2 de
xuño: domingo 7º de Pascua
Evanxeo: Lc 24, 46-53
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Así está
escrito: O Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e
predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os
pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu
heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguida na cidade, ata
que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos
para fóra a un lugar preto de Betania e alí, erguendo as mans, bendiciunos. E
mentres os bendicía, foise separando deles e foi elevado ao ceo. Eles, despois
de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían
decote no templo bendicindo a Deus.
Meditación
Os primeiros
discípulos e discípulas entenderon perfectamente que o seu labor principal era
ser “testemuñas de todo isto”: do liderado e da vida coma servizo e da novidade
rotunda de Xesús. E testemuña é a persoa que dá fe de algo porque o viu, porque
o experimentou, porque o viviu. Para ser boa testemuña é moito máis importante
a vida do que as palabras. O testemuño da palabra é máis doado ca o testemuño
da vida, pero quen realmente nos chama, atrae e arrastra son as testemuñas
vivas, as testemuñas que coa súa mesma vida nos mostran que o dito e falado é
posible. Como nos gusta a todas, a todos, achegarnos a esas persoas, e
deixarnos tocar e coller pola limpeza, simplicidade e verdade das súas vidas! Cando batemos con elas parece que se nos
ensancha o corazón e que recuperamos as forzas para todo. Pensemos en persoas
concretas que para nós foron ou son testemuñas de Xesús, do de Xesús. Coma
persoas e coma comunidades cristiás podémonos preguntar que testemuño estamos
dando. Podémonos preguntar que poderiamos facer para mellorar o noso testemuño.
Podémonos preguntar tamén como achegarnos a testemuñas vivas para deixarnos
inflamar pola forza da súa paixón cristiá.
No remate do seu
evanxeo Lucas destaca dúas cousas que a el lle gustaron moito ao longo da súa
presentación da boa nova de Xesús: a alegría e a pregaria. Son a preparación
necesaria para recibir o Espírito, pero son tamén xa o sinal da súa presenza.
Que ben nos faría a todas, todos, medrar nesas dúas experiencias.
Oración
Grazas polas
túas testemuñas no mundo obreiro e mariñeiro.
Grazas polas
túas testemuñas no mundo rural.
Grazas polas
túas testemuñas no medio das comunidades cristiás.
Grazas polas
túas testemuñas no seo das familias.
Grazas polas
túas testemuñas no mundo da dor e da enfermidade.
Grazas polas
túas testemuñas no medio da xente soñadora.
Grazas polas
túas testemuñas entre as persoas que non son crentes.
Grazas polas
testemuñas da loita e da paz,
da alegría e da
oración,
da constancia e
da fidelidade,
do traballo e do
esforzo,
da honradez e da
xustiza,
da tenrura e da
misericordia,
da pobreza e da
simplicidade.
Acción
¿Consideramos
que en algo estamos dando testemuño con verdade dalgún aspecto do proxecto de
vida de Xesús? Podémolo identificar, celebrar e, por iso mesmo, animarnos a dar
bo testemuño de Xesús noutros aspectos da nosa vida.
3 de
xuño: luns da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 29-33
Nunha ocasión
dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:
—Mira, agora
falas claro, sen andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non
precisas que ninguén che pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.
Xesús
respondeulles:
—¿Agora credes?
Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola
súa banda e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo
o Pai. Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo
haberedes ter apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.
Meditación
As persoas que
acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo,
ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á
realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas
máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse
vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito,
loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente
cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente
comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles
primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!
Oración
Apréndeme,
Xesús,
os camiños da
vida,
os camiños da
xente desvalida,
os camiños de
Deus.
Apréndeme a
andar por eles
sen aforrar
esforzos,
pero con fonda
paz.
Apréndeme a ser
humilde,
agradecendo o
recibido,
ofrecendo
xenerosamente
o que foi
madurando en min.
Así ata a hora
final,
sen renuncios
nin abandonos.
Acción
Podemos decatarnos dalgún aperto
polo que esteamos pasando na vida: físico ou espiritual, persoal ou
comunitario, social. ¿Cómo o estamos xestionando? ¿Desde a paz e a confianza,
ou desde a axitación e o desespero? ¿Cómo nos podería axudar Xesús a afrontalo?
4 de
xuño: martes da 7ª semana de Pascua.
Evanxeo: Xn 17, 1-11a
Unha vez Xesús,
erguendo os ollos cara ao ceo, dixo:
—Pai, chegou a
hora; glorifica o teu fillo, de xeito que o teu fillo te glorifique a ti;
conforme lle deches poder sobre todo ser humano, para que outorgue vida a todas
as persoas que ti lle deches. E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a
ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo. Eu glorifiqueite
na terra, rematando a obra que me encargaches facer. E agora, Pai, glorifícame
onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti antes de que o mundo existira.
Eu manifesteite
aos seres humanos do mundo que ti me deches. Eran teus e déchesmos e gardaron a
túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois
entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron
verdadeiramente que saín de onda ti e creron que ti me mandaches. Eu rógoche
por eles; non che rogo polo mundo, senón polas persoas que me deches, pois
perténcenche; todo o meu é teu, e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. Eu
xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda
ti.
Meditación
A vida, que
importante é a vida, todo o que é e dá vida! E tamén, á inversa, que dramático
é tamén todo o que resta vida, o que mata vida. Deus é vida e está ao servizo
da vida, para a natureza, para os animais, para a xente. Xesús veu ser
testemuña viva de todo isto, e por iso el estivo sempre ao servizo da vida, e
¡con que forza e fondura!, e contra todo o que a afogaba, ata dar a súa vida
para que a vida triunfase na xente, no mundo, en todo o mundo. A súa gloria
consiste precisamente niso mesmo: que a xente teña vida!. E dentro de todo ese
movemento de vida estamos metidas nós, como persoas que recibimos vida e como
persoas que a podemos espallar, incrementar, ou, se cadra, apagar, afogar,
matar. Aquí está a nosa derrota humana ou a nosa gloria.
Oración
Que saiba estar
atento á vida, Xesús,
algo coma ti
polo menos.
Para saber
percibila ao meu redor,
para saber
agradecela,
para saber
coidada,
para facela
medrar.
para saber
compartila,.
Que a chore
ausente,
en min ou en
calquera outra persoa;
que a
reconstrúa,
cando a vexa
esboroada.
Vida limpa, vida
digna,
vida solidaria,
vida humanizada
á altura do mesmo Deus.
Aléntame.
Acción
Podemos mirar en
que estamos contribuíndo a que a vida vaia a máis en nós, na xente que nos
rodea. Con que accións, con que formas o estamos facendo. E así participar un
chisco na gloria do mesmo Xesús de Nazaré.
5 de
xuño: mércores da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 17, 11b-19
Naquel tempo Xesús,
erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
Pai santo, coida
ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós. Cando eu estaba
con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún
deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a
Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que
teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e o mundo
aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo.
Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son
do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a túa
palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e por
eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.
Meditación
O mundo é a casa
común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No
mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao
agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos
abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis
humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes.
Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai
no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.
Como habitantes
do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin
debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar
dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria,
deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa
ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que
custe.
Oración
Ti apréndesme,
Xesús,
a gozar coas
cousas boas todas que hai no mundo,
a gozar con
tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo
ben que descubro na miña propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti
apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das
cousas malas do mundo
que se achegan á
porta do meu corazón tentándome:
o desprezo polo
que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o
afán desmedido de posuír e consumir,
o machismo, o
dominio, o querer estar sempre por riba,
a indiferenza
polos abusos que sofren tantas persoas débiles,
o clasificar a
xente, condenala, non lle dar oportunidades,
a lingua lixeira
para criticar e preguiceira para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús,
polo que me aprendes.
Estarei en vela.
Acción
Intentemos ver
en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos
ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa
convivencia no mundo.
6 de
xuño: xoves da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 17, 20-26
Naquel tempo
Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—E non che rogo
só por estes, senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que
todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en
nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches
déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min,
para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me
mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.
Pai, eu quero
que os que me deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a
miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do
mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron
que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando,
para que o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.
Meditación
A chamada final
de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor,
pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e
de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis
que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a
unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a
compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos
expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas
cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo
moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de
Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.
Quizais porque
descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais
porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida,
quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por
todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais
por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome
e seguiréillelo manifestando”.
Oración
Que todos, todas
sexamos un, unha.
atopando o noso
oco nesa unidade total
que es ti, Pai,
Nai nosa.
Que todos,
todas, sexamos un, unha
na realidade da
vida cotiá,
sen diferenzas
agraviantes,
compenetrándonos
sempre,
agradecéndonos
sempre.
Que todos, todas
sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas
áreas e funcións.
Se o mundo está
ferido pola diferenza,
pola
discriminación, polo abuso,
pola prepotencia
de tantas cores,
que saibamos
curalo
a base de
respectos e igualdades,
de
reconciliacións e apertas.
Acción
Miremos ata que
punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa
vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que
poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.
7 de
xuño: venres da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 21, 15-19
Cando
Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón
Pedro:
—Simón de Xoán,
¿ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
—Si, Señor, ti
sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta os
meus años.
E de novo
preguntoulle por segunda vez:
—Simón de Xoán,
ámasme?
El respondeulle:
—Si, señor, ti
sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as
miñas ovellas.
E preguntoulle
por terceira vez:
—Simón de Xoán,
quéresme?
Entristeceuse
Pedro de que lle preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:
—Señor, ti
sabelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as
miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e
ías onde querías; cando te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate
outro e levarate onde non queres.
Dixo isto para
significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois
engadiu:
—Sígueme.
Meditación
Pedro tivo que
facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido
do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de
Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple
negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este
momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas,
proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das
persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.
O camiño de
Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con
Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no
momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no
momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos
fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a
mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?
Oración
Señor, ti sabes
que te quero.
Ti sabes que,
polo menos, quero quererte.
Cos meus
quereres brandos, seguro,
pero sabes que
te quero.
Cos meus
quereres necesitados de maduración e avance,
pero sabes que
te quero.
Cos meus
quereres tramposos tantas veces,
porque esquezo
que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis
tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa
querer,
pero ti sabes
que te quero.
Cos meus
quereres enganosos,
que agachan no
fondo moito mirar por min,
pero ti sabes
que te quero.
Sabes que te
quero,
e gustaríame que
me chamases para seguirte
e facer de min
un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.
Acción
Podemos preguntarnos como estamos
colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares
habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza
liberadora de Xesús.
8 de
xuño: sábado da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 21, 20-25
Naquel tempo
Pedro volveuse e viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se
recostara no seu peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha
entregar?”. Ao velo, preguntoulle Pedro a Xesús:
—E este, que?
Xesús
contestoulle:
—Se quero que
permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.
Espallouse entón
entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera
Xesús que non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña,
¿a ti que che importa?”
Este é o
discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o
seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de
escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían
escribir.
Meditación
Pedro e Xoán,
personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da
orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e
seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos
nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das
grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante,
que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.
Tamén cada un,
cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento
con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de
nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu
Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal
auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos
enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso
traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás.
No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada
de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de
forma satisfactoria.
Oración
Grazas, Xesús,
por todas as persoas
que coa súa fe
foron sostendo a nosa;
as que co seu
seguimento
facilitaron que
nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres,
tantos homes ao longo de séculos
que foron
tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.
Grazas sobre
todo, Xesús,
polas persoas
que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e
serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada
historia particular,
entre elas a de
cada un, cada unha de nós,
que ti ben
coñeces e na que te implicas sempre a fondo.
Grazas por
formar parte
desta longa
ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.
Acción
É
frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración
para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar
nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.