26 de xullo: domingo 17 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 44-52
Nunha ocasión díxolle
Xesús á xente:
—O reino dos ceos é
semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo
agachar e, cheo de alegría, vai vender canto ten para marcar aquela leira.
Tamén se aparece o reino
dos ceos a un tratante de perlas finas;
en atopando unha de grande valor, vai vender todo canto ten para mercala.
Do mesmo xeito é
semellante o reino dos ceos a un aparello de rapeta largado no mar, que recolle
peixes de todas as castes. Unha vez cheo, tiran por el para a ribeira e,
sentados, escollen os bos nun queipo e os malos tiran con eles. Así será na fin
do mundo: sairán os anxos e arredarán os malos dos xustos para botalos no forno
do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes.
Entendedes todo isto?
Eles responderon:
—Entendemos.
El concluíu:
—Por iso todo letrado que
se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das
súas arcas o novo e máis o vello.
Meditación
Xesús no seu tempo e hoxe
fainos unha proposta de vida na fe. As parábolas póñennos diante algúns
matices, que sería ben que tiveramos en conta para entrar a fondo na súa
proposta. É un tesouro, é unha perla boísima. Xesús ten esta experiencia, e así
a transmite con todo o convencemento. Saberse querido a fondo por Deus é un
tesouro. Vivir á sombra da súa presenza, dos seus coidados é un tesouro. Ver a
vida, a xente, os acontecementos cheos desta presenza amorosa, liberadora de
Deus é un tesouro. Achegarse á xente máis débil para compartir con ela esta
experiencia de Deus é un tesouro. No nome de Deus ir creando pequenas e densas
experiencias de vida alternativa onde os últimos sexan os primeiros, e os
pecadores os máis considerados, é un tesouro. Un tesouro que Xesús descubriu e
polo que deu todo canto tiña. E con moita alegría. Con tensións, con
sufrimento, pero con moita alegría. E por iso foi capaz de contaxiar a tanta
xente coa súa ilusión. ¿Podémonos considerar nós entre as persoas contaxiadas
por Xesús, polo tesouro que a el lle encheu a vida? ¿Facilitamos nós, como
persoas, como comunidade cristiá, que a xente descubra o tesouro de Xesús, e o
descubra con alegría, e guste de escoitalo, acollelo, vivilo? ¿Ou iscamos a xente
coas nosas amarguras, cos nosos cumprimentos fríos, cos nosos legalismos, co
noso apagamento?
O tesouro está agachado,
e algo teremos que facer para bater con el. O negociante de perlas andaba á
busca. O de Xesús é un tesouro, pero un tesouro agachado, algo que está aí,
pero que no rebumbio no que vivimos, tanto os contemporáneos de Xesús coma nós,
pasa inadvertido, e podemos estar pasando a carón de persoas e de
circunstancias onde Deus se nos oferta co seu potencial de vida, de alegría, de
posibilidades, e nós pasar de largo. Polo tanto, esta sería a nosa primeira
responsabilidade: andar alerta, andar en busca, que non nos tapen os ollos con
parvadas, para poder atopar o tesouro, a
perla preciosa. Porque, se non damos co tesouro, coa perla preciosa, non é
posible dar os pasos seguintes: que o corazón, a vida se che encha de alegría,
que esteas disposto/a a investir todo o teu nese tesouro, que fales do vivido e
atopado coma dun tesouro, que contaxies a outras persoas, que formemos
relacións sociais alternativas, que poidamos romper cos modelos sociais onde
aos máis débiles, como din polo meu pobo, sempre lles toque serrar por baixo,
etc., etc. Na nosa comunidade cristiá axudamos a que a xente estea atenta para
poder descubrir o tesouro de Xesús?
O evanxeo de hoxe,
completo, inclúe tamén a parábola da rede varredora. Non é algo para meter
medo; Deus non é nunca para meter medo. Usa expresións algo tremendas, para que
caiamos na conta de que na vida podemos xogar coas oportunidades de
construírnos ben coma persoas, de axudar á construción das persoas e da
sociedade que nos rodea; e iso, claro, non ten volta atrás. Non é que Deus nos
castigue en nada e para nada; é que nós mesmos podémonos pechar as portas da
nosa estabilidade, da nosa madurez, do noso futuro, da nosa felicidade, e
achicala ata facela á medida das nosas mesmas covardías, dos nosos mesmos
abandonos e pecados. E sería unha verdadeira pena, aínda que no último o que
conte sexa sempre o perdón de Deus.
Na Misa de hoxe podemos
atopar e gozar co maior tesouro de calquera persoa ou comunidade cristiá: o
corpo e sangue de Cristo, a súa vida feita servizo, cruz e gloria por todos e
cada un, cada unha de nós. E todo isto en comunidade.
Oración
Sabíalo?
Es un tesouro
—dicho Deus
e dicho
ledamente—,
es un tesouro,
parte do meu
tesouro.
Non te
ruborices,
non o
disimules:
es unha xoia,
vales moito,
moito!
Cando no
silencio te contemplo,
síntome
orgulloso de terte creado.
Aínda nas horas
mouras da túa insensatez,
alégrome
sustentando a túa existencia.
Descúbrete coma
tesouro,
gózate coma
tesouro,
ofrécete coma
tesouro,
saca a relucir
as túas capacidades,
non as aforres,
non as agaches
baixo terra,
baixo medos e
covardías,
baixo preguizas
e vaidades.
A túa familia
estao agardando,
a túa parroquia
estao agardando,
o teu pobo
estao agardando,
Deus estao
agardando,
para ledicia
túa,
para ledicia de
tristes e apoucados/as,
para orgullo da
comunidade,
para gloria do
teu Deus que te fixo así:
xoia preciosa,
valiosísimo tesouro.
Canto vales!
Canto me
gustas!
Canto te quero!
Acción
¿Que poderiamos facer
para practicar algo iso de buscar o tesouro agachado do que nos fala Xesús? Ser
persoa observadora, persoa con tempos de silencio, persoa que sabe ollar para
si mesma con admiración e benevolencia, e o mesmo para os demais. Persoa que
olla os acontecementos, a vida coa seguridade de nela hai moito de Deus.
27 de xullo: luns da 17 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 31-35
Nunha ocasión contoulle
Xesús á xente estoutra parábola:
—O reino dos ceos é semellante
a un gran de mostaza que unha persoa sementou na súa horta. A mostaza vén sendo
a máis pequerrecha de todas as sementes; pero, cando medra, chega a ser
meirande ca todas as hortalizas, e convértese nunha árbore, de tal xeito que
mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
E díxolles outra
parábola:
—O reino dos ceos é
semellante ao lévedo que unha muller amasou con certa cantidade de fariña ata
que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús
en parábolas á xente, e nada lles falaba que non fose por medio de parábolas.
De xeito que se cumprise o que dixera o profeta: “Abrirei a miña boca para
dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas dende que o mundo é mundo”.
Meditación
Canto temos que admirar e agradecer ese interese
que Xesús tiña por desentrañar as cousas de Deus e poñelas ao noso alcance!
Facíao a través de relatos sinxelos, populares, que todo o mundo podemos
entender, se deixamos que o anunciado nos entre no corazón. Xesús tiña paixón
por Deus, tiña paixón pola xente, e esa paixón movíao a ser imaxinativo, a ser
creativo nas súas palabras, xestos e propostas. Algo que tanto nos fai falla ás
persoas e comunidades cristiás de hoxe, que moitas veces empregamos palabras,
ritos e xestos de rutina.
O reino de Deus, as
cousas de Deus tal como Xesús as soña e nolas ofrece, é algo pequeno, humilde,
pero vigoroso; algo capaz de medrar nas nosas vidas e ofrecer acubillo a quen o
precise; algo capaz de mobilizar as entrañas de todos nós, as nosas forzas
ocultas, para converternos en bo pan, para nós mesmos, para os demais. Un gran
soño persoal e comunitario. Esa semente, ese lévedo levámolo dentro de nós.
Todas. Todos. Porque así é a vida. Porque así é o noso Deus.
Oración
Grazas, meu
Deus,
polas cousas
pequenas, polas cousas ocultas.
Grazas polas
persoas ignoradas
que día a día
se prestan ao amor e ao servizo.
Grazas polo
traballo oculto
de quen matina
e investiga
para a saúde ou
o progreso solidario.
Grazas pola
xente do mar e da terra
que invisten
esforzos e vidas
para sacar da
terra a mantenza necesaria.
Grazas pola
natureza calada
que garante
ritmos e producións,
se non lle
torcemos o paso.
Grazas polas
mulleres ignoradas, invisibilizadas,
que sosteñen as
casas, a Igrexa, o mundo.
Grazas polo teu
Espírito dentro de nós,
capaz de facer
de nós algo marabilloso
ás caladas, no
silencio, sen decatarnos.
Acción
Seguro que coñecemos
persoas sinxelas que fan posible que sucedan cousas de mérito ao noso redor.
Podemos reparar nelas, alegrarnos por iso, dicirlles incluso o agradecidas que
lles estamos polo que están facendo.
28 de xullo: martes da 17ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 36-43
Nunha ocasión Xesús
deixou a xente e foi para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e
pedíronlle:
—Explícanos a parábola do
xoio na leira.
El respondeu:
—O que sementa a boa
semente é o Fillo do Home; a leira é o
mundo; a boa semente son os fillos e fillas do reino; o xoio son os fillos e
fillas do Malo. O inimigo que a sementa é o demo; a sega é a fin do mundo e os segadores
son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na
fin do mundo: mandará o Fillo do Home os seus anxos e quitarán do seu reino
todos os escándalos e todas as persoas que fan o mal; e botaranas no forno do
lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón a xente xusta
resplandecerá coma o sol no reino do seu Pai. Quen teña oídos, que escoite.
Meditación
O evanxelista fálanos
cunha linguaxe forte, mesmo dramática, sobre das persoas que optan por sementar
no mundo o mal, o abuso, a insolidariedade, o desprezo pola xente débil, por
todo o débil, a arrogancia, a obsesión polo consumo, polo sexo, polo poder,
polo diñeiro, caia quen caia e aínda que reduzamos o ser humano a un refugallo
irrecoñecible. A linguaxe é forte e manexa pensamentos propios da cultura
daqueles tempos. Podemos prescindir desa linguaxe e quedarnos co fundamental:
non é igual para nós e para quen nos rodee, no presente e no futuro, ser
persoas de ben ou de mal, ser sementadores –coas palabras e cos feitos— de
xustiza ou de inxustiza, de abuso ou de solidariedade, de perdón ou de
vinganza, de respecto ou de desprezo, de amor ou de odio, … Se optamos polo
mal, o mal volverase contra nós; desfaranos como seres humanos, incapacitaranos
para desenvolver en nós as enormes posibilidades de amor e de gozo das que
somos capaces; case, case nos imposibilitará para contemplar o rostro amoroso
de Deus, fonte de todo ben. É ben importante, logo, aprender a distinguir a
calidade do que sementamos, a calidade das sementes de quen fai en nós
sementeira. Antes de que sexa demasiado tarde e a vida se nos vaia das mans.
Oración
Meu Deus,
necesito a túa
iluminación
para que o mal
non se me cole na vida
e me estrague o
presente e o futuro.
Meu Deus,
necesito a túa
determinación
para apostar
firmemente polo que me constrúe
e constrúe a
comunidade que me rodea.
Meu Deus,
necesito a túa
humildade, a túa verdade,
para recoñecer
os meus namoriscamentos co mal,
os meus enredos
coas sombras.
Meu Deus,
necesito o
atractivo do teu rostro
para deixarme
encantar por todo o que é amor, respecto e coidado
no presente e
por toda a eternidade.
Acción
Hoxe podemos facer adrede
algunha sementeira de ben, con palabras ou con feitos, para tomar conciencia
desta capacidade que temos e podela activar máis.
29 de xullo: mércores da 17ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 44-46
Nunha ocasión díxolle
Xesús á xente:
—O reino dos ceos é
semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo
agachar e, chea de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
Tamén se parece o reino
dos ceos a un tratante de perlas finas, que, en atopando unha de grande valor,
vai vender todo cante ten para mercala.
Meditación
Xesús é un tesouro. E
vaia tesouro! Deus é un tesouro. E vaia tesouro! As verdadeiras cousas de Deus
son un tesouro tamén. Un tesouro, iso si, agachado, escondido. Escondido dentro
de nós, no noso mesmo íntimo. Escondido na vida, na natureza, na xente, no
corazón da xente, no seu íntimo. Se ando superficialmente pola vida, é posible
que non bata co tesouro, que non poida gozar del. Se satisfago a miña vida coa
morea de cousas que a nosa sociedade consumista me mete polos ollos, moi
posiblemente pase por riba do tesouro sen decatarme da súa presenza. A
temperanza cara a canto se me ofrece, e a ollada buscadora, humilde cara ao
interior da vida, dos acontecementos, das persoas, axudarame a bater co
tesouro. Daquela si, daquela a ledicia invádeme e todo me sobra nas mans, con
gozo de ter as cousas de Deus no meu corazón, na miña vida! Que ben, se nas
nosas comunidades cristiás se nos aprendese a facer este descubrimento e a
gozar co descuberto!
Oración
Señor Xesús,
que o teu
Espírito me encha de acerto
para saber
distinguir
unha perla fina
dunha imitación vulgar,
unha alegría fonda
dunha simple troula,
unha irmandade
consistente dun trato fugaz.
Que o teu
Espírito me esperte os sentidos
-corporais e
espirituais—,
me ensanche o
corazón,
me afine a
percepción
para chegar a
ese encontro case máxico
entre o tesouro
de Deus e a miña condición mendicante.
Señor Xesús,
que o teu
Espírito me achegue
ás fontes
potentes da paz e da xustiza.
Acción
Hoxe podemos facer un
pouco de buscadores do tesouro, da perla de Deus. Desde a mañá andamos á
espreita, con moita humildade, no medio das persoas e das circunstancias da
vida de hoxe. Seguro que poderemos bater, algo polo menos, co tesouro, coa
perla do que a Deus lle reina.
30 de xullo: xoves da 17º semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 47-53
Nunha ocasión díxolle
Xesús á xente:
—O reino dos ceos é
semellante unha rede largada no mar, que recolle peixes de todas as castes.
Unha vez chea, tiran por ela para a ribeira e a xente, sentada, escolle os
peixes bos para un queipo ou cesto e os malos tira con eles. Así será na fin do
mundo: sairán os anxos e arredarán a xente mala da xusta para botala no forno
do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes. ¿Entendedes todo isto?
Eles responderon:
—Entendemos.
El concluíu:
—Por iso todo letrado que
se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das
súas arcas o novo e máis o vello.
Meditación
A linguaxe ameazante
nunca pode afogar o máis importante que Xesús nos dicía de Deus: que é todo
amor, todo misericordia, todo perdón. A linguaxe ameazante da parábola si que
nos pode alertar sobre a importancia de saber distinguir e valorar os peixes
bos e os peixes malos, as propostas boas e as propostas malas para a vida, que
nos chegan de fóra, ou que nacen no noso mesmo corazón. Coma no caso do trigo e
do xoio (cizaña), cómpre estar alerta para non estragar a vida propia, para non
contribuír a estragar tamén a doutra xente. Non todo nos vale. Non todo
constrúe boas persoas, familias, veciñanzas, convivencias, comunidades, pobos,
países. Sabémolo ben. Entendémolo ben. Pois a empeñarnos niso. O do máis aló, o
da clarificación final, sabe Deus en que consistirá! Deixémolo confiadamente
nas súas mans coidadoras.
Oración
Discípula do
reino dos ceos,
discípula do
que a Deus lle reina,
do que a Deus
lle prace.
Discípula ben
abastecida
por tantas e
tan boas testemuñas da fe,
anteriores a
nós,
que nos
deixaron o seu ronsel de santidade,
concretado en
palabras recias, en feitos fecundos.
Discípula
aberta ao presente, ao novo,
onde Deus segue
falando, segue convidando
con voces
relixiosas e civís.
Todo para que
poidamos sacar das nosas arcas
o novo e o
vello que nos cómpre
para entender e
vivir a vida humanamente, santamente.
Acción
Podiamos pararnos un
pouco hoxe, individualmente ou en grupo, para ver algunhas cousas que nos están chegando ás
redes da nosa vida como peixes bos, e algunhas que nos chegan como peixes non
tan bos. E ver tamén como reaccionamos ante iso.
31 de xullo: venres da 17ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 54-58
Naquel tempo, cando Xesús
marchou para a súa terra; e de tal xeito lles ensinaba na sinagoga, que a xente
dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a
este esa sabedoría e eses milagres? Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama
María a súa nai; e seus irmáns, Santiago, Xosé, Simón de Xudas? E súas irmás
¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
Estaba realmente
escandalizada aquela xente por causa del. Pero Xesús díxolles:
—Só na súa terra e na súa
casa rexeitan a un profeta.
E non fixo alí moitos milagres
pola falta de fe daquela xente.
Meditación
San Paulo dicía:
“Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo” (1Tes 5,21). O importante é ser
persoa aberta a todo o que nos poida vir de fóra ou de dentro de nós mesmas, a
todo o que nos axude a medrar como persoas e como crentes, a todo o que nos
constrúa a nós e constrúa a comunidade civil ou relixiosa da que formamos
parte, veña de onde veña. A veciñanza de Xesús non estaba aberta; estaba
pechada nos seus criterios, un dos cales era que da xente coñecida, pobre,
normal coma eles non tiña por que vir nada de proveito. Que se cría Xesús! Que
vaia por aí, home, que se quite da nosa vista con todas as súas andrómenas!
As escusas que podemos
poñer para non aceptar o que nos vén de fóra coma un don de Deus poden ser
múltiples. É doutro país, é doutra raza, é doutra relixión, é doutro partido
político, é un “pirao”, mira como viste, sempre fala galego, sempre fala
castelán, rompe co que sempre se fixo, onde imos con tantas novidades… E así
chegamos a desoír ao mesmísimo fillo de Deus!
Oración
Escoitar,
escoitarte,
Xesús,
escoitarte
sempre,
nas múltiples
voces coas que nos poidas falar.
Estar coa alma
en vilo,
cos oídos do
corazón en vilo,
coa vida en
vilo,
cun sexto
sentido
para ventar a
túa voz, a túa presenza,
amósese onde se
amose.
Escoitar,
escoitarte,
Xesús,
abrirche o
corazón, a vida toda,
sen reserva
ningunha,
para que se
cumpra en todo nós
o milagre dunha
vida xusta, irmandada,
en servizo de
toda debilidade,
en servizo de
Deus.
Acción
¿Algunha vez tivemos
algunha experiencia semellante á da xente veciña de Xesús, de rexeitar as
palabras, as propostas dalgunha persoa, por calquera razón idiota? ¿Podemos
retomar o caso con esa persoa nunha actitude diferente, aberta?
1 de agosto: sábado da 17ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 14, 1-12
Naquel tempo chegou a
sona de Xesús aos oídos do tetrarca. Este comentou cos seus cortesáns:
—Ese é Xoán Bautista, que
resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.
Pois Herodes prendera a
Xoán e metérao na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo,
porque Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido
vivir amigado con ela.
E, aínda que Herodes o
quería matar, tíñalle medo á xente que o consideraba un profeta. Pero, cando
Herodes celebrou o seu aniversario, a filla de Herodías bailou diante de toda a
xente. E tanto lle agradou a Herodes, que lle prometeu baixo xuramento darlle o
que lle pedira. Ela, encirrada pola súa nai, díxolle:
—Tráeme nunha bandexa a
cabeza de Xoán Bautista.
O rei entristeceuse,
pero, como o xurara e por cousa das persoas convidadas, ordenou que lla deran e
mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea. Trouxeron a cabeza nunha bandexa e
entregáronlla á rapaza, que lla levou á súa nai. Os seus discípulos viñeron
recoller o corpo e sepultalo. Despois fóronllo contar a Xesús.
Meditación
Que gran home, que gran
crente era este Xoán! Por algo o noso Xesús se sentiu atraído por el, e no seu
grupo, entorno e liderado madurou como crente e chegou a ter a fonda
experiencia de ser fillo queridísimo de Deus e irmán universal. Despois Xesús
andaría camiños novos, que Xoán seguiu con atención. Había bo trato entre os
discípulos de Xoán e os de Xesús, ata o punto de que é a Xesús a quen deseguida
lle van contar o martirio do Bautista.
Xoán era un verdadeiro
profeta, que non receou en darlle cara ao mesmísimo Herodes e en criticar os
seus excesos e chulerías. Profeta coherente. Profeta ata a morte. Ante a súa
rectitude consecuente que patético Herodes, que raposeira Herodías! Diferentes
espellos, diferentes tipos de persoa ante os que ollarnos. Diferentes maneiras
de estar na vida, de construír relacións humanas e de facer pobo e comunidade
cristiá.
Oración
Xesús,
rendémonos
contigo ante Xoán,
o profeta,
ante a súa
palabra limpa e incisiva,
ante a súa
valentía,
que en Deus
tiña forza e fundamento.
Rendémonos
contigo, Xesús,
ante todas as
almas de profeta ou profetisa
que, grazas a
Deus,
camiñan polo
noso mundo,
sexan ou non
sexan do noso grupo,
sexan ou non
sexan cristiáns.
Rendémonos
contigo, Xesús,
ante quen coa
palabra, co sangue, coa vida
rompe abusos,
abre camiños
e fai medrar as
esperanzas.
Acción
¿Temos experiencia de
enfrontarnos dalgunha maneira a algunha persoa poderosa, que abusa do seu
poder? Estará ben que con humildade nolo valoremos. ¿Ou, se cadra, temos
experiencia de ver ou sufrir abusos e calar? Estará ben que aprendamos algo de
Xoán o Bautista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.