9 de agosto: domingo 19 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 14, 22-33
Unha vez, despois de que
a xente se fartase coa multiplicación dos pans, Xesús mandoulles aos seus
discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda, mentres el
despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el so, e alí
colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían
na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles,
camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e
dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar. Deseguida
faloulles Xesús, dicindo:
—¡Tranquilos, non teñades
medo, que son eu!
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame
que vaia onda ti, camiñando pola auga.
El díxolle:
—Ven!
Baixou Pedro da barca e
púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte,
colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar:
—Señor, sálvame!
Axiña Xesús dándolle a
man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por que
dubidas?
E, ao subiren eles á
barca, quedouse o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
Realmente ti es fillo de
Deus.
Meditación
Calquera de nós nos podemos
estar movendo en situación ben extremas. As razóns para andar en esperanza ou
en desesperanza son múltiples: cousas da vida, cousas dos amores, cousas da
parella, cousas dos fillos e fillas, cousas dos estudos, do traballo, da
enfermidade, da morte; cousas da política, da relixión, cousas da parroquia, do
cura, da comunidade cristiá; cousas de ter onde e de que vivir, de ter onde
traballar; cousas de sentirte querida, integrada, valorada,... O evanxeo de
hoxe proclama unha palabra e unha presenza de Xesús, de Deus, especialmente
destinada a esas persoas que están, que estamos, na corda frouxa da
esperanza-desesperanza, do medo e da anguria, da vida e da morte. Se estamos
envoltos/as nalgunha situación de desespero, Deus, Xesús, ofrécese para estar
ao noso lado para nos dar respiro, como só Deus sabe facelo. Se nos sentimos
ben, vivos, serenas/os, con esperanza, Deus, Xesús, invítanos a sumarnos a el
na tarefa preciosa de achegarnos a quen ande anubrado para lle axudar a erguer
os ánimos, recuperar a fe, o alento e poder buscar e vivir a vida con
esperanza, con ilusión. Aceptamos esta dobre proposta de Xesús? Aceptamos e
agradecemos as persoas que están ou queren estar ao noso lado para agasallarnos
co seu afecto e atencións?
O evanxeo de hoxe preséntasenos a Xesús coma o novo Moisés que
mete no seu pobo forzas de vida e de liberdade; ten unha enorme intensidade
desde o primeiro momento en que Xesús despide a xente e se retira a orar no
monte, ata o momento final no que, despois de liberar a Pedro de fundirse nas
augas, os discípulos se prostran ante el e proclaman: “Realmente ti es fillo de
Deus”. Este evanxeo máis ca un relato histórico é unha parábola vital, na que
estamos incluídos todos e cada un, cada unha de nós. É moi instrutivo ver como
Xesús se manifesta como Fillo de Deus, como Xesús realiza esa condición súa de
ser fillo de Deus. Empeza por atender a xente, que era multitude: fálalle,
mobiliza as cousas para que teñen alimento, párase con ela, despídea..., a
xente, o pobo, sempre nas ansias de Xesús. Logo retírase a orar, só, con Deus,
no apartado, no monte. De que falaría Xesús con Deus? Como lle abriría o seu
corazón? Como lle presentaría a tarefa que levaba a cabo cada día, o seu
especial interese pola xente máis apesarada pola vida? Como se enchería de Deus
e do seu vigor para volver coas pilas cargadas a tope outra vez alí onde a
xente goza, sufre e loita? Non nos dá algo de envexa?
O certo é que Xesús baixa
do monte despois da oración e se enfronta á tempestade. As augas, o mar bravo,
os ventos son un símbolo dos traballos da vida que, uns máis ca outros/as,
todos padecemos, como dixemos máis arriba. Pois aí volve Xesús. Con moita
forza, con moito vigor, cheo de fe, de paixón pola xente; cheo de esperanza e
desexando compartir todo canto é e canto ten con quen o precise. Xesús coa súa
presenza, coa súa palabra, coa súa maneira de vivir incita á esperanza, sobre
todo a aquelas persoas que están máis ao borde do precipicio. E nesa capacidade
enorme que el tiña de sustentar o que case estaba afogando, o pequeno, o que
non conta, o oprimido polo mal e por quen manexa os seus fíos, nesa capacidade
móstrase fillo de Deus. Nesa capacidade enorme súa de calmar, serenar, situar
as persoas en zonas de paz, de dignidade e de xustiza, é onde el é e se manifesta
fillo de Deus, coma nunca ninguén o fixo nin o fará. Temos experimentado así
algunha vez a Xesús no medio de nós, na nosa vida, na nosa comunidade, na nosa
experiencia persoal? Ou simplemente confesarmos que Xesús é fillo de Deus como
de memoria, de carretilla, sen ter pasado polo doce pracer de o sentir
recollendo e amparando as nosas vidas, e devolvéndonos a capacidade de crer, de
amar, de esperar?
A Eucaristía introdúcenos
a fondo na vida, no corazón, na experiencia de Xesús, no seu Corpo e no seu
Sangue que a representan sacramentalmente. Con el ben ao noso lado, todo é
posible, todo pode cambiar.
Oración
Quero aprender de ti, Xesús,
o xeito de rezar.
só,
só ou acompañado;
no monte,
no monte, na casa ou na rúa.
O caso é que ti me aprendas,
para romper dunha vez por todas
con este meu andar roldando a túa porta,
a porta do teu Deus,
sen ousar entrar a corpo enteiro,
coma un amigo entra por fin na casa dun
amigo.
Quero sentirme acompañado/a por ti
nas miñas soidades,
nas miñas frustracións, nos meus pecados,
nos meus medos, nos meus espantos,
nas miña abundancias tamén,
nas horas gordas de ledicia e esperanza.
Quero sentirme acompañado por ti,
gozosamente, agradecidamente,
e aprender así a estar coa xente,
coas súas soidades, cos seus medos,
cos seus gozos e sombras,
estendendo sempre a man,
implicando o corazón,
todo o que son, todo o que teño,
para que floreza a paz e a dignidade,
e Deus se faga ben vivo e real no medio de
nós.
Quero sentirme acompañado por ti.
Saberei deixarme eu acompañar?
Terei fe
para poñerme nos teus brazos,
e abrir os meus a quen deles precise?
Terei fe abonda?
Daquela,
xa sabes, Señor,
éncheme dela,
para poder servir, para poder loitar,
para poder amar,
para poder vivir.
Acción
¿Sentímonos envoltos nalgunha situación que nos cause medo,
angustia? Podemos compartila con Deus na oración; podemos compartila con
persoas amigas. ¿Vemos a algún veciño/a que o estea pasando mal? Podemos ser
para el a man, o alento de Deus.
10 de agosto: Festa de San Lourenzo
Evanxeo: Xn 12, 24-26
Nunha ocasión díxolle
Xesús aos seus discípulos:
—Évos ben certo: se o
gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará
froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si
mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere
servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva;
e o Pai honrará a quen me sirva.
Meditación
¿Como se vai aborrecer
unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima?
Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a
nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que
virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de
Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o
servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así,
curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a
súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.
Lourenzo, diácono da
igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de
atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente
como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da
Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso,
queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra
para dar froito.
Oración
Xesús,
contigo, con
Lourenzo,
quero ser gran
de trigo,
caído en terra,
desfeito,
para dar
froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender
esa exquisita lección de vida
que fala de
esquecerse,
de poñerse en
segunda fila,
de facerse
servidora de quen de min precise,
e así,
misteriosamente,
ir enchendo a
miña vida
de nomes e de
vidas,
que dan a
felicidade.
Cada día,
no pequeno e no
grande,
contigo, Xesús,
con Lourenzo,
servidor,
servidora.
Acción
É ben difícil de
librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa
concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A
base de cousas así poderemos ir cambiando.
11 de agosto: martes da 19 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10.12-14
Nunha ocasión achegáronse
a Xesús os homes e mulleres que o seguían, para lle preguntar:
—¿Quen é o máis
importante no reino dos ceos?
El chamou por unha
criatura, púxoa no medio deles e dixo:
—Asegúrovolo: se non
cambiades e non vos facedes coma unhas criaturas, non entraredes no reino dos
ceos. Quen se faga pequena coma esta criatura, será a máis importante no reino
dos ceos. E quen acolla a unha criatura coma esta no meu nome, acólleme a min.
Coidadiño con desprezar a
unha destas criaturas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre
contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ver, ¿que vos parece?
Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e
nove no monte, para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se
alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderan. Do mesmo
xeito a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningunha destas
criaturas.
Meditación
Falando dos fundamentos
dunha comunidade cristiá, Xesús proponnos cousas moi simples e fondas, aínda
que igual nos poidan parecer cuestións menores, cousas de nenos e nenas. É si,
son cousas de nenos e nenas, de criaturas, pero para Xesús aí xógase o máis
importante do reino dos ceos, o máis importante do que Xesús veu anunciar e
realizar, o máis importante dunha comunidade cristiá.
Ese era o gran soño de
Xesús: facernos todos e todas coma unhas criaturas: non cridas, confiadas,
sabedoras que estamos envolt@s en fraxilidade, que só en por nós non somos
nada, que nos debemos á familia, á comunidade, e a quen é sostén da comunidade
familiar, o Pai materno que mira por nós. E aprender de Deus maternal a coidar
as criaturas, sexa cal sexa a razón pola que se sintan criaturas envoltas en
fraxilidade; quen as desprece despreza ao mesmo Deus que sempre as ten de ollo.
Coidar as criaturas débiles, descarreiradas, de dentro ou de fóra da
comunidade, facer dese coidado a gran tarefa, a gran festa da comunidade, ese é
o gran reto.
Oración
Xesús,
veño á túa
escola
porque sei que
es un mestre que aprendes moi ben,
gratis e con
gusto.
Apréndeme,
logo,
a cambiar e
facerme coma unha criatura.
Apréndeme
a acoller a
calquera criatura,
a calquera
persoa envolta en fraxilidade,
sabendo que,
acolléndoa a ela, acollo ao mesmo Deus.
Apréndeme
a coidar as
túas criaturas.
Apréndeme
a respectalas e
veneralas con devoción infinita.
Apréndeme
a buscalas
dentro e fóra da comunidade,
sen aforrar nin
tempos nin esforzos nin intelixencia.
Apréndeme
a facer festa
ao redor das túas criaturas,
a facer
comunidade poñéndoas sempre no centro de todo.
Acción
Ás veces debatemos sobre
como está ou non está a nosa comunidade parroquial. Cando o facemos, ¿parámonos
a ver que lugar ocupa a xente máis débil, máis marxinada, máis “perdida” da comunidade? ¿Colocamos a esa xente no centro do noso
corazón, das nosas actividades, da nosa práctica relixiosa?
12 de agosto: mércores da 19 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 15-20
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Se teu irmán peca contra
ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu
irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas
ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade;
e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un
recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo,
e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Meditación
Na vida, dentro e fóra da
comunidade cristiá, atopámonos con persoas (entre as que nós tamén nos
contamos) que fan cousas mal feitas, danándose a si mesmas e danando tamén a
persoas que están ao seu redor. Temos o costume de reaccionar ante iso
queixándonos, murmurando por detrás, criticando; pero poucas veces temos a
ousadía cristiá de achegarnos a esa persoa e con toda mansedume dicirlle o que
nos chocan e por que nos chocan algúns dos seus comportamentos. É dicir, poucas
veces cumprimos co deber mutuo da corrección. Quizais porque nós mesmos, cando
alguén nos corrixe, reaccionamos de malas maneiras. Se faltar, pecar é máis ou
menos humano, tamén debería selo corrixir e aceptar a corrección. Para que isto
funcione é imprescindible quererlle moito ás persoas concretas ás que queremos
corrixir, e sentirnos moi queridos por quen nos corrixa.
Oración
Grazas, meu
Deus,
pola comunidade
familiar,
pola comunidade
cristiá da que formo parte.
Grazas pola
xente que, porque me quere,
me corrixe
e me permite
medrar como persoa de ben.
Grazas
polas veces que
me move o amor
para dicirlle a
alguén
palabras de
corrección e alento.
Grazas por
forma parte dunha comunidade viva,
onde todos,
todas, nos facemos cargo de todos,
con ganas de
gañarnos mutuamente para o ben.
Grazas.
Acción
Seguro que estamos ante o
caso de persoas ás que nos gustaría poderlle dicir algo, para corrixir, para
alentar. Podemos buscar a maneira de
facelo con moita humildade e mansedume, con moito agarimo. E así facilitar que
outras persoas tamén nos poida corrixir a nós.
13 de agosto: xoves da 19ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 21-19,1
Unha vez Pedro achegouse
a Xesús e preguntoulle:
—Señor, cantas veces
terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
—Non che digo ata sete
veces, senón ata setenta e sete.
Por iso o Reino dos Ceos
é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando
empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con
que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña,
para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos
pés e suplicáballe:
—Ten paciencia comigo,
que cho hei pagar todo!
O señor tivo compaixón
daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ao saír, o servidor
aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e,
agarrándoo pola gorxa, esganábao
dicíndolle:
—Paga o que me debes.
Botándose aos seus pés, o
compañeiro suplicáballe:
—Ten paciencia comigo,
que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e,
aínda para máis, mandouno meter na cadea
ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren
tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara.
Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor malvado! Eu
perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén
compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?
E, todo anoxado, o señor
entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco
meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
Cando Xesús terminou
estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda
do Xordán.
Meditación
Levamos metido moi dentro
un espírito xusticeiro: quen as fai débeas pagar e ben pagadas. Vémolo con
frecuencia, cando nos enfrontamos con algunha persoa que fai algunha
barbaridade. E aí nos quedamos normalmente. Sen pensar que somos grupo, que
somos familia, que somos comunidade. O cal quere dicir que nos debemos uns a
outros entre nós, homes e mulleres fráxiles case sempre. Debémonos para a
culpa, porque é moi raro que unha persoa actúe con maldade, sen que esa maldade
non dependa algo polo menos da influencia da comunidade. E debémonos tamén para
o perdón, porque, se me sinto premida a perdoar o próximo, tamén o próximo se
sente premido a perdoarme a min.
Non se trata de deixar de
exercer a xustiza, senón de entender que, por riba da xustiza, acompañándoa
coma un irmán maior, está o perdón, que é o que acaba poñendo as cousas
definitivamente no seu sitio: no sitio da irmandade corresponsable, que sabe
que o amor pecha máis e mellor as feridas do que a simple xustiza. Deus parece
que é así, e a iso nos invita coa palabra e cos feitos de Xesús. Desde logo,
non perdoar, sabéndonos perdoad@s, é o colmo da insolencia.
Oración
Bótolle unha
ollada á miña vida,
ante ti, meu
Deus, que todo o coñeces amorosamente,
e canto teño de
que me arrepentir!
Como para non
vivir
envolt@ en
ansias de perdóns!
Como para non
ter sempre a man
a graza do
perdón a quen del precise!
Como para non
entender as maiores animaladas
que calquera
ser humano é capaz de facer!
Como para non
andar pola vida con temor e tremor,
apegándome ao
ben curador con toda humildade!
Como para non
achegarme a ti, meu Deus,
fonte limpa de
toda graza e misericordia!
Acción
¿Témoslle negado o perdón
a algunha persoa nalgunha ocasión? ¿Poderíamos retomar o caso con esa persoa
dunha maneira diferente? ¿Deixámonos levar polo espírito de condena contra algunha
persoa ante casos que vemos na TV ou na prensa? ¿Poderiamos abrandar algo o
noso corazón ao estilo de Deus?
14 de agosto: venres da 19ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 3-12
Unha vez achegáronse a
Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
—¿Estalle permitido a un
home repudiar a muller por un motivo calquera?
El respondeu:
—¿Seica non sabedes que o
Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso
deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous
unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto
o que Deus xuntou que non o separe a xente.
Preguntáronlle:
—¿E logo como é que
Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?
Xesús respondeu:
—Debido á dureza do voso
corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non
era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean
malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
Entón dixéronlle os
discípulos:
—Pois, se a situación do
home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
El contestoulles:
—Non todo o mundo entende
isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que
naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos,
porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender,
que entenda.
Meditación
A pregunta que se lle fai
a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería
repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben,
por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e
a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible,
daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas,
casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller
desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da
muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.
Niso temos avanzado, pero
non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo.
A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos
tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co
conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non
é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa
da nosa fraqueza?
O celibato pode ter
moitas caras e cores. Xesús foi un
célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha
humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas
as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na
convivencia familiar diaria!
Oración
Bendita a
bendita sexualidade!
Bendito quen
nos creou como seres sexuados!
Bendito o
pracer do sexo!
Bendita a
fecundidade do sexo!
Benditos os
home e mulleres que o viven!
Bendito o sexo
consentido, respectuoso, amoroso!
Bendito o sexo
non absolutista, integrado!
Bendito o sexo
humilde, que non se cre rei e señor!
Bendito o sexo
fráxil, mendicante!
Bendito o sexo
que leva a unións consistentes!
Bendito o sexo
recollido, reconducido en liberdade!
Bendito o sexo
das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.
Bendito Deus,
presente en nós
cando facemos o
amor e cando del libremente nos privamos!
Acción
¿Que trato estamos tendo
coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van
cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que
sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e
mulleres poderemos mellorar neste campo?
15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa
María
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu
María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de
Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno
brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes
voces:
—Bendita ti entre as
mulleres e bendito o froito do teu
ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que
chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre.
Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
—A miña alma proclama a
grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque
reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van
felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa
misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.
Manifesta o poder do seu
brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e
fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os
ricos.
Ampara a Israel, o seu
servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en
favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela
tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Hoxe celebramos a
asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller
humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima
dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía
absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de
Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a
primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle
agradecemos.
Aparece María visitando a
súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente
e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban
na mesma onda do Espírito. E xorde a
ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no
humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que
aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e
gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da
súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non
israelitas nunha mundial aperta fraterna!
María é o signo e mostra
de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a
vivilo e a gozalo.
Oración
Bendicímoste,
María,
por seres
muller de aldea,
entre dores e
pobrezas!
Bendicímoste,
María,
muller a Deus
sempre aberta,
na túa graza e
fraqueza!
Bendicímoste,
María,
por acolleres o
Espírito,
autor da túas
belezas!
Bendicímoste,
María,
por concibir e
criar
o fillo por
excelencia!
Bendicímoste, María,
pola cantiga de
gloria
a Deus na xente
pequena!
Bendicímoste,
María,
pola caricia de
Deus
honrando a túa
beleza!
Bendicímoste,
María,
Santa María do
pobo,
orgullo da nosa
Terra.
Bendicímoste,
María,
por compartires
connosco
tanta graza e tanta
festa!
Acción
Seguro que teremos
oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María.
Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos
dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do
lado do pequeno, como Deus mesmo fai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.