Evanxeo: Lc 5, 1-11
Comentario:
É moi importante reparar no contexto, no medio, nas circunstancias nas que se dá a acción evanxelizadora de Xesús, nas que se pronuncia e realiza a Palabra de Deus. Normalmente temos moi asociados os elementos relixiosos a ambientes relixiosos. Xesús, adrede, ía á xente, onda a xente, evanxelizaba no normal da vida, nos lugares nos que a xente vivía, traballaba, sufría, esperaba: á beira do lago, cando os pescadores lavaban os aparellos, subido a unha barca, despois dunha mala xornada de pesca. E, en coherencia con isto, a palabra de Xesús, a Palabra de Deus, era tamén unha palabra laica, na que si se pronunciaba o nome de Deus, o anuncio do seu Reino, pero facíase respondendo ás expectativas de xente, envolto nelas, aínda que, iso si, abríndoas a horizontes máis fondos e densos, máis humanos polo tanto. Non o podía facer doutro modo o que se presentara como anunciador de liberación para a xente pobre, cega, presa, asoballada, marxinada. Era unha nova evanxelización, situando os lugares relixiosos, a experiencia relixiosa no corazón da vida da xente. Todo un gozo e unha orientación para nós, para as nosas comunidades.
O cerne da proposta de Xesús, neste caso e en moitísimos casos máis, é crer posible o imposible, abrir as esperanzas da xente máis aló dos cálculos razoables que as persoas nos podemos facer. Pedro tiña razóns abondas para lle dicir a Xesús que era inútil volver ao mar. Fíase del, volve ao mar e os resultados son espectaculares. Quizabes estamos ante un relato un pouco fantasioso. Pero, con fantasía ou sen ela, o importante queda dito, queda vivido: ou soñamos, ou morremos. Ou nos lanzamos a facer posible o que parece imposible, ou iso de liberar a xente marxinada, para crear un mundo novo, fraterno, non poderá ter realización histórica nin espiritual. Estamos en tempos nos que por un lado é polo outro oímos iso de que outro mundo é posible, de que outra política é posible, de que outra democracia é posible, de que outra economía é posible, de que outra experiencia relixiosa é posible, de que outra Igrexa é posible, aínda que ás veces pareza dito con certa banalidade, sen compromiso. Xesús, desde logo, é un gran creador de soños, e invítanos aos seus seguidores e seguidoras, ás comunidades que levamos o seu nome, a ser tamén creadores de soños e andadores/as dos camiños que levan ao seu cumprimento. Esta é, penso, a gran achega que as persoas e comunidades cristiás podemos e debemos ofrecer ao momento presente.
Xesús, nun marco normal, laboral, secular, empuxa aos seus seguidores/as a unha experiencia pequena, parcial, onde se comproba que o imposible é posible. E Pedro aí mesmo ten un sentimento profundo de atoparse ante Deus, ante o de Deus, ante un realizador dos soños de Deus, e séntese moi pouca cousa, pecador, indigno do que está vendo e vivindo, indigno daquela persoa, de Xesús. Como nos pasa a nós tantas veces, cando por aquí e por alá vemos que tal persoa, tal grupo, tal comunidade, leva a cabo iniciativas que nos sorprenden, que nos parecerían imposibles, e sentímonos pouca cousa, e dános case vergonza levar enriba de nós o nome de cristiáns. Seguro que á cabeza de todos/todas se nos veñen nomes e situacións nas que vemos que se está realizando o de Xesús: soñar e poñerlle pés aos soños. Sentirse lonxe desas persoas e grupos, sentirse, polo tanto, lonxe tamén de Xesús, pode ser un bo primeiro momento para revisar moitas cousas. Se outras persoas si, por que eu non, porque a miña comunidade non?
E Xesús dá o último paso. Por se a idea de Pedro era escapar do compromiso de realizar soños, Xesús ofrécelle deseguida a alternativa: súmate ao grupo dos creadores/as e realizadoras/res de soños. Imos dedicarnos á tarefa de gañar xente, homes e mulleres, para soñar, para loitar por facer posible tantos imposibles como temos diante dos ollos: unha política sen roubos, unha economía na que a persoa estea no centro, unhas relacións sociais nas que a xente máis débil sexan tratadas coma as meniñas dos nosos ollos, traballo repartido para todos/as; pan, terra e paz para todos/as, tamén os do Terceiro Mundo; a verdade, a honradez, os dereitos para todos e todas; homes e mulleres sen relacións de dominación nin de violencia. E iso desde os pequeniños pasos que nas nosas casas, familias, parroquias, concellos, podemos ir dando. Con fe, con entusiasmo. Soñando sempre. Con Xesús. Con Deus.
Preces:
XA QUE TI O DIS, XESÚS, LARGAREI O APARELLO
- Non me deixarei levar polos fracasos vividos, e seguiremos apostando por persoas fraternas, por sociedades fraternas, dignas, libres. Oremos.
- Non me crerei incapaz de acompañarte, Xesús, de sumarme ao grupo dos teus seguidores e seguidoras, para entre todos/todas ir facendo cousas que adianten o teu Reino. Oremos.
- Confiarei na forza da túa presenza no medio de nós, na forza da unión e da organización para levar a cabo o que o teu Espírito nos suxira facer. Oremos.
- Deixarei que os teus soños prendan na miña vida, e con humilde e consistencia traballarei día a día para facelos realidade. Oremos.
- Procurarei andar en humor e alegría, participando tamén nas festas populares, coma o Entroido, porque con humor o traballo será máis denso e longo. Oremos.
Pregaria:
Non es, Señor, autor de teorías,
nin pronuncias palabras rimbombantes,
tes palabra, palabra sa fecunda,
para a vida, na vida enredada.
Dá gusto escoitarte, acompañarte,
en calquera día, en calquera hora,
ir contigo onde a xente pena e loita,
sementando e coidando as esperanzas.
Non te quedas, Señor, nunca te encolles,
soñas e estendes frescos os teus soños,
embárcasnos a todos/todas na tarefa
para facer posible o imposible.
O teu é a abundancia, a esplendidez,
xente e casas repletas dos teus bens,
vidas sas, vidas dignas, integradas,
e a irmandade, coroa de alegría.
Se o medo ameaza os nosos soños,
se a maldade frea o noso empeño,
alí estás ti, coa forza que nos urxe,
co perdón que nos sanda e nos libera.
Que queres ti de min, Xesús dos soños?
Que podo facer eu a carón túa?
“Tranquilo, no meu grupo has ser obreiro/ra
anunciador da nova humanidade.”
Signo:
- Unha barca, un remo, unha man sostendo a rabela dun arado de pau.
- Un grupo de persoas xuntas, camiñando, vistas polas costas.
- Ao revés, un grupo de persoas xuntas, camiñando, vistas de fronte, coma o do anuncio da película novecento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.