23 de
xuño: Solemnidade do Corpo e Sangue de Cristo
Evanxeo: Lc 9,11b-17
Unha vez Xesús
empezou a falarlle á xente do reino de Deus e curaba a cantas persoas o
necesitaban. E, como xa ía caendo o día, achegáronse os doce e dixéronlle:
—Despide a
xente, para que vaian as vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se
hospedaren e onde atopen algo que levar á boca, porque aquí estamos nun
descampado.
Pero el
contestoulles:
—Dádelles vós de
comer.
Eles contestaron:
—Pero, se non
temos máis ca cinco bolos de pan e dous peixes! A non ser que vaiamos mercar
mantenza para toda esta xente.
Eran uns cinco
mil homes. Pero el díxolles aos seus discípulos:
—Colocádeos en
grupos e cincuenta.
Dixéronllelo e
sentaron todos. El colleu os cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a vista
ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos
servisen á xente. Comeron todo a fartar e coas sobras encheron aínda doce
cestas.
Meditación
Xesús está coa xente,
co pobo; fálalles da novidade do Reino de Deus, que, polo que ía mostrando coa
súa palabra e cos seus feitos, era un movemento de renovación para as persoas e
para o conxunto da sociedade, baseado na desbordante misericordia de Deus, e na
inclinación especial por aquelas persoas e grupos sociais que máis
especialmente estaban sendo marxinados, diminuídos por calquera clase de poder
político ou relixioso, por calquera clase de abandono ético ou espiritual.
Xesús falaba e curaba, atendía a saúde, os corpos e os espíritos da xente, o
benestar total das persoas que o rodeaban. Xesús manda asumir a organización
dunha comida de pan e peixe, para que a xente famenta non volva ás súas casas
derreada, a base de compartir o pouco que había nas faldriqueiras dalgúns ou
dalgunhas asistentes. Sobra comida cando non se amorea con egoísmo e cando se
comparte con xenerosidade. Ninguén foi excluído daquel banquete solidario,
porque, aínda que o evanxelista se encarga que sinalar de que os asistentes
eran cinco mil homes, ben sabemos todos que onde había homes había tamén
mulleres, e seguro que tanto ou máis devotas de compartir e repartir do que
calquera outro. O de menos é saber se todo o contado polo evanxelista foi certo
ou foi ficción, porque o interese do relato non está na súa historicidade,
senón no seu dinamismo interior, no marco que ofrece dunha maneira nova de ser
persoa relixiosa no medio do pobo, no soño de Deus no medio do pobo.
Como persoas,
como comunidades cristiás, todos, todas debemos cuestionarnos que temos feito
coa celebración eucarística, que temos feito co Corpo e co Sangue de Cristo
entregados por nós, e por todo o mundo, sen exclusión ningunha. Os evanxeos
ofrécennos o marco axeitado para unha boa práctica da Eucaristía, da Misa. Caer
na conta da identificación, como o mesmo Xesús dixo, do seu Corpo e do seu
Sangue co Corpo e co Sangue de todo ser humano, e especialmente co das persoas
máis abusadas, que máis o teñen lesionado, deteriorado, iso parece ser a clave
para unha correcta integración da veneración do Corpo e do Sangue de Xesús o
Cristo na celebración da Misa e en toda a vida cristiá.
Oración
Non me digas que
non tes nada que aportar
para a vida,
para a festa, para o gozo da comunidade!
Faise comunidade
coa graza de todos e todas.
Faise parroquia
cos brazos de todos e todas.
Faise pobo cando
todos e todas arrimamos o lombo.
Faise Reino de
Deus co Corpo e co Sangue de todos e todas.
Non teñas medo a
perder, a quedar baleira/a;
canto pos en
servizo da comunidade
—casa, cartos,
afectos, tempos, ansias, gozos, soños...—,
multiplicarase
nas túas mans
en formas e
maneiras inimaxinables.
Experimenta con
Xesús, ben achegada/o a el,
a enorme
liberdade e alegría de ser Pan e Viño,
Corpo e Sangue
santos,
para a ledicia
da xente,
para a festa e liberación
do pobo.
E entrarás
sinxelamente na rolda amorosa de Deus,
que é e atopa
gloria no resplandor da comunidade.
Acción
A festa do Corpo
e Sangue de Cristo sempre nos invita a ver como está sendo o noso compromiso
coa xente máis desfavorecida da nosa comunidade ou pobo. Que facemos por esa
xente? Que poderiamos facer?
24 de
xuño: Natividade de San Xoán Bautista
Evanxeo: Lc 1, 57-66.80
Cando a Sabela
se lle cumpriu o tempo, deu a luz un fillo. En sabendo os parentes e veciños a
bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito días levárono a
circuncidar e queríanlle poñer o nome de Zacarías coma seu pai. Pero interveu a
nai dicindo:
—Non, chamarase
Xoán!
Eles replicaron:
—Pero se non hai
ninguén na túa parentela que se chame así!
Preguntáronlle
por xestos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir e
puxo:
—Xoán é o nome do meniño.
Todos ficaron
sorprendidos. E se súpeto ceibóuselle a lingua e empezou a falar bendicindo a
Deus. A xente veciña quedou toda abraiada e por toda a montaña de Xudea non se
falaba doutra cousa. Todos os que o oían dicían moi impresionados: “¿Que vai
ser deste neno?” Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño
medraba, robustecíase o seu espírito e vivía no deserto ata o día de se manifestar
a Israel.
Meditación
Xoán e o froito
da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o
froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e
compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o
regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da
humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de
tantos, diría San Paulo.
Xoán foi unha
persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca,
atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade
libre, cómo estaba absolutamente cimentado en Deus, cómo lle doía a
relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa
liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e
tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co
non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida
polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito
desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis
aló do que Xoán podía imaxinar.
Xesús non naceu
da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca
el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito,
que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan
potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi
froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente
poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas
significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se
achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un
referente.
Oración
Bendito, Xoán,
no teu nacemento
no que se xuntou
o amor duns pais crentes
co Espírito de
Deus que todo o fertiliza!
Bendito, Xoán,
porque a man de
Deus sempre estivo contigo
e te deixaches
guiar sempre por ela,
e nela buscaches
apoio e seguridade!
Bendito, Xoán,
que puideches
medrar e robustecerte no Espírito
poñendo da túa
parte o que Deus che ía pedindo!
Bendito, Xoán,
que nos desvelas
o que pasa con todas nós:
tamén froitos do
Espírito para a construción persoal,
para a
construción comunitaria!
Bendito, Xoán,
forte e dócil,
seguro e
humilde,
libre a todos os
xeitos e por iso mesmo crítico,
aberto a todos
os sinais de Deus,
aberto a Xesús!
Bendito, Xoán,
primo de Xesús,
mestre de Xesús,
discípulo de
Xesús!
Admirámoste,
agradecémoste.
¡Bendita tamén a
nai que te pariu e os peitos que te criaron!
Acción
Na festa de Xoán
o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi
importante no noso crecemento humano e espiritual.
25 de
xuño: martes da 12ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 7, 6.12-14
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Non deades o
sagrado aos cans nin lle botedes as vosas perlas aos porcos; non sexa que as
esmaguen cos pés e, virándose, vos esnaquicen.
—Así que tratade
a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e
máis os Profetas. Entrade pola porta estreita, porque ancha é a porta e
espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitas as persoas que entran por
el. Pero ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e
que poucos dan con eles!
Meditación
Tres
advertencias sinxelas por parte de Xesús. Cans e porcos eran animais impuros na
cultura xudía; con este dito parece que Xesús nos invita a coidar o regalo de
Deus que recibimos: sermos fillos e fillas del, sermos irmáns e irmás entre
nós, querer estender a irmandade a toda a xente, sexa da raza, cor, país,
cultura o relixión que sexa. Non xogar con isto, estimalo moito; é o noso
tesouro cristián que temos que coidar con moito coidado. Se non o coidamos, a
nosa falla de coherencia destrúenos a nós mesmos.
Tratar a xente
como nos gustaría que a nós nos tratasen. Que cousa máis sinxela e necesaria.
Canto cambiaría a nosa convivencia diaria se o fixésemos así!
Porta estreita e
porta ancha: si, porque o ben que soñamos para nós e para a xente toda do mundo
é un regalo de Deus, pero, ao tempo, é tamén froito do noso esforzo. Esforzo,
constancia, capacidade de sacrificio ás veces, renuncia, resistencia,
resiliencia, superar gustos e apetencias, etc., son cousas que parecen pasadas
de moda, pero que, sabiamente vividas, son imprescindibles para calquera
crecemento humano, espiritual, relixioso. A iso tamén nos invita Xesús, porque
nos quere ver sans e robustos na vida.
Oración
Xesús,
quero estar cabo
ti
para que me
aprendas
as cousas
simples e fondas da vida.
Gústame iso de
non xogar coa vida, Xesús,
de non xogar coa
xente, coa convivencia,
de coidar todo o
que a agranda e favorece.
Gústame tamén
iso de non xogar coa fe,
non xogar
contigo, con Deus,
non xogar coas
cousas todas do teu Evanxeo:
acollelo, amalo
e, no que poida, vivilo.
Estou disposto a
traballar, a esforzarme,
a non deixarme
levar pola preguiza, polas apetencias.
Apréndeme a
facelo sabiamente, Xesús,
para que en min,
en todos e todas nós,
resplandeza a
vida, a ledicia, a paz e o ben;
e así facer da
vida un xogo gozoso
e do trato coa
xente e con Deus unha festa permanente.
Acción
Por nugalla ou
preguiza, por abandono, por andar ao máis doado, ¿estamos quizais deixando de
facer cousas que vemos proveitosas para nós, para a familia, para a comunidade,
para a sociedade? ¿Non poderiamos cambiar algo?
26 de
xuño: mércores da 12ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 7, 15-20
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—¡Gardádevos dos
falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovellas, pero no fondo non
son máis ca lobos rapaces! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se
recollen uvas dos espiños ou figos dos abrollos? Toda árbore boa produce
froitos bos, e toda árbore mala produce froitos ruíns. Unha árbore boa non pode
producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos bos. Toda árbore
que non produce froitos bos córtase e bótase no lume. Así que polos seus
froitos é como os coñeceredes.
Meditación
O falar non ten
cancelas, afirma o dito popular galego. “Obras son amores y no buenas razones”,
afirma tamén o dito castelán. Ambas as dúas resumen moi ben o que xa Xesús nos
quixo dicir, e que todos entendemos perfectamente. Os feitos de vida son os que
nos din a verdade sobre nós mesmas e sobre as demais persoas: o que somos e o
que non somos, o que son e o que non son. Botar discursos, escribir é doado;
fano moitos feirantes que hai no campo do consumo, da política, da mesma
relixión. O sentido común débenos poñer en garda, sobre todo ante aquelas
persoas que encobren a súa malicia debaixo dunha aparencia de mansedume, de
verdade, de bos razoamentos.
Nos nosos tempos
cómpre moito ter da man este criterio, porque constantemente estamos sendo
bombardeados por palabras, imaxes, noticias, presuntas verdades e seguridades
sobre todo, que nos chegan por medio dos moitos medios de comunicación. Para
saber o que é bo e o que é malo as
persoas cristiás ollamos con confianza os feitos de Xesús.
Oración
Veraz,
coherente,
transparente.
Amiga da palabra
confirmada polos
feitos.
Amiga dos feitos
que sustenten as
palabras.
Froita boa de
árbore tamén boa,
para solaz meu e
de quen me rodee na vida.
Cousa saborosa
que te glorifique,
meu Deus, fonte
de todo ben;
persoa de quen
se fiar,
para que medre a
verdade,
a honradez, a
ledicia,
e con elas a
paz.
Así me queres
ti, Xesús,
Así, por ti, me
quero eu.
Grazas.
Acción
Revisemos un pouco as nosas
palabras de cada día ante diferentes persoas. ¿Son palabras sempre cheas de
verdade, acompañadas de feitos? Algo poderemos facer para poñer máis verdade na
nosa vida.
27 de
xuño: xoves da 12ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 7, 21-29
Naquel tempo
díxolle Xesús á xente:
—Non todo o que
me di: “Señor, Señor” entrará no Reino dos Ceos, senón o que fai a vontade do
meu Pai celestial. Moitos hanme dicir naquel día: “Señor, Señor, ¿non
profetizamos no teu nome, non botamos os demos fóra no teu nome, e non fixemos
moitos milagres no teu nome?” Pero daquela eu heilles dicir abertamente:
“Endexamais non vos coñecín: arredádevos de min os malfeitores!”
Así pois, todo
aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home
asisado que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou
o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou porque estaba asentada na
rocha. Mais todo o que escoita as miñas palabras e non as leva á práctica,
pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu
a riada, bruou o vendaval e bateu contra a casa, que se derrubou sendo grande a
desfeita.
E resulta que,
rematando o seu discurso, a xente quedou sorprendida pola súa doutrina, porque
lles ensinaba con autoridade e non coma os letrados.
Meditación
Onte dicíanos
que nos damos a coñecer polos nosos feitos, bos ou ruíns. Hoxe Xesús, na mesma
liña, dinos que os feitos bos son moito máis importantes que os nosos rezos, as
nosas afirmacións relixiosas, o noso
falar de Deus, ou calquera cousa máis ou menos marabillosa que poida
saír de nós nese campo.
Para Xesús os
feitos son bos cando responden á vontade de Deus. E a vontade de Deus non é
algo máxico, nin algo que se nos manifesta así polas boas. Para Xesús o máximo
era sempre facer a vontade de Deus, e para atinar coa vontade de Deus el
buscaba, compartía, pensaba, razoaba, sentía, rezaba, actuaba. Así descubría a
vontade de Deus e facíaa súa; a súa propia vontade era unha coa de Deus. Eran
un. Pois o mesmo para nós: atinar coa vontade de Deus en cada circunstancia da
vida non é copiala dun libro, senón poñer o corazón e a cabeza a andar, con
humildade, abertas ao que outras persoas buscadoras nos transmiten tamén. A
vontade de Deus non tripa a nosa. A nosa tamén se pode ir facendo unha coa de
Deus. Unha aventura impresionante.
Oración
Unha casa sobre
pedra,
sobre a pedra
firme da túa vontade.
E non sobre as
areas corredías dos meus quereres.
Ai, canté, meu
Deus, canté!
Quen me dera ir
limpando os meus quereres todos
ata descubrir
neles
os sinais da túa
vontade
que ti desde o
día e hora do meu nacemento
inseriches no
meu ser!
E así poder
construír unha boa casa onde habitar,
casa familiar,
comunal,
casa aberta a
calquera persoa visitante ou peregrina,
a calquera
persoa buscadora,
casa de Deus
para quen queira entrar.
O meu corazón,
casa de Deus.
A miña vida,
casa de Deus.
A miña casa,
casa de Deus.
A miña
comunidade cristiá, aberta e gratuíta,
casa de Deus.
Acción
¿Como estamos
construíndo a casa da nosa vida? ¿Sobre que a construímos? ¿A que cousas lle
damos importancia para ter unha casa firme, sólida, a proba das sacudidas da
vida? ¿Estamos abertas/os ao que Xesús nos suxire?
28 de
xuño: Solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús
Evanxeo: Lc 15, 3-7
Unha vez
contoulles Xesús esta parábola aos fariseos e letrados que murmuraban del por
falar e comer coa xente pecadora:
—¿Quen de vós,
se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no
descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E, cando a atopa, volve todo contento para a casa con ela ao
lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dille: “Alegrádevos comigo, que
atopei a ovella que perdera”. Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis
alegría por un pecador que se converta ca por noventa e nove persoas xustas que
non precisan conversión.
Meditación
A parábola que
conta Xesús é coma un retrato do que el é, do que el fai; é un reflexo do seu
corazón, do que o anima e alenta, do que o apaixona e entristece, do que o
aleda e move a facer festa comunitaria. A ovelliña máis fráxil é o centro das
súas ansias. E nós, todas e todos nós, estamos aí no medio, sendo o obxecto
dese dor e preocupación, desa busca, desa ledicia, desa festa compartida. E
Xesús, xa o sabemos, é o rostro humano de Deus no medio de nós. En que mans tan
marabillosas estamos? Este é o ámbito no que podemos e debemos entender a nosa
existencia, con seus acertos e desacertos; por dentro e por fóra de calquera
comportamento noso sempre, sempre está esta carga de afecto fondamente
solidario no que Deus nos envolve. Bendito sexa!
E Xesús
invítanos a sermos nós tal coma el é, algo polo menos. Aprender a ir estendendo
a nosa ansia solidaria ao lado de toda a xente que nos rodea, buscando, acompañando,
alentando procesos, festexando. As nosas Eucaristías ben poderían ser o remate
festeiro destes procesos nos que nós somos a un tempo persoa buscada e persoa
buscadora; e, se non é así, de pouco valen as nosas Eucaristías.
Oración
Bendito sexas,
Xesús,
pola intención
solidaria na que sempre te movías:
ollos e corazón
cara ao próximo!
Bendito sexas,
por reparar na
máis débil,
calquera que
fose a súa debilidade,
que lle impedía
gozar dun fogar acolledor!
Bendito por dar
preferencia á máis vulnerable,
ata o punto de
descolocar aos sabios e entendidos,
que con tanto
saber non entendían
os segredos do
teu corazón!
Bendito sexas,
Xesús,
porque así é
como nos ves e atendes a cada unha de nós,
máis alá dos
receos da xente,
máis alá das
nosas propias desconfianzas!
Acción
Hoxe, nalgún
momento do día, podiamos descubrir e festexar algo este buscar e atopar propio
de Xesús. Podémolo facer no ámbito familiar, comunitario, social, político.
Quen pode ser hoxe a ovella perdida? Quen anda na súa busca?
29 de
xuño: Solemnidade dos santos Pedro e Paulo
Evanxeo: Mt 16, 13-19
Naquel tempo,
cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus
discípulos:
—¿Quen di a
xente que é o Fillo do Home?
Eles
responderon:
—Uns, que Xoán
Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quén dicides que son?
Respondeu Simón
Pedro:
—Ti es o Mesías,
o Fillo do Deus vivo.
E Xesús
contestoulle:
—Ditoso ti,
Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue,
senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta
pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a vencerá. Dareiche
as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e
todo o que desates na terra ficará desatado nos ceos.
Meditación
Celebramos a
festa dos santos Pedro e Paulo. Ambos foron persoas ben significativas dos
comezos do cristianismo, do comezo, logo, na nosa mesma historia relixiosa. Os
seus perfís foron moi distintos. Pedro, un pescador, un home do mar, simple,
impetuoso, apaixonado, duro de cabeza ás veces, forte e fráxil a un tempo;
coñeceu a Xesús, encantoulle Xesús, seguiuno de corazón, pero practicamente non
deu entendido a Xesús durante todo o tempo que viviu con el; despois foi caendo
na conta da extraordinaria existencia daquel aldeán de Nazaré, que un día
aparecera polas praias de Cafarnaum. De maneira sorprendente sobre esta persoa
apaixonada e fráxil, moi querido por Xesús, caeu a responsabilidade de alentar
o grupo de xente que se foi decidindo por Xesús. Todo un sinal. Non é unha
Igrexa forte e perfecta, cauta e medrosa, a que lle interesa a Xesús; senón
unha igrexa apaixonada, arriscada, fráxil, pecadora, que necesita e demanda perdóns.
Así, só así, manexaremos chaves dedicadas maiormente para abrir, pois qué van
pechar aqueles, aquelas, ás que tantas veces inmerecidamente se lles abriron
tantas portas!
Paulo foi ben
distinto de Pedro. Home urbano, estudado, coñecedor dos detalles da lei xudía,
contrario acérrimo do grupo de Xesús, pero, ao que se ve, buscador honesto da
verdade; un día decatouse de que en Xesús, a quen non coñeceu en vida, había un
ofrecemento gratuíto de Deus para toda a humanidade. Namorouse do de Xesús,
fíxoo a vida da súa vida. Entrou nos grupos de Xesús, animou comunidades,
escribiu moito sobre a novidade de Xesús, sobre como se habían desenvolver as
comunidades cristiás no mundo do imperio romano. Como a Pedro, matárono por
defender o que defendía.
Nós somos persoas
ben diferentes entre nós. Cada un, cada unha é como é, ten a procedencia que
ten, a formación que ten, a dedicación que ten. Para todos e todas nós Xesús é,
pode ser, unha persoa significativa. O seu ofrecemento pode satisfacer moitas
buscas persoais que están petando á porta do noso corazón.
Oración
Grazas, meu
Deus, por Pedro e Paulo,
cada un á súa
maneira animadores do camiño cristián.
Grazas polo don,
polo mérito, polo regalo de cada un deles.
Grazas pola
comunidade cristiá
que a partir
deles se foi estendendo polo mundo enteiro,
ata os nosos
días.
Grazas polos
homes e mulleres
que a foron
enchendo de vida e de servizos.
Grazas polas
súas fortalezas e debilidades,
que son as nosas
fortalezas e debilidades tamén,
que nos quitan
chulerías e prepotencias.
Grazas pola
xente que segue atraída por Xesús,
e nos acompaña e
arrastra no seu seguimento.
Grazas pola
xente audaz que na Igrexa abre camiños
de maior
fidelidade, de maior liberdade.
Grazas polas
mulleres que fan Igrexa,
e a queren
pobre, respectuosa, libre, igualitaria,
como sempre
soñaba Xesús.
Acción
Podemos pensar
que papel estamos desempeñando na Igrexa, na comunidade cristiá, na parroquia
da que formo parte. ¿De que maneira somos homes e mulleres de comunidade, de
Igrexa? ¿Poderiamos avanzar neste camiño?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.