3 de
novembro: domingo 31 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou
Xesús a Iericó e pasaba atravesando a
cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico.
Intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, pois el era pequeneiro.
Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por
alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa
de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou
deseguida e acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a
murmurar:
—Entrou a se
hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de
pé, díxolle ao Señor:
—Señor, darei a
metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille
catro veces máis.
Entón Xesús
dixo:
—Hoxe chegou a
salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do
Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.
Meditación
É importante
fixarse no que fan, no que din os actores deste encontro, Zaqueo, Xesús e o
público circundante. Zaqueo intentaba ver a Xesús, fixo o posible por velo,
levaba dentro unha inquedanza, sabe Deus por que, e dá os pasos necesarios para
satisfacela. Cando Xesús lle propón hospedarse na súa casa, baixa da árbore de
contado e moi contento. A disposición non pode ser mellor. Non hai unha boa e
feliz vida cristiá, se non provocamos e gozamos un encontro con Xesús. Podemos
dicir cada un, cada unha de nós, que si, en tal, ou cal momento, eu atopeime na
miña vida con Xesús? Como, senón, buscamos nós o encontro con Xesús? Somos unha
comunidade cristiá onde se favoreza e facilite ese encontro persoal con Xesús,
ou somos unha comunidade apegada a certos ritos, normas, cumprimentos e punto?
Que pode significar para cada un, cada unha de nós, os pasos sucesivos que vai
dando Zaqueo: intentar ver, subir a unha árbore, escoitar a autoinvitación de
Xesús, correr contento a hospedar a Xesús...? Sabemos que as persoas preferidas
polas que Xesús se nos pode facer presente na vida son as persoas máis pobres e
marxinadas. Seremos capaces de orientar o noso encontro con Xesús a través
delas?
O outro
personaxe é Xesús mesmo. Un laico, que nun espazo laico como son as rúas dunha
cidade, anda coa ollada esperta, co corazón atento, con absoluta liberdade para
saltarse normas que impedían tratarse cun pecador público como era Zaqueo. E
pídelle hospedarse na súa casa. Xesús, como dixemos tamén, era moito de andar
fóra das igrexas, nas periferias da vida, alí onde a xente vive, sofre, busca,
peca, incumpre, para captar calquera sinal de busca e de nobreza e poñerse á
súa disposición dunha forma total, importándolle un pemento o que a xente
dixese. Que marabilloso este Xesús libre! Somos nós así? Cando nas nosas vidas,
nas nosas comunidades cristiás, falamos de estender o espírito de Xesús, o
estilo de Xesús, cando falamos de evanxelización, de nova evanxelización,
procuramos ser nós tamén así?
Oración
Serei capaz,
Señor,
de saír á túa
busca,
de deixar que en
min medre
esa luciña de
amor, de servizo, de autenticidade
que ás veces
polo menos
me acende a vida
e o corazón?
Serei capaz,
Señor?
Serei capaz,
Señor,
de erguer a
ollada,
de cruzala coa
túa,
superando
calquera obstáculo que se me poña por diante,
para deixarme
afectar polo teu rostro,
polo encanto da
túa palabra,
da túa vida?
Serei capaz,
Señor?
Serei capaz,
Señor,
de escoitar a
túa voz,
a túa voz
auténtica,
coa ti te me
invitas
a entrar na miña
casa,
na miña vida,
e agasallarme
coa túa presenza fresca e recia?
Serei capaz,
Señor?
Serei capaz,
Señor,
de abrirche as
portas da casa,
para que entres
e tomes asento,
para comer e
beber xuntos
para falarmos
dos meus soños
curtos,
dos teus soños
longos,
e demores canto
queiras a conversa?
Serei capaz,
Señor?
Serei capaz,
Señor,
de deixarme
remover por ti,
pola túa
persistente urxencia de xustiza solidaria,
que constrúe os
tempos novos
a base de
esixentes perdóns regalados,
de pans
compartidos,
de abusos
clausurados,
de irmandades
recuperadas e firmes?
Serei capaz,
Señor.
--Serás capaz,
serás.
Eu estou
contigo!
-Grazas.
Baixo contento
por poderte
acoller na miña casa.
Grazas!
Acción
¿Como tratamos a
xente que consideramos ruín, egoísta, abusadora? ¿Como nos tratamos a nós
mesm@s cando nos vemos con mal dentro de nós? Á luz do que aquí fan Zaqueo e
Xesús, ¿poderiamos cambiar en algo?
4 de
novembro: luns da 31ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 14, 12-14
Nunha ocasión
díxolle Xesús a un xefe dos fariseos que o invitara a comer:
—Ti, cando deas
un xantar ou unha cea, non invites a xente amiga, irmáns, irmás, parentes ou
veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a
ti. Cando deas un banquete, convida a xente pobre, eivada, coxa, cega; e será
ditoso, porque non te poden recompensar; pera xa se che recompensará na
resurrección dos xustos.
Meditación
En case todas as
cousas da vida vivimos dando porque esperamos que nos dean: amamos porque
esperamos ser amadas, traballamos porque esperamos ser pagadas, coopero con
alguén porque espero que cooperen comigo cando me faga falla, pago impostos
porque me van dar servizos públicos, e así moitas cousas. E bo é que polo menos
funcionemos así; non lle falta certa lóxica a este tipo de comportamentos. Pero
o certo é que isto de dar só cando espero que me dean, no fondo non deixa de
agochar un importante egoísmo, unha especie de egoísmo colectivo.
Xesús, sempre
tan provocativo, invítanos a ir máis alá desta lóxica, e ponnos ante o reto de
dar cando non contamos que nos dean, de servir a quen non poderá facelo
connosco, de facer calquera favor a quen non nolo poderá devolver. Xesús,
sempre con tanta sabedoría espiritual, humana, prométenos que niso hai unha
grande felicidade; facéndoo así, achegámonos, algo polo menos, a ese Deus todo
gratuíto, co que bateremos cara a cara cando resucitemos no seu seo. A
recompensa será ver e gozar desa aproximación vital ao Deus fonte de todo ben.
Oración
Que difícil é,
Xesús,
saírmos da
lóxica tan racional
de dar esperando
que me dean!
Que difícil é,
Xesús,
apostar por
vivir gratuitamente
poñendo en
segundo plano o interese persoal!
Que difícil é,
Xesús,
aproximarnos así
ao ser de Deus,
que fai saír o
seu sol sobre persoas xustas e inxustas!
Pero entendo,
Xesús,
que non é
imposible,
porque “somos da
raza de Deus” (Feit 17,28),
e polas nosas
veas circula
esa chamada
fonda a vivir dando e recibindo gratis.
Que difícil é,
Xesús,
pero non
imposible,
que para Deus
nada hai imposible.
Acción
Podemos
dispoñernos a facer algo de forma totalmente gratuíta, sen esperar que se nos
devolva en nada o favor. Probemos a vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de
novembro: martes da 31ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 14, 15-24
En certo
momento, unha das persoas convidadas a un xantar díxolle a Xesús:
—Feliz quen coma
no banquete do reino de Deus.
Xesús
contestoulle:
—Unha vez unha
persoa deu unha grande cea e convidou a moita xente. Así que chegou a hora,
mandou un criado para que avisase as persoas convidadas, dicíndolles: “Vide xa,
que está todo preparado”. Pero todo o mundo empezou a escusarse. Unha das
persoas invitadas dixo: “Merquei unha leira e teño que a ir ver; por favor,
descúlpame”. Outra dixo: “Merquei cinco xugadas de bois e teño que probalas;
descúlpame, por favor”. Outra dixo: “Acabo de casar e non podo ir”.
Volveu o criado
e contoulle todo isto ao amo. Entón o dono da casa, moi molesto, mandoulle ao
seu criado: “Pois vai correndo ás prazas e rúas da vila e tráeme para acá a
xente pobre, impedida, coxa e cega.
O criado
díxolle: “Xa está feito o que mandaches e aínda hai sitio”. Entón o amo
mandoulle: “Vai polos camiños e corredoiras e insístelle á xente para entrar,
ata que se encha a miña casa; e asegúrovos que ningunha das persoas convidadas
probará a miña cea”.
Meditación
Dúas cousas
chaman moito a atención neste relato. Por unha parte está a persistencia da
persoa que invita a unha gran cea; está empeñada en que a xente veña, coma,
festexe, goce, teña unha experiencia fonda de encontro, de abundancia, de vida,
de festa. A invitación empeza, polo que se ve, por xente ben situada en cartos
e amores; logo esténdese a xente marxinal que vive e anda polos núcleos de
poboación; e ao final a urxente invitación chega a xente totalmente marxinal,
que nin sequera ten o acomodo de vivir ou malvivir nunha aldea, e anda polos camiños,
como xente refuxiada ou emigrante. A invitación persistente vaise estendendo
cara ao máis baixo, cara ao máis fráxil, cara ao máis irrelevante. Así fai
Deus. Como se o mesmo Deus fose aprendendo que é no máis marxinal onde máis
caso se lle fai ao seu ofrecemento de vida e de fartura.
E a segunda
cousa que chama a atención é o desinterese da xente por esa invitación de quen
ofrece o banquete. Todo son escusas, todo son supostas ou reais compromisos que
poden xustificar a ausencia. Canto custa encher a mesa do reino de Deus! O
problema non é que non nos chegue a invitación; o problema é que, cando nos
chega, sempre atopamos razóns para esquivala.
No banquete do
reino de Deus os manxares son múltiples e saborosos. Todo o que sabe a
humanidade forma parte dos manxares do reino de Deus.
Oración
Grazas por
invitarme, meu Deus,
ao banquete da
vida,
ao banquete da
solidariedade,
ao banquete da
irmandade real e compartida.
Grazas por ser
un Deus de portas abertas,
sempre, sen
límites nin distincións,
para que ninguén
nunca quede excluído.
Grazas por facer
de nós
colaboradoras
túas
para realizar na
historia de cada día
o teu grande
banquete da irmandade.
Grazas por nos
urxir a saír polos camiños da vida
e buscar a xente
máis precisada
da abundancia
fraterna que ti nos prometes.
Que as nosas
resistencias, meu Deus,
non afoguen os
teus soños de irmandade.
Acción
Seguro que hoxe
mesmo dalgunha maneira nos vai chegar de parte de Deus algunha invitación a
participar na mesa da irmandade de Deus. A ver se estamos en vela, para poder
acudir e non escusarnos.
6 de
novembro: mércores da 31ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 14, 25-33
Nunha ocasión
volveuse Xesús cara á moita xente que o acompañaba e díxolle:
—Se alguén vén
onda min e non é persoa disposta a deixar en segundo lugar o seu pai e a súa
nai, a muller, o home e máis os fillos ou fillas, os irmáns e as irmás, e
incluso a súa propia vida, non pode ser discípulo ou discípula miña. Quen non
carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo ou discípula miña.
Pois ¿quen de
vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver
se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a
xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu
rematado”.
Ou ¿que rei, que
sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil
homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe,
mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.
Pois así, quen
de vós non renuncie a todo o que ten, non pode ser discípulo ou discípula miña.
Meditación
Non se trata de
desprezar a familia ou a propia persoa. Ambas, familia e persoa, son realidades
que forman parte da nosa existencia, querida así por Deus. Trátase de ver cal é
o nervio que unifica e potencia a nosa vida de cada día. Trátase de ver onde se
asenta a nosa vida, onde atopa sentido e luz. Xesús dinos que, se queremos ser
persoas que gocemos da súa compaña, do seu alento, daquela é necesario estar
dispostas a dicir que non a certas esixencias familiares que non vaian co de
Xesús; igual que é necesario estar dispostas a romper coas propias apetencias,
con aqueles afáns persoais que nos distancien do seguimento de Xesús. Isto
pódenos parecer duro, pero non deixa de ser unha condición de madurez que
noutros campos da vida tamén o consideramos necesario. É a cruz coa que é
necesario cargar cando queremos ser coherentes coas nosas opcións. A molicie, a
brandura, non vale para facer persoas consistentes, nin seguidoras ou
seguidores de Xesús consistentes.
Oración
Quero madurar ao
teu lado, Xesús.
Quero vincularme
fondamente a ti
desde a
atracción, desde o encanto,
non desde a
simple obriga de coherencia.
Quero que o teu
Espírito entre a fondo en min
me traballe por
dentro e por fóra
e me faga capaz
das maiores fidelidades
coa maior
normalidade e humildade.
Quero madurar ao
teu lado, Xesús,
ao lado tamén
das tarefas domésticas,
do trato
familiar coidadoso,
dos servizos á
comunidade veciñal, ao pobo,
da participación
social, política.
Grazas polo teu
acompañamento permanente.
Acción
Encontrámonos
nalgún aperto, nalgunha disxuntiva, entre vivir como persoas cristiás na vida e
manter algunhas opcións persoais a nivel familiar, social, político? ¿Podemos
dar algún paso á luz deste evanxeo de Xesús? Seguro que si.
7 de
novembro: xoves da 31ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 15, 1-10
Naquel tempo os
publicanos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os
fariseos e mestres da Lei murmuraban, dicindo:
—Este acolle a
xente pecadora e come con ela.
Entón Xesús
contoulles esta parábola:
—¿Quen de vós,
se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no
descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve
todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando pola xente amiga e
veciña, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois eu
tamén vos aseguro que haberá máis alegría no ceo por unha persoa pecadora que
se converta que por noventa e nove xustas que non precisen conversión.
E ¿que muller
que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa,
buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama pola xente amiga e
veciña para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”.
Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos de Deus por unha soa persoa
pecadora que se converta.
Meditación
Parábolas
exclusivas de Lucas que nos sitúan no centro da experiencia relixiosa cristiá.
Así é o Deus de Xesús, así é Xesús mesmo: o pastor que sae tras da perdida,
busca ata atopala, e cando a atopa goza e comparte os seus gozos; a muller que
acende a luz, varre, remexe na procura da moeda perdida, ata que a atopa,
gózase por iso e comparte coa veciñanza a súa ledicia. Así é Deus, así é Xesús.
E dentro desa realidade estamos metidas todas e todos nós. E estámolo sendo
obxecto desa busca apaixonada de Deus. En algo somos sempre persoas perdidas,
obxecto de busca, motivo de gozo, motivo de festa. E estámolo tamén recibindo a
invitación de Deus, de Xesús, a sermos nós tamén pastor e muller que se erguen
e saen, que dispoñen todos os medios necesarios para atopar o perdido, e poder
logo festexar comunitariamente pola recuperación da xente. E todo isto sen
ningún aire de superioridade paternalista; simplemente desde un sentido fondo
de irmandade. En comunidade facémonos, recuperámonos, gozámonos, construímonos
ao gusto de Deus, que así nos quere.
Oración
Grazas, meu Deus,
porque andas
tras min
con ollada tenra
e respectuosa.
Grazas porque
che intereso,
porque ocupo un
lugar no teu corazón
e velas e
desvelas por mor miña.
Grazas porque te
apenas cos meus fracasos
e te aledas cos
meus éxitos
medidos coa vara
da fraternidade.
Grazas porque me
fas motivo de festa
para toda a
comunidade,
motivo de festa
e de esperanza.
Grazas porque me
invitas a andar contigo
polos camiños da
solicitude solidaria,
sen aires de
chulería, humildemente.
Grazas, meu
Deus, grazas.
Acción
É algo
arriscado, pero igual podiamos pensar nalgunha persoa a quen vexamos algo
perdida, algo desalentada, algo equivocada, e, con todo o respecto e agarimo do
mundo, achegarnos a ela, falar, ver de entendela, ver como axudala. Paga a
pena.
8 de
novembro: venres da 31ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 16, 1-8
Unha vez
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Había un home
rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar
cos bens. Chamou por el e díxolle: “¿Que é iso que sinto falar de ti? Dáme
conta da túa administración, que quedas despedido”.
O administrador
púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non
podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando
me despidan haxa quen me acolla na súa casa”.
Vaise e chama
por cada un dos debedores do seu amo, e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle
debes ao meu amo?” El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle:
“Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois preguntoulle ao
segundo: “¿Ti canto debes?” Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle
el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.
O amo loou a
aquel administrador inxusto pola astucia
coa que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas
deles cós fillos da luz.
Meditación
Na Igrexa –tamén
na sociedade civil— estamos en tempos de certa desfeita; as cousas non van ben,
como tampouco lle ía ben a facenda do home rico da parábola de Xesús. Oímos
dicir por un lado e outro: se as cousas non van ben, e queres ter resultados
distintos, debes empezar a facer cousas distintas. É dicir, debes poñer
intelixencia, astucia, mañas –sempre lexítimas— para que as cousas funcionen e
poidas chegar ao que aspiras, que no noso casa é ter unhas comunidades cristiás
vivas ao servizo dunha sociedade xusta e irmandada en todo. Sentar, cavilar,
ensaiar, revisar, todo con astucia da boa. E, seguramente, antes, no medio e
despois de todo iso, simplificar o corazón e a vida, baleirarnos de mil
historias, e deixar que o Espírito de Deus nos colla por fóra e por dentro,
como facía Xesús, para sermos de verdade fillos e fillas da luz.
Oración
Cantas veces non
sabemos que facer, meu Deus!
Témoste a ti
como inmensa riqueza nas mans,
e non sabemos
que facer contigo,
nin co teu
Espírito
que tan ben
guiou os pasos de Xesús de Nazaré.
O Pan volveuse
balorento nas nosas mesas.
As nosas
palabras volvéronse acedas.
E a cantas
persoas lles feden a pasado e canso
as nosas
comunidades!
Será posible
botar viño novo en pelellos vellos?
Ou mendar un
vestido vello cun mendo novo?
Será posible
darlle paso á astucia, á ousadía no teu nome?
Nas túas mans
nos poñemos, meu Deus.
Ti pódelo todo.
Acción
Se nos paramos a
pensar, seguro que atoparemos algún aspecto da nosa vida persoal, comunitaria,
social, que nos está pedindo astucia, iniciativa, creatividade, para reparalo,
para avivecelo. Probemos niso a ser fillos e fillas da luz.
9 de
novembro: sábado da 31ª semana do Tempo Ordinario
Festa
da dedicación da basílica de Letrán
Evanxeo: Xn 2, 13-22
Estaba a chegar
a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os vendedores
de bois, ovellas e pombas, e máis os cambiadores de cartos, sentados; foi el e
fixo un vergallo con cordeis, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os
bois tamén; e aos cambiadores guindoulles os cartos e arreboloulles as mesas; e
aos que vendían pombas díxolles:
—Arredade isto
de aquí, non convertades nun negocio a casa do meu Pai.
Os seus discípulos
lembráronse de que estaban escrito: O celo da túa casa devórame. Pola súa parte
os xudeus preguntáronlle:
—¿Que sinal nos
amosas para faceres estes feitos?
Respondeulles
Xesús:
—Derrubade este
templo e erguereino en tres días.
Replicáronlle os
xudeus:
—Corenta e seis
anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?
Pero el dicíao
referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, os seus
discípulos lembraron o que dixera e creron na Escritura e na palabra que dixera
Xesús.
Meditación
A basílica de
Letrán, dedicada ao Salvador e a san Xoán Bautista e san Xoán evanxelista, data
do ano 324, pero foi refeita en diferentes momentos da historia. É a catedral
do bispo de Roma, é dicir, do mesmo Papa, e por iso está considerada como nai e
cabeza de todas as igrexas do mundo. Festexar a súa existencia quere dicir
sobre todo sentirnos parte dunha Igrexa universal, que no Papa ten a alguén que
potencia a súa unidade e a súa diversidade ao mesmo tempo. O verdadeiro centro
da comunidade cristiá universal nin o é o Papa, nin menos aínda unha
construción, por moi fermosa que esta sexa; o verdadeiro centro da Igrexa éo
Xesús, o Cristo, o seu corpo morto de amor e resucitado, fielmente representado
nos corpos rotos de tanta xente vulnerable como hai polo mundo adiante. Pesa
sobre a Igrexa de Letrán, e sobre calquera das nosas catedrais e igrexas
pequenas, a severa advertencia de Xesús: “Non convertades nun negocio a casa do
meu Pai”. Convertédea non nun negocio, senón nun espazo de ocio, de gratuidade,
de gozo, de acollida, onde calquera debilidade atope no posible remedio e
conforto.
Oración
Perdón, meu
Deus,
polas veces que
construímos templos
sobre a suor e o
sangue dun pobo enfraquecido.
Perdón, tamén
polo boato de tantas
grandes cerimonias
exentas de
tenrura cara á xente aflixida.
Perdón, meu
Deus,
por ter
negociado tantas veces coa piedade da xente,
vendéndolle o
que ti gratuitamente donas.
Perdón, meu
Deus,
por termos
templos e non frecuentalos,
para honrar
comunitariamente o teu santo nome.
Perdón por
mirar, se miramos, polos templos de pedra
e
despreocuparnos da vida da comunidade
reunida ao redor
do corpo morto e resucitado de Xesús.
Acción
¿Como vivimos a
nosa pertenza á Igrexa? ¿Participamos nas celebracións dominicais para vivir en
comunidade cristiá? ¿En algo entramos niso de negociar coas cousas da fe, con
cura ou sen cura polo medio, intentando mercar con cartos os agarimos de Deus?
Seguro que haberá cousas nas que podemos mellorar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.