NOTA:
Quen empregue estes materiais decatarase de que estamos facendo o intento por introducir unha linguaxe inclusiva de xénero. Aplicamos o intento tanto nos nosos textos coma nos textos do Evanxeo. Cremos non alterar para nada o espírito dos textos; polo demais estes non son textos oficiais, senón textos para uso privado. Gustaríanos que nalgún momento oficialmente se procedese a unha tradución inclusiva. Pensamos que a Xesús lle gustaría.
19 de agosto: domingo 20 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Xn 6, 51-58
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
--Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.
Os xudeus discutían entre si:
--Como pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
--Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.
Meditación
¿Que nos quere dicir Xesús, que nos ofrece el cando nos di: “o pan que eu darei é a miña carne …, se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós”? Xesús estanos falando con símbolos, con comparanzas. ¿Qué lle quere dicir unha nai a unha criatura súa, cando a colle nos brazos, a enche de bicos e lle di: ui, que te como, que te como todiña, miña ruliña! Non a vai comer; estalle mostrando un cariño moi fondo, unha unión, unha vinculación total con ela; estalle dicindo que para ela non hai cousa mellor no mundo que a criatura que ten nos brazos e que enche de bicos.
Iso é o que Xesús nos ofrece. Quérenos tanto aínda que sexamos como sexamos, que lle gusta facerse pan para nós, para que o comamos, para establecer connosco unha unión íntima, sen comparanza posible; gústalle que a súa carne, é dicir, toda a súa existencia, as súas palabras, o seu estilo de vida, os sentimentos cos que vibra ante Deus e ante a xente, cos seus gozos e coas súas penalidades, gústalle que todo iso sexa como un pan para nós, algo que nos sosteña; e gústalle que o seu sangue, é dicir, todo o vigor, todo o espírito que sostivo a súa existencia, sexa tamén como unha bebida para nós, algo que nos sosteña, que nos dea vigor para a preciosa tarefa da fraternidade que tamén nos puxo nas mans. É unha maneira de falar coa que Xesús nos ofrece unha compenetración intensa entre el e nós, entre Deus e nós, entre o Espírito e nós. E a forza desa unión é a que nos fai capaces de estar ao lado da xente coa mesma vontade de unión e de servizo.
Oración
Grazas, Xesús,
por querernos como unha nai quere as súas criaturas.
Grazas porque nos dás todo canto tes,
todo canto es,
coma un humilde pan cotián de mantenza.
Grazas por cada palabra túa,
por cada feito teu,
cos que alumas e sostés a nosa vida cristiá.
Grazas polo teu sangue, o teu espírito vigoroso,
capaz de enchelo todo de vida no teu nome.
Grazas por querer intimar connosco,
como unha amiga coa súa mellor amiga.
Grazas por invitarnos ao pequeno e ao grande,
ao pan humilde desta mesa fraterna,
e ao pan universal feito de paz e de xustiza
no nome do Deus da vida que incita ás solidariedades.
Acción
Xesús fíxose pan bo para todas e todos nós, para toda a humanidade. ¿Cómo podemos tamén nós facernos pan bo para a xente que convive connosco ou para outras persoas que polo mundo adiante o necesiten?
20 de agosto: luns da 20ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 16-22
Nunha ocasión achegouse a Xesús unha persoa para lle preguntar:
--Mestre, ¿qué teño que facer de bo para acadar a vida eterna?
El contestoulle:
--¿Por qué me preguntas acerca do bo? Soamente un é Bo. E, se queres entrar na vida, garda os mandamentos.
Preguntoulle:
--Cales?
Xesús contestoulle:
--Non matarás, non cometerás adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; honra a teu pai e a túa nai, e ama o teu próximo como a ti mesmo.
O mozo contestou:
--Todas esas cousas xa as gardo. ¿Qué é o que me falta?
Respondeulle Xesús:
--Se queres ser perfecto, vai, vende canto tes e dáo aos pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
Oíndo estas cousas, o mozo marchou moi entristecido, pois tiña moitos bens.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo pode axudarnos a caer na conta do frouxas que somos moitas das persoas que máis ou menos alegremente nos consideramos cristiás. Podemos ser persoas bautizadas, podemos gardar os mandamentos e cumprir coas prácticas relixiosas da Igrexa, podemos ter certa atracción por Xesús –todo isto xa non é pouco, certamente--, pero fáltanos algo moi importante: a dispoñibilidade a facernos un pouquiño loucos por Xesús, coma Xesús; é dicir, a dispoñibilidade a romper con pautas sociais establecidas, a ir contracorrente, a embarcarnos con el en historias de solidariedade a fondo, que nos descolocan a nós mesmas e que descolocan tamén a xente que nos rodea.
Unha pauta social moi establecida, case a máis establecida, consiste en prepararse ben para ter un bo traballo, para gañar ben cartos, para ter unha posición social envexable e unha vida sobrada, cómoda. A proposta de Xesús vai noutra dirección: capacitarse si, con habilidades do corpo, da mente e do espírito, para desenvolvernos ben como persoas, como familia, como comunidade cristiá, para implicarnos na marcha da sociedade, do mundo, buscando facer del unha terra de irmáns e de irmás. A meta non é acumular, enriquecerse para unha vida sobrada; a meta é baleirarse, compartir para unha vida irmandada.
Oración
Xesús,
vexo que es un mestre no camiño dos desapegos,
no camiño de baleirarnos dos nosos intereses e comenencias,
no camiño da liberdade integral,
para facernos persoas comunitarias e alegres.
Pero cústame fiarme da túa proposta;
ou digo que non, que a túa proposta é absurda,
ou digo que si, pero todo se queda en palabras,
ou no fondo entendo que si, que tes razón,
pero retírome tamén entristecido,
porque penso que os meus bens, da condición que sexan,
son xa a miña ledicia, a miña vida.
¿Quen romperá en min as cadeas
que, aparentando darme firmezas,
me impiden soñar e voar
nas ás da irmandade, nas ás de Deus?
Máis ca nunca,
aquí estou, Xesús, como aprendiz.
Acción
Aprendemos a liberarnos ao estilo de Xesús dando pequenos pasos de desapego a favor do comunitario, a favor da demais xente que precisa de nós. A pouco que pensemos, seguro que se nos ocorren algunhas cousas ás que podemos renunciar para que a irmandade medre en algo.
21 de agosto: martes da 20ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 23-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
--Asegúrovos que á xente rica lle vai ser ben difícil entrar no reino dos ceos; repítovolo: élle máis doado a un camelo pasar polo ollo dunha agulla que a unha persoa rica entrar no reino dos ceos.
Oíndo aquilo, os discípulos comentaron abraiados:
--Pero, logo, ¿quen se vai poder salvar?
Mirando para eles fixamente, díxolles Xesús:
--Si, para a xente é imposible, pero para Deus todo sé posible.
Entón interveu Pedro dicindo:
--Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?
Xesús respondeu:
--Asegúrovos que, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E toda persoa que por min deixou casas ou irmáns e irmás, ou pai ou nai, ou fillos e fillas ou leiras, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. Hai moitas persoas que son as primeiras e serán as últimas, e moitas que son as últimas e serán as primeiras.
Meditación
De novo unha proposta de Xesús que nos descoloca: a xente rica vaino ter moi difícil para entrar no reino de Deus; é dicir, para sentir como Xesús sente, para enredarse nas súas historias de irmandade real, para atopar niso o gran gozo da súa vida, a súa “salvación”. Se isto resulta chocante para nós, moito máis o era para a xente daqueles tempos, que tiñan moi metido na cabeza que a riqueza era unha bendición de Deus, e que, ao revés, a pobreza era coma un castigo de Deus.
Podemos ser persoas ricas de moitas maneiras. Desde logo somos ricas se posuímos moitos bens, moito diñeiro; os bens e o diñeiro pódennos afogar a vista, o corazón, para non entender que o máis fermoso da vida é ver a demais xente coma irmá e tratala en todo coma tal. Tamén podemos ser persoas ricas sendo máis ou menos pobres, se temos o corazón cego pola chulería, pola ansia de posuír, de aparentar, de ter poder, e non vivimos a nosa pobreza coma un camiño que nos leve a facernos máis solidarios uns dos outros e a construír unha convivencia nova na parroquia, no pobo, baseada na unión, na colaboración, na defensa da nosa vida, dos nosos dereitos.
A renuncia a sermos persoas ricas desa maneira supón abrirnos a outras riquezas maiores, que se nos ofrecen gratuitamente nunha morea de relacións marcadas polo agarimo e pola solicitude mutua.
Oración
Todo é posible para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do atractivo dos cartos, do poder, do figurar.
É posible
descubrirme o atractivo maior da pobreza solidaria.
É posible
gozar co gozo humanísimo de tratarme con calquera persoa coma irmá.
É posible
vivir feliz contracorrente, porque me sae da alma.
É posible
soñar cunha terra nova, cun ceo novo.
É posible
descubrirte, meu Deus, coma un Deus rompedor,
que abres camiños novos de felicidade
e nos dás forzas para avanzar por eles.
Todo é posible.
Grazas, meu Deus.
…….
Todo é posible para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do mal xenio co que trato á xente da casa.
É posible
renunciar o rancor que manteño con ese veciño que ben sabes.
É posible
aprender a perdoar a quen tanto me custa.
É posible
termar das poucas unións que se dan entre a veciñanza.
É posible
deixar de actuar coma un comenencias.
É posible
soñar co común e construílo pouco a pouco.
É posible
verte a ti ao noso lado coma alguén que nos ama,
nos comprende e nos acompaña sempre.
É posible.
Grazas, meu Deus.
Acción
Podemos pensar nalgunha cousa boa á que razoablemente nos gustaría chegar, pero da que desistimos, porque non confiamos nas nosas forzas. ¿Sería posible conseguila cambiando de actitude, fiándonos máis de nós mesmos/as, da xente que nos rodea, do Deus que sempre nos acompaña? Tentémolo, a ver.
22 de agosto: mércores da 20ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 20, 1-16
Nunha ocasión Xesús contoulles aos discípulos esta parábola:
--O reino dos ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar persoas que andasen ao xornal para a súa viña. Axustou con elas o xornal dun denario e mandounas á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outras persoas sen traballo na praza. E díxolles:
--Ide vós tamén á miña viña e dareivos o xusto.
Elas foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, e fixo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña; atopou outras persoas paradas na rúa e díxolles:
--Pero, ¿qué facedes aquí todo o día sen traballar?
Eles responderon:
--É que ninguén nos contratou.
El díxolles entón:
--Ide vós tamén á miña viña.
Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:
--Chama os xornaleiros e xornaleiras e págalles o xornal; empezas polas últimas e acabas polas primeiras.
Chegan as da derradeira hora e dálles un denario a cada unha. Cando chegaron as primeiras coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
--Esas, as derradeiras persoas, traballaron unha hora só e trátalas igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
Pero el replicoulle a unha delas:
--Amiga, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle á última igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.
Meditación
Estamos ante unha parábola que nos introduce, coma ningunha outra, na cerna da mensaxe e do estilo de vida de Xesús. Paga a pena pararse a fondo ante este relato. Remoelo ben, deixar que nos invada e que nos afecte en todas as dimensións do noso ser. Deus é universal e non se limita a certas culturas e tradicións relixiosas. Deus é espléndido, desmedido, cun corazón sen límites, que non se rexe por criterios humanos de xustiza, senón polo afán louco de que todos os homes e mulleres do mundo poidan gozar da súa esplendidez.
Este evanxeo invítanos a non desesperar polo pouco que poidamos ter feito ou esteamos facendo por entrar na onda de Xesús, na onda de Deus. Invítanos a non desprezar a ninguén; é raro que en algo polo menos non andemos todos, todas, buscando o rostro de Deus, aínda que sexa por camiños raros. Invítanos a entrar na esplendidez de Deus, gozando dela e practicándoa coa demais xente. Invítanos a non pechar portas antes tempo. Invítanos a apuntarnos á proposta de Xesús, canto máis antes mellor, porque canto máis antes o fagamos, máis antes tamén viviremos mellor a nosa vida cos seus gozos e traballos. ¿En que consiste esa esplendidez de Deus? Non o sabemos ben, intuímolo. Xesús é o mellor exemplo da esplendidez de Deus. Este evanxeo invítanos a vivir espelidas cara todo tipo de solidariedade ao estilo de Xesús e a morrer confiadamente nun Deus que nos sorprenderá pola súa inmensa xenerosidade.
Oración
“¿Ou é que ti ves con mal ollo
que eu sexa bo?”
¿Ves con mal ollo que eu te queira tantísimo
a pesar da túa vida en tantas cousas desamañada?
¿Ves con mal ollo que eu me arrime con tenrura
a tantas persoas da rúa abandonadas, alcohólicas, perdidas?
¿Ves con mal ollo que non desespere amorosamente
dos que xogan coa dignidade das criaturas máis débiles?
¿Ves con mal ollo que me arrime coma unha nai
a quen rexeita a miña preferida xente refuxiada?
¿Ves con mal ollo que me afane tolamente
por incluír e non rexeitar, por abrir e non pechar, nunca, en nada?
¿Ves con mal ollos que cada mañá, mediodía ou tardiña
saia incorporar xente para a irmandade real
coa mesma paciencia, coa mesma paixón?
¿Ves con mal ollo que chame incansablemente á túa porta,
esperando de ti un chisco de loucura amorosa, servidora?
Acción
Podemos mirar a ver se nalgún aspecto, con algunha persoa ou grupo social, somos dad@s a excluír, a marxinar, a desatender, porque xa damos a cousa por perdida. Retomamos iso desde o talante que Xesús nos propón no nome do Deus no que el cre.
23 de agosto: xoves da 20ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 22, 1-14
Nunha ocasión Xesús faloulles de novo en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo, dicíndolles:
--Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus criados que fosen chamar pola xente convidada á voda, pero a xente non quixo ir. Volveu mandar outros criados encargándolles que lle dixeran á xente convidada: “Teño preparado o banquete, xa matei os becerros e outros animais cebados; todo está disposto, vide á voda!”. Pero a xente non lle fixo caso; houbo quen marchou para as súas leiras, houbo quen foi aos seus negocios, e os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus criados: “A voda está preparada, pero a xente convidada non a merecía. Así que ide ás encrucilladas dos camiños e a canta xente atopedes convidádea á voda”. Saíron os criados aos camiños e xuntaron a toda a xente que foron atopando, boa e mala, de xeito que a sala da voda encheuse das persoas convidadas.
Cando entrou o rei para saudar a xente convidada, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou caladiño. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”. Porque son moitas as persoas chamadas, pero poucas as escollidas”.
Meditación
Unha parábola dura para os xefes relixiosos xudeus daqueles tempos, que co seu pobo foron invitados á festa do amor que Deus ofrecía na persoa de Xesús, o noivo. Enredados coas súas leiras, cos seus negocios, coas súas seguridades, coas súas ideas relixiosas, coas súas comenencias, co seu medo ao novo de Deus, rexeitaron a invitación, e priváronse a si mesmos da gran experiencia de amor festivo, comunitario, concreto e universal, que Xesús ofrece como don e como tarefa.
Parábola tamén clara e esixente para todos e todas nós, persoas cristiás do tempo presente. Somos xente que, sen dúbida, en moitas ocasións estamos tan enredada en mil ocupacións, tan absorbida por unha vida branda, tan desconfiada xa de que de Deus, de Xesús, nos poida chegar algo atractivo, bo para as nosas vidas, que rexeitamos as invitacións de Deus, e ímonos excluíndo do gozo de vivir envoltos en amores, traballando amores, celebrando amores.
Oración
Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus!
Todo ten que ver con casamentos,
con unións íntimas e encontros animadores,
con compartir mesas comúns e alentos solidarios,
sempre, en todo, sen límite ningún.
Así es ti de espléndido e xeneroso!
E andar, claro, con traxe de vodas,
co corpo áxil, aceso, case transfigurado,
co espírito en amores recios,
simples, intelixentes, cotiáns, verdadeiros,
facendo do común a lei de vida.
Converterme así gustosamente
en vivo anunciador/a da felicidade que nos xunta,
co paso lixeiro que só ti, meu Deus,
es quen de darme.
Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus,
gustador/a e anunciador/a de vodas!
Acción
Se nos paramos un pouco, podemos ver que nos chegan moitas invitacións a cousas de unión, de solidarizarse, de mesturar vidas, gozos, traballos… Son coma os criados e criadas de Deus que a diario nos traen a súa invitación á festa do amor. ¿Andamos ao quite, para acoller esas invitacións e entrar na rolda de Deus? Seguro que poderemos mellorar moito niso.
24 de agosto: venres da 20ª semana do Tempo Ordinario. Festa de san Bartolomeu, apóstolo.
Evanxeo: Xn 1, 45-51
Unha vez Felipe atopou a Natanael (tamén chamado Bartolomeu) e díxolle:
--Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na lei e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé, de Nazaré.
Contestoulle Bartolomeu:
--¿E de Nazaré pode saír algo bo?
Felipe díxolle:
--Ven e verás.
Viu Xesús a Bartolomeu, que se achegaba, e dixo del:
--Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Bartolomeu:
--¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
--Antes de que Felipe chamase por ti, cando estabas debaixo da figueira, vinte.
Respondeulle Bartolomeu:
--Mestre, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
--¿Por qué che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
--Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Este relato conta algo de cómo Natanael ou Bartolomeu se incorporou ao grupo de Xesús: un amigo levouno onda Xesús, e quedou seducido por aquela primeira conversa con Xesús. Saíron a relucir as súas desconfianzas, pero Xesús chegoulle ao corazón e aquilo foi o comezo dunha fonda amizade, dun sincero seguimento que o marcaría para toda a vida. Quedan así subliñados os dous momentos que normalmente ten todo proceso de seducción por Xesús e polo seu estilo de vida: que alguén nos fale del, máis coa vida que coas palabras, e que nalgún momento teñamos nós o noso propio encontro persoal con Xesús no noso interior, na nosa fe.
O relato pódenos servir para recordar como foi ou está sendo a nosa vinculación con Xesús. Seguro que alguén dalgunha maneira, máis ou menos convincente nos falou de Xesús e do seu regalo para a vida; hai que agradecerllo; quizais tamén xa experimentamos en por nós que realmente o que se nos dixera de Xesús era tal cal, ou moito máis incluso. Pode ser tamén que non, que aínda esteamos no aire, e que siga no noso corazón a pregunta de Bartolomeu, revestida de calquera dúbida ou resistencia,: ¿De Nazaré pode saír algo bo?
Oración
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
Canto ansío deixar de vivir de herdades,
de palabras e experiencias alleas,
por moito que as agradeza!
Canto ansío bater contigo,
co misterio humano e divino que vai contigo,
para abrirme a el sen reservas,
e deixar que modele toda a miña vida!
Do xeito que sexa bater contigo,
para levarte firme no meu corazón
alentando todos os meus camiños
marcando todas as miñas solidariedades,
abríndome o acceso a Deus coma Nai
e a cada persoa que en cada momento atope, coma irmá.
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
Acción
É posible que hoxe mesmo Xesús saia ao noso encontro da maneira menos pensada, sobre todo a través de persoas ou situacións de pobreza, de debilidade, que é onde el está especialmente presente. Acollámolo. Se podemos, coma Felipe, compartamos ese encontro, falemos de Xesús con algunha persoa familiar ou amiga.
25 de agosto: sábado da 20ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 23, 1-12
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente e aos seus discípulos:
--Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos nos lombos da máis xente, pero eles nin un dedo poñen para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas prazas e que os chamen mestres.
Pero vós non vos fagades chamar mestre, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes unha irmandade. E a ninguén chamedes pai ou nai na terra, porque unha soa é a vosa Nai, un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar dirixente, porque un só é o voso dirixente, Cristo. A xente máis importante entre vós debe ser a vosa servidora, pois calquera persoa que se enalteza será rebaixada e quen se rebaixe será enaltecida.
Meditación
Este evanxeo fai un debuxo ben escuro do comportamento dos dirixentes xudeus do tempo de Xesús: xente que miraba máis pola súa aparencia social, polo seu poder, ca polo benestar da xente; ditar leis para que as cumpran outros, sen implicarse en facilitar a vida da xente máis humilde; honores, aplausos, títulos. Pura aparencia! É de supoñer que non todos fosen así de vaidosos e inhumanos.
Ante iso a proposta das primeiras comunidades cristiás, seguindo o espírito de Xesús, é ben alternativa: nada de títulos, pois temos no ceo un Pai ou Nai e chega, e temos en Xesús o único mestre; e todo envolto na irmandade e no servizo. Os homes ou mulleres escollidas para os necesarios liderados da comunidade hanse distinguir pola súa franca vontade de servir.
Se lemos nós este evanxeo, é para que o apliquemos ás nosas comunidades, a quen as presiden, a todas as persoas que as formamos. É moi doado caer nos mesmos defectos que criticamos nos outros. Facer carreira na Igrexa segue a ser unha tentación. Estamos moi lonxe de construír comunidades cristiás fraternas ao estilo de Xesús. Facer comunidades ben ao estilo de Xesús sería unha excelente contribución ao conxunto da sociedade, onde tamén se repiten os trazos negativos que aquí se describen.
Oración
Irmáns, irmás,
e máis nada, Xesús.
Así che gustaba a ti.
Irmáns, irmás
afanadas polo servizo sempre, en todo.
Irmáns, irmás
fuxindo de títulos e honores.
Irmáns, irmás
arrimando o lombo a cada hora
para facer máis liviá a carga para a xente débil.
Irmáns, irmás
desde os feitos máis ca desde as palabras.
Irmáns, irmás
á sombra sempre dun Pai ou Nai do ceo
que a todos nos xunta e unifica
ata o extremo, ata o máis fondo.
Irmáns, irmás
e máis nada.
Xesús, faime irmá, irmán, contigo,
e máis nada.
Acción
Miremos un pouco para a nosa comunidade cristiá ou parroquia. Se en algo vemos que non vivimos co espírito de Xesús, compartámolo cos demais membros da comunidade e dispoñámonos ao cambio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.