9 de
xuño: Domingo de Pentecoste
Evanxeo: Xn 20,19-23
Naquel día, o
primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús, púxose no medio deles e díxolles:
—Paz convosco.
Dito isto, mostroulles
as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse vendo o Señor. El díxolles
outra vez:
Paz convosco;
como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E, dito isto,
alentou sobre eles e díxolles:
—Recibide o
Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a
quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Meditación
O Espírito é un
regalo de Xesús resucitado. Os amigos e amigas de Xesús sempre o viran cheo,
levado, empuxado, arrastrado polo Espírito Santo de Deus. Desaparece a presenza
física de Xesús, coa súa morte, pero coa súa resurrección faise máis viva
neles, nelas, a presenza do Espírito de Xesús, do mesmo alento que a el o
mobilizara e empuxara a facer o que facía, a situarse ante a vida, ante ricos e
pobres, ante o pobo, ante as autoridades relixiosas e civís, como sabemos que
se situaba. No relato nárrasenos dunha maneira simbólica como se deu ese
regalo: Xesús sopra sobre os discípulos e discípulas, e reciben o Espírito.
Igual que Deus Pai creador soprara sobre a figura de barro do primeiro ser
humano para lle dar vida (Xén 2,7), así Xesús agora sopra tamén sobre aquel
grupo de homes e mulleres encollidas e medrosas, para recrealas, para enchelas
dunha vida, dun dinamismo novo. O relato dos Feitos dos Apóstolos da primeira
lectura fálanos, tamén simbolicamente, “dun forte golpe de vento”, dunhas “coma
linguas de lume”. Forza e calor parecen ser as características principais do
Espírito de Xesús. Enerxía e tenrura, dinamismo e afecto, loita e delicadeza,
empuxe e paixón amorosa, camiño e fogar: ese é o mundo no que Xesús nos quere
introducir, ese é o mundo no que nos debería ir introducindo unha sa
experiencia cristiá. Por iso é ben que, coma persoas e coma comunidade cristiá,
nos miremos nese espello de Xesús, e vexamos ata que punto si e ata que punto
non nos estamos deixando levar polo Espírito de Xesús. Porque a nosa tarefa
principal coma persoas cristiás é vivilo todo con ese Espírito de Xesús.
Oración
“E logo, como é
que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? (Feit 2,8)
Cando xorde o
Espírito,
aparece a
pluralidade, agroma a diferenza
integrada polo
respecto, no amor.
Grazas, Señor.
Cando alenta o
Espírito,
cada un é cada
un, cada unha é cada unha,
co seu don, coa
súa graza particular
consentida,
valorada, recoñecida
coma don
comunitario do creador.
Grazas, Señor.
Cando empuxa o
Espírito,
todos temos a
palabra,
todos temos
oídos para escoitala,
todos, todas,
nos facemos discípulas de todas,
nun canto
precioso á vida, ao seu candor.
Grazas, Señor.
Cando afala o
Espírito,
ninguén anula a
ninguén,
ninguén se
apropia de nada,
ninguén se
constitúe en señor nin en señora,
todos, todas nos
facemos pobres no Espírito,
a irmandade brilla con gran esplendor.
Grazas, Señor.
Cando o Espírito
é acollido,
as voces miúdas
son especialmente atendidas,
as voces pobres,
as voces pequenas,
as voces de quen
non ten voz,
as voces
oprimidas, apagadas, silenciadas,
as voces
femininas,
nun afán valente
de dignidade e honor.
Grazas, Señor.
Cando o Espírito
fala
falan as
linguas cohibidas, desprezadas,
coma o galego;
e son amadas,
coidadas, espalladas,
humildemente,
coma graza e don
particular,
como precioso
aporte enriquecedor.
Grazas, Señor.
Acción
Qué don do
Espírito temos en especial cada un, cada unha de nós? Recoñezámolo e
agradezámolo. ¿Qué don do Espírito necesitaría ter? Pénsoo e traballo para
conseguilo, pensando, rezando, dando pasiños nesa dirección.
10 de
xuño: luns da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 1-12
Vendo Xesús a
multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos e el,
tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosos
os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o
Reino dos ceos.
Ditosos os que
choran,
porque eles
serán consolados.
Ditosos os non
violentos,
porque eles
herdarán a terra.
Ditosos os
famentos e sedentos de xustiza,
porque eles
ficarán fartos.
Ditosos os
misericordiosos,
porque eles
acadarán a misericordia.
Ditosos os de
corazón limpo,
porque eles
verán a Deus.
Ditosos os que
traballan pola paz,
porque eles
serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os
perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o
Reino dos ceos.
Ditosos vós,
cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa;
alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos; do
mesmo xeito perseguiron os profetas anteriores a vós.
Meditación
As
benaventuranzas son unha verdadeira xoia dentro do Evanxeo. Nesta forma só
nolas transmite o evanxelista Mateu. E canto llo agradecemos! Xesús, mestre de
humanidade, mestre da vida e da felicidade, viviu as benaventuranzas. El foi
feliz vivindo así, e transmítenos a experiencia que el viviu. Antes del, e
sobre todo despois del, houbo tamén mulleres e homes que se propuxeron vivir
desa maneira, e tamén nos din que hai verdadeira felicidade sendo así. E seguro
que calquera de nós temos probado algo desta felicidade. Vivir coas
benaventuranzas nas mans, no corazón, é andar contracorrente, escandalosamente
contracorrente; é a felicidade de quen se baleira, para encherse de
fraternidade, para encherse de Deus. Ben se ve que vivir nas benaventuranzas
non é ser un apático da vida, e deixar que as miserias, os abusos se perpetúen.
Non, ao revés, é asentarnos na aceptación plena de Deus para estar vivas e
combativas na vida. Pero con moita paz, con moita esperanza, con moita
felicidade. Porque vai connosco a toda hora quen nola garante. Parece un imposible, pero Deus faino posible.
Bendito sexa!
Oración
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos ser
felices vivindo co pouco,
persoas libres,
desapegadas,
para que ninguén
careza do necesario.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos chorar
con quen chora,
ser xente
pacífica a tope,
ter fame fonda
de xustiza,
para que ninguén
abuse de ninguén,
e todo o mundo
poida vivir con dignidade.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos doernos
de quen sofre, implicarnos,
andar co corazón
limpo de malicias
e procurarmos a
paz a todas as horas,
para que todo o
mundo poida vivir gozando,
vendo en cada
próximo un irmán ou irmá,
como a Deus lle
gusta.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos amar a
xustiza e rexeitar as trampas e os abusos
defendela na
casa, no pobo, na parroquia,
coas armas do
exemplo, da palabra e da organización social,
por máis que
suframos burlas e desprezos,
por máis que
perdamos cartos e influencias.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos ser
felices apegándonos á túa causa,
gozando co
adianto e proba das túas promesas.
Queremos, pero
somos xente frouxa.
¿De quen, senón
do teu Espírito,
nos virá luz e
forza
para andar en
tanta sabedoría de vida?
Acción
O Papa Francisco
escribiu un libriño titulado Gaudete e
exultate, que en galego quere dicir: Alegrádevos
e brincade de gozo. Fala nel de cómo todas e todos nós estamos chamados e
acompañados por Deus para ser persoas boas, santas. No capítulo 3 dese libriño
explica as benaventuranzas dunha maneira sinxela e práctica. Sería ben fermoso
ler a lo menos estas páxinas, ben sos, ben en grupo, e falar despois do que iso
nos pode axudar a ser máis felices nas nosas vidas.
11 de
xuño: martes da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: 5, 13-16
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus
discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero, se o
sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para
tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo. Non se
pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha
lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume
a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas
obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.
Meditación
Xesús ponnos
ante un reto contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da
sociedade, dos pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que
se descompón, que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles
sabor. A luz: algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz
entendidas en sentido profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E
tamén a recibir e agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.
As palabras de
Xesús avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso –que
contrasentido!--, e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non
cumpren a súa función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos
¿estamos cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos
indica Xesús que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras
–palabras normalmente non nos faltan--, polas boas obras.
Oración
Que o teu sal,
Xesús,
co que ti tanto
salgas o mundo,
nos salgue a nós
tamén
e nos permita
contaxiar vida sa e saborosa.
Que a túa luz,
Xesús,
coa que ti tanto
alumas o mundo
alume a fondo as
nosas vidas,
para sermos nós
tamén luz,
unha pequeniña
lapa polo menos
alí onde a vida
nos leve.
Que teñamos algo
da túa fortaleza, Xesús,
para non
desalentar na tarefa.
Que na nosa vida
humildemente fiel
Deus sexa sempre
honrado
e quen nos rodea
se vexa confortada e alentada.
Acción
Podemos mirar
algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente
que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis.
Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de
sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.
12 de
xuño: mércores da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: 5, 17-19
Naquel tempo
dixo Xesús:
—Non pensedes
que vin abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar
cumprimento. Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de
cumprirse ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes
mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado
o máis pequeno no reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado
grande no Reino dos ceos.
Meditación
As normas
relixiosas teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da
vida, presente na vida e presente tamén
nos espazos e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se
coordine, se una á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns
da vida e da súa experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande:
converterse de camiño en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo
Deus cara ao que queren orientar.
Nese sentido
Xesús é o gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias
todas as demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para
achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos
apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.
Oración
Non es
zarapalleiro, Xesús,
non che dá igual
que a vida a deixemos correr sen máis,
ou que apostemos
firmemente pola súa consistencia.
Es minucioso e
mesmo estrito
cando a honra de
Deus Pai/Nai está en xogo,
e cando o está a
honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.
Nada carece de
importancia, nada queda ao chou
cando miras
connosco polo futuro cristián das nosas comunidades rurais
e artellamos
camiños a andar e cousas a facer.
Nada é ínfimo e
desprezable
cando se trata
de dar ou recibir apoios e tenruras,
perdóns e
alentos.
Que o teu
Espírito nos acompañe sempre, Xesús,
e nos axude a camiñar
da man da liberdade,
da man da
responsabilidade.
Acción
En xeral hoxe
dámoslle moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos
peta. Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou
establecer algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario
cara a Deus?
13 de
xuño: Festa: Xesús Cristo sumo e eterno sacerdote
Evanxeo: Lc 22, 14-20
Cando chegou a hora, Xesús púxose á mesa
cos seus discípulos. Díxolles:
—Moito levo desexado comer esta Pascua
convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata
que chegue o seu cumprimento no reino de Deus.
E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
—Tomade e repartídea entre vós, pois
asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o reino de
Deus.
E collendo pan, deu grazas, partiuno e
déullelo, dicindo:
—Este é o meu corpo, que se entrega por
vós; facede isto en memoria de min.
E despois de cear fixo o mesmo coa copa,
dicindo:
—Esta copa é a Nova Alianza sellada co
meu sangue, que se verte por vós.
Meditación
Nunca Xesús se
deu a si mesmo o título de sacerdote; nunca as persoas que o seguían de cerca
nin os seus contemporáneos o tiveron por tal. Foi algo que posteriormente lle
atribuíron por aquilo de ser o gran reconciliador das persoas consigo mesmas,
entre si, con toda a creación e con Deus. Pero ese oficio así chamado
sacerdotal non o exerceu en igrexas con determinados ritos, senón na vida,
tratando coa xente, poñéndose do lado da súa dignidade total de parte de Deus.
Unicamente ao final da súa existencia selou a súa traxectoria vital repleta de
solidariedade con aquel xesto profético de partir e entregar o pan e o viño
como sinais da súa vida convertida en servizo desde o nacemento ata a morte.
Benditos todas e
todos nós, que recibimos os efectos positivos da vida de Xesús feita servizo.
Benditos todas e todos nós, chamados a seguir os pasos de Xesús, honrando a
Deus no altar da vida como o honraba Xesús. Benditos todos e todas nós,
invitadas por Xesús a participar no seu rito eucarístico, facendo das nosas
vidas pan santo e viño de bendición para gloria de Deus e o ben de quen nos
rodea.
Oración
Grazas, Xesús,
por toda a túa
vida
feita pan e viño
para mantenza
nosa,
para ledicia
nosa,
para liberación
nosa.
Grazas, Xesús,
polo teu empeño
incesante
por envolvernos sedutoramente
nas redes do
servizo,
e facernos así
verdadeiramente
libres,
verdadeiramente
felices.
Grazas, Xesús,
por ti,
que te nos dás
sen reservas
cada vez que
comungamos contigo no corpo da pobreza,
ou no teu corpo
empobrecido por nós.
Grazas.
Acción
Hoxe podemos
reparar en que cousas estamos nós practicando con Xesús ese sacerdocio da vida,
que el tanto nos aprendeu. ¿Con que palabras ou feitos fomos hoxe persoas de
reconciliación?
14 de
xuño: venres da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 27-32
Díxolles Xesús
aos seus discípulos.
—Tedes oído que
se dixo: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha
muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo
dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que
se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a
túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que
máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro
no inferno.
Ténsevos dito:
Quen repudie a súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que
repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera
e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Meditación
Coma no caso de
onte co de matar ou non matar, tamén aquí Xesús nos invita a ir ao fondo do
noso corazón, alí onde nacen e se desenvolven amores e desamores, respectos e
abusos, fidelidades e infidelidades; alí onde pode nacer xa o mal, o pecado.
Dicíao Xesús noutra ocasión: non son as comidas, que veñen de fóra, as que nos
fan persoas impuras; é o que nace dentro do noso corazón o que pode determinar
se a nosa vida se vai desenvolver de maneira fondamente humana ou non. Mirar,
logo, coidar o noso mundo interior, o que nace no noso corazón.
Non se trata de
nos ir mutilando, cando algún membro do noso corpo nos leva a facer o mal.
Calquera membro en si sempre é ben inocente. É unha maneira de falar de Xesús
para nos advertir da seriedade que pode ter, para o desenvolvemento da nosa
vida, que nos deixemos levar por determinados instintos, ideas, plans, que de
entrada mesmo nos poden dar gusto e pracer.
O repudio da
muller polo home, non o do home pola muller, era cousa moi corrente naquela
sociedade. Xesús defende a muller nesta condición de debilidade, de
desigualdade, e aposta por un amor permanente. Canto nos custa hoxe esta
aposta, nunha cultura branda e frouxa para os compromisos! Xesús tamén quere
acompañarnos nesta frouxidade dos nosos tempos.
Oración
Que mundo tan
intenso vai dentro de nós, meu Deus!
Cantas
inseguridades, cantos medos, cantas paixóns cegas!
Cantos desexos
de afecto e recoñecemento!
Cantas frustracións!
Que
marabillosas/os e que fráxiles somos!
Que difícil se
nos fai entendernos a nós mesmos/as,
e, máis aínda,
entender aos demais,
pois non podemos
sentir o palpitar interno do seu corazón!
Canta necesidade
temos de sermos humildes e cautos/as,
honestas/os e
transparentes,
ante ti, meu
Deus,
ante as persoas
coas que compartimos vida e tarefa!
Canto nos cómpre
ollarnos a nós e a quen nos rodea
con respecto,
agarimo e comprensión,
e así, entre
errores e acertos,
ir construíndo
as fidelidades da nosa vida!
Canto nos
cómpres ao noso lado, meu Deus,
iluminando,
clarificando, fortalecendo.
Grazas, meu
Deus, porque nunca te esqueces de nós.
Acción
O feminismo está
aí, como froito do traballo de moitas mulleres, e, dalgunha maneira tamén, como
froito reivindicativo do Espírito de Deus. Podiamos hoxe achegarnos a algunha
muller que ande no feminismo, para escoitala; seguro que nos virá ben.
15 de
xuño: sábado da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 33-37
Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus
discípulos:
—Tamén tedes oído que se lles dixo aos
devanceiros: Non xurarás en falso e cumprirás as promesas feitas con xuramentos
ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de
Deus; nin pola terra, que é escano dos seus pés; nin por Xerusalén, que é a
cidade do gran rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle
podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando
é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Meditación
Xúrocho polos
meus defuntos, xúrocho por Deus… Aínda hoxe os nosos maiores empregan esta
maneira de lle dar creto á palabra dita. Tamén o facían os contemporáneos de
Xesús, sen poñer nunca a Deus por testemuña, porque o seu nome, por respecto,
non se podía pronunciar. É fermosa esa aclaración de Xesús indicándonos que en
calquera cousa, en calquera realidade, en calquera persoa batemos dalgunha
maneira coa presenza de Deus, e de aí o sumo respecto e consideración que lle
debemos a todo, especialmente, xaora, ás persoas.
Xesús reponse ao
costume de xurar por…, apelando á palabra sinxela, honesta, verdadeira en si
mesma: si, si; non, non. A palabra como canle da verdade da propia persoa; a
persoa dicíndosenos claramente na palabra pronunciada. Ante tanta mentira,
manipulación, ante tanta “postverdade”, e novas falsas que están tan de moda na
nosa sociedade en xeral, na nosa cultura, e que circulan polos variados medios
de comunicación de que dispoñemos, ¡canto nos cómpre a palabra limpa, verdadeira,
plena, viva, auténtica!
Oración
Xesús, Xesús, …
enchernos de
verdade,
deixar que
madure dentro de nós,
tecendo as nosas
entrañas,
ocupando todos
os recantos do noso ser,
dos nosos
pensamentos, dos nosos sentimentos…,
e que logo brote
coa transparencia
das augas dos regatos montesíos,
fresca, limpa,
humilde, atraínte,
para dicirnos
cara a fóra tal como somos e sentimos,
para contaxiar
brancuras,
para andar sobre
seguro,
para axudar a
sandar un mundo enfermo
por simular o
que non é,
por ocultar
verdades,
por agacharnos
debaixo de enfermizas carantoñas,
por negarnos
simplemente a dicir:
“si, si; non,
non,
como Cristo nos
ensina.”
Acción
¿Estamos
deixando de dicir algo, a nivel familiar, laboral, social, eclesial, grupo
político etc., por gardar as aparencias? ¿Podiamos aventurarnos a practicar o
de Xesús: si, si; non, non, sen chulería, coa humildade que dá a simple
verdade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.