31 de
marzo : domingo 4º de Coresma
Evanxeo: Lc 15, 1-3. 11-32
Os cobradores de impostos e a
xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren; por iso os fariseos e
letrados murmuraban:
—Este
acolle a xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús contoulles esta
parábola:
—Un
home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: “Papá, dáme a parte da
herdanza que me corresponde”. El repartiullos os seus bens. Días despois este
fillo recolleu todo o seu, marchou para un país remoto e alí malgastou a súa
fortuna vivindo coma un perdido. Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame
naquela terra e empezou a pasar necesidade. Entón acudiu a un natural do país
para servir, e este mandouno a unha granxa a coidar porcos. Alí chegou a ter
gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas
daba.
Recapacitando, pensou: “Cantos
xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar e eu morro coa fame. Si, vou volver á
casa do meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non
son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro”.
Levantouse e volveu onda seu pai.
Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e
botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: “Papá,
pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un
fillo”. Pero o pai díxolles aos seus criados: “Axiña, sacade a túnica mellor e
vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Traede o cuxo cebado
para matalo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve
á vida, estaba perdido e atopámolo”. E empezou a festa.
Pero resulta que o fillo máis
vello estaba na leira e cando viña para a casa, oíu a música e máis o baile.
Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: “Éche
que volveu teu irmán e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e
salvo”. Entón alporizouse moito e non quería entrar. Pero o pai, saíndo,
intentou convencelo. El díxolle: “Tanto anos como levo servíndote sen che
faltar nunca en nada, e nin un cabrito me deches para celebrar cos meus amigos;
e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de
mala vida, e matas o cuxo cebado”. O pai contestoulle: “Meu fillo, ti sempre
estás comigo e todo o meu é teu; pero deberías alegrarte xa que este irmán teu
estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo”.
Meditación
Xesús era xenial. Non sabemos que
escribise cousa ningunha. O seu era a palabra directa, viva; o seu era a
fantasía creadora posta ao servizo dun Deus que se lle ofrecera a el mesmo como
inmensamente próximo e coidador das persoas; e o de Xesús era tamén a fantasía
creadora posta ao servizo da mesma xente pecadora, arredada de Deus pola razón
que fose, á que lle quería transmitir con suma viveza que Deus nunca se
arredaba da xente, por moito que a xente non empeñásemos niso.
A parábola merece ser lida con
moita calma, co corazón e coa vida na man, anaco a anaco, case palabra a
palabra. E merece ser lida estando nós, como persoas e como comunidade, moi
dispostos/as a deixarnos tocar por ela. Porque con frecuencia resolvémola dunha
maneira moi simple: ou ben no fondo dándolle a razón ao fillo maior e
situándonos en consecuencia fronte a Xesús e o seu Deus, ou ben deixándonos
envolver por un sentimento fácil do perdón recibido e tamén dado, cousa á que
non apuntan para nada as palabras de Xesús. O proceso que Xesús abre con esta parábola non é nada banal. A
acollida do pai, desbordante de intensidade e emoción, non remata cunha
muiñeira bailada a coro polo grupo das persoas perdoadas e os fieis da casa. A
conmoción do pai inúndao todo, o gozo que iso botou a andar mobiliza a
existencia concreta de cada persoa, e todo empeza a ser novo desde agora, sustentado
no pracer da acollida experimentada e na intuición de que un pode vivir
autonomamente, en familia, en comunidade, desde un marco diferente: non no
marco de quen cumpre e é retribuído por iso, senón no marco de quen descubre
que non hai nada máis marabilloso ca amar e ser amado, perdoar e ser perdoado,
servir e ser servido, dar a vida de mil maneiras cada día, e recibir con gozo a
vida dada por outros e outras de mil maneiras tamén cada día.
Oración
É Xesús mesmo
quen nolo di:
“Fagamos algo
novo,
que a lei do
premio e do castigo aplicada estritamente
só lle vai ben á
xente xusta;
pero ¿quen hai
xusto/a neste mundo?
É hora de soñar,
ollando para as
mans e o corazón da xente.
É hora de
implicarse a fondo
co perdón nas
mans,
coa vida nas
mans,
dispostos/as a
dálo todo,
a loitalo todo,
ata a cruz, ata
a morte,
desde a paixón
tola pola xente débil.
Eu creo nisto.
Eu aposto por
esta novidade.
Quen queira
seguirme, que me siga.”
Acción
¿Como acollemos as persoas que
nos teñen faltado en algo ou que vemos que lle faltan a outra xente? ¿Facemos
coma o pai ou coma o fillo maior da parábola? Se tratamos con dureza a xente
pecadora, é moi posible que ou ben nos creamos perfectos e non reparemos no
noso pecado, ou ben o vivamos con amargura, lonxe do abrazo perdoador do noso
Deus.
1 de
abril: luns da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 4, 43-54
Saíu Xesús de Samaría para
Galilea; Xesús mesmo tiña dito que ningún profeta era honrado na súa patria.
Cando chegou a Galilea, os galileos acollérono ben, pois viran todo o que Xesús
fixera en Xerusalén durante a festa, xa que tamén eles foran á festa. E Xesús
volveu de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.
Había en Cafarnaúm un funcionario
que tiña o fillo enfermo. Oíu que Xesús viña de Xudea cara a Galilea, foino
esperar e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte.
Díxolle entón Xesús:
—Se
non vedes sinais e prodixios, non credes.
O
funcionario insistiu:
—Señor, baixa
antes de que morra o meu meniño.
Xesús contestoulle:
—Vaite,
o teu fillo vive!
O home creu na palabra que lle
dixera Xesús e foise. E, cando xa el baixaba, saíronlle ao encontro os seus
servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. Entón preguntoulles a que
hora empezara a notar a melloría.
Eles respondéronlle:
—Onte,
a iso da unha baixoulle a febre.
Decatouse entón o pai de que
aquela fora a hora na que lle dixera Xesús “o teu fillo vive”, e creu el e máis
toda a súa familia.
Este segundo signo fíxoo Xesús
cando volvía de Xudea para Galilea.
Meditación
Xesús ofrécenos a seguridade de
sermos persoas fondamente queridas. Xesús axúdanos a ver que as persoas, cada
persoa, temos un valor único, que ninguén pode atropelar. Xesús axúdanos a
descubrir as enormes posibilidades que cada persoa levamos no noso interior,
posibilidades que nos fan moi fortes ante calquera atranco na vida. Xesús
axúdanos a descubrir que estamos chamados á unión, á comunidade, e que a
comunidade nos aporta grande felicidade. Xesús ofrécenos un estilo de vida
libre, solidario, agradecido, irmandado, humilde, valente, alegre, resistente,
confiado. Xesús axúdanos a afrontar os límites, calquera límite, que ten a vida
e a encararnos con eses límites con esperanza, sen angustias, porque a pesar de
todo seguimos sendo persoas queridas, ás que sempre nos agarda un espazo de
luz, un corazón amante, un porvir pacificado. Pareceranos todo isto pouco
milagre?
Oración
Xesús,
o meu fillo
morre,
a miña
comunidade cristiá esmorece,
a miña parroquia
achícase,
o mundo rural
vai a menos,
os pobos
desángranse polas feridas das guerras,
as pobrezas
aumentan e aséntanse entre nós,
a conciencia
social debilítase,
os políticos
ceden ante o capital, …
Xesús,
que podes facer
ti?
Que podo facer
eu?
Que podemos
facer nós,
todas e todos
nós?
Acción
Se nos atopamos ante un problema
calquera, persoal ou comunitario, podémonos preguntar que podo, que podemos
facer para abordalo e axudar a resolvelo ou, cando menos, alivialo algo.
2 de
abril: martes da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 5, 1-3.5-16
Celebrábase unha festa dos
xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas,
unha piscina chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. Neles había
unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos Estaba tamén alí un home que
levaba trinta e oito anos enfermo. Xesús, ao velo deitado e sabendo que levaba
xa moitos tempo, preguntoulle:
—Ti
queres quedar san?
Respondeulle o enfermo:
—Señor
eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, para
cando eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.
Xesús díxolle:
—Érguete,
colle a túa padiola e anda.
No intre púxose bo aquel home,
colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. Entón
dicíanlle os xudeus ao que quedara curado:
—É
sábado, non tes dereito a levar o leito.
Mais el respondeulles:
—O
que me curou díxome el mesmo: “Colle a túa padiola e anda.”
Eles preguntáronlle:
—Quen
é o home que che dixo “colle e anda”?
Pero o curado non o sabía, pois
Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. Máis tarde atopouno Xesús no
templo e díxolle:
—Mira
que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.
Foise o home e contoulles aos
xudeus que fora Xesús quen o curara. Por este motivo os xudeus perseguían a
Xesús, por facer estas cousas en sábado.
Meditación
É ben exemplar este relato.
Primeiro porque sitúa a Xesús enredado coa xente que ten problemas na vida,
neste caso uns problemas de saúde que facían especialmente débil e marxinal a
aquel enfermo. Xesús era moi amigo de andar os camiños, de atoparse con xente
envolta en toda clase de debilidades, e a esa xente dáballe o que el sabía e
podía dar: proximidade, confianza, alentos, sanidade; nunca buscando a súa
gloria, senón o benestar da xente, a súa incorporación digna á vida social.
É exemplar tamén este relato,
porque pon de manifesto o enfrontamento entre a relixión oficial e o talante de
Xesús. A relixión oficial tende a poñer por diante as súas normas, as súas
doutrinas, caia quen caia. Xesús pon por diante o ser humano necesitado, cousa
que molesta á relixión oficial, por raro que pareza. Por iso a relixión oficial
foi a por Xesús. Por iso o matou. Pero, por iso mesmo, a súa morte foi e segue
a ser fonte de vida.
Oración
Grazas, Xesús,
porque iluminas
ben o camiño da nosa fe.
Grazas,
porque nos dis
con claridade onde está o importante.
Grazas, Xesús,
porque os teus
ditos e feitos nos chaman ao cambio.
Grazas,
porque nos
axudas a poñer o débil no centro da nosa experiencia relixiosa,
para aí
atoparnos contigo,
para aí
atoparnos con Deus.
Grazas.
Acción
Podemos revisar onde poñemos os
acentos da nosa vida crente. Podemos mirar que lugar ocupa a xente necesitada,
pobre, marxinal nas nosas ansias e horarios de cada día.
3 de
abril: mércores da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 5, 17-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos
xudeus:
—O
meu Pai segue a traballar e eu tamén traballo.
Por iso os xudeus tiñan máis
interese en matalo, porque non só violaba o sábado, senón que dicía que Deus
era seu Pai, facéndose a si mesmo igual a Deus.
Xesús dirixiuse a eles e
díxolles:
—Con
toda verdade volo aseguro: o Fillo non pode facer en por si nada, só o que lle
ve facer a seu Pai. O que este fai, faino tamén o Fillo; pois o Pai ama o Fillo
e amósalle todas as cousas que el fai, e amosaralle obras meirandes ca estas,
para que vos pasmedes. Pois, así como o Pai resucita os mortos e lles dá vida,
así tamén o Fillo dá vida aos que el quere. Pois nin sequera o Pai xulga a
ninguén, senón que delegou no Fillo todo o poder de xulgar, para que todos
honren o Fillo como honran o Pai. O que non honra o Fillo non honra o Pai, que
o mandou. Dígovos a verdade, quen escoita a miña palabra e cre no que me
mandou, ten vida eterna e non
comparecerá a xuízo, senón que pasará da morte á vida.
Con toda verdade volo aseguro:
chega a hora ou, mellor dito, xa é esta a hora na que os mortos escoitarán a
voz do Fillo de Deus e os que a escoiten vivirán. Pois, así como o Pai ten vida
en si mesmo, así tamén lle deu ao Fillo ter vida en si mesmo; e deulle tamén
poder para xulgar, pois é o Fillo do Home. Non vos pasme isto, porque chega o
momento en que todos os que están nos sepulcros escoitarán a súa voz; e os que
fixeron o ben sairán a unha resurrección de vida; os que obraron o mal a unha
resurrección de xuízo. Eu nada podo facer pola miña conta; conforme oio, xulgo;
e o meu xuízo é xusto, porque non procuro a miña vontade, senón a vontade de
quen me mandou.
Meditación
As primeiras comunidades cristiás
fóronse decatando, case desde o primeiro momento, da vinculación profunda que
existía entre Xesús e Deus; para describila dalgunha maneira, gustoulles a
asociación íntima entre un pai e un fillo. Todo o que Xesús foi capaz de dicir,
de falar, toda a súa enorme rebeldía, toda a súa humildísima forma de servir,
toda a súa tenrura coa xente máis deteriorada na vida, toda a súa protesta
contra os poderes que privan a xente de dignidade, todo o seu enfrontamento
contra a maldade, contra o pecado, todo, todo, era o que el aprendeu do Pai,
nos seus tempos e días de silencio, de escoita, de intimidade, de convivencia.
Quen coma Xesús! Si, pero esa
intimidade co Pai é agora un camiño aberto, polo que podemos avanzar. Temos
camiño e temos guieiro. Temos ruta e temos forza para andala, o Espírito que
Xesús mesmo nos ofrece gratis.
Oración
Quen coma ti,
Xesús,
quen coma ti!
Dócil aprendiz
do Pai,
ousado seguidor
das súas suxestións,
bravo na defensa
dos últimos,
humilde para
todo servizo,
esquecido sempre
de ti mesmo,
con tal que a
vida medre
nas mans da
xente que carece dela.
Así onte e hoxe,
Xesús,
porque segues
traballando
e invítasnos ao
mesmo.
Quen coma ti,
Xesús,
quen coma ti!
Acción
Estando ao lado de Xesús, grande
traballador, podémonos preguntar cal está sendo a nosa implicación na vida da
comunidade cristiá, na marcha do pobo, do Concello, da sociedade da que
formamos parte? Somos xente traballadora, ou xente preguiceira? Deberiamos
implicarnos algo máis? En que?
4 de
abril: xoves da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 5, 31-47
Nunha ocasión díxolles Xesús aos
xudeus:
—Se
eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. Pero é
outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é válido o testemuño que dá
de min.
Vós mandastes xente a
preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. Non é que eu apele ao
testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. Xoán era o facho
que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. Mais eu teño
un testemuño máis importante ca o de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou
de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do
Pai. E o Pai, que me mandou, dá testemuño a favor de min. Pero vós nin oístes
nunca a súa voz, nin vistes o seu rostro, e tampouco conservades a súa palabra
en vós, porque non credes naquel que El mandou. Estudades as Escrituras,
coidando que nelas tedes vida eterna; pois esas son as que testemuñan a favor
meu e vós non queredes vir a min e así ter vida.
Non é que eu espere gloria dos
homes; pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus. Eu veño
no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese
recibirédelo. Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros e non
procurades a gloria que vén do único Deus? Non coidedes que vos hei acusar ao
Pai; quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza. Pois se vós
crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el. Mais
se non fiades nos seus escritos, como ides crer nas miñas palabras?
Meditación
Son moi duros os reproches contra
os xudeus que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús, nun momento en que había
un grande enfrontamento entre os xudeus a as primeiras comunidades cristiás:
non o acollen, non reparan nas obras que fai, nunca oen a voz do Pai, non cren
nel, buscan a gloria mundana, non está neles o amor de Deus, non lle fan caso ao mesmo Moisés … Seguro que tamén entre
os xudeus habería de todo.
A nós o que nos importa é ver ata
que punto nós acollemos ou non a persoa e o estilo de vida de Xesús, e por que
o facemos. Convéncenos o seu estilo de vida tan limpo de calquera comenencia e
tan dado ao servizo no nome de Deus? Convéncenos o exemplo que ao longo da
historia nos foron dando persoas que se fiaron a fondo de Xesús? Convéncenos
Xesús porque imos experimentando algo de Deus, e Xesús sábenos a Deus?
Convéncenos Xesús porque vemos que realmente nos dá paz, alentos, vida?
Convéncenos Xesús porque vemos que, ao
seu lado e ao lado de quen facemos comunidade con el, facémonos persoas
máis vivas, honradas e solidarias?
Oración
Veño onda ti,
Xesús,
cheo de
contradicións:
digo que te
creo, que te quero, que te sigo,
pero logo, ao
longo do día e dos feitos,
a miña fe en ti
é cativa,
o meu amor por
ti sabe a pouco,
a miña vontade
de seguirte atráncase con frecuencia.
A de cousas que
o teu evanxelista Xoán
me podería botar
en cara!
Pero, aínda así,
aquí estou,
co meu pecado
nas mans
dicíndoche unha
vez máis:
creo en ti,
quérote,
quero seguirte.
Acción
Coñecémonos máis ou menos ben.
Daqueles comportamentos nosos que máis chocan co estilo de vida de Xesús
podemos escoller un para ver de cambialo.
5 de
abril: venres da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 7, 1-2.10.25-30
Nunha
ocasión recorría Xesús a Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os
xudeus queríano matar. Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada das Tendas.
Cando os seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non
manifestamente, senón en secreto. Algúns dos habitantes de Xerusalén
comentaban:
--Non
é a este a quen intentaban matar? Pois mira como fala á vista de todo o mundo e
máis non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer
que el é o Mesías? O caso é que este sabemos de onde é, mentres que o Mesías,
cando veña, ninguén saberá de onde é.
Entón
Xesús berrou, mentres ensinaba no templo:
--A
min coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non vos vin pola miña conta; a
min mandoume o Verdadeiro, a quen vós non coñecedes. Eu coñézoo, que de onda el
son e foi El quen me mandou.
Daquela
trataban de prendelo, pero ninguén lle botou man; aínda non chegara a súa hora.
Meditación
Nas nosas vidas hai moitas cousas
que non damos comprendido, misteriosas. Nacemos da nosa nai, do noso pai, pero
cal é a fonte do noso ser? Cal é o fondo que nos sostén e anima día a día
durante a nosa vida? A onde imos parar cando o noso corpo se esgota e a morte
pon o punto final á nosa existencia terrea? Que vai ser deste noso ser tan
particular, pois non houbo nin haberá no mundo outro ser coma min?
Xesús
percibiu con claridade que a súa fonte estaba en Deus. E que viña de Deus coa
tarefa de que a xente toda descubrísemos e vivísemos esa vinculación fonda con
Deus, que lle dá sentido, verdade e enteireza a toda a nosa vida. Irmáns e
irmás todas nesta gran familia humana que se realiza en cada casa, en cada
parroquia, en cada pobo. Iso era o máis importante, o único importante de toda
relixión.
Oración
Quero aprender
de ti, Xesús,
a vivir ben
asentad@ en Deus.
Quero aprender
de ti,
a facer da fe
unha escola de escoita,
de rebeldía e de
obediencia.
Quero aprender
de ti, Xesús,
a ser eu mesm@,
na miña
particular grandeza
na miña singular
indixencia,
sempre ao calor
de tod@s,
sempre en débeda
con tod@s.
Por iso aquí
estou, Xesús, onda ti,
apréndeme.
Acción
Pásanos ás veces que nos
rebelamos contra quen nos di cousas que nos descolocan, tanto no campo da fe,
coma noutros campos da vida. E tendemos a querer quitar do medio a esas persoas
innovadoras. Sería ben que mirásemos se con algunha persoa nos está pasando
iso. Podemos cambiar. Faranos ben.
6 de
abril: sábado da 4ª semana de Coresma
Evanxeo: Xn 7, 40-53
Nunha ocasión algúns de entre a
xente que oíran as palabras de Xesús dicían: “Este é verdadeiramente o
Profeta.” Outros dicían: “Este é o Cristo.” Outros, en cambio, dicían: “pero é
que o Cristo vai vir de Galilea? Non di a Escritura que o Cristo ha vir da
descendencia de David, e de Belén, a vila de onde era David?”
E houbo división no pobo por
causa del. Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans. Foron
entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles
preguntáronlles:
—Por
que non o trouxestes?
Respondéronlle os gardas:
—Nunca
ninguén falou así coma este home.
Respondéronlles os fariseos:
—Seica
vos engaiolou tamén a vós? Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos
crese nel? Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.
Un deles, Nicodemo, o que fora
primeiro onda el dixo:
—Desde
cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?
Respondéronlle:
—Tamén
ti es de Galilea? Pois estuda e verás como de Galilea non sae profeta ningún.
Meditación
Pasa con frecuencia que queremos
contentar a todo o mundo, e por iso non nos definimos, e por iso andamos con
branduras e acomodacións. Pretendemos ser fieis ao estilo de vida de Xesús,
pero ao mesmo tempo queremos funcionar cos criterios do mundo. Xesús non era
así; falaba con firmeza, situábase con forza do lado da xente máis débil,
amosaba claramente que iso era o que o mesmo Deus acendía no seu corazón. E
facíao sen medo a crear conflito, como realmente o creaba. Pero iso era o que á
posta quería: que a xente pensase e se fose definindo.
Que ben nos viría que, como
persoas e como comunidades cristiás, seguísemos este talante de Xesús! Canto
ben nos fariamos a nós mesmos e á demais xente se fósemos claros e contundentes
nas nosas opcións, sen desprezar a ninguén, pero sen agochar para nada o don do
Evanxeo que Deus nos puxo nas mans para facelo chegar aos nosos contemporáneos
o máis limpo posible!
Oración
Nunca ninguén falou coma ti, Xesús!
Coa mesma paixón por Deus.
Coa mesma paixón por cada home ou
muller
cos que te fuches cruzando pola
vida.
Coa mesma paixón por min.
Nunca ninguén soubo xuntar coma ti
palabras e feitos
nunha idéntica fidelidade.
Grazas, Xesús,
á sombra do teu ser quero acollerme.
Acción
Podemos mirar se nalgún aspecto
da nosa vida relixiosa ou civil non somos claros, non falamos conforme ao que
pensamos, simulamos para non significarnos, para non provocar rexeites. Tamén
aquí seguro que poderemos poñer máis verdade na nosa vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.