09 febreiro, 2016

14 de febreiro: Domingo 1º de Coresma (C)


Evanxeo: Lc 4,1-13

Comentario:

Empeza a Coresma. Nos domingos anteriores estabamos vendo a Xesús iniciando a súa tarefa de anunciador do Boa Nova. O Evanxeo de hoxe parece que volve algo atrás, e fálanos dun Xesús que, despois da experiencia especialísima do Xordán, pasa por un proceso de tentación, por un tempo intenso de deserto, antes de decidirse a andar camiños e aldeas transmitíndolle á xente a novidade de Deus que levaba no corazón. Ben é certo que as persoas entendidas nas cousas dos Evanxeos tamén nos din que os evanxelistas, con isto das tentacións de Xesús, máis ca querernos describir o que lle puido pasar nun período de 40 días e noites, o que pretenden é axudarnos a ver que Xesús, ao longo da súa vida, pasou pola proba, que tamén tivo o seu deserto, igual que o tivera o antigo pobo de Deus, coma proceso e condición para pasar da escravitude á liberdade, do sometemento da produción ao gozo dunha terra nova que deita leite e mel, para vivir a fondo a súa condición de fillo de Deus e de irmán de todos, de todas nós.

Nós tamén somos persoas que andamos metidas nestes procesos de loita cara á liberdade, cara ao gozo de vivir. Os tempos de crise que estamos vivindo agudizan entre nós o sentido e a forza desa loita. Por iso este Evanxeo pode resultarnos ben interesante. Pode orientarnos sobre qué papel pode xogar Deus nas nosas vidas, cando traemos entre mans as preocupacións que todos, todas, coñecemos. Unha vez máis, poñernos á escoita da vida e das actitudes de Xesús pode axudarnos a acertar na resposta persoal, comunitaria no momento presente.

Con frecuencia se fai unha lectura moralista deste relato das tentacións. Sería coma unha alerta radical ante as tentacións tan humanas e universais do ter e acumular (as pedras convertidas en pans), do poder (todo o poder e gloria que promete o Satán), e da fama (botarse do alto do templo en baixo). Certamente esas tentacións son universais no tempo e no espazo. Non hai persoa que se vexa libre dela e dos seus efectos desastrosos. Comprobámolo no día a día, ollando para o noso propio corazón e comportamentos e ollando tamén para os comportamentos e corazóns das persoas que nos rodean. Comprobámolo tamén ollando para as institucións relixiosas e sociais, políticas, das que formamos parte. Non se explican moitos problemas da Igrexa desde o afán de fama e poder polo que se deixan levar moitos membros da mesma? Non se explica a crise económica, social, de valores, desde a ansia tola por acumular e controlar que teñen institucións económicas, cos seus responsables á fronte, que rexen o mundo enteiro? Pode resultarnos ben positivo, polo tanto, como persoas e como comunidade cristiá, confrontarnos con estes elementos: cartos, poder e fama, que tan doadamente se converten en tentación que nos arrastra e condiciona a nosa vida, os nosos comportamentos.

De todas as maneiras, o relato das tentacións de Xesús apunta tamén, pensamos, a un nivel máis fondo e substancial aínda, e respondería a esta pregunta: que papel xoga Deus na miña vida? Que tipo de relación vital quero establecer con el? Onde me sitúo ante Deus, e onde sitúo a Deus ante min á hora de comprender e de desenvolver a miña existencia concreta?

A primeira tentación (que as pedras se convertan en pans) estaríanos dicindo que Deus non é un Deus que dea solucións fáciles, senón un Deus que crea vínculos profundos, relacións persoais cálidas; alguén con quen falar, a quen escoitar, ao que lle narrar a propia vida en toda a súa complexidade. Vivimos desa relación. E desa relación sairán posicións fortes ante a vida, ante os problemas que a ameazan: pan, traballo, afectos, relacións sociais, participación política, etc.

A segunda tentación (recibir todo poder a cambio de prostrarse ante ídolos), estaríanos alertando sobre a pretensión de substituír o centro último e sustento da nosa vida, Deus, por outros deuses menores, por espazos de poder ao alcance da man (diñeiro, cargos, influxo social, posición social...), nos que facer descansar o pracer da nosa existencia no presente e no futuro. A “abnegación” do propio ser, da que falará Xesús –ao que se ve, por plena experiencia--, máis ca apuntar a renunciar a cousas máis ou menos importantes da nosa vida, apunta a renunciar a ser un o centro dun mesmo, a orixe dun mesmo, a referencia última dun mesmo. Basicamente vivirnos habitando ao abeiro do Altísimo, morando á sombra do Omnipotente, como di o salmo 90, 1, que hoxe rezamos na celebración.

Por último, a terceira tentación (tentar a Deus con comportamentos tolos, irresponsables), alertaríanos contra a pretensión de descargar en Deus as nosas responsabilidades vitais: propia persoa, familia, posto de traballo, organización social, coidado da vida e da morte, etc., abusando dunha confianza sen sentido. O Deus que sustenta a nosa existencia, que establece connosco relacións cálidas, íntimas, quérenos libres e responsables, non substitúe a nosa preguiza, a nosa irreflexión, a nosa covardía, as nosas toleadas.

Preces:

NON SÓ DE PAN VIVE O SER HUMANO
  1. Que saibamos traballar polo pan de cada día para todas as persoas do mundo, abrindo o noso corazón, o noso peto ás necesidades da demais xente. Oremos.
  2. Que, coa axuda que Deus nunca nos nega, aprendamos a dedicarlle tempo a tratar coa xente, a falar, a compartir, a interesarnos pola vida e as dificultades dos demais, a crear redes fondas de solidariedade e afecto. Oremos.
  3. Que, deixándonos levar polo Espírito de Xesús, nos comprometamos coa vida social dos nosos pobos, participando con honradez nas asociacións, nos sindicatos e partidos, nos movementos alternativos. Oremos.
  4. Que, desde unha vontade firme de axudar a facer unhas comunidades cristiás humildes e animosas, vivamos o momento presente da Igrexa recoñecendo o noso pecado e poñendo nas mans de Deus a nosa esperanza. Oremos.
  5. Que saibamos agradecer o xesto profético de Benedicto XVI, e que todos medremos en sentido de responsabilidade ante as tarefas concretas que traemos entre mans na sociedade, na Igrexa. Oremos.


Pregaria:

Señor, Señor,
que non nos poida nunca a tentación.

A tentación da desesperanza
nestas horas escuras para tantas persoas
que amencen cada día entre angustias e sombras.

A tentación da violencia,
cando vemos tanta inxustiza roldándonos a vida
e facéndonola triste e achicada.

A tentación da pasividade,
crendo pechos todos os camiños,
e que non paga a pena loitar contra xigantes.

A tentación da tristura,
que ameaza as nosas vidas
para sumilas no colmo do asoballo.

A tentación da soidade, do enchufe,
cedendo ao canto da serea insolidaria
que invita á desunión e ás solucións por libre.

A tentación do abandono de Deus,
perdendo a súa paz e a súa forza,
a súa incitación profunda ao novo e revolucionario.

A tentación do abuso de Deus,
converténdoo nun moneco fácil nas nosas mans,
negociante servidor das nosas comenencias.

A tentación do moito falar e escribir,
fuxindo dos silencios densos
e da fidelidade vital ao que dicimos.

Señor, Señor,
que non nos poida nunca a tentación.

Signo:
  • Símbolos de cartos, poder, fama,
  • Un pan, e ao lado unha comunidade celebrando, festexando, protestando.
  • Mans entrelazadas, xente en abrazo solidario.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.