2 de agosto: domingo 18 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 14, 13-21
Cando Xesús soubo que
Herodes matara a Xoán Bautista, retirouse de alí nun bote a un lugar deserto e
arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra dende as vilas.
Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a
todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
—O lugar está moi
arredado e a hora moi avanzada; será mellor que despidas a xente para que vaian
ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
—Non precisan marchar,
dádelles vós de comer.
Eles responderon:
—Aquí non temos máis ca
cinco bolos de pan e máis dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
—Pois traédemos aquí.
E mandando recostar a
xente na herba, colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a mirada ao
ceo, dixo a bendición, partiu os pans e déullelos aos discípulos, que á súa vez
llos pasaron á xente. E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras
doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.
Meditación
De que lle valeu Xesús á
xente? De que nos vale a nós? Que proveito lle trouxo a súa presenza, a súa
actividade, a súa vida? Que proveito nos trae a nós? O relato pode ser histórico
ou algo fantasiado e simbólico, o cal non quere dicir que nos conte mentiras,
senón que transmite convencementos crentes, que é ao que van os Evanxeos. E
¿cales son estes convencementos crentes? Xesús, que reflectía o rostro, a vida,
o corazón de Deus, preocúpase pola situación da xente, non monta unha fe, unha
relixiosidade de costas á xente e ao que a xente está vivindo, gozando e
padecendo. Xesús ía cos seus discípulos a descansar, a pasalo ben, a conversar
tranquilamente, a comer con certa abundancia e pracer, pois cinco bolos e dous
peixes non deixaba de ser unha estupenda comida para un grupo reducido en
tempos en que o mesmo pan non era abundante. Pero Xesús e os seus compañeiros e
compañeiras baten co pobo, que o seguía, e aquilo cambia totalmente o día de
relax que ían buscando. E Xesús preguntouse ¿que servizo lle podemos prestar a
esta xente?
Non podemos ignorar o que
pasaba polo corazón de Xesús. Di o Evanxeo que se conmoveu ao ver aquela xente,
que era un campesiñado pobre, sometido, endebedado, enfermo; pobo canso e
oprimido, ovellas en pastor que mire por elas, como se di noutras páxinas do
Evanxeo. A Deus, a Xesús dóelle a xente, dóenlle os problemas da xente. E
responde. Empeza curando enfermos, cos recursos e ata o punto que el podía. A
súa fe en Deus lévao a iso, a preocuparse polo sufrimento da xente, porque lle
doía a xente. En Xesús a fonte da súa actividade solidaria era o amor; porque
lle doía a xente, actuaba. Porque lle doemos, actúa en favor noso, de ti, de
min. ¿Vivimos así a nosa fe? ¿Somos
agradecidos/as por esta forma de ser que ten Deus connosco? ¿Deixámonos
envolver por este xeito de facer as cousas que tiña Xesús? ¿Dóenos a nós a
xente? ¿Actuamos en favor de quen padece porque nos doe? ¿No momento presente
hai moita xente que se asemella a ese pobo pobre, endebedado, enfermo, famento
co que se atopou Xesús? ¿Como nos situamos ante todo iso? Hai recursos
persoais, sociais, políticos, para buscar remedio aos problemas; pero ¿estamos
apoiándoos con convencemento, porque a xente nos doe?
Era tarde, a xente tiña
fame. Os discípulos decátanse diso e propoñen un remedio: mandalos e que, cada
quen como poida, merque –se ten con que—, coma ou pase. Eles foran previsores e
trouxeran cinco bolos e dous peixes para matar a fame; os demais que se busquen
a vida. É a solución do sálvese quen poida e como poida. É unha solución moi
dos nosos tempos, moi típica da maneira capitalista, individualista, de
entender as cousas. Xesús oponse a iso. Xesús ofrece pan, pero ofrece moito máis
ca pan. Ofrece pan, pero ofrece tamén unha maneira de resolver as carencias, un
espírito de solidariedade, un facer noso o problema e as dificultades das
demais persoas: compartir o noso tempo, a nosa comodidade, os nosos bens.
Ofrece pan, e ofrece tamén comunidade para adquirilo, comelo, saborealo,
gozalo, agradecelo.
Ao nivel daqueles tempos
Xesús provocaba a dar, a compartir, a facer xustiza devolvendo o roubado, a
facer propia a causa dos desventurados, ata o punto de facer diso unha
benaventuranza. Hoxe as cousas son distintas. Sen deixar de facer iso, a persoa
ou grupo que quere vivir en solidariedade ao estilo de Xesús, sabe que hai
estruturas sociais máis solidarias ou menos, que hai unha maneira de organizar
os impostos máis solidaria ou menos, e unha maneira de redistribuír os
beneficios, e unha maneira de atender as necesidades dos máis débiles da
sociedade. Hai maneiras tamén de ter os nosos aforros, na banca capitalista ou
na banca ética, solidaria. Sabemos que hai políticas máis solidarias ou menos,
máis comunitarias ou menos, máis do sálvese quen poida ou máis de doerse da
xente máis marxinal para favorecela nos servizos. ¿Onde cremos que se estaría
situando Xesús, se estivese fisicamente presente no medio de nós? ¿Onde nos
situamos nós, que queremos ser os seus seguidores e seguidoras?
Na Misa, na Eucaristía,
revivimos os xantares de Xesús, feitos de partir o pan, de compartir; feitos de
provocar á solidariedade. Felices nós convidados/as a esta comida de festa!
Oración
Xesús,
gústame o que me
propós
como forma de
vivir e transmitir o Evanxeo
tamén nos nosos
tempos:
andar en grupo,
cansar andando
os camiños da vida coa xente;
arredarse,
descansar, falar, compartir, alentarse...
Pero o primeiro
é o primeiro:
antes de nada
está a xente, está o pobo,
están as
persoas máis débiles do pobo
(entre as que,
se cadra, tamén me atopo),
coas súas
necesidades, coas súas demandas,
coa súa voz que
precisa ser escoitada.
Xesús,
quero estar
contigo,
para recibir os
teus coidados,
para dálos a
quen os precise.
Toma o meu
tempo, a miña dedicación,
as miñas ideas,
as miñas palabras, os meus cartos,
toma a miña
vida toda.
Quero estar
contigo
na hora humilde
e solemne,
humana e
divina,
de dar saúde,
pan,
alento, respiro
á xente máis tirada,
e hai tanta!,
con paixón e
con intelixencia,
desde a
necesaria caridade inmediata
ata a
imprescindible alteración das estruturas
para facelas
doídas de quen máis padece.
Xesús,
quero estar
contigo
para aprender
de ti os aires comunitarios,
para descubrir
a festa do compartir
e facer dela a
razón da miña vida e da miña morte.
Quen, senón ti,
me fai
fortalecer para esta atrevida tarefa?
Fártame co pan
compartido!
Acción
Hoxe podemos ver en que
cousas somos persoas atentas ás necesidades da xente, e como colaboramos, desde
axudas caritativas ata a participación social, política, sindical. E, se niso
andamos con frouxidade, podemos dar pasos e mellorar.
3 de agosto: luns da 18 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 14, 22-36
Unha vez, cando a xente
quedara farta co pan multiplicado, Xesús mandou aos seus discípulos que
embarcasen axiña e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a
xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só e alí colleuno a
anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca,
pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles
camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e
dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida
faloulles Xesús, dicindo:
—Tranquilos, non teñades
medo, que son eu!
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame
que vaia onda ti camiñando pola auga.
El díxolle:
—Ven!
Baixou Pedro da barca e
púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte,
colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar.
—Señor, sálvame!
Axiña Xesús, dándolle a
man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por que
dubidas?
—E, ao subiren eles á
barca, quedou o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
—Realmente ti es Fillo de
Deus.
Rematada a travesía,
chegaron á terra de Xenesaret. Ao recoñecelo, a xente do lugar mandou aviso a
toda a comarca. Leváronlle toda a xente enferma, rogáronlle que lles deixase
tocar tan sequera a orla do seu manto. E todas as persoas que o tocaron,
curaron.
Meditación
A Xesús compracíalle
estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de
mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de
prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas
cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse,
quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte
termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as
nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.
E logo os medos de todas
as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os
lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o
corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa
incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa
relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer
a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin
de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da
vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús
tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.
Oración
Ti estás,
Xesús, ti estás,
aínda que eu
non che faga caso;
aínda que eu
non me pare contigo,
para falarche
dos meus gozos, das miñas sombras,
dos meus medos.
Que refinado é
o medo, Xesús,
que refinado e
como me roe por dentro!
Aparento comer
o mundo,
e moitas veces
así o fago coa palabra sempre fácil,
pero que axiña
recúo
cando lle hai
que dar cara ás cousas,
careándome
comigo mesmo
e coas persoas
que están detrás delas!
Cómpreme fe,
Xesús,
fe en min, na
xente,
na comunidade,
no pobo,
fe en Deus, fe
en ti.
“¿Por que
dubidas?”
Ai, Señor,
que onda ti se
fortaleza a miña fe!
Acción
¿Temos experiencia de
deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo
pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de
retomar algunha desas situacións?
4 de agosto: martes da 18 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 15, 1-2.10-14
Unha vez achegouse a
Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
—¿Por que os teus
discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de
comer?
E Xesús, convocando o xentío,
díxolles:
Escoitade e procurade
entender: Non é o que entra pola boca o que mancha o ser humano; o que sae pola
boca, iso si que mancha ao ser humano.
E os discípulos
achegáronselle para dicirlle:
—¿Ti sabes que os
fariseos se escandalizaron ao escoitaren a túa palabra?
El contestoulles:
—Toda planta que non
plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. Deixádeos, son cegos e guías de
cegos; e, se un cego guía a outro cego, ámbolos dous caerán na cova.
Meditación
Foron moitas os momentos
nos que as prácticas relixiosas e sociais de Xesús chocaron coas dos líderes
relixiosos do seu tempo. Non estaba en xogo lavarse as mans antes de comer por
hixiene; os letrados e fariseos non se anoxaban por cuestión da hixiene.
Anoxábanse porque entendían que cumprir con ese rito era o que sen máis
garantía o encontro e amizade do Deus vivo. E Xesús, vendo iso, vendo que se
quedaban en normas superficiais para valorar o achegamento ou non a Deus,
protesta e anuncia que o achegamento a Deus, a fidelidade a el, mídese por
criterios máis serios, que teñen que ver coa bondade ou a maldade que saen do
corazón da xente e que se traducen en feitos bos ou en feitos malos. Non
entender algo tan simple é ser cegos, e mal van as cousas se un cego guía a
outro cego.
Con todo e seren cousas
tan evidentes, non podemos quedarnos con que nós xa non temos ese problema, que
a nós non nos pasan esas cousas. A tentación de querer intimar con Deus a
partir do cumprimento de certas normas, ritos, prácticas relixiosas externas é
unha tentación que parece que vai con todos os seres humanos, de onte e de
hoxe. Tentación na que podemos caer, se non estamos alerta.
Oración
Pódome
enganarme e min mesmo, meu Deus querido,
pero a ti non
te engano.
Podo enganar a
xente
coa miña
aparencia de cumpridor/a,
pero a ti non
te engano.
Podo
multiplicar ritos e ritos,
intentando
meterte no meu peto
e terte sempre
ao meu dispor,
pero ti non de
deixas.
Pódome encher
de aparencias,
pero a ti
non che vale,
porque tes
ollos limpos, penetrantes
que esculcan os
corazóns, as intencións.
Que a túa luz,
Deus querido, me ilumine,
me quite as
cegueiras
e me poña no
camiño da verdade e da transparencia.
Acción
Pode ser que esteamos
baseando a nosa fidelidade relixiosa cristiá no cumprimento baleiro dalgúns
ritos, dalgúns sacramentos incluso, pero que no noso corazón, o noso interior,
esteamos almacenando ruindades. Revisámonos nisto.
5 de agosto: mércores da 18ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 15, 21-28
Nunha ocasión foi Xesús
para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles
contornos berrando:
—Compadécete de min,
Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu
palabra. Achegáronselle os seus discípulos rogándolle:
—Aténdea, que vén
berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que
ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero ela achegouse, prostrouse ante el e
suplicoulle:
—Señor, váleme!
El respondeulle:
—Non é ben quitarlles o
pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén
os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben
grande; fágase, logo como desexas!
E a súa filla ficou sa
naquela hora.
Meditación
É ben curioso este
pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle
–iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador
e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo
de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus
próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
Unha invitación sen
dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e
a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen
chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns
e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola
fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo,
pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos
levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que
nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha
irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa
común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que
a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.
Oración
Viva a
diferenza, Xesús,
viva a
diferenza,
no nome do
Pai-Nai común,
que a todos e
todas nos crea por amor,
e a todas e
todos nos ofrece o seu Espírito,
sen distinción!
Viva a
diferenza, Xesús,
que nos fai
xente máis fermosa,
máis complementaria,
máis capaces de
responder
ás múltiples
demandas do noso ser, do noso existir!
Vivan a
diferenza, Xesús,
sustentada nun
fondo común
sospeitado,
buscado, crido, amado,
que nos solda e
irmanda,
que nos permite
vernos, a pesar de todo,
como irmáns e
irmás en todo,
e en todo vivir
como tales”.
Viva a
diferenza, Xesús,
no nome do
Espírito que todo o sustenta!
Acción
É moi posible que teñamos
algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que
nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo
relixioso, xeitos de ser… ¿Como actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo
portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de
afrontar iso?
6 de agosto: festa da Transfiguración do noso
Señor
Evanxeo: Mc 9, 2-10
Unha vez colleu Xesús a
Pedro, Santiago e Xoán e subiu con eles ao coto dun monte. Alí transfigurouse
na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma
ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis
Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a
Xesús:
—Mestre, que ben estamos
aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para
Moisés.
Tan asustados estaban,
que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía
dela unha voz:
—Este é o meu fillo
benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando
arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús
encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre
os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero discutían entre si que quería dicir
aquilo de resucitar de entre os mortos.
Meditación
Coincidindo co seu
bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia
de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender
a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida
tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver
a aquel encontro con Deus, a aquela
fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste
caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia
do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e
esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense
envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño!
Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús
era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as
propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada
espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que
traían entre mans.
Todas, todos nós
necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola
vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación da crianza, polo traballo, pola participación
comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos
tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan
os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen
ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas
e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns,
irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós
somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande
familia.
Oración
Gozando da túa
presenza, Xesús,
véndote
humildemente glorioso,
sabéndote amado
a fondo por Deus,
adiviñándote
decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos
aquí!
Sentíndonos
enrolados contigo,
admirando a túa
valentía,
agradecendo a
túa consideración connosco!
Que ben estamos
aquí!
fortalecéndonos
contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos
collidas da man por ti,
para a tarefa
solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos
aquí!
Pero hai que
saír á rúa,
seguir tecendo
solidariedades,
a gusto ou a desgusto de quen manda,
ata a irmandade
total!
Que ben estamos
aquí, Xesús!
Acción
¿Hai momentos nos que
pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por
sermos persoas cristiás? ¿Que facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos
acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?
7 de agosto: venres da 18 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 16, 24-28
Unha vez díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo,
que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen
queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen a perda pola miña causa,
poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se
perde a súa vida? E ¿que pode dar un home ou muller para recobrar a súa vida?
Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón
pagará a cadaquén conforme a súa conduta. Tede por seguro que algúns dos aquí
presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do home vir no seu reino.
Meditación
Unha vez máis temos que
dicir que as palabras de Xesús nunca son palabras ameazantes, aínda que teñan
certa aparencia diso. A vida é o máis fermoso que temos. Vivir a vida é a
empresa maior de todo ser humano. Xesús veu para que teñamos vida e que a nosa
vida sexa redonda, completa. Xesús, experto en vida e na maneira de vivila ben,
alértanos da trampa na que podemos caer: querendo vivir a vida, perdela; e,
curiosamente, perdéndoa, podela atopar de verdade. E el ofrécesenos como guía e
forza nesta aventura simple e marabillosa de vivir a vida; atopa a vida quen a
vive con instinto comunitario, quen pensa e actúa en común, quen fai da
solidariedade e do servizo a forma diaria de vivir. O clima social que estamos
vivindo como consecuencia do Covid-19 confírmanos que este é o camiño para cada
persoa, para o conxunto da sociedade. As persoas cristiás estamos chamadas a
ser testemuñas desta maneira de poñer a salvo a vida.
Oración
Grazas pola
vida, meu Deus querido.
Con Xesús,
grazas pola vida.
Que
marabillosamente boa é a vida!
Que
marabillosamente bo é
vivir a vida,
gozar a vida,
compartir a
vida,
dar a vida,
celebrar a
vida,
hora a hora,
día a día!
Collémosche a
man, Xesús,
para facer o
camiño contigo,
atinar coas maneiras,
sortear
obstáculos
e chegar á meta
da vida
coa vida
íntegra nas mans.
Acción
Vivimos hoxe a vida con
consciencia, con agradecemento. Cada pequeno detalle, gozoso ou custoso.
Especialmente cando temos que dar vida para ter vida. Celebrámolo logo á noite.
8 de agosto: sábado da 18 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 17, 14-20
Nunha ocasión achegouse a
Xesús un home que de xeonllos lle suplicou:
—Señor, ten compaixón de
meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga.
Presentéillelo aos teus discípulos e non o deron curado.
Respondeu Xesús:
—Xeración incrédula e
perversa! ¿Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!
Entón Xesús increpou o
demoño e saíu del. E dende aquela hora ficou curado o rapaz. Entón achegáronselle
os discípulos e preguntáronlle en privado:
—¿Por que non o demos
botado nós?
El respondeulles:
—Pola vosa pouca fe. E
asegúrovos que, se tivésedes fe sequera coma un gran de mostaza, diriádeslle a
este monte: “fai de aquí para alá”, e o monte había ir; e nada sería imposible
para vós.
Meditación
Xesús tiña xenio e
cabreábase. Doíalle moito, cabreábase sobre todo cando vía que a xente non se
abría coa fe ao don de Deus, e non convertía o poderío enorme da fe confiada
nunha forza de vida a favor de quen vida necesitase. Neste caso aquel pai
anónimo, cun fillo lunático, tamén anónimo, pero presa dunha enorme desgraza.
Botoulles en cara aos seus discípulos a súa pouca fe. E ¿que nos diría a nós?
Seguro que merecemos cando menos unha corrección semellante. Que pouca fe
tedes! E chama a atención a transcendencia que para Xesús tiña o feito de ter
fe: nada sería imposible para vós! Como que hai por aí unhas enerxías
espirituais potentes, enraizadas no mesmo Espírito de Deus, que nos permitirían
acadar unha chea enorme de cousas ás que sen fe nunca chegariamos. E non é
maxia. É simplemente a forza de Deus na nosa vida.
Oración
Cantas cousas
deixamos de emprender
por non ter fe!
Cantas outras
se nos van diluíndo nas mans
por non ter fe!
Cantos proxectos
de solidariedade morren
por non ter fe.
Cantos procesos
persoais quedan en nada
por non ter fe.
Canta
renovación das nosas comunidades está á espera
por non ter fe!
Canta inxustiza
come o mundo
por non ter fe!
Cantos soños de
Deus para a nosa vida están parados
por non ter fe!
Fe nas nosas
capacidades,
fe no noso
instinto humanitario persoal e colectivo,
fe en Deus que
o inseriu nas nosas entrañas!
Acción
¿Temos ante nós algunha
cousa que nos gustaría facer ou acadar, e ante o cal nos encollemos? ¿Fáltanos
fe, confianza, disposición, vontade? Traballemos, logo, a fe. Co compartir o
tema, coa oración, coa reflexión, coa práctica da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.