26 de
maio: domingo 6º de Pascua
Evanxeo: Xn 14, 23-29
Na conversación
habida despois da derradeira cea, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén me
ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onda el e faremos vida
con el. Quen non me ama non garda as miñas palabras, e a palabra que escoitades
de min non é miña, é do Pai que me mandou.
Díxenvos estas
cousas mentres estaba convosco, pero o Paráclito, o Espírito Santo que me Pai
mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos
dixen. Déixovos a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo.
Non vos angustiedes nin teñades medo. Oístes que vos dixen: voume e logo volvo
onda vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o
Pai é máis ca min. Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando
suceda, creades.
Xesús promete o
Espírito Santo, é dicir, a luz de Deus para sabermos discernir as cousas, os
acontecementos da nosa vida, as reviravoltas da historia colectiva, social. E
mira que non hai cousas que discernir, por exemplo, en cada un dos moitos
acontecementos que estamos vivindo: as nosas eleccións municipais e europeas, a
xente refuxiada, o estar traballando mentres outros/as padecen o paro; o despoboamento
do campo, a presenza de tanta xente marxinal, pero tamén a de tantos movementos
de solidariedade, a frescura que o Papa Francisco suscita na Igrexa, etc. O
Espírito Santo dá luz para discernir e forza para botarnos a andar polos
camiños recoñecidos como auténticos. Pero todo isto tamén quere dicir, que non
todo está claro e seguro, por moito que leamos os evanxeos e nos apuntemos ao
seguimento de Xesús. Quen ofrece a presenza do Espírito, pide ao mesmo tempo
andar en busca, escudriñar o que nos pasa, escudriñar a historia, estar
vixiantes, non durmirnos en ningunha seguridade. O Espírito Santo claro que si
que é un don, un regalo do ceo, pero, ao tempo, é un don, un regalo, que se
conquista coa busca apaixonada, coa pregaria humilde, coa dispoñibilidade
libre. Este reto de Xesús tampouco non é nada pequeno. Sermos homes e mulleres
de Espírito, levadas, traídos, curados, mobilizadas, polo Espírito. Iso foi
Xesús. E iso é o que Xesús nos ofrece.
Voume, volvo,
estou convosco, pero é normal que me busquedes. Son claro coma a luz do sol que
cada día nos aluma, pero é preciso que adiviñedes a miña presenza nos rostros
entristecidos de quen sofre o peso da vida. Son paz, pero provoco conflitos.
Son un apaixonado de Deus, pero devezo polo rostro de cada home ou muller que
clama dignidade. O meu é o Espírito, pero non sei moverme sen gozar coa compaña
de amigos e amigas. Estou no ceo, pero o meu ceo está na terra. Son só, único,
pero na comunidade encontro o meu gozo maior, a miña orixe, o meu destino. Así
son eu. Quen quere facer vida comigo?
Oración
Grazas, Xesús!
Canto te admiro,
canto te quero!
Grazas, Xesús,
polo teu Espírito,
o Paráclito, o
Valedor,
o Valedor do
pobo,
o Valedor da
xente débil sobre todo,
o meu Valedor,
polo tanto,
xa que tanta é a
debilidade presente na miña vida!
Grazas polo teu
Espírito,
que nos abre os
ollos,
que nos trae o
teu recordo vivo,
que nos ensina
para ir acertando co teu estilo
no medio do
momento presente.
Grazas pola
valentía que vén de ti,
para podermos
vencer medos e angustias,
nas horas
baixas, nas horas tenebrosas,
como as que
estamos vivindo.
Grazas, Xesús,
canto te admiro,
canto te quero!
Acción
¿Hai algunha
cousa, na vida familiar, na vida da comunidade, da parroquia da sociedade, ante
a que nos estamos encollendo por medo? Podemos identificala, e ver de dar un
paso adiante, contando co Espírito que Xesús nos dá.
27 de
maio: luns da 6ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 15, 26-16, 4a
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Cando veña o
Paráclito, que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade, que
vén do Pai, dará testemuño acerca de min, e tamén vós daredes testemuño, pois
levades comigo dende o comezo.
Díxenvos estas
cousas para que non vos escandalicedes. Hanvos expulsar das sinagogas, e mesmo
chega a hora en que todo aquel que vos mate coide que está dando culto a Deus.
E farán iso porque non coñeceron nin o Pai nin a min. Mais díxenvos isto para
que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.
Meditación
De Xesús, de
cada un, cada unha de nós, vemos as cousas que se din, que se fan. O que Xesús
dixo e fixo gústanos moito; vemos nel un grande apaixonado por Deus e ao tempo,
e por iso mesmo, un grande apaixonado por todos os homes e mulleres que o
rodeaban, sen límite ningún. Nós non somos tan así. Pero non é doado entender o
fondo da persoa de Xesús, como tampouco non é nada doado entender o fondo da
nosa propia persoa. Posiblemente coincidamos nunha cousa: as raíces do noso ser
están na mesma forza creadora de Deus; o alento que tira para adiante pola nosa
vida é o mesmo Espírito de Deus que todo o sostén e dinamiza.
Podemos dar
testemuño de Xesús de palabra, falando, escribindo, compartindo. Pero as
palabras non chegan. A mellor maneira de dar testemuño de Xesús é ofrecernos
como persoas que deixan que o que aconteceu en Xesús aconteza tamén en nós,
aínda que sexa dunha maneira máis fráxil e limitada.
Oración
Canto tempo levo
estando contigo, Xesús!
Podo dicir que
desde o comezo da miña vida!
Pouquiño a
pouco,
moi pouquiño a
pouco,
a túa memoria
foise facendo carne da miña carne,
sangue do meu
sangue,
alento do meu
alento.
Algo polo menos.
Pero ¿que
testemuño dou de ti?
¿Que hai en min
que lle permita á xente
ver debuxados no
meu rostro
algúns trazos
polo menos do teu aire fiel, liberador?
Que o teu
Espírito,
o Espírito da
verdade e non da simulación,
poida testemuñar
en min con verdade
que ti es para
nós inocencia, gozo e liberdade!
Acción
¿Temos pensado
algunha vez nesta tarefa que Xesús nos encomenda de dar testemuño del? ¿Estámolo
facendo dalgunha maneira? ¿Podemos mellorar nisto?
28 de
maio: martes da 6ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 5-11
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Agora
voume onda quen me mandou e ningún de vós me pregunta: ¿onde vas? Ao contrario,
porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns. Pero eu
dígovos a verdade: convenvos que me vaia, pois, se non me vou, non virá a vós o
Paráclito; en cambio, se me vou, mandareino onda vós. E, cando el veña, culpará
o mundo de pecado, xustiza e condena; pecado, porque non cren en min; xustiza,
porque vou onda o Pai e non me veredes; condena, porque o príncipe deste mundo
xa resultou condenado.
Meditación
¿Que é o
Espírito? Algo así –poderiamos dicir— coma esa presenza calada de Deus que nos acompaña
sempre. Podémolo entender coma unha luz que ilumina os nosos pasos, coma unha
forza que nos empuxa a andar en fidelidade con Deus e coa xente, coma unha paz
que nos serena nas horas turbas da vida, coma unha alegría que nos incita á
confianza e ao optimismo, coma un ímpeto que nos fai valentes contra calquera
maldade. O Espírito éncheo todo de ben,
como Deus mesmo tamén o enche todo de ben. Deus e o Espírito son o mesmo.
Xesús andou
sempre deixándose levar polo Espírito. Soubo moi ben que era iso do Espírito, e
por iso nolo ofrece coma o seu mellor regalo de despedida. As persoas cristiás
somos tales na medida en que acollemos o Espírito nas nosas vidas e nos
deixamos levar polo seu poderío.
Oración
Veña sobre nós o
teu Espírito, Xesús.
Veña sobre a
xente de aldea velliña e soa
coma unha
compaña cálida, necesaria.
Veña sobre a
nosa mocidade
coma unha
palmadiña de luz na súas vidas.
Veña sobre quen
coida a fe do pobo
coma unha
incitación á creatividade.
Veña sobre o
campo e quen o traballa
coma unha aperta
sempre agradecida.
Veña sobre todos
os homes e mulleres do mundo
coma unha
invitación a facer familia total.
Veña sobre todas
as persoas crentes
coma unha forza
de humilde e limpo testemuño.
Acción
O Espírito anda
espallado polo mundo adiante, nos feitos e persoas máis normais da vida.
Podemos ollar un pouco ao noso redor e ver se o vemos presente na vida, no
actuar dalgunha persoa ou grupo. Se é así, ¿cómo nos podemos aproveitar dese
Espírito
na nosa vida tamén?
29 de
maio: mércores da 6ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 12-15
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Aínda teño
moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña el, o
Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola
súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de
acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o
que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.
Meditación
“Aínda teño
moitas cousas que vos dicir.” Estas palabras tamén van ditas para cada un, cada
unha de nós. Canto do de Xesús aínda non resoou nos nosos corazóns, non entrou
nas nosas vidas e, polo tanto, non se manifesta tampouco na nosa maneira de
vivir! Sendo isto así, parece que o normal sería que medrase en nós o desexo de
entrar cada vez máis nas cousas de Xesús, no seu Espírito, na súa maneira tan
familiar e fonda de tratar con Deus, nas súas formas de entender e vivir o
trato coa xente. Se o queremos, se o buscamos, iso é posible. A súa vida está
aí, o seu Evanxeo está ai, o seu Espírito está aí tamén, a comunidade cristiá
cos seus animadores e animadoras está aí, ao noso dispor. Queda acoller,
admirar, agradecer, implicarse, servir, loitar, amar, todo ao estilo de Xesús.
Queda andar pola vida con suma humildade sabendo que todos temos por diante
moito camiño que facer; pero tamén con moita valentía, porque quen nos sinala o
camiño tamén nos ofrece a forza para poder andalo.
Oración
Que o teu
Espírito, Xesús, nos encamiñe
cara á verdade,
cara a honradez, cara á xustiza.
Que non nos
permita adormecernos
no camiño
andado,
nin,
indiferentes,
pasar de largo
ante o sufrimento alleo.
Que cada mañá
nos esperte o oído
e nos dea
palabra e feitos de aprendiz,
para coidar con
xeito a nosa vida,
e axudar a quen
ande en amarguras.
Que nos amose a
fonte da ledicia
e nos conduza
cara a ela,
para podermos
ser logo humildemente
gozo, paz e
festa compartida.
Acción
Sos ou en grupo podiamos pensar
que cousas novas nos estará querendo comunicar Xesús nestes nosos tempos tan
complexos. Así poderemos abrirlle a porta ao seu Espírito.
30 de
maio: xoves da 6ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 16-20
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Un pouquiño e
xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver.
Comentaron entón
algúns dos seus discípulos: ¿Qué é isto que nos di: un pouquiño e xa non me
veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver? ¿E iso de que “porque vou onda o
Pai”? ¿Qué é ese un pouquiño? Non sabemos o que quere dicir.
Coñeceu Xesús que
lle querían preguntar e díxolles:
—¿Matinades
entre vós acerca disto que vos dixen: “un pouquiño e xa non me veredes, e outro
pouquiño e volverédesme ver”? Con toda verdade volo aseguro: choraredes e
laiarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, pero a
vosa tristura volverase alegría.
Meditación
O Papa Francisco
insístenos moito en que a vida cristiá, nas súas diferentes facetas, é un
camiño cara a ledicia, que está ben que o andemos con ledicia. Os seus escritos
van todos nesa clave: “A ledicia do Evanxeo”, “A ledicia do amor”, “Loado
sexa”, “Alegrádevos e brincade de gozo”. E, se insiste niso, podemos pensar que
é porque ve que é algo que nos falta. Normalmente a xente que non é crente
asocia a fe, a crenza, a vida das persoas crentes, coa tristura. Se nos ven
así, ¿será porque en realidade vivimos así?
A vida cristiá,
o seguimento de Xesús, o servizo á comunidade, á sociedade como seguidores e
seguidoras de Xesús, ten horas duras certamente, non o podemos ignorar nin
disimular. Horas de esforzo, de renuncia, de incomprensión, de rexeite incluso,
que poden deixar un sabor acedo nas nosas vidas. Sería ese “pouquiño” ao que se
refería Xesús. Non nos deberamos estrañar diso. Pasa con calquera vida que
queira ser firme e coherente. Pero si que nos debería estrañar se eses tempos
de tristura non están compensados, sostidos, superados por un fondo de ledicia
humilde e agradecida, esperanzada, que envolva toda a nosa existencia.
Oración
Cos meus
“pouquiños” de dor
veño onda ti,
meu Señor.
Coas miñas horas
amargas,
orfas de paz, de
esperanza.
Cos meus
desalentos cansos,
na busca do teu
descanso.
Coa miña
tristura aceda,
agardando a man
que aleda.
Buscando o don
da alegría,
que ti ofreces
cumprida.
Cos meus
“pouquiños” de amor
veño onda ti,
meu Señor.
Acción
Podemos mirar se
somos persoas crentes alegres ou non. Podemos mirar cales son as razóns da nosa
tristura ou da nosa ledicia. Igual atopamos camiños para avanzar e ser persoas
con máis optimismo cristián.
31 de
maio: Festa da Visitación de Santa María
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos
días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou
na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o
neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a
grandes voces:
—Bendita ti
entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me
visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos,
brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se
cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María
exclamou:
A miña alma
proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu
Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí, desde
agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min
marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente
que o honra.
Manifesta todo o
seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu
trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os
ricos.
Ampara a Israel,
o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos
pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu
con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Todo se move
entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por
parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus
e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o
escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas,
para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na
visitación de María queda tanto de manifesto.
¿Andamos nós así
enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de
compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á
esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da
terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos
movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate,
na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?
Oración
Bendita sexas,
María,
pola présa que
levabas
para ver a túa
prima!
Bendita sexas,
María,
polo neno que no
ventre
anunciaba xa
ledicias.
Bendita sexas,
María,
que a todos nos
contaxias
a túa fe sen
medida.
Bendita sexas,
María,
señora de canto
e baile
en honor do Deus
da vida.
Bendita sexas,
María,
falándonos do
Deus grande
que a humilde
prefería.
Bendita sexas,
María,
o mundo cheo de
esperanza,
da que ti es
profecía.
Acción
Hoxe podemos
imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis
fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.
1 de xuño:
sábado da 6ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 23b-28
Díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Con toda
verdade volo aseguro: o que lle pidades ao Pai no meu nome, hávolo dar. Ata
agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa
alegría sexa plena. Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en
que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai
abertamente. Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei
por vós ao Pai, xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min e crestes
que eu saín de Deus. Saín do Pai e vin ao mundo; de novo deixo o mundo e vou
onda o Pai.
Meditación
Pedir no nome de
Xesús non quere dicir que teñamos que empregar o nome de Xesús coma unha
palabra máxica ou coma un enchufe, para así poder acceder ao corazón dun Deus
que fose distante e cativeiro á hora de nos regalar cos seus dons. Xesús mesmo
nos di que non é que el vaia rogarlle ao Pai por nós; non fai falla, porque de
Deus para nós soamente saen cousas de amor, de acompañamento, de sustento, de
esperanza.
Pedir no nome de
Xesús é rezarlle a Deus Pai/Nai no espírito de Xesús, é dicir, incorporándonos
á mesma confianza, ao mesmo agarimo, á mesma fidelidade, á mesma unión, á mesma
dispoñibilidade que Xesús tiña cara a Deus. Pedir no nome de Xesús é saber que
estamos nos seus brazos cos gozos e dores da nosa vida, e, mesmo sen dicir
palabra ningunha, deixar que o seu Espírito nos envolva e vaia facendo de nós
un home ou muller que sabe agradecer os momentos bos e manterse firme e
confiada nas horas malas. Pedir no nome de Xesús é deixarlle libres as mans a
Deus na nosa vida toda.
Oración
No nome de Xesús
ante ti, Deus noso,
renunciando a
querer ser eu o dono último da miña vida.
No nome de
Xesús,
admirándote,
agradecéndoche
todo o ben que
hai en min e en todas e cada unha das túas criaturas.
No nome de
Xesús,
poñendo nas túas
mans as miñas andanzas todas.
No nome de
Xesús,
pensando,
actuando, vivindo con alma solidaria,
con corpo
solidario, con petos solidarios.
No nome de
Xesús,
sabendo que do
Pai veño coma el,
e ao Pai quero
volver
despois dunha
vida humilde, inocente e xusta
levando no meu macuto
a lembranza
quente dos teus pequenos e pequenas.
Acción
Sería algo moi
bo que algunha vez as persoas crentes nos xuntásemos para falar de como lle
rezamos a Deus, a Xesús. Seguro que aprenderiamos a rezar mellor, máis no nome
de Xesús. E a todo hai que atender para mellorar a nosa vida cristiá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.