6 de xaneiro: Epifanía do Señor
Evanxeo: Mt 2, 1-12
Xesús naceu en Belén de Xudea nos tempos do rei Herodes. E sucedeu que uns sabios de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—Onde esta o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para o adorar.
Cando o rei Herodes oíu isto, alporizouse e con el todos os habitantes de Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
"E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena
entre as vilas de Xudea,
pois de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel".
Entón Herodes, chamou os sabios ás agachadas para saber ben cando se lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
—Ide e informádevos canto poidades dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a adoralo.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Moito se alegraron ao veren saír de novo a estrela! E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e adorárono; despois abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como regalo outro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, regresaron á súa terra por outro camiño.
Meditación
Debaixo deste relato máis simbólico ca histórico hai varias personaxes que o autor nos ofrece para que reparemos con calma neles: os magos representan a sabedoría humana máis exquisita que vén adorar o neno; guíaos unha estrela, é dicir, unha luz que lle nace no corazón e os empuxa cara ao portal; a sabedoría humana recoñece en Xesús unha luz inmensa para a vida que Deus nos regala. Os magos regálanlle do que teñen, pero son eles os regalados por Deus, por Xesús. Nós podemos facer hoxe de magos nese Nadal vivente que podemos reconstruír.
Herodes quere saber do neno, pero non para adoralo, para acabar con el. Herodes pode representar o poder en todas as súas formas e cores, que normalmente non quere saber nada dun Deus tan humanizado, tan feito carne en toda a xente pobre e marxinada do mundo. Tamén nós podemos caer na tentación de facer de Herodes, rexeitando a este neno Deus así presentado en pobreza que nos cuestiona.
As autoridades relixiosas de Xerusalén sabían moi ben onde había nacer o neno, pero non fixeron nada por adoralo. Hai unha relixiosidade que sabe de teorías, de memoria, de rutinas, pero que non se achega de verdade ao berce do neno, ao berce das pobrezas onde Deus se nos amos. Tamén nós, xente relixiosa, podemos caer nesta tentación. Dicimos crer, pero no fondo non adoramos o misterio e a chamada de Deus presentes no rostro daquel neno e en todos os rostros de fraxilidade que abundan no noso mundo.
Oración
Adórote, Xesús, cos magos,
adórote con todos os homes e mulleres do mundo
que te recoñecen na humildade do pequeno
e nesa humildade te acollen e serven.
Adórote con agradecemento.
Adórote e poño ao teu servizo
e ao servizo de toda debilidade
todo o que son e o que teño.
Que a túa estrela me guíe
cara a todos os Beléns viventes da miña historia.
Acción
Hoxe podo ir visitar algunha familia, algunha persoa débil, para agasallala con algo, sabendo, que facendo iso, son eu o que realmente quedo obsequiada pola súa fraxilidade.
7 de xaneiro: luns da Epifanía do Señor
Evanxeo: Mt 4, 12-17.23-25
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
Meditación
Durante esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar, promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na nosa Terra.
Oración
Conta comigo, Xesús.
No que saiba, valla e poida, conta comigo.
Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,
para ser curada e alentada.
Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,
para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,
e todo o mundo poida coñecerte
e, se así o quere, abrirse á túa proposta.
Conta comigo, Xesús.
Acción
Estamos empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?
8 de xaneiro: martes da Epifanía do Señor
Evanxeo: Mc 6, 34-44
Unha vez atopouse Xesús cunha grande multitude e conmoveuse, porque eran como ovellas en pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas. Cando se fixo tarde, achegáronselle as persoas que o acompañaban de cerca e dixéronlle:
—Isto está despoboado e xa é ben tarde; vai ser mellor que despidas esta xente, para que vaian aos lugares e aldeas veciñas, para que merquen algo de comer. Pero el respondeulles:
—Dádelles vós de comer.
Contestaron:
—¿Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
El preguntoulles:
—¿E logo, canto pan tedes?
Fixeron o reconto e dixeron:
—En total temos cinco bolos e máis dous peixes.
El mandounos sentar en grupos na herba. E foron sentando en grupos de cen ou cincuenta. E colleu os cinco bolos e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiu os pans e déullelos ás persoas que o acompañaban de cerca, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre toda a xente. Comeu todo o mundo ata se fartaren, e recolleron doce cestos de sobras de pan e dos peixes. Entre os que comeran os pans había cinco mil homes.
Meditación
Este é o Xesús que se nos ofrece. O que anda entre a xente. O que se conmove cando ve as dificultades de todo tipo nas que a xente pode estar envolta. Entre esa xente estou eu, estamos nós. O que conversa de corazón a corazón, de vida a vida, compartindo as cousas fondas que el leva no corazón como sostén da súa existencia. Así é tamén para nós. O que se embarca e nos embarca na busca de solucións para as necesidades vitais que poidamos ter. O que invita á xenerosidade, á participación, a poñer enriba da mesa común aquilo que a cada quen lle foi dado ou cada quen foi acadando co seu esforzo. O que nos incita a pensar en común, a solucionar en común, a compracernos en común, a festexar en común. O que nos asegura que é así como o pouco se fai moito e aínda sobra, porque hai multiplicacións profundas que van moito máis aló do cálculo matemático. Así é Xesús e así é o seu Deus. Así se nos ofrece. E así, con detalle, o poderemos ir descubrindo no recorrido deste ano que empeza.
Oración
Que nos aproveite o teu pan, Xesús.
Que nos aproveite a túa palabra.
Que nos aproveite a túa compaña.
Que nos aproveite a túa conmoción.
Que nos aproveite a xenerosidade feita vida.
Que nos aproveite a mesa común.
Que nos aproveite a vida toda en común.
Que nos aproveite a graza particular de cada persoa.
Que nos aproveite a túa proposta.
Que nos aproveite o teu espírito.
Que nos aproveites ti, Xesús!
Acción
No mundo hai moitas necesidades, moitas fames. ¿Qué estamos facendo ante iso? ¿Qué poderiamos facer como aprendices do de Xesús? Seguro que podemos dar un paso máis seguindo o seu espírito.
9 de xaneiro: mércores da Epifanía do Señor
Evanxeo: Mc 6, 45-52
Despois de calmar a fame de moitísima xente coa multiplicacións dos pans, mandoulles ás persoas que andaban canda el que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente. E, cando rematou de se despedir, foi orar ao monte.
Fíxose noite e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ao raiar o día foi cara a eles, andando polo mar e fixo como que pasaba de largo. Eles, ao velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma e empezaron a berrar. Mais el de contado faloulles:
—Tranquilos, que son eu, non teñades medo!
E subiu ao bote onda eles. Amainou o vento e todos quedaron completamente abraiados, porque non comprenderan o milagre do pan, polo cerrados que eran para entender.
Meditación
Este segue sendo o Xesús que se nos manifesta, o que andará canda nós os camiños da vida, como fillo de Deus que é, como grande e humildísimo servidor que é. Ten forza porque saca forzas dunha pregaria intensa, dun intenso achegarse ao corazón de Deus. A oración empuxábao á acción solidaria, e a acción solidaria remataba sempre en oración. Este é Xesús, o que se para coa xente. Que precioso sería ver aquel despedirse de Xesús coa xente! Imaxinámolo preguntándolles o nome, de onde eran, como era a súa familia, cales eran as súas penalidades, ofrecéndose, ofrecéndolles o agarimo de Deus, suscitando esperanzas. A aquela xente, a nós tamén. Así é Xesús. Enrédase coa xente, pero non esquece os que reman na barca con medo e angustia. Alí está de novo. Tranquilos, tranquilas, que son eu. Non quita os problemas, pero fortalece para afrontalos. Así con aquela xente. Así con todos nós, homes e mulleres de hoxe, coas nosas particulares angustias e desesperanzas, cos nosos particulares medos.
Oración
Aí estás ti, Xesús.
Sempre.
Sempre.
No momento oportuno,
cando fan falla palabras de amigo,
cando necesitamos alentos e apertas.
Sempre.
Cando os medos nos envolven,
e pasamos por circunstancias dolorosas,
nas que a barca da vida se nos funde.
Aí estas ti, Xesús.
Non é un fantasma.
Sabereite descubrir?
Saberei axudar a que outra xente te descubra?
Acción
Seguro que poderemos buscar maneiras de intimar algo máis con Xesús, para sentilo cerca de nós nos momentos duros da vida. Lendo os evanxeos, oíndo falar del, contactando con persoas que o sigan de corazón, orando… Seguro tamén que poderemos buscar maneiras de estar algo máis preto da xente que estea pasando por horas escuras na vida. Igual é aí onde mellor podemos bater con Xesús, intimar con el.
10 de xaneiro: xoves da Epifanía do Señor
Evanxeo: Lc 4, 14-22a
Pasou que Xesús volveu a Galilea coa forza do Espírito e a súa sona estendeuse por toda a redonda. Ensinaba nas sinagogas e todo o mundo o chufaba moito. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
“O Espírito do Señor está sobre min, porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida, para lle anunciar a liberación á xente encarcerada, para lles dar a vista ás persoas cegas e liberdade ás asoballadas e proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Toda a xente da sinagoga quedou mirando fixamente para el. E empezou a lles dicir:
—Hoxe cúmprese diante de vós a Escritura que acabades de escoitar.
E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca.
Meditación
Hoxe é o evanxelista Lucas o que nos presente o seu Xesús co proxecto que ten para os homes e mulleres do seu tempo, para os homes e mulleres de hoxe, para nós. Este é o Xesús de quen hai poucos días celebramos con gozo o nacemento. E non era para menos. Anuncia un ano de graza de parte de Deus, e el mesmo está comprometido con ese ano de graza. Demostrarao realizando na súa vida o programa que o Espírito lle suxire: levar cambio e esperanza á xente empobrecida das mil maneiras das que unha persoa pode ser pobre. E aí estamos nós tamén. Estamos como persoas empobrecidas, por moi satisfeitas que andemos pola vida. Estamos como persoas invitadas por Xesús a sumarnos a ese seu proxecto de vida, de superación, de liberdade, de festa en Deus. ¿Quedamos tamén coa ollada, co corazón fixo en Xesús? ¿Agradecemos con admiración que as cousas sexan así, que o noso Deus sexa así connosco?
Oración
Grazas, Xesús
pola fonte de vida e de liberdade que hai en ti,
e que deita abundante para todas nós.
Grazas, Xesús,
por achegarte hoxe a min,
á miña comunidade, a todo o pobo
para ofrecernos o que es e o que tes.
Grazas pola ollada de xustiza liberadora
coa que es capaz de ollarnos.
Grazas porque todo isto, tan marabilloso,
tamén se cumpre en nós hoxe.
Grazas.
Acción
Podiamos ver en que cousas nos sentimos persoas pobres, encadeadas, cegas, asoballadas, e tratar con Xesús de cómo superar iso. Podiamos pensar en como nos podemos implicar con Xesús en procesos de mellora para persoas, grupos sociais e pobos que están empobrecidos. Para que así se cumpra en nós a Escritura de Xesús.
11 de xaneiro: venres da Epifanía do Señor
Evanxeo: Lc 5, 12-16
Unha vez, estando Xesús nun pobo, presentouse un home todo cuberto de lepra; ao ver a Xesús, botouse rostro en terra e rogoulle:
—Señor, se ti queres, pódesme limpar.
El estendeu a man e tocouno, dicindo:
—Quero, queda limpo.
E de contado desapareceu a lepra. Logo mandoulle que non lle dixese nada a ninguén, e engadiu:
—Vai, preséntate ao sacerdote e ofrece pola túa purificación o ordenado por Moisés, para que lles sirva de testemuño.
A sona de Xesús espallábase cada vez máis, e era moita a xente que se xuntaba para escoitalo e para que lles curase as súas doenzas. Mais el retirábase aos lugares arredados para orar.
Meditación
No evanxeo de hoxe Lucas conta un caso concreto no que Xesús se mostra levando a Boa Nova a unha persoa especialmente empobrecida, como o era daquela un leproso: enfermo, con enormes dores, so, abandonado, arredado da xente por medo ao contaxio, arredado tamén de Deus por ser impuro. O leproso é unha realidade e ao tempo un símbolo de moitas persoas feridas no corpo e no espírito, desasistidas, desarraigadas da vida social, que moitas veces se senten tamén desarraigadas do mesmo Deus. Xesús rompe esa trama malvada. Aposta en cada persoa –en min, en nós tamén—por unha vida sa, integrada a fondo, e pon o seu ser á nosa disposición; toca, saltándose os costumes relixiosos da época, porque ama, porque quere transmitir vida, porque entende que a xente é máis importante que as normas relixiosas. Un soño, diremos. Si, un soño, pero se algo é propio de Deus é soñar e transmitir soños, e darnos vigor para os ir realizando a diario na propia persoa, nas persoas do noso redor que máis precisen mellorar. ¿Creo neste Xesús apaixonado por min, por cada persoa ferida?
Oración
Alí, Xesús, alí,
alí onde o meu desexo coincide co teu,
alí onde a miña miseria cadra coa túa esplendidez,
alí onde a miña pregaria se xunta coa túa disposición,
buscando os dous o mesmo:
tenrura e coidados,
xustiza, recoñecemento, integración, paz.
Alí quero estar eu, Xesús,
para experimentar o moito que me queres,
para compartir con outras persoas
a proba da esplendidez recibida,
e que o teu ben se espalle
como se espallaba a túa sona de home humanitario
no nome do Deus da vida.
Tócame.
Tócame, di tamén a xente refuxiada.
Acción
Seguro que non nos costa moito atopar ao noso redor persoas actuais con trazos semellantes ao leproso do tempo de Xesús. Seguro que poderemos achegarnos a esas persoas, comprender, abrazar, curar algo, integrar…
12 de xaneiro: sábado da Epifanía do Señor
Evanxeo: Xn 3, 22-30
En certa ocasión foi Xesús a Xudea cos seus discípulos; alí vivía con eles e bautizaba. Estaba tamén Xoán bautizando en Enón, preto de Salín, porque había alí moita auga e viñan moitos a se bautizar. A Xoán aínda non o meteran na cadea. Deuse entón unha discusión entre os discípulos de Xoán e un xudeu a propósito da purificación. Foron onda Xoán e dixéronlle:
—Rabí, fíxate, aquel que estaba contigo na banda de aló do Xordán, de quen ti deches testemuño, está bautizando e todo o mundo vai onda el.
Xoán contestou:
—Ninguén pode apropiarse nada, se non lle vén dado do ceo. Vós mesmos sodes testemuñas de que eu dixen: “Eu non son o Cristo, senón que me mandaron diante del”. O esposo é quen leva a esposa; pero o amigo do esposo –que está presente e o escoita—alégrase coa voz do esposo. Esta é a miña alegría, que agora chega ao máximo. El debe medrar e eu minguar.
Meditación
Hoxe é o evanxelista Xoán quen fai a presentación do Xesús que sae do anonimato e que se mostra á xente como o que é: o Cristo, o Mesías, a persoa que, chea do Espírito de Deus, nos desvela a nosa condición fraterna e nos abre camiños para a poder vivir eficazmente. Xesús empeza bautizando, seguindo o que fora o seu mestre, Xoán Bautista. Xesús fixo un recorrido na súa maneira de entender o que podía facer polo ben da xente. Xesús humilde e buscador. Xoán, que primeiro o acompañou e guiou, percibe o crecemento de Xesús, recoñece o seu propio papel, e non entra en rivalidades absurdas. Xoán e Xesús, ilusionados ambos pola fidelidade a Deus, afanados ambos por lle facer chegar á xente o agarimo liberador de Deus. E nós, todas e todos nós, invitados a entrar nesa roda, para gozar dela, para facela andar e andar. É a roda de Deus. É a roda da xente dos nosos pobos humanizada en Deus.
Oración
Vamos aló, Xesús,
da túa man,
na túa compaña,
na compaña de toda a xente de ben,
crente ou non crente,
apaixonada pola vida,
apaixonada polo pobo,
apaixonada pola xente máis vulnerable do pobo.
Vamos aló, Xesús,
nós contigo,
ti connosco,
como guieiro entendido en amores e servizos,
no nome do Deus da Vida Común.
Vamos aló, Xesús,
veña, vamos aló.
Acción
Posiblemente xa esteamos participando nalgún grupo onde, dunha forma ou doutra, traballemos na liña de Xesús. Se non o facemos, podemos dar o paso de facelo. Se o facemos xa, seguro que podemos intensificar en algo esa participación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.