza
tela asegurada;
eu tamén conto
contigo.
Acción
Podemos pensar en que
cousas concretas de conforto e alento da xente estamos nós anunciando o mundo
novo de Deus polo que Xesús loitou ata a morte.
¿Podería eu facer algo máis, dadas as miñas particulares calidades e
habilidades?
9 de xullo: xoves da 14 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 7-15
Naquel tempo díxolles
Xesús aos seus apóstolos:
—Ide e proclamade que xa
chega o Reino dos Ceos. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos,
botade demos. E dade de balde o que de balde recibistes. Non levedes na faixa
nin outro, nin prata, nin cobre; nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas,
nin sandalias, nin caxato; porque o traballador ben merece a súa mantenza.
Cando entredes en calquera vila ou aldea, informádevos se hai alguén de
confianza e permanecede alí ata que marchedes.
Ao entrar na casa,
saudade. Se a casa é digna, a vosa paz virá sobre ela; pero se non é digna, a
vosa paz volverá a vosoutros. E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas
palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés.
Asegúrovos que o día do Xuízo será máis suave para Sodoma e Gomorra do que para
aquela vila.
Meditación
Na Igrexa
andamos hoxe ás voltas sobre como compartir esa Boa Nova de Xesús da que nos
sentimos herdeiros. ¿Que podemos aprender e conservar deste programa que lles
propoñía Xesús aos seus apóstolos?
Que hai que
saír, que non nos podemos quedar nas igrexas e no que nas igrexas se fai; que
hai que saír aos camiños onde anda a xente crente e non crente, coas súas vidas
máis ou menos felices ou infelices. Que hai que partir antes de nada das
necesidades reais que ten a xente, do corpo ou do espírito. Que hai que ofrecer
gratis o que gratis nos foi dado. Que hai que evanxelizar non desde o poder,
senón desde o baleiro, a fraxilidade. Que hai que achegarse á xente con certa
audacia, pero sempre en paz, desde a paz, para a paz. Que hai que estar
dispostas a ser rexeitadas, desprezadas. As ameazas, iso si, sobran. Deus dirá.
Cada vez vemos máis claro que este labor evanxelizador é cousa de todas as
persoas que compoñemos a comunidade cristiá. Cada vez vemos máis claro que iso
de deixalo todo nas mans dos curas non vale, é mala cousa.
Oración
Como levarte no
corazón, na vida, Xesús,
para te poder
transmitir coa simple presenza,
coa palabra,
cos feitos, coa vida?
Como deixar que
en nós, coma en ti,
todo sexa
rotundamente gratis, xeneroso, desmedido?
Como estar ao
carón das necesidades da xente,
sen aproveitarnos
delas, servindo libremente?
Como sermos
xente de paz, por dentro e por fóra,
para transmitir
paz, non a nosa paz fráxil,
senón a paz
consistente, substancial, de Deus?
Como vivirte e
dicirte con sinxeleza,
sen amargura,
con alegría,
desde o gozo de
podermos ser
simple
prolongación da túa solidariedade no medio do pobo?
Acción
Podemos mirar algo en que
cousas concretas nos estamos implicando na tarefa de anuncio da Boa Nova que
toda a comunidade temos encomendada. ¿Podemos mellorar o noso servizo? ¿En que,
como?
10 de xullo: venres da 14ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 16-23
Naquel tempo díxolles
Xesús aos seus apóstolos:
—Vede que vos mando coma
ovellas entre lobos! Así que sede
prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa
xente, porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E
pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de
min diante deles e dos pagáns.
E, cando vos entreguen,
non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora
hásevos inspirar o que tendes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón
que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen
a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata
facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final,
salvarase. Cando vos persigan nunha vila, fuxide a outra, porque de certo vos
aseguro que non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o
Fillo do Home.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo
está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no medio do
mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está pasando hoxe
no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América Latina. Xente cristiá que é asasinada por ser
cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos que
aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos xente
moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza, aínda
que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a conciencia
fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por estarmos tan
metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos cadren máis os
avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois andamos entre quen
estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus; “sede prudentes
coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden coar por todos os
lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña causa”, por “dar
testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social, política ou mesmo
relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o voso valedor sempre.
“Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia concreta tamén, está
aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.
Oración
No mundo,
contigo, coma
ti,
pero sabéndonos
ovellas entre lobos.
No mundo,
pero sinxelas
coma pombas e astutas coma serpes.
No mundo,
pero tendo
coidado coa xente crida no sistema
e co sistema
que vai dentro de nós mesmas.
No mundo,
pero
comprometéndonos a fondo coa túa causa,
dando testemuño
de ti con humilde ousadía.
No mundo,
pero sen
deixarnos levar pola angustia.
No mundo,
pero confiando
a fondo no teu Espírito
que guiará os
nosos feitos, as nosas palabras.
No mundo,
pero soñando
cunha terra nova, cun ceo novo
no nome do Deus
comprometido coa vida.
Acción
¿Estamos tendo algún tipo
de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen eses
conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Como levamos eses
conflitos?
11 de xullo: sábado da 14 semana do Tempo
Ordinario. Festa de San Bieito, patrón de Europa
Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle Pedro a
Xesús:
—Pois nós deixámolo todo
e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando cheguen os novos tempos e o fillo do
Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce
tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel que deixou casas
ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá
cen veces máis e herdará a vida eterna.
Meditación
A Bieito de Nursia
(480-547) tocoulle vivir nun momento
convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos,
e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha
Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado
convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou
contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida
enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e
logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en
todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde
os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro
era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social.
Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten
como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior
e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na
referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a
humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos
monxes; podemos tamén aprender deles.
Oración
Seguirte,
Xesús,
saír da rutina
e seguirte.
Sen deixarse
envolver
polo balbordo
do mundo,
polos seus
cantos de serea,
polas súas
promesas fofas.
Seguirte,
Xesús,
simplemente
seguirte,
nun claustro ou
na casa,
de monxa ou de
labrega,
no mar ou en
terra,
coa familia, na
empresa,
sa ou enferma.
Seguirte,
Xesús,
co silencio
necesario,
coa palabra
amigable
co berro de
protesta,
sempre con
humildade,
sempre con
dispoñibilidade.
Seguirte,
Xesús,
seguirte de
cerca.
Acción
Sería un bo día para
poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo
pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas
beneditinas en Santiago (A Coruña) e en
Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes
trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos
e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos
vivir en maior fidelidade cristiá.
13 de xullo: sábado da 14ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 24-33
Naquel tempo díxolles
Xesús aos seus apóstolos:
—Un discípulo non é máis
ca o seu Mestre, nin un servo é máis que o seu Señor. Abóndalle ao discípulo
chegar a ser coma o seu Mestre, e ao servo, coma o seu Señor. Se ao dono da
casa lle chamaron Belcebul, ¡canto máis aos criados!
Pero non lles teñades
medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa
oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena
luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos
que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que
pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se vende un par de pardais por
catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai.
Pois vós ata os pelos da cabeza tendes contados. Así que non teñades medo, que
vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva por min
diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero
quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.
Meditación
A insistencia de Xesús
hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non teñades
medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que se
implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en
contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo
sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte—
coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que
certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo,
non abundan.
Os nosos medos
normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a
primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar.
Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida:
traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿como chegar a vivir esa
experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do
xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede
ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos
situar na vida. E ante que promesas e boas venturas.
Oración
Chégame,
chégame abondo, Xesús,
con ser servo
que imita o seu Señor,
ai, canté!
Chégame, Xesús,
con vivir na
limitación e na confianza,
á espera da luz
sobre a miña
propia persoa,
sobre tantas
cousas da vida que me desbordan.
Chégame, Xesús,
con non ter
medo
a quen me pode
amolar de mil maneiras,
pero nunca
poderá violarme no meu íntimo,
onde Deus
garante eternidades.
Chégame moito,
Xesús,
con saber que
ata os pelos da miña cabeza
están todos
contados… e coidados,
porque eu, coma
calquera outro irmán ou irmá,
sexa crente ou
non,
somos cousa
preciosa para Deus.
Chégame,
chégame abondo, Xesús,
ser algo, un
chisquiño coma ti.
Acción
Podiamos hoxe pensar un
pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Que facemos con eses medos?
¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a eles? Sería
ben apropiado poder falar disto en grupo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.