19 de
maio: domingo 5º de Pascua
Evanxeo: Xn 13,
31-33ª. 34-35
Cando Xudas saíu
do lugar onde cearan, dixo Xesús:
—Agora queda
glorificado o Fillo do home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda
glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus
fillos, só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos
entre vós; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerá todo o
mundo que sodes os meus discípulos, en que vos tedes amor entre vós.
Xesús, agora a
través das palabras de Xoán, pero en todo momento e de mil maneiras, estanos
recordando que o que nos caracteriza a quen somos de verdade seguidores/as del
é o amor. O amor que nos propón ten unha referencia importante, que é a súa
propia persoa, o seu propio estilo de vivir, as súas maneiras de entender e de
realizar o amor día a día, momento a momento, durante toda a súa vida. Os
evanxeos, que imos coñecendo ben, fálannos disto con toda claridade. Xesús
ofrécenos o amor/servizo coma unha forma de sermos persoas cristiás, coma unha
forma de sermos membros da comunidade cristiá na que estamos participando, coma
unha forma de levar cara a fóra a nosa convicción de vida, coma o miolo da nova
evanxelización que dicimos nestes tempos. E vémolo ben claro, o que realmente
ennobrece a experiencia relixiosa, o que a fai crible para a xente dos nosos
tempos e de todos os tempos, nas nosas parroquias, nos nosos pobos, son as
persoas que aman e serven en seguimento de Xesús, no nome do Deus no que din
crer. Xoán, Xesús mesmo a través del, proponnos un grande reto: ¿aceptamos
vernos e vivirnos hoxe nos tempos que corren como persoas de servizo? Que pode
significar para todos/todas nós facer esta aposta? Que teriamos que cambiar,
que teriamos que intensificar?
Só a
consistencia interior nos permitirá vivir no día a día ao estilo de Xesús. E só
a vivencia diaria do estilo de Xesús nos permitirá ir adquirindo unha
consistencia interior, cristiá, a proba de loita, de cruz e de morte. Coma
Xesús.
Oración
Grazas, Xesús,
por nos contar
as túas cousas, as túa intimidades,
poñendo ao noso
alcance a riqueza de vida
que levabas e
levas dentro de ti.
Grazas por ese
fondo de amor
que era e é a
razón de ser da túa existencia toda,
ao que ti lle
deches confiadamente o nome de Pai/Nai.
Grazas pola túa
intensa fidelidade
ao amor que
levabas nas túas entrañas,
sen te arredares
nunca del,
sen xogar con
el, sen banalizalo nunca.
Grazas, Xesús,
porque para ti
o amor nunca foi
palabra baleira,
nin palabra
falsamente consoladora,
nin concesión
narcisista ao teu propio egoísmo.
Grazas, Xesús,
porque nos desentrañaches o amor,
nolo ofreciches
limpo e encarnado.
preñado de
vivencias interpersoais fondísimas
e aberto sempre
ao grupo, ao social, ao comunitario.
Grazas, Xesús,
polo teu amor limpo e forte.
Que nos deixemos
coller e arrastrar, Xesús,
pola forza e
limpeza do teu amor!
Acción
¿En que cousas
podemos ver e demostrar que somos persoas que nos amamos entre nós, e, máis
aínda –como o mesmo Xesús tamén nos pedía--, que amamos incluso a persoas ou
grupos sociais que non pensan coma nós, que nos odian, que nos rexeitan?
20 de
maio: luns da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 14, 21-26
Nunha ocasión
díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Quen ten os
meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao o meu Pai e
amareino eu e manifestareime a el.
Xudas, o outro,
non o Iscariote, preguntoulle:
—¿Qué pasou,
para que ti vaias manifestarte a nós e non ao mundo?
Xesús
respondeulle:
—Se
alguén me ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onda el e
faremos vida con el. O que non me ama non garda as miñas palabras; e a palabra
que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou.
Díxenvos estas cousas mentres estaba
convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome,
ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen.
Meditación
Deus non lle
nega nunca o seu amor a ninguén; Xesús tampouco. O interese de Deus, que Xesús
defendeu ata a morte, é que a xente, toda a xente, sexa da raza, da relixión,
da condición social, da fala, do sexo que sexa, realice día a día o soño da
unidade. Iso supón coñecerse, respectarse, valorarse na diferenza, sabernos a
todas e todos parte dun proxecto común; supón deixar que as cordas da
solidariedade vaian tecendo as nosas vidas; supón romperse a cabeza e o corazón
e as mans para que ninguén quede fóra, á marxe desta dignidade imprescindible.
E así, queréndoo ou sen querelo, estamos pronunciando o nome de Deus, estámolo
honrando, estamos deixando que o seu Espírito de vida se multiplique entre nós.
Deus vivirá na nosa vida e nós na del; con Xesús faremos vida en Deus.
Deus non lle
nega a ninguén este soño humanitario, divino. Nós, sendo crentes ou sen selo,
si que podemos arredarnos del e montarnos as nosas historias, sempre, case
sempre, con aires de prepotencia e de indiferenza. E así nos irá. Así nos vai.
Oración
Cáusame moito
iso que nos dis, Xesús,
de que ti co Pai
estades dispostos a vir onda min
e a facer vida
comigo.
E éncheseme o
corazón pensando:
Deus facendo
vida comigo!
Deus invitándome
a unha compenetración absoluta
coa natureza,
cos animais, coa xente,
coas persoas
máis débiles,
con Deus mesmo,
e Xesús polo
medio
enchéndoo todo
de luz e de sentido!
Como será iso,
Xesús,
como será
posible vivilo día a día?
Que o teu
Espírito me anime a experimentalo
con humildade,
con ousadía!
Acción
¿Estamos enredad@s con Xesús, con Deus,
nesta súa proposta de unidade a todos os xeitos, ou estamos enredad@s en
historias de confrontación, de dominio, de desprezo pola razón que sexa? ¿Como
poderiamos mellorar á hora de vivir o soño de Xesús?
21 de
maio: martes da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 14, 27-31a.
Na conversa de
despois da derradeira cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Déixovos
a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo. Non vos
angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen voume e logo volvo onda
vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é
máis ca min.
Díxenvolo
agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. Xa non falarei
moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten
nada, máis é para que saiba o mundo que
eu amo o Pai, e que eu fago o que o Pai me mandou.
Comentario
Xesús tivo unha
vida moi complexa. Bateu coa incomprensión de moita xente, co rexeitamento de
moitas persoas, co odio radical de algúns, que buscaron a maneira de acabar con
el; o que o evanxelista Xoán chama “o príncipe deste mundo”, ese misterioso
fondo de mal que a todos nos fire, nos reclama e mesmo nos emboba ás veces. E
Xesús, con todo, fala de paz, da paz que el dá, que non a dá como vulgarmente a
podemos dar nós, pero que é paz substancial, fonda, auténtica, que pode medrar
mesmo nos corazóns azoutados por situacións tan complexas como as que Xesús
viviu.
¡Ai, quen
puidese ter esa paz! Pois Xesús ofrécenola, compártea connosco, dánola.
Oración
Grazas, Xesús,
pola paz que nos ofreces.
Canto a
necesito,
para serenar os
meus ánimos,
para encarar as
complexidades do día a día,
para asumir
contrariedades, fracasos e derrotas,
para durmir en
paz, na túa paz,
a pesar de todo,
para erguerme de
novo ao día seguinte
e volver á
tarefa,
pacificado,
confiado,
esperanzado!
Si, Xesús,
dáme a túa paz
como ti sabes dála.
Acción
Igual podiamos
pensar hoxe nas cousas que normalmente nos quitan a paz, o humor, a forza para
o bo da vida. Que bo sería que o falásemos en grupo, que en grupo descubrísemos
o xeito de nos facer máis xente de paz ao estilo de Xesús!
22 de
maio: mércores da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 1-8
Nunha ocasión
dixo Xesús:
—Eu son a
verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito
arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leva máis froito aínda. Vós xa
estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en
vos.
Así como a vara
non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco,
se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min
e eu nel ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se
alguén non permanece en min, tírano fóra, como as varas, e seca; apáñanas,
bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen
en vós, pedido o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en
que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.
Meditación
As persoas
cristiás somos as varas da cepa, que é Xesús, do viñateiro, que é Deus. Podemos
gozarnos e chufarnos de que as cousas sexan así, de que Deus quixese ter esta
vinculación tan fonda connosco, que frutifica en nós, que a través de nós pode
ofrecer ao mundo tantas cousas boas. Unha gozada e unha responsabilidade.
Porque hai varas na cepa que non dan froito, que non valen para nada, que o
labrego corta e bota ao lume. Como hai homes e mulleres cristiás que
desmerecemos a nosa condición cristiá e a reducimos a nada, a un título de
bautizados que non significa case nada para nós. E non é que Deus sexa quen
corte a vara e nos arrede del; non, Deus nunca fai iso. Somos nós os que
cortamos as veas polas que a “savia” de Deus chega ata nós e quedámonos
estériles no mundo, para nós mesmos, para os demais.
Ao lado das
varas que o labrego corta e tira están as outras varas que poda, para que dean
froito, porque curiosamente a vara longa, que medra e medra, que pode parecer
espléndida, se non se lle cortan os voos, tampouco non dará froito; ao máis,
uns cangallos de nada que á hora da vendima pouco renden. É esa sabedoría de
darse, de baleirarse, de desentenderse de si mesmo, para facerse en Deus
abundante para os demais e tamén para unha mesma.
Oración
O que eu quero,
Xesús,
ben ti o sabes:
poder pasmarme
ante Deus
que en todo está
e que o é todo;
poder pasmarme
ante a xente débil,
na que Deus me
fala e clama;
poder liberarme
do ego que me escraviza
e me arreda da
comunidade;
poder romper con
iso de “fichar” a xente,
que me distancia
de millóns de persoas;
poder vivir no
silencio, na humildade, na dispoñibilidade
como forma
revolucionaria de vida.
Pero ti que
sabes o que eu quero
sabes tamén o
pobre que son para poder acadalo.
Conto contigo.
Acción
Hoxe podemos
reparar nalgún froito bo que estamos dando por permanecer unidas a Xesús, a
Deus. Agradecemos esa vinculación entre Deus e nós que nos permite frutificar e
animámonos a seguir dando froitos.
23 de
maio: xoves da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 9-11
Díxolles Xesús
ás persoas que o acompañaban:
—Como me amou o
Pai, así vos amei eu; permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos,
permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e
permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en
vós e a vosa alegría sexa plena.
Meditación
Xesús estamos
ofrecendo cousas ben substanciais para a vida de calquera persoa; hai uns días
falábanos de paz, da súa paz, que pode ser que non coincida co que vulgarmente
entendemos por paz. Hoxe fálanos de amor e de alegría; calquera das dúas
cousas, amor e alegría, entendidas ao estilo de Xesús. Un amor, que non é
brandura sentimental sen máis, senón que se amosa no feito de estar e vivir no
amor-servizo de forma permanente, para entrar no posible na medida sen medida
que Deus Pai/Nai lle dá sempre ao amor. E
a alegría como unha realidade redonda, plena na nosa vida, non coma unha
banalidade de paso: que a alegría de Xesús asente en nós.
Oración
Paz, amor,
alegría,
que ben podelas
vivir
onda ti,
contigo, en ti,
Xesús!
Que ben poder
encher con elas
cada mañá,
cada mediodía,
cada solpor e
noite!
Que ben podelas
compartir
con quen delas
precise,
como ti as
compartes comigo,
connosco.
Grazas, Xesús.
Éncheme da túa
paz,
do teu amor,
da túa ledicia.
Acción
Podemos buscar a
maneira de levar hoxe algo de paz, de amor e de alegría a calquera persoa que
dela precise, e coas formas materiais ou espirituais que nos parezan máis
oportunas.
24 de
maio: venres da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 12-17
Naquel tempo
díxolles Xesús aos seus discípulos:
Este é o meu
mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor
meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se
fadedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que
fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai
déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a
vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza, de
xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos
isto: que vos amedes uns a outros.
Meditación
As normas, as
leis, os regulamentos pódense facer necesarios para o bo funcionamento dun
grupo, dunha comunidade, dun pobo. Pero o esencial é o amor. O máis importante
é poder mirar sempre á persoa que temos diante con sumo respecto, con afecto,
con entrañas de misericordia, con tenrura, tanto cando coincida connosco no seu
ideal de vida coma cando non. Antes de nada e por riba de todo é un irmán, unha
irmá.
Sería normal que
nisto as persoas cristiás fósemos verdadeiras especialistas. A nosa fe aséntase
no convencemento de que Deus é para toda a humanidade, para toda a creación,
coma un Pai, coma unha Nai que nos quere sen distincións, sexamos bos ou non,
cumpramos ou non cumpramos canto el nos manda. A nosa fe cristiá céntrase na
confianza íntima que temos con Xesús, que nos amou ata o punto de non recear
afrontar a morte por manterse no amor.
O amor é o
primeiro. Certo, pode ser maltratado, manipulado, vivido comenenciudamente.
Cómpre coidalo, para non convertelo nun xogo barato que a nada nos leva. Xesús
soubo e sabe de amores. Intimando con el, aprenderemos a amar ben.
Oración
Non me queres
como escrava, Xesús,
quéresme como
amiga.
Grazas.
Viviches a túa
vida envolta en servizo
pensando en
todos,
pensando en min.
Grazas.
Trátasme como a
persoa amiga,
como a persoa
escollida,
compartes comigo
as túas ansias e praceres.
Grazas.
Quéresme viva e
exuberante,
cargada de
amores e solidariedades.
Grazas.
¿Saberei estar
no meu sitio,
corresponder con
amor a tanto amor,
con solicitude
polos demais
a tanta
solicitude como ti tes por min?
Xesús,
apréndeme o
amor,
apréndeme o
servizo,
apréndeme a
amizade.
Acción
Para revisar a
nosa amizade con Xesús, con Deus, podemos empezar por revisar as amizades que
temos coa xente. ¿Cómo as coidamos? ¿Como medramos nelas? ¿Como as gozamos?
25 de
maio: sábado da 5ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 18-21
Naquel tempo
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se o mundo vos
aborrece, sabede que me aborreceu a min antes que a vós. Se fósedes do mundo, o
mundo amaríavos como cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso
o mundo aborrécevos. Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior
có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se
gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa. Todo isto hánvolo facer por
causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.
Meditación
As persoas
cristiás estamos no mundo, somos do mundo; o mundo está formado por un número
inmenso de criaturas, entre as que se atopan os homes e mulleres todos do
mundo. A eles nos debemos as comunidades cristiás. O mundo é a nosa casa común;
co mundo todo únennos lazos fondos de codependencia, de irmandade. É unha mágoa
que entremos en conflito co mundo. O noso é simplemente vivir ao estilo de
Xesús, e compartir humildemente cos nosos contemporáneos ese estilo de vida,
porque nos parece un tesouro que pode axudar moito a levar unhas vidas dignas,
sas, solidarias, felices. Que nos ridiculizan por iso? Ben, que lle imos facer.
Que mesmo chegan a desprezarnos, a
perseguirnos, a matarnos? Vale, alá
eles.
Pero tamén está
ben que nos preguntemos o porqué ás veces de tanta rabia, de tanto problema
connosco. Pode ser que a inocencia moleste, que a verdade moleste, que os
berros de solidariedade molesten. Foi o que lle pasou a Xesús. Pero tamén pode
ser que nos arrimemos ao poder, que defendamos privilexios, que nos guste
impoñer o noso. O amor, o servizo, a solidariedade coa xente máis débil é a
gran chave que pode abrir todas as portas. Aí é onde mellor poderemos
entendernos e convivir.
Oración
Señor, Señor,
polo teu amor…
que saibamos
amar o mundo
e todo o que o
embelece e compón.
Que saibamos
ollarnos
con ollos de
fraternidade sempre.
Que nos movamos
sempre
por razóns de
servizo e de xustiza.
Que aprendamos
de ti a soportar incomprensións
como parte non
pequena da nosa fidelidade.
Que nunca
vaiamos de vítimas,
senón de
humildes servidores no teu nome.
Acción
Podemos mirar se
como persoas ou comunidade cristiá estamos tendo algún tipo de conflito co
“mundo”. Por que é? ¿Por sermos fieis a Xesús, ou por outras historias? Podemos
mirar tamén se non nos estaremos acomodando demais ao funcionamento do “mundo”,
sen dar a cara pola verdade, pola xustiza, pola solidariedade. Todo pode ser.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.