14 novembro, 2019

1º Encontro 2019 / 2020



Oración en comunidade, Igrexa, pobo. Interactuación permanente. Oramos segundo o que somos. Ventaíñas polas que pode entrar a luz. Podémolo expresar coa nosa postura física.

Salmos das “subidas” ou peregrinacións cara á cidade de Deus, simbolizada en Xerusalén, na Igrexa, na comunidade cristiá. (salmos 120-134).


UNHA CIDADE NOVA CONSTRUIREMOS NESTA TERRA,
UNHA CIDADE XUSTA CONSTRUIREMOS DESTA XEIRA.
UNHA CIDADE DE PAZ, UNHA CIDADE DE AMOR,
UNHA CIDADE BEN XUSTA CONSTRUIREMOS.



Salmo 122 (versión oracional)

Alegreime, cando me dixeron:
imos para a casa do Señor.

Xa están os nosos pés
ás túas portas, Cidade da Paz.
Cidade da Paz, cidade ben feita,
de compacta harmonía.

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme ao costume do seu pobo,
para festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
a sede do esperado polos pobres.

Saudade así á Cidade da Paz:
“Teña prosperidade quen ben te queira,
que haxa paz nos teus muros
e contento nas casas de quen te habite.

Por mor de meus irmáns e compañeiros
direi eu: `A paz contigo´.
por mor da casa do Señor, o noso Deus,
deséxoche todo ben”.


Salmo 120 (versión oracional)

Eu clamo ao Señor na miña angustia
e El respóndeme.
Señor, ti es quen podes salvar a miña vida
de falas mentireiras.

Con que se vos podería pagar dabondo,
linguas mentireiras?
Con afiadas frechas de verdade
e con ascuas de xustiza.

Ai de min, estranxeira entre pobos belicosos,
de pousada en tendas provisionais!
Tempo de máis levo vivindo
con xente que aborrece a paz.
Mentres eu falo de paz,
eles apostan pola guerra.

Gloria ao Pai, ao Fillo, ao Espírito Santo,
como era nun principio, agora
e sempre eternamente.


Memoria oracional

Cos brazos abertos, facemos memoria en oración das persoas, grupos, pobos,  cos que queremos compartir a nosa fe,  o noso amor, a nosa esperanza. Podémolas ir nomeando en voz alta, para que todos nos poidamos sumar a esa oración e facela máis comunitaria.

Agora uníndonos, cruzándonos cos brazos, rezamos o Noso Pai.
Noso Pai, Nai, en quen vivimos e existimos…






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.