17 de
novembro: domingo 33 do Tempo Ordinario. Xornada mundial dos pobres
Evanxeo: Lc 21, 5-19
Nunha ocasión comentaban algúns a
fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o
adornaban. Pero Xesús díxolles:
—Todo
isto que estades a contemplar, chegará o día no que todo será derruído, non
quedará pedra sobre pedra.
Eles
preguntáronlle:
—Mestre,
dinos, ¿cando van pasar estas cousas?, ¿cal será o signo de que van suceder?
El
empezoulles a dicir:
—Estade
atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome dicindo:
“son eu” e “está a chegar o momento”, pero non os sigades. Cando oiades falar
de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que
acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
Entón
díxolles:
—Erguerase
pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames
en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo. Pero antes de
todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos; levaranvos ás sinagogas e á
cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de
dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa
defensa, que eu vos darei unha elocuencia e máis unha sabedoría que non poderán
resistir parentes e amigos. mataranvos a algúns de vós e aborreceranvos todos
por causa miña, e máis non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa
perseveranza salvaredes as vosas vidas.
Meditación
En parte polo menos, no momento presente
do mundo, é posible que moitos, moitas de nós teñamos sensacións parecidas ás
descritas polo evanxelista Lucas. Os donos das fianzas gobernan e estragan o
mundo ao seu antollo, impoñéndolles os seus intereses aos gobernos, que deixan
de ser gobernos democráticos. Guerras por aquí, fames por alí, refuxiados por
un lado, inmigrantes polo outro: bágoas, sufrimento, morte. Que facer no medio
de todo isto? Onde anda Deus? Para cando a súa presenza, a súa intervención, a
súa liberación? Onde estamos nós, onde nos situamos, que papel xogamos no medio
deste rebumbio?
As
comunidades cristiás estamos chamadas a ser testemuñas vivas daquelas mesmas
actitudes que o evanxelista Lucas procuraba espertar entre os seus lectores e
lectoras. Non asustarnos e discernir ben que é o que está a pasar, para ver o
que hai de humanización ou de deshumanización no que sucede. Valorar a fondo,
non desde os nosos apegos e sentimentos, senón desde as propostas limpas que
Xesús nos fixo. Dar testemuño do estilo de vida de Xesús en tempos de
turbación, que mesmo poden chegar a ser tempos de confrontación e de
persecución. Que pode significar para nós presentarnos na realidade social da
que formamos parte como persoas cristiás, coma seguidores e seguidoras da causa
de Xesús? Honradez, transparencia, prioridade polos máis débiles, renuncia a
salvar por riba de todo o propio pelello, soño dunhas relacións sociais novas,
fidelidade aos pequenos compromisos diarios co alternativo, etc. Ser así sinal
de contradición, do novo posible, do realmente alternativo.
O
mundo presente espera de nós as achegas desa sabedoría vital cristiá, que rompe
situacións cegas, abre camiños e sementa esperanzas pola vía do servizo e da
solidariedade ata a fin. Saberemos vivir e ofrecer esta sabedoría cristiá, da
que somos, ou deberiamos ser, portadoras? As persoas e as comunidades cristiás
estamos chamadas a estar metidas de cheo na efervescencia social que nos rodea.
Tal era a maneira de ser de Xesús, e tal é o que o Papa Francisco nos pide
reiteradamente: saír da quentura das nosas comunidades para ir ao mundo, ás
periferias, aos lugares de conflito, de deshumanización, de marxinación, e alí
testemuñar coa vida a causa de Xesús.
Oración
Grazas, meu
Deus,
porque no medio
do rebumbio eclesial e social no que estamos metidos
nos chamas a
sentirte ao noso lado,
a experimentarte
na vida,
para ter paz,
consolo e forza,
para ofrecer
paz, consolo e forza a quen nos rodea.
Grazas porque
nos chamas á comuñón total,
con todas, con
todos, con todo,
--que nada nunca
nos sexa indiferente!--,
á comuñón total
contigo,
para
comprometernos a fondo
en todo o que
nos rodea cada día
cos ollos, co
corazón, coas mans,
co silencio, coa
palabra,
coa pregaria,
coa acción.
Grazas porque
nos invitas á tenrura,
a dála e a
recibila,
a alimentar con
ela a nosa espera,
a adozar con ela
a nosa loita,
e a facela
expresión en todo momento,
con todo,
do mellor que de
ti temos recibido.
Acción
¿Como
reaccionamos cando algunhas persoas nos falan do que pasa cun discurso
derrotista, vendo o mal por todos os lados, botando a culpa de todo o mal a
estes, a aqueles? ¿Temos unha maneira propia, cristiá, de vivir o momento
presente? ¿Sabémolo ofrecer?
18 de
novembro: luns da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 18, 35-43
Unha vez en que Xesús chegaba a
Iericó, estaba un cego sentado á beira do camiño, pedindo. Oíndo o barullo da
xente que pasaba, preguntou que era aquilo. Dixéronlle: “Está pasando Xesús de
Nazaré.
El
empezou a berrar:
—Xesús,
fillo de David, compadécete de min!
As
persoas que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase, pero el aínda
berraba máis alto:
—Fillo
de David, compadécete de min!
Xesús
parou e mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
—¿Que
queres que che faga?
El
respondeu:
—Señor,
que volva ver.
Xesús
díxolle:
—Recobra
a vista, salvoute a túa fe.
E
no instante recobrou a vista e foi detrás de Xesús loando a Deus. E todo o
pobo, vendo aquilo, loaba tamén a Deus.
Meditación
Hai pouco, no domingo 30,
ofrecéusenos este mesmo relato na versión do evanxelista Marcos. Hoxe é Lucas
quen nolo conta. E Lucas ofrece algúns detalles particulares que podemos
subliñar e aproveitar. O cego oe e rebumbio e pregunta que é aquilo. É
importante este preguntar, este querer saber, que o podemos aplicar a moitas
cousas da nosa vida: que pasa aquí, en min, na familia, na sociedade. Hai xente
que lle informa: é que pasa Xesús de Nazaré; tamén é ben importante que as
persoas que vivimos algo o de Xesús o saibamos anunciar, compartir con todas as
persoas, maiormente con quen ande castigada pola vida. Lucas, moi amigo el de
alegrías e loanzas, conclúe dicindo que o cego, xa coa vista recuperada, segue
a Xesús loando a Deus, e que esa súa loanza contaxia a toda a xente que o
rodea. Invítanos á ledicia, a celebrar as cousas boas que a vida nos vaia
ofrecendo, a contaxiar optimismo, a recoñecer a Deus como fonte e dador de todo
ben na vida. Todo o que saiba a doerse, a solidarizarse, a colaborar unhas
persoas polo ben doutras, leva no seu cerne o sinal e a presenza de Deus.
Oración
Grazas pola túa misericordia, Xesús!
Grazas por doerte da xente con
doenzas,
por facer teus os nosos mesmos sufrimentos.
Grazas por implicarte no mal alleo
e por poñer todo o teu empeño en
superalo.
Grazas porque non es inxenuo
e entendes que o mal ten raíces
fondas,
que van máis alá dunha desgraza
inoportuna.
Grazas, Xesús, porque valéndolle a
unha persoa
cuestionas un sistema relixioso
indiferente.
Grazas porque apostas polas persoas
vulnerables
e espertas nelas capacidades
insospeitadas de recuperación.
Grazas porque ao teu redor
vólvense novas todas as cousas
e a ledicia e os ánimos enchen os
nosos corazóns.
Acción
Podemos
implicarnos como persoas cristiás en calquera acción solidaria a favor de xente
enferma que haxa no noso entorno ou tamén polo mundo adiante (Medicus mundi, ou outras ONGs).
19 de
novembro: martes da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou Xesús a Iericó e
pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos
recadadores de impostos e moi rico, que intentaba ver quen era Xesús, pero
impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a
unha figueira para velo, porque Xesús ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por
aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo,
baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El
baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero, vendo aquilo, a xente empezou
a murmurar:
—Entrou
a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo,
posto de pé, díxolle ao Señor.
—Señor,
darei a metade de todo canto teño á xente empobrecida e, se algo roubei a
alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón
Xesús dixo:
—Hoxe
chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o
Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.
Meditación
Lucas é o único evanxelista que
nos conta este relato de Zaqueo. E ben que llo podemos agradecer. Sucede a
cousa dentro desa viaxe que Xesús está facendo de Galilea a Xerusalén para
participar na pascua xudía, onde se ía ver as caras co núcleo duro do xudaísmo,
co que Xesús mantiña fondas diferenzas. Acabaríano matando. O relato de hoxe
pon en evidencia, precisamente, unha desas fondas diferenzas. No caso de
Zaqueo, os ollos da relixión oficial non vían máis ca un delito por parte de
Xesús, polo feito de intimar cunha persoa pecadora; pois os recadadores de
impostos tiñan esa fama, por formar parte da administración romana e por abusar
da xente. En cambio Xesús posibilita un proceso en Zaqueo, que o leva a refacer
a súa vida. Había un algo en Zaqueo, unha inquietude, unha busca, que Xesús
soubo adiviñar e acompañar, para buscar e salvar o que estaba perdido.
Podémonos fixar nos pasos que vai dando Zaqueo: inquedanza, busca, subir á
figueira, aceptar con gusto a proposta de Xesús, deixarse cuestionar por el,
refacer a súa vida rotundamente… Podémonos fixar na actitude de Xesús:
decatarse da presenza, adiviñar mundos interiores, saltar a lei facéndose
invitar por el, compartir co pecador, festexar o encontro… Isto si que son
cousas da nova evanxelización que tanto hoxe precisamos!
Oración
Buscarte, Xesús,
oír de ti e quererte ver.
Aínda sabendo que non son merecente
de mirarche á cara,
de poñer o meu corazón a carón do
teu.
Buscarte, Xesús,
subindo a calquera figueira,
botando man de calquera medio
que me leve a verme contigo.
Buscarte, Xesús,
e gozar sabendo que ti gozas
entrando na miña casa, na miña vida,
alternando comigo,
abríndome o teu corazón
para que nel entre o meu corazón
desasosegado.
Buscarte, Xesús,
deixarme tocar por ti,
renovar por ti,
volvendo os meus cartos á xente
empobrecida
pola miña causa.
Buscarte, Xesús,
e festexar ese encontro
coas alegrías da xente amada e
reconciliada.
Acción
Podemos pensar que somos Zaqueo,
e buscar hoxe un momento de encontro con Xesús, como Zaqueo o fixo. Podemos
pensar que en algo somos Xesús, e, cando se nos terce relacionarnos con algunha
persoa que poida ter mala fama, facelo co espírito con que Xesús tratou a
Zaqueo.
20 de
novembro: mércores da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 19, 11-28
Unha
vez propúxolle Xesús á xente unha parábola, porque estaba preto de Xerusalén e
a xente pensaba que o Reino de Deus ía aparecer de contado. Díxolles:
—Un
home nobre marchou a un país distante para ser coroado rei e despois volver.
Chamou por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas de ouro e encargoulles:
“Negociade ata que volva”. Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras
del unha embaixada dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
Cando
volveu xa coroado rei, mando chamar polos criados aqueles, aos que lles dera as
onzas de ouro, para saber canto gañara cada un. Presentouse o primeiro e dixo:
“Señor, a túa onza produciu outras dez”. El contestoulle: “Ben, criado
cumpridor; xa que fuches fiel en cousa pequena, gobernarás en dez cidades”.
Chegou o segundo e dixo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”.
Contestoulle tamén a este: “Ti tamén serás gobernador de cinco cidades”.
E
chegou outro, dicindo: “Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño,
pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e seituras o que
non sementas”. El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil.
Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño e seituro o que non semento.
Pois logo ¿por que non deixaches os meus cartos nun banco? Así ao chegar, eu
podería recoller os intereses”. E
díxolles aos presentes: “Quitádelle a onza e dádella ao que ten dez”. Eles
replicaron: “Señor, ese xa ten dez onzas!” El seguiu: “Asegúrovos que a todo o
que ten háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar.
E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei traédeos aquí e
degoládeos na miña presenza”.
E
dito isto, botou a andar diante deles camiños de Xerusalén.
Meditación
Unha
parábola forte, que mesmo bota para atrás. Quizabes froito do momento de
tensión que Xesús viviu cando se achegaba a Xerusalén, onde había atopar unha
forte oposición dos poderes xudeus. Unha parábola que nos axuda a situarnos no
tempo presente, un tempo de construción na vida, na historia, dos soños de
Deus, que Xesús puxo ao noso dispor; un tempo no que tamén contemplamos como
moita xente rexeita a proposta de Xesús. Unha vez máis témolo que percibir así:
o evanxeo non é para meter medo. En todo caso, axúdanos a decatarnos de que os
soños de Deus para a humanidade pasan polas nosas mans fráxiles, trementes,
pero capaces, grazas ao mesmo Deus, de ir facendo que a inxustiza se faga
xustiza, que a indiferenza se faga solidariedade, que o abuso do débil se
converta en fraternidade real. E non vale engruñarse, por medo, por desconfiar
das nosas propias capacidades. Perdémonos nós e pérdense, se cadra, as persoas
que do noso bo facer poidan depender. Ao final, con todo, o que nos agarda é
sempre, sempre, un Deus de misericordia, que sabe compensar as nosas
fraxilidades.
Oración
Se tes dez,
pon dez enriba da mesa da vida,
non te aforres inutilmente.
Se tes cinco,
pon cinco fiándote de ti mesmo,
fiándote do Deus que de ti terma.
Se tes un, ou medio, ou case nada,
que non te encollan os medos
nin a túa mesma insignificancia:
tamén ti es necesario
para os soños de Deus sobre este
mundo.
Busca, traballa, pon esforzo,
remove ceo e terra con empeño,
e confía,
sobre todo confía:
nin un vasiño de auga dado con amor
quedará sen recompensa,
ao xeito inimaxinable de Deus.
Acción
¿Vémonos con algunha calidade
persoal ou comunitaria que estamos agochando por calquera medo, por calquera
outra razón? Xa sabemos a que nos invita o Evanxeo de hoxe.
21 de
novembro: xoves da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 19, 41-44
Daquela, cando Xesús se achegou a
Xerusalén e viu a cidade, chorou sobre ela e dixo:
—Ai,
se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos
non o dan visto. E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de
trincheiras; asediarante e apertarante por todas partes. Esnaquizarante contra
o chan a ti e máis os teus fillos, non deixarán en ti pedra sobre pedra, por
non recoñeceres a oportunidade de cando te visitaron.
Meditación
Este
pedaciño de evanxeo recolle e xunta, moi posiblemente, por unha banda a
vivencia dolorosa de Xesús chegando a Xerusalén e ventando o rexeite que alí
había recibir por parte das autoridades relixiosas, e pola outra o sucedido
máis de trinta anos despois, cando a cidade foi asediada e derruída polo
exército romano. Non sabemos o que lle houbese pasado ao pobo xudeu cos
romanos, se houbesen acollido a proposta fondamente pacificadora de Xesús.
Sabemos, desde logo, que as persoas serían outras, que a sociedade funcionaría
doutra maneira, que a xente máis débil estaría sempre no centro, que a relixión
empregaríase para integrar a xente e envolvela en trazos de dignidade. O
evanxeo invítanos hoxe a que non ignoremos nin desaproveitemos o paso de Deus,
de Xesús, polas nosas vidas. Pois segue vindo, segue pasando, séguenos
ofertando paz verdadeira, segue empuxando cara a unha convivencia fondamente
fraterna, co que isto significa no diario vivir en aldeas e cidades. Que mágoa,
se tamén nós pasamos de Xesús, pasamos de Deus!
Oración
Ensínanos a chorar, Xesús!
Chorar por nós mesmos,
polas nosa mesma indiferenza ante
ti,
ante as túas propostas renovadoras.
Chorar pola nosa Igrexa,
polas nosas comunidades cristiás,
tan frouxas e arredadas dos teus
soños.
Chorar polo pobo,
pola xente máis empobrecida do pobo,
que descoñece amparos e
acompañamentos,
que tanto sabe de duras
frustracións.
Ensínanos a chorar, Xesús,
con bágoas que amolezan os propios
corazóns,
e lles abran as portas
cara a unha convivencia inocente,
solidaria
no teu nome,
no nome do teu Deus,
do noso Deus.
Acción
Os medios de comunicación
asómannos diariamente a moitas situacións inhumanas, incluso na mesma Igrexa. ¿Como
reaccionamos? ¿Dóennos esas cousas? ¿Lévannos a implicarnos ou soamente a
criticar o que outra xente fai mal?
22 de
novembro: venres da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 19, 45-48
Cando
Xesús chegou a Xerusalén, entrou no templo e empezou a botar fóra os tendeiros,
dicíndolles:
—Está
escrito: “A miña casa ha ser casa de oración”; pero vós convertéstela en “cova
de bandidos”.
Ensinaba
todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e máis os
notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el, pero non vían como
facelo, porque todo o pobo estaba moi atento ao que dicía.
Meditación
O
templo, calquera templo, tanto o de Xerusalén daqueles tempos, coma os nosos de
hoxe, deberían ser espazos onde a xente crente –e non crente— se sentise
obsequiada mediante palabras, silencios, signos, co regalo dun Deus próximo,
amante, gratuíto, que nos comprende e nos quere acompañar na vida de cada día. Xesús indignouse porque as cousas
non eran así; armou aquel espavento e dixo aquelas palabras que explicaban o
seu feito. A casa do encontro estábase convertendo na casa do non encontro, por
mor dos intereses dun clero que facía do templo o niño do seu poder. Xesús
atendía o pobo, que atopaba nel o que non atopaba nos responsables do
templo. Os xerifaltes deciden acabar con
el. ¿Onde nos situamos nós? ¿De aprendices de Xesús, dese Xesús que non
condescende coas trampas nas que pode caer a relixión? ¿De aprendices dese Deus
simple e total, que se nos amosa nos signos e ritos relixiosos, pero que tamén
pode ser traizoado e ridiculizado por eles? ¿De aprendices deses xefes
relixiosos que atopan na relixión un lugar de poder e de dominio sobre o corpo
e a alma da xente, e defenden ese poder con calquera tipo de medidas? ¿De
aprendices de quen oe as cousas que se lle poñen diante, recapacita e reordena
a súa vida?
Oración
O meu corazón, o meu corpo,
a miña mente, todo o meu ser,
son o teu templo, meu Deus.
E podo facer del
unha casa de pregaria,
de encontros apaixonados,
transformadores,
un simplemente unha casa de negocio,
onde falar contigo
de méritos e esixencias,
de premios e castigos,
de min, por min, para min.
E o que viva no meu ser
vivireino tamén nos innumerables
templos da vida
que son cada persoa que me atope.
Por iso, Xesús,
colle a xostra
e bota do meu corazón
a todos os tendeiros.
Acción
¿Observamos na nosa parroquia, ou
en calquera templo ao que acudamos, algunha práctica relixiosa que non nos
parece apropiada, porque nos soa tamén a negocio? ¿Poderiamos facer algo por
axudar a corrixir iso, por exemplo, falando coas persoas responsables ou
mandándolles algún escrito coa nosa opinión razoada?
23 de
novembro: sábado da 33ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 20, 27-40
Un
día achegáronse a Xesús algúns saduceos, que negan que haxa resurrección, e
preguntáronlle:
—Mestre,
Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que
case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois unha vez había
sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou con ela o
segundo, e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e morreron
todos sen deixar fillos. Ao cabo morreu tamén a muller. Pois ben, cando
resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús
contestoulle:
—Neste
mundo os homes e máis as mulleres casan entre si, pero as persoas que sexan
dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos non casarán, nin
eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos ou fillas de
Deus por naceren na resurrección. E que resucitan os mortos ben o deixou
indicado Moisés no episodio da silveira, cando chamou ao Señor “o Deus de
Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos,
senón de vivos, para el toda a xente está viva.
E
nisto algúns dos letrados dixéronlle:
—Ben
falado, mestre.
E
xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.
Meditación
Do que será a vida no máis alá
non podemos imaxinar case nada. Por moito que se nos anuncien glorias ou
condenas pintadas de mil maneiras, o certo é que é ben pouco o que podemos
afirmar; e son cousas máis de crer que de asegurar. Iso si, o que aseguramos
pola fe son poucas cousas, pero ben cheas de esperanza.
As
persoas cristiás cremos que despois da morte todo o mundo resucita nas mans dun
Deus de vida, amante da vida; cremos tamén que, á luz clarificadora dun Deus
amor, a nosa existencia eterna refarase na unión, na compenetración total; e
cremos tamén que carecerá de sentido todo criterio posesivo, sexa cal sexa,
incluíndo, xaora, o de pretender que a muller sexa a “miña” muller. O amor en
anacos particulares, que igual nos serve para unha vida tamén en anacos como é
a presente, non vale para o eterno en Deus, onde todo será de todos e todas, para
gloria do Deus da vida total.
Oración
Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos anuncias.
Deus de vida,
potente para creala,
para dala,
para compartila,
para aumentala.
Deus de vida,
potente tamén para coidar a vida,
para sandala,
para restituíla,
para fortalecela.
Deus de vida
neste tempo fráxil que nos envolve
e no tempo sen tempo que nos agarda.
Deus de vida
que en vida é sempre gratuíto.
¿Quen podería pagar, merecer,
reivindicar
o don marabilloso da vida?
Grazas, Xesús,
polo Deus da vida que nos aseguras.
Acción
Podemos e debemos apostar pola
vida contra a morte. En moitas ocasións diariamente apostamos pola vida.
Podemos facelo hoxe dunha maneira expresa sobre todo con persoas ou grupos
sociais que leven, ou levemos, enriba algún sinal de morte ou apagamento. ¿En
que podemos facer consistir esa aposta?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.