23 agosto, 2018

Tempo Ordinario): 21ª semana


26 de agosto: domingo 21 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 6, 60-69

Unha vez moitas das persoas que seguían a Xesús, ao escoitalo, dixeron:
--Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?
Xesús, comprendendo que as persoas que o seguían murmuraban del, díxolles:
--¿Escandalízavos iso? ¿E logo se visedes o Fillo do Home subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda así, hai alguén entre vós que non cre.
Pois ben sabía Xesús dende o principio quen non cría e máis quen o había de entregar. E proseguiu:
--Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
Dende aquela moita da xente que o seguía botouse para atrás, e xa non andaba canda el. Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
--¿Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
--Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna; nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.

Meditación

¿Cal era a doutrina dura que botaba para atrás as persoas que escoitaban a Xesús, ata o punto de que deixaron de andar canda el e de seguilo? Pois que el, coa súa comprensión da vida coma un servizo ao común, á comunidade, á xente máis débil sobre todo, se ofrecese como a gran oferta de Deus para que, como persoas e como pobo, nos sentísemos ben, felices dentro do que neste mundo podemos selo. Iso era o que había de fondo naquilo de darse el mesmo como pan para mantenza nosa. A proposta pareceulles ridícula, escandalosa. Non lles ía iso de servir ao común; e non acababan de crer que na voz, na vida daquel home de aparencia normal, puidese estar Deus mesmo ofrecéndolles remedio eficaz para as súas pobrezas. Xesús entendía ben as dificultades da xente para darlle fe: se funcionamos con criterios da carne, é dicir, con criterios do simple proveito individualista inmediato, o de Xesús é realmente absurdo; pero se vemos as cousas cunha ollada fonda, cunha ollada comunitaria, fraterna, a cousa cambia.
E ¿que facemos nós ante a proposta de Xesús? ¿Arredámonos del? ¿Seguimos canda el, pero ao noso aire, como se realmente non fosemos do seu grupo? ¿Optamos decididamente por el, coma Pedro, fiándonos del, aínda que haxa cousas que nos revolvan por dentro e nos custe incorporalas á nosa vida?

Oración

Quero quererte, Xesús,
facerche caso,
por máis que ás veces me custe
os meus traballos.

Quero fiarme de ti,
deixando a un lado
a miña ollada curta,
os meu reparos.
Quero andar no teu grupo
ben humildado,
seguindo nos teus camiños
pasiño a paso.

Dáme o gran pracer, Xesús,
dáme o regalo,
de traballar no común
con ollos claros.

E andar así sempre en Deus
sen soños raros,
amando, non máis, amando
como hai que amalo.

Acción

É moi posible que haxa algunha cousa moi concreta das que nos propón Xesús que nos bote para atrás, que nos custe asumila e vivila. Algo de compartir, acompañar persoas, servir a alguén, algo de traballar polo común. Á luz deste Evanxeo ¿non poderiamos enfrontarnos con iso e darlle para adiante?


27de agosto: luns da 21ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 23, 13-22

Nunha ocasión dixo Xesús:
--Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades á xente o reino dos ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar a quen o intenta. Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito, e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición o dobre ca vós! Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero, se xura polo ouro do templo, fica obrigado”. Parvos e cegos! ¿Qué é máis importante, o ouro ou o templo que consagra o ouro? E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero, se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”. Cegos! ¿Qué é máis importante, a ofrenda ou o altar que consagra a ofrenda? Quen xura polo altar, xura por el e máis por todo o que hai enriba del; e quen xura polo templo, xura por el e máis por Aquel que o habita; e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e máis por Aquel que está sentado nel.

Meditación

Posiblemente nos soen a cousas raras estas criticas ao comportamento dos letrados e fariseos: xurar por tal, xurar por cal, qué era o máis importante, qué era o menos. Podémolo resumir dicindo que, ao que se ve, era xente que se enredaba cegamente en moitas cousas sen importancia da doutrina, e esquecía o fundamental, que era o respecto profundo por Deus e o respecto profundo pola xente que o fai presente entre nós.
Dous mil anos despois podemos seguir nós coas mesmas andrómenas; debatemos ás veces sobre detalles da vida relixiosa, do culto, da doutrina: se o mal, o demo, anda por aí como tal demo, ou non; se é necesario confesar os pecados a un cura, coma sempre, ou non; se debemos recibir a comuñón na lingua ou na man, se o cura debe andar vestido normal ou con “tirita” etc. Cantas veces facemos da vida cristiá un xogo de debates absurdos, que non levan a nada. E deixamos de lado o que todos ben sabemos que é fundamental: andar con confianza, humildade, xustiza e rectitude diante de Deus, e mirar polo ben da xente como miramos polo noso mesmo ben.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
para que me limpes a ollada,
para que me laves a intención e o corazón.
Quero atinar co que é realmente bo
para min, para a miña xente,
para toda a comunidade, para todo o pobo.
Quero investir o meu tempo, a miña ansia
no que realmente me faga persoa sa,
me axude a axudar a quen me rodea,
e me leve a honrar dignamente a Deus.
Veño onda ti, Xesús,
con confianza, con humildade,
co desexo firme de andar con bo pé polos teus camiños.
Sei que ti nunca me decepcionas.
Grazas, Xesús.

Acción

Podemos mirar se nas cousas da relixión, da vida cristiá, non nos estaremos enredamos en discusións que non levan a nada. Facémonos conscientes diso, para darlle importancia ao que realmente a ten.


28 de agosto: martes da 21ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 23, 23-26

Nunha ocasión dixo Xesús:
--Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagades o décimo pola menta, o anís e máis o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! É isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro. Guías cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!
Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio! Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.

Meditación

Segue o Evanxeo coa crítica aos representantes da relixión xudía do seu tempo. E seguimos nós tamén mirando a ver ata que punto non estamos caendo en cousas semellantes ás criticadas por Xesús hai dous mil anos. Tanto eles coma nós somos xente feita do mesmo pau, temos as mesmas tentacións, e, en concreto, a mesma tendencia a converter a relixión nunha cousa insubstancial, a base de darlle importancia a certos rituais e quitarlla ao fundamental: andar sempre en xustiza, en misericordia, en fidelidade, con nós mesm@s, coa xente que nos rodea, co Deus a quen queremos amar e respectar.
Ao mellor obsesionámonos por todos os detalles do enterro dun familiar, a quen en vida non coidamos como deberamos. Ao mellor cura e xente celebramos unha misa de dez minutos para cumprir cunha así chamada obriga relixiosa, pero non nos preguntamos se Deus, por exemplo, non nos estará pedindo máis atención ao trato que lle estamos dando ás persoas veciñas, maiores e soas. E así máis cousas. Que doado nos é limpar por fóra, coidar as aparencias, e por dentro, no corazón, andar con sucidade, con malicias, con abandonos. A Deus non lle importa que o intentemos enganar; a Deus impórtalle que así non atopemos o camiño da nosa felicidade.

Oración

Grazas, Xesús,
porque miras por nós.
Grazas porque nos corrixes.
Grazas pola xente que, no teu nome,
con paciencia e agarimo tamén nos corrixe.
Grazas por avisarnos
das moitas trampas nas que podemos caer
nas cousas da relixión.
Podemos converter o máis santo no máis obsceno!
Podemos converter os camiños da vida
en camiños de perdición!
Grazas, Xesús,
porque apelas constantemente ao instinto de verdade
que toda a xente, grazas a Deus,
levamos ben gravado no noso íntimo.
Grazas, Xesús, pola túa corrección.

Acción

¿Cómo reaccionamos cando alguén nos critica as trampas nas que caemos coa práctica relixiosa? ¿Temos a humildade e a valentía necesarias para corrixir con respecto o que consideremos malas prácticas relixiosas da nosa comunidade ou parroquia, dicíndollo incluso ao mesmo cura?


29 de agosto: mércores da 21ª semana do Tempo Ordinario. Memoria obrigatoria do martirio de San Xoán Bautista.

Evanxeo: Mc 6, 17-29

Sucedeu que Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
--Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.
Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.
Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
--Pídeme o que queiras, que cho hei dar.
E xurou:
--Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
--¿Qué lle pedirei?
Ela díxolle:
--Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.
E, volvendo onda o rei, díxolle:
--Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración

Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.

Acción

Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


30 de agosto: xoves da 21ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 24, 42-51

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que o acompañaban:
--Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendede que se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.
¿Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? Ditoso o criado a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. Pero, se aquel mal empregado di para si: “O meu amo aínda non vén agora”, e empeza a bourar no servizo, e a comer e beber cos borrachos, o día e á hora que menos pensa chégalle o amo, castígao duramente e mándao coa xente hipócrita. Alí será o pranto e máis o triscar dos dentes.

Meditación

Aínda que o poida parecer, Xesús non anda con ameazas, non é ese o seu estilo. Anda con ofrecementos densos: ofrece a seguridade de sabernos persoas queridas, de sabernos irmáns e irmás, de sabernos persoas convocadas ao gozo do comunitario, á tarefa do comunitaria etc Loxicamente eses ofrecementos, aínda que sexan gratuítos, demandan unha implicación pola nosa banda; piden ser acollidos, atendidos, desenvoltos na nosa vida, para poder gozar vendo como florecen en nós. Vivir ao amparo dun Deus gratuíto non quere dicir vivir de forma abandonada nunha falsa confianza.
Temos unha responsabilidade sobre a calidade da nosa existencia e, en consecuencia, sobre a nosa propia felicidade. Temos unha responsabilidade tamén sobre as persoas que, dun xeito ou doutro, poidan depender de nós para medrar e desenvolverse como persoas: fillos ou fillas, membros da comunidade cristiá parroquial, veciños e veciñas aos que por simple cidadanía lles pertencemos. Debémonos entre nós moito máis do que nos podemos imaxinar. ¿Cómo desempeñamos esta tarefa de atención e coidado coa xente que nos rodea? ¿Andamos ao noso descoidando o dos demais por nugalla ou preguiza e abandono?

Oración

Persoas vixiantes, á espreita, en vela, preparadas,
así nos queres sempre, meu Xesús,
e así queremos ser co teu apoio.
Non sexa que o ben de Deus pete á nosa porta
e nos atope coas portas pechas;
non sexa que o ladrón de esperanzas chegue
e nolas roube por ter a casa aberta.
Persoas sempre fieis, prudentes, servidoras,
así nos queres sempre, meu Xesús,
e así queremos ser co teu apoio.
Coidando o mundo de Deus, a túa casa,
matando fames, calmando sedes,
deixándonos guiar pola xustiza.
Así sempre, ata que ti queiras,
ata que pouse o sol das nosas vidas.

Acción

¿Qué clase de xente somos? ¿Somos persoas abandonadas nas nosas responsabilidades familiares, laborais, eclesiais, sociais? ¿Vivimos ao vaiche boa, buscando o noso pracer e benestar e esquecendo as fames e abandonos que padece tanta xente contemporánea nosa? Seguro que en algo poderemos mellorar, se nolo propoñemos.


31 de agosto: venres da 21ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 25, 1-13

Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
--O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Outra parábola sobre a necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e responder.
Deus fáisenos presente nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida: calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada; calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada, que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben, cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e poderosos co Deus da vida.

Oración

Quéresme, meu Deus,
persoa viva e asentada a un tempo.
Persoa de palabras e de silencios,
persoa de festas e de acougos,
persoa de acollementos e de ofrecementos,
persoa de comunidade e de soidade,
persoa de durmidas e de vixilancias.
Quéresme, meu Deus,
persoa amiga da riqueza da vida,
hábil para sacarlle á vida todo o seu zume,
hábil para no zume da vida
descubrirte a ti e gozar a túa presenza.
Quéresme, meu Deus,
totalmente humana
e así, só así, totalmente túa.

Acción

Estamos acabando o tempo de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?


1 de setembro: sábado da 21ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 25, 14-30

Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
--Unha persoa, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e criadas e deixoulles o coidado da súa facenda. E deulles a cadaquén segundo a súa capacidade: cinco, dous, un talento. Despois marchou.
A persoa que recibira cinco talentos foi deseguida negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito a que recibira dous gañou outros dous. Pero a que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do amo.
Ao cabo de moito tempo chegou o señor daquela servidume pedíndolles conta. Chegou a persoa que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou a persoa que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criada fiel e cumpridora; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”.
Chegou tamén a persoa que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podería coller os cartos e máis os intereses. Quitádelle o talento a dádello a quen ten dez. Porque a quen ten háselle dar abondo; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.

Meditación

Na liña dos Evanxeos destes días, o de hoxe fálanos de non deixar durmir dentro de nós aquelas calidades que cada quen ten, e que estaría ben que puxésemos ao servizo da construción da irmandade dentro e fóra da comunidade cristiá. Non todo o mundo é igual. Non todas as persoas temos calidades para o mesmo, nin temos esas calidades na mesma abundancia. Pero todas e todos temos valía, e o importante é que esa valía que temos a poñamos en xogo, vencendo medos persoais, vencendo resistencias que poden xurdir de nós, ou tamén das persoas e do medio que nos rodee.
Temos unhas comunidades cristiás moi clericalizadas, moi gobernadas para todo por uns clérigos varóns que o gobernan todo, e nós adaptámonos a iso por comodidade, por covardía. Temos unha sociedade civil tamén moi controlada por uns líderes, que fan e desfán sen teren en conta a cidadanía. Na Igrexa urxe que o laicado –tanto homes coma mulleres-- non agachemos as nosas habilidades, os nosos saberes, os nosos poderes, que as poñamos ao servizo dunha comunidade cristiá viva, namorada do noso Deus e das tarefa de irmandade que Deus nos puxo nas mans. Quen pon en xogo a súa capacidade de servir, curiosamente acaba fortalecéndose como persoa servidora, feliz; quen se aforra para o servizo achícase, empobrécese, anúlase como persoa.

Oración

Non,
ti nunca ameazas, Xesús.
O teu foi sempre
gañar por atracción, non por medo.
Grazas!
Ti advirtes, corrixes, alertas, potencias
coma un irmán maior
que nos coñeces a fondo,
que coñeces os nosos medos e covardías,
a nosa tendencia primeira a quedarnos no seo da manta.
Grazas!
Ti, Xesús,
quérenos ver felices
participando, colaborando,
construíndo en común
a casa común da comunidade,
da parroquia, do pobo, da natureza, do mundo.
Grazas!
Con Díaz Castro disnos:
“O universo sería máis pequeno sen ti”.

Acción

¿Sentimos que temos algunha calidade que, ben por preguiza ou nugalla nosa, ben porque alguén nos dá para atrás, non estamos poñendo ao servizo da comunidade eclesial ou civil? Seguro que podemos dar un paso ao fronte para contribuír con esa calidade á fermosura da comunidade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.