TEMPO ORDINARIO
O primeiro domingo do Tempo Ordinario
celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo
litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non
nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da
vida de Xesús.
Pero iso non quere dicir que neste tempo
ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por
parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo
as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes
acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos
fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa
comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas
súas grandezas e miserias.
E a carón noso, vai sempre Deus querendo
entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a
construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s
dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.
Para que poidamos gozar e aproveitarnos
dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que
tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano
vai ser especialmente o evanxeo de
Marcos.
Así as nosas vidas pódense ir entretecendo,
compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos
invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.
Que o saibamos aproveitar con humildade e
valentía.
13 de xaneiro: Festa do Bautismo do Señor
Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22
Como o pobo estaba esperando polo Mesías,
empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
—Eu
bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min, e a quen eu
non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con
Espírito Santo e con lume.
Durante un bautismo xeral, e despois de se
bautizar tamén Xesús, mentres oraba abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito
Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz dende o ceo:
—Ti
es o meu Fillo benquerido; en ti me comprazo.
Lucas enmarca a relación de Xoán Bautista
con Xesús dicindo que o pobo estaba esperando un Mesías, e empezaba a pensar se
acaso non o sería Xoán. É importante reparar nesta situación de partida: se o
pobo esperaba un Mesías, era porque as cousas estaban mal para o conxunto do
pobo, para os máis débiles do pobo, que eran a maioría. Esperaban un Mesías,
alguén de fóra que, desde Deus, no nome de Deus, viñese amañar as cousas. Igual
se nos ocorre pensar o bo que sería que as cousas fosen realmente así, e que
desde arriba ou desde abaixo, desde a esquerda ou desde a dereita nos viñese
alguén que maxicamente nos amañase as cousas, cousas que tamén nós temos ben
desamañadas, ben o sabemos. Pero non é así. O mesianismo de Xesús non ten nada
que ver con isto. A súa práctica foi ben outra: apoiarse na forza do Espírito,
para poñerse a traballar lentamente, humildemente pola dignificación persoal e
social, profunda en todo caso, de cada home, de cada muller e, polo tanto,
tamén do conxunto da sociedade. Igual temos que converter as nosas esperas
mesiánicas, e evanxelizalas tamén, acomodalas ao estilo de Xesús.
Xoán declárase servidor do novo, deses
soños de Deus para o conxunto do pobo, do pobo máis débil sobre todo; ou, o que
é o mesmo, servidor dos soños do pobo alentados, vigorizados diariamente polo
Espírito Santo de Deus, que actúa a través dos compoñentes humildes das nosas
loitas de cada día: oracións, afectos, estudos, debates, xuntanzas, plans de
acción, actuacións, participación cidadá, militancia política, revisións, etc.
Estamos invitados todos, todas, a formar parte do grupo dos servidores/ras que
farán posible que pouco a pouco o novo de Deus se faga realidade no medio de
nós, nos nosos pobos. Podemos moito máis do que nos parece.
Pero tamén é certo que temos un líder
marabilloso: Xesús de Nazaré. Xoán Bautista tamén o entendeu e anunciou así.
Xoán, o xusto, o amigo do pobo asoballado, invitaba á conversión, a recoñecer o
propio pecado e a cambiar, e xa non era pouco. Pero o lume que queima o vello e
posibilita o novo, o Espírito que empuxa e vigoriza, o alento que ofrece e crea
vida, a fermosura do novo estaba en Xesús. Xoán anunciouno. Ou, o que é o
mesmo, anunciouno Lucas a través de Xoán. E anunciouno despois de escoitar
falar, de coller as palabras e a admiración das persoas que acompañaron a Xesús
e puideron comprobar a forza da súa personalidade, o apegadísimo que estaba
sempre a Deus, a enorme paixón que sempre tiña, no nome de Deus, polo pobo
pobre, débil, rebaixado, empequenecido. Canto Xesús nos fai falla para os
tempos de hoxe! Canto estamos chamados cada un, cada unha de nós, a deixarnos
arrastrar por el, a deixalo ser a el mesmo nas nosas vidas cristiás!
Lucas, que xa nos comentara nos relatos da
infancia que Xesús ía medrando en corpo e espírito, que xa ía marcando o seu
propio camiño con orixinalidade, continúanos falando agora de como se foi
fraguando este Xesús, líder noso. Rompe coa familia, vai cabo do grupo de Xoán,
apuntase a el coma un discípulo máis, bautízase incluso como persoa necesitada
de conversión fiel a Deus e ao pobo. Un recorrido de crecemento persoal,
crente, que ben poderíamos imitar.
E cóntanos logo Lucas algo que se cadra
Xesús algunha vez puido comentar cos seus seguidores e seguidoras, ou que se
cadra deduciron os primeiros cristiáns e cristiás, coma unha explicación á
potencia de vida e de ben que saía a diario da boca, das mans, dos feitos de
Xesús. Unha experiencia relixiosa desas que se chaman fundamentais, que marcan
a unha persoa de por vida: orando, sente Xesús como que o ceo se lle abre, que
o bo e valente Espírito de Deus o invade, que o amor de Deus o envolve polos
catro cantos do seu ser; séntese fillo amado, benquerido, e ese sentimento
vivido a fondo foi abondo nel para poñer a andar toda a traxectoria da súa
vida. Nunca se desapegaría dese sentimento fondo. Dese sentimento fondo sacou a
diario toda a enerxía para a súa tarefa: facerse valedor da xente máis débil e
marxinal, para que a humanidade puidese ser unha real e limpa
fraternidade. Por que os cristiáns/ás
somos tan frouxos/as? Somos cristiáns/ás a partir dunha experiencia fonda de ser
persoas amadas tolamente por Deus, ou sómolo de oficio, de papel, de tradición,
de palabra? Como podemos humildemente achegarnos ao lume de Deus, como o fixo
Xesús, para que nos quente os corazóns e nos mobilice as mans e os pés para a
acción? O bautismo e a tarefa de Xesús, o noso bautismo e a nosa tarefa tamén.
E canto precisa a nosa sociedade en crise de vidas cristiás sólidas,
convencidas, vivas, repletas de Espírito e de lume!
Oración
Sentirme
amado/a, meu Deus,
fondamente
amado/a,
coma Xesús.
Sentir a túa
presenza,
cálida,
vigorosa,
coma Xesús.
Sentirte coma
un pai, coma unha nai
na miña
historia,
coma Xesús.
Sentir cada
mañá, gratis,
o alento, o
consolo do teu Espírito,
coma Xesús.
Sentirme
mozo/a vizoso/a
para a tarefa
da irmandade,
coma Xesús.
Sentirme
atraído/a, conmovido/a pola xente,
polas súas
dores e alegrías,
coma Xesús.
Sentirme
creativo/a, rompedor/ra,
humilde,
valente,
coma Xesús.
Sentirme do
meu pobo,
agradecido/a,
coidador/ra,
coma Xesús.
Sentirme
fraterno/a,
solidario/a,
universal,
coma Xesús.
Sentirme teu,
totalmente teu,
coma Xesús.
Sentirme en
camiño, en busca,
poñendo os
medios para todo iso,
coma Xesús.
Acción
Podemos recordar hoxe o noso bautismo.
Podemos renovalo dalgunha maneira. Podemos, da man de Xesús, dar algún paso que
nos vincule máis con Deus e coa xente vulnerable, empobrecida.
14 de xaneiro: luns da 1ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 1, 14-20
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a
Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus. Dicía:
—O
tempo está cumprido e chega o Reinado de Deus; convertédevos e crede na Boa
Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea,
viu a Simón e máis a André, seu irmán, que estaban largando as redes no mar,
pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
—Vinde
comigo e fareivos pescadores de xente.
Deixaron de contado as redes e seguírono.
Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e máis a Xoán, seu
irmán; estaban arranxando as redes na barca. E deseguida os chamou. Eles
deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos seus axudantes e seguírono.
Meditación
Vimos de celebrar o nacemento de Xesús e o
Evanxeo de hoxe xa nos sitúa nun momento da súa vida cando, aos trinta anos
máis ou menos, se dá a coñecer como persoa que promove unha nova maneira de
estar e de vivir no mundo: vivir coma xente irmá, queréndose, respectándose,
perdoándose, coidándose, non abusando, mirando pola xente máis débil dos pobos,
poñendo a fe relixiosa ao servizo de todo isto, pois todo isto é o que Deus
quere e alenta; por iso Xesús a este novo plan de vida chámalle Reinado de
Deus.
Esta é a proposta que Xesús nos fai tamén
hoxe a todos nós. Se nos paramos a pensar un pouco, deseguida nos dámos de
conta do que nos pode supoñer a cada un ou cada unha de nós vivir así; seguro
que teremos que cambiar moitas cousas do noso vivir de cada día. Pero isto para
Xesús non é unha carga nin un castigo, é unha felicidade, unha noticia boa,
algo que responde ao máis fondo e limpo que, como seres humanos, tod@s levamos
dentro de nón.
Xesús, hoxe coma onte, busca colaboradores
para este traballo. Búscate a ti e a min. Bate contigo e pídeche que botes unha
man, libremente, que te incorpores a esta tarefa, que é a tarefa máis digna
para calquera home ou muller: facernos irmáns, irmás, no nome de Deus. Que lle
respondes? Que lle respondemos?
Oración
Aquí
estou, Xesús,
conta
comigo.
No
que saiba, valla e poida,
conta
comigo.
Para
a grande tarefa da irmandade,
conta
comigo.
Para
o coidado de miña familia e parroquia,
conta
comigo.
Para
servir a Deus traballando pola comunidade,
conta
comigo.
Aquí
estou, Xesús,
conta
comigo.
Acción
Pensa nas tarefas que cómpre facer na
comunidade da parroquia; pensa nas túas habilidades e capacidades, que as tés.
Se hai algo de traballo comunitario xa organizado, ofrécete; se non o hai, fala
con outras persoas para ver de botar algo a andar.
15 de xaneiro: martes da 1ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 1, 21-28
Na vila de Cafarnaum o sábado foi Xesús á
sinagoga e púxose a ensinar. Toda a xente estaba abraiada da súa doutrina, pois
ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había
naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito e púxose a berrar:
—Que
temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco?
Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
Xesús mandoulle:
—Cala
e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro
moi forte e saíu del. Toda a xente ficou pasmada, e discutían entre si dicindo:
—Que
é isto? Unha nova doutrina exposta con autoridade; e enriba, dálles ordes aos
espírito malos e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse de contado por toda
a rexión de Galilea.
Meditación
Xesús tiña unha palabra firme, clara,
convincente; falaba desde o seu ser máis auténtico, desde unha vida asentada en
Deus e apaixonada pola xente, por toda a xente. Por iso a xente o admiraba
tanto. O seu falar non era coma o dos mestres da lei, nin coma o de moitos de
nós, que moitas veces falamos por falar, pero sen ir ao fondo de nós, nin ao
fondo da vida; sen comprometernos naquelo que dicimos e barullamos. O normal,
logo, é que nos fiemos de Xesús sempre, e que nós vaiamos aprendendo a falar
desde a verdade das nosas vidas e non desde as aparencias nada máis.
Xesús botaba fóra os espíritos malos. Non
pensemos no demo. O espírito malo é todo aquilo que en nós rompe a paz, a boa
preocupación polos demais, o desexo de colaborar na comunidade da parroquia ou
na sociedade; espírito malo é tamén criticar, gozar contando os defectos
doutras persoas; espírito malo é non recoñecer non admitir críticas ou
correccións doutras persoas; espírito malo é non perdoar cando alguén nos
falta, non lle dar oportunidades novas a quen errou na vida etc., etc. Hai
moitos espíritos malos. Todos, todas levamos algún espírito malo connosco, que
nos impide vivir animosos, esperanzados. Por iso tamén todos estamos invitados
a achegarnos a Xesús; el é poderoso para axudarnos a acabar cos nosos espíritos
malos, sexan os que sexan.
Oración
Veño onda ti,
Xesús,
para
que me deas sanidade,
porque
eu tamén teño algún espírito malo
(penso
nalgún espírito malo que crea ter,
e
dígollo a Xesús),
que
me impide ser máis feliz comigo mesmo,
que
me frea para axudar aos meus veciños e veciñas,
que
me leva a ser pouco agradecido contigo, Xesús.
Veño
onda ti, Xesús,
para
ser contigo unha persoa algo mellor.
Acción
Podo escribir nun papel o nome dalgún
espírito malo que crea ter. Ademais de contarllo a Xesús na oración, penso no
que podería facer para irme librando del.
16 de xaneiro: mércores da 1ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 1, 29-39
Despois de saír da sinagoga, Xesús foi á
casa de Simón e máis de André, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na
cama con febre e axiña lle falaron dela. Xesús achegouse onda ela, colleuna
pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto,
leváronlle todos os enfermos e endemoñados. A vila enteira amoreouse na porta e
sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos; pero aos demos
non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
Ergueuse moi cedo, aínda con noite, e saíu
para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e máis os seus compañeiros
foron tras del e, cando o atoparon, dixéronlle:
—Todos
te andan a buscar.
El respondeu:
—Vaiamos
a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para iso vin.
E foi indo por toda Galilea, predicando nas
sinagogas e botando fóra os demos.
Meditación
É esta unha pasaxe preciosa do evanxeo de
Marcos, porque nos describe con sinxeleza como era Xesús, que facía, a que se
dedicaba. E así, vémolo como un veciño máis que vai á casa da xente veciña e
amiga. Vémolo como unha persoa interesada pola saúde, polo benestar da xente
coa que se atopa, e fai o que pode para restablecela. Vémolo preocupado polos
males, desgrazas, traballos da xente, sexa quen sexa, e por iso calquera persoa
se podía chegar a onda el e ser atendida por el. Vémolo especialmente
enfrontado cos "demos", cando os "demos" era todo aquilo
que atacaba a saúde, a harmonía, a boa convivencia, a dignidade da xente.
Vémolo como unha persoa moi amiga de pasar tempos longos de oración con Deus,
de onde sacaba forzas para o que traía entre mans. Vémolo, en fin, desexoso de
compartir tanto ben con toda a xente, coa palabra e cos feitos.
De
todo isto nós podémonos beneficiar moito, pois somos tamén desas persoas coas
que Xesús se atopa e quere remediar. E de paso podemos aprender a vivir algo
coma el, tendo trato con Deus na oración e compartindo coa xente a fe que nos
leva a traballar polo ben da xente, da sociedade, en todo o que poidamos.
Oración
Veño onda ti,
Xesús,
para
que me aprendas a vivir coma ti,
a
orar coma ti,
a
pararme coa xente coma ti,
a
espallar alentos coma ti,
a
rebelarme contra os "demos coma ti,
a
vivir sereno e centrado coma ti.
Xesús,
meu Xesús,
Acción
Visita hoxe a algún veciño ou veciña
enferma, interésate por ela, procura animala, se é posible, rezade algo xuntos,
comparte con ela a túa fe en Deus.
Se coñeces algunha acción, algunha
asociación que traballe de calquera maneira polo ben da xente, non deixes de te
apuntar.
17 de xaneiro: xoves de 1ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 1, 40-45
Unha vez achegouse a Xesús un leproso e
rogoulle de xeonllos:
—Ti,
se queres, pódesme limpar.
Xesús, conmovido, alongou a man e tocouno,
dicindo:
—Pois
quero, queda limpo.
E a lepra desapareceulle deseguida e quedou
limpo. Xesús despediuno advertíndolle con moita seriedade:
—Mira,
non llo digas a ninguén; pero para que conste, preséntate ao sacerdote e fai
pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a
pregoar o feito, espallándoo de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en
ningún pobo, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así
acudían a el de todas as partes.
Meditación
Máis que o que poida ou non poida haber de
milagre neste feito de Xesús, o que chama a atención, sobre todo, era a
facilidade que tiña a xente aflixida para achegarse a Xesús e ser por el atendida.
Neste caso trátase dun leproso, unha persoa que daquela, por mor dos posibles
contaxios, era obrigada a vivir arredada, fóra da comunidade, fóra das aldeas.
Quen ousaba tocarlle a unha persoa leprosa quedaba inmediatamente contaxiado e
tiña que vivir tamén apartado das aldeas e da comunidade. E Xesús, conmovido,
ao ver aquel home, tocouno, contaxiouse e por iso di ao final este relato que
tampouco el podía entrar en ningún pobo. É impresionante este xesto de Xesús.
Faise un coa xente máis marxinada, pasa polas que eles pasan, vive onde eles
poden vivir, que é na inclemencia dos despoboados.
É
admirable a curación daquel home e a súa admiración agradecida que mesmo o
levou a desobedecer a advertencia de Xesús. Pero máis admirable aínda é o
compromiso de Xesús con quen sofre no corpo e no espírito. Nós, todos e todas
nós, podemos ser o leproso que de xeonllos nos achegamos a Xesús. E tamén
podemos ir aprendendo de Xesús a doernos da xente como el se doía.
Oración
Xesús, ti pódesme
limpar,
podes
quitarme de enriba
todo
o que estraga a miña persoa
e
a fai menos familiar, menos comunitaria.
Podes
devolverme o gozo
de
estar ben integrado na parroquia,
e
compartir coa demais xente
todo
o ben que fixeches por min.
Xesús,
ti pódesme limpar,
ti
podes facer de min unha persoa nova.
--Pois
quero, queda limpo.
Acción
Igual coñeces a algunha persoa que por ser
borracha, drogodependente, ou por calquera outra circunstancia vive algo
marxinada na parroquia. Achégate a ela, trátaa sempre ben, saúdaa, pouco a
pouco vai facendo amizade con ela. Aínda que haxa quen te critique.
Oración ao Santo Antón, patrón
dos animais todos
Santo Antón,
Santo Antoniño,
amigo dos
animais,
que o teu
exemplo nos faga
coa bichería
legais.
Que os amemos
e coidemos
con airiños de
irmandade,
eles e nós
construímos
natural
comunidade.
Quen maltrata
un animal,
se as cousas
así se terzan,
maltratará a
veciña
a pouco que
lle conveña.
Os animais
tamén son
criaturas do
Deus santo,
honra a un
quen honra ao outro
tanto monta,
monta tanto.
Contigo, Santo
Antoniño,
deámoslle
bendición
a todos os
animais
presentes aquí
ou non.
Ti que fuches
ermitán
apréndenos no
silencio
a amar e
coidar a vida,
sexa cal sexa
o seu prezo.
18 de xaneiro: venres da 1ª semana do Tempo de
Advento
Evanxeo: Mc 2, 1-12
De alí a uns días Xesús entrou de novo en
Cafarnaúm e sóubose que estaba na casa. Tanta xente se xuntou que nin diante da
porta había xa sitio. El presentáballes a Palabra. Entón chegaron catro persoas
portando un home tolleito, pero, como non podían chegar ao pé de Xesús pola
moita xente que había, levantaron o teito por riba de onde el estaba, abriron
un furado para poderen meter e descolgar o leito co enfermo. Xesús, ao ver a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
—Meu
fillo, quédanche perdoados os teus pecados.
Pero alí sentados estaban algúns letrados
que matinaban para os seus adentros:
—Pero
que está dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón
unicamente Deus?
Xesús decatouse axiña do que estaban
cavilando e díxolles:
—Por
que pensades así? Que é máis doado, dicirlle a este home: quedan perdoados os
teus pecados, ou dicirlle: érguete, colle a padiola e vaite? Pois para que
vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados --dille ao
tolleito--, colle a padiola e vaite para a casa.
E así foi. No instante ergueuse, colleu o
leito e foise á vista de toda a xente, de tal xeito que toda a xente quedou
pasmada e daba gloria a Deus dicindo-
—Nunca
tal cousa vimos.
Meditación
A fe daqueles catro homes que portaban o
tolleito era grande. Grande debía de ser tamén a fe, a esperanza do mesmo
tolleito para prestarse a tales figuras. E Xesús non se queda curto. Se a cousa
ía de abundancias, tamén el pon abundancias. Onde se desexaba a saúde do corpo,
que é unha parte importante da persoa, pero soamente unha parte, el responde
ofrecendo saúde a fondo, dando perdón e restauración espiritual, para envolver
a persoa no convencemento de ser persoa ben querida, por máis que pase
fisicamente por horas malas. Unha cousa, a saúde espiritual, non quita a outra,
a saúde corporal; por iso o relato remata contando como ambas se complementan.
Pero Xesús quere que quede claro que da saúde corporal non somos donos, pero,
contando con Deus, sempre podemos acceder á saúde espiritual, fonte de paz e de
esperanza aínda no medio da dor.
Os letrados aqueles pérdense na súa
sabedoría e son incapaces de comprender as cousas marabillosas que acontecían
diante dos seus ollos dunha maneira tan sinxela. O pobo parece que si algo
percibía: nunca tal cousa vimos.
Oración
Nunca tal cousa
vimos.
Que
saiba, Xesús, calar e contemplar
o
misterio da saúde e da enfermidade,
corporal
e espiritual,
na
miña persoa e na persoa da máis xente.
Que
saiba, Xesús, calar e contemplar
o
misterio da túa presenza en min, en toda a xente,
nas
horas de saúde e nas horas de enfermidade.
Que
saiba, Xesús, calar e contemplar
a
forza de vida que es capaz de facer xermolar en nós,
para
dicir desde a humilde experiencia:
nunca
tal cousa vimos.
Acción
Hai persoas cristiás que
traballan no que se chama "a pastoral da saúde"; pregunta onde hai
algo diso e achégate a algunha desas persoas para que che comente o que fan.
Igual te animas a unirte a esas persoas; e, senón, polo menos verás cousas que
te animarán a ser algo máis comunitario nalgunha cousa.
19 de xaneiro: sábado da 1ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 2, 13-17
Xesús volveu saír para a beira do mar; a xente toda seguía acudindo onda el e el
ensinábaos. Ao pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador cobrando a
contribución, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
Aconteceu que estando Xesús á mesa na casa
de Leví, acompañado dos seus discípulos, moitos recadadores de impostos e
pecadores sentaron con eles, pois eran moita a xente que o seguía. Os letrados
e fariseos, vendo que comía con eles, dixéronlle aos discípulos:
—Como
é que come cos recadadores e pecadores?
Xesús oíunos e contestoulles:
—Non
é a xente sa, senón a enferma, a que precisa médico. Eu non vin chamar polas
persoas xustas, senón polas pecadoras.
Meditación
Mala fama tiñan daquela os recadadores de
impostos, porque representaban o poder abusivo do imperio romano, e ademais era
frecuente que se aproveitasen sacándolle á xente aínda máis do moito que xa se
lles pedía. Algo así coma algúns dos políticos corruptos de hoxe que rouban
mentres para a xente hai recortes e soldos baixos. E vai Xesús e fíxase nun
deses para sumalo ao seu grupo. E vai Xesús e entra na súa casa, xanta con el e
con outros tales, sabendo o moito que une o feito de comer xuntos. Que libre e
valente era Xesús! Como sabía adiviñar o fondo das persoas para petar a esa
porta e sacar de cada quen o mellor que levaba dentro! Procesos admirables, que
os que andaban coa lei na man non entendían para nada, e por iso murmuraban. O
de Xesús era mesturarse coa debilidade, co pecado, coa escuridade e axudar a
que a xente se reconstruíse.
E hoxe pasa o mesmo. Xesús segue a ser o
mesmo con cada un, cada unha de nós. Non se arreda de nós por moi ruíns que
sexamos. E invítanos a facer outro tanto: andar pola vida sen condenar a
ninguén, amigando co fráxil, axudando, no que poidamos, a refacer vidas.
Oración
Gustaríame, Xesús,
ser
libre coma ti,
ser
valente coma ti,
estar
coma ti ao lado da xente ruín
saber
encaixar as críticas coma ti.
Gustaríame
tamén
recoñecer
que en cousas son persoa pecadora,
para
gozar ao ser acollida por ti,
e
así, no pecado, no perdón e no cambio,
sentirme
máis irmán de todos os meus veciños e veciñas.
Gustaríame,
Xesús,...
Que
o teu Espírito me renove en todo!
Acción
Fai un pequeno exercicio. Colle un papel e
nel escribe o nome das persoas coas que ti non queres ter trato ningún, porque
as consideras moi mala xente. Poderías achegarte dalgunha maneira a algunha
delas? Poderías empezar por quitarte da cabeza a idea de que son xente sen
remedio?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.