27 maio, 2020

Tempo Ordinario: 9ª semana




31 de maio: Domingo de Pentecoste

Evanxeo: Xn 7, 37-39
   No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé e gritou:
   —Se alguén ten sede, que veña onda min e beba. Como di a Escritura, a quen cre en min abrollaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.
   (Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos cresen nel, porque aínda non había Espírito, porque Xesús no fora aínda glorificado.)

Meditación
   Evanxeo curto, moi curto. En poucas palabras nos sitúa ante un panorama asombroso, que se pode realizar con maneiras moi sinxelas. Xesús en pé, ofrecéndose ás persoas que o escoitaban, ofrecéndosenos a todas e todos nós, ofrecéndose ao mundo enteiro, ofrecéndose ben alto, a berros, para que ningunha persoa quede excluída deste ofrecemento. Xesús, o Cristo resucitado, é quen está vivo entre nós facéndonos esa proposta de vida.
   Neste caso Xesús compara o Espírito coa auga; noutras ocasións comparábao co vento, que non se sabía de onde viña e a onde ía. Aquí compárao coa auga, partindo dunha realidade fundamental: a auga é o que garante que naza e medre a vida. O Espírito, que é vida, que está ao servizo da vida, que garante vida, está moi ben representado simbolicamente pola auga.
   É importante ter sede. Se un non ten sede, non gusta de beber, non acode á auga. Todos os seres humanos temos infinitas sedes. Hai en nós unha chamada fonda cara a un desenvolvemento persoal, cara a unha realización persoal; tamén cara a un desenvolvemento comunitario, social.  Podemos dicir que é a sede da vida, a sede do Espírito.
   Podemos matar esas sedes de mil maneiras. E aquí está a dificultade, a complexidade das cousas. Temos necesidades, buscamos satisfaccións, buscamos augas, pero a saber que augas buscamos. Hai augas que non matan a sede, a fondo, e hai augas que si as matan.
   Xesús ofrécenos o seu Espírito, o seu empuxe de vida, como auga de garantía, que calmará as nosas sedes máis fondas. Facémoslle caso? Cremos nel, nesta súa oferta? A promesa é grandiosa: no ventre de Xesús, e mesmo no noso mesmo ventre, veremos gurgullar abundancia de augas, regueiros de auga para satisfacer a nosa existencia.
   Podiamos probar a ver. Podiamos fiarnos de Xesús e facer a experiencia. E Eucaristía que celebramos é un dos momentos nos que Xesús nos dá o seu Espírito a través do sacramento do seu Corpo e do seu Sangue, a través da sacramento da comunidade.

Oración

Déixate levar polo Espírito!
Por que pos tantas pegas e resistencias?
Por que tes tantos medos e covardías?
Por que andas sempre con escusas e xustificacións?

Déixate levar polo Espírito!
Pon o teu corpo á súa disposición.
Pon o teu espírito á súa disposición.
Pon a túa vida toda á súa disposición.
Irache ben, xa o verás!

Xa! –hasme dicir—, pero onde está o Espírito?
Escoita, síntete a ti mesmo,
sinte as persoas que te rodean.
Non o oes clamando a fondo pola paz e a inocencia,
pola saúde e o recoñecemento,
pola xustiza e a fermosura?

Escoita a vida, escoita o pobo.
Non o oes berrando contra todo o que deshumaniza,
contra as institucións secas, mortas,
que envolven a xente na súa propia esterilidade,
e apostando pola vida e a transparencia?

Pousa os ollos nas cousas, nas persoas miúdas.
Non o ves no bichiño que afanoso busca vida,
na mai, no pai, que con suma dor e gozo
apostan polo fillo tan limitado,
na persoa encarcerada que aínda soña?

Abre os ollos, ábreos canto poidas.
No o ves no sol, no vento, na auga,
nas sementes que xa asoman os xermolos?
Non o ves nos mozos e mozas que namoran
nos xogos e risas dos cativos/as,
nas enrugas preciosas dos máis vellos?

Déixate levar polo Espírito.
Darache liberdades que ninguén poderá coutar.
Darache vínculos que ninguén poderá violentar.
(Dicho Xesús, froito do Espírito,
ao que nunca lle deu as costas).

Acción
   Cantas cousas nos pode suxerir o Espírito nestes tempos de loita por superar as consecuencias do coronavirus nas nosas economías, na nosa cohesión social! ¿En que podemos axudar, botar unha man, quitar de enriba algunha angustia?


1 de xuño: luns da 9ª semana do tempo ordinario

Evanxeo: Mc 12, 1-12
   Nunha ocasión Xesús comezou a falarlles en parábolas:
   —Un home plantou unha viña, rodeouna cun valado, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. No seu tempo mandou un criado para cobrarlles as rendas da viña aos viñateiros. Pero eles botáronse enriba del, zorregáronlle duro e despedírono coas mans baleiras. Vaise el e mándalles outro criado, pero tamén mallaron nel e aldraxárono. Mandoulles outro e matárono; e a outros moitos bouraron neles e matáronos. Pero aínda lle quedaba un a quen mandar, o seu fillo benquerido; e mandóullelo de último, dicindo para si: “El é fillo meu e hano respectar.” Pero os viñateiros comentaron: “Oi! Este é o herdeiro: veña, matámolo e a herdanza será para nós.” E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña. ¿Que fará o dono do viña? Volverá, acabará con eses viñateiros e daralles a viña a outros. ¿Ou seica non lestes aquilo da Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;
Esa colocouna o Señor: ¡que regalía para nós!?
Decatándose de que a parábola ía por eles, quixérono prender, pero, por medo á xente, deixárono e fóronse.

Meditación
   A parábola é unha crítica de Xesús ao comportamento das autoridades relixiosas xudías daquel momento: tiñan encomendado o coidado material e espiritual do pobo, pero non eran donos absolutos do pobo, como para mangonear no pobo e aproveitarse del; eran simples servidores do benestar completo do pobo. Como non o facían así, Deus pousaba esa responsabilidade servidora na “pedra do esquinal”, que era Xesús de Nazaré.
   As palabras de Xesús, a crítica de Xesús podémola entender como dirixida hoxe a todas as persoas que na Igrexa ou na sociedade civil teñen autoridade e mando: a súa misión é servir a comunidade, o pobo, non señorear a conta da comunidade ou do pobo. E servir para que o conxunto da comunidade ou do pobo estea ben atendido, que os bens materiais e espirituais se repartan con criterios de igualdade e xustiza, e todos, todas poidamos vivir en paz e harmonía. Cando non se fai así, as institucións relixiosas e civís perden sentido, e cousas novas, persoas novas virán, grupos novos virán –oxalá!—  que respecten o querer fondamente solidario de Deus.

Oración

Ti es, Xesús, a pedra firme do esquinal,
que dá consistencia ao edificio da nosa comunidade,
que nos dás consistencia a cada un, cada unha de nós,
que lle dás consistencia a quen a ti queira achegarse.
Estamos orgullosas de ti, Xesús.
estamos agradecidos de ti,
gozamos construíndonos sobre ti.
Grazas, Xesús, por estares aí, sempre aí.
Pero ti ensináchesnos 
que máis ca xefes e súbditos,
somos irmás e irmáns;
máis ca ordenadores e ordenadas,
somos colaboradoras todos, todas do común,
sabendo que non hai máis mestre ca un,
máis pai ou nai ca unha:
Deus en todas e todos nós.
Sexa recoñecido e bendito por sempre.

Acción
   Non é ben que permitamos que as nosas comunidades funcionen despoticamente, como tampouco o permitimos na sociedade civil. Se vemos algo así, advirtámolo con sensatez e axudemos a corrixilo.


2 de xuño: martes da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 13-17
   Nunha ocasión mandáronlle a Xesús algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta. Ao que chegaron onda el, preguntáronlle:
   —Mestre, sabemos que es sincero e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ao César ou non?            ¿Pagámoslla ou non lla pagamos?
   Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:
   —¿E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.
   Eles leváronllo e el preguntoulles:
   —¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
   Contestáronlle:
   —É do César.
   Xesús replicoulles:
   —Pois logo dádelle ao César o do César, e a Deus o de Deus.
   E ficaron pasmados.

Meditación
   Aínda que eses tales herodianos se achegaban a Xesús con malas intencións, ¡que cousas máis fermosas afirman de Xesús! Que é sincero, que non anda con miramentos, que non se deixa levar polos respectos humanos, que ensina o verdadeiro camiño de Deus. ¡Que marabilloso é o noso Xesús na súa humildade servidora, na súa valentía liberadora! Non queda senón achegarnos a el canto máis poidamos mellor, sabendo que estamos en tan boas mans.
   Onte coma hoxe as cousas da relixión poden estar mesturadas coa política, coa organización da vida social, cos dereitos e deberes sociais da xente. Cada un deses dous campos teñen a súa autonomía, pero que cada un deles tamén ten cousas que lle dicir e lle ensinar ao outro. A organización da vida social, que é o propio da política, é algo que lle importa moito a Deus, a Xesús, aos seus seguidores e seguidoras, porque nesa organización xógase moito o benestar da xente, o trato digno, a saúde, a educación, a sanidade. Campos distintos, si,  pero chamados a entenderse a compenetrarse.

Oración

Lóote, Xesús, porque eras sincero,
limpo e transparente como a auga máis limpa dos nosos regatos.
Lóote, Xesús, porque non andabas con miramentos,
ao pan, pan e ao viño, viño, porque eras fondamente libre.
Lóote, Xesús, porque non te deixabas levar polos respectos humanos,
non te encollían os poderosos, non te calaban as súas críticas e ameazas.
Lóote, Xesús, porque ensinabas con verdade o camiño de Deus,
porque experimentabas a Deus fondamente inserido en ti, na xente, na vida.
Apréndeme, Xesús, a ser algo coma ti.
Xa sei que iso é o que sempre fas e queres, sen que cho pidamos,
pero apréndeme,
que eu sen ti non dou.

Acción
   ¿Que idea temos das cousas da política? ¿Quen entrada lle damos á política na nosa vida crente? Normalmente temos mal concepto da política e fuximos dela. ¿É iso o que debemos facer como persoas cristiás?


3 de xuño: mércores da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 18-27
   Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
   —Mestre, Moisés deixou escrito: se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia ao irmán. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos; o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ao terceiro; e ningún dos sete deixou descendencia. Ao cabo morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?
   Xesús contestoulles:
   —¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? Pois, cando resuciten, nin casarán eles nin elas, porque serán como anxos do ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.

Meditación
   Non somos fillos e fillas do po para volver ao po, como moitas veces se nos di e dicimos. Somos fillas e fillos do amor, para volver á fonte do amor que é Deus. Deus é amor. Non hai persoa que non leve algo de amor consigo, por débil, incoherente, interesado que este sexa. Por iso a proba de que Deus existe levámola nós en nós mesmas. Cando morremos, ese ser amoroso que somos e que levamos connosco atópase coa fonte de todo amor, que limpa o noso pequeno amor das súas sucidades e nos fai resplandecer en amor, como Deus resplandece. Cando te decatas do tempo perdido, de amores aos que non correspondiches, das oportunidades de medrar en amor contigo e cara aos demais que desaproveitaches, iso doe; iso sería o purgatorio. E todo isto é a resurrección. Isto é o que nos agarda como regalo xeneroso de Deus que é amor, e non sabe máis que facer cousas de amor. Como ben dicía Xesús, as discusións dos saduceos sobre da resurrección era un non entender nin as Escrituras nin o poder de Deus. E o mesmo lle pasa a moitas das nosas afirmacións e dúbidas sobre a resurrección en Deus.

Oración

Confíome a ti, Deus de vida,
   na miña vida e na miña morte.
   Confíome ao teu poder de amor
   para pousar nel a miña vida fráxil, pecadora.
   Confíome a ti, Deus de vida,
   para soñar cun ceo novo, cunha terra nova,
   para toda a xente do mundo,
   maiormente para a que máis peor o pasou neste mundo.
   Confíome a ti, Deus da vida,
   amigo de tornar en vida as nosas torpes apostas pola morte.
Confíome nos teus brazos de nai,
   para descansar eternamente no teu seo.

Acción
   Podemos vivir en clave de morte ou en clave de resurrección, de vida. ¿Andamos enredados/as coma Deus en cousas de vida, para nós, para a demais xente? ¿En que o estamos facendo?  ¿Podemos mellorar nisto?


4 de xuño: xoves da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 28b-34
   Nunha ocasión un letrado preguntoulle a Xesús:
   —¿Cal é o máis importante de todos os mandamentos?
   Xesús respondeulle:
   —O primeiro é: Escoita, Israel, o Señor é o noso Deus, o Señor é único, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas. O segundo é: Amaras o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.
   O letrado replicou:
   —Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.
   Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:
   —Non estás lonxe do Reino de Deus.
   E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación
   Na vida relixiosa enchémonos de doutrinas, de ritos, de mandatos… Por iso é ben que de vez en cando reparemos no que é fundamental e no que non o é tanto, para poñer a nosa paixón no que realmente está ben poñela. Sabémolo perfectamente, incluso de memoria; aquilo de “estes dez mandamentos encérranse en dous: amar a Deus sobre todas as cousas e o próximo como a nós mesmos”. O evanxeo de hoxe recórdanolo.
   É ben reparar na formulación do credo israelita que repite Xesús; ver como vai enchendo o amor con todas as circunstancias posibles da propia persoa: corazón, alma, entendemento, forzas todas. É todo o ser na súa fondura, na súa anchura, nas súas facultades todas o que está, o que sería ben que estivese collido por Deus. En Xesús certamente estívoo, e por iso viviu tan a fondo o outro mandamento fundamental, o de amar a demais xente como a nós mesmas. Cando somos quen de xuntar a fondo estes dous mandamentos, estes dous amores, ata facelo un só, daquela a nosa vida cristiá vai por bo camiño, non estamos lonxe do Reino de Deus.

Oración

   Grazas, meu Deus,
   porque, se me pides amarte,
   é porque ti me amas primeiro;
   se me pides apaixonarme por ti e por todo o teu,
   é porque ti te apaixonas por min e por todo o meu.
   Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti puxeches en min a semente do amor
e a forza para facelo triunfar na miña vida.
Grazas, meu Deus,
porque se me pides amar a todo o meu próximo,
sen excepcións,
é porque tamén ti nos amas sen excepcións,
xa que nos queres fondamente comunitarias,
fondamente irmáns e irmás,
fondamente familia.
Grazas, meu Deus,
por incluírnos así a todos, a todas,
sen excepcións,
no teu soño de xustiza, de paz e de unidade.

Acción
   ¡Cantas veces discutimos con apaixonamento sobre tal ou cal aspecto das prácticas relixiosas! Pero ¡que poucas o facemos sobre ata que punto lle queremos a Deus, ata que punto lle queremos á xente! ¿Vémonos así? ¿Que poderemos facer para cambiar algo as cousas?


5 de xuño: venres da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 35-37
   Unha vez, estando Xesús ensinando no templo, preguntou:
   —¿Como din os letrados que o Mesías é fillo de David? O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:
   —Díxolle o Señor ao meu Señor: senta á miña dereita, que vou poñer os teus inimigos como estrado dos teus pés.
   Ora, se David o chama Señor, ¿como vai ser o seu fillo?
   E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.

Meditación
   Quedémonos coa multitude que escoitaba engaiolada a Xesús. Sabemos que Xesús era un gran conversador, cunha serie incrible de recursos, pero sempre coa intención non de embobar a xente sen máis, senón co interese de que a xente, aqueles homes e mulleres que o escoitaban, sentisen resoar no seu corazón a voz de Deus, a voz do Espírito, que os chamaba a unha fidelidade ao máis limpo e verdadeiro que cada quen levaba no seu corazón.
   O gran conversador que era Xesús acompañaba as súas palabras con feitos de desmedida solidariedade, de desmedido afán pola dignidade da xente que o escoitaba. Xesús acompañou a súa palabra coa súa vida entregada a tope. Como para non quedar engaiolada ante el! Este é o Xesús que hoxe, agora mesmo temos diante de nós. Felices nós se temos a dita de ser persoas engaioladas de veras por Xesús, por todo o de Xesús!

Oración

Que non te saiba de memoria, Xesús!
Que non te coñeza de oídas!
Que non diga e sinta de ti
o que outras persoas me digan!
Ai, canté!,
quen me dese o regalo
de me sentir engaiolado por ti,
de ver que de verdade
me revolves a cabeza
e me feres os sentimentos!
Simplemente
para estar contigo,
para seguirte con convencemento propio,
para ir poñendo humildemente os meus pasos
nas pegadas dos teus.
Ai, canté!

Acción
   ¿Que cousas de Xesús me engaiolan máis? ¿Hai algunha desas cousas que  me engaiolan, pero que me vexo moi lonxe de incorporala á miña vida? ¿Que pasos podo dar para conseguilo?

6 de xuño: sábado da 9ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 12, 38-44
   Nunha ocasión  Xesús seguía ensinando:
   —¡Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes e acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
   Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria como quen di. Entón chamou os seus discípulos e díxolles:
   —Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos, pois eles botaron do que lles sobraba, pero ela, na súa pobreza, botou o que tiña para vivir.

Meditación
   Dous cadros ben distintos, ben distantes. No primeiro cadro uns representantes do saber e do poder relixioso: saben moito, son moi ostentosos, incluso dando esmolas, gustan das reverencias, dos primeiros postos; aprovéitanse da fraxilidade das viúvas con sabe Deus que historias de rezos e piedade. O cadro é de onte, dos tempos de Xesús, e pode ser moi ben tamén de hoxe. Un cadro no que poden entrar os nosos xerarcas e teólogos, pero no  que, por indebida imitación e seguimento, podemos entrar todos. Unha mágoa ver así a relixión convertida nunha especie de parodia.
   No segunda cadro, todo ao revés. Unha viúva, que seguro que nin sequera sabía ler, pobre, sen aparencia social ningunha, que bota uns céntimos, nada, unha ridiculez. Pero aquí había corazón, había nudez, había baleirarse do imprescindible para axudar a outras persoas tamén pobres. Por iso o seu xesto, a súa vida, estaba chea de Deus. A dos outros estaba chea de si mesmos. A viúva recibiu as chufas de Xesús. Á súa luz, á de Xesús e máis á daquela viúva pobre, podemos, se queremos, revisar a nosa conciencia relixiosa.

Oración

Ai, a viúva pobriña
da curta esmola,
da que nos falou Xesús,
para que o seu exemplo fose un referente
para os nosos corazóns cristiáns,
para a nosa actuación cristiá!
Ai, os ollos curiosos de Xesús,
que no balbordo de xente que ía e viña,
algunha botando cartos ostentosamente,
soubo descubrir a man trémula daquela viúva,
pousando amorosamente uns céntimos
e, tras dela, dentro dela,
o corazón xeneroso que cambia o mundo!
Grazas polos dous,
por ti, Xesús,
atento sempre á riqueza da pobreza,
e por ti, viúva anónima,
que marabillaches o corazón de Xesús
e, algo tamén, o noso,
dous mil anos despois!

Acción
   O xesto xeneroso da viúva podémolo imitar dando cartos, pero tamén facendo calquera outra atención á xente: tempo, escoita, paciencia, perdón, afecto… Miramos como hoxe podemos facer algo disto ao estilo da viúva: dando do necesario para vivir.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.