16 de
xuño: Solemnidade da Santísima Trindade
Evanxeo: Xn 16, 12-15
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Aínda teño
moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o
Espírito da verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola
súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de
acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o
que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.
Meditación
Pechando todo o
tempo de Pascua, despois das celebracións finais da Ascensión e de Pentecoste,
vivimos a solemnidade da Santísima Trindade. É unha maneira de dicir que todo o
que no ano litúrxico vivimos, todo o que vivimos dentro e fóra do ano
litúrxico, toda a nosa vida, toda a vida de todo canto é e existe, está dentro
do marco simple e marabilloso, vivo e amante de Deus, a quen recoñecemos coma
Pai/Nai que de forma permanente nos crea para a vida digna, completa, redonda,
eterna; a quen recoñecemos coma Fillo, nun estoupido solidario de Deus, que en
Xesús se nos amosou feito ser humano dunha maneira asombrosa; a quen
recoñecemos coma ese potencial de forza e calor que é o Espírito. Se caésemos
na conta de tanto don, de tanto privilexio! Quizabes afeitos/as a oír e dicir,
a repetir isto con tanta rutina cada día, perdemos o sentido do asombro, e
deixamos de vivir co inmenso gusto, forza e agradecemento que supón sabernos
arroupados/as na vida por esta presenza viva de Deus.
O Evanxeo
advírtenos que estamos en camiño, que estamos en busca, que ninguén debería ter
seguridades plenas, experiencias redondas de amor e de solidariedade, que nos
queda moito por andar e por facer. Ben o vemos, nada máis con estender a nosa
ollada sobre o corpo das parroquias, das comunidades cristiás, da sociedade,
dos pobos. Canta solidariedade nos fai falla aínda! Canto respecto cara ás
diferenzas, canta atención ás persoas máis débiles! Acertar nos camiños do amor
e do servizo estaría ben que fose a nosa máis importante tarefa como persoas,
como comunidades cristiás. Sabendo que o acerto non o temos nós, que o ten o
Espírito de Deus; pero sabendo tamén que Xesús nos regala o Espírito, que quere encher as nosas vidas con ese
precioso obsequio.
Oración
Xuntemos ceo e
terra,
fagamos unidade,
creador e
criatura,
vivamos a
Trindade,
cos laxos da
xustiza,
cos lazos do
perdón,
cos lazos do
Espírito,
cos lazos do
amor.
Se coa xente
pobre somos
creadores de
irmandade,
na nosa Igrexa
vivimos
o regalo da
Trindade.
Cando coidamos
da terra
nai, fogar de
humanidade,
nos nosos mimos
vivimos
o regalo da
Trindade.
Se coa xente
compartimos
ledicias,
penalidades,
no que sentimos
vivimos
o regalo da
Trindade.
Na oración e no
silencio,
na pobreza, na
humildade,
con alegría
vivimos
o regalo da
Trindade.
No xenio e na
tenrura,
na protesta e na
bondade,
sinxelamente
vivimos
o regalo da
Trindade.
Descubrindo con
Xesús
de Deus a libre
vontade,
na nosa busca
vivimos
o regalo da
Trindade.
Acción
Busquemos hoxe a
maneira de facer algo comunitario, un encontro, unha festa, a mesma Eucaristía
prolongada en tempo de convivencia. Gocemos da comunidade, potenciemos a
comunidade.
17 de
xuño: luns da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5,38-42
Naquel tempo
díxolles Xesús á xente:
—Tedes oído que
se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal
por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita,
preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica,
déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla,
acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che
pida emprestado.
Meditación
Frecuentemente
fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por
dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o
correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron,
para que aprenda.
O de “ollo por
ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para
non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente
tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder
romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero
parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas
covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo
ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras,
nos fira no máis fondo da vida e nos
impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha
irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso
teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.
Oración
Canto custa,
Xesús,
non devolver mal
por mal,
insulto por
insulto,
desprezo por
desprezo,
pasas de min por
paso de ti,
ata vivir
multiplicando distancias e paredes,
co corazón
engurrado,
coa alma no máis
fondo ferida!
E ves ti, Xesús,
e rétasnos ao
que parece imposible,
e proposnos un
remedio simple, eficaz,
ousado, valente,
e ofrécestenos
como exemplo e camiño,
e dásnos o bo
Espírito para poder facelo.
E eu dígoche:
grazas, Xesús,
fíome de ti,
desde xa vou
cambiar de chip na miña vida,
velarei polas
miñas emocións, polas miñas respostas,
tentarei
imitarte.
Dáme a túa man
para camiñar xuntas.
Acción
¿Estamos
nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica
do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos
pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?
18 de
xuño: martes da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 43-48
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Tedes oído que
se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos:
amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos
de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover
sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿qué recompensa
ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente
os vosos irmáns, ¿qué facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela
sede completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.
Meditación
Por tendencia
natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por
parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a
política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de
lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten,
podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir,
saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos
simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas
representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.
Xesús invítanos
a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor,
que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia
compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús
invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor
tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e
xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía
axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas,
por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.
Oración
Como aprendiz do
amor,
así me achego
hoxe ante ti, Xesús,
e, contigo, ante
o Deus do amor,
o Deus do bo
amor,
o Deus de todo
amor,
o Deus do amor
máis completo.
Que lonxe estou
de amar ben,
esquecéndome de
min,
buscando sempre
a compracencia da persoa amada!
Que lonxe estou
de amar sen distincións,
superando parentescos
familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!
Que lonxe estou
do pequeno amor cotián,
feito de
pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!
Que lonxe estou
do amor laico, secular,
que se exerce
desde a militancia social, política, ecolóxica!
Como aprendiz do
amor,
así ante ti
hoxe, Xesús,
para que me
aprendas,
para aprender.
Grazas!
Acción
Seguro que nos é
doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor.
¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha
persoa concreta?
19 de
xuño: mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo. Mt 6,1-6.16-18
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Tede coidado de
non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso
Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha
esmola, non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os
hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos
que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que
non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e
teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Cando recedes,
non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas
e nas esquinas das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén
recibiron a súa recompensa. Ti, polo contra, cando queiras rezar métete no teu
cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que
ve o segredo, hate recompensar.
Cando xaxuedes,
non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas, que desfiguran as súas
caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa
recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para
que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que
ve o que está escondido, hate recompensar.
Meditación
Urxente e ben
necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera
clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil
escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e
recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores
accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor.
Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no
fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos
atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.
A invitación de
Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na
marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co
Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero
por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas
vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.
Oración
Ai, meu Deus,
canto me pesa o
que pensen e digan de min!
Canto condiciona
iso as miñas accións e omisións,
as miñas
palabras e os meus silencios!
Canto busco
torpemente, infantilmente,
loas, aprecios,
aloumiños!
Canto me custa
ser libre, desapegada,
facer as cousas
simplemente desde min,
simplemente
desde o amor,
desde o servizo,
cando cousas de servizo sexan!
Quen me poderá
curar deste cancro destrutor,
desta metástase
que o quere invadir todo?
Cólleme da man,
méteme onda ti,
no segredo, no
baleiro, no esquecemento,
para aprender a
gustar o gozo simple dos amores libres.
Ai, meu Deus,
meu Deus!
Acción
Podemos mirar
que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo,
algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as
que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por
dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.
20 de
xuño: xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 6, 7-15
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Cando vos
poñades a rezar, non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van
escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o
que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
Noso Pai, que
estás no ceo: santificado sexa o teu nome; veña o teu reino; fágase a túa
vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa
as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa os nosos debedores. E non nos
sometas á tentación, mais líbramos do Malo.
Porque, se vós
perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará
as vosas; pero, se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non
perdoará as vosas ofensas.
Meditación
Moitas veces a
nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de
presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como
se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo,
e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!
Xesús invítanos
ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus,
a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor
que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de
fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no
espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que
nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente
os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as
noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña
que necesita dos nosos apoios.
Oración
Noso Pai
maternal,
que nos queres
sen medida
que te sentes
honrado véndonos felices en irmandade:
sexa respectado,
querido e agradecido o teu nome!
Que levemos adiante o teu proxecto fraternal
sobre a xente, a
natureza, o mundo, o cosmos todo.
Que o teu
querer, asentado en nós como matriz de vida,
se desenvolva en
nós ata a súa plenitude,
nos grandes
proxectos, nos pequenos feitos de cada día.
Que a ninguén
lle falte o pan de cada día,
o pan, a casa, a
saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…
sen que ningunha
persoa ou pobo quede excluído.
Que saibamos ser
humildes para recibir perdóns,
os da xente e os
teus,
e ser valentes
para saber ofrecelo
e non enredarnos
nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.
Que as forzas do
mal que aniñan no noso mesmo corazón
non nos poidan,
por moito que se vistan de cores vistosas.
E que, ben
apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,
que ameaza as
nosas vidas e a casa común
con proxectos
dominadores, imperialistas, deshumanizados,
que buscan
triunfar á conta da saúde corporal e
espiritual da xente.
Oración
¿Cómo oramos,
cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen
hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos?
Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración,
para mellorala.
21 de
xuño: venres da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo. Mt 6, 19-23
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Non amoreedes
tesouros na terra onde a traza e máis a ferruxe acaban con eles, e os ladróns
asaltan as casas para roubalos. Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza
nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. Que onde
está o teu tesouro está o teu corazón.
A luz do corpo é
o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero, se o teu
ollo está malo, todo o teu corpo está na escuridade. E se a luz que hai en ti é
escuridade, ¡canta escuridade!
Meditación
Un pedaciño de
Evanxeo para lelo con calma, e con calma deixar que nos entre ben dentro,
porque el mesmo fai referencia a dimensións profundas da nosa existencia, e
tamén dos nosos comportamentos normais de cada hora. Que importante é ter unha
ollada sa, limpa, libre de prexuízos, de malicias, de egoísmos, de segundas
intencións, reconciliada coa propia persoa e coas demais persoas! Que distinto
se ve todo, cando a nosa ollada é sa e limpa abondo, está pacificada abondo,
para se converter en canle de afectos e solidariedades que poden máis do que
calquera outra diferenza! Esta luz da ollada é un dos máis grandes dons que
Deus nos pode dar, el que é todo luz, todo esplendor, todo transparencia.
Se ollamos con
esa ollada sa, purificada, libre, seguro que atinaremos con tesouros sólidos
para a nosa vida; buscaremos loxicamente ter o necesario e suficiente para
vivir con dignidade, pero o noso corazón estará aberto para andar en grupo, en
comunidade, as rutas todas da solidariedade. O máximo pracer que salta ata a
vida eterna.
Oración
¿Onde está o meu
tesouro, meu Deus,
onde está con el
o meu corazón?
¿Onde está o meu
corazón, meu Deus,
onde está con el
a miña vida toda?
¿Onde está a
miña vida toda, meu Deus,
onde está con
ela o meu apego a ti?
¿Onde está o meu
apego a ti, meu Deus,
onde está a miña
consideración co próximo?
¿Onde está a
miña consideración co próximo, meu Deus,
onde está con el
o meu servizo á xente insignificante?
¿Onde está o meu
servizo á xente insignificante, meu Deus,
onde está con el
a miña acollida á xente refuxiada?
¿Onde está o
miña acollida á xente refuxiada, meu Deus,
onde está iso de
ser e sentirme irmán universal?
¿Onde está iso
de ser e sentirme irmá universal, meu Deus,
onde está, logo,
o meu tesouro, o meu corazón?
Acción
¿De que forma poderiamos sandar e
limpar algo a nosa ollada? Igual podiamos empezar por non pensar nin actuar
coas persoas desde clixés que delas nos temos feito: É de dereitas, é de
esquerdas, é homosexual, é independentista, é españolista, é …
22 de
xuño: sábado da 11ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 6, 24-34
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Ninguén pode
servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben
atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.
Por iso dígovos:
non andedes agoniados pola vosa vida, pensando no que ides comer ou no que ides
beber; nin polo voso corpo, pensando no que ides vestir. ¿Non vale máis a vosa
vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido? Ollade para as aves
do ceo: nin sementan nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, o voso
Pai celestial mantenas. ¿Non valedes vós máis ca elas? E ¿quen de vós, por máis
que se angustie, pode engadir un minuto ao tempo da súa vida?
E polo vestido
¿Por qué vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran e non
traballan nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou
a vestir coma un deles. Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá
botarana ao forno, Deus así a viste, ¿canto máis non fará por vós, xente de
pouca fe?
Non andedes
angustiados, dicindo: “¿Qué imos comer ou que imos beber ou que imos vestir?”
Por todas esas cousas andan angustiados as persoas que non cren. Ben sabe voso
Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e máis a
súa xustiza e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. Así que non vos
angustiedes polo de mañá, mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo
cos seus pesares.
Meditación
Xesús non nos
fala de non ocuparnos do pan, da mantenza, do vestido, da saúde, da vivenda, da
educación. Xesús dinos que non nos angustiemos. A palabra angustia ou o verbo
angustiarse aparece ata cinco veces no texto. Unha persoa angústiase cando
entende que non é capaz de acadar o que pretende, e pensa que para a súa
situación non hai valedor ou valedora posible. Xesús preséntanos e ofrécenos a
Deus como alguén en que confiar, alguén que coñece o que precisamos, alguén
implicado no noso esforzo, alguén que nos garante ese fondo de confianza que nos
permite traballar con serenidade e eficacia; alguén tamén que abre a nosa
perspectiva: a mellor maneira de acadar todo iso que consideramos básico para
unha existencia digna é preocuparnos polo común, facer da nosa loita individual
un proceso comunitario, do que ninguén quede arredado. Iso que el chama “reino
ou reinado de Deus”. Non é o “sálvese quen poida” que tantas veces nos domina;
senón o “salvémonos en fraternidade”. E niso andar no día a día, porque a cada
día certamente lle chega a súa carga de esforzo e preocupación.
Oración
No meu hoxe,
estás ti, meu Deus,
como rocha
firme,
como fundamento
certeiro,
como aval
absoluto.
Cando as cousas
nos van ben, meu Deus,
e cando as
cousas nos van mal,
e os días
amencen mouros
e os horizontes
mingúan entre preocupacións.
Na vida e na
morte estás ti, meu Deus,
na graza e na
desgraza,
no pranto e na
risas.
Estás ti
especialmente
con quen loita e
sofre
por non ter o
pan de cada día,
roupa coa que
vestirse,
casa onde
gardarse,
traballo co que
sustentarse,
amores nos que
ampararse, …
Estás ti
acompañando
pesares e fracasos,
alentando
esforzos,
retirando
angustias,
espertando
solidariedades,
alentando
esperanzas.
Grazas, meu
Deus, grazas.
Acción
É doado que
descubramos nas nosas vidas algo que nos está levando á angustia, de forma
persoal, ou familiar, ou asociativo, a calquera nivel. Podiamos coller esa
anaco de angustia e ollala cos ollos de Xesús, a ver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.