2 de febreiro: domingo 4º do Tempo Ordinario
Festa da Presentación do Señor. Nosa Señora da
Candeloria
Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve: 2,
22-32)
Cando chegou o tempo da
purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo
presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor:
"Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para
faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou
dous pombiños".
Vivía daquela en
Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración
de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer
sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban
os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno
nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor,
segundo a túa promesa,
podes deixar
que o teu servo morra en paz,
porque xa os
meus ollos viron o teu salvador,
o que ti
preparaches para todos os pobos:
luz de
revelación para todas as xentes
e gloria do teu
pobo Israel.
(ata aquí a lectura
breve)
O pai e máis a nai do
neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle
a María, a nai:
—Mira, este está disposto
para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de
contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao
descuberto as intencións de moitos corazóns.
Había tamén alí unha
profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e
vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que
de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre
no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que
esperaban a redención de Israel.
Cando remataron todo o
ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno
ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.
Meditación
Chaman a atención o
velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que
custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese
presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na
súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que
celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun
remol agachado á espera do vento novo do Espírito.
Os nosos tempos son
tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente
fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas
das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta
agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con
humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de
xente cristiá.
Oración
Ai, Virxe da
Candeloria,
Señora, santa
María,
que a luz que
de ti naceu
ilumine as
nosas vidas.
Que o mundo
rural atope
en Xesús alento
e vía
para afrontar
os problemas
que o premen
con teimosía.
Ai, Virxe da
Candeloria,
que medren o
amor e a vida,
cando os
paxaros namoran
e a primavera convida.
Que coidemos a
esperanza,
cunha fe
sinxela e viva,
envolvéndonos
na unión,
no servizo, na
alegría.
Ai, Virxe da
Candeloria,
Señora, santa
María,
nas túas mans
confiamos
as nosas noites
e días.
Acción
Podes acender hoxe unha
veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar
os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se
podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia,
falade e animádevos mutuamente.
3 de febreiro: luns da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 5, 1-20
Unha vez chegou Xesús á
outra banda do mar, ao país de Gadara. E conforme saltou da barca, un
endemoñado saíulle ao encontro desde os sepulcros onde moraba, pois nin con
cadeas o podían apreixar. Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e
grillóns, pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz
de o domear. Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante,
mancándose coas pedras. Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse
ante el, berrando con toda a forza:
—Que teño que ver
contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.
Pois Xesús mandáralle:
—Bótate fóra dese home,
espírito malo.
E preguntoulle Xesús
tamén:
—Como te chaman?
El respondeulle:
—Chámanme lexión, porque
somos moitos.
E pedíalle con moita
ansia que non os botase daquela terra. E como había unha boa manada de porcos
comendo pola aba do monte, todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
—Mándanos onda aqueles
porcos, para entrarmos neles.
Xesús accedeu e, saíndo
do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon
polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. Os porqueiros fuxiron, levando a
nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. Chegaron onde estaba
Xesús e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de
xuízo; todos ficaron pasmados. Os que presenciaron aquilo contáronlles o que
pasara co endemoñado e máis cos porcos. Entón empezaron a pedirlle que se
afastase daquelas terras.
E, cando el se embarcara,
o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. Pero Xesús non llo
permitiu, senón que lle dixo:
—Vaite para a túa casa,
onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.
El marchou e comezou a
pregoar pola Decápolis adiante canto lle fixera Xesús. Todos ficaban admirados.
Meditación
Un relato fabuloso que
posiblemente non debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase
realmente. Era frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade
ou por tolemia, vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores
dos pobos. A esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que
o seu mal era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se
achegaba a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.
Xesús entra en contacto
cunha desas persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala
con ela, escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa
dos seus males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque
estaba cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado
polo benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso
víase ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula
do relato e carece de importancia no mesmo.
Oración
Grazas, Xesús,
por seres tan considerado
sempre
coa xente máis
marxinal dos pobos.
Grazas, Xesús,
polo teu poder
de ben
que poñías
sempre ao servizo da xente débil.
Grazas, Xesús,
porque tamén me
atendes a min
nas miñas
fraxilidades.
Grazas, Xesús,
porque nos
amosas claramente o camiño
para seguirte
na nosa vida veciñal.
Acción
Seguro que coñeces a
algunha persoa que na túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes
achegarte algo a esa persoa e transmitirlle aprecio, atención?
Oración (polo san Brais)
San Brais,
santo amigo,
o santo da
fala,
do pano ao
pescozo,
das roscas que
agradan.
O santo da
fala,
das gorxas
curadas,
das palabras
doces,
das palabras
bravas.
San Brais,
santo amigo,
o santo da
fala,
das gorxas
curadas,
da boa palabra.
Do falar humilde,
das palabras
sabias,
do falar con
xenio,
das palabras
mainas.
San Brais,
santo amigo,
das verbas
caladas,
das palabras
cheas,
das verbas
preñadas.
O santo da
fala,
das gorxas
curadas,
dos cantos de
fadas,
das linguas
ceibadas.
San Brais, santo
amigo,
o santo da
fala,
da fala galega,
abondo tripada.
4 de febreiro: martes da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 5, 21-43
Pasou Xesús de novo na
barca para a outra banda do lago e xuntouse moita xente ao redor del, que
estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga chamado Xairo,
que, ao ver a Xesús, botouse aos seus pés suplicándolle:
—A miña filla está a piques
de morrer, ven impor sobre ela as túas mans, para que sande e viva.
E foise con el, seguido
de moito xentío que o estrullaba.
Había unha muller, que
padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos,
que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como
oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o
seu vestido, dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu
vestido, ficarei sa". Secóuselle de golpe a fonte da hemorraxia e sentiu
no seu corpo que estaba curada do mal.
Xesús decatouse axiña da
forza que saíra del e volveuse para preguntar:
—Quen me tocou na roupa?
—Os discípulos
dixéronlle:
—Ti ben ves a xente
preméndote, e aínda preguntas quen te tocou?
Pero el seguía mirando
arredor, para ver quen fora. Daquela a muller, chea de medo e tremor, sabendo o
que lle sucedera, veu prostrarse ante el e contoulle toda a verdade. El
díxolle:
—Filla, a túa fe
sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
Aínda estaba el falando,
cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
—A túa filla acaba de
morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar o
que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
—Non temas, abonda que
teñas fe.
E non permitiu que
ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ao chegaren á casa do
xefe da sinagoga, vendo o gran boureo que facían con choros e lamentos, entrou
o díxolles:
—A que vén tanto boureo e
tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso del. Pero el botounos a todos fóra, levou consigo os pais
da meniña e máis os seus acompañantes e entrou onde estaba a nena. Colleuna
pola man e díxolle:
--Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de
contado e botouse a andar, que xa tiña doce anos. E aquela xente quedou coa
boca aberta. El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que
lle desen de comer.
Meditación
Daquela, moito máis aínda
ca hoxe, había enfermidades e enfermidades que amargaban a vida da xente. Pero
tamén nós con frecuencia nos vemos
enfrontados con enfermidades tremendas, que rompen vidas e familias. O primeiro
que facemos e ir cabo dos médicos, canto mellores, mellor, para atopar remedio.
E queremos que o Servizo Galego de saúde funcione ben. E facemos ben. A
medicina é unha presenza preciosa do Reinado de Deus no medio da xente.
Meternos nela é dalgunha maneira coma meternos no mesmo Deus.
Pero hai algo máis. Os
homes e mulleres somos corpo e espírito, un termando do outro, un axudando ao
outro. Un espírito san, positivo, esperanzado, confiado, sereno, crente, ten
moito máis poder de axudar a un corpo debilitado. A fe pode axudarnos moito
niso. Porque, sas ou enfermas, sabémonos fondamente acollidas por Deus. Porque
sans ou enfermos, cremos que a vida non acaba para nós na debilidade do noso
corpo.
Oración
Na saúde e na
enfermidade,
confío en ti,
meu Deus.
Na esperanza e
no desespero,
confío en ti,
meu Deus.
Na dor e no
alivio,
confío en ti,
meu Deus.
Na vida e na
morte,
confío en ti,
meu Deus.
Acción
Loita para defender unha
boa sanidade pública, non permitas que a deterioren de ningunha maneira. Revisa
como vives ti as enfermidades que vaias tendo; vívelas como persoa crente ou
como se non o foses? En que o notas?
5 de febreiro: mércores da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6,1-6
Un día Xesús foi para a
súa aldea, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a
ensinar na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
—De onde lle veñen a este
todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como poden facer as
súas mans tantos milagres? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de
Santiago, Xosé, Xudas e máis Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?
Estaban realmente
escandalizados. Pero Xesús díxolles:
—Non desprezan a un
profeta máis ca na súa terra, na súa casa, entre os seus parentes.
E non puido realizar alí
ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo empoñendo as mans. Estaba
sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos
arredores ensinando.
Meditación
De onde lle viña a Xesús
a súa enorme capacidade de facer o ben, de rehabilitar as persoas, de poñelas
en paz fonda consigo mesmas e co Deus, Pai ou Nai de todo o mundo? De onde lle
viña a súa humildade suma, e a súa valentía sen medida para enfrontarse ao mal
e a quen o facía? De onde lle viña esa sabedoría sen límites que lle permitía
chegar ao corazón da xente, iluminalo coa súa luz, fortalecelo para emprender
camiños novos? De onde lle viña tanta paz, tanto perdón, tanta resistencia,
tanta rebeldía?
Iso é o que non entendían
os seus veciños e veciñas. Coñecíano ben, a el e a súa familia toda. Todos eran
xente ben humilde e normal. Non entendían que eran cousas do Espírito de Deus,
que non anda chuleando de títulos nin de fidalguías. Por sorte ese Espírito non
se merca con cartos. Recíbeo gratis quen baleira o seu corazón e fai sitio para acollelo.
Oración
Que saiba ser
humilde, Xesús,
para
escoitarte,
e acoller o que
me queiras dicir,
sexa cal sexa o
medio humilde
que ti
empregues para falarme.
Quen nunca
desprece o que é pobre e pequeno,
ao revés,
que entenda de
corazón
que é entre o
pobre e o pequeno
onde mellor
poderei atoparte e tratarte.
Que así sexa,
Xesús, que así sexa.
Acción
Pensa se algunha vez
desprezas en algo a vida e o saber dos teus veciños ou veciñas por seren xente
normaliña. Deixa de facelo.
6 de febreiro: xoves da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6,7-13
Un día Xesús chamou aos
doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos
malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin
pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non
levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
—Cando entredes nunha
casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren
nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva
de aviso. Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e
curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Meditación
O normal é que, se as
cousas de Xesús nos enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido,
pois que as compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos
ben. E, se Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o
que nos falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!
Non é doado actuar
gratuitamente, actuar desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na
sociedade funciona desde o interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá
buscando carto, poder, prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén
esperando carto, poder e prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a
que se cren moitísimas desigualdades entre a xente, a que os máis débiles
queden sempre por debaixo.
O de Xesús é realmente
revolucionario. Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para
a xente, e facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos
invitada a todos e todas nós tamén.
Oración
Que a miña
actividade, Xesús,
estea sempre
limpa de interesadas intencións.
Que aprenda
contigo, Xesús,
a falar de balde,
a actuar de
balde,
sen cobrar
nunca nada
nin en cartos,
nin en
influencias interesadas,
nin en poder,
nin en afectos
que someten.
Desinteresada,
pobre é libre coma ti, Xesús,
algo polo
menos, por favor!
Acción
Es totalmente
desinteresado na túa colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco.
Cambia o que teñas que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo
os mellores servizos.
7 de febreiro: venres da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6, 14-29
Como a sona de Xesús se
estendía por todas partes, tamén o rei Herodes oíu falar del. Uns comentaban:
“é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actúan nel
eses poderes”. Outros dicían: “é Elías ou algún profeta”. Pero Herodes dicía:
“É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.” Porque
Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán
Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido
vivir coa muller do teu irmán.
Por iso Herodías
colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo
que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que
quedase desacougado.
Pero chegou a ocasión
axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos
ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de
Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente
convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras,
que cho hei dar.
E xurou:
—Dareiche o que me pidas,
aínda que sexa a metade do meu reino.
Vaise a rapaza onda a nai
e pregúntalle:
—¿Que lle pedirei?
Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de Xoán
Bautista.
E, volvendo onda o rei,
díxolle:
—Quero que me deas de
contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
O rei púxose moi triste,
pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar.
E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi,
decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non
tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o
cadáver e fórono enterrar.
Meditación
Xoán Bautista foi un
personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras
comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos
durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para
a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía
por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no
seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen
verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do
momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu
a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias
da súa morte: nun ambiente de excesos,
rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o
rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen
pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo
para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan
branda na que vivimos.
Oración
Grazas, meu
Deus,
polas persoas
mártires
de onte e máis
de hoxe,
de todos os
tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén
polas persoas mártires
doutras
relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen
defende o humano, o xusto,
e afronta con
valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola
palabra desas persoas mártires,
pola súa
vida, pola súa morte,
polo seu sangue
inxustamente vertido,
aínda que
valentemente ofrecido.
Grazas, meu
Deus, infinitas grazas!
Que ao seu
carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos
nós
para vivir con
máis fidelidade e fondura
a nosa
humanidade, a nosa fe.
Acción
Seguro que en máis dunha
ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que
a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da
nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o
caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.
8 de febreiro: sábado da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6, 30-34
Cando os apóstolos
volveron xuntarse con Xesús, contáronlle canto fixeran e ensinaran. Xesús
díxolles:
—Vide vós comigo e un
lugar arredado e descansade un pouco.
Eran moita a xente que ía
e viña e nin para comer atopaban tempo.
Fóronse sos na barca a un
lugar arredado. Pero, ao velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde
todas as vilas e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron atopouse
cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor,
púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
Meditación
Unha persoa, unha
comunidade cristiá medra cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e
compromisos persoais e comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén
medramos cando miramos polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo
para o descanso, para o xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén
medramos cando, por riba de todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as
decisións é a presenza do pobo que anda decaído, esmorecido, como abandonado da
mans de Deus. Xesús, ao que se ve, era un experto en todo isto, en tanta
humanidade. Que sorte tiveron con el os seus seguidores e seguidoras, e que
sorte temos nós tamén de telo así ao noso lado!
Oración
Apréndenos,
Xesús,
mestre de vida,
a encontrarnos
e compartir.
Dános a ilusión
de vivir en
comunidade.
Que saibamos
aprender de ti
a ter no centro
das nosas vidas
a xente que o
estea pasando mal,
non por
misericordia paternalista,
senón por pura
xustiza e compaixón.
E todo, se pode
ser, Xesús,
sen queimarnos,
sen decaer no
humor.
Grazas, Xesús.
Acción
Pénsao, que tempo dedicas
ao ocio, ao descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a
rir? Xesús quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.