28 de xuño: domingo 13 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 10, 37-42
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Quen ama a seu pai ou a
súa nai máis cá min, non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla
máis cá min, non é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non
é digno de min. Quen trate de conservar a vida, perderaa; pero quen a perda por
min, ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós,
recíbeme a min; e quen me recibe a min, recibe ao que me mandou. Quen recibe a
un profeta por ser profeta, terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto
por ser xusto, terá recompensa de xusto. E quen dea de beber a un destes
pequenos, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca por ser discípulo meu,
asegúrovos que non perderá a súa recompensa.
Meditación:
O Evanxeo é sempre
palabra de vida para nós, por iso será ben que nos preguntemos como estas
palabras, aparentemente duras de oír e de vivir, poden ser para nós palabras de
vida.
“Quen ama a seu pai ou a
súa nai máis ca a min, non é digno de min; e quen ama a seu fillo ou a súa
filla máis ca a min, non é digno de min”. Xesús non nega amores, quere
fundamentalos ben. Xesús non nos pide que deixemos de lado a pais, nais,
fillos, fillas, irmáns, irmáns, calquera clase de parentes e xente amiga;
invítanos a asentar eses amores, a ordenalos no conxunto do noso diario vivir;
ofrécenos unha grande fonte de amores e fidelidades, abundante, completa, onde
acudir para manter todos os nosos amores, facelos fortes, sans, libres,
creativos, creadores, alegres. Ofrécese el mesmo coma fonte deses amores todos
que tanta importancia teñen na nosa vida. Ofrécenos a Deus mesmo coma fonte
inesgotable de amor para soster diariamente eses nosos amores. Podémonos
desentender de Xesús e amar ao noso xeito; podemos fiarnos de Xesús e ir á
escola de amores e solidariedades nos que el é un verdadeiro mestre.
“Quen encontre a súa
vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa”. A vida podémola
baleirar de graza, de sentido, de alegría, de vida, podémola perder
precisamente cando nos volvemos tolos querendo protexela para nós,
egoistamente, rodeándoa de todo tipo de comodidades, sen estar nada dispostos a
sacrificarnos nisto ou naquilo para que a vida chegue a todos, para compartila
con quen nos rodea. O máis fermoso da vida é a súa condición de cousa
compartida. Canto máis a compartamos, máis é vida para nós. Canto máis a
introduzamos no xogo da comunidade, no servizo da comunidade, dando e
recibindo, máis feliz se nos fai. Quen “perde” así a vida, no xogo das
solidariedades, encontraraa. Esta é a promesa fonda de Xesús. Quen perde así a
vida por Xesús, encontraraa. Hai aquí unha fonda sabedoría de vida, que as
persoas cristiás podemos experimentar e logo ofrecer a quen nos rodee. Xesús
quere a nosa felicidade e ábrenos camiños para que cara a ela avancemos con pé
firme. Fiémonos del.
Na Eucaristía atopámonos
con este Xesús recio, forte, valente, humilde, próximo, familiar, que se nos
regala no bocadiño de pan, no groliño de viño, e que nos invita a unha aventura
existencial insospeitada. Sempre desde o pequeno, o contracultural, o chocante,
o desconcertante. Pero aí está Deus, aí está a vida.
Oración
Quero ser
persoa digna de ti, Xesús,
un pouquiño
polo menos.
Quero
pronunciar o teu nome cada día
con respecto,
con agarimo, con verdade.
Quero poñerte
no centro do meu corazón,
da miña vida,
das miñas decisións.
Quero recibir o
teu alento cada mañá,
o teu
recoñecemento ou perdón cada tarde.
Quero gozar da
túa compaña cada día
e sentirte ao
meu lado na hora da miña morte.
Quero terte por
mestre no coñecemento e servizo de Deus,
no coñecemento
e servizo da xente, do pobo.
Quero entrar no
misterio fondo das túas propostas de vida
e podelas
experimentar ao teu lado.
Quero andar o
camiño da confianza en ti
e superar as
resistencias que me impiden tela.
Quero amar,
servir, levar a cruz contigo, coma ti, algo coma ti,
e vivir no
orgullo de ser discípulo, discípula túa.
Quero quererte,
Xesús,
e facerme un
contigo, en Deus, na comunidade, no pobo.
Acción
Seguro que temos a
experiencia de ver que cousas que nos custou o seu levalas a cabo, despois trouxéronnos
gozo e pracer, vida. Podemos recordar algunha e con ese recordo fortalecernos
para avanzar no que Xesús tamén nos propón.
29 de xuño: Solemnidade dos santos Pedro e
Paulo
Evanxeo: Mt 16, 13-19
Naquel tempo, cando Xesús
chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o
Fillo do Home?
Eles responderon:
—Uns, que Xoán Bautista;
outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que
son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo
do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo
de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai
que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou
edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche as chaves
do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que
desates na terra ficará desatado nos ceos.
Meditación
Celebramos a festa dos
santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos comezos do
cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os seus perfís
foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple, impetuoso,
apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo; coñeceu a
Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non deu
entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo na
conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día
aparecera polas praias de Cafarnaúm. De maneira sorprendente sobre esta persoa
apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar
o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha
Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón
unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda
perdóns. Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois que
van pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles
abriron tantas portas!
Paulo foi ben distinto de
Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía, contrario
acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da verdade; un
día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un ofrecemento
gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús, fíxoo a vida da
súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades, escribiu moito sobre
a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as comunidades cristiás
no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por defender o que defendía.
Nós somos persoas ben diferentes
entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que ten, a formación
que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é, pode ser, unha
persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas buscas persoais
que están petando á porta do noso corazón.
Oración
Grazas, meu
Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa
maneira animadores do camiño cristián.
Grazas polo
don, polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola
comunidade cristiá
que a partir
deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos
días.
Grazas polos
homes e mulleres
que a foron
enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas
súas fortalezas e debilidades,
que son as
nosas fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan
chulerías e prepotencias.
Grazas pola
xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña
e arrastra no seu seguimento.
Grazas pola
xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior
fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas
mulleres que fan Igrexa,
e a queren
pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre
soñaba Xesús.
Acción
Podemos pensar que papel
estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia da que
formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de Igrexa?
¿Poderiamos avanzar neste camiño?
30 de xuño: martes da 13ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 8, 23-27
Unha vez subiu Xesús a
unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan grande
temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos
fórono espertar, exclamando:
—Señor, sálvanos que
afogamos!
El díxolles:
¿Por que vos acovardades,
homes de pouca fe?
E, poñéndose de pé,
increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes, abraiados,
dicían:
—¿Quen será este que
mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?
Meditación
Na vida persoal pasamos
ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan dubidar de nós
mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo, que nunca é bo
conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da parroquia, ou na
vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado poñerlle nomes ás
grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os sentimentos, as
palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo Deus. E está ben
facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios, tranquilidade, acougo para
discernir ben a situación, para ver o que cómpre facer, para nunca nos sentir
sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas que nos pacifican e alentan a
fondo, que nos garanten que nunca a vida está abocada ao fracaso, nin sequera
coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros, podemos vivir asentadas nesta
fe, nesta calma, nesta esperanza.
Oración
Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos
respiro na vida:
o paro, a
crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa
que non dámos atendido!
A parroquia que
non vai,
a sociedade
escindida,
unha parte
grande do mundo afogada
por culpa de
políticas deshumanizadas!
O corazón, o
máis íntimo de nós
que anda á
intemperie,
sen saber onde
apoiarse
para poder
vivir
en paz, en
liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!
Acción
Podemos identificar algún
dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo con outras persoas,
con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos forzas para manexar
mellor eses medos.
1 de xullo: mércores da 13 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 8, 28-34
Naquel tempo, en chegando
Xesús á outra bando do lago, ao país de Gadara, saíronlle ao camiño dende uns
sepulcros dous endemoñados, tan asañados que ninguén se atrevía a pasar por
alí. E berrando dicían:
—¿Que temos que ver
contigo, Fillo de Deus? ¿Seica vés para atormentáresnos antes de tempo?
Había lonxe de alí unha
boa camada de porcos fozando e os demos rogáronlle:
—Se nos botas, mándanos
para o rabaño de porcos.
El díxolles:
—Ide.
Saíron e fóronse para os
porcos que, guindándose polo barranco
abaixo, foron dar ao lago, onde morreron afogados. Os porqueiros fuxiron,
chegaron á vila e contaron todo, incluso o dos endemoñados. E toda a vila saíu
ao encontro de Xesús. E, cando o atoparon, pedíronlle que abandonase aquela
terra.
Meditación
Posiblemente esteamos
ante un relato fantasioso, digno de formar parte dalgún evanxeo apócrifo. Pero
está aquí. E, dentro da súa fantasía, transmítenos algúns convencementos sobre
Xesús e sobre a súa maneira de estar coa xente que o rodeaba. Xesús andaba os
camiños, andaba polas periferias, como dicimos agora, e por iso frecuentemente
batía coa xente que nas periferias había, xente desfeita pola vida. Atribuíase
aos “demoños” calquera cousa que alterase a estabilidade psíquica dunha persoa.
Xesús plantáballe cara a eses “demoños”, é dicir, a todo o que facía que a
xente non puidese vivir con humanidade, con dignidade. Era forte para iso. E
moitas veces a xente que batía con el quedaba recuperada para a vida dunha
forma definitiva. O mal quedaba completamente superado, afogado, como afogados
quedaban nesta historia fantasiosa os porcos que foran caer ao lago.
Oración
Xesús, veño
onda ti,
para que me
aprendas o teu estilo de vida.
Non eras home
de libros e ordenadores,
eras home de
prazas e camiños,
para bater coa
xente,
para que a
xente batese contigo.
Con tempos de
moito silencio,
con horas de
moita palabra.
E non pasabas
nunca de largo,
implicábaste en
cada caso,
poñendo a túa
forza de vida
ao servizo de
quen dela precisaba.
Iso era o cerne
da túa relixión, do teu credo,
iso era o que
mamabas cada día do Deus a quen tanto querías.
Así de simple.
Apréndeme,
Xesús, a ser coma ti, algo polo menos.
Acción
En case todos os pobos e
aldeas hai algunhas persoas desestabilizadas, desintegradas da convivencia
veciñal. ¿Cal é a nosa relación con esas persoas? ¿Que lle aportamos?
2 de xullo: xoves da 13ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 1-8
Naquel tempo subiu Xesús
a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa vila. Nisto
trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao
tolleito:
—Ánimo, meu fillo! Quédanche
perdoados os teus pecados.
Entón algúns letrados
dixeron para si:
—Este home blasfema.
Coñecendo Xesús o que
pensaban, díxolles:
—¿Que cavilades nos vosos
adentros? ¿Que é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou
dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na
terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—: “érguete, colle a padiola e
vai para a casa”.
E erguéndose foise para a
súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por lles dar tal
poder á xente.
Meditación
O corpo e o espírito. A
sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da outra. Xesús,
tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a importancia de
que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa xente veciña, con
Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que pareza outra
cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a espiritual. Entre
nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza—, con bastante boa
atención médica universal, podemos dicir que a saúde física está máis ou menos
buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan amplo que esta palabra
pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis consumidas entre nós? Unha
boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento importante de estabilización
das persoas, porque accede a niveis fondos das persoas, onde con frecuencia se
cocen moitos dos nosos benestares e frustracións. Accede ao noso ser máis
verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha experiencia relixiosa sa,
liberadora?
Oración
Que poder máis
grande tiñas, Xesús!
Que poder máis
grande recibías de Deus!
Sandar os
corpos e máis os espíritos,
asentar
corazóns,
recompoñer e
vigorizar vidas,
enchéndoas coa
seguridade do perdón,
das mans dun
Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben
teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais,
Xesús,
porque
compartes connosco os teus poderes,
e nos fas
capaces de dar alentos,
de estender perdóns,
de acompañar
vidas,
de sementar
esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús,
grazas.
Acción
Podemos visitar hoxe
algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.
3 de xullo: festa de Santo Tomé apóstolo
Evanxeo: Xn 20, 24-29
Tomé, un dos doce, o
chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os
outros discípulos:
—Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas
mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña
man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban
outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas
as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Paz convosco
Despois díxolle a Tomé:
—Trae aquí o teu dedo e
mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo,
senón home de fe.
Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
—Tes fe porque me viches?
Benia as persoas que creron sen me veren!
Meditación
Somos moitas as persoas
ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de que Xesús
resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en Deus dunha
existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar, dicimos ás
veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e resucitado poida
estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a máis empobrecida,
a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos crer que tocando a
esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente servimos a Cristo, que
coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a mellor vida relixiosa.
Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.
Pero a vida humana é así.
Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no aire, no campo
da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa fraxilidade e a
súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as amizades que
sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan o meu, mesmo
os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a produción ou para o
lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é substancialmente humana
tamén.
Oración
Meu Señor e meu
Deus!
Meu Pai en quen
confiar,
miña Nai en
quen acougar!
Meu Amigo con
quen compartir,
miña Irmá na
que me apoiar!
Meu Compañeiro
no que me recrear,
miña Mestra coa
que madurar!
Miña Confidente
que me comprende,
meu Guieiro que
me encamiña!
Miña Criada que
me atende en todo,
Meu Gardián que
coida de min!
Meu Respecto
que sempre me desborda,
Meu Agarimo que
sempre me acubilla!
Meu Señor e meu
Deus!
Acción
Podemos achegarnos a
algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros. Tocamos as súas
feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas do mesmo Cristo.
E facemos o que a nosa fe nos pida facer.
4 de xullo: sábado da 13ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 14-17
Naquel tempo achegáronse
a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
—Nós e máis os fariseos
gardamos moito o xaxún. ¿Por que non o gardan os teus discípulos?
Respondeulles Xesús:
—¿Poden os compañeiros do
esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa chegará o día no que
lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un
remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo tiraría polo
vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a ninguén botar
viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, iríase o viño e
estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en pelellos
novos para que ambos os dous se
conserven.
Meditación
Na cultura relixiosa dos
tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía na
verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar en
maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo un
rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia, gústanos
vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do material, de poder
compartir con quen careza de bens para vivir.
Pero Xesús non entra no
debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta de vida
crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo que non
encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía máis o
vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde estaba a
novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas de Deus
en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de sermos
familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente
fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás
nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos
que non é posible acoller a novidade de Xesús?
Oración
Que nunca nos
chufemos, Xesús,
de andar
fielmente polos teus camiños.
Que nunca
sinalemos aos demais
como os errados
e arredados de ti.
Que sexamos
suficientemente humildes
como para ver
que todos temos as mans sucias
e o corazón
encollido.
Que nos
renovemos á luz da túa vida,
para que as
nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo
como ti o servías.
Purifícanos o
corazón e a vida, Xesús,
para que a túa
fermosa novidade nos seduza,
e renove a
fondo as nosas vidas.
Acción
Todos formamos parte
dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que vivimos
e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos mellorar?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.