12 de xullo: domingo 15 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 1-23 (Lectura
breve: Mt 13, 1-9)
Naquel día Xesús saíu da
casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo
que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles
de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Dunha vez saíu un
labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño
adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a
penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero,
non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu
na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando
froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
***
E achegándose os
discípulos, dixéronlle:
—¿Por que lles falas en
parábolas?
El respondeulles:
—Porque a vós
concedéusevos coñecer os misterios do reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a
quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle
quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando non ven e escoitando
non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías, cando dicía:
Oír oiredes, pero
non entenderedes; ollar ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste
pobo está insensibilizado; endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos,
para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón,
nin se converteren para que eu os cure.
Ditosos, en troques, os
vosos ollos, porque ven, e máis os vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que
moitos profetas e xustos desexaron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o
que vos oídes e non o oíron.
Escoitade, logo, vós a
parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a palabra do reino e non
a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón; esa é a
semente que caeu no camiño. A que caeu entre as pedras vén ser aquela persoa
que, escoitando a palabra, de seguida recibe con alegría; pero, ao non ter raíz
e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da
palabra, deseguida abandona. A que cae na silveira vén ser aquela persoa que
escoita a palabra, pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas
afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero a que foi sementada en boa terra
vén ser aquela persoa que escoita a palabra e a comprende; esta si que dá
froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.
Meditación
Xesús ve, observa, dóelle
a xente e coa súa palabra, a súa semente, fai unha proposta nova que afecta aos
corazóns de cada persoa, que afecta ás relacións entre as persoas, á sociedade.
As súas palabras son palabras de confianza, pero non porque espere novidades de
quen rexe o mundo con poder e abuso (daquela o imperio romano, hoxe a imperio
financeiro e os seus representantes). A xente pobre, non a rica, é a que
curiosamente ten iniciativa e poder para cambiar as cousas. As palabras de
Xesús son palabras de renuncia á acumulación, son palabras de reparto e
compartir; son palabras de aposta e loita pola xustiza, a xustiza de Deus que é
máis limpa e espléndida que a da xente máis xusta. Son palabras de pensar nos
demais, nos intereses de todos e todas, da comunidade. As súas palabras son
palabras de verdade, non de trampa; son palabras de honradez, non de
corrupción; son palabras de mimo pola xente máis débil, non de menosprezo e
marxinación cara aos máis débiles. O conxunto do Evanxeo é a proposta de Xesús,
que se chama Evanxeo, Boa Nova, precisamente por iso, porque trae remedio á
situación desesperada da xente. Algo que nos pode parecer un soño, pero niso
vainos a vida.
Xesús non cansa de nos
facer a súa proposta. Non cansa de sementar, de sementala, igual que o labrego
galileo botaba as sementes cada ano con esperanza e medo. Xesús coñece as
dificultades coas que se pode encontrar a xente que pensa en facerlle caso. Por
iso nos fala na parábola non de colleitas fáciles, senón de sementes que as
comen os paxaros, de sementes que caen entre pedras e parece que tiran para
arriba, pero logo se achican, de sementes no medio dos silveirais, que se ven
afogadas pola maleza. Así pasa na vida da xente: a proposta de Xesús pódenos
parecer preciosa, iso da irmandade, de pensar nos outros, de non acumular, de
non trampear, pero que difícil se nos fai ás veces; e faise difícil, porque
temos un corazón infectado cos vicios dos poderosos, criticámolos a eles, pero
non fondo que envexa nos dan; faise difícil, porque as propostas de Xesús hai
que loitalas, cómpre sensibilidade solidaria, aguante; a tentación está sempre
á porta; a idea de que no enriquecemento egoísta está a felicidade é algo que
peta a diario nos nosos corazóns, nas nosas casas.
Canta palabra de Xesús,
canta semente de Xesús se perde! Pero tamén canta semente dá froitos
abundantes. Non saen nas primeiras páxinas dos periódicos, pero houbo e hai
moitas persoas e grupos en Galicia, en España, polo mundo adiante que se fían
da proposta de Xesús, ou de propostas semellantes ás de Xesús. Nesas persoas,
crentes ou non, cristiás ou non, nesas persoas, no Deus que as sustenta e
dinamiza, descansa o futuro da humanidade. Esas persoas, das que Xesús foi o
gran promotor, son as que nos enchen o ollo, as que nos conmoven o corazón, as
que nos embarcan en soños de paz, de ben e de xustiza verdadeira. Con quen nos
queremos apuntar nós? A quen lle queremos facer caso?
Na celebración
eucarística acollemos a semente de Xesús e alimentámonos del para ser
constantes e deixar que a súa semente chegue a dar froito en nós.
Oración
Señor, meu
Deus,
que vexa, que
oia, que entenda,
as cousas, as
persoas, a sociedade,
para poder
sentir, amar e servir
para te poder
sentir, amar e servir.
Que se me
abrande o corazón,
que se me faga sensible,
que o amor mo
amoleza,
para poder ver,
oír e entender
para poder
verte, oírte e entenderte.
Señor, meu
Deus,
que o corazón
se me amoleza ao teu carón,
para que coa
forza dun corazón sensible,
coa luz dun
corazón intelixente
poida acoller a
túa proposta de maduración persoal e comunitaria.
Os señores
deste mundo
(que teñen
espazo no meu corazón)
incítanme ao
medo e á acumulación egoísta,
e ti empúxasme
á confianza, ao necesario, ao reparto e ao compartir.
Os señores
deste mundo
(que encontran
ecos no meu corazón)
incítanme ao
éxito fácil, inmediato, sen conflito,
e ti fálasme do
gozo amasado na lentitude,
da alegría que
brota da loita gañada ou mesmo perdida,
da resistencia,
da constancia, da perseveranza.
Terra tripada,
terra
pedregosa,
terra
silvestre,
terra boa ...
Ti ensínasme a
coidar a miña leira, a miña vida,
para facela
fecunda para min, para a comunidade.
Que me deixe
aprender de ti,
e así a miña
vida sexa toda ela terra de bendición.
Acción
Ollamos ao noso redor. ¿Quen, ao noso entender, está sementando coa
semente de Xesús ou algo parecida? Ollamos para o noso corazón. ¿Que tipo de
terra estamos sendo cando nos chega dalgunha maneira, a través dalgunha persoa
a palabra de Xesús ou algo que se lle parece?
13 de xullo: luns da 15ª semana
do Tempo Ordinario
Evanxeo:
Mt 10, 34—11,1
Naquel tempo díxolles
Xesús aos seus Apóstolos:
—Non vaiades pensar que
vin traer paz á terra; non vin traer paz, senón espada. Porque vin enfrontar o
home co seu pai, a filla coa súa nai, á nora coa súa sogra e os inimigos de
cada un serán os da propia familia. Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a
min non é digno de min. E quen ame a seu fillo ou a súa filla máis ca a min non
é digno de min. E quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min. Quen
trate de conservar a vida perderaa; pero quen a perda por min ese conservaraa.
Quen vos recibe a vós recíbeme a min; e quen me
recibe a min recibe ao que me mandou. Quen recibe a un profeta por ser profeta
terá recompensa de profeta; quen recibe a un xusto por ser xusto terá
recompensa de xusto. E quen dea de beber aínda que soamente sexa un vaso da
auga fresca a un destes pequenos, por ser discípulo meu, asegúrovos que non
perderá a súa recompensa.
En rematando de lles dar estas instrucións aos doce discípulos,
partiu de alí para ensinar e predicar por aquelas vilas.
Meditación
Palabras duras estas de Xesús. Parece que botan para
atrás. Palabras que nos falan dun ambiente de persecución, cando a xente
cristiá por ser cristiá era denunciada, acusada, condenada, axustizada. Eran
horas de tomar posición incluso ante a mesma familia. Eran horas de ir a aquilo
central, fundamental, sobre o que se monta a propia existencia e apostar por
iso a fondo.
Son frecuentes entre nós os conflitos: na familia,
na comunidade cristiá, na sociedade. É importante ver que é o que motiva o
conflito. Poden ser os cartos, a ansia de poder, as maneiras de ser de cada
quen, algunhas decisións políticas interesadas, … Se como Xesús, optamos por un
estilo de vida solidario, respectuoso e coidador da xente débil, se non nos
acomodamos ás mentiras e aos abusos, se queremos chegar ás fontes do mal para
podelo superar, o normal é que nos vexamos en situacións apuradas, nas que
temos que tomar decisións. E igual a familia anda tamén polo medio, e ante a
mesma familia teñamos que marcar distancias. Xesús avísanos desta posibilidade.
Xesús invítanos a ser fieis a aquilo que vexamos xusto, coherente, aínda que
nos doia e causemos algunha dor.
Oración
Apréndeme, Xesús,
a vivir os conflitos, os enfrontamentos,
como ti os vivías:
desde o que consideramos xusto,
desde a liberdade,
desde o amor,
desde a coherencia,
desde a busca do mellor para a xente máis débil,
pero tamén para toda a xente,
mesmo para aquela
que nos pode quebrar a cabeza
e quentar o xenio.
Apréndeme a non fuxir dos conflitos,
a vivilos como oportunidades de crecemento.
Acción
Á luz deste evanxeo, podemos revisar como estamos
vivindo nós os conflitos. ¿Por que cousas entramos en conflitos: por parvadas
ou por cousas de peso, que inflúen no benestar ou malestar da xente? ¿Escapamos
deles, afrontámolos con serenidade, escoitamos a quen nos provoca o conflito
por se ten razón, sabemos ceder cando cómpre, sabemos manternos no que cremos
xusto?
14 de xullo: martes da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 11, 20-24
Nunha ocasión empezou Xesús a rifarlles ás vilas nas
que fixera a maior parte dos milagres e que non se converteran.
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se
en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai tempo que
facían penitencia cubertas de saco e de cinsa. Por iso dígovos: O día do xuízo
será moito máis suave para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica
pensas que vas chegar ata o ceo? ¡Asolagaraste no abismo!” Porque se en Sodoma
se fixesen os milagres que se fixeron en ti, aínda duraba hoxe. Por iso dígovos
que Sodoma terá un día do xuízo máis suave ca vós.
Meditación
Aínda que así nos soen, non son palabras de ameaza.
Deus nunca nos ameaza. Xesús tampouco. Son palabras de advertencia. Xesús
estáballes facendo un ofrecemento a aquela xente contemporánea súa, e moita
dela pasaba de Xesús e das súas historias. E perdían a oportunidade que Deus
lles ofrecía de darlle un impulso novo ás súas vidas, a base de incorporarse a
fondo a esa forza de amor, de compaixón, de solidariedade, de xustiza que lles
chegaba gratuitamente de parte de Deus.
A nós tamén nos pode pasar o mesmo. Sexa de parte de
Deus, a través do Evanxeo de Xesús ou da comunidade cristiá que intenta vivilo,
sexa de parte doutras persoas, crentes ou non crentes, pódennos chegar
ofrecementos bos, que nos leven a implicarnos en tarefas de amor, de servizo,
de solidariedade; con elas medraremos nós en humanidade e poderemos axudar a
outras persoas a que medren tamén. Pero, como a xente contemporánea de Xesús,
podemos facer caso ou dar as costas. Na nosa man está o ben ou o mal, o
crecemento como persoas crentes ou o decaemento.
Oración
Porque nos queres ben, Xesús,
disnos as cousas con claridade.
Porque nos queres ben,
advírtesnos da transcendencia de moitas
cousas.
Porque nos queres ben,
cabréaste connosco.
Porque nos queres ben,
bótasnos en cara o noso desinterese.
Porque nos queres ben,
agardas que escoitemos e reaccionemos.
Porque nos queres ben,
tesnos sempre dentro das túas preocupacións.
Grazas, Xesús.
que saibamos escoitarte e cambiar.
Acción
¿Parámonos algunha vez a escoitar no noso interior as críticas e
advertencias que nos veñen de Xesús, ou que nos veñen de calquera persoa coa
que nos movemos na vida? Hoxe podemos dedicarlle polo menos 5 minutos a esta
escoita.
15 de xullo: mércores da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 11, 25-27
Nunha ocasión exclamou Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da
terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas
revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o fillo agás o Pai, nin
coñece o Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Meditación
De Xesús sabemos que era un home fondamente
vinculado con Deus, amigo de facer en todo a súa vontade, amigo tamén de pasar
tempos longos de oración en silencio, no segredo de Deus. Sen embargo
conservamos poucas oracións de Xesús: a do Noso Pai, a oración no horto das
oliveiras, a oración última na cruz, esta que recolle o evanxeo de hoxe, e
pouco máis. Todas elas permítennos achegarnos ao talante vital, crente, de
Xesús.
No caso de hoxe é unha oración de bendición e
agradecemento a Deus porque Xesús observa que é a xente humilde a que máis
aberta está a acoller as propostas de Deus que el lles ofrece. A sabedoría e a
cautela ou desconfianza moitas veces levan a pecharse ante a novidade
desconcertante de Deus. Deus sempre descoloca, e quen está demasiado asentado
polo seu saber ou polo seu pretendido control de todo, é ben difícil que se
abra a Deus, e que o escoite. Pero así é Deus, así era Xesús, e así é a nosa
realidade. Non é que Deus teña un plan previo de só tocar no corazón de
determinadas persoas; senón que hai determinados corazóns que, polo seu poder
sabichón, están especialmente bloqueados como para que neles poida entrar o
coñecemento de Deus. A sabedoría e o poder normalmente non queren saber de propostas de cambio
solidario.
Oración
“Bendito sexas, meu Pai,
Señor do ceo e máis da terra,
porque lles escondiches estas cousas
aos sabios e aos prudentes
e llas revelaches á xente humilde.
Si, meu Pai,
bendito sexas por che agradar isto así.”
Bendito sexas, Pai noso,
por teres escollido de sempre
as persoas débiles, fráxiles, pequenas,
para facelas partícipes
dos teus soños de pan, perdón, xustiza e esperanza.
Bendito sexas, Pai noso,
porque no pequeno e irrelevante Xesús,
aos ollos deste mundo,
nos amosaches en corpo e alma
o teu rostro misericordioso e fiel.
Bendito sexas, Pai noso,
por che agradar isto así.
Acción
¿A quen nos arrimamos, como persoas, como comunidade
cristiá? ¿Á xente sabia e poderosa do noso entorno, ou máis preferentemente á
xente humilde? ¿Como poderiamos acomodarnos nisto aos gustos de Xesús e de
Deus?
16 de xullo: xoves da 15ª semana do Tempo Ordinario. Virxe do Carme
Evanxeo: Mt 11, 28-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Achegádevos a min todos os que estades cansos e
oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que
son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o
meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Xesús invita agora a todas as persoas, sen
excepción, que estean máis ou menos cansas e oprimidas. No seu tempo había
moitas, cunha vida empobrecida, abusada, desalentada, case desesperada. Nos
nosos tempos tamén as hai, aínda que quizais as nosas pobrezas, no noso entorno
galego ou español, poidan ser doutro tipo. Xesús ofrécenos o que el é, o que el
ten: un xugo, unha vinculación con el e coa comunidade doada de levar, non coma
os xugos que as autoridades civís e relixiosas lles impoñían; ofrécenos tamén a
súa mesma persoa boa e humilde de corazón, accesible para todas e todos nós, na
que podemos atopar comprensión fonda, compaña quente, alentos vigorosos, e un
exemplo de vida que nos motive, que nos permita manternos en pé, con dignidade,
que nos permita soñar, que nos permitirá atopar unha maneira feliz, esperanzada
de vivir, no medio das dificultades que poidamos ter. Ditosas, ditosos nós, se
lle dámos creto á invitación de Xesús e nos achegamos a el nos camiños da vida!
Oración
Grazas, Xesús, pola túa invitación.
Grazas por poñerte a ti mesmo ao noso dispor.
Grazas por nos ofrecer todo o teu.
sen reparo ningún,
sen distingo ningún.
Grazas polo teu xugo doado de levar,
pola amizade que nos ofreces,
poña ensinanza que nos prometes,
pola compaña que nos garantes.
Grazas polo teu ser humilde e accesible,
polo acougo e forza que nos prometes.
Intúo que nin sequera nos podemos facer unha idea
do mundo de bendición que hai en ti para todos nós!
Grazas no meu nome pequeno,
no nome maior de toda a xente inmigrante e refuxiada
que escoita de ti palabras de invitación e acollida,
que tamén lle gustaría escoitar de todos nós,
gobernos e cidadanía.
Grazas por monseñor Agrelo,
altofalante internacional das túas ofertas e
promesas
á xente máis cansa e oprimida.
Acción
Todas, todos somos os que recibimos o ofrecemento de
Xesús. Pero tamén todas, todos, individualmente e como comunidade cristiá,
temos a tarefa de facer oír no noso tempo esa invitación de Xesús á xente cansa
e oprimida. ¿Estámolo facendo? ¿Nas nosas comunidades cristiás ofertamos
acougo, compaña, alentos, remedios a quen ande ferida pola vida? ¿En que
poderiamos mellorar?
Oración
Santa
María do Carme,
Señora
santa María.
Santa
María do Carme,
Señora
santa María,
vimos
para amosarche
o
noso amor e ledicia
nesta
xornada de festa,
dándoche
honras cumpridas.
Por
seres nai coidadora
que
por nós con ansia miras,
por
mostrarnos a Xesús
na
súa palabra e vida,
por
nos dar vigor e paz,
bendita,
Santa María.
Ben
sexa a xente do mar,
ou
da terra, nai querida,
a
que no gozo ou no aperto
na
túa axuda confía,
ante
ti por un igual
dámosche
grazas, María.
Nos
tempos que nós vivimos,
con
tanto amor e avaricia,
con
cousas que nos arrastran
cara
ao ben, cara á malicia,
connosco
faro de luz,
Santa
María, camiña.
Acción
Se podemos, seguro que gozaremos moito participando
nalgunha romaría dedicada á Santa María do Carme. Podemos quedarnos co que
vexamos acertado da celebración, e esquecer o que non nos pareza moi oportuno.
17 de xullo: venres da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 1-8
Un sábado pasaba Xesús por uns agros a trigo. Os
seus discípulos sentiron fame e empezaron a arrincar espigas e a comelas. Os
fariseos, vendo aquilo, dixéronlle:
—Mira que os teus discípulos fan o que non está
permitido facer no sábado.
El contestoulles:
—¿Seica non sabedes o que fixo David cando sentiu
fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e comeu pan do
ofrecido, cousa que non lle estaba permitida a el nin aos seus acompañantes,
senón só aos sacerdotes. ¿E non tedes lido na Lei que os sacerdotes no templo
quebrantan o sábado sen por iso seren culpables? Pois eu asegúrovos que aquí
hai algo meirande ca o templo. Se entendésedes ben o que significa
“misericordia quero e non sacrificios”, non condenabades a estes inocentes.
Porque o Fillo do Home é Señor do sábado.
Meditación
As prácticas relixiosas son boas cando nos axudan a
recoñecer e agradecer na nosa vida a presenza servidora de Deus e nos motivan
para coidar a nosa vida e a empeñarnos tamén no coidado da vida da demais
xente. É dicir, todas as leis e prácticas relixiosas deberían estar ao servizo
da xente, ao noso servizo, para axudarnos a medrar como persoas e como pobo
cristián.
Hoxe entre nós o problema non é que teñamos moita
obsesión polo cumprimento das normas relixiosas; pasamos bastante delas e
quedamos tan tranquilos. O noso problema é que, por unha práctica trapalleira
desas normas, acabamos non lle vendo sentido, mesmo nos parecen case unha
parvada e desentendémonos delas. ¿Como recuperar o sentido das prácticas
relixiosas e o seu cumprimento correcto? ¿Como aprender a integralas nunha
visión da vida cristiá na que desde logo a misericordia, o respecto, o coidado
da vida nosa e da xente máis necesitada estea sempre por riba de calquera outra
esixencia?
Oración
“Misericordia quero e non sacrificios”,
—iso nos recordas, Xesús.
E disnos que, se o entendésemos ben,
moi distintas habían ser as cousas
na nosa vida persoal e comunitaria;
moi distinto sería o aprecio da fe, da vida
relixiosa
dentro da Igrexa e fóra dela.
Apréndenos, logo, a entendelo ben,
ao teu xeito,
co atrevemento, simplicidade e fondura
con que ti o facías.
Ollando para a nosa mesma debilidade,
ollando para a debilidade de tanta xente do noso
redor
(xente da rúa, desafiuzada, refuxiada, soa…),
“misericordia quero e non sacrificios”.
Acción
¿Que
importancia lle dámos na nosa vida cristiá a esas palabras que Xesús repite:
“misericordia quero e non sacrificios”? Pensámolo, falámolo con outros
compañeiros e compañeiras, e facemos o que o Espírito nos aconselle.
18 de xullo: sábado da 15ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 14-21
Naquel tempo, ao saír Xesús da sinagoga os fariseos
empezaron a maquinar na maneira de acabar con el. Xesús, ao sabelo, decidiu ir
para outro lado e seguírono moitos; curou a todos e mandoulles que non o
descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta Isaías:
“Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a
miña regalía. Pousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o dereito ás
nacións. Non discutirá nin berrará, ninguén oirá a súa voz polos rueiros. Non
crebará a canivela cascada, nin apagará a torcida que fumega ata que faga
triunfar o dereito. El será a esperanza das nacións.
Meditación
Empezan os problemas para Xesús. Problemas serios.
Había que acabar con el, porque el –iso pensaban— estaba atacando a base do
sistema relixioso existente, que consistía en encher a vida de doutrinas, ritos
e obrigas, que acababan distanciando a xente da compaña misericordiosa,
fondamente solidaria, de Deus. E Xesús non facía grandes discursos, estaba alí
a pé de rúa simplemente, acollendo homes e mulleres e compartindo con esas
persoas a súa forza de vida, o seu alento, a súa esperanza, a súa vitalidade
corporal e espiritual. Alí estaba Xesús actualizando a vella profecía de
Isaías, enchéndoa de vida e de realismo.
Como xente relixiosa, podemos facer corpo cos
fariseos, para guerrear contra a orixinalidade de Xesús. Ou podemos, coma
Xesús, intentar desapegar a fe das vellas cadeas de doutrinas, ritos e obrigas
(algo de todo isto fará falta seguramente), e intentar vivila, como raíz, desde
a frescura dunha vida que acolle a
xustiza e a misericordia de Deus e as practica con quen dela precise.
Oración
Canté, meu Deus,
se con Xesús fose unha miguiña o teu servo/a,
o teu elixido/a, o teu amado/a, a túa regalía!
Canté, meu Deus,
se soubese acoller o Espírito que pousas sobre min,
para me facer persoa de paz e de xustiza en todo!
Canté, meu Deus,
se soubese evitar berros, discusións, palabras ocas,
e me envolveses no teu silencio atento, solidario!
Canté, meu Deus,
se soubese acompañar e acariñar toda vida en risco
de non ser,
de apagarse, de desaparecer
á espera viva do seu florecemento!
Canté, meu Deus,
poder ser contigo, un chisquiño a lo menos,
un reflexo da túa esperanza
para quen bata comigo!
Canté, meu Deus, canté!
Acción
Posiblemente no noso medio haxa algunha persoa
innovadora nalgún aspecto da vida social, relixiosa, política. ¿Como
reaccionamos ante ela? Acollemos e pensamos nas súas propostas de vida, ou
combatémola porque nos rompe esquemas?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.