10 de
novembro: domingo 32 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 20, 27-38
Unha vez
chegaron onda Xesús algúns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e
preguntáronlle:
—Mestre, Moisés
deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case
coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois dunha vez había sete
irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou coa súa muller o
segundo; e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e todos
morreron sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora ben, cando
resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús
contestoulles:
—Neste mundo os
homes e máis as mulleres casan entre eles. Pero as persoas que sexan dignas da
vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin
elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos de Deus por naceren na
resurrección.
E que resucitan
os mortos ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor no episodio da
silveira: “O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é
un Deus de mortos, senón de vivos, para El todas as persoas están vivas.
E nisto algúns
dos letrados dixéronlle:
—Ben falado,
Mestre.
E xa non se
atrevían a preguntarlle máis nada.
Meditación
Houbo tempos nos
que se promovía o medo á posible condenación cos conseguintes suplicios
eternos, coma unha maneira de activar a fidelidade a Deus, á Igrexa, á
rectitude moral. Hoxe maioritariamente estamos noutro mundo. Ante a morte
procuramos disimular, pasar en silencio, case como se non existise, silenciala;
e ante o máis alá, abunda a incredulidade, incluso entre moitísimas persoas que
nos dicimos crentes cristiás e que cumprimos máis ou menos fielmente. En todo
caso, levados pola indiferenza e o desinterese ou por unha fe algo renovada,
que nos fala dun Deus que nunca, nunca renega dos seus fillos e fillas, ollamos
cara a outra vida, con certa indiferenza e frialdade, sen paixón, sen ver aí
ningún motivo que nos encante, que nos console, que nos alente. Aféctanos a
morte máis, moito máis, pola vida que deixamos, ca non pola vida prometida que
nos agarda.
A proposta de
Xesús é simple, é un acto de fe, sen demasiadas argumentacións: hai un Deus de
vida e por iso hai un Deus de xente viva; e porque hai un Deus de xente viva,
hai vida prolongada a fondo, hai resurrección. Se vivimos a Deus coma un Deus
de vida, non nos custará tanto entender que esa vida se prolongue para sempre,
non en base ao noso poderío, xa que somos ben pouca cousa, corruptible, po,
lama, nada; senón en base ao poderío de vida que hai en Deus e que, gustoso,
quere compartir con todos os seres humanos e incluso con toda a realidade
mundana, cósmica.
Se vivimos a
Deus coma un Deus de vida, non nos
custará tanto asumir a nosa condición mortal, porque esperamos que quede
desbordada pola súa esplendidez: “Non hai pecado nin crime que poida borrar do
corazón de Deus a un só dos seus fillos e fillas”, dicía o Papa Francisco nunha
ocasión. Se vivimos a Deus coma un Deus de vida, incluso podemos cobizar con
esperanza esa vida nova, abundante, plena, non ao nivel das nosas cativezas,
desamores e pecados, que quedarán definitivamente desarmados en Deus, senón ao
nivel dese mesmo Deus que é fonte de vida e de amor rexenerador, no que todos e
todas quedaremos eternamente integradas. Polo tanto a cuestión básica para unha
persoa crente é ver, experimentar, como podemos vivir a Deus coma un Deus de
vida. Como podemos deixalo ser en nós un Deus de vida, un promotor de vida, un defensor
de vida, un alentador de vida. E iso xa neste mundo.
Oración
Coida a vida,
coida a vida,
toda vida,
que eu son Deus
de vida e non de morte,
Deus para a vida
e non para a morte.
Coida a vida
en todos os seus
ínfimos detalles,
coas decisións
máis miúdas e cotiás.
Coida a vida,
a terra, o ar,
as augas,
as árbores, os
animais, as persoas,
cada home ou
muller
que por calquera
razón cruce os seus camiños cos teus.
Coida a vida,
vixía cada bágoa
e cada risa,
cada amago de
angustia ou de esperanza
de calquera
persoa que coñezas,
porque a xente,
cando vive, ten pracer,
e o pracer da
xente é a miña gloria.
Coida a vida
con todos os
teus recursos,
persoais e
comunitarios,
sociais e
políticos,
ao longo de toda
a túa vida,
con todas as
túas forzas, con toda a túa alma.
E a vida
florecerá nas túas mans coidadosas
coma un froito
teu,
coma un regalo
de Deus
sen medida,
total, eterno.
Acción
Podiamos hoxe
coidar especialmente a vida coa xente, coa natureza, nalgún aspecto no que a
vexamos algo deteriorada. Podiamos tamén gozar a vida estando con algunha
persoa especialmente viva, contemplando algún espazo natural cheo de vida.
11 de
novembro: luns da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 1-6
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
—É irremediable
que haxa escándalos, pero ai de quen os provoca! A quen escandalice a unha
destas criaturiñas, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño no
pescozo e que o largasen ao mar. Andade con coidado. Se o teu irmán che fai
mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E, se te ofende sete veces no día e
sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.
Rogáronlle os
apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a
fe!
O Señor
respondeulles:
—Se tivésedes
unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e
plántate no mar”, e seguro que vos obedecería.
Meditación
Somos persoas
que, por regalo de Deus, gustamos de acompañar a Xesús máis de cerca. E Xesús
sinálanos hoxe tres maneiras propias de quen queira andar ao seu redor. A
primeira ten que ver con ese convencemento seu de poñer sempre no centro das
nosas ansias e coidados as persoas máis fráxiles, evitando facer calquera cousa
que deteriore o seu corpo, o seu espírito, os seus soños e lles impida levar unha
vida digna ante a xente, ante Deus. A segunda ten que ver coa necesidade do
perdón entre nós, se queremos facer boa comunidade cristiá, boa sociedade
tamén. Perdón sen límites. Non coma un xesto de fuxida ante o mal, senón como
aposta esperanzada polas persoas máis fráxiles tamén, máis abocadas ao mal
polas razóns que sexan. E a terceira ten que ver coa fe, como soporte que fai
posible todo o anterior. A fe non como simple asentimento doutrinal ao que
dicimos crer, senón como actitude vital confiada en Deus e en que o seu poder
de ben, de cambio, de transformación, chega máis aló do que podemos esperar das
nosas forzas. Coma sempre Xesús situándose contracorrente de moitos criterios
normais, e invitándonos a nós a andar con el tamén contracorrente.
Oración
Auméntanos a fe,
Xesús,
pedíanche
daquela as persoas que te acompañaban.
E o mesmo desexo
che presentamos nós.
Moitas son as
cousas que nos desalentan,
que nos fan
perder a esperanza,
que nos fan
desconfiar de todo:
de nós, da
demais xente,
do futuro das
aldeas,
do recoñecemento
da xente máis vulnerable,
de ti mesmo,
Xesús,
do Deus no que
ti tanto confiabas.
Que se nos abran
os ollos,
para descubrir a
forza do ben,
a túa mesma
forza,
tirando por todo
cara a arriba
e arrastrándonos
cara á fe e á esperanza.
Canto o
necesitamos, Xesús!
Acción
Podemos mirar se
en algo desde a propia persoa ou desde a comunidade cristiá estamos sendo razón
de tropezo para algunha persoa débil, nas cousas normais da vida, nas cousas da
fe. Podemos mirar se en algo nos estamos negando ao perdón cara a algunha
persoa concreta. Podemos mirar que
cousas nos están achicando a fe. Mirar, para detectar, para dar algún paso,
para cambiar. Xesús apóianos. Deus tamén con el.
12 de
novembro: martes da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 7-10
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que o seguían
de cerca:
—¿Quen de vós
que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da terra: “Entra
axiña e ponte á mesa”? ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de
traballo e sírveme mentres eu como e bebo; despois comerás e beberás ti?” ¿Ou é
que aínda lle vai ter que agradecer ao criado que lle faga o mandado? Así tamén
vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos uns pobres servidores
ou servidoras; non fixemos máis có que
tiñamos que facer”.
Meditación
A pequeniña
comparanza que emprega Xesús responde a unha práctica que se daba daquela e
que, con formas máis modernas, se dá tamén nos nosos tempos. Parece como se
Xesús vise ben ese funcionamento abusivo con quen serve. Polo que sabemos
doutras partes do Evanxeo, non é ese o estilo de Xesús, non é ese o estilo do
Deus de Xesús. Usa esa comparanza Xesús para recalcar unha cousa moi concreta
na nosa relación con Deus, no noso servizo a Deus e á súa tarefa de irmandade
connosco: fagamos o que fagamos, o noso servizo ante a esplendidez de Deus
sempre será algo pequeno, e o normal será que o vivamos coa conciencia de
sermos simplemente uns pobres servidores ou servidoras. E vaia se nos está Deus
agradecido polos nosos servizos! Nisto si que Deus non casa co amo que dicía
Xesús. Xesús está compartindo connosco a vivencia que el tiña ante Deus: son un
pobre servo!
Oración
Son un pobre
servo
--palabra de
Xesús--,
son un simple
servo,
que non fixen
máis có que tiña que facer.
De Deus recibín
o ser e a tarefa,
de Deus recibín
a forza e a idea,
de Deus recibín
o acompañamento diario,
sempre á miña
porta,
sempre, a toda
hora,
de día e de
noite,
nos amenceres e
solpores.
Que lle vou dicir?
De que me vou
chufar?
Si,
pobre servo,
feliz de poder
selo,
feliz de
desfacerme en servizo
pola gloria de
Deus na xente máis vulnerable.
Este, e non
outro, é o meu gozo, a miña festa.
Grazas, meu
Deus.
Acción
Normalmente non
nos gustan as persoas que se andan chuleando do que fan ou deixan de facer. Hai
que se chulea abertamente, e quen o fai de forma máis raposeira. Podemos mirar
se en algo entramos neste tipo de comportamentos tan pouco construtivos. E
cambiar, claro.
13 de
novembro: mércores da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 11-19
Unha vez, indo
de camiño a Xerusalén, pasaba Xesús entre Samaría e Galilea; ao entrar nunha
aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle
berrando:
—Xesús, mestre,
ten compaixón de nós.
El, ao velos,
díxolles:
—Ídevos
presentar aos sacerdotes.
E aconteceu que,
cando ían de camiño, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba
curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra,
aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
¿Non foron dez
os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove?
E engadiu:
—Érguete e
vaite; salvoute a túa fe.
Meditación
Ser persoas
agradecidas. Parece, en principio, algo normal, doado de facer e de vivir, pero
non o é tanto. Non o foi para aqueles nove leprosos que non volveron onda
Xesús, e non o é para nós, que con frecuencia andamos pola vida coa sensación
de que todo se nos debe coma un dereito e non coma unha graza que se nos fai. A
mesma existencia, a familia que nos criou foi un regalo. As atencións de todo
tipo que recibimos na vida (escola, saúde, servizos múltiples) son o froito do
esforzo de moita xente anterior a nós que os loitou e posibilitou; o sentirme
querido, valorado, integrado en grupos diversos son cousas posibles porque hai
outras persoas que me fan sentirme así. E non digamos xa Deus, que é ese
dinamismo de vida cara á unión solidaria, cara á liberdade, cara á felicidade,
que desde o noso nacemento se fixo presente na nosa vida con vontade de servizo
absolutamente gratuíto. Podemos cultivar esa condición humana tan preciosa, que
é ser persoa agradecida, afacéndonos cada día, momento a momento, a vivir todo
canto vivimos co seu fondo de graza e de regalo, do que son axentes directas
moitas das persoas que conviven connosco na vida, por non dicir todas.
Oración
Grazas, meu
Deus,
por todo canto
son e canto teño,
cruzado de
arriba a abaixo polo gratuíto.
Grazas pola
auga, polo vento, pola terra, polo sol,
grazas pola
mantenza diaria,
morea de
criaturas ao servizo do meu ben.
Grazas polos
agarimos e tenruras
que tanta xente
tantas veces me amosa.
Grazas polos
dons e calidades que teño,
sempre, sempre
froito dos servizos e atencións
de tantísima xente
que me precedeu e acompañou na vida.
Grazas por ti
mesmo, meu Deus,
envolto en todo
isto,
suscitando todo
isto do que fuches creador,
loitando por
facer deste mundo
un mundo de dons
e agradecementos
do que ningunha
persoa quede nunca excluída.
Acción
Hoxe podemos
pensar nalgunha persoa á que lle debemos algún favor, algún servizo, para
agradecerllo da maneira que consideremos máis expresiva.
14 de
novembro: xoves da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 20-25
Unha vez uns
fariseos preguntáronlle a Xesús cando chegaría o reino de Deus, e el
respondeulles:
—O reino de Deus
chegará sen facerse sentir, de tal xeito que non se dirá: “Velaquí ou velaí
está”, porque a verdade é que o reino de Deus xa está entre vós.
E díxolles ás
persoas que o acompañaban de cerca:
—Virán tempos
nos que cobizaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. E
diranvos: “Mirádeo aí ou aquí”, pero vós non vaiades nin corrades detrás.
Porque como o lóstrego brilla refulxente dende un extremo ao outro do ceo, así
será o Fillo do Home no seu día. Pero antes é preciso que padeza moito e que
esta xeración o rexeite.
Meditación
As primeiras
xeracións cristiás estaban moi dominadas polo sentimento de que axiña, moi
axiña, ía chegar o reino de Deus na forma dunha irrupción poderosa por parte de
Deus que amañaría o mundo e inauguraría unha nova época de xustiza e paz. Pouco
a pouco fóronse decatando de que as cousas non eran así, e foron chegando ao
convencemento simple, pero ben cativador, de que o reino de Deus xa está entre
nós, e nós somos, con Deus, quen o facemos presente e quen del podemos gozar. O
mundo é tarefa de Deus e máis nosa; e o mesmo a familia na que estamos, o pobo
no que vivimos, a comunidade cristiá da que formamos parte, o estado, España, no
que estamos integrados, as relacións que mantemos día a día con homes e
mulleres diversas,… todo, todo é o espazo do reino de Deus, e ante el temos
unha responsabilidade, e dentro desa responsabilidade podemos percibir tamén a
Deus mesmo como compaña maior que nos alenta e que nos promete un final feliz,
aínda que sexa despois de pasar por loitas e padecementos, como a Xesús mesmo
lle pasou.
Oración
Non á angustia
que encolle e que destrúe
e si á paz máis
fonda en nós, en ti, meu Deus.
Non á desesperación
ante o mal que van as cousas
e si á confianza
segura de que para todo hai final feliz.
Non aos medos
polo que nos pode vir enriba
e si á
tranquilidade de quen se sabe en boas mans.
Non ao
desinterese e á nugalla (preguiza)
e si á
implicación humilde na tarefa da vida.
Non ao “sálvese
quen poida” egoísta
e si aos soños
comunitarios solidarios.
Non a un mundo
machucado en mans duns poucos
e si a un mundo
coidado, libre para ben de todas as criaturas.
No teu nome, meu
Deus,
coa túa paz, coa
túa forza.
Acción
Podemos vivir
este día coa conciencia de que, a través do que falamos e facemos, dunha
maneira humilde estamos construíndo, ou non, o reino de Deus, os soños de Deus
para toda a humanidade.
15 de
novembro: venres da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 17, 26-37
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—O que pasou no
tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. Comían, bebían e casaban,
ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todo o
mundo. O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían,
plantaban, construían; pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do
ceo e acabou con todo o mundo. O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do
Home.
Aquel día quen
estea na azotea e teña as cousas dentro da casa non baixe por elas; e quen
estea na leira tampouco non volva atrás. Lembrade o caso da muller de Lot. Quen
intente salvar a súa vida, perderaa, e quen a perda salvaraa. Asegúrovos que
nesa noite estarán dúas persoas nunha mesma cama; levarán a unha e deixarán a
outra; estarán dúas persoas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.
Eles
preguntáronlle:
—¿Onde, Señor?
Respondeulles:
—Onde estea o
cadáver xuntaranse os voitres.
Meditación
Na Igrexa
durante anos, séculos, empuxóusenos a ser boas persoas cristiás coa presión de
dous medos: o medo social, o ambiente, o que dirán, que nos levaba a facer o
que había que facer máis por temor ca non por convencemento; e o medo interior,
sobre todo o medo a vivir e morrer en pecado, cousa que derivaría en condena
eterna e en mil castigos eternos. Hoxe estes medos, grazas a Deus, impórtannos
moito menos. Podemos quedar aí, liberándonos deses medos e nada máis. Ou
podemos liberarnos deses medos e como persoas cristiás ver o que realmente nos
constrúe como persoas, como cidadás ou cidadáns, como membros dunha comunidade
cristiá; e facer o que fagamos por convencemento. Por suposto que sempre
estamos abocados a ese momento final, tanto de cada unha das nosas persoas,
como do conxunto do mundo. Forma parte da condición caduca de todo o creado;
pero coma crentes nun Deus de vida e non de morte e acabamento, podemos
sintonizar con ese momento apostando pola vida limpa, honrada, digna en todo,
para nós e para quen nos rodea. Así poderemos chegar ao final da nosa
existencia con paz e con esperanza. Daquela comeza unha nova vida, e que vida!
Oración
Cando queiras,
meu Deus,
peta á miña
porta e entra.
Pero, que digo?
Se estás petando
e petando,
día si e día
tamén!
Se o teu é
provocar encontros,
soster amizades,
garantir
eternidades.
Cando queiras,
meu Deus.
Acepto ser pouca
cousa, caduca,
chamada a
desaparecer aos ollos deste mundo,
pero, grazas a
ti, aberta ao inimaxinable,
como ante o
inimaxinable está
a criaturiña no
ventre da súa nai.
Cando queiras,
meu Deus,
sei que, cando
iso sexa,
estarás aí coas
mans abertas,
co corazón
aberto,
como parteira de
comunidade eterna,
acolléndome no
teu colo de Pai maternal
no fogar dos
amores absolutos.
Cando queiras,
meu Deus,
cando queiras.
Acción
Andamos para
arriba e para abaixo, sen concedernos apenas tempos para estar a soas con nos
mesmas, simplemente para tomar conciencia da nosa existencia, do que somos,
daquilo polo que loitamos, das nosas esperanzas, dos nosos soños. Para tomar
conciencia tamén da fonda vinculación que Deus quere establecer connosco. Hoxe
podémonos conceder media horiña para contactar co noso propia ser, ante nós,
ante Deus.
16 de
novembro: sábado da 32ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 18, 1-8.
Nunha ocasión
Xesús, para ensinarlles ás persoas que o acompañaban de cerca a necesidade de
orar sempre, sen cansar, propúxolles esta parábola:
—Había nunha
vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había
tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu
adversario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún, pero despois
cavilou: ”Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me
está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a
vida”.
E o Señor
continuou:
—Fixádevos no
que di o xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ás persoas que
el mesmo elixiu, que chaman por el día e noite?; ¿ou tardará en atendelas?
Asegúrovos que lles fará xustiza sen demora. Pero cando chegue o Fillo do Home,
¿el atopará fe sobre a terra?
Meditación
Orar sen cansar.
Que non quere dicir importunar e importunar a Deus, ata que, canso de nós, nos
acabe dando o que de primeiras se resistía a dar. Iso era o que facía o xuíz
inxusto, precisamente porque era inxusto, porque non se doía da debilidade da
viúva, porque andaba ao seu e ás súas comenencias. Pero Deus non é así. Deus
escoita sen demora, atende sen demora, fai xustiza sen demora, porque non é un
xuíz inxusto e desinteresado de nós, senón un Pai maternal que devece máis ca
nós mesmas polo noso ben.
Orar sen cansar.
Que quere dicir estar co corazón permanentemente aberto ante Deus, dispoñibles
a acoller os seus ofrecementos, cunha confianza absoluta en que el si está
totalmente da nosa parte, e co seu espírito bo nos quere acompañar en todos os
momentos da nosa vida: nos malos momentos dándonos paz e forza para levalos con
esperanza, nos bos momentos dándonos serenidade e contento para vivir con
agradecemento, en disposición de ser para a demais xente unha persoa atenta e
considerada, como Deus o é connosco.
Oración
Non me fan
xustiza, meu Deus!,
oraba o labrego
pobre de Castelao,
en
representación dun mundo rural castigado
que nin na mesma
Igrexa atopaba atención.
Non me fan
xustiza, meu Deus!,
din hoxe os
milleiros de persoas refuxiadas,
que cruzan
África ou Centroamérica
na procura de
traballo, teito e dignidade.
Non me fan
xustiza, meu Deus!,
rezan hoxe os
meniños e meniñas abusadas
por clérigos
dominantes, por señores da guerra
ou polos amigos
da trata máis desapiadada.
Non me fan
xustiza, meu Deus!,
berran hoxe con
berros colectivos
persoas
desafiuzadas, vellas, pobres, abandonadas,
que deben
dobregarse aos intereses do capital.
Non me fan
xustiza, meu Deus,
berra a xente
que de nós espera atención e consideración
e atopa en nós
portas pechadas,
desinterese e
abandono.
Acción
É moi posible
que coñezamos o caso dalgunha persoa que estea sufrindo algún tipo de soidade,
de desamparo, de abuso, de inxustiza. Podemos visitar esa persoa, escoitala,
animala, a Deus e acompañándoa no que vexamos oportuno facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.