22 xaneiro, 2020

Tempo Ordinario: 3ª semana




26 de xaneiro: domingo 3º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 4, 12-23
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixou Nazaré e foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán, Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz; para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
—Arrepentídevos, que o reino dos ceos xa está aí.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous eran pescadores e estaban largando o aparello no mar. Díxolles:
—Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de contado o aparello e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando o aparello. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a boa nova do reino, curando canta doenza padecía o pobo.


Meditación
Seguímoslle os pasos a Xesús. Houbo un momento no que Xesús se independiza do movemento do Bautista e empeza a actuar, seguindo o seu propio estilo. E empeza por algunhas decisións moi fundamentais:
Primeira decisión, establécese nun pobo mariñeiro, Cafarnaúm, onde se mestura coa xente normal, onde coñece e participa naquilo do que a xente vive, traballa, sofre, espera, loita, festexa. A Xesús impórtalle moito a xente e o que á xente lle fai padecer ou gozar, e por iso  se vai para onda ela. Somos nós así? Estamos atentos/as ao que Deus nos fala e pide nesas vidas da xente? Enchemos as nosas vidas, as nosas oracións, as nosas celebracións do que lle vai pasando á xente coa que convivimos, para poder servila no que boamente poidamos?
Segunda decisión de Xesús: Xesús intervén. Ten un proxecto e ponse a levalo a cabo: Deus está no corazón da vida da xente, está aí como unha forza de bendición, e todo o afán de Xesús consiste en axudarlle á xente a que se decate diso, para que poida gozar das bendicións de Deus. O berro de Xesús é simple: cambiade, abride os ollos e o corazón, Deus está co seu poder de vida no medio de vós, abrídevos a el, facédelle caso. Temos nós este convencemento forte de Xesús? Nas nosas comunidades cristiás axúdasenos a fiarnos de Deus, da súa presenza, da súa forza de ben e de vida?
Terceira decisión de Xesús: Xesús busca compañeiros e compañeiras no medio da xente popular, traballadora, a xente que sofre e goza a vida. Moi convencido Xesús de que non se gana a ninguén para a causa da fraternidade real polas moitas palabras, senón polo ofrecemento dunha comunidade de irmáns/ás que se mostra feliz axudando, servindo, querendo ben, apoiándose para as loitas que se nos pidan para chegarmos todos, todas, a levar unha vida digna, respectada, integrada, como Deus quere. Nas nosas comunidades cristiás estamos todos, todas, invitadas a algo semellante. Estámolo conseguindo?
E cuarta decisión de Xesús: cos homes e mulleres que o seguen empeza a recorrer vilas e aldeas e a compartir a nova maneira de entender a Deus poñéndose coma servidor da xente en todo. Fala, ensina, anuncia a alegría do Evanxeo, mobiliza o seu grupo para que sexa un grupo de acollida, un grupo solidario, un grupo de curación, un grupo que cambie todo o que haxa que cambiar para que quen sofre non sufra, para que quen carece de vida a consiga, para quen “habita no escuro país da morte” vexa na súa vida “brillar unha alborada”.
Todos, todas nós estamos invitados por Xesús a compartir todo isto. Para que a nosa veciñanza poida coñecer este Deus de Xesús, a Xesús facémoslle falta nós. De Deus fálase coas palabras, pero sobre todo coa vida, coa vida da comunidade cristiá. Na Eucaristía agradecemos o don de Xesús e acollemos a súa chamada a acompañalo na tarefa liberadora da vida.

Oración

Di o meu nome, Señor,
peta á miña porta,
coa cálida impaciencia de quen sofre
vendo seres humanos,
pólas secas
da árbore da vida e da ledicia.

Que o teu lume acenda esta candea
apagada, frouxa, esmorecente,
que son eu,
para alumar contigo no que poida
no país da morte alboradas ledas.

Vés e petas,
agardando o meu si, a miña entrega,
esperando as miñas palabras canda as túas,
as minas mans coas túas na tarefa,
os meus afectos todos en ringleira,
a miña ollada, Xesús, confiada, aberta.          

Aquí estou, Señor,
achégate e peta,
di o meu nome como ti sabes dicilo,
soletreando silabas e letras,
poñendo ti paixón naquel
de quen forza e paixón esperas.

Aquí estou, Xesús, contigo na miña Terra,
no meu mundo revolto, que soña e que pelexa,
buscando o pan, a paz, traballo, vida digna e serena,
da man de xente honrada, servidora, fraterna,
desapegada do carto, abuso, comenencias
e das súas amargas e populares consecuencias.

Aquí estou, Xesús, na miña Galilea,
no que poida, saiba e valla,
conta comigo para todo o que ti queiras.

Acción
Seguro que hai algo no que nós podemos contribuír con Xesús a que as cousas da vida vaian adiante como el as propoñía. Miramos cada quen en que podemos contribuír algo máis e damos un paso á fronte.


27 de xaneiro: luns da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 3, 22-30
Os letrados que baixaran de Xerusalén dicían: “ten o demo no corpo; bota fóra os demos co poder do príncipe dos demos.”
Xesús chamounos e púxolles estas comparanzas:
—Como pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.
Ninguén pode entrar na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.
Tede por seguro que todo se lle perdoará á xente: os pecados e cantas blasfemas digan; pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.
Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Meditación
Iremos vendo como Xesús sufriu a oposición de moita clase de xente. O que pretendía era unha maneira nova de vivir o trato con Deus; o que pretendía era unha maneira nova, solidaria a fondo, de vivir o trato coa xente. Os que máis se lle opuxeron foron precisamente os líderes relixiosos do seu pobo, porque lles botaba por terra todo o enredo relixioso que tiñan montado, quizais coa mellor vontade do mundo, pero en definitiva satisfacendo os seus intereses. No canto de parar a pensar, revisar o seu comportamento e cambiar, acusaron a Xesús de todo. E non pararon ata acabar con Xesús nunha cruz.
Ninguén estamos libres de comportarnos desa maneira en moitas circunstancias e campos da nosa vida. Cando algo ou alguén pon en evidencia a nosa maneira egoísta de actuar, normalmente poñémonos á defensiva e volvémonos contra quen tales cousas nos pon diante.
Que isto non teña perdón quere dicir simplemente que é imposible que un vexa cando pecha os ollos, que un avance cando senta, que un progrese en humanidade cando lle dá as costas os seus veciños e veciñas. Así non hai quen ordene e mellore a súa vida.

Oración

Señor, Señor…
Humildade para recoñecer os meus erros.
Agradecemento con quen mos poña diante.
Esforzo para avanzar na vida.
Coidado para ser cada día mellor persoa.
Colaboración para axudar no mesmo a outras persoas.
Gozo no corpo e no espírito véndome vivo na familia, na comunidade, no pobo.
Señor, Señor…
polo teu amor.

Acción
Pensa algo na túa vida. Recordas algún momento no que alguén che puxese diante algo que fixeses mal, por pereza, por egoísmo, por abandono, polo que fose? Como reaccionaches? Se reaccionaches mal, poderías retomar o tema con esa persoa, recoñecer a túa culpa e agradecerlle o que che dixo?


28 de xaneiro: martes da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: 3, 31-35
(Estando Xesús falando cos letrados) chegan súa nai e máis os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir:
—Aí fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar.
El preguntoulles:
—Quen é miña nai e quen son meus irmáns?
E, mirando a xente que estaba sentada arredor del, dixo:
—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá ea miña nai.

Meditación
A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar, seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa para Xesús.
Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o querer de Deus.

Oración

Grazas pola miña familia, meu Deus,
por todas as persoas que a compoñemos,
cada unha coa súa graza e coas súas fraquezas.
Grazas polos coidados que nos dámos,
polos apoios que nos ofrecemos,
polo perdón que nos regalamos.
Pobriña a xente, meu Deus,
que non conta con familia
ou que a ten rota e malpocada!
Tamén esa xente, disme ti,
tamén esa xente é a túa familia.
Grazas, meu Deus, pola miña familia así ampliada.

Acción
Podes revisar como te estás levando coa xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao.


29 de xaneiro: mércores da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 1-20
Xesús púxose de novo a ensinar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao seu carón, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira. Ensinoulles moitas cousas en parábolas e instruíaos así:
—Escoitade: unha vez saíu un labrador a sementar. E resulta que, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante: viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona e non a deixaron dar froitos. Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta e aínda o cento por un.
E concluíu:
—Quen teña oídos para oír, que escoite.
Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos doce, preguntáronlle polas parábolas. El respondeu:
—A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero aos de fóra soamente en parábolas, de tal xeito que mirar miren, pero non vexan; escoitar escoiten, pero non entendan, non sexa que se convertan e se lles perdoe.
E continuou:
—Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras? O sementador sementa a palabra. As do camiño son aquelas persoas nas que se sementa a palabra, pero, cando a escoitan, vén Satanás e arrepáñallela. Hai outras persoas que reciben a semente como terreo pedregoso; son as que ao escoitar a palabra deseguida a acollen con alegría, pero non teñen raíces, son inconstantes e mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandonan. A outras persoas pásalles como á semente caída entre as silvas: si escoitan a palabra, pero moi axiña as preocupación do mundo, o engano das riquezas e máis as ambicións asolagan e afogan a palabra, e non dá froito. Pero as persoas que son como a boa terra, escoitan a palabra, acóllena e dan moito froito: unhas o trinta, outras o sesenta e outras o acento por un.

Meditación
A semente é a bondade de Deus, o amor entrañable que  nos ten, e que nos pode chegar en forma de palabra, pero tamén de feitos. O mellor exemplo da palabra de Deus é Xesús mesmo, co que el dicía, co que el facía, coa maneira que tiña de tratar a xente. Xesús é a un tempo o sementador e a semente.
Deus, a vida ofrécenos medios, recursos, para que nos asentemos e maduremos como persoas cristiás, e deamos froitos que nos aproveiten a nós mesmas, á comunidade cristiá e civil da que formamos parte. Pero non todo é doado, hai moitas trampas e enredos que nos poden facer fracasar. As catro clases de terra da parábola de Xesús  permítennos entrar no mundo persoal onde se cocen os éxitos ou fracasos da vida. En cal desas terras nos vemos máis reflectidos?

Oración

Quero ser, Señor, boa terra,
onde medre a semente,
con coidados e alertas,
non vaia ser o demo
que, feita a sementeira,
polo si ou polo non
non asome a colleita
e a vida se me quede
cal hucha baldeira.
Quero ser, Señor,
faime ti, Señor, boa terra.

Acción
Mira un pouco para ti mesm@. En que clase de terra te ves máis retratad@. Poderías facer algo para cambiar as cousas?


30 de xaneiro: xoves da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 21-25
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—¿Acaso se trae un candil para metelo debaixo dun ferrado ou debaixo da cama? ¿Non será para poñelo enriba do candeeiro? Pois nada hai oculto, que non se descubra; nin nada hai secreto, que non chegue á luz pública. Quen teña oídos para oír, que escoite.
Dicíalles tamén:
—Atendede ben ao que estades escoitando. Coa medida coa que midades seredes medidos, e ben sobrado. Pois ao que ten daráselle, pero ao que non ten, aínda o que ten se lle quitará.

Meditación
Dúas substanciais achegas nos ofrece Xesús neste pedaciño de Evanxeo. A primeira é que levamos luz en nós, somos fillos e fillas da luz, somos luz; e non é do caso agochar esa luz que somos e que levamos. A luz é para expoñerse, sen vaidade, porque nós non somos amos da luz; pero sen vergonzas parvas, porque grazas á luz duns e doutros, facéndonos reflexo da luz maior de Deus, podemos facer as nosas vidas, o mundo enteiro algo máis luminoso e fraterno.
E a segunda é a tan sabida cousa de que conforme midamos, conforme tratemos á demais xente, ese mesmo trato recibiremos; e por parte de Xesús non é unha ameaza, como se Deus fose actuar connosco coa cativeza ou maldade coa que nós actuamos cos demais –só faltaría!--; é a confirmación de que, cando tratamos con desprezo, abuso, inxustiza á xente, metémonos nese mundo de mal e nós mesmos estragamos a nosa vida. E así é como o que actúa sen bondade e sen xustiza, a pouca que teña váiselle achicando; e quen actúa con bondade e con xustiza, verá como esa bondade e xustiza se multiplican na súa vida.

Oración

Grazas pola luz que son, Xesús,
grazas porque o teu Espírito me fixo capaz
de animar a alguén,
de devolverlle a esperanza,
de alegrarlle a vida,
de envolvela algo en luz.
Grazas pola túa advertencia simple
de medir e tratar a xente que me rodea
co metro xeneroso de Deus,
coa mestura humanizadora da tenrura e da xustiza.
Grazas, Xesús, polo teu Espírito
que día a día me vai facendo nova criatura.

Acción
Podemos mirar hoxe como tratamos a xente da casa que convive connosco, as persoas veciñas que máis diariamente tratamos. ¿Podemos mellorar algo ese trato á luz de Xesús?


31 de xaneiro: venres da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 26-34.
Díxolles tamén Xesús:
—O Reino de Deus é coma unha persoa que bota a semente na terra, e, estea durmida ou esperta, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.
E tamén dicía Xesús:
—Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza que, cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes, pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden aniñar os paxaros.
E así con moitas comparanzas coma estas íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

Meditación
Xesús falaba con comparanzas, porque era unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque, para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con humildade.
Outra vez a comparanza da semente, pero agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda, pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada.

Oración

Eu mesmo son, Xesús, contigo
semente miúda, pequerrecha,
que medra pola noite, polo día,
estea ou non estea eu esperta.

Eu mesmo son, Xesús, contigo
agora gromo, agora verde herba,
agora espiga que oufana engorda
chea de grans para o día da colleita.

Eu mesmo son, Xesús, contigo,
do teu Reino humildísima presenza,
irmán, irmá dun mar de testemuñas
que acolle o refuxiado en cega aperta.

Acción
Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo, do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo?


1 de febreiro: sábado da 3ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 4, 35-41
Un día,  á caída da tarde, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Imos para a banda de alá do lago.
Eles deixaron a xente e levárono no bote no que estaba sentado; outras barcas os seguían. E formouse un temporal tan grande que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar berrándolle:
—Mestre, seica non che importa que afoguemos?
Entón el espertou, increpou o vento e díxolle ao mar:
—Silencio, acouga!
O vento amainou e veu unha gran calma. Despois díxolles:
—Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe?
Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si:
—Pero quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

Meditación
Non sabemos exactamente que puido suceder naquel anoitecer durante aquela viaxe perigosa sobre un lago embravecido. Sabemos, si, o que o evanxelista Marcos nos quere transmitir co seu relato tan aberto ao simbolismo. A barca é a propia vida e tamén a vida da comunidade cristiá, da parroquia, da Igrexa no seu conxunto; a barca é tamén, por que non, a vida de calquera persoa ou comunidade humana, mesmo a vida do mundo enteiro. Sacudidas e perigos non nos fallan. Xesús está sempre presente, aínda que pareza ausente, aínda que pareza durmido e alleo ás nosas angustias. A fe permítenos ollalo ao noso carón, transmitindo tranquilidade, confianza, ousadía. A fe permítenos envolver a nosa debilidade, sexa cal sexa, na fortaleza de Xesús. Para sentilo, hai que vivilo, como o viviron naquela tarde escura as persoas que o acompañaban.

Oración

Quen serás ti, Xesús,
pois invocándote
amainan os nosos medos?
Quen serás ti, Xesús,
que, sen evitarnos o esforzo,
énchelo de paz e de ousadía?
Quen serás ti, Xesús,
que convertes as noites recias
en amenceres de luz en calma?
Xesús,
presenza misteriosa de Deus na nosa vida,
creo en ti.

Acción
Pon en práctica a túa fe. Mira se hai algunha situación na túa vida, ao teu redor, na que as cousas vos produzan medo e esteades tentadas de fuxir. Pensa en Xesús, acolle a súa forza e transmítella ao grupo como mellor saibas e poidas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.