28 xullo, 2020

Tempo Ordinario: 18ª semana



2 de agosto: domingo 18 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 13-21
Cando Xesús soubo que Herodes matara a Xoán Bautista, retirouse de alí nun bote a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra dende as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
—O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada; será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
—Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
Eles responderon:
—Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e máis dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
—Pois traédemos aquí.
E mandando recostar a xente na herba, colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os pans e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.


Meditación
De que lle valeu Xesús á xente? De que nos vale a nós? Que proveito lle trouxo a súa presenza, a súa actividade, a súa vida? Que proveito nos trae a nós? O relato pode ser histórico ou algo fantasiado e simbólico, o cal non quere dicir que nos conte mentiras, senón que transmite convencementos crentes, que é ao que van os Evanxeos. E ¿cales son estes convencementos crentes? Xesús, que reflectía o rostro, a vida, o corazón de Deus, preocúpase pola situación da xente, non monta unha fe, unha relixiosidade de costas á xente e ao que a xente está vivindo, gozando e padecendo. Xesús ía cos seus discípulos a descansar, a pasalo ben, a conversar tranquilamente, a comer con certa abundancia e pracer, pois cinco bolos e dous peixes non deixaba de ser unha estupenda comida para un grupo reducido en tempos en que o mesmo pan non era abundante. Pero Xesús e os seus compañeiros e compañeiras baten co pobo, que o seguía, e aquilo cambia totalmente o día de relax que ían buscando. E Xesús preguntouse ¿que servizo lle podemos prestar a esta xente?
Non podemos ignorar o que pasaba polo corazón de Xesús. Di o Evanxeo que se conmoveu ao ver aquela xente, que era un campesiñado pobre, sometido, endebedado, enfermo; pobo canso e oprimido, ovellas en pastor que mire por elas, como se di noutras páxinas do Evanxeo. A Deus, a Xesús dóelle a xente, dóenlle os problemas da xente. E responde. Empeza curando enfermos, cos recursos e ata o punto que el podía. A súa fe en Deus lévao a iso, a preocuparse polo sufrimento da xente, porque lle doía a xente. En Xesús a fonte da súa actividade solidaria era o amor; porque lle doía a xente, actuaba. Porque lle doemos, actúa en favor noso, de ti, de min. ¿Vivimos así a nosa fe?  ¿Somos agradecidos/as por esta forma de ser que ten Deus connosco? ¿Deixámonos envolver por este xeito de facer as cousas que tiña Xesús? ¿Dóenos a nós a xente? ¿Actuamos en favor de quen padece porque nos doe? ¿No momento presente hai moita xente que se asemella a ese pobo pobre, endebedado, enfermo, famento co que se atopou Xesús? ¿Como nos situamos ante todo iso? Hai recursos persoais, sociais, políticos, para buscar remedio aos problemas; pero ¿estamos apoiándoos con convencemento, porque a xente nos doe?
Era tarde, a xente tiña fame. Os discípulos decátanse diso e propoñen un remedio: mandalos e que, cada quen como poida, merque –se ten con que—, coma ou pase. Eles foran previsores e trouxeran cinco bolos e dous peixes para matar a fame; os demais que se busquen a vida. É a solución do sálvese quen poida e como poida. É unha solución moi dos nosos tempos, moi típica da maneira capitalista, individualista, de entender as cousas. Xesús oponse a iso. Xesús ofrece pan, pero ofrece moito máis ca pan. Ofrece pan, pero ofrece tamén unha maneira de resolver as carencias, un espírito de solidariedade, un facer noso o problema e as dificultades das demais persoas: compartir o noso tempo, a nosa comodidade, os nosos bens. Ofrece pan, e ofrece tamén comunidade para adquirilo, comelo, saborealo, gozalo, agradecelo.
Ao nivel daqueles tempos Xesús provocaba a dar, a compartir, a facer xustiza devolvendo o roubado, a facer propia a causa dos desventurados, ata o punto de facer diso unha benaventuranza. Hoxe as cousas son distintas. Sen deixar de facer iso, a persoa ou grupo que quere vivir en solidariedade ao estilo de Xesús, sabe que hai estruturas sociais máis solidarias ou menos, que hai unha maneira de organizar os impostos máis solidaria ou menos, e unha maneira de redistribuír os beneficios, e unha maneira de atender as necesidades dos máis débiles da sociedade. Hai maneiras tamén de ter os nosos aforros, na banca capitalista ou na banca ética, solidaria. Sabemos que hai políticas máis solidarias ou menos, máis comunitarias ou menos, máis do sálvese quen poida ou máis de doerse da xente máis marxinal para favorecela nos servizos. ¿Onde cremos que se estaría situando Xesús, se estivese fisicamente presente no medio de nós? ¿Onde nos situamos nós, que queremos ser os seus seguidores e seguidoras?
Na Misa, na Eucaristía, revivimos os xantares de Xesús, feitos de partir o pan, de compartir; feitos de provocar á solidariedade. Felices nós convidados/as a esta comida de festa!

Oración

Xesús,
gústame o que me propós
como forma de vivir e transmitir o Evanxeo
tamén nos nosos tempos:
andar en grupo,
cansar andando os camiños da vida coa xente;
arredarse, descansar, falar, compartir, alentarse...

Pero o primeiro é o primeiro:
antes de nada está a xente, está o pobo,
están as persoas máis débiles do pobo
(entre as que, se cadra, tamén me atopo),
coas súas necesidades, coas súas demandas,
coa súa voz que precisa ser escoitada.

Xesús,
quero estar contigo,
para recibir os teus coidados,
para dálos a quen os precise.
Toma o meu tempo, a miña dedicación,
as miñas ideas, as miñas palabras, os meus cartos,
toma a miña vida toda.

Quero estar contigo
na hora humilde e solemne,
humana e divina,
de dar saúde, pan,
alento, respiro á xente máis tirada,
e hai tanta!,
con paixón e con intelixencia,
desde a necesaria caridade inmediata
ata a imprescindible alteración das estruturas
para facelas doídas de quen máis padece.

Xesús,
quero estar contigo
para aprender de ti os aires comunitarios,
para descubrir a festa do compartir
e facer dela a razón da miña vida e da miña morte.

Quen, senón ti,
me fai fortalecer para esta atrevida tarefa?
Fártame co pan compartido!

Acción
Hoxe podemos ver en que cousas somos persoas atentas ás necesidades da xente, e como colaboramos, desde axudas caritativas ata a participación social, política, sindical. E, se niso andamos con frouxidade, podemos dar pasos e mellorar.


3 de agosto: luns da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 22-36
Unha vez, cando a xente quedara farta co pan multiplicado, Xesús mandou aos seus discípulos que embarcasen axiña e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só e alí colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida faloulles Xesús, dicindo:
—Tranquilos, non teñades medo, que son eu!
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti camiñando pola auga.
El díxolle:
—Ven!
Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar.
—Señor, sálvame!
Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por que dubidas?
—E, ao subiren eles á barca, quedou o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
—Realmente ti es Fillo de Deus.
Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. Ao recoñecelo, a xente do lugar mandou aviso a toda a comarca. Leváronlle toda a xente enferma, rogáronlle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E todas as persoas que o tocaron, curaron.

Meditación
A Xesús compracíalle estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse, quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.
E logo os medos de todas as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.

Oración

Ti estás, Xesús, ti estás,
aínda que eu non che faga caso;
aínda que eu non me pare contigo,
para falarche dos meus gozos, das miñas sombras,
dos meus medos.
Que refinado é o medo, Xesús,
que refinado e como me roe por dentro!
Aparento comer o mundo,
e moitas veces así o fago coa palabra sempre fácil,
pero que axiña recúo
cando lle hai que dar cara ás cousas,
careándome comigo mesmo
e coas persoas que están detrás delas!
Cómpreme fe, Xesús,
fe en min, na xente,
na comunidade, no pobo,
fe en Deus, fe en ti.
“¿Por que dubidas?”
Ai, Señor,
que onda ti se fortaleza a miña fe!

Acción
¿Temos experiencia de deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de retomar algunha desas situacións?


4 de agosto: martes da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 15, 1-2.10-14
Unha vez achegouse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
—¿Por que os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?
E Xesús, convocando o xentío, díxolles:
Escoitade e procurade entender: Non é o que entra pola boca o que mancha o ser humano; o que sae pola boca, iso si que mancha ao ser humano.
E os discípulos achegáronselle para dicirlle:
—¿Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ao escoitaren a túa palabra?     
El contestoulles:
—Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. Deixádeos, son cegos e guías de cegos; e, se un cego guía a outro cego, ámbolos dous caerán na cova.
Meditación
Foron moitas os momentos nos que as prácticas relixiosas e sociais de Xesús chocaron coas dos líderes relixiosos do seu tempo. Non estaba en xogo lavarse as mans antes de comer por hixiene; os letrados e fariseos non se anoxaban por cuestión da hixiene. Anoxábanse porque entendían que cumprir con ese rito era o que sen máis garantía o encontro e amizade do Deus vivo. E Xesús, vendo iso, vendo que se quedaban en normas superficiais para valorar o achegamento ou non a Deus, protesta e anuncia que o achegamento a Deus, a fidelidade a el, mídese por criterios máis serios, que teñen que ver coa bondade ou a maldade que saen do corazón da xente e que se traducen en feitos bos ou en feitos malos. Non entender algo tan simple é ser cegos, e mal van as cousas se un cego guía a outro cego.
Con todo e seren cousas tan evidentes, non podemos quedarnos con que nós xa non temos ese problema, que a nós non nos pasan esas cousas. A tentación de querer intimar con Deus a partir do cumprimento de certas normas, ritos, prácticas relixiosas externas é unha tentación que parece que vai con todos os seres humanos, de onte e de hoxe. Tentación na que podemos caer, se non estamos alerta.

Oración
      
       Pódome enganarme e min mesmo, meu Deus querido,
pero a ti non te engano.
Podo enganar a xente
coa miña aparencia de cumpridor/a,
pero a ti non te engano.
Podo multiplicar ritos e ritos,
intentando meterte no meu peto
e terte sempre ao meu dispor,
pero ti non de deixas.
Pódome encher de aparencias,
pero a ti non  che vale,
porque tes ollos limpos, penetrantes
que esculcan os corazóns, as intencións.
Que a túa luz, Deus querido, me ilumine,
me quite as cegueiras
e me poña no camiño da verdade e da transparencia.

Acción
Pode ser que esteamos baseando a nosa fidelidade relixiosa cristiá no cumprimento baleiro dalgúns ritos, dalgúns sacramentos incluso, pero que no noso corazón, o noso interior, esteamos almacenando ruindades. Revisámonos nisto.


5 de agosto: mércores da 18ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 15, 21-28
Nunha ocasión foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos berrando:
—Compadécete de min, Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu palabra. Achegáronselle os seus discípulos rogándolle:
—Aténdea, que vén berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero  ela achegouse, prostrouse ante el e suplicoulle:
—Señor, váleme!
El  respondeulle:
—Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben grande; fágase, logo como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.

Meditación
É ben curioso este pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle –iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
Unha invitación sen dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo, pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.

Oración

Viva a diferenza, Xesús,
viva a diferenza,
no nome do Pai-Nai común,
que a todos e todas nos crea por amor,
e a todas e todos nos ofrece o seu Espírito,
sen distinción!
Viva a diferenza, Xesús,
que nos fai xente máis fermosa,
máis complementaria,
máis capaces de responder
ás múltiples demandas do noso ser, do noso existir!
Vivan a diferenza, Xesús,
sustentada nun fondo común
sospeitado, buscado, crido, amado,
que nos solda e irmanda,
que nos permite vernos, a pesar de todo,
como irmáns e irmás en todo,
e en todo vivir como tales”.
Viva a diferenza, Xesús,
no nome do Espírito que todo o sustenta!

Acción
É moi posible que teñamos algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo relixioso, xeitos de ser… ¿Como actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de afrontar iso?


6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor

Evanxeo: Mc 9, 2-10
Unha vez colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán e subiu con eles ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.
Tan asustados estaban, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero discutían entre si que quería dicir aquilo de  resucitar de entre os mortos.

Meditación    
Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a  aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.
Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación  da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.

Oración

       Que ben estamos aquí!
Gozando da túa presenza, Xesús,
véndote humildemente glorioso,
sabéndote amado a fondo por Deus,
adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos aquí!
Sentíndonos enrolados contigo,
admirando a túa valentía,
agradecendo a túa consideración connosco!
Que ben estamos aquí! 
fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos collidas da man por ti,
para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos aquí!
Pero hai que saír á rúa,
seguir tecendo solidariedades,
a gusto ou  a desgusto de quen manda,
ata a irmandade total!
Que ben estamos aquí, Xesús!

Acción
¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Que facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?


7 de agosto: venres da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 16, 24-28
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿que pode dar un home ou muller para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme a súa conduta. Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do home vir no seu reino.

Meditación
Unha vez máis temos que dicir que as palabras de Xesús nunca son palabras ameazantes, aínda que teñan certa aparencia diso. A vida é o máis fermoso que temos. Vivir a vida é a empresa maior de todo ser humano. Xesús veu para que teñamos vida e que a nosa vida sexa redonda, completa. Xesús, experto en vida e na maneira de vivila ben, alértanos da trampa na que podemos caer: querendo vivir a vida, perdela; e, curiosamente, perdéndoa, podela atopar de verdade. E el ofrécesenos como guía e forza nesta aventura simple e marabillosa de vivir a vida; atopa a vida quen a vive con instinto comunitario, quen pensa e actúa en común, quen fai da solidariedade e do servizo a forma diaria de vivir. O clima social que estamos vivindo como consecuencia do Covid-19 confírmanos que este é o camiño para cada persoa, para o conxunto da sociedade. As persoas cristiás estamos chamadas a ser testemuñas desta maneira de poñer a salvo a vida.

Oración

Grazas pola vida, meu Deus querido.
Con Xesús, grazas pola vida.
Que marabillosamente boa é a vida!
Que marabillosamente bo é
vivir a vida,
gozar a vida,
compartir a vida,
dar a vida,
celebrar a vida,
hora a hora,
día a día!
Collémosche a man, Xesús,
para facer o camiño contigo,
atinar coas maneiras,
sortear obstáculos
e chegar á meta da vida
coa vida íntegra nas mans.

Acción
Vivimos hoxe a vida con consciencia, con agradecemento. Cada pequeno detalle, gozoso ou custoso. Especialmente cando temos que dar vida para ter vida. Celebrámolo logo á noite.
  

8 de agosto: sábado da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 17, 14-20
Nunha ocasión achegouse a Xesús un home que de xeonllos lle suplicou:
—Señor, ten compaixón de meu fillo, porque é lunático e sofre moito; xa ten caído no lume e na auga. Presentéillelo aos teus discípulos e non o deron curado.
Respondeu Xesús:
—Xeración incrédula e perversa! ¿Ata cando vos terei que soportar? Traédemo aquí!
Entón Xesús increpou o demoño e saíu del. E dende aquela hora ficou curado o rapaz. Entón achegáronselle os discípulos e preguntáronlle en privado:
—¿Por que non o demos botado nós?
El respondeulles:
—Pola vosa pouca fe. E asegúrovos que, se tivésedes fe sequera coma un gran de mostaza, diriádeslle a este monte: “fai de aquí para alá”, e o monte había ir; e nada sería imposible para vós.

Meditación
Xesús tiña xenio e cabreábase. Doíalle moito, cabreábase sobre todo cando vía que a xente non se abría coa fe ao don de Deus, e non convertía o poderío enorme da fe confiada nunha forza de vida a favor de quen vida necesitase. Neste caso aquel pai anónimo, cun fillo lunático, tamén anónimo, pero presa dunha enorme desgraza. Botoulles en cara aos seus discípulos a súa pouca fe. E ¿que nos diría a nós? Seguro que merecemos cando menos unha corrección semellante. Que pouca fe tedes! E chama a atención a transcendencia que para Xesús tiña o feito de ter fe: nada sería imposible para vós! Como que hai por aí unhas enerxías espirituais potentes, enraizadas no mesmo Espírito de Deus, que nos permitirían acadar unha chea enorme de cousas ás que sen fe nunca chegariamos. E non é maxia. É simplemente a forza de Deus na nosa vida.

Oración
Cantas cousas deixamos de emprender
por non ter fe!
Cantas outras se nos van diluíndo nas mans
por non ter fe!
Cantos proxectos de solidariedade morren
por non ter fe.
Cantos procesos persoais quedan en nada
por non ter fe.
Canta renovación das nosas comunidades está á espera
por non ter fe!
Canta inxustiza come o mundo
por non ter fe!
Cantos soños de Deus para a nosa vida están parados
por non ter fe!
Fe nas nosas capacidades,
fe no noso instinto humanitario persoal e colectivo,
fe en Deus que o inseriu nas nosas entrañas!

Acción
¿Temos ante nós algunha cousa que nos gustaría facer ou acadar, e ante o cal nos encollemos? ¿Fáltanos fe, confianza, disposición, vontade? Traballemos, logo, a fe. Co compartir o tema, coa oración, coa reflexión, coa práctica da mesma.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.