16 xaneiro, 2019

Tempo Ordinario: 2ª semana



  
20 de xaneiro: domingo 2º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Xn 2,1-11

O terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
            —Non te teñen viño.
Replicoulle Xesús:
            —Muller ¿que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
Súa nai díxolle entón ós servidores:
            —Facede o que el vos diga.
Había alí seis tinas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ó pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
            —Enchede de auga as tinas.
Eles enchéronas de todo.
Díxolles entón:
            —Collede agora e levádelle a proba ó mestresala.
Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou con noivo e díxolle:
            —Todo o mundo pon de primeiro o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixaches o viño bo para agora.
Así fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

Meditación
           
Xesús asiste a unha voda na compaña dos seus discípulos e da súa mesma mai. A voda coma realidade e símbolo do amor, do amor vivido polas persoas casadas e do amor máis amplo, realizado en tantísimos momentos da nosa vida e da vida das nosas parroquias, barrios e cidades, do que nós podemos ser tamén testemuñas e colaboradores. O arranque da labor evanxelizadora de Xesús dáse nun espazo amoroso, vital, festeiro, alentador, esperanzador. Unha invitación para os seus seguidores e seguidoras, a quen nos custa moitas veces manter este ton positivo, esperanzado, atraínte, que chama e contaxia.
Na voda acábase o viño. O símbolo e causante da alegría, da desinhibición, da liberdade, do Espírito, acábase. Queda auga. Como nos pasa tantas veces a nós, que somos xente augada, cristiáns e cristiás augadas, con todo o respecto pola auga que en si mesma tamén a poderíamos considerar coma un símbolo de moitísimas cousas boas, imprescindibles. Pero aquí a auga é o apagamento, a tristura, a que mata o Espírito. Unhas comunidades augadas, unha Igrexa augada. Unha Igrexa que non sabe de alegrías, de festas, de amores, de vodas. Que sabe moito de enterros, de lamentos, de amarguras.
Xesús reacciona dando de si o que sempre dará de si: poder de solidariedade. Non se agacha ante os problemas alleos. E faise o milagre. A auga vólvese viño. A auga dos rituais faise viño de liberdade. Reavívase a festa que empezaba a esmorecer. Os ánimos quéntanse, retómase o baile, os bicos de amor multiplícanse, os soños espértanse, e aquilo volve ser realmente o que era: unha festa do amor, unha voda.

Oración

Que non nos falte o humor, Señor,
a ilusión e a esperanza.
A pesar dos  abusos dos amos do mundo,
que impoñen a súa lei, o seu dominio.
Para estarmos vivos/as do lado da debilidade,
enxugando coa esperanza as súas vidas.
A pesar do que nos custa unirnos
e facer do veciño un irmán querido.
Para gozar coa nosa convivencia
coa graza e co servizo que cada quen aporta.
A pesar da pouca vitalidade da nosa Igrexa,
e de quen dela formamos parte con pouca transparencia.
Para arrimar o lombo humildemente, día a día,
e facer que en nós alume o facho da esperanza.

Acción

Como poderiamos contribuír á ledicia e aos ánimos na nosa casa, na nosa comunidade, no noso barrio ou parroquia? Seguro que se nos ocorre algo axeitado.


21 de xaneiro: luns da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 18-22

Un día no que os discípulos de Xoán e máis os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
Como é que mentres os discípulos de Xoán e máis os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
Xesús contestoulles:
            —Pero, logo, poden os compañeiros do noivo xaxuar mentes o noivo está con eles? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. Xa virá o día no que lles leven o esposo e daquela si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes, a viño novo, pelellos novos.

Meditación

Para Xesús o importante non era cumprir con normas relixiosas tales coma as do xaxún; para el o primeiro, o máis importante, aquilo polo que de verdade había que preguntarse, era se de verdade temos consideración, agarimo, servizo coa xente que nos rodea, maiormente se é xente envolta en calquera debilidade. Para Xesús, aí é onde se xoga o fundamental dunha persoa relixiosa. Porque tal como nos relacionamos coa xente, así, no fondo, nos relacionamos con Deus.
As primeiras comunidades cristiás deseguida tiveron claro que o de Xesús era coma un pano novo que non se podía aplicar a un vestido vello, ou coma un viño novo que non era ben vertelo en pelellos vellos. Cando de todo isto non nos estará pasando a nós tamén? Canto nas nosas vidas cristiás, nas vidas das nosas comunidades cristiás non se fixo xa un vestido vello, un pelello vello, que non aguantan a novidade de Xesús? Cantas rutinas baleiras ocupan o lugar do fundamental na vida das nosas parroquias?

Oración

            Achégome a ti, Xesús,
            para aprender a coñecerme,
            para poder ver canta rutina hai na miña vida relixiosa.
            Porque, se cadra,
            doulle importancia ao que non a ten,
            e réstolla ao que verdadeiramente a ten.
            para poñer no centro de todo o coidado da xente,
            no nome de Deus,
            e así poder avanzar polos teus camiños novos.
            Achégome a ti, Xesús,
            ben sabes ti que facer comigo.

Acción

Repasa as túas prácticas relixiosas. Mira se hai algunha que esteas cumprindo por rutina. Mira se teñen algo que ver ou non con iso de coidar de veras a xente e a nós mesmos no nome de Deus. E limpa a túa vida de cousas sen xeito.


22 de xaneiro: martes da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 23-28

Un sábado cadrou que pasaron Xesús e os seus discípulos por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. Entón dixéronlle os fariseos:
            —Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer en sábado?
El respondeulles:
            —Seica non sabedes o que fixo David, cando el e máis os seus acompañantes se viron apurados e con fame? No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido --pan que só podían comer os sacerdotes-- e repartiu incluso cos seus compañeiros.
E concluíu:
            —O sábado fíxose para o servizo do ser humano, e non o ser humano para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

Meditación

Non entenden os fariseos que os discípulos collan unhas espiguiñas de ao pé do camiño e as debullen para matar un nada a fame; para eles era quebrantar o mandamento que prohibía traballar en sábado. Noutros tempos tamén na nosa Igrexa había normas algo semellantes. Hoxe xa non corremos tanto ese perigo. A práctica relixiosa déixase de lado sen pega ningunha na maioría dos casos.
Por iso para nós o reto é outro: como recuperar unhas boas prácticas relixiosas, esas que humanizan de verdade, esas que están ao servizo da dignidade e da pacificación das persoas, esas que nos axudan a vivir en comunidade, que nos fan xente atenta ás persoas débiles e fracasadas, esas que nos axudan a recoñecer os erros sen fundirnos, esas que nos animan a loitar contra quen quere facer das persoas uns monecos ao mandado do consumo, esas que nos axudan a non rendernos coma paifocos ante unha cultura do fácil, do rápido, do gustoso.

Oración

            E ti, Xesús, segues estando aí,
            aprendéndonos a criticar a relixión,
            cando tamén nos escraviza;
            e aprendéndonos a apegarnos de corazón
            ao Deus da vida,
            que mira pola nosa vida
            como pai ou nai amorosa e solícita.
            Eu quero andar canda ti, Xesús,
            en fidelidade fonda,
            en liberdade fonda.
            Cólleme da man         
            e fagamos xunt@s ese camiño.
            Contigo ao carón todo saíra ben.
            Seguro.
            Grazas.

Acción
           
Pensa de novo nas túas prácticas relixiosas. Repara hoxe naquelas que máis che axudan a medrar como individuo e como persoa comunitaria. Mira como as poderías mellorar, para que de verdade se cumpra en ti iso de que o sábado está ao servizo das persoas e non ao revés.


23 de xaneiro: mércores da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 1-6

Volveu entrar Xesús na sinagoga e alí atopou un home que tiña a man tolleita. Toda a xente estaba observando a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Entón díxolle Xesús ao home da man tolleita:
            —Érguete e ponte no medio.
E preguntoulle a eles:
            —Que está permitido no sábado: facer o ben ou facer o mal, salvar a vida ou  deixar morrer?
 Eles calaron. Xesús, botándolles unha ollada chea de carraxe e tristura debido á dureza do seu corazón, díxolle ao enfermo:
            —Estende a túa man.
El estendeuna, e a man curou. E xa ao saíren da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabar con Xesús.

Meditación

Estamos outra vez ante un caso no que os fariseos, xente moi relixiosa do tempo de Xesús, ven máis importante cumprir certas normas relixiosas (non traballar en sábado, o seu día santo) ca valerlle a unha persoa. Xesús rebelouse contra este tipo de historias; non lle collía na cabeza que unha persoa relixiosa puidese pensar así, por iso di o evanxeo que lles botou unha ollada chea de carraxe ou rabia e tristura. Dáballe mágoa que alguén puidese entender e vivir dese xeito a fe en Deus. A verdadeira fe sempre pon por riba de todo o ben da xente. A fe sempre debe estar ao servizo da vida na xente. Que podemos aprender disto?
Xesús non disimula o seu cabreo e tristura, ao contrario, maniféstao publicamente. Xesús era polémico pola honra de Deus e polo ben da xente fráxil. E aqueles fariseos, no canto de recapacitar, recoñecer os erros e cambiar, o que fan é confabularse con outros para acabar con Xesús. Tamén isto é ben penoso; alguén alumeaba as súas escuridades, pero eles non queren abrirse á luz. Que podemos aprender tamén disto?

Oración

            Ti, Xesús,
            quéresme librar dos perigos da relixión
            abríndome os ollos e o corazón
            para poñer o ben da xente por riba de todo.
            Grazas, Xesús.
            Ti, Xesús,
            apréndesme a cabrearme
            e a manifestar o meu cabreo
            cando a relixión lle faga trampas a Deus
            e á xente máis débil.
            Grazas, Xesús.
            Ti, Xesús,
            chámasme ao  recoñecemento dos meus erros
            cando alguén me chama a atención
            no nome de Deus,
            no nome da xente máis necesitada
            a quen Deus defende por riba de todo.
            Grazas, Xesús.

Acción

Pénsao. Que cres que poderiamos facer e non estamos facendo as persoas crentes polo ben da xente máis débil e necesitada que hai ao noso redor? Cres que poderías facer algo, en por ti so ou uníndote a outras persoas? Faino.


24 de xaneiro: xoves da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 7-12
           
Un día foi Xesús cos seus discípulos para a ribeira do mar, e seguiuno moitísima xente chegada de Galilea e de Xudea. Ao oíren as cousas que facía, acudía a el unha morea de xente de Xerusalén, de Idumea, da outra banda do Xordán e máis da comarca de Tiro e Sión. El encargoulles aos seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña para que a xente non se lle botase enriba, porque curara a tantas persoas enfermas que todo o mundo o quería tocar para quedar así curadas das súas doenzas. Mesmo os malos espíritos se prostraban ante el cando o vían, e berraban:
            —Ti es o Fillo de Deus.
Pero Xesús reprendíaos severamente para que non o descubrisen.

Meditación

As cousas vanlle ben a Xesús. A xente anda a moreas ao redor del; el ten un aquel especial para curar, animar, alentar, motivar a aqueles homes e mulleres que andaban derreadas pola vida, arrastrando tantas veces un corpo ferido e un espírito apoucado. Que é o que estaba pasando? Era o Espírito bo de Deus que se facía presente  naquel veciño aldeán? Como vivía Xesús todo aquilo? Parece como se Xesús tivese as súas reservas con tanto éxito. Vivir sensatamente nos éxitos é tan difícil como vivir os fracasos. E estes habían chegar.
            A vida das nosas comunidades parroquiais non pasa, en xeral, polos mellores momentos. Entre nós son agora multitudes as que parece que non queren saber nada da fe, da Igrexa, e se van arredando dela. Por que pasa isto? Non ollemos para fóra, miremos para a propia casa. Andamos no medio da xente, en contacto coas súas penas e alegrías, como se ve que andaba Xesús, deixándose afectar por elas? Ofrecemos limpamente o aire curador, liberador, que ofrecía Xesús?

Oración

            Veño onda ti, Xesús,
            coas miñas doenzas nas mans,
            coas doenzas tamén de moitos homes e mulleres
            que ti coñeces moi ben.
            Veño esperando contaxiarme de ti,
            algo polo menos;
            contaxiarme da túa curación, do teu alento;
            e, se pode ser,
            contaxiarme tamén un pouquiño
            da túa marabillosa capacidade
            de recuperar corpos e ánimos
            para a saúde, para a esperanza.
            Se puidera ser, Xesús!
            Canto me gustaría!

Acción

Se estás pasando por unha enfermidade corporal ou por un mal momento de ánimos; se na túa comunidade cristiá as cousas non van ben; se na túa asociación, sindicato ou partido político as cousas se torcen, preséntalle todo iso a Deus na túa oración, e compárteo tamén con algunha persoa que te poida alentar. Tamén podes visitar algunha persoa enferma para confortala algo.


25 de xaneiro: venres da 3ª semana do Tempo Ordinario, festa da conversión de S. Paulo

Evanxeo: Mc 16, 15-18
           
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
            —Ide polo mundo enteiro anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. As persoas que crean irán acompañadas destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

Meditación
           
Paulo cambiou na noite para a mañá, pasou de ser un perseguidor das persoas que se dicían cristiás e converterse nun namorado de Xesús e a falar del en todo momento e lugar. Todo isto cóntase no libro dos Feitos dos Apóstolos cunha linguaxe algo milagreira, pero o certo é que Paulo vese iluminado, cae na conta do significado da persoa de Xesús, dedica un tempo a contrastar e madurar a súa experiencia, e logo dedica a súa vida a espallar o nome de Xesús. Algo marabilloso, pero dentro da normalidade de calquera vida humana. Por iso tamén nós podemos aspirar a esa iluminación que o Espírito facilita gratuitamente.
Os sinais das persoas crentes das que fala o Evanxeo poden entenderse así: loitarán contra todo o que destrúa e rebaixe a xente; o seu falar é un falar que sabe a novo, a alternativo, a soños creativos; son ousados, non se encollen ante as dificultades máis bravas; teñen capacidade para pasar por horas escuras sen fundirse; teñen vida, forza, e capacidade de transmitila a quen dela carecen.

Oración

            Grazas por Paulo, meu Deus,
            grazas por todas as persoas honestas;
            grazas pola xente que actúa conforme ás súas conviccións;
            grazas polas persoas abertas ao Espírito,
            e capaces, polo tanto, de renunciar ao que crían sagrado;
            grazas pola xente que cambia,
            de coherencia en coherencia; 
            Grazas polo teu Espírito, meu Deus,
            capaz de facer en nós cousas marabillosas.

Acción

Paulo estaba obcecado, cego, coa súa maneira de entender a Deus. Logo cambiou. Non estarás tamén ti obcecado, cego, nalgunha cousa relixiosa ou non relixiosa? Non te estarás resistindo á luz do Espírito, que é sempre vivo, creativo, innovador?


26 de xaneiro: sábado da 2ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 20-21.

Naquel día Xesús e os seus discípulos fóronse para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente que nin comer podían. E cando o souberon os seus parentes, fórono buscar á forza, porque a xente dicía que perdera o sentido.

Meditación

Si, Xesús estaba algo tolo. Metéranselle na cabeza cousas tolas, como pensar que Deus era por riba de todo un Deus de perdón, achegado á xente en todo;  como pensar que, aínda que sexamos ruíns, Deus espera algo grande de nós e nos acompaña na nosa transformación; como pensar que había que darlle cara a tanto abuso que facía que a xente malvivise con amargura e desesperanza. E botárase polos camiños a contaxiar a xente destas ideas tolas. E a xente arremuiñábase ao redor del. E os seus parentes non viron cousa mellor que facer ca collelo á forza, levalo para a casa, cantarlle as corenta, para que asentase a cabeciña.
Moi probablemente nós fariamos outro tanto. Porque iso é o que normalmente facemos cando alguén remexe as cousas, nos quere sacar das rutinas, tanto nas cousas da igrexa, nas cousas da fe, coma nas cousas da vida corrente, da vida social e política.
Claro que tamén podemos meternos entre a xente que se arremuíña ao redor de Xesús, escoitalo atentamente, e deixarnos envolver no seu afán de cambio no nome de Deus.

Oración
           
            Quen me dese ser un pouco tolo coma ti, Xesús,
            un pouco polo menos!
            Quen me dese poder saír contigo de tanta rutina,
            relixiosa e social,
            na que envolvo a miña vida!
            Quen me dese un chisco da túa rebeldía,
            para facerme máis limpo e verdadeira,
            para axudar a mellorar a sorte de quen máis apanda na vida.
            Veño onda ti, Xesús,
            o toliño de Nazaré.
            Faime un pouco tol@ coma ti.

Acción
           
Observa como falamos normalmente das persoas que rompen algo os moldes tradicionais nas cousas relixiosas ou nas cousas normais da vida. Non te deixes levar por esa corrente. Intenta comprender as persoas innovadoras; quizais Deus te estea ofertando algo a través delas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.