31 xullo, 2019

Tempo Ordinario: 18ª semana




 4 de agosto: Domingo 18 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 13-21
Unha vez díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:
—Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
El contestoulle:
—Home, ¿quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
E logo díxolle á xente:
—Atención, gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.
E propúxolles unha parábola:
—As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Cómo vou facer, que non teño onde meter o froito?” E dixo: “Xa o sei; vou desfacer os meus celeiros e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida,  ¿para quen será todo o que xuntaches?”
Así é quen atesoura riquezas para si mesmo, pero non é rico para Deus.


Meditación
Os bens fannos falla; o pan de cada día, a sanidade pública, os servizos sociais básicos, a ensinanza pública, un fogar; Xesús non nos di o contrario, aínda que el non tiña onde reclinar a súa cabeza. Xesús prevennos contra a cobiza, que é outra cousa; é o afán tolo de ter e ter, de acumular, sexa como sexa, que normalmente é mediante trampas e inxustizas, ou renunciando a aspectos da propia persoa e da propia familia que van quedando abandonados por aquilo de xuntar e xuntar sen medida. “Atención: gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.” A vida e a morte non dependen dos bens que un teña, nin a harmonía familiar, nin a integración na parroquia e na sociedade, nin o ser honrada, nin o atopar parella ou non, nin o ser feliz con ela, nin a felicidade, por moito que nos pareza que con cartos comemos o mundo. Cantos exemplos podiamos poñer!
O problema do home da parábola que conta Xesús foi non saber facer un uso adecuado dos moitos bens que a vida ou o traballo lle ían dando. Dedicouse a acumular, pensando no seu benestar persoal: comer,  beber e a vivir!, pensando que o tiña ben merecido. Coa desgraza de morrer antes do previsto, ou sen esa desgraza, a decisión daquel home era equivocada; facíase rico para si, e non para Deus; facíase rico para si e non para a comunidade; acumulaba diñeiro, pero perdía os vínculos reais da irmandade que se fortalecen co compartir; envolvíase en riqueza, pero arredábase cada vez máis da maior riqueza, do maior ben, que é a comunidade, asentada en Deus, realizada na vida de cada día. Gozábase coa caricia dos billetes, pero ignoraba a caricia e o agradecemento das persoas coas que podería compartir a súa riqueza. Tendo moito, tendo tanto, e precisamente por telo así, facíase menos home, era menos home. Polo tanto estaba tamén máis pechado ao encontro con Deus, que anda sempre nos espazos da solidariedade.
O evanxeo de hoxe quere axudarnos a revivir aquela ensinanza forte dos Santos Pais da Igrexa que entendían que os bens das persoas ricas teñen un destino comunitario, social. É dicir, son para repartir con quen non ten. É posible que isto hoxe nos escandalice. Aínda que, se o miramos ben, os sistemas tributarios das sociedades modernas, se son xustos, pretenden precisamente isto: facer un reparto dos beneficios excesivos, para que as persoas e os grupos sociais máis marxinais teñan o elemental para vivir dignamente. Outra cousa é que realmente se faga así. Vállanos isto para entender que desde a participación política se lle poden dar cumprimento, ou non, as ensinanzas de Xesús. Vállanos isto para entender tamén que unha persoa cristiá, se quere que o soño do Reino vaia fermentando pouco a pouco a masa da sociedade, é necesario participar en política, integrarse nos partidos, sindicatos e asociacións, facendo elección por aqueles que, máis aló das palabras, se aproximen algo aos soños fraternos de Xesús.

Oración

Rico para Deus, rica para Deus,
rica, rico para a comunidade!

Quero ser persoa rica
en sentimentos bos, en humanidade,
para que os máis atopen en min alivio
e razóns para seguir vivindo, para seguir loitando.

Quero ser persoa rica
en tenrura, en compaixón,
para amolecer as durezas da vida
e acompañar e acoller sen medida.

Quero ser persoa rica
en participación e colaboración comunitaria
para axudar a experimentar o gozo grande
de sabérmonos irmáns, familia, fogar,
construíndonos uns a outros/as con firme decisión.

Quero ser persoa rica
en espírito de loita
para darlle cara ao moito que nos impide
sermos libres, xustos/as, felices,
sermos pobo fraterno e igualitario.

Quero ser persoa rica
en fe, en amor, en esperanza,
en alegría, en paz, en palabras de consolo e de alento.

Quero ser...,
meu Deus, conto contigo.

Acción
¿Cómo andamos cos cartos na vida? ¿Domínannos, somos libres ante eles? Hoxe poderíamos facer un pequeno xesto, polo menos, de poñer os cartos ao servizo da nosa humanización, compartindo, por exemplo, algo con quen o precise.


5 de agosto: luns da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 14, 13-21
Cando Xesús soubo que Herodes matara a Xoán Bautista, retirouse de alí nun bote a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino seguindo por terra dende as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle:
—O lugar está moi arredado e a hora moi avanzada; será mellor que despidas a xente para que vaian ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
—Non precisan marchar, dádelles vós de comer.
Eles responderon:
—Aquí non temos máis ca cinco bolos de pan e máis dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
—Pois traédemos aquí.
E mandando recostar  a xente na  herba, colleu os  cinco pans e máis os dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición, partiu os pans e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.

Meditación
Xesús, moi humano, retírase, quizais por medo, ante a morte do seu gran amigo Xoán Bautista por parte do tirano Herodes. Pero alí o busca a xente, e el non se sabe negar á xente, maiormente cando a ve maltreita no corpo e no espírito. Cura ánimos, cura corpos, e pon en funcionamento unha das súas teimas: que o pouco se faga moito para satisfacción de quen o necesite, que o particular se volva comunitario para que ninguén quede excluído, e quen ten menos posibles se vexa igualmente satisfeito. Fronte ao “primeiro o meu país”, “primeiro a xente do meu grupo”, “primeiro eu” en definitiva, Xesús ofrécenos outra alternativa persoal e social: primeiro a comunidade, a totalidade da xente, e, dentro dela, primeiro quen máis o necesite. Esa é a súa grande e cotiá Eucaristía inserida na vida.

Oración

Apréndeme, Xesús,
a facer e vivir diariamente
a grande Eucaristía social, mundial.
Apréndeme
a poñer o meu corpo, o meu espírito
ao servizo dese secular empeño.
Apréndeme a facelo
sen rebumbios,
desde o silencio,
desde a humildade das pequenas decisións,
das pequenas accións,
pero coa mente aberta ao total,
ao infinito,
desde ti,
cara ao Pai/Nai de todas as luces.

Acción
Hoxe podemos buscar a maneira de poñer algo do noso (tempo, cartos, visita, convertas, correo…) ao servizo do común, sabendo que hai aí unha grande adoración de Deus, que é o Centro, a Alma do común.


6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor

Evanxeo: Mc 9, 2-10
Unha vez colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán e subiu con eles ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.
Tan asustados estaban, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero discutían entre si que quería dicir aquilo de  resucitar de entre os mortos.

Meditación    
Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a  aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.
Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación  da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.

Oración

Que ben estamos aquí!
Gozando da túa presenza, Xesús,
véndote humildemente glorioso,
sabéndote amado a fondo por Deus,
adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!
Que ben estamos aquí!
Sentíndonos enrolados contigo,
admirando a túa valentía,
agradecendo a túa consideración connosco!
Que ben estamos aquí!           
fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,
descubríndonos collidas da man por ti,
para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!
Que ben estamos aquí!
Pero hai que saír á rúa,
seguir tecendo solidariedades,
a gusto ou  a desgusto de quen manda,
ata a irmandade total!
Que ben estamos aquí, Xesús!

Acción
¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Qué facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?


7 de agosto: mércores da 18ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 15, 21-28
Nunha ocasión foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos berrando:
—Compadécete de min, Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu palabra. Achegáronselle os seus discípulos rogándolle:
—Aténdea, que vén berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero  ela achegouse, prostrouse ante el e suplicoulle:
—Señor, váleme!
El  respondeulle:
—Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
Pero ela contestou:
            --Certo, Señor, pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben grande; fágase, logo como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.

Meditación
É ben curioso este pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle –iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
Unha invitación sen dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo, pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.

Oración

Viva a diferenza, Xesús,
viva a diferenza,
no nome do Pai-Nai común,
que a todos e todas nos crea por amor,
e a todas e todos nos ofrece o seu Espírito,
sen distinción!
Viva a diferenza, Xesús,
que nos fai xente máis fermosa,
máis complementaria,
máis capaces de responder
ás múltiples demandas do noso ser, do noso existir!
Vivan a diferenza, Xesús,
sustentada nun fondo común
sospeitado, buscado, crido, amado,
que nos solda e irmanda,
que nos permite vernos, a pesar de todo,
como irmáns e irmás en todo,
e en todo vivir como tales”.
Viva a diferenza, Xesús,
no nome do Espírito que todo o sustenta!

Acción
É moi posible que teñamos algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo relixioso, xeitos de ser… ¿Cómo actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de afrontar iso?


8 de agosto: xoves da 18 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 16, 13-23
Unha vez, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
Eles responderon:
—Algunhas persoas din que Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, dillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos: e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Desde aquela empezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor; a ti non pode pasarche iso.
Pero Xesús, volvéndose, díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixar guiar por Deus senón pola xente.

Meditación
Pedro fala de Xesús desde a súa admiración por el: Xesús era o rostro humano do Deus vivo; e estaba moi no certo. Pero fala de Xesús tamén desde unha mentalidade  humana, que ligaba Deus co triunfo, e a santidade da vida cun recoñecemento popular, oficial. Por iso se revolve contra Xesús, cando este lle rompe ese esquema, e conecta a súa condición de Fillo do Deus vivo co conflito relixioso cos xefes relixiosos do momento, que o levará ao sufrimento e á morte. Nunca ninguén recibiu por parte de Xesús unha corrección máis severa que a que lle deu a Pedro. Cantas veces seguimos vendo a vida relixiosa, a vida cristiá, a admiración e seguimento de Xesús, desde claves humanas, desde claves de poder, de dominio, de triunfo! Foron palabras necesarias por parte de Xesús a Pedro, a quen constituía en pedra dunha Igrexa que tería as chaves do reino dos Ceos. Demasiado poder como para vivilo en clave de dominio. E cantas veces todos, xerarcas e non xerarcas, o temos vivido así na Igrexa.

Oración

Señor, Señor…
por unha Igrexa pobre,
por unha Igrexa servidora,
por unha Igrexa non obsesionada polo aplauso social,
por unha Igrexa disposta ao martirio,
por unha Igrexa conflitiva,
por unha Igrexa que lle teña pánico ao poder,
por unha Igrexa fundida coa xente última,
por unha Igrexa fortaleza da xente débil,
por unha Igrexa cristiá
e só así fondamente humana …
Señor, Señor…

Acción
¿Cómo é a nosa comunidade cristiá na que facemos Igrexa? ¿A quen arrimamos máis, a quen acompañamos máis, a quen servimos máis: á xente débil, á forte? Seguro que algo poderemos facer para que a nosa comunidade sexa unha comunidade cristiá servidora, unha Igrexa servidora.



9 de agosto: venres da 18ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa

Evanxeo: Mt 25, 1-13
Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco, asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as parvas dixéronlles ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación
Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.
Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:
“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”
Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.

Oración

Quixera ter
o corpo, a alma sempre en vilo
cara a ti, meu Deus,
coma Edith Stein.
Quixera abrir
todo o meu ser, sen reserva algunha,
á túa presenza viva,
ao teu envolvente amor,
coma Edith Stein.
Quixera dobregarme
ante todo gozo e dor
con intelixencia e paixón
coma Edith Stein.
Quixera andar
co rostro erguido, co corazón aceso
ante a dor, ante a morte inxusta
coma Edith Stein.
Quixera encher
os enormes ocos da miña existencia
cun montón de nomes fráxiles,
co teu propio nome, meu Deus,
coma Edith Stein.
Pero son o que son, meu Deus,
son o que son
ante ti.   

Acción
Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.


10 de agosto: sábado da 18ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Lourenzo

Evanxeo: Xn 12, 24-26
Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva; e o Pai honrará a quen me sirva.

Meditación
¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado  e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.
Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.

Oración         

Xesús,
contigo, con Lourenzo,
quero ser gran de trigo,
caído en terra, desfeito,
para dar froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender esa exquisita lección de vida
que fala de esquecerse,
de poñerse en segunda fila,
de facerse servidora de quen de min precise,
e así, misteriosamente,
ir enchendo a miña vida
de nomes e de vidas,
que dan a felicidade.
Cada día,
no pequeno e no grande,
contigo, Xesús, con Lourenzo,
servidor, servidora.

Acción
É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.