30 de
xuño: Domingo 13 do tempo ordinario
Evanxeo: Lc 9, 51-62
Cando se ía
cumprir o tempo de ser levado deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. E
mandou mensaxeiros por diante. Entraron estes nunha aldea de samaritanos para
lle prepararen pousada, pero non o recibiron, porque se decataron de que ía
cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres
que digamos que baixe do ceo un raio e que os parte?
Pero el volveuse
cara a eles e rifoulles. E foron para outra aldea. Polo camiño unha persoa
díxolle:
—Seguireite
vaias onde vaias.
Respondeulle
Xesús:
—As raposas
teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do home non ten onde
pousar a cabeza.
Díxolle a outra
persoa:
—Sígueme.
Pero esta persoa
contestoulle:
--Déixame ir
primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
—Deixa que os
mortos enterren os seus mortos; ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outra persoa
díxolle tamén:
—Señor,
seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
—Quen despois de
por a man no arado, mira para atrás, non é apto para o Reino de Deus.
Meditación
Xesús cos seus
discípulos cruza Samaría, territorio hostil para os xudeus por cuestións de
tipo relixioso. Xesús e os seus discípulos sofren malos modos e algúns dos
discípulos contestan con ameazas, con desexos de aniquilamento. Un exemplo das
agresións mutuas por cuestións relixiosas que en todos os tempos se dan. Tamén
nos nosos. Nas conversacións normais, na comunicación por internet cánta
agresividade se verte, cánta condena, e no nome de Deus! E moita desta xente
dise seguidora do Deus de Xesús! Cánto podemos e debemos medrar en respecto, en
escoita, en escoita entrañable, vulnerable, en silencio, antes de poñernos a
aniquilar aos que non pensan e viven coma nós! E iso sen deixar de vivir
conforme ao que nós cremos sinceramente que é o máis auténtico. As persoas relixiosas podemos poñer moita paz
no mundo, pero tamén podemos sementar moi agresividade. Onde estamos nós?
Ao longo desa
viaxe Lucas coloca o caso de tres persoas que se achegan a Xesús con ideas de
seguimento. Son escenas moi curtas, con frases moi contundentes por parte de
Xesús, con formas de falar algo esaxeradas, rechamantes, cousa que lle gustaba
facer moito a Xesús; pero no fondo Xesús, desa maneira algo chocante, o que
quería transmitir era que o que el traía entre mans, con iso do Reino de Deus,
non era un xogo, era algo que marcaba a fondo, felizmente, a vida das persoas;
e que, polo tanto, tampouco non era un xogo embarcarse no seu seguimento. O
seguimento de Xesús implica ir medrando en certas actitudes persoais, para que
o acompañamento de Xesús nos leve aos cambios persoais e sociais, á
satisfacción, á felicidade en definitiva á que Xesús nos quere acompañar. Paga
a pena que, como persoas e comunidades cristiás, reparemos nelas, coma se Xesús
mesmo se estivese dirixindo a nós.
Oración
Quen é apta,
apto, para o Reino de Deus,
para andar,
Xesús, canda ti os teus camiños?
--Quen me ama,
quen ama as
miñas causas,
quen camiña
comigo aos lugares do conflito relixioso e social,
onde se xoga o
honor de Deus
no honor da
xente máis débil, marxinada, pecadora.
--Quen comigo se
compromete a fondo,
apaixonadamente,
pero non
responde á agresión con violencia,
respectando as
persoas e os seus tempos,
fiándose da
bondade radical de todo ser humano.
--Quen nestes
tempos de apertos e incertezas
foxe comigo de
riquezas e seguridades
comparte o pan,
a casa, os afectos,
e pousa a súa
cabeza con confianza
no seu de Deus e
da comunidade.
--Quen ve comigo
na propia familia
unha escola
humilde onde aprender,
para abrirse con
corazón e ganas
á familia maior
dos irmáns e irmás todas da terra,
e así educa e se
deixa educar.
Acción
¿Vemos que
nalgún campo da nosa vida, por fidelidade a nós mesmos, a quen nos rodea, á
xente máis vulnerable da sociedade, deberiamos dar un paso adiante, aínda que
algo nos custe? Recuperemos algo a ousadía de Xesús.
1 de
xullo: luns da 13ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 8, 18-22
Unha vez, vendo
Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda do
lago. E achegouse a el un letrado que lle dixo:
—Mestre,
seguireite vaias a onde vaias.
Respondeulle
Xesús:
—As raposas
teñen tobeiras e os paxaros niños, pero o fillo do Home non ten onde pousar a
cabeza.
Outro dos seus
discípulos díxolle:
—Señor, deixa
que vaia primeiro enterrar a meu pai.
Xesús
respondeulle:
—Ti sígueme e
deixa que os mortos enterren os mortos.
Meditación
As respostas de
Xesús ás persoas que lle solicitaban podelo acompañar é radical, como o era
toda a súa vida; dille ao letrado que para seguilo cómpre entrar nunha liña de
pobreza, de baleiro, de despoxo en todos os niveis da persoa: baleiro
económico, baleiro afectivo, baleiro de posición social, etc. A proposta era
contraria ás aspiracións dun bo letrado: fartura económica, afectiva,
recoñecemento social… A proposta é tamén contraria ás aspiracións da maioría de
nós.
Cando outro
discípulo lle manifesta o desexo de ir enterrar o pai, para despois seguilo,
Xesús amósase de novo radical: para poder seguilo, non vale darlle prioridade
aos costumes sociais, por moi lóxicos e sagrados que parezan. O que urxe é
secundar a chamada de Deus a crear no seu nome e coa súa forza unha nova rede
de solidariedade, na que todo, tamén os respectos familiares poidan estar
incluídos.
Seguro que
quedamos moi cuestionados por estas palabras de Xesús. El viviu a tope conforme
ao que dicía. Nós poderemos dar algúns pasos polo menos; e, se son na dirección
do indicado por Xesús, posiblemente lle vaiamos collendo sentido e gusto á
proposta de Xesús.
Oración
Non quero que me
asusten as túas palabras, Xesús:
debaixo delas
hai unha proposta de vida completa, feliz.
Pero lévame da
man,
para aprender
contigo a gustar
o gozo raro de
facerme persoa baleirándome,
dándome á xente
sen tempos nin medidas.
Lévame da man
para aprender
contigo
que o máis
importante de todo,
para min, para a
miña familia, para o meu pobo,
é o respecto, o
coidado, o amor, a xustiza,
por riba de
calquera requisito relixioso ou social.
Xesús, quero
seguirte,
como aprendiz
quero seguirte.
Acción
¿Vivimos
dándolle moita importancia e mesmo prioridade a algúns costumes sociais, que en
verdade pouco nos fan medrar como persoas cristiás? ¿Podemos despegarnos en
algo deses costumes sociais que non levan a nada?
2 de
xullo: martes da 13ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 8, 23-27
Unha vez subiu
Xesús a unha barca e os seus discípulos seguírono. De súpeto levantouse tan
grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os
discípulos fórono espertar, exclamando:
—Señor, sálvanos
que afogamos!
El díxolles:
¿Por qué vos
acovardades, homes de pouca fe?
E, poñéndose de
pé, increpou os ventos e máis o mar e veu unha grande calma. Os homes,
abraiados, dicían:
—¿Quen será este
que mesmo os ventos e máis o mar lle fan caso?
Meditación
Na vida persoal
pasamos ás veces por situacións extremas, que nos desbordan, que nos fan
dubidar de nós mesmas, da nosa capacidade de saír adiante; invádenos o medo,
que nunca é bo conselleiro. E na vida familiar, ou na vida da comunidade da
parroquia, ou na vida social, política, tamén pasan cousas así. É doado
poñerlle nomes ás grandes ondas que ameazan a barca e a quen nela estamos. Os
sentimentos, as palabras saen de nós solicitando axuda da xente ou do mesmo
Deus. E está ben facelo. Na xente e en Deus podemos atopar apoios,
tranquilidade, acougo para discernir ben a situación, para ver o que cómpre
facer, para nunca nos sentir sos ante o perigo, para adiviñar presenzas fondas
que nos pacifican e alentan a fondo, que nos garanten que nunca a vida está
abocada ao fracaso, nin sequera coa mesma morte polo medio. Sen milagres raros,
podemos vivir asentadas nesta fe, nesta calma, nesta esperanza.
Oración
Señor, Señor,
que afogamos!
Que non temos
respiro na vida:
o paro, a
crianza, o fracaso amoroso,
a miña adición,
o avó e avoa que
non dámos atendido!
A parroquia que
non vai,
a sociedade
escindida,
unha parte
grande do mundo afogada
por culpa de
políticas deshumanizadas!
O corazón, o
máis íntimo de nós
que anda á
intemperie,
sen saber onde
apoiarse
para poder vivir
en paz, en
liberdade!
Señor, Señor,
que afogamos!
Acción
Podemos
identificar algún dos medos que nos están afogando a vida. Podemos compartilo
con outras persoas, con Deus mesmo tamén na oración. Seguro que colleremos
forzas para manexar mellor eses medos.
3 de
xullo: festa de Santo Tomé apóstolo
Evanxeo: Xn 20, 24-29
Tomé, un dos
doce, o chamado Xémeo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón
os outros discípulos:
—Vimos o Señor.
Pero el
contestoulles:
—Como non vexa
nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta
a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días
despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús,
estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Paz convosco
Despois díxolle
a Tomé:
—Trae aquí o teu
dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas
incrédulo, senón home de fe.
Tomé
respondeulle:
—Meu Señor e meu
Deus!
Xesús díxolle:
—Tes fe porque
me viches? Benia as persoas que creron sen me veren!
Meditación
Somos moitas as
persoas ás que nos custa crer moitas cousas do noso credo, en concreto iso de
que Xesús resucitase, iso de que tamén nós resucitaremos para participar en
Deus dunha existencia perdoada e feliz. Ninguén volveu de aló para nolo contar,
dicimos ás veces. Tamén nos custa crer que Xesús crucificado, morto e
resucitado poida estar ben representado pola xente máis fráxil deste mundo, a
máis empobrecida, a máis machucada polo mal, pola dor, polo abuso. Cústanos
crer que tocando a esta xente tocamos a Cristo, que servindo a esta xente
servimos a Cristo, que coidando desta xente coidamos de Cristo e practicamos a
mellor vida relixiosa. Temos fe frouxa. Dubidamos. Gustaríanos tocar para crer.
Pero a vida
humana é así. Moitas cousas das máis fermosas da vida humana están sempre no
aire, no campo da fe. Vivímolas na incerteza, na inseguridade. Aí está a súa
fraxilidade e a súa maior fermosura: O amor da parella coa que convivo, as
amizades que sosteñen a miña vida, as compañeiras de traballo que me facilitan
o meu, mesmo os animais domésticos que utilizo para o traballo, para a
produción ou para o lecer. Crer é substancialmente humano. A fe relixiosa é
substancialmente humana tamén.
Oración
Meu Señor e meu
Deus!
Meu Pai en quen
confiar,
miña Nai en quen
acougar!
Meu Amigo con
quen compartir,
miña Irmá na que
me apoiar!
Meu Compañeiro
no que me recrear,
miña Mestra coa
que madurar!
Miña Confidente
que me comprende,
meu Guieiro que
me encamiña!
Miña Criada que
me atende en todo,
Meu Gardián que
coida de min!
Meu Respecto que
sempre me desborda,
Meu Agarimo que
sempre me acubilla!
Miña Señora e
meu Deus!
Acción
Podemos
achegarnos a algunhas persoas maltratadas pola vida ou polos abusos doutros.
Tocamos as súas feridas. Practicamos a fe de que nesas chagas están as chagas
do mesmo Cristo. E facemos o que a nosa fe nos pida facer.
4 de
xullo: xoves da 13ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 1-8
Naquel tempo
subiu Xesús a unha barca, cruzou para a outra banda do lago e chegou á súa
vila. Nisto trouxéronlle un tolleito nunha padiola. Vendo a fe que tiñan,
díxolle ao tolleito:
—Ánimo, meu
fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.
Entón algúns
letrados dixeron para si:
—Este home
blasfema.
Coñecendo Xesús
o que pensaban, díxolles:
—¿Que cavilades
nos vosos adentros? ¿Que é máis fácil dicir: “perdoados quedan os teus
pecados”, ou dicir: “érguete e anda?” Pois para que vexades que o Fillo do Home
ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito--: “érguete, colle
a padiola e vai para a casa”.
E erguéndose
foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e glorificaban a Deus por
lles dar tal poder á xente.
Meditación
O corpo e o
espírito. A sanidade física e a espiritual. O coidado dunha e o coidado da
outra. Xesús, tan dado a curar todo canto vía e podía, resalta neste caso a
importancia de que unha persoa estea a fondo reconciliada consigo mesma, coa
xente veciña, con Deus, a través do perdón demandado e recibido. Por moito que
pareza outra cousa, é máis doado ás veces acadar a saúde física ca non a
espiritual. Entre nós –isto non pasa en moitas partes do mundo, por desgraza--,
con bastante boa atención médica universal, podemos dicir que a saúde física
está máis ou menos buscada e atendida. Non así a espiritual, no sentido tan
amplo que esta palabra pode ter. ¿Non son os antidepresivos as menciñas máis
consumidas entre nós? Unha boa experiencia relixiosa é sen dúbida un elemento
importante de estabilización das persoas, porque accede a niveis fondos das
persoas, onde con frecuencia se cocen moitos dos nosos benestares e frustracións.
Accede ao noso ser máis verdadeiro. Pero, ¿vivimos e axudamos a vivir unha
experiencia relixiosa sa, liberadora?
Oración
Que poder máis
grande tiñas, Xesús!
Que poder máis
grande recibías de Deus!
Sandar os corpos
e máis os espíritos,
asentar
corazóns,
recompoñer e
vigorizar vidas,
enchéndoas coa
seguridade do perdón,
das mans dun
Deus que nos quere sen medida.
Grazas, Xesús,
porque dese ben
teu recibimos todas, todos nós.
Grazas ademais,
Xesús,
porque compartes
connosco os teus poderes,
e nos fas
capaces de dar alentos,
de estender
perdóns,
de acompañar
vidas,
de sementar
esperanzas alá por onde imos.
Grazas, Xesús,
grazas.
Acción
Podemos visitar
hoxe algunha persoa enferma e compartir con ela ánimos, alentos, fe.
5 de
xullo: venres da 13ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 9-13
Unha vez, ao
pasar Xesús por un lugar, viu un home chamado Mateu, sentado ao mostrador da
contribución, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e
seguiuno.
E resulta que,
estando á mesa na casa, viñeron moitos recadadores e pecadores, e puxéronse
tamén á mesa con Xesús e máis os seus discípulos. Cando tal viron os fariseos,
dixéronlle aos discípulos del:
—¿Como é que o
voso Mestre está a comer con recadadores e pecadores?
Xesús oíuno e
dixo:
—Non son os sans
senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que
significa aquilo de “misericordia quero e non sacrificios”. Porque non vin chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.
Meditación
Mala xente os
recadadores de impostos naqueles tempos, porque eran os representantes do poder
romano que espremían a xente máis necesitada sobre todo. Neles concentrábase
moita rabia e moito odio por parte do pobo. E vas ti, Xesús, e escolles a un
deles para o teu grupo, e déixaste invitar e fas xantar como de festa cun grupo
deles ao que se ameceron outras persoas de semellante catadura. Que libre e
orixinal eras, Xesús! Como sabías ollar e ler e entender o que podía pasar polo
fondo das persoas! Como sabías romper con rutinas e cousas que parecían
sagradas e abrir portas para que todo tipo de xente puidese entrar na sociedade
nova que ti soñabas; entrar tamén na nova relación con Deus que ti ofrecías.
Contra o que era hábito e doutrina no teu tempo, xusto a xente máis arredada de
Deus foi a túa preferida. Dá case gusto ser persoa pecadora, para sentirte ao
pé dun exercendo misericordia.
Oración
Misericordia
quero e non sacrificios.
Achegamento á
xente débil e non xuízos.
Comprensión
cordial e non condenas.
Acompañamentos
humildes e non críticas de lonxe.
Mestura coa
xente pecadora e non grupiños selectos.
Crítica
agarimosa e non burlas e desprezos.
Constancia na
presenza e non abandonos á primeira.
Pregaria doída e
non apelacións doutrinais.
Amor, amor, amor
e non relixión baleira.
Acción
¿Hai entre nós
algunha persoa máis ou menos perdida, coa que nos esteamos comportando desde a
distancia, desde a crítica sen misericordia? ¿En que podiamos facer algo
cristiá a nosa relación con esas persoas?
6 de
xullo: sábado da 13ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 9, 14-17
Naquel tempo
achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán alegando:
—Nós e máis os
fariseos gardamos moito o xaxún. ¿Por qué non o gardan os teus discípulos?
Respondeulles
Xesús:
—¿Poden os
compañeiros do esposo estar de loito mentres teñen con eles o esposo? Xa
chegará o día no que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
—Ninguén lle
bota un remendo de pano aínda sen remollar a un vestido vello, pois o novo
tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco se lle ocorre a
ninguén botar viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos,
iríase o viño e estragaríanse os pelellos; pola contra bótase o viño novo en
pelellos novos para que ambos os dous se
conserven.
Meditación
Na cultura relixiosa
dos tempos de Xesús dábanlle moita importancia ao tema do xaxún; cando se facía
na verdade, expresaba arrepentimento por cousas mal feitas e desexos de andar
en maior fidelidade con Deus e coa xente. Claro que moitas veces acababa sendo
un rito baleiro, que non conmovía nada. Hoxe, en ambientes de abundancia,
gústanos vivir o xaxún como unha maneira de adelgazar, de desapegarnos do
material, de poder compartir con quen careza de bens para vivir.
Pero Xesús non
entra no debate sobre o si ou o non do xaxún. Vai máis ao fondo. A súa proposta
de vida crente, de relación con Deus e de relación entre a xente, é algo novo
que non encaixaba na montaxe relixiosa dominante; era o pano novo que racharía
máis o vestido vello, era o viño novo que estragaría o pelello vello. ¿Onde
estaba a novidade de Xesús? Na fonda conciencia común de sermos fillos e fillas
de Deus en verdade, con acceso directo ao corazón de Deus; e a conciencia de
sermos familia por querenza de Deus, de sermos sociedade de iguais, na que a xente
fráxil é a máis considerada. ¿Vivimos hoxe as persoas e comunidades cristiás
nesta novidade de Xesús? ¿Ou somos tamén o vestido vello, o pelello vello, nos
que non é posible acoller a novidade de Xesús?
Oración
Que nunca nos
chufemos, Xesús,
de andar
fielmente polos teus camiños.
Que nunca
sinalemos aos demais
como os errados
e arredados de ti.
Que sexamos
suficientemente humildes
como para ver
que todos temos as mans sucias
e o corazón
encollido.
Que nos
renovemos á luz da túa vida,
para que as
nosas comunidades falen de ti con verdade
e sirvan o pobo
como ti o servías.
Purifícanos o
corazón e a vida, Xesús,
para que a túa
fermosa novidade nos seduza,
e renove a fondo
as nosas vidas.
Acción
Todos formamos
parte dunha comunidade, dunha parroquia. ¿Somos comunidades e parroquias que
vivimos e transmitimos a frescura de Xesús, si, non? ¿En que poderiamos
mellorar?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.