06 agosto, 2019

Tempo Ordinario: 19ª semana



  
11 de agosto: Domingo 19 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 32-48
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o reino. Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable  no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. Pois onde está o teu tesouro, está o teu corazón.
Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sede coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós: estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.
Díxolle Pedro:
—Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?
Contestoulle o Señor:
—¿Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar a seu tempo a ración de trigo? Ditoso o criado aquel a quen o seu amor, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se o criado aquel di para si: “O amo aínda non vén por agora”, e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.


Meditación
Xesús tamén nos ofrece un camiño para construír esa confianza, que non cadra coas maneiras que habitualmente escollemos para ter confianza e vencer os medos. Nós intentamos vencer os medos acumulando: cartos, poder, prestixio, afectos, mando, enchufes, relacións co poder, privilexios. É esta unha tentación grande, na que con frecuencia caemos como persoas e como comunidade cristiá, como Igrexa. O camiño de Xesús vai por outro lado, e pódenos chamar moito a atención. A confianza, a vitoria sobre os medos, adquírese vendendo os nosos bens, é dicir, o contrario de acumular, compartindo, abríndonos ao comunitario, establecendo relacións sólidas de amizade, de fraternidade. Iso permite facernos con bolsas que non se estragan, con tesouros que ninguén rouba. O corazón posto no comunitario, na fraternidade, no servizo, é un corazón saneado, limpo, libre, ousado, valente, sen medos. Hai aquí un grande reto para cada un, para cada unha de nós, para a nosa comunidade cristiá, para a Igrexa enteira. Hai moita xente na Igrexa que se ten lanzado a esta aventura de Xesús. Son un referente vivo para nós, sobre esas persoas descansa o futuro da Igrexa.
A total confianza en Deus, como que todo depende del, non nos priva do traballo diario, como se todo dependese de nós. A confianza non casa coa vagancia, senón con ser espelidos/as e esixentes. O momento presente chámanos a unha viva participación no persoal, no comunitario, no social. Deus estanos petando á porta de moitas maneiras imprevistas, solicitando a nosa atención, a nosa colaboración. As palabras do Papa Francisco poden ser a voz de Deus para nós hoxe. Pero tamén o poden ser o clamor da xente parada, o medo crecente dos/das inmigrantes de cor, a corrupción repetida dos representantes públicos, a soidade de moitos velliños/as nas aldeas e nas cidades, a anguria de quen se sabe cun cancro destrutor, as bágoas, golpes e feridas da muller maltratada, ou o desconcerto dos presos e presas que teñen a vida hipotecada quizabes para sempre. Con confianza, con paz, sumarse ao grupo das persoas loitadoras, arroupándonos para que o cansazo, aínda que nos fira, non nos destrúa.
Lucas ofrécenos tamén unhas palabras de aviso para as persoas que tiñan autoridade nas comunidades, a autoridade do servizo, que corrían o risco de convertela en autoridade de poder e de dominio. Algo que nos vale perfectamente para os tempos de hoxe. Os xeitos do mundo poden tentar aos líderes das Igrexas, curas, bispos, Papa. O Papa Francisco estanos avisando moito sobre diso. Quere pastores que non teñan aires de príncipes, que cheiren a ovella, que estean metidos no pobo, entendendo e compartindo as súas angustias, medos e felicidades. É tarefa de todos/as conseguir que as nosas comunidades estean presididas por persoas que teñan o estilo de Xesús. É tarefa de todos/as, porque todos, todas, podemos colaborar, denunciar, esixir, apoiar, para que as cousas da autoridade vaian por onde Xesús coa súa vida nos ensinou que fosen.

Oración

Cando menos o espere, meu Deus,
estarás petando á miña porta.
Que teña a humildade e valentía
de abrircha sen receos.

Cando menos o espere, meu Deus,
ofrecerasme a túa cálida compaña.
Que saiba acollela e gozala,
agradecela e compartila con quen precise dela.

Cando menos o espere, meu Deus,
oirei a voz da túa crítica e corrección.
Que non me negue a escoitala
por moito que me revolva e me esixa.

Cando menos o espere, meu Deus,
sentireite ao meu lado,
descubríndome con sinxeleza os camiños da solidariedade.
Que saiba seguilos con empeño e fidelidade.

Cando menos o espere, meu Deus,
de día ou de noite,
na dor ou na festa,
na soidade ou na compaña da xente,
cando estou rezando ou cando ando nas trasfegas da vida,
ti sempre aí, ao meu carón,
velando pola obra das túas mans.

Cando menos o espere, meu Deus, ...
Só ti me podes dar luz para adiviñarte,
afecto e paz para acollerte,
vontade e forza para seguirte.
Dáma! E dásma, que iso é o teu.
Canto cho agradezo!

Acción
¿Qué podemos facer para non andar tan despistados/as pola vida, e poder acoller as visitas de Deus, escoitar as súas palabras, o que nos di a través das persoas e acontecementos que nos rodean? Igual nos axudaría dedicar cinco minutos cada día a estar en silencio escoitando o noso corazón, escoitando as voces do día que vivimos.


12 de agosto: luns da 19º semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 17, 22-27
Nunha ocasión, andando por Galilea Xesús cos seus discípulos, díxolles Xesús:
—Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero ao terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
Cando chegaron a Cafarnaúm, achegáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
—¿O voso mestre non paga a contribución?
El respondeulles:
—Si que a paga.
E, cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
—¿Qué che parece, Simón? Os reis da terra, ¿a quen cobran as taxas e contribucións, aos fillos ou á xente allea?
Ao responder Pedro que á xente allea, Xesús concluíu:
—Polo tanto, os fillos están exentos. Sen embargo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, pilla o primeiro peixe que pique e ábrelle a boca; alí atoparás unha moeda. Cóllea e entrégaa por min e máis por ti.

Comentario
Con maneiras propias, en parte, dos evanxeos apócrifos, tan dados á fabulación, o evanxelista posiblemente aborda un problema co que se atoparon as primeiras comunidades cristiás que aínda non romperan coas prácticas relixiosas do xudaísmo: ¿deberían pagar ou non o tributo destinado ao coidado do templo? Por seren fillos de Deus e non xente allea, entendían que non tiñan por que pagar; pero pagarían por non montar un escándalo.
Nós hoxe, por sermos fillos e fillas de Deus, e nunca xente allea a el, por considerar a toda a cidadanía xente irmá, sexan ou non sexan crentes, entendemos que debemos pagar os distintos impostos que na nosa sociedade democratizada se estipulen, porque é unha maneira de facer algo de reparto de bens e de que a xente máis pobre poida gozar dos servizos básicos para unha vida digna. E indignámonos contra as formas de goberno que toleran que a xente máis poderosa evada pagar impostos, que se toleren paraísos fiscais, etc. Sentirnos fillos e fillas de Deus, sentirnos irmáns e irmás dálle unha forza a maiores a esa obriga democrática de socializar algo polo menos os nosos bens.

Oración

Así nos fala Xesús:
Deixemos, irmáns, irmás,
que o evanxeo se cole en todos os nosos comportamentos.
Sexamos responsables e xust@s
á hora de gañar o noso diñeiro.
Sexamos persoas honradas e solidarias
á hora de pagar os nosos impostos.
Non nos neguemos nin trampeemos,
paguemos,
e esixamos que todo o mundo pague,
máis, loxicamente, canto máis rico cada un sexa.
Está en xogo
a vida digna de moita xente,
Está en xogo
o cerne mesmo da nosa experiencia relixiosa,
pois tal como nos solidaricemos co irmán ou irmá pobre,
así de feito nos solidarizamos con Deus,
así o respectamos e servimos.

Acción
Podemos revisar como nos comportamos con iso de pagar impostos, de pagar ou non en negro, de darlle ou non importancia aos comportamentos cidadáns e de políticos que se corrompen evadindo impostos. ¿Somos legais en todo? ¿Loitamos por sistemas máis xustos de pagar impostos?


13 de agosto: martes da 19ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 18, 1-5.10.12-14
Nunha ocasión achegáronse a Xesús os homes e mulleres que o seguían, para lle preguntar:
—¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por unha criatura, púxoa no medio deles e dixo:
—Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma unhas criaturas, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criatura, será a máis importante no reino dos ceos. E quen acolla a unha criatura coma esta no meu nome, acólleme a min.
Coidadiño con desprezar a unha destas criaturas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
A ver, ¿qué vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no monte, para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderan. Do mesmo xeito a vontade do voso Pai celestial é que non se perda ningunha destas criaturas.

Meditación
Falando dos fundamentos dunha comunidade cristiá, Xesús proponnos cousas moi simples e fondas, aínda que igual nos poidan parecer cuestións menores, cousas de nenos e nenas. É si, son cousas de nenos e nenas, de criaturas, pero para Xesús aí xógase o máis importante do reino dos ceos, o máis importante do que Xesús veu anunciar e realizar, o máis importante dunha comunidade cristiá.          
Ese era o gran soño de Xesús: facernos todos e todas coma unhas criaturas: non cridas, confiadas, sabedoras que estamos envolt@s en fraxilidade, que só en por nós non somos nada, que nos debemos á familia, á comunidade, e a quen é sostén da comunidade familiar, o Pai materno que mira por nós. E aprender de Deus maternal a coidar as criaturas, sexa cal sexa a razón pola que se sintan criaturas envoltas en fraxilidade; quen as desprece despreza ao mesmo Deus que sempre as ten de ollo. Coidar as criaturas débiles, descarreiradas, de dentro ou de fóra da comunidade, facer dese coidado a gran tarefa, a gran festa da comunidade, ese é o gran reto.

Oración

Xesús,
veño á túa escola
porque sei que es un mestre que aprendes moi ben,
gratis e con gusto.
Apréndeme, logo,
a cambiar e facerme coma unha criatura.
Apréndeme
a acoller a calquera criatura,
a calquera persoa envolta en fraxilidade,
sabendo que, acolléndoa a ela, acollo ao mesmo Deus.
Apréndeme
a coidar as túas criaturas.
Apréndeme
a respectalas e veneralas con devoción infinita.
Apréndeme
a buscalas dentro e fóra da comunidade,
sen aforrar nin tempos nin esforzos nin intelixencia.
Apréndeme
a facer festa ao redor das túas criaturas,
a facer comunidade poñéndoas sempre no centro de todo.
 
Acción
Ás veces debatemos sobre como está ou non está a nosa comunidade parroquial. Cando o facemos, ¿parámonos a ver que lugar ocupa a xente máis débil, máis marxinada, máis “perdida” da comunidade?  ¿Colocamos a esa xente no centro do noso corazón, das nosas actividades, da nosa práctica relixiosa?


14 de agosto: mércores da 19 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 18, 15-20
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se teu irmán peca contra ti,vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.

Meditación
Na vida, dentro e fóra da comunidade cristiá, atopámonos con persoas (entre as que nós tamén nos contamos) que fan cousas mal feitas, danándose a si mesmas e danando tamén a persoas que están ao seu redor. Temos o costume de reaccionar ante iso queixándonos, murmurando por detrás, criticando; pero poucas veces temos a ousadía cristiá de achegarnos a esa persoa e con toda mansedume dicirlle o que nos chocan e por que nos chocan algúns dos seus comportamentos. É dicir, poucas veces cumprimos co deber mutuo da corrección. Quizais porque nós mesmos, cando alguén nos corrixe, reaccionamos de malas maneiras. Se faltar, pecar é máis ou menos humano, tamén debería selo corrixir e aceptar a corrección. Para que isto funcione é imprescindible quererlle moito ás persoas concretas ás que queremos corrixir, e sentirnos moi queridos por quen nos corrixa.

Oración

Grazas, meu Deus,
pola comunidade familiar,
pola comunidade cristiá da que formo parte.
Grazas pola xente que, porque me quere,
me corrixe
e me permite medrar como persoa de ben.
Grazas
polas veces que me move o amor
para dicirlle a alguén
palabras de corrección e alento.
Grazas por forma parte dunha comunidade viva,
onde todos, todas, nos facemos cargo de todos,
con ganas de gañarnos mutuamente para o ben.
Grazas.

Acción
Seguro que estamos ante o caso de persoas ás que nos gustaría poderlle dicir algo, para corrixir, para alentar. Podemos  buscar a maneira de facelo con moita humildade e mansedume, con moito agarimo. E así facilitar que outras persoas tamén nos poida corrixir a nós.


15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa María

Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu  ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
—A miña alma proclama a grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.
Manifesta o poder do seu brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación
Hoxe celebramos a asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle agradecemos.
Aparece María visitando a súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban na mesma onda do Espírito.  E xorde a ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non israelitas nunha mundial aperta fraterna!
María é o signo e mostra de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a vivilo e a gozalo.

Oración

Bendicímoste, María,
por seres muller de aldea,
entre dores e pobrezas!
Bendicímoste, María,
muller a Deus sempre aberta,
na túa graza e fraqueza!
Bendicímoste, María,
por acolleres o Espírito,
autor da túas belezas!
Bendicímoste, María,
por concibir e criar
o fillo por excelencia!
Bendicímoste, María,
pola cantiga de gloria
a Deus na xente pequena!
Bendicímoste, María,
pola caricia de Deus
honrando a túa beleza!
Bendicímoste, María,
Santa María do pobo,
orgullo da nosa Terra.
Bendicímoste, María,
por compartires connosco
tanta graza e tanta festa!

Acción
Seguro que teremos oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María. Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do lado do pequeno, como Deus mesmo fai.


16 de agosto: venres da 19ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 19, 3-12
Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
—¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?
El respondeu:
—¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.
Preguntáronlle:
     --¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?
Xesús respondeu:
—Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
Entón dixéronlle os discípulos:
      --Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
El contestoulles:
—Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.
           
Meditación
A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.
Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?
O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi  un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!

Oración

Bendita a bendita sexualidade!
Bendito quen nos creou como seres sexuados!
Bendito o pracer do sexo!
Bendita a fecundidade do sexo!
Benditos os home e mulleres que o viven!
Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!
Bendito o sexo non absolutista, integrado!
Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!
Bendito o sexo fráxil, mendicante!
Bendito o sexo que leva a unións consistentes!
Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!
Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.
Bendito Deus, presente en nós
cando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!

Acción
¿Que trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?


17 de agosto: sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 19, 13-15
Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:
—Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.
E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.

Meditación
O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.
Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…).  Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.

Oración

Impoñerlles as mans:
acariñar as criaturas.
Impoñerlles as mans:
respectalas na súa identidade e diferenza.
Impoñerlles as mans:
protexelas na súa inocencia.
Impoñerlles as mans:
coidar o seu corpo e o seu espírito.
Impoñerlles as mans:
implicándonos no seu presente, no seu futuro.
Impoñerlles as mans:
transmitirlles o mellor que levamos dentro.
Impoñerlles as mans:
abríndoas ao comunitario.        
Impoñerlles as mans:
lembrando nelas as nosas fraxilidades.
Impoñerlles as mans:
compartindo con elas  a grande aperta de Deus..

Acción
¿Como nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Que facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.



Na memoria de Alexandre Bóveda
Alexandre Bóveda Iglesias (1903-1936) foi un egrexio político galego pertencente ao Partido Galeguista. Foi tamén un crente convencido. Cando o levantamento militar do 1936, prendérono os militares, xulgárono de forma sumaria e condenárono a morte; nunca fixera mal ningún a ninguén; simplemente amaba e servía a Galicia con paixón e moita intelixencia, como parte da súa responsabilidade cívica e relixiosa. Preparouse para a morte moi devotamente. Foi fusilado no monte da Cadeira (Poio), ás aforas de Pontevedra. Foi un verdadeiro mártir, exemplar na vida, exemplar na morte, ao que incomprensiblemente desde a institución eclesial nunca se lle prestou atención ningunha.

Na Caeira caeron os teus osos,
a túa carne nova, vizosa,
envolta en sangue de fraticidio.
Pero non caíches ti.

Na Caeira caeron todas as rabias
contra a túa vida inocente,
luminosa, interpelante.
Pero non caíches ti.

Na Caeira caeron os ruxidos das balas
intentando calar as túas verbas acesas,
os teus soños solidarios por Galicia.
Pero non caíches ti.

Na Caeira caeron os cómplices silencios clericais
negándoche a comuñón substancial
que no Corpo de Cristo antes che ofreceran.
Pero non caíches ti.

Na Caeira caeron os teus 36 anos
exemplares na vida, exemplares na morte,
no teu corpo pequeno e maxestoso, sublime,
na túa alma nobre e soñadora, popular, galega.
Pero non caíches ti.

Eternamente ti,
irmán queridiño,
amiguiño da alma,
eternamente ti.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.