27 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 1,1-4; 4, 14-21
Posto que moitos emprenderon a tarefa de
narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron
desde o principio as testemuñas oculares e máis os predicadores da palabra,
decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos
ordenadamente para ti, ilustre Teófilo, a fin de que coñezas ben a firmeza das
ensinanzas nas que fuches instruído.
Coa forza do Espírito Santo Xesús volveu a
Galilea, e a súa sona estendeuse por toda aquela rexión. Ensinaba nas súas
sinagogas e todos falaban ben del. Chegou a Nazaré, onde se criara e o sábado
entrou na sinagoga como tiña por costume. Ergueuse para facer a lectura e
déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
“O
espírito do Señor está sobre min, pois el foi quen me unxiu para proclamar a
Boa Nova á xente pobre; envioume para lles anunciar a liberación ás persoas
cativas e a vista ás cegas, para lle dar liberdade á xente asoballada e
proclamar o ano de graza do Señor.”
Pechou o libro, devolveullo ao encargado e
sentou. Toda a xente da sinagoga ollaba fixamente para el. Logo empezou a
dicirlles:
—Hoxe
cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
Meditación
Coa forza do Espírito Santo Xesús volve a
Nazaré. Xesús non daba un paso adiante que non fose en total comuñón co
Espírito, que é o alento de Deus na súa vida. Xesús era un home “espiritual”,
sempre atento e colaborador con ese Espírito que o enchía e dinamizaba. Un reto
ben importante para cada un de nós, para cada unha de nós.
Na sinagoga de Nazaré Xesús le e comenta un
texto de Isaías, que lle vale para describir cal vai ser a súa tarefa como home
empuxado polo Espírito de Deus no medio da xente: arrimarse aos grupos máis
débiles da sociedade para que reciban de parte de Deus un respiro, un alento, a
liberación da súa situación indignante: a xente pobre, presa, cega, asoballada
vai ocupar as preferencias de Xesús. E Xesús non se propón facer ese traballo
como dando un consolo espiritualista a esa xente, senón mesturándose con ela,
compartindo as súas miserias, integrándoas no aprecio fondo que Deus lles ten e
loitando para que a sociedade lles ofreza tamén ese aprecio e integración. Nós
somos obxecto desa acción viva de Xesús, e nós estamos tamén convocados a
colaborar con el na mesma tarefa.
Pero a proposta de Xesús non é doada. Tanto
se formamos parte da xente marxinal coma se non, non resulta cómodo apuntarse á
aventura de Xesús. Por iso moitos/as a critican, e por iso quizabes moitos/as
nos quedamos tamén na fermosura das palabras, das ideas, pero realmente non
comprometemos a nosa vida nesas cousas.
Oración
Ámote, Xesús,
atraído polo
Espírito de Deus,
ansioso por
servir ao teu pobo.
Ámote, Xesús,
poñéndote, no
nome de Deus,
do lado da
xente máis débil,
hoxe coma
onte,
onte coma
hoxe,
arrastrado por
unha compaixón fiel,
ao servizo da
cal poñías todo o teu ser,
toda a túa
imaxinación,
toda a túa
vida.
Quero ser das
túas, dos teus,
quero
compartir os teus soños.
Que, coma ti,
nunca lle
peche as portas ao Espírito,
para que na
miña vida humilde
floreza a túa
luz,
irrompa a
humanidade de Deus.
Acción
Pode ser un bo momento para decidirse a ler
de agora en diante, pouco a pouco o evanxeo segundo san Lucas. Unha lectura
atenta, con bo espírito, pódenos axudar moito a comprender a Xesús e a meternos
no seu mundo de pensamento e de acción. Pode ser tamén un bo momento para
decidirnos a frecuentar a xente pobre, presa, marxinal por calquera razón.
Andando con ela tamén bateremos á forza con Xesús.
28 de xaneiro: luns da 3ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 3, 22-30
Os letrados que baixaran de Xerusalén
dicían: “ten o demo no corpo; bota fóra os demos co poder do príncipe dos
demos.”
Xesús chamounos e púxolles estas
comparanzas:
—Como
pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo,
non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non
pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non
pode subsistir e está perdido.
Ninguén pode entrar na casa dun home forte
e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con
canto hai na casa.
Tede por seguro que todo se lle perdoará á
xente: os pecados e cantas blasfemas digan; pero a quen blasfeme contra o
Espírito Santo, nunca se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.
Isto dicíao porque eles acusábano de que
tiña dentro un espírito malo.
Meditación
Iremos vendo como Xesús sufriu a oposición
de moita clase de xente. O que pretendía era unha maneira nova de vivir o trato
con Deus; o que pretendía era unha maneira nova, solidaria a fondo, de vivir o
trato coa xente. Os que máis se lle opuxeron foron precisamente os líderes
relixiosos do seu pobo, porque lles botaba por terra todo o enredo relixioso
que tiñan montado, quizais coa mellor vontade do mundo, pero en definitiva
satisfacendo os seus intereses. No canto de parar a pensar, revisar o seu
comportamento e cambiar, acusaron a Xesús de todo. E non pararon ata acabar con
Xesús nunha cruz.
Ninguén estamos libres de comportarnos desa
maneira en moitas circunstancias e campos da nosa vida. Cando algo ou alguén
pon en evidencia a nosa maneira egoísta de actuar, normalmente poñémonos á
defensiva e volvémonos contra quen tales cousas nos pon diante.
Que isto non teña perdón quere dicir
simplemente que é imposible que un vexa cando pecha os ollos, que un avance
cando senta, que un progrese en humanidade cando lle dá as costas os seus
veciños e veciñas. Así non hai quen ordene e mellore a súa vida.
Oración
Señor,
Señor…
Humildade
para recoñecer os meus erros.
Agradecemento
con quen mos poña diante.
Esforzo
para avanzar na vida.
Coidado
para ser cada día mellor persoa.
Colaboración
para axudar no mesmo a outras persoas.
Gozo
no corpo e no espírito véndome vivo na familia, na comunidade, no pobo.
Señor,
Señor…
polo
teu amor.
Acción
Pensa algo na túa vida. Recordas
algún momento no que alguén che puxese diante algo que fixeses mal, por pereza,
por egoísmo, por abandono, polo que fose? Como reaccionaches? Se reaccionaches
mal, poderías retomar o tema con esa persoa, recoñecer a túa culpa e
agradecerlle o que che dixo?
29 de xaneiro: martes da 3ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: 3, 31-35
(Estando Xesús falando cos letrados) chegan
súa nai e máis os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente
que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir:
—Aí
fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar.
El preguntoulles:
—Quen
é miña nai e quen son meus irmáns?
E, mirando a xente que estaba sentada
arredor del, dixo:
—Velaí
a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o
meu irmán, a miña irmá ea miña nai.
Meditación
A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar,
seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o
sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes
relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta
desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa
para Xesús.
Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia
de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos
moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas
nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando
nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos
chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa
comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha
aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o
querer de Deus.
Oración
Grazas
pola miña familia, meu Deus,
por
todas as persoas que a compoñemos,
cada
unha coa súa graza e coas súas fraquezas.
Grazas
polos coidados que nos dámos,
polos
apoios que nos ofrecemos,
polo
perdón que nos regalamos.
Pobriña
a xente, meu Deus,
que
non conta con familia
ou
que a ten rota e malpocada!
Tamén
esa xente, disme ti,
tamén
esa xente é a túa familia.
Grazas,
meu Deus, pola miña familia así ampliada.
Acción
Podes revisar como te estás levando coa
xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa
da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a
todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao.
30 de xaneiro: mércores da 3ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 4, 1-20
Xesús púxose de novo a ensinar á beira do
mar. Tanta era a xente reunida ao seu carón, que tivo que subir para sentar
nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira.
Ensinoulles moitas cousas en parábolas e instruíaos así:
—Escoitade:
unha vez saíu un labrador a sementar. E resulta que, ao botar a semente, parte
dela foi caendo polo camiño adiante: viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu
entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra
non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz,
secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona e non a
deixaron dar froitos. Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar
froitos: o trinta, o sesenta e aínda o cento por un.
E concluíu:
—Quen
teña oídos para oír, que escoite.
Máis tarde, cando ficou só, os que o
acompañaban xunto cos doce, preguntáronlle polas parábolas. El respondeu:
—A
vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero aos de fóra
soamente en parábolas, de tal xeito que
mirar miren, pero non vexan; escoitar escoiten, pero non entendan, non sexa que
se convertan e se lles perdoe.
E continuou:
—Se
non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras? O
sementador sementa a palabra. As do camiño son aquelas persoas nas que se
sementa a palabra, pero, cando a escoitan, vén Satanás e arrepáñallela. Hai
outras persoas que reciben a semente como terreo pedregoso; son as que ao
escoitar a palabra deseguida a acollen con alegría, pero non teñen raíces, son
inconstantes e mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra,
deseguida abandonan. A outras persoas pásalles como á semente caída entre as
silvas: si escoitan a palabra, pero moi axiña as preocupación do mundo, o
engano das riquezas e máis as ambicións asolagan e afogan a palabra, e non dá
froito. Pero as persoas que son como a boa terra, escoitan a palabra, acóllena
e dan moito froito: unhas o trinta, outras o sesenta e outras o acento por un.
Meditación
A semente é a bondade de Deus, o amor
entrañable que nos ten, e que nos pode
chegar en forma de palabra, pero tamén de feitos. O mellor exemplo da palabra
de Deus é Xesús mesmo, co que el dicía, co que el facía, coa maneira que tiña
de tratar a xente. Xesús é a un tempo o sementador e a semente.
Deus, a vida ofrécenos medios, recursos,
para que nos asentemos e maduremos como persoas cristiás, e deamos froitos que
nos aproveiten a nós mesmas, á comunidade cristiá e civil da que formamos
parte. Pero non todo é doado, hai moitas trampas e enredos que nos poden facer
fracasar. As catro clases de terra da parábola de Xesús permítennos entrar no mundo persoal onde se
cocen os éxitos ou fracasos da vida. En cal desas terras nos vemos máis
reflectidos?
Oración
Quero ser, Señor,
boa terra,
onde
medre a semente,
con
coidados e alertas,
non
vaia ser o demo
que,
feita a sementeira,
polo
si ou polo non
non
asome a colleita
e
a vida se me quede
cal
hucha baldeira.
Quero
ser, Señor,
faime ti,
Señor, boa terra.
Acción
Mira un pouco para ti mesm@. En que clase
de terra te ves máis retratad@. Poderías facer algo para cambiar as cousas?
31 de xaneiro: xoves da 3ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 4, 21-25
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que
o acompañaban:
—¿Acaso
se trae un candil para metelo debaixo dun ferrado ou debaixo da cama? ¿Non será
para poñelo enriba do candeeiro? Pois nada hai oculto, que non se descubra; nin
nada hai secreto, que non chegue á luz pública. Quen teña oídos para oír, que
escoite.
Dicíalles tamén:
—Atendede
ben ao que estades escoitando. Coa medida coa que midades seredes medidos, e
ben sobrado. Pois ao que ten daráselle, pero ao que non ten, aínda o que ten se
lle quitará.
Meditación
Dúas substanciais achegas nos ofrece Xesús
neste pedaciño de Evanxeo. A primeira é que levamos luz en nós, somos fillos e
fillas da luz, somos luz; e non é do caso agochar esa luz que somos e que
levamos. A luz é para expoñerse, sen vaidade, porque nós non somos amos da luz;
pero sen vergonzas parvas, porque grazas á luz duns e doutros, facéndonos
reflexo da luz maior de Deus, podemos facer as nosas vidas, o mundo enteiro
algo máis luminoso e fraterno.
E a segunda é a tan sabida cousa de que
conforme midamos, conforme tratemos á demais xente, ese mesmo trato
recibiremos; e por parte de Xesús non é unha ameaza, como se Deus fose actuar
connosco coa cativeza ou maldade coa que nós actuamos cos demais –só faltaría!--;
é a confirmación de que, cando tratamos con desprezo, abuso, inxustiza á xente,
metémonos nese mundo de mal e nós mesmos estragamos a nosa vida. E así é como o
que actúa sen bondade e sen xustiza, a pouca que teña váiselle achicando; e
quen actúa con bondade e con xustiza, verá como esa bondade e xustiza se
multiplican na súa vida.
Oración
Grazas pola luz
que son, Xesús,
grazas
porque o teu Espírito me fixo capaz
de
animar a alguén,
de
devolverlle a esperanza,
de
alegrarlle a vida,
de
envolvela algo en luz.
Grazas
pola túa advertencia simple
de
medir e tratar a xente que me rodea
co
metro xeneroso de Deus,
coa
mestura humanizadora da tenrura e da xustiza.
Grazas,
Xesús, polo teu Espírito
que
día a día me vai facendo nova criatura.
Acción
Podemos mirar hoxe como tratamos a xente da
casa que convive connosco, as persoas veciñas que máis diariamente tratamos.
¿Podemos mellorar algo ese trato á luz de Xesús?
1 de febreiro: venres da 3ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 4, 26-34.
Díxolles tamén Xesús:
—O
Reino de Deus é coma unha persoa que bota a semente na terra, e, estea durmida
ou esperta, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el
chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba,
logo espigas e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está
achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía Xesús:
—Con
que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza que, cando se
sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes, pero despois de
sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas
pólas tan grandes que na súa sombra poden aniñar os paxaros.
E así con moitas comparanzas coma estas
íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba
máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.
Meditación
Xesús falaba con comparanzas, porque era
unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque,
para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as
comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca
non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o
espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con
humildade.
Outra vez a comparanza da semente, pero
agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda,
pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un
vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en
acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo
cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha
insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a
forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada.
Oración
Eu mesmo son,
Xesús, contigo
semente
miúda, pequerrecha,
que
medra pola noite, polo día,
estea
ou non estea eu esperta.
Eu
mesmo son, Xesús, contigo
agora
gromo, agora verde herba,
agora
espiga que oufana engorda
chea
de grans para o día da colleita.
Eu
mesmo son, Xesús, contigo,
do
teu Reino humildísima presenza,
irmán,
irmá dun mar de testemuñas
que
acolle o refuxiado en cega aperta.
Acción
Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa
ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas
cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha
comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo,
do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo?
2 de febreiro: sábado da 3ª semana do Tempo
Ordinario festa da Presentación do Señor
Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2,
22-32)
Cando chegou o tempo da purificación,
conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao
Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a
todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di
na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e
piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito
Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do
Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno
Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou
a Deus dicindo:
—Agora, Señor,
segundo a túa promesa,
podes deixar
que o teu servo morra en paz,
porque xa os
meus ollos viron o teu Salvador,
o que ti
preparaches para todos os pobos:
luz de
revelación para todas as xentes
e gloria do
teu pobo Israel.
(ata
aquí a lectura breve)
O pai e máis a nai do neno ficaron
abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a
nai:
—Mira,
este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para
ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así
quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Había tamén alí unha profetisa moi vella
chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co
seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta
e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a
Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar
a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do
Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben
criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.
Meditación
Chaman a atención o velliño Simeón e a
velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta
esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos
agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que
nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa
estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á
espera do vento novo do Espírito.
Os nosos tempos son tempos para protexer a
esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita
esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades
cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla
o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa
condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.
Oración
Ai, Virxe da
Candeloria,
Señora,
santa María,
que
a luz que de ti naceu
ilumine
as nosas vidas.
Que
o mundo rural atope
en
Xesús alento e vía
para
afrontar os problemas
que
o premen con teimosía.
Ai,
Virxe da Candeloria,
que
medren o amor e a vida,
cando
os paxaros namoran
e a primavera convida.
Que
coidemos a esperanza,
cunha
fe sinxela e viva,
envolvéndonos
na unión,
no
servizo, na alegría.
Ai,
Virxe da Candeloria,
Señora,
santa María,
nas
túas mans confiamos
as
nosas noites e días.
Acción
Podes acender hoxe unha veliña na túa casa,
que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida
do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño
ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos
mutuamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.