19 de xullo: domingo 16 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 24-43 (ou breve:
Mt 13, 24-30)
Unha vez Xesús
constoulles esta parábola:
—Parécese o reino dos
ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos
durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando
espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono
fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde
lle vén, logo, o xoio? El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados
preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non
sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos
deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade
primeiro o xoio e atádeo en mollos para queimalo, e o trigo recollédeo na miña
arca”.
* * *
E contoulles outra
parábola:
—O reino dos ceos é
semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza
vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes, pero, cando medra, chega a
ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore, de tal xeito
que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas polas.
Díxolles outra parábola:
—O reino dos ceos é
semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que
todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús
en parábolas á xente, e nada lles falaba que non fose por medio de parábolas.
De xeito que se cumprise o que dixera o profeta: Abrirei a miña boca para dicir
parábolas, proclamarei cousas escondidas dende que o mundo é mundo.
Entón, deixando a xente,
foi para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
—Explícanos a parábola do
xoio na leira.
El respondeu:
—O que sementa a boa
semente é o fillo do home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do
reino; o xoio son os fillos do malo. O inimigo que a semente é o Satán; a sega
é a fin do mundo e os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e
se bota no lume, así pasará na fin do mundo: mandará o Fillo do home os seus
anxos e quitarán do seu reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal, e
botaranos no forno de lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón os
xustos resplandecerán como o sol no reino de seu Pai. Quen teña oídos, que
escoite.
Meditación
O mal é o compango
normal, amargo, das nosas vidas de cada día. Levámolo connosco, asentado a
carón das mellores intencións e, sen dúbida, de moitas bondades que nos
caracterizan. Cada un, cada unha, se é honesta/o, saberá darlle nome concreto a
esas maldades. E tamén está presente nos nosos veciños, na nosa sociedade;
estas maldades cústanos menos detectalas. ¿Que facer ante esas maldades? ¿Pechar
os ollos, despreocuparnos? Non será mellor identificalas, ser conscientes da
súa presenza, implicarnos na súa erradicación, ser pacientes e resistentes na
colaboración, na loita, para que o seu influxo perverso diminúa? ¿Non será
mellor confiar na bondade radical que levamos inserida cada persoa, cada pobo,
como herdanza da condición divina que nos caracteriza, e confiar no estalido de
luz que chegará, algún día chegará?
Preguntámonos tamén como
virar a cara da Igrexa para facela Igrexa pobre ao servizo da xente pobre, como
a quería Xesús. E cada un coñece ben as grandes batallas que debe librar
diariamente para ser humildemente feliz integrado/a na comunidade, na sociedade
con aire de irmán, de irmá: dificultades cos propios vicios ou preguizas,
dificultades coa convivencia familiar, dificultades na militancia política ou
sindical, etc. Sentímonos tan pequena cousa, tan desconfiados de que de nós
poida saír algo capaz de facer que as cousas cambien! Daquela Xesús recórdanos
que o noso parécese a unha semente pequerrechiña de mostaza, que logo non se
ve, pero que pouco a pouco faise un arbusto grande, case unha árbore, no que
atopan acubillo paxaros. Contentámonos coa proposta de Xesús de sermos
pequerrecho gran de semente, fiado da enerxía de Deus, ou pretendemos ser forte
castelo amurallado, que ninguén conquista, pero no que ninguén tampouco non
atopa refuxio e fogar? ¿Somos
traballadores/as humildes que día a día construímos con fe, con esperanza, con
amor, o arbusto da casa común, da integración, do coidado exquisito da xente
máis débil?
Resistir como semente pequecha fronte ao que temos por
diante non é doado. ¿De onde nos van vir as forzas? Xesús remítenos ao fermento
da muller que fai que toda a masa levede e se poida converter en pan. A
comparanza invítanos a pensar en fortes enerxías que non dependen de nós, que
actúan mesmo cando nós estamos parados, que fan que as cousas fecunden, e
cheguen a madurar. As persoas, o mundo todo está servido por esta enerxía de
Deus, este Espírito vigoroso de Deus, do que nós, as persoas cristiás, somos,
podemos ser, testemuña humilde, pero convincente. Canto nos axuda ver unha
persoa que persiste no seu empeño de ser humana e de poñer humanidade en todo!
Como nos preguntamos de onde lle virá tanta forza a esa persoa para ser como é!
Empezando polo mesmo Xesús que tanto vigor tiña para defender a dignidade o
presente e o futuro da xente pequena, pecadora, marxinal. ¿Cremos, vivimos nós
que ao noso servizo está ese humilde poderío de Deus grazas ao cal todos os
problemas atopan un camiño de solución?
A Eucaristía ofrécenos
entrar en contacto coa mantenza, coa fraxilidade e coa enerxía de Deus,
simbolizada no pan e no sangue de Cristo, viático de camiñantes e
loitadores/as.
Oración
Xesús,
trigo e xoio
(cizaña),
no propio
corazón,
na propia vida,
no entorno
social,
na mesma
Igrexa.
Asombro,
estupor, tentación, dor,
loita paciente,
soño que non
morre,
aventura
garantida pola túa presenza,
polo teu
Espírito,
polo teu Deus.
E eu aí, por
graza túa,
vivo/a,
a gusto,
incitado/a por
ti,
perdoado/a por
ti.
sostido/a por
ti.
Grazas
Xesús,
gran de
mostaza,
orgullo do
pequeno,
de todo o que
prende, xermola, medra
na túa terra,
na terra da
fraternidade
e que se fai
árbore vizosa,
onde pousan
paxaros voadores,
niño de soños,
refuxio de
cansas e oprimidas,
achega divina,
humana,
a un mundo
necesitado de luces e de sombras.
E eu aí, por
graza túa
semente, árbore
e paxaro,
incorporado/a á
túa humanísima aventura.
Grazas.
Xesús,
fermento de
muller,
feitura calada,
presenza
silenciosa,
forza invisible
na masa que fai
pan,
o pan, sempre o
pan,
o pan
insubstituíble, substancial,
nas mesas máis
pobres do mundo.
E eu aí, por
graza túa,
muller,
fermento e pan,
para a mesa da
abundancia comedida
da que nunca
ninguén será excluído.
Grazas.
Acción
¿Como reaccionamos ante o
mal que hai en nós e no noso entorno social? ¿Ignorámolo, pasamos del, deixamos
que avance e avance? ¿Ou identificámolo, poñémoslle nome e pacientemente colaboramos en todo o que o faga ir desaparecendo?
Para ser concretos/as, podemos empezar a facer isto cun mal que vexamos dentro
de nós, cun mal que vexamos no noso entorno social que nos preocupe?
20 de xullo: luns da semana 16 do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 38-42
Nunha ocasión algúns
letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Mestre, queremos ver un
sinal teu.
Respondeulles el:
—¡Raza de víboras! ¿Como
ides falar ben sendo vós malos? Pois do que reborda o corazón fala a boca. O
home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade, pero o home ruín saca
cousas ruíns do pozo da súa maldade. Asegúrovos que toda palabra falsa que
digan os homes háselles ter en conta no dia do xuízo. Pois polas túas palabras
declararante xusto e polas túas palabras condenarante.
Meditación
Tanto nas cousas da fe
relixiosa coma noutras realidades sociais, podémonos parecer aos letrados e
fariseos. Facémolo cando andamos enredados en debates e discusións, mentres a
vida real vai pasando diante dos nosos ollos, coa súa carga de verdade e coa
súa humilde voz chamándonos a gozala e traballala. Así, a palabra, esa cousa
tan fermosa en todo ser humano, acaba sendo algo inútil, estéril, polo que sae
á superficie todo ese enredo que levamos dentro.
Antes de falar, calar,
facer silencio, escoitarnos a nós mesmos no noso corazón; ver, escoitar a vida
que bole nas persoas que temos diante, nos acontecementos que nos rodean. E
logo falar. Para que saia unha palabra limpa, verdadeira, chea de vida e que
incite á vida. Para que non nos destrúa a palabra que tanto serve para
construír.
Oración
No teu nome,
Xesús.
Coidar o
corazón
para coidar a
palabra.
Coidar a
palabra
para coidar o
corazón.
Que a palabra
sexa verdadeira
amosando o que
levamos dentro.
Que o interior
sexa limpo
para que a nosa
palabra constrúa.
Que nunca a
destrúa
o finísimo
virus de “eu”,
sempre á
espreita.
Que sexa a
palabra un pan de vida
fermentado no
íntimo de nós
polo lévedo do
ben e da honestidade.
No eu nome,
Xesús.
Acción
Podemos reparar hoxe no
noso xeito de falar, no noso xeito de comunicarnos, de transmitirnos coas
persoas que nos rodean. ¿Hai sinceridade, transparencia, intereses egoístas,
manipulacións…?
.
21 de xullo: martes da 16ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 12, 46-50
Nunha ocasión, mentres
Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e máis os seus irmáns presentáronse
fóra buscando o xeito de falaren con el. Díxolle un:
—Mira que túa nai e máis
os teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.
El respondeu ao que llo
dicía:
—¿Quen é a miña nai e
quen son os meus irmáns?
E, sinalando coa man os
seus discípulos, dixo:
—Velaí a miña nai e máis
os meus irmáns: o que cumpre a vontade do meu Pai celestial ese é o meu irmán,
a miña irmá e máis a miña nai.
Meditación
Xesús non despreza a súa
familia nin nos ensina a non apreciala. Canto lle debemos á familia! Debémoslle
a existencia, a crianza, a formación, o arroupe afectivo, o acompañamento nas
duras e nas maduras, os inicios na nosa sociabilidade, os coidados na
enfermidade, ledicias, bágoas por nós…
Agradecidas/os debiamos estar, normalmente, e moito, cara á nosa
familia, aínda que ás veces as mesmas familias nos enredan tamén nas súas
propias carencias.
Pero Xesús proponnos
meter a familia propia dentro dun proxecto familiar máis soñador, máis fondo,
universal. Os vínculos non son xa os da carne e o sangue, senón os do espírito;
a nai, o pai, os irmáns e irmás non son xa os limitados á cada familia, senón
os que se derivan de termos un Pai/Nai único que nos irmanda a todas e todos; o
afán desa nova familia non é preservarnos como tal seguindo as pautas honestas
dunha familia decente, senón descubrir en nós e en todas as cousas da vida o
querer dese Pai/Nai apaixonada pola nosa boa ventura infinitamente máis do que
nós o podemos estar por nós mesmas. Nesta familia universal entran incluso as
persoas non crentes, porque aínda sen fe relixiosa podemos buscar vivir unha
verdadeira fraternidade universal.
Oración
Cada día
erguerme soñando contigo.
Cada día
descubrir a túa presenza envolvéndoo todo
(“en todo estás
e ti es todo,
para min e en
min mesmo moras”).
Cada día
escoitar cos oídos do corazón
a túa voz
oculta en tantas palabras e silencios.
Cada día
saberme fillo ou filla, irmán ou irmá
dunha familia
inmensa e creadora.
Cada día
ampliar un pouco máis o meu corazón
ata facelo
universal coma o teu.
Cada día
arrimar o lombo a outros lombos
na procura
dunha inmensa casa común,
Cada día
saberme acollida, abrazada por ti,
integrada por
ti no teu soño humanitario.
Cada día
agradecerche, meu Deus,
o que cada día
me ofreces vivir.
Acción
¿Que poderiamos facer
hoxe, como persoa e/ou como comunidade cristiá para medrar un pouco nesta nova
familia que Xesús nos propón? ¿Que poderiamos facer se realmente pensamos que
calquera refuxiado é irmán, irmá nosa, que o é tamén calquera veciño ou veciña
ao que nos custa tratar?
22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena,
apóstola dos apóstolos
Evanxeo: Xn 20, 1.11-18
O primeiro día da semana
María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a
pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando.
Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de
branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo
de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?
Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu
Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto, virouse cara
atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús
preguntoulle:
—Muller, por que choras?
A quen buscas?
Ela, coidando que era o
xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti,
dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
—María!
Ela, virándose, exclamou
en hebreo:
—Rabbuni! (que quere
dicir “Mestre”)
Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non
subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai
e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena foilles
contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.
Meditación
Se dicimos que María
Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola,
anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa
narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis
diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de
vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que
parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara
a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que
o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión
nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de
axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora
de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.
E todo isto unha muller,
que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para
si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na
Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin
moito menos.
Oración
María,
Magdalena,
irmá maior e
mestra,
apréndeme os
camiños do encontro vivo con Xesús.
Máis alá de
teorías e doutrinas,
ensíname a
agarrarme a el
amorosamente,
vitalmente.
Apréndeme a
vincularme con el,
co seu estilo
de vida,
cos seus
fondísimos convencementos,
coa súa maneira
de sentir e vivir a Deus,
coa súa maneira
de sentir a vivir as persoas,
que, envoltas
en fraxilidade,
se ían cruzando
con el.
Ensíname a
poñer as miñas nudeces,
coma ti, sen
escusas,
á auga, á luz,
ao clareo de Xesús.
Acción
Podemos reparar nas
mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que
atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles
expresar o noso agradecemento.
23 de xullo: Festa de Santa Bríxida, patroa de Europa
Evanxeo: Xn 15, 1-8
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Eu son a verdadeira vide
e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva froito arríncaa, e a
que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos
pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.
Así como a rama da vide
non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así tampouco
vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen permanece en
min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer
nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da vide, e secan;
apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras
permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado
meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.
Meditación
Santa Bríxida (1303-1373)
naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por
dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por
Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións
espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística,
teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela
dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante relación cos poderosos daqueles tempos,
incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre
os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna
patroa de Europa xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Tareixa
Benedicta da Cruz.
Canto necesitamos persoas
así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas,
comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan
respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo
sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e
queira!
Oración
Grazas por
Bríxida, Deus noso;
Grazas pola súa
condición de muller,
pola súa
condición de esposa e nai.
Grazas pola súa
vontade firme
de permanecer
fondamente unida ao Cristo sufrinte,
para facerse
así sensible ás dores do seu tempo.
Grazas polas
súas mediacións, polas súas revelacións,
pola súa
vontade firme de restaurar e pacificar,
respectando
sempre a xente máis fráxil.
Grazas nela por
todas as persoas
que queren
facer de Europa e do mundo
un espazo
fraterno,
a base de
privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.
Grazas por
Bríxida, Deus noso,
que o se
exemplo nos conforte e nos arrastre.
Acción
En Galicia, en España,
tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por
razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada,
diferentes partidos políticos…). ¿Que papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos
para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?
24 de xullo: venres da 16ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 18-23
Unha vez díxolles Xesús:
—Escoitade, logo, vós o
que significa a parábola do sementador. Sempre que unha persoa escoita a
palabra do reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu
corazón; esa é a semente que caeu no camiño. O sementado entre as pedras vén
ser aquela persoa que, ao escoitar a palabra, deseguida a recibe con alegría;
pero, ao non ter raíces e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a
persecución por causa da palabra, deseguida abandona. O gran que cae na
silveira vén ser aquela persoa que escoita a palabra, pero as preocupacións da
vida e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito. Pero o
gran que foi sementado en boa terra vén ser aquela persoa que escoita a palabra
e a entende; esta si que dá froito e produce cen, sesenta ou trinta por un.
Meditación
A sementeira da que fala
Xesús faise en calquera época do ano, en calquera época das nosas vidas. Hoxe
mesmo. Sementa Deus, pero a súa semente chéganos a través de moitas palabras,
feitos, circunstancias, persoas que nos rodean a diario. No noso mesmo interior
hai sempre semente de Deus. Non todas as palabras son semente boa. Xesús fala
de “palabra do reino”, é dicir, palabras, feitos, persoas que van no camiño
dunha proposta de vida digna, fraterna, respectuosa coa xente máis débil,
solidaria, aberta ao común, aberta a Deus; realidades que nos poden chegar
desde persoas crentes, pero tamén desde persoas non crentes. Xesús fala de oír
e entender, é dicir, caer na conta da súa fonda importancia para as nosas
vidas, descubrir a carga de ben que nos aporta, gozar xa coa súa experiencia.
Ante iso que nos chega de
fóra e que pasa pola nosa cabeza, polo noso corazón podemos ser terra dura da
veira do camiño, podemos ser terra pedrosa, podemos ser silveiral, podemos ser
terra boa, acolledora, fértil. Un mundo de posibilidades diante de nós. Unha
preciosa aventura diaria.
Oración
Polas veces que
son terra dura,
impermeable aos
reclamos de vida que me rodean,
perdón, Deus do
pobo.
Polas veces que
son terra pedrosa,
e coma un neno
salto da ledicia á escapada,
fuxindo das
fidelidades necesarias,
perdón, Deus da
comunidade.
Polas veces que
son un silveiral,
encerellado en
afáns diversos,
que acaban
sempre en visións curtas, coidadoras do propio,
perdón, Deus da
xente débil.
Polas veces que
son terra boa,
ben traballada
e regada, chea de lentura
para a nacenza
e crecemento de froitos bos,
dos que todo o
mundo poida gozar,
grazas, meu
Deus, por tanto ben e tanto regalo.
Acción
Podemos reparar nalgunhas
sementes boas que nestes últimos días foron sementadas por alguén na nosa vida.
Podemos pensar que nós tamén somos xente de semente. ¿Botamos algunha semente
boa na nosa comunidade, no noso pobo? Se non o fixemos, aínda o podemos facer.
25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago,
patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.
Evanxeo: Mt 20, 20-28
Nunha ocasión achegouse a
Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para lle pedir
algo. El preguntoulle:
—Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes dous
fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que
pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo,
pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min
concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.
Ao escoitaren isto os
outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes
dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode
ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen queira
ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a que o
sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Meditación
Dúas maneiras de entender
a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a
propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido
social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos
fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais
discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima
xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben
difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil
maneiras.
Xesús, nesta ocasión coma
en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos,
de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar,
servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na
cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para
atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en
servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e
mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso
abunda en abusos e atropelos de todo tipo.
A Santiago, o noso
patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte.
Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo
ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e
civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha
terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que
medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se
sente servido e atendido.
Oración
Óllote,
Galicia,
cun corazón
agradecido.
Gózote na túa
xeografía marabillosa,
na túa rica e
variada cultura,
na túa
harmoniosa fala tan pouco valorada,
nos homes e
mulleres
que te senten,
te queren, falan de ti con orgullo,
e te constrúen
cada día con esforzo.
Ámote, Galicia,
como unha
matria nutriz,
capaz de darnos
pan e sentimentos,
xeradora de
enerxías e de acougos.
Sóñote,
Galicia,
anaquiño de
terra e de ceo,
aberta a todos
os pobos,
a todas as
razas e culturas,
xenerosa en
darse e derramarse,
sen perderse no
camiño,
sen desaparecer
entre sombras e vaidades.
Penso e
implícome no teu porvir
no nome do Deus
da vida que te creou,
no nome do
Xesús que se fixo servidor teu,
no nome do
Espírito que te alenta,
no nome de
todos os nosos devanceiros,
home e
mulleres,
que amaron,
gozaron, sufriron e construíron a nosa Terra
cara á xustiza,
cara á paz,
cara ao
encontro, cara á unión;
coa xente de fe
relixiosa ou atea,
que queira tamén
ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.
en cada persoa,
aldea, vila e cidade
que che dan
rostro e calor.
Acción
Podemos visitar algunha
zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón
Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e
manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia.
Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.