21 xullo, 2020

Tempo Ordinario: 17ª semana



  

26 de xullo: domingo 17 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 44-52
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo agachar e, cheo de alegría, vai vender canto ten para marcar aquela leira.
Tamén se aparece o reino dos ceos  a un tratante de perlas finas; en atopando unha de grande valor, vai vender todo canto ten para mercala.
Do mesmo xeito é semellante o reino dos ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolle peixes de todas as castes. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e, sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos para botalos no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
Entendedes todo isto?
Eles responderon:
—Entendemos.
El concluíu:
—Por iso todo letrado que se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e máis o vello.

Meditación
Xesús no seu tempo e hoxe fainos unha proposta de vida na fe. As parábolas póñennos diante algúns matices, que sería ben que tiveramos en conta para entrar a fondo na súa proposta. É un tesouro, é unha perla boísima. Xesús ten esta experiencia, e así a transmite con todo o convencemento. Saberse querido a fondo por Deus é un tesouro. Vivir á sombra da súa presenza, dos seus coidados é un tesouro. Ver a vida, a xente, os acontecementos cheos desta presenza amorosa, liberadora de Deus é un tesouro. Achegarse á xente máis débil para compartir con ela esta experiencia de Deus é un tesouro. No nome de Deus ir creando pequenas e densas experiencias de vida alternativa onde os últimos sexan os primeiros, e os pecadores os máis considerados, é un tesouro. Un tesouro que Xesús descubriu e polo que deu todo canto tiña. E con moita alegría. Con tensións, con sufrimento, pero con moita alegría. E por iso foi capaz de contaxiar a tanta xente coa súa ilusión. ¿Podémonos considerar nós entre as persoas contaxiadas por Xesús, polo tesouro que a el lle encheu a vida? ¿Facilitamos nós, como persoas, como comunidade cristiá, que a xente descubra o tesouro de Xesús, e o descubra con alegría, e guste de escoitalo, acollelo, vivilo? ¿Ou iscamos a xente coas nosas amarguras, cos nosos cumprimentos fríos, cos nosos legalismos, co noso apagamento?
O tesouro está agachado, e algo teremos que facer para bater con el. O negociante de perlas andaba á busca. O de Xesús é un tesouro, pero un tesouro agachado, algo que está aí, pero que no rebumbio no que vivimos, tanto os contemporáneos de Xesús coma nós, pasa inadvertido, e podemos estar pasando a carón de persoas e de circunstancias onde Deus se nos oferta co seu potencial de vida, de alegría, de posibilidades, e nós pasar de largo. Polo tanto, esta sería a nosa primeira responsabilidade: andar alerta, andar en busca, que non nos tapen os ollos con parvadas,  para poder atopar o tesouro, a perla preciosa. Porque, se non damos co tesouro, coa perla preciosa, non é posible dar os pasos seguintes: que o corazón, a vida se che encha de alegría, que esteas disposto/a a investir todo o teu nese tesouro, que fales do vivido e atopado coma dun tesouro, que contaxies a outras persoas, que formemos relacións sociais alternativas, que poidamos romper cos modelos sociais onde aos máis débiles, como din polo meu pobo, sempre lles toque serrar por baixo, etc., etc. Na nosa comunidade cristiá axudamos a que a xente estea atenta para poder descubrir o tesouro de Xesús?
O evanxeo de hoxe, completo, inclúe tamén a parábola da rede varredora. Non é algo para meter medo; Deus non é nunca para meter medo. Usa expresións algo tremendas, para que caiamos na conta de que na vida podemos xogar coas oportunidades de construírnos ben coma persoas, de axudar á construción das persoas e da sociedade que nos rodea; e iso, claro, non ten volta atrás. Non é que Deus nos castigue en nada e para nada; é que nós mesmos podémonos pechar as portas da nosa estabilidade, da nosa madurez, do noso futuro, da nosa felicidade, e achicala ata facela á medida das nosas mesmas covardías, dos nosos mesmos abandonos e pecados. E sería unha verdadeira pena, aínda que no último o que conte sexa sempre o perdón de Deus.
Na Misa de hoxe podemos atopar e gozar co maior tesouro de calquera persoa ou comunidade cristiá: o corpo e sangue de Cristo, a súa vida feita servizo, cruz e gloria por todos e cada un, cada unha de nós. E todo isto en comunidade.

Oración

Sabíalo?
Es un tesouro
—dicho Deus
e dicho ledamente—,
es un tesouro,
parte do meu tesouro.

Non te ruborices,
non o disimules:
es unha xoia,
vales moito, moito!

Cando no silencio te contemplo,
síntome orgulloso de terte creado.
Aínda nas horas mouras da túa insensatez,
alégrome sustentando a túa existencia.

Descúbrete coma tesouro,
gózate coma tesouro,
ofrécete coma tesouro,
saca a relucir as túas capacidades,
non as aforres,
non as agaches baixo terra,
baixo medos e covardías,
baixo preguizas e vaidades.

A túa familia estao agardando,
a túa parroquia estao agardando,
o teu pobo estao agardando,
Deus estao agardando,
para ledicia túa,
para ledicia de tristes e apoucados/as,
para orgullo da comunidade,
para gloria do teu Deus que te fixo así:
xoia preciosa, valiosísimo tesouro.

Canto vales!
Canto me gustas!
Canto te quero!

Acción
¿Que poderiamos facer para practicar algo iso de buscar o tesouro agachado do que nos fala Xesús? Ser persoa observadora, persoa con tempos de silencio, persoa que sabe ollar para si mesma con admiración e benevolencia, e o mesmo para os demais. Persoa que olla os acontecementos, a vida coa seguridade de nela hai moito de Deus.


27 de xullo: luns da 17 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 31-35
Nunha ocasión contoulle Xesús á xente estoutra parábola:
—O reino dos ceos é semellante a un gran de mostaza que unha persoa sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero, cando medra, chega a ser meirande ca todas as hortalizas, e convértese nunha árbore, de tal xeito que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
E díxolles outra parábola:
—O reino dos ceos é semellante ao lévedo que unha muller amasou con certa cantidade de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lles falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta: “Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas dende que o mundo é mundo”.

Meditación
Canto  temos que admirar e agradecer ese interese que Xesús tiña por desentrañar as cousas de Deus e poñelas ao noso alcance! Facíao a través de relatos sinxelos, populares, que todo o mundo podemos entender, se deixamos que o anunciado nos entre no corazón. Xesús tiña paixón por Deus, tiña paixón pola xente, e esa paixón movíao a ser imaxinativo, a ser creativo nas súas palabras, xestos e propostas. Algo que tanto nos fai falla ás persoas e comunidades cristiás de hoxe, que moitas veces empregamos palabras, ritos e xestos de rutina.
O reino de Deus, as cousas de Deus tal como Xesús as soña e nolas ofrece, é algo pequeno, humilde, pero vigoroso; algo capaz de medrar nas nosas vidas e ofrecer acubillo a quen o precise; algo capaz de mobilizar as entrañas de todos nós, as nosas forzas ocultas, para converternos en bo pan, para nós mesmos, para os demais. Un gran soño persoal e comunitario. Esa semente, ese lévedo levámolo dentro de nós. Todas. Todos. Porque así é a vida. Porque así é o noso Deus.

Oración

Grazas, meu Deus,
polas cousas pequenas, polas cousas ocultas.
Grazas polas persoas ignoradas
que día a día se prestan ao amor e ao servizo.
Grazas polo traballo oculto
de quen matina e investiga
para a saúde ou o progreso solidario.
Grazas pola xente do mar e da terra
que invisten esforzos e vidas
para sacar da terra a mantenza necesaria.
Grazas pola natureza calada
que garante ritmos e producións,
se non lle torcemos o paso.
Grazas polas mulleres ignoradas, invisibilizadas,
que sosteñen as casas, a Igrexa, o mundo.
Grazas polo teu Espírito dentro de nós,
capaz de facer de nós algo marabilloso
ás caladas, no silencio, sen decatarnos.

Acción
Seguro que coñecemos persoas sinxelas que fan posible que sucedan cousas de mérito ao noso redor. Podemos reparar nelas, alegrarnos por iso, dicirlles incluso o agradecidas que lles estamos polo que están facendo.


28 de xullo: martes da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 36-43
Nunha ocasión Xesús deixou a xente e foi para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
—Explícanos a parábola do xoio na leira.
El respondeu:
—O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é  o mundo; a boa semente son os fillos e fillas do reino; o xoio son os fillos e fillas do Malo. O inimigo que a sementa é o demo; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo: mandará o Fillo do Home os seus anxos e quitarán do seu reino todos os escándalos e todas as persoas que fan o mal; e botaranas no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón a xente xusta resplandecerá coma o sol no reino do seu Pai. Quen teña oídos, que escoite.

Meditación
O evanxelista fálanos cunha linguaxe forte, mesmo dramática, sobre das persoas que optan por sementar no mundo o mal, o abuso, a insolidariedade, o desprezo pola xente débil, por todo o débil, a arrogancia, a obsesión polo consumo, polo sexo, polo poder, polo diñeiro, caia quen caia e aínda que reduzamos o ser humano a un refugallo irrecoñecible. A linguaxe é forte e manexa pensamentos propios da cultura daqueles tempos. Podemos prescindir desa linguaxe e quedarnos co fundamental: non é igual para nós e para quen nos rodee, no presente e no futuro, ser persoas de ben ou de mal, ser sementadores –coas palabras e cos feitos— de xustiza ou de inxustiza, de abuso ou de solidariedade, de perdón ou de vinganza, de respecto ou de desprezo, de amor ou de odio, … Se optamos polo mal, o mal volverase contra nós; desfaranos como seres humanos, incapacitaranos para desenvolver en nós as enormes posibilidades de amor e de gozo das que somos capaces; case, case nos imposibilitará para contemplar o rostro amoroso de Deus, fonte de todo ben. É ben importante, logo, aprender a distinguir a calidade do que sementamos, a calidade das sementes de quen fai en nós sementeira. Antes de que sexa demasiado tarde e a vida se nos vaia das mans.

Oración

Meu Deus,
necesito a túa iluminación
para que o mal non se me cole na vida
e me estrague o presente e o futuro.
Meu Deus,
necesito a túa determinación    
para apostar firmemente polo que me constrúe
e constrúe a comunidade que me rodea.
Meu Deus,
necesito a túa humildade, a túa verdade,
para recoñecer os meus namoriscamentos co mal,
os meus enredos coas sombras.
Meu Deus,
necesito o atractivo do teu rostro
para deixarme encantar por todo o que é amor, respecto e coidado
no presente e por toda a eternidade.

Acción
Hoxe podemos facer adrede algunha sementeira de ben, con palabras ou con feitos, para tomar conciencia desta capacidade que temos e podela activar máis.


29 de xullo: mércores da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 44-46
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo agachar e, chea de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
Tamén se parece o reino dos ceos a un tratante de perlas finas, que, en atopando unha de grande valor, vai vender todo cante ten para mercala.

Meditación
Xesús é un tesouro. E vaia tesouro! Deus é un tesouro. E vaia tesouro! As verdadeiras cousas de Deus son un tesouro tamén. Un tesouro, iso si, agachado, escondido. Escondido dentro de nós, no noso mesmo íntimo. Escondido na vida, na natureza, na xente, no corazón da xente, no seu íntimo. Se ando superficialmente pola vida, é posible que non bata co tesouro, que non poida gozar del. Se satisfago a miña vida coa morea de cousas que a nosa sociedade consumista me mete polos ollos, moi posiblemente pase por riba do tesouro sen decatarme da súa presenza. A temperanza cara a canto se me ofrece, e a ollada buscadora, humilde cara ao interior da vida, dos acontecementos, das persoas, axudarame a bater co tesouro. Daquela si, daquela a ledicia invádeme e todo me sobra nas mans, con gozo de ter as cousas de Deus no meu corazón, na miña vida! Que ben, se nas nosas comunidades cristiás se nos aprendese a facer este descubrimento e a gozar co descuberto!

Oración

Señor Xesús,
que o teu Espírito me encha de acerto
para saber distinguir
unha perla fina dunha imitación vulgar,
unha alegría fonda dunha simple troula,
unha irmandade consistente dun trato fugaz.
Que o teu Espírito me esperte os sentidos
-corporais e espirituais—,
me ensanche o corazón,
me afine a percepción
para chegar a ese encontro case máxico
entre o tesouro de Deus e a miña condición mendicante.
Señor Xesús,
que o teu Espírito me achegue
ás fontes potentes da paz e da xustiza.

Acción
Hoxe podemos facer un pouco de buscadores do tesouro, da perla de Deus. Desde a mañá andamos á espreita, con moita humildade, no medio das persoas e das circunstancias da vida de hoxe. Seguro que poderemos bater, algo polo menos, co tesouro, coa perla do que a Deus lle reina.


30 de xullo: xoves da 17º semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 47-53
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante unha rede largada no mar, que recolle peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiran por ela para a ribeira e a xente, sentada, escolle os peixes bos para un queipo ou cesto e os malos tira con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán a xente mala da xusta para botala no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes. ¿Entendedes todo isto?
Eles responderon:
—Entendemos.
El concluíu:
—Por iso todo letrado que se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e máis o vello.

Meditación
A linguaxe ameazante nunca pode afogar o máis importante que Xesús nos dicía de Deus: que é todo amor, todo misericordia, todo perdón. A linguaxe ameazante da parábola si que nos pode alertar sobre a importancia de saber distinguir e valorar os peixes bos e os peixes malos, as propostas boas e as propostas malas para a vida, que nos chegan de fóra, ou que nacen no noso mesmo corazón. Coma no caso do trigo e do xoio (cizaña), cómpre estar alerta para non estragar a vida propia, para non contribuír a estragar tamén a doutra xente. Non todo nos vale. Non todo constrúe boas persoas, familias, veciñanzas, convivencias, comunidades, pobos, países. Sabémolo ben. Entendémolo ben. Pois a empeñarnos niso. O do máis aló, o da clarificación final, sabe Deus en que consistirá! Deixémolo confiadamente nas súas mans coidadoras.

Oración

Discípula do reino dos ceos,
discípula do que a Deus lle reina,
do que a Deus lle prace.
Discípula ben abastecida
por tantas e tan boas testemuñas da fe,
anteriores a nós,
que nos deixaron o seu ronsel de santidade,
concretado en palabras recias, en feitos fecundos.
Discípula aberta ao presente, ao novo,
onde Deus segue falando, segue convidando
con voces relixiosas e civís.
Todo para que poidamos sacar das nosas arcas
o novo e o vello que nos cómpre
para entender e vivir a vida humanamente, santamente.

Acción
Podiamos pararnos un pouco hoxe, individualmente ou en grupo, para ver  algunhas cousas que nos están chegando ás redes da nosa vida como peixes bos, e algunhas que nos chegan como peixes non tan bos. E ver tamén como reaccionamos ante iso.


31 de xullo: venres da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 54-58
Naquel tempo, cando Xesús marchou para a súa terra; e de tal xeito lles ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai; e seus irmáns, Santiago, Xosé, Simón de Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
Estaba realmente escandalizada aquela xente por causa del. Pero Xesús díxolles:
—Só na súa terra e na súa casa rexeitan a un profeta.
E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Meditación
San Paulo dicía: “Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo” (1Tes 5,21). O importante é ser persoa aberta a todo o que nos poida vir de fóra ou de dentro de nós mesmas, a todo o que nos axude a medrar como persoas e como crentes, a todo o que nos constrúa a nós e constrúa a comunidade civil ou relixiosa da que formamos parte, veña de onde veña. A veciñanza de Xesús non estaba aberta; estaba pechada nos seus criterios, un dos cales era que da xente coñecida, pobre, normal coma eles non tiña por que vir nada de proveito. Que se cría Xesús! Que vaia por aí, home, que se quite da nosa vista con todas as súas andrómenas!
As escusas que podemos poñer para non aceptar o que nos vén de fóra coma un don de Deus poden ser múltiples. É doutro país, é doutra raza, é doutra relixión, é doutro partido político, é un “pirao”, mira como viste, sempre fala galego, sempre fala castelán, rompe co que sempre se fixo, onde imos con tantas novidades… E así chegamos a desoír ao mesmísimo fillo de Deus!

Oración

Escoitar,
escoitarte, Xesús,
escoitarte sempre,
nas múltiples voces coas que nos poidas falar.
Estar coa alma en vilo,
cos oídos do corazón en vilo,
coa vida en vilo,
cun sexto sentido
para ventar a túa voz, a  túa presenza,
amósese onde se amose.
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
abrirche o corazón, a vida toda,
sen reserva ningunha,
para que se cumpra en todo nós
o milagre dunha vida xusta, irmandada,
en servizo de toda debilidade,
en servizo de Deus.

Acción
¿Algunha vez tivemos algunha experiencia semellante á da xente veciña de Xesús, de rexeitar as palabras, as propostas dalgunha persoa, por calquera razón idiota? ¿Podemos retomar o caso con esa persoa nunha actitude diferente, aberta?


1 de agosto: sábado da 17ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 1-12
Naquel tempo chegou a sona de Xesús aos oídos do tetrarca. Este comentou cos seus cortesáns:
—Ese é Xoán Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.
Pois Herodes prendera a Xoán e metérao na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo, porque Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir amigado con ela.
E, aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente que o consideraba un profeta. Pero, cando Herodes celebrou o seu aniversario, a filla de Herodías bailou diante de toda a xente. E tanto lle agradou a Herodes, que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira. Ela, encirrada pola súa nai, díxolle:
—Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa das persoas convidadas, ordenou que lla deran e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea. Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á súa nai. Os seus discípulos viñeron recoller o corpo e sepultalo. Despois fóronllo contar a Xesús.

Meditación
Que gran home, que gran crente era este Xoán! Por algo o noso Xesús se sentiu atraído por el, e no seu grupo, entorno e liderado madurou como crente e chegou a ter a fonda experiencia de ser fillo queridísimo de Deus e irmán universal. Despois Xesús andaría camiños novos, que Xoán seguiu con atención. Había bo trato entre os discípulos de Xoán e os de Xesús, ata o punto de que é a Xesús a quen deseguida lle van contar o martirio do Bautista.
Xoán era un verdadeiro profeta, que non receou en darlle cara ao mesmísimo Herodes e en criticar os seus excesos e chulerías. Profeta coherente. Profeta ata a morte. Ante a súa rectitude consecuente que patético Herodes, que raposeira Herodías! Diferentes espellos, diferentes tipos de persoa ante os que ollarnos. Diferentes maneiras de estar na vida, de construír relacións humanas e de facer pobo e comunidade cristiá.

Oración

Xesús,
rendémonos contigo ante Xoán,
o profeta,
ante a súa palabra limpa e incisiva,
ante a súa valentía,
que en Deus tiña forza e fundamento.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante todas as almas de profeta ou profetisa
que, grazas a Deus,
camiñan polo noso mundo,
sexan ou non sexan do noso grupo,
sexan ou non sexan cristiáns.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante quen coa palabra, co sangue, coa vida
rompe abusos, abre camiños
e fai medrar as esperanzas.

Acción
¿Temos experiencia de enfrontarnos dalgunha maneira a algunha persoa poderosa, que abusa do seu poder? Estará ben que con humildade nolo valoremos. ¿Ou, se cadra, temos experiencia de ver ou sufrir abusos e calar? Estará ben que aprendamos algo de Xoán o Bautista.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.