02 xullo, 2020

Tempo Ordinario: 14ª semana





5 de xullo: domingo 14 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 11, 25-30
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin coñece ninguén o pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña cara liviá.


Meditación
Quen era no tempo de Xesús esa xente pequena, cansa e oprimida, pola que el daba grazas ao Pai, e a quen el lle ofrecía compaña, alivio e liderado? Maioritariamente era a xente que máis padecía as consecuencias negativas de estar sometida ao imperio romano, a través das amplas e duras redes de dominio que estendía nas poboacións que dominaba. Xente sobre todo rural, pobre, xente cargada de impostos, xente endebedada, xente que escasamente tiña con que vivir, xente enferma, xente atormentada, xente desequilibrada moitas veces, xente sen esperanza de que as cousas puidesen cambiar, xente fundida, xente para quen a relixión, no canto de ser un mundo de esperanza, se convertía nun peso máis que se sumaba ás outras cargas. Seguro que non nos será moi difícil entender quen son no día de hoxe, no noso tempo e sociedade, esa xente pequena pola que Deus e Xesús senten tanta preferencia e mesmo admiración. Seguro que a todos, todas, se nos veñen á cabeza nomes e rostros moi concretos. Bo é que pensemos neles, nelas, por un momento, que lles abramos as nosas vidas á súa presenza.
Desa xente o evanxeo de hoxe di dúas cousas importantes. Primeira, que a Xesús lle provocaron admiración e agradecemento. Descubría nesa xente cousas, actitudes, disposicións que non vía noutra xente ben situada economicamente, intelixente, de boa sona social. Xesús aprendeu desa xente. Descubriu a Deus, ollando para esa xente. Vía que eran persoas que desde a súa debilidade máxima tiñan o corazón e a vida abertos ás cousas de Deus, aos soños de Deus, que consistían sempre en dignificar as súas vidas, en lles dar respiro, en crear fraternidade, en facer xustiza. Esa era a xente que enchía os días de Xesús e da que con tanta frecuencia nos fala o Evanxeo. Somos nós desa xente pequena? E, se non o somos, sabémonos achegar a ela para axudarlles a ter alivio nas súas vidas de cada día, pero tamén para aprender delas, dado que son xente preferida de Deus, nas que seguramente Deus deixa bos sinais da súa presenza? Como nos situamos ante esa xente pequena na nosa comunidade cristiá?
Pero Xesús, que pasaba e pasa moitísimo tempo compartindo os cansazos e aperturas desa xente pequena, que tanto aprendía dela, deseguida se ofrece tamén, con todo o que el ten e pode, para levar respiro, liberdade, acougo a esas vidas maltratadas. Ofrécelles a súa amizade, a súa compaña íntima. Ofrécelles compartir os soños nos que el anda metido: levar alivio ás multitudes maltratadas. Ofrécelles romper con todo xugo de opresión, moi representado daquela polas redes abusivas do imperio romano, e representado hoxe polo imperio financeiro mundial, causante de tantos atropelos contra as persoas e os pobos. Ofrécelles non pan e circo, charanga e pandeireta, senón o alivio, a alegría fonda de quen entra no xugo recio e suave a un tempo da fraternidade, que ese é o xugo doado de levar e livián de Xesús. Que lle ofrecemos nós, como persoa, coma comunidade cristiá, á xente pequena que nos rodea?
A Eucaristía é un espazo apropiado para que o noso corazón se satisfaga comunitariamente coas cousas de Xesús, e se fortaleza para vivir cada día compartindo vida coa xente sinxela, cansa, aflixida, oprimida.

Bendicións

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque a xente pequena, sinxela,
a xente sen cartos nin poder,
a xente que non conta aos ollos deste mundo,
é a túa preferida.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque non pensas como pensamos os humanos;
ollas con preferencia extrema as máis desfavorecidas
e ábreslles con máis facilidade
o teu corazón, os teus dons, o teu misterio.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
pola xente pobre e marxinal
coa que tés trato e intimidade especial;
na súa fraxilidade intúen a túa presenza liberadora,
suspiran pola vida, polo afecto,
polo pan, pola paz, pola dignidade,
e desexan ardentemente un mundo novo,
un corazón novo
para unha nova xustiza, para unha nova sociedade.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque che prace que as cousas sexan así,
e invítasnos polo mesmo
a descubrir a valía da xente pequena
e a enredarnos con ela coma ti.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
por Xesús de Nazaré, o teu fillo ben amado,
que coa súa palabra e a súa vida
nos abriu os ollos e o corazón,
para que aprendésemos a ver a vida
desde o lado e o mérito da xente sinxela.

Bendicímoste, Pai/Nai do ceo,
porque en Xesús e con Xesús nos invitas
a sermos acollidos/as coma xente pequena
e a acoller tamén a todas as persoas que o son,
creando redes sólidas de alivio e de esperanza,
de acougo e de espírito de loita,
para facer máis doada de levar a carga das nosas vidas.

Acción
¿De que clase de xente formamos parte? ¿Da que é sabia e prudente, ou da humilde? Se somos da xente humilde, sentimos que somos xente preferida de Deus? ¿E cal é a xente preferida nosa? ¿Preferimos a xente humilde como o fai Deus? ¿En que demostramos esas preferencias? ¿Que podería facer para demostrarllas máis aínda?


6 de xullo: luns da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 18-26
Nunha ocasión, mentres Xesús lle falaba á xente, apareceu unha persoa importante que se prostrou diante del e lle dixo:
—A miña filla acaba de morrer. Ven, impón a túa man sobre ela e vivirá.
Ergueuse Xesús e seguiuno cos seus discípulos. Nisto, unha muller que padecía hemorraxias dende había doce anos, achegándose por detrás, tocoulle a orla do seu manto, dicindo para si:
—Se lle dou tocado a roupa, xa curo.
Xesús virouse e ao vela díxolle:
—¡Ánimo, filla, a túa fe sandoute!
E dende aquel instante a muller quedou curada.
Ao chegar Xesús á casa do home aquel importante, viu os frautistas e máis o barullo da xente e dixo:
—Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme.
A xente ríase del. Pero el botou para fóra a xente toda, entrou e colleu a rapaza pola man. E ela ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda.

Meditación
O día 1 de xullo, domingo 13 do Tempo Ordinario xa lemos estes mesmos feitos, aínda que contados polo evanxelista Marcos con máis detalle. A brevidade de hoxe axúdanos a ver o fundamental do relato: Xesús enredado sempre en cousas de solidariedade, mediando en situacións duras para a xente, disposto sempre a intervir. Xesús que sempre se quita importancia, e sinala como algo fundamental a fe de quen con el se trata: o mérito está nas persoas que lle abren o corazón, a vida, coas súas penas e alegrías. Xesús transmitindo ánimos, convertendo en vida o que tiña todas as aparencias de morte. Como tal era recoñecido e admirado Xesús. Milagres si, milagres non? Con milagres ou sen milagres Xesús era o que era e transmitía o que transmitía: compaña, alentos, recuperacións, vida. Xesús realmente daba gusto.

Oración

Impós a túa man sobre nós, Xesús,
porque iso é sempre o teu.
Mans cheas de bendicións,
porque ti eras e es todo bendición.
Mans cheas de perdón,
porque ti mesmo eras e es o perdón de Deus.
Mans cheas de alentos,
porque o Espírito de Deus corría polas túas veas.
Mans cheas de curación,
porque curador da humanidade aceptaches ser.
Mans cheas de vida,
porque en ti ata a mesma morte se fixo vida.
Impón a túa man sobre nós, Xesús.

Acción
Podemos mirar se nós, como persoas e como comunidade cristiá ou parroquia, sabemos estar próximos ás persoas que o estean pasando mal por calquera razón. Seguro que poderemos mellorar nisto, para facer a nosa presenza máis ao estilo de Xesús.


7 de xullo: martes da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 9, 32-38
Nunha ocasión presentáronlle a Xesús un mudo endemoñado. E así que lle botou o demo fóra, o mudo falou. A xente quedou coa boca aberta e dicía:
—Nunca tal cousa se viu en Israel.
Pero os fariseos dicían:
—Bota os demoños co poder do xefe dos demoños.
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza.  Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolle aos discípulos:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.

Meditación
Este pedaciño de Evanxeo permítenos achegarnos a ese centro sobre o que xiraba a vida toda de Xesús: un sentimento fondo de compaixón cara a aquela xente, veciña súa, que andaba machucada pola vida, que andaba perdida, sen norte, sen referencias que lles valesen para darlle cara á súa situación de deterioro extremo. E a compaixón convertíase en Xesús nunha actitude solidaria viva: facía sempre todo o que podía para mellorar a súa vida. E a súa compaixón converteuse tamén nel nunha crítica firme a unha institución relixiosa que vía e vivía todo iso con indiferenza, como se Deus vise con bos ollos que as cousas seguisen sendo así; incluso para xustificar a súa pasividade dicían que Xesús tiña o demo no corpo; en tempos modernos, cando alguén andaba en solidariedades reais e intelixentes como as de Xesús, dicían que era comunista. A Xesús urxíalle a situación calamitosa da xente, e por iso a súa ansia era que se multiplicasen as persoas que a tomasen moi en serio.
O cadro seguen tendo actualidade. Preto ou lonxe de nós segue a haber millóns de persoas de vida arrastrada, demandando solidariedade no nome da humanidade, no nome de Deus. ¿Que facemos como cidadáns, como seguidoras, seguidores de Xesús que nos dicimos?

Oración

Unha cousa me pides, meu Deus,
unha cousa soamente:
que a vida non me sexa indiferente.
Que o corazón non se me encolla,
que os ollos non se pechen
ante a miseria evidente.
Que non vexa como normal
o que é absurdo, repelente.
Que sinta, ame e me una
a quen soña diferente.
No teu nome, meu Deus,
ou no nome do que queira ou de quen queira,
pero nunca, nunca, indiferente.

Acción
As persoas e países europeos estamos sendo retados pola realidade dos refuxiados. ¿Que resposta lle dámos a isto no noso corazón, na nosa comunidade cristiá? ¿De que  forma concreta estamos colaborando? ¿Somos sensibles coma Xesús a outras miserias humanas?


8 de xullo:  mércores da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 1-7
Unha vez Xesús chamou os doce discípulos e deulles poder para que botar os espírito malos e para curar toda enfermidade e doenza. Estes son os nomes dos doce apóstolos: o primeiro Simón, chamado Pedro, e máis André, seu irmán, Santiago o do Zebedeo e máis Xoán, seu irmán; Felipe e Bartolomeu, Tomé e Mateu, o recadador de impostos, Santiago o de Alfeo e máis Tadeo, Simón o Zelota e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.
A estes doce mandounos Xesús con estas instrucións:
—Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide mais ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades,  proclamade que xa chega o reino dos Ceos.

Meditación
Cada un, cada unha no noso grupo, comunidade ou parroquia temos un nome particular, unha historia propia, un xeito de ser, unhas calidades especiais, nunha variedade que nos singulariza e enriquece a todo o conxunto. Iso é ser comunidade. E a esta comunidade que hoxe nós somos tamén Xesús nos envía a proclamar que o de Deus xa está aquí, no medio de nós, que o podemos percibir na vida e nos feitos doutras persoas, e que o podemos poñer en evidencia co noso estilo de vida, cos nosos feitos. Onde hai melloría para os seres humanos no corpo e no espírito hai reino de Deus. Non se entende anunciar e traballar polo reino de Deus sen esa implicación en todo o que leve conforto e alento á xente, sobre todo á máis vulnerable.

Oración

Conto contigo, Xesús,
sen ti, sen o teu Espírito
son incapaz de levar adiante a tarefa
que me propós,
a min e á comunidade da que formo parte.
Que unha cousa son as ideas,
e outra a disposición firme para darlles vida.
Oio no me interior que me dis:
a miña forza tela asegurada;
eu tamén conto contigo.

Acción
Podemos pensar en que cousas concretas de conforto e alento da xente estamos nós anunciando o mundo novo de Deus polo que Xesús loitou ata a morte.  ¿Podería eu facer algo máis, dadas as miñas particulares calidades e habilidades?


9 de xullo: xoves da 14 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 7-15
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Ide e proclamade que xa chega o Reino dos Ceos. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, botade demos. E dade de balde o que de balde recibistes. Non levedes na faixa nin outro, nin prata, nin cobre; nin alforxa para o camiño, nin dúas túnicas, nin sandalias, nin caxato; porque o traballador ben merece a súa mantenza. Cando entredes en calquera vila ou aldea, informádevos se hai alguén de confianza e permanecede alí ata que marchedes.
Ao entrar na casa, saudade. Se a casa é digna, a vosa paz virá sobre ela; pero se non é digna, a vosa paz volverá a vosoutros. E se alguén non vos acolle nin escoita as vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos pés. Asegúrovos que o día do Xuízo será máis suave para Sodoma e Gomorra do que para aquela vila.

Meditación
Na Igrexa andamos hoxe ás voltas sobre como compartir esa Boa Nova de Xesús da que nos sentimos herdeiros. ¿Que podemos aprender e conservar deste programa que lles propoñía Xesús aos seus apóstolos?
Que hai que saír, que non nos podemos quedar nas igrexas e no que nas igrexas se fai; que hai que saír aos camiños onde anda a xente crente e non crente, coas súas vidas máis ou menos felices ou infelices. Que hai que partir antes de nada das necesidades reais que ten a xente, do corpo ou do espírito. Que hai que ofrecer gratis o que gratis nos foi dado. Que hai que evanxelizar non desde o poder, senón desde o baleiro, a fraxilidade. Que hai que achegarse á xente con certa audacia, pero sempre en paz, desde a paz, para a paz. Que hai que estar dispostas a ser rexeitadas, desprezadas. As ameazas, iso si, sobran. Deus dirá. Cada vez vemos máis claro que este labor evanxelizador é cousa de todas as persoas que compoñemos a comunidade cristiá. Cada vez vemos máis claro que iso de deixalo todo nas mans dos curas non vale, é mala cousa.

Oración

Como levarte no corazón, na vida, Xesús,
para te poder transmitir coa simple presenza,
coa palabra, cos feitos, coa vida?
Como deixar que en nós, coma en ti,
todo sexa rotundamente gratis, xeneroso, desmedido?
Como estar ao carón das necesidades da xente,
sen aproveitarnos delas, servindo libremente?
Como sermos xente de paz, por dentro e por fóra,
para transmitir paz, non a nosa paz fráxil,
senón a paz consistente, substancial, de Deus?
Como vivirte e dicirte con sinxeleza,
sen amargura, con alegría,
desde o gozo de podermos ser
simple prolongación da túa solidariedade no medio do pobo?

Acción
Podemos mirar algo en que cousas concretas nos estamos implicando na tarefa de anuncio da Boa Nova que toda a comunidade temos encomendada. ¿Podemos mellorar o noso servizo? ¿En que, como?


10 de xullo: venres da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 16-23
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede  prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente, porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.
E, cando vos entreguen, non andedes angustiados polo como ou polo que ides dicir, porque naquela hora hásevos inspirar o que tendes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte; pais a fillos; fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, salvarase. Cando vos persigan nunha vila, fuxide a outra, porque de certo vos aseguro que non acabaredes de andar as vilas de Israel antes de que veña o Fillo do Home.

Meditación
Este pedaciño de Evanxeo está retratando o que pasou coas primeiras comunidades cristiás no medio do mundo xudeu e do imperio romano. Tamén pode reflectir o que está pasando hoxe no Oriente Medio e nalgúns países de África, Asia, de América Latina.  Xente cristiá que é asasinada por ser cristiá. E nós que? Aínda que alguén así o afirme, pouco é o que temos que aturar nós polo feito de sermos cristiáns e cristiás. O certo é que somos xente moi adaptada ao sistema, con pouca resistencia ás súas liñas de forza, aínda que vaian contra o soño de Xesús: unha sociedade fraterna desde a conciencia fonda de sermos en igualdade fillos e fillas de Deus.
Quizais por estarmos tan metidos no mundo sen demasiado discernimento, por iso mesmo nos cadren máis os avisos de Xesús: “mándovos como ovellas entre lobos”, pois andamos entre quen estraga xentes e pobos e podémonos facer colaboradores seus; “sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas”, porque nolas poden coar por todos os lados e nin nos decatamos; que os conflitos sexan “pola miña causa”, por “dar testemuño de min”, e non por calquera outra ideoloxía social, política ou mesmo relixiosa; “non andedes angustiados”, pois o Espírito é o voso valedor sempre. “Perseverar ata o final”, pois a historia, a nos historia concreta tamén, está aberta a un futuro que descansa nas mans de Deus.

Oración

No mundo,
contigo, coma ti,
pero sabéndonos ovellas entre lobos.
No mundo,
pero sinxelas coma pombas e astutas coma serpes.
No mundo,
pero tendo coidado coa xente crida no sistema
e co sistema que vai dentro de nós mesmas.
No mundo,
pero comprometéndonos a fondo coa túa causa,
dando testemuño de ti con humilde ousadía.
No mundo,
pero sen deixarnos levar pola angustia.
No mundo,
pero confiando a fondo no teu Espírito
que guiará os nosos feitos, as nosas palabras.
No mundo,
pero soñando cunha terra nova, cun ceo novo
no nome do Deus comprometido coa vida.

Acción
¿Estamos tendo algún tipo de conflito a calquera nivel coa sociedade na que vivimos? ¿Obedecen eses conflitos a estarmos apostando pola causa de Xesús? ¿Como levamos eses conflitos?


11 de xullo: sábado da 14 semana do Tempo Ordinario. Festa de San Bieito, patrón de Europa

Evanxeo: Mt 19, 27-29
Unha vez díxolle Pedro a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que,  cando cheguen os novos tempos e o fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E todo aquel que deixou casas ou irmáns ou pai ou nai ou fillos ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna.

Meditación
A Bieito de Nursia (480-547)  tocoulle vivir nun momento convulso: o imperio romano desfacíase baixo a presión dos pobos centroeuropeos, e a Igrexa, que fora unha Igrexa de mártires ata o s. IV, pasara a ser unha Igrexa vinculada ao poder, na que se entraba e se vivía sen demasiado convencemento, e moito por rutina. Bieito, un laico “universitario”, reaccionou contra esta forma apagada de ser cristián e lanzouse á aventura dunha vida enganchada verdadeiramente ao camiño de Xesús, primeiro como monxe solitario, e logo como fundador de comunidades monásticas. O seu monacato influíu moito en todo o occidente. Tivo unha grande influencia na construción de Galicia desde os séculos XI-XII. Fundáronse moitos mosteiros entre nós; fundar un mosteiro era promover a fe, pero tamén a cultura, a agricultura, a organización social. Fundar un mosteiro era daquela como fundar hoxe unha boa empresa.
O alento monástico ten como base fundamental a pobreza, o abaixamento, o desapego, o baleiro exterior e interior, para deixar que a presenza de Deus o encha todo e se converta na referencia diaria, que nutre todas as actividades da vida. O silencio, a humildade e a dispoñibilidade nutren esta vida. Podemos agradecer a vida dos monxes; podemos tamén aprender deles.

Oración

Seguirte, Xesús,
saír da rutina e seguirte.
Sen deixarse envolver
polo balbordo do mundo,
polos seus cantos de serea,
polas súas promesas fofas.
Seguirte, Xesús,
simplemente seguirte,
nun claustro ou na casa,
de monxa ou de labrega,
no mar ou en terra,
coa familia, na empresa,
sa ou enferma.
Seguirte, Xesús,
co silencio necesario,
coa palabra amigable
co berro de protesta,
sempre con humildade,
sempre con dispoñibilidade.
Seguirte, Xesús,
seguirte de cerca.

Acción
Sería un bo día para poder visitar algún dos mosteiros existentes en Galicia, que se seguen rexendo pola régoa de s. Bieito: Monxas cistercienses en Ferreira de Pantón  (Lugo) e en Armenteira (Pontevedra); monxas beneditinas en Santiago (A Coruña) e en     Trasmañó (Pontevedra). Monxes beneditinos en Samos (Lugo); monxes trapenses en Sobrado (A Coruña) e cistercienses en Oseira (Ourense). Visitalos e ver que é o que nos ofrecen ás persoas e comunidades cristiás para podermos vivir en maior fidelidade cristiá.


13 de xullo: sábado da 14ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 10, 24-33
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus apóstolos:
—Un discípulo non é máis ca o seu Mestre, nin un servo é máis que o seu Señor. Abóndalle ao discípulo chegar a ser coma o seu Mestre, e ao servo, coma o seu Señor. Se ao dono da casa lle chamaron Belcebul, ¡canto máis aos criados!
Pero non lles teñades medo, que non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. O que vos digo na escuridade faládeo á plena luz; e o que oídes ás agachadas pregoádeo dende as azoteas.
Non lles teñades medo aos que matan o corpo, pero non poden matar a alma; temede máis ben a aquel que pode arruinar o corpo e a alma no inferno. ¿Non se vende un par de pardais por catro patacos? E non cae o primeiro no chan sen o consentimento do voso Pai. Pois vós ata os pelos da cabeza tendes contados. Así que non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante do meu Pai celestial.

Meditación
A insistencia de Xesús hoxe vai recollida nesta encomenda, que repite ata tres veces: “Non teñades medo”. Non sei se esa é a nosa tentación, ou non. Ten medo a persoa que se implica, que arrisca, que aposta por un estilo de vida que entra en contradición co que se leva, que pode por iso ser rexeitada, desprezada e mesmo sancionada de diferentes maneiras; nalgúns casos e países –xa o falabamos onte— coa mesma morte. As palabras de Xesús van dirixidas a persoas deste tipo, que certamente haber hainas dentro da comunidade eclesial, pero que, tamén é certo, non abundan.
Os nosos medos normalmente son máis simples: é o simple medo a dar o primeiro paso, a facer a primeira aposta polo de Xesús. Máis ca medo igual xa é desinterese, xa é pasar. Medos, si, a perder esas cousas básicas que garanten tranquilidade na vida: traballo, cartos, casa, parella… Sendo así, ¿como chegar a vivir esa experiencia de proximidade ao Xesús insultado, e nesa esperanza de triunfo do xusto e verdadeiro, e nesa seguridade radical de que nada hai en nós que quede ao marxe da tutela de Deus. Está nas nosas mans escoller ante que medos nos situar na vida. E ante que promesas e boas venturas.

Oración

Chégame, chégame abondo, Xesús,
con ser servo que imita o seu Señor,
ai, canté!
Chégame, Xesús,
con vivir na limitación e na confianza,
á espera da luz
sobre a miña propia persoa,
sobre tantas cousas da vida que me desbordan.
Chégame, Xesús,
con non ter medo
a quen me pode amolar de mil maneiras,
pero nunca poderá violarme no meu íntimo,
onde Deus garante eternidades.
Chégame moito, Xesús,
con saber que ata os pelos da miña cabeza
están todos contados… e coidados,
porque eu, coma calquera outro irmán ou irmá,
sexa crente ou non,
somos cousa preciosa para Deus.
Chégame, chégame abondo, Xesús,
ser algo, un chisquiño coma ti.

Acción
Podiamos hoxe pensar un pouco nos medos que igual condicionan a nosa vida. ¿Que facemos con eses medos? ¿Deixamos quen manden en nós? ¿Buscamos maneiras de sobrepoñernos a eles? Sería ben apropiado poder falar disto en grupo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.