21 de
xullo: domingo 16 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc
10, 38-42
Unha vez, indo
de camiño, entrou Xesús en certa aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na
súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María que, sentada aos pés do Señor,
escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da
casa, e, achegándose a el, díxolle:
—Señor, ¿non che
importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
Pero o Señor
respondeulle:
—Marta, Marta,
preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria.
María escolleu a mellor parte e esa nunca se lle vai quitar.
Meditación
A primeira
lección deste evanxeo é a da acollida. Acoller ten, pode ter, hoxe dimensións
ben importantes: acoller a quen vén de fóra, e se distingue de nós na cor da
pel, nas ideas, na relixión, nos costumes; acoller a quen ten ideas políticas
diferentes das nosas, a quen na mesma Igrexa entende as cousas de modo moi
diferente, ata o punto de case escandalizarnos; acoller a quen non cre, a quen
entende a vida, a moral, o uso do tempo ou do diñeiro de maneira distinta de
nós. Acoller, respectar, dialogar, transmitir vivamente tamén o que nós
pensamos, sentimos e vivimos; escoitar con escoita vulnerable, é dicir,
expoñendo a nosa forma de vida ao que de novo nos pode vir da persoa que temos
diante. Canto necesitamos no momento presente da acollida! Canto nos perdemos
pechando as portas, o corazón, as ideas, os sentimentos, ao distinto do noso!
Como vivimos isto nas nosas comunidades cristiás?
O texto céntrase
bastante en comentar dúas maneiras distintas de acoller a quen chega. Hai unha
acollida máis activa, de preparar e dispoñer cousas, alimentos, bebidas, que
seguramente son moi necesarias. E canto agradecemos eses detalles que nos
ofrecen as persoas que nos acollen! Marta era unha muller moi disposta para iso.
Xesús, que gustaba de comer e beber, valoraba sen dúbida os agasallos de Marta,
pero, ao tempo, proponlle a escoita de María; así, entre doces e silencios,
constrúese o espazo onde se realiza de verdade o encontro entre as persoas.
Entre bocado e bocado, pódese falar, pódese escoitar, pódese meter no fondo da
persoa o alimento do corpo e o alimento da alma, que nos permita vivir,
renovarnos, pacificarnos, alentarnos, medrar coma persoas, soñar...
Estamos en
tempos de vacacións. Viaxemos pouco ou moito, seguro que son tempos de
encontros, de visitas, de conversas, de diálogos. Poderemos poñer moi en
práctica esta ensinanza de Xesús, que responde a algo fondamente humano.
Poderemos tamén poñernos á escoita de Xesús, de forma tranquila, aberta,
dispoñible. Non fan falla cartos para facelo, nin viaxes, nin grandes medios.
Simplemente a vontade de querer e deixar que a vida sexa alentada por alguén
que, se en algo se caracterizou, foi en acoller as persoas, escoitalas a fondo,
e transmitirlles unha enerxía nova, capaz de abrir as súas vidas a algo nunca
antes pensado. Pero, iso si, se non acollemos, escoitamos, á xente, non
estaremos capacitados/as para acoller e escoitar a Xesús, a Deus.
Oración
Escoller a
mellor parte…
Vale máis xantar
pobre en harmonía
ca mesa fina en
desconfianzas.
Vale máis
achegarse ao corazón da xente
que asombrarse
das lindezas dos seus bens.
Vale máis abrir
con poucas palabras a propia vida
que esbardallar
e esbardallar sen xeito nin medida.
Vale máis o
silencio humilde e acolledor
ca todos os
agasallos do mundo.
Vale máis unha
aperta solidaria
ca centos de
proclamas sobre a solidariedade.
Vale máis o bico
dun neno, dunha nena,
ca todas as pomposas
cerimonias sobre alfombra vermella.
Vale máis
motivarse mutuamente polo que leva a humanizarse
que as
discusións acaloradas sobre quen é xa máis humano/a.
Vale máis o
silencio calmo dunha mañá labrega
ca todos os
barullos nocturnos entre sexo, droga e borracheira.
Vale máis o
perdón dado e recibido
que a
incriminación e a violencia.
Vale máis a vida
calada dunha velliña de aldea
que as
biografías sonoras de tanto xerifalte.
Vale máis o
corazón cálido, os sentimentos,
que a cabeza
fría e calculadora.
Valen máis as
bágoas dun orfo/a
ca todas as
urxencias da xente acomodada.
Vale máis unha
mazá traballada con mans respectuosas coa terra
que camións
delas producidas con técnicas agresivas.
Vale máis o
recendo natural dun atardecer labrego
ca todos os
perfumes da Francia.
Vale máis un
pouquiño de sexo entre coidados e afectos
que as máis
grandes orxías a corazón baleiro.
Vale máis a
pobreza digna
que a riqueza
insolidaria.
Vale máis andar
á túa sombra, Xesús,
que camiñar ao
abeiro de ricos e potentados.
Acción
Podemos reparar
nos nosos encontros de hoxe, a ver se os realizamos ao estilo de Xesús, dando
paso a escoitar e compartir cousas algo fondas da nosa vida. Aproveitaranos.
22 de
xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos.
Evanxeo: Xn 20, 1.11-18
O primeiro día
da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e
viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra,
chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos
vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde
xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que
choras?
Ela
respondeulles:
—Porque colleron
o meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto,
virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era
Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que
choras? A quen buscas?
Ela, coidando
que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o
levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
—María!
Ela, virándose,
exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que
quere dicir “Mestre”)
Xesús díxolle:
—Sóltame, que
aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo
onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena
foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.
Meditación
Se dicimos que
María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola,
anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa
narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis
diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de
vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que
parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara
a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que
o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión
nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de
axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora
de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.
E todo isto unha
muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si
mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai
así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido,
nin moito menos.
Oración
María,
Magdalena,
irmá maior e
mestra,
apréndeme os
camiños do encontro vivo con Xesús.
Máis alá de
teorías e doutrinas,
ensíname a
agarrarme a el
amorosamente,
vitalmente.
Apréndeme a
vincularme con el,
co seu estilo de
vida,
cos seus
fondísimos convencementos,
coa súa maneira
de sentir e vivir a Deus,
coa súa maneira
de sentir a vivir as persoas,
que, envoltas en
fraxilidade,
se ían cruzando
con el.
Ensíname a poñer
as miñas nudeces,
coma ti, sen
escusas,
á auga, á luz,
ao clareo de Xesús.
Acción
Podemos reparar
nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que
atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles
expresar o noso agradecemento.
23 de
xullo: Festa de Santa Bríxida, patroa de
Europa.
Evanxeo: Xn 15, 1-8
Nunha ocasión
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son a
verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva
froito arríncaa, e a que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda.
Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu
en vós.
Así como a rama
da vide non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así
tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen
permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non
podedes facer nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da
vide, e secan; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as
miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto
é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como
discípulos meus.
Meditación
Santa Bríxida
(1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva
e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa
paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes
revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller
mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de
Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha
constante relación cos poderosos
daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e
entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán
Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catarina de Siena e
Santa Tareixa Benedicta da Cruz.
Canto
necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando
persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que
tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun
Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen
sinta e queira!
Oración
Grazas por
Bríxida, Deus noso;
Grazas pola súa
condición de muller,
pola súa
condición de esposa e nai.
Grazas pola súa
vontade firme
de permanecer
fondamente unida ao Cristo sufrinte,
para facerse así
sensible ás dores do seu tempo.
Grazas polas
súas mediacións, polas súas revelacións,
pola súa vontade
firme de restaurar e pacificar,
respectando
sempre a xente máis fráxil.
Grazas nela por
todas as persoas
que queren facer
de Europa e do mundo
un espazo
fraterno,
a base de
privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.
Grazas por
Bríxida, Deus noso,
que o se exemplo
nos conforte e nos arrastre.
Acción
En Galicia, en
España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos
menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña,
xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses
casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando
confrontacións estériles?
24 de
xullo: mércores da 16ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 1-9
Un día Xesús
saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del,
que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E
faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
—Unha vez saíu
un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño
adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde
apenas había terra; e naceu de contado
porque a terra non tiña fondura, pero, non ben saíu o sol, queimouna e, como
non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas,
afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta;
outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!
Meditación
Quen teña oídos
que escoite. O primeiro que podemos escoitar é que o labrego sementa
xenerosamente; non di: ui, igual me cae algunha semente no camiño, mellor non
sementar; por aquí hai moita pedra, mellor non; por aquí hai moita silva,
tampouco. Non escolle unicamente a terra boa, boa. Deus non é selectivo. A súa
palabra non é selectiva. E menos é só para xente privilexiada. A súa presenza,
a súa palabra é un regalo xeneroso para quen lle queira abrir as portas. Se
somos terra ruín, a semente cae igual nos nosos corazóns, e quen sabe? Pero
mellor é facernos terra traballada, coidada, para que a semente de Deus e da
vida prenda, se desenvolva ben, medre e dea froitos. Iso é a gloria de Deus.
Iso é a nosa bendición.
Oración
Eu quero ser
terra boa, meu Deus.
Que a túa
xenerosidade se vexa correspondida
coa miña mellor
disposición.
Eu quero
participar da túa abundancia,
para frutificar
con ela,
para gozar dela,
para compartila.
Eu quero facerme
contigo,
ao teu carón
sempre,
sementador,
sementadora,
para que o ben
da vida
chegue a toda a
xente por igual,
como regalo teu,
como froito
dunha boa planificación social,
como mimo
especial para coa xente máis vulnerable.
Asóciame, meu
Deus,
ao teu labor de
sementeira.
Acción
¿En algo somos
terra dura, tripada, terra con moita pedra, terra con moitas silvas, terra
pouco coidada para a semente da vida, a semente de Deus? ¿Qué podemos facer e
cambiar para facernos terra boa?
25 de
xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de
Galicia.
Evanxeo: Mt 20, 20-28
Nunha ocasión
achegouse a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para
lle pedir algo. El preguntoulle:
—Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes
dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle
Xesús:
—Non sabedes o
que pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O meu cáliz
beberédelo, pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de
min concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.
Ao escoitaren
isto os outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e
díxolles:
—Xa sabedes que
os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós
non pode ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen
queira ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a
que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Meditación
Dúas maneiras de
entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír
a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido
social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos
fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais
discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima
xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben
difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil
maneiras.
Xesús, nesta
ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra
maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no
canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos,
soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É
algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de
xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos,
todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como
vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.
A Santiago, o
noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a
morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do
servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade
relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para
Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora,
na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo
se sente servido e atendido.
Oración
Óllote, Galicia,
cun corazón
agradecido.
Gózote na túa
xeografía marabillosa,
na túa rica e
variada cultura,
na túa
harmoniosa fala tan pouco valorada,
nos homes e
mulleres
que te senten,
te queren, falan de ti con orgullo,
e te constrúen
cada día con esforzo.
Ámote, Galicia,
como unha matria
nutriz,
capaz de darnos
pan e sentimentos,
xeradora de
enerxías e de acougos.
Sóñote, Galicia,
anaquiño de
terra e de ceo,
aberta a todos
os pobos,
a todas as razas
e culturas,
xenerosa en
darse e derramarse,
sen perderse no
camiño,
sen desaparecer
entre sombras e vaidades.
Penso e
implícome no teu porvir
no nome do Deus
da vida que te creou,
no nome do Xesús
que se fixo servidor teu,
no nome do
Espírito que te alenta
cara á xustiza,
cara á paz,
cara ao
encontro, cara á unión;
coa xente de fe
relixiosa ou atea,
que queira
ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.
Acción
Podemos visitar
algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do
patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en
encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de
entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.
26 de
xullo: venres da 16ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 18-23
Unha vez
díxolles Xesús:
—Escoitade,
logo, vós o que significa a parábola do sementador. Sempre que unha persoa
escoita a palabra do reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o
sementado no seu corazón; esa é a semente que caeu no camiño. O sementado entre
as pedras vén ser aquela persoa que, ao escoitar a palabra, deseguida a recibe
con alegría; pero, ao non ter raíces e ser inconstante, así que veñen as
dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandona. O gran
que cae na silveira vén ser aquela persoa que escoita a palabra, pero as
preocupacións da vida e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar
froito. Pero o gran que foi sementado en boa terra vén ser aquela persoa que
escoita a palabra e a entende; esta si que dá froito e produce cen, sesenta ou
trinta por un.
Meditación
A sementeira da
que fala Xesús faise en calquera época do ano, en calquera época das nosas
vidas. Hoxe mesmo. Sementa Deus, pero a súa semente chéganos a través de moitas
palabras, feitos, circunstancias, persoas que nos rodean a diario. No noso
mesmo interior hai sempre semente de Deus. Non todas as palabras son semente
boa. Xesús fala de “palabra do reino”, é dicir, palabras, feitos, persoas que
van no camiño dunha proposta de vida digna, fraterna, respectuosa coa xente
máis débil, solidaria, aberta ao común, aberta a Deus; realidades que nos poden
chegar desde persoas crentes, pero tamén desde persoas non crentes. Xesús fala
de oír e entender, é dicir, caer na conta da súa fonda importancia para as
nosas vidas, descubrir a carga de ben que nos aporta, gozar xa coa súa
experiencia.
Ante iso que nos
chega de fóra e que pasa pola nosa cabeza, polo noso corazón podemos ser terra
dura da veira do camiño, podemos ser terra pedrosa, podemos ser silveiral,
podemos ser terra boa, acolledora, fértil. Un mundo de posibilidades diante de
nós. Unha preciosa aventura diaria.
Oración
Polas veces que
son terra dura,
impermeable aos
reclamos de vida que me rodean,
perdón, Deus do
pobo.
Polas veces que
son terra pedrosa,
e coma un neno
salto da ledicia á escapada,
fuxindo das
fidelidades necesarias,
perdón, Deus da
comunidade.
Polas veces que
son un silveiral,
encerellado en
afáns diversos,
que acaban
sempre en visións curtas, coidadoras do propio,
perdón, Deus da
xente débil.
Polas veces que
son terra boa,
ben traballada e
regada, chea de lentura
para a nacenza e
crecemento de froitos bos,
dos que todo o
mundo poida gozar,
grazas, meu
Deus, por tanto ben e tanto regalo.
Acción
Podemos reparar
nalgunhas sementes boas que nestes últimos días foron sementadas por alguén na
nosa vida. Podemos pensar que nós tamén somos xente de semente. ¿Botamos
algunha semente boa na nosa comunidade, no noso pobo? Se non o fixemos, aínda o
podemos facer.
27 de
xullo: sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 13, 24-30
Nunha ocasión
Xesús contoulles outra parábola:
—Parécese o
reino dos ceos a unha persoa que sementou boa semente na súa leira. Pero,
mentres toda a xente durmía, un inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e
marchou. Cando a planta medrou e empezou a espigar, apareceu o xoio tamén. Os
criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa
leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?” El contestoulles: “Isto é obra dun
inimigo”. Os criados preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El
respondeulles: “Non, non sexa que, ao collerdes o xoio, arrinquedes tamén o
trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir
aos segadores: “Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o
trigo recollédeo na miña hucha”.
Meditación
Calquera persoa
o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o
mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos
sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e
haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas
mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta.
Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero
tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa
condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con
resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que
o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola
bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo,
restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade,
con ousadía. Ao estilo de Xesús.
Oración
Que non peche os
ollos, meu Deus,
que non peche os
ollos nin tampouco o corazón
ante o mal que
medra en min
e que medra ao
meu redor, no meu pobo.
Mal que sempre
se converte
en vidas
desnortadas, airadas,
en vidas
abusadas, empobrecidas,
en vidas
diminuídas, deshumanizadas.
Que non me
envolva o qué máis dá, a indiferenza,
que non me
queime a impaciencia,
que atine coa
palabra axeitada,
coa colaboración
precisa,
co tempero
necesario,
para ser un bo
instrumento teu
ao servizo do
ben
na miña propia
vida persoal e familiar,
en todo canto
faga ou axude a facer.
Necesito de ti,
meu Deus,
para ser un fiel
colaborador de todo o teu ben.
Acción
Seguro que,
abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter
diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese
mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo
distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.