27 de
outubro: domingo 30 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 18, 9-14
Unha vez
propúxolles Xesús esta parábola referíndose a algunhas persoas que créndose
perfectas estaban moi seguras de si mesmas e desprezaban os demais:
Dous homes
subiron ao templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O
fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche
grazas porque non son ladrón, inxusto e adúltero coma os demais; nin coma ese
recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto
gaño”.
O recadador, en
cambio, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo,
senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un
pecador”.
Asegúrovos que
este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non.
Porque calquera persoa que se teña por moito será rebaixada, e calquera que se
rebaixe será enaltecida.
Meditación
Xesús conta esta
parábola, porque vía que había no pobo xente moi relixiosa, moi cumpridora, que
se sentía moi segura de si mesma, entendendo que a súa boa práctica relixiosa
era cousa súa, debíase a si mesma, aos seus méritos, ao seu empeño, á súa
categoría moral persoal. E desde esa torre de autocompracencia desprezaba a
quen non cumpría, e, polo tanto, desprezaba tamén a quen se achegaba aos que
non cumprían, como facía Xesús. Era unha especie de negación práctica de Deus e
de divinización da propia persoa: esas persoas acababan considerándose o centro
de si mesmas, elas mesmas acababan sendo o seu mesmo Deus. Os fariseos, por
seren moi cumpridores das leis relixiosas, tiñan un perigo enorme de entrar por
este camiño perverso, pero ese mesmo perigo podémolo ter calquera persoa de
calquera grupo relixioso. Todos, todas, temos o perigo de empoleirarnos nos
nosos xuízos, na nosa comprensión das cousas, nas nosas prácticas relixiosas,
sexan cales sexan, e desde aí desprezar a quen non se adapta ao que nós
consideramos apropiado. E andar pola vida cheos de razón e cheos de palabras e
de xestos de condena. A vida relixiosa, espiritual, aparentemente máis perfecta
pode quedar ferida de morte por esta actitude que denuncia Xesús. Iríanos moi
ben se, como persoas e como comunidade, nos preguntásemos se estamos ou non
feridas por este mal.
Hai moitas
situacións humanas ante as que podemos situarnos con espírito de fariseo ou de
publicano. Por exemplo: o que ten traballo ante quen non o ten; quen vive unha
vida de parella estable ante outras parellas desfeitas; quen nunca tivo ningún
problema coa xustiza ante a familia que ten un fillo no cárcere; quen ten uns
fillos ou fillas máis ou menos exemplares, e a familia que ten unha filla
drogodependente, que anda consumindo e vendendo substancias; quen prospera ben
nos estudos, ante quen acumula fracaso sobre fracaso, etc. Que facemos nestes
casos? A que nos agarramos? Ao ben que nos van as cousas, ao ben que soubemos
ir levando as cousas, para desprezar a quen falla, sofre e non sabe que facer
na vida? Sabemos agradecer con humildade, sen desprezar a ninguén, intentando
comprender as vidas fracasadas, achegarnos a elas, darlles a man coma
irmáns/ás? E, se temos fracaso na vida, quizabes froito tamén dos nosos propios
fallos, saberemos achegarnos humildemente ante a fonte de todo perdón, de toda
tenrura, de toda forza, para sentirnos perdoadas, queridas, acompañadas a fondo
por quen se perde pola xente máis débil?
Oración
Que pecador son,
señor,
por debaixo
desta aparencia honorable
de persoa de ben
e de bondade,
que pecador son!
Que pecadora
son, Señor,
co meu modo de
vida tranquilo e satisfeito,
escorréndome
modosiñamente
polo medio das
túas voces, das voces dos teus pobres,
que me chaman ao
empeño solidario,
que pecadora
son!
Que pecador son,
Señor,
coa miña ollada
crida e prepotente,
simulada en formas
brandas, aloumiñeiras,
créndome mellor,
máis recto e acertado,
que pecador son!
Que pecadora
son, Señor,
que necesitada
da túa misericordia,
e de achegarme a
ese lume de amor que quenta e que derrete,
que limpa e
purifica,
para renovalo
todo,
que pecadora
son, Señor!
Que pecador son,
Señor,
necesitado de
ollos novos
para verme ben
na miña verdade
e poder ollar a
demais xente con compaixón solidaria,
que pecador son!
Que pecador, que
pecadora son, Señor,
perdón, perdón,
perdón,
que pecador, que
pecadora, son!
Acción
¿Como oramos,
cando oramos, como nos situamos na vida ante a xente? ¿Imos de sobrados, de
prepotentes en algo, desprezando a demais xente?
28 de
outubro: luns da 30ª semana do Tempo Ordinario. Festa dos santos Simón e Xudas,
apóstolos
Evanxeo: Lc 6, 12-19
Por aqueles días
Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día,
chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos:
Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán André; Santiago, Xoán,
Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota,
Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Baixou con eles
e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda
Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan
escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos
inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha
forza que curaba a todo o mundo.
Meditación
A elección dun
apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús,
atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de
vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…,
se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos
afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a
xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do
pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda
nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para
facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer
da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de
curación que de Xesús recibimos.
Oración
Grazas, Xesús,
por ter batido
contigo,
por ter
experimentado, algo polo menos,
a fortaleza da
túa palabra,
a consistencia
do teu xeito de vivir.
Grazas, Xesús,
por terme así escollido,
pola vía da máis
completa normalidade,
para
testemuñarte
coas miñas
palabras,
coa miña maneira
de vivir.
Que quen me vexa
descubra en min
polo menos unha
liviá memoria
do teu paso
humilde e vigoroso,
servidor,
polas entrañas
deste mundo.
Acción
Seguro que na
nosa historia persoal hai algunha persoa que axudou a espertar en nós o
interese por Xesús e a súa causa. Podemos falar con ela e agradecerllo.
29 de
outubro: martes da 30ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 13, 18-21
Nunha ocasión
dicíalle Xesús á xente:
—¿A que se
parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de
mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e
os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.
E seguiu dicindo:
—¿Con que
compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou
en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Meditación
O reino de Deus,
o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de
redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de
fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre
a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!
Xesús amósanos
como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo
silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por
obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras,
senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos,
senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que
nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o
seu soño para nós, para toda a humanidade!
Oración
Que ben, meu
Deus, que ben!
O teu Espírito
en min, en nós,
coma un graociño
de mostaza,
sementado nas
nosas vidas, na nosa comunidade,
que medra e
medra, sen case saber nós como,
ata se converter
nunha árbore vigorosa,
onde aniña quen
queira pousar os seus pés
para acougar
e gustar o gozo
dunha vida xusta, pacificada!
Que ben!
O teu Espírito
convertido en fermento
que unha muller
coloca no noso seo,
no seo da
comunidade feito fariña
--grao moído no
muíño simple da vida--,
para convertela
en pan saboroso
a disposición de
calquera famento que pete á porta,
e ser
simplemente pan comido,
sen máis,
sen méritos nin
glorias.
Que ben, meu
Deus, que ben!
Acción
Podemos facernos
conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e
fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de
Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para
que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.
30 de
outubro: mércores da 30ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 13, 22-30
Xesús atravesaba
por vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Un preguntoulle:
—Señor, ¿e logo
son poucas as persoas que se salvan?
El respondeu:
—Esforzádevos
por entrar pola porta estreita, porque vos aseguro que moita xente intentará
entrar e non poderá. Cando o dono da casa se erga e peche a porta, quedaredes
fóra e petaredes na porta dicindo: “Señor, ábrenos”; pero el responderá: “Non
sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e
ti ensinaches polas nosas prazas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade
de min todas as persoas que practicades a inxustiza!”.
Daquela habedes
chorar e hanvos renxer os dentes; cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e
todos os profetas están no reino de Deus e que a vós vos botan fóra. E chegarán
de oriente e occidente, do norte e do sur e sentarán na mesa do reino de Deus.
Si, hai persoas que son últimas e serán primeiras, e hainas primeiras que serán
últimas.
Meditación
Pero ¿que é
salvarse? Para unha persoa cristiá é algo así como desenvolver a propia vida
respondendo a esas chamadas fondas que Deus mesmo insire no noso corazón;
sermos como persoas aquilo que cada quen está chamado a ser. Algo que xa se
realiza neste mundo, aínda que despois da morte acade a súa plenitude. A
vontade de Deus é sempre unha vontade de salvación, que nada nin ninguén torce.
Nós si que podemos frustrar a propia construción como persoas, a propia
felicidade. É a nós a quen nos interesa entrar pola porta estreita, a porta da
responsabilidade sobre a propia vida, aproveitando o tempo presente para
madurar como persoas para unha felicidade eterna en Deus. É a cousa non é
cuestión de pertencer ou non a tal raza, a tal credo relixioso, a tal Igrexa.
Iso pouco importa. O que importa é deixar que a propia vida sexa unha vida
xusta na xustiza de Deus, que prefire, en todo caso, a misericordia ao xuízo.
Deus é sempre un Deus de salvación, de vida, para quen se abra á vida nos seus
comportamentos de cada día.
Oración
Sen tristuras,
sen medos, sen angustias,
apréndesme a
coidar a propia vida
e as vidas dos
teus pobres a min encomendadas.
Con ledicia, con
humor, con esperanza,
apréndesme a
entrar pola porta estreita
que me introduce
na terra da irmandade.
Máis que as máis
santas palabras,
será a túa
xustiza, acollida como don, como tarefa,
a que me abra as
portas da vida para sempre.
Sen torpes
pretensións, sen chulerías,
o humilde
camiñar polas vías da inocencia
levarame ao
berce de todas as unións.
E o mal que se
me vaia das mans, da boca, do corazón,
serás ti quen o
confundas nas lapas do teu amor.
Grazas, meu
Deus, grazas por tanto ben!
Acción
Posiblemente iso
de salvarse, non salvarse, sexa unha linguaxe que hoxe pouco nos di. Pero,
¿preocúpanos desenvolver a nosa vida na honradez, na legalidade, mirando pola
xente débil, buscando o ben común, respectando o diferente, sen nos poñer por
riba de ninguén? ¿Ocupan estas cousas a
nosa atención real? Seguro que tamén por aquí podemos dar pasos.
31 de
outubro: xoves da 30ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 13, 31-35
Nunha ocasión
chegaron onda Xesús uns fariseos para o avisar:
—Veña, vaite de
aquí, que Herodes te quere matar.
El
respondeulles:
—Ídelle dicir a
ese raposo: eu hoxe e mañá seguirei curando e botando fóra os demos e no
terceiro día xa acabo. Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga camiñando,
pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.
Xerusalén,
Xerusalén, que asasinas os profetas e acantazas os que mandan onda ti! Cantas
veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños
baixo as ás e non quixeches! Pois mirade, a vosa casa fica baleira e asegúrovos
que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!
Meditación
Xesús era unha
persoa con determinación. Sabía o que quería. Tiña claro cal era a súa tarefa
diaria: andar cabo da xente ferida pola vida, no corpo e no espírito, aportando
o que el tiña abundantemente: alento, espírito de vida. Non o freaba o medo,
non o paraban personaxes déspotas, extravagantes, coma Herodes, nin a sospeita
de que en Xerusalén, onde estaban os poderes relixiosos e civís do país, as
cousas se lle complicasen seriamente. Doíalle que a inmensa carga de luz e de
afecto que vertía sobre o seu pobo non fose recibida con ilusión, coma unha
bendición de Deus. Pero non recuaba. Os tempos de Deus non son os tempos da
xente. No medio das tebras é onde a luz amosa mellor o seu valor e o seu
encanto. No medio deste drama cotián, que se estende ata os nosos días, que
papel xogamos nós?
Oración
Perdón, Xesús,
por sucumbir
tantas veces ao medo.
Perdón
pola falla de
determinación:
vexo claro cara
a onde ir,
pero freo o paso
ou torzo o camiño.
Perdón, Xesús,
por recear
aconchegarme a ti,
por rexeitar o
agarimo do teu Espírito.
Perdón
por pechar as
portas
a tanta
xenerosidade, a tanta esplendidez.
Acción
Podemos
concretar algunha cousa, algunha situación, na que por medo, por falta de
decisión, por non dar a cara ante algunha persoa, deixamos de dicir ou de facer
algo que considerabamos xusto. E dámonos aviso para non reincidir nese tipo de
comportamentos.
1 de
novembro: venres da 30ª semana do Tempo Ordinario. Solemnidade de todos os
Santos e Santas
Evanxeo: Mt 5, 1-12a
Vendo Xesús a
multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban
máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosas as
persoas totalmente pobres,
porque delas é o
Reino dos ceos.
Ditosos as que
choran,
porque elas
serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas
herdarán a terra.
Ditosos as
persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas
ficarán fartas.
Ditosas as
misericordiosas,
porque elas
acadarán a misericordia.
Ditosos as de
corazón limpo,
porque elas
verán a Deus.
Ditosos as que
traballan pola paz,
porque elas
serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as
persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas
tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós,
cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa;
alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.
Meditación
Sentamos aos pés
de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos
ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as
palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que
Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa
dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos
que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente
sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos
enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible
fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén
moitas outras--, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo,
na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo
desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione.
Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús,
dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais
empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case
coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito
nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.
Oración
Xesús, meu irmán
e mestre,
quero ser feliz,
ben o sabes,
aínda que cos
anos me vaia resignando
e vaia aceptando
vivir en paz coas carencias.
Pero aínda así,
meu irmán e mestre,
que non se
durman en min
os soños dunha
felicidade compartida;
que asenten en
min amplamente
as ansias de
felicidade de toda a xente infeliz do mundo.
Xesús, meu irmán
e mestre,
só ti podes
agrandar o espazo dos meus soños,
só ti coas
cousas do teu Deus, co noso Deus,
podes colmalos
ata o infinito.
Felices as
persoas que de ti podemos aprender
insospeitadas
maneiras de sermos persoas felices!
Acción
Podemos ler hoxe
algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”,
que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo,
que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.
2 de
novembro: sábado da 30º semana do Tempo Ordinario
Conmemoración
de todos os fieis defuntos
Evanxeo: Xn 14, 1-6 (o Leccionario propón tamén
outras lecturas)
Nun momento da
Última Cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Non vos
angustiedes; crede en Deus e crede tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas
moradas; se así non for, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando
vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde
estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non
sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús
respondeulle:
—Eu son o
camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Meditación
Xesús fálanos de
moradas, de moitas moradas, de lugares que nos prepara, para alí estar con el,
para alí chegar onda o Pai indo polo camiño que é el mesmo. Ben se ve que non
se trata de lugares físicos; non hai un lugar físico ao que lle chamemos ceo,
nin neste mundo, non en ningún outro lugar do cosmos. Tratase dun lugar
espiritual. Trátase de estar en Deus simplemente, fóra do tempo e do espazo.
Non sabemos o que iso pode ser. Sabemos que é cousa boa, porque Deus é a fonte
de todo ser, de toda vida, de toda paz, de toda unión, de toda boa experiencia
comunitaria.
Cando morremos,
ese é o noso destino. Invítanos Xesús a agardalo sen angustia; hai moitas
moradas; todos, todas collemos en Deus; a pesar das nosas ruindades, todos,
todas temos lugar no corazón de Deus; todas, todos temos un algo de amor, que é
en nós a semente de Deus, semente de eternidade. Xesús, camiño, verdade e vida,
lévanos da man cara a ese encontro definitivo con Deus, con todos os homes e
mulleres do mundo, con toda a creación reconciliada. Deus sexa bendito por esta
esperanza tan grande asentada nos nosos corazóns.
Oración
Grazas, Deus
noso,
polos homes e
mulleres defuntas
das nosas casas,
das nosas parroquias, das nosas aldeas e cidades.
Grazas polas
súas vidas en tantas cousas tan sufridas,
en tantas cousas
tan exemplares tamén.
Grazas polo que
fixeron, polo que amaron, polo que serviron,
polos bens
materiais, culturais, espirituais
que nos deixaron
en herdanza.
Grazas, Deus
noso,
polo respecto e
agarimo que tiveron por ti,
e polo agarimo
que ti tes por todas elas,
garantía do seu
descanso eterno no teu seo,
porque ti, Deus
noso,
es todo amor,
todo perdón, e todo reconciliación.
Grazas, Deus
noso,
que a memoria
dos nosos defuntos
nos sosteña na
nosa vida cristiá de cada día.
Acción
Seguro que neste
día visitaremos o lugar onde repousan os nosos defuntos, para recordalos, para
agradecelos, para gozar sabéndoos nas mans de Deus. Podemos fixarnos en tal ou
cal aspecto deles máis orixinal e fermoso, para agradecelo especialmente e, no
posible, imitalo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.