7 de xuño: Solemnidade da Santísima Trindade
Evanxeo: Xn 3, 16-18
Tanto amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo unixénito, para que todo
o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo
ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que
cre nel non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no
Fillo unixénito de Deus.
Meditación
Que celebramos
especialmente no día da Santísima Trindade? Quizabes teriamos respostas moi
variadas. Parécenos que o máis importante desta festa é vivir e agradecer,
celebrar, un xeito de ser moi especial do noso Deus, do Deus no que cremos as
persoas cristiás, que consiste en ser un Deus que sae ao mundo, que sae á rúa,
que se comunica, que fala, que comparte a vida connosco, que se molla connosco
nas nosas penalidades, nas nosas festas, nas nosas esperanzas; un Deus que fai
casa e fogar connosco, que fai familia connosco. Un Deus que nos crea e nos
recrea. Un Deus que non é que veña de visita, senón que está en nós, na nosa
casa, vive connosco, forma parte de nós. Encárnase, faise carne humana,
humanízase en cada un, en cada unha de nós, o mesmo que se humanizou no seu
fillo Xesús de Nazaré. Xesús descubriunos a nosa identidade máis verdadeira.
Todo isto, como pasou con Xesús, faise non en carne e sangue, senón no
Espírito.
Deus, o noso Deus, é,
logo, todo relación, todo comunicación, co seu Fillo no Espírito, con todos e
cada un, cada unha de nós tamén, coma fillos e fillas del, no Espírito. Deus é
un Deus totalmente social. E, se queremos bater con el, se queremos intimar con
el, se queremos medrar no seu coñecemento, no seu respecto, no seu amor, ímolo
ter que buscar e experimentar en todo o que sexa relación, comunicación, unión,
solidariedade; todo o que sexa trato, amizade, comunidade, familia; todo o que
sexa respecto, consideración, coidados, colaboracións.
Deus é trinitario: tres
nun; o amor é o que vincula os tres: o Pai, o Fillo e o Espírito, o que fai dos
tres un. Deus quere que todos nós, todas nós, sexamos trinitarios tamén; que
con el fagamos unidade fonda no Espírito, polo amor; e que con todos os homes e
mulleres do mundo fagamos unidade tamén no Espírito, polo amor que se expresa e
se ve na solidariedade das cousas reais de cada día. Así o misterio de Deus é
tamén o misterio de cada ser humano, e o misterio de cada ser humano non deixa
de ser o misterio mesmo de Deus.
Sería ben que a
celebración de hoxe nos permitise algo así coma bañarnos na Trindade, no Pai
que nos ama tolamente, no Fillo que se entregou por nós por amor, e no Espírito
que nos alenta e defende. Todo isto, iso si, en comunidade, pois esa é a
condición que Deus nos pon.
Oración
Estou abraiado,
meu Deus,
o asombro colle
todo o meu ser,
só con coñecer
e gustar
nada máis ca
unha miguiña de ti,
un aruxo de
todo canto es e canto nos ofreces!
Que inmensidade
de luz e de transparencia,
que fondura de
amor e de solidariedade,
que riqueza de
comunicación gratuíta!
Canto ben,
canta bondade, canto servizo!
Adórote, meu Deus,
prostro o meu
corpo todo ante ti,
o meu espírito
recóllese na túa presenza
e faise todo el
unha pregaria agradecida:
que son eu,
para que pouses
os teus ollos en min,
para que de min
de ocupes,
para que tamén
en min queiras poñer a túa tenda?
Todo está cheo
de ti,
todo me fala de
ti,
na creación
enteira deixáchesme o teu rastro,
nos rostros
humanos, unha semellanza túa,
na xente máis
pobre, o latexo vivo da túa presenza.
Canto somos,
canto valemos,
por graza e
disposición túa!
Canto somos
dignos de respecto,
de atención, de
valoración,
por sermos
criaturas túas,
convocadas á
fraternidade total
en ti!
Cantas razóns,
meu Deus,
para coidarnos
a nós mesmos,
á natureza que
te pronuncia,
aos veciños e
veciñas que te contan,
aos máis
débiles que nos transmiten o teu berro, a túa queixa!
Un abrazo de
Pai, un bico de Nai,
foi o noso
comezo.
Feitos e
apertas de irmáns/ás é o camiño imprescindible
que nos leva á
túa casa,
ao teu seo,
a ti,
de onde saímos
en cada momento,
a onde volvemos
en cada instante,
no Pai, no
Fillo, no Espírito Santo.
Acción
Hoxe é un día
especialísimo para practicar a relación, a comunicación, a busca da unión.
Somos diferentes, pero estamos chamadas á unidade. Podemos visitar a alguén,
pararnos a falar, compartir. E, se é con alguén de quen nos sintamos algo
arredadas por calquera razón, mellor aínda.
8 de xuño: luns da 10ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 1-12
Vendo Xesús a multitude,
subiu ao monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos e el, tomando a
palabra, ensinábaos dicindo:
—Ditosos
os que teñen espírito de pobres,
porque deles
é o Reino dos ceos.
Ditosos os
que choran,
porque eles
serán consolados.
Ditosos os
non violentos,
porque eles
herdarán a terra.
Ditosos os
famentos e sedentos de xustiza,
porque eles
ficarán fartos.
Ditosos os
misericordiosos,
porque eles
acadarán a misericordia.
Ditosos os de
corazón limpo,
porque eles
verán a Deus.
Ditosos os
que traballan pola paz,
porque eles
serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os
perseguidos por causa da xustiza,
porque deles
é o Reino dos ceos.
Ditosos vós,
cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa;
alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos; do
mesmo xeito perseguiron os profetas anteriores a vós.
Meditación
As benaventuranzas son
unha verdadeira xoia dentro do Evanxeo. Nesta forma só nolas transmite o
evanxelista Mateu. E canto llo agradecemos! Xesús, mestre de humanidade, mestre
da vida e da felicidade, viviu as benaventuranzas. El foi feliz vivindo así, e
transmítenos a experiencia que el viviu. Antes del, e sobre todo despois del,
houbo tamén mulleres e homes que se propuxeron vivir desa maneira, e tamén nos
din que hai verdadeira felicidade sendo así. E seguro que calquera de nós temos
probado algo desta felicidade. Vivir coas benaventuranzas nas mans, no corazón,
é andar contracorrente, escandalosamente contracorrente; é a felicidade de quen
se baleira, para encherse de fraternidade, para encherse de Deus. Ben se ve que
vivir nas benaventuranzas non é ser un apático da vida, e deixar que as
miserias, os abusos se perpetúen. Non, ao revés, é asentarnos na aceptación
plena de Deus para estar vivas e combativas na vida. Pero con moita paz, con
moita esperanza, con moita felicidade. Porque vai connosco a toda hora quen
nola garante. Parece un imposible, pero
Deus faino posible. Bendito sexa!
Oración
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos ser
felices vivindo co pouco,
persoas libres,
desapegadas,
para que
ninguén careza do necesario.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos chorar
con quen chora,
ser xente
pacífica a tope,
ter fame fonda
de xustiza,
para que
ninguén abuse de ninguén,
e todo o mundo
poida vivir con dignidade.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos
doernos de quen sofre, implicarnos,
andar co
corazón limpo de malicias
e procurarmos a
paz a todas as horas,
para que todo o
mundo poida vivir gozando,
vendo en cada
próximo un irmán ou irmá,
como a Deus lle
gusta.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos amar a
xustiza e rexeitar as trampas e os abusos
defendela na
casa, no pobo, na parroquia,
coas armas do
exemplo, da palabra e da organización social,
por máis que
suframos burlas e desprezos,
por máis que
perdamos cartos e influencias.
Contigo, algo
coma ti, Xesús,
queremos ser
felices apegándonos á túa causa,
gozando co
adianto e proba das túas promesas.
Queremos, pero
somos xente frouxa.
¿De quen, senón
do teu Espírito,
nos virá luz e
forza
para andar en
tanta sabedoría de vida?
Acción
O Papa Francisco escribiu
un libriño titulado Gaudete e exultate,
que en galego quere dicir: Alegrádevos e
brincade de gozo. Fala nel de como todas e todos nós estamos chamados e
acompañados por Deus para ser persoas boas, santas. No capítulo 3 dese libriño
explica as benaventuranzas dunha maneira sinxela e práctica. Sería ben fermoso
ler a lo menos estas páxinas, ben sos, ben en grupo, e falar despois do que iso
nos pode axudar a ser máis felices nas nosas vidas.
9 de xuño: martes da 10ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: 5, 13-16
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o
sal da terra. Pero, se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para
nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz
do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco
se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro,
para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que,
vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.
Meditación
Xesús ponnos ante un reto
contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da sociedade, dos
pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que se descompón,
que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles sabor. A luz:
algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz entendidas en sentido
profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E tamén a recibir e
agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.
As palabras de Xesús
avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso –que contrasentido!—,
e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non cumpren a súa
función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos ¿estamos
cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos indica Xesús
que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras –palabras
normalmente non nos faltan—, polas boas obras.
Oración
Que o teu sal,
Xesús,
co que ti tanto
salgas o mundo,
nos salgue a
nós tamén
e nos permita
contaxiar vida sa e saborosa.
Que a túa luz,
Xesús,
coa que ti
tanto alumas o mundo
alume a fondo
as nosas vidas,
para sermos nós
tamén luz,
unha pequeniña
lapa polo menos
alí onde a vida
nos leve.
Que teñamos
algo da túa fortaleza, Xesús,
para non
desalentar na tarefa.
Que na nosa
vida humildemente fiel
Deus sexa
sempre honrado
e quen nos
rodea se vexa confortada e alentada.
Acción
Podemos mirar
algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente
que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis.
Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de
sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.
10 de xuño: mércores da 10ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: 5, 17-19
Naquel tempo dixo Xesús:
—Non pensedes que vin
abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar cumprimento.
Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de cumprirse
ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis
pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado o máis pequeno no
reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos
ceos.
Meditación
As normas relixiosas
teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da vida, presente na vida e presente tamén nos espazos
e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se coordine, se una
á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns da vida e da súa
experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande: converterse de camiño
en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo Deus cara ao que queren
orientar.
Nese sentido Xesús é o
gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias todas as
demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para
achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos
apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.
Oración
Non es
zarapalleiro, Xesús,
non che dá
igual que a vida a deixemos correr sen máis,
ou que
apostemos firmemente pola súa consistencia.
Es minucioso e
mesmo estrito
cando a honra
de Deus Pai/Nai está en xogo,
e cando o está
a honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.
Nada carece de
importancia, nada queda ao chou
cando miras
connosco polo futuro cristián das nosas comunidades rurais
e artellamos
camiños a andar e cousas a facer.
Nada é ínfimo e
desprezable
cando se trata
de dar ou recibir apoios e tenruras,
perdóns e
alentos.
Que o teu
Espírito nos acompañe sempre, Xesús,
e nos axude a
camiñar da man da liberdade,
da man da
responsabilidade.
Acción
En xeral hoxe dámoslle
moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos peta.
Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou establecer
algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario cara a
Deus?
11 de xuño: xoves da 10ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 20-26
Díxolles Xesús aos seus
discípulos:
—Se a vosa xustiza non é
maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no reino dos Ceos.
Tedes oído que se lles
dixo aos vosos devanceiros: Non matarás
quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se
enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o
Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Se ao presentares a túa ofrenda
no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a
ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e
logo volve a presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto
antes con quen preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue
ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de
alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
Meditación
Nas nosas Misas, ao
empezar, pedimos perdón. Esta práctica quere responder a este criterio que
Xesús nos ofrece no evanxeo de hoxe: ao presentarmos a ofrenda, ao dispoñernos
a realizar calquera oración ou acto de
culto, sexa o que sexa, hai que mirar primeiro se en algo lle temos
faltado a calquera persoa; sendo así, o primeiro é buscar a reconciliación con
esa persoa, antes de querer intimar con Deus a través da pregaria. É algo que
Xesús tiña moi claro: é imposible acceder a Deus se non é fundamentalmente a
través do trato respectuoso, xusto, digno, mesmo fraterno coa xente que nos
rodea. Por aí empeza calquera práctica relixiosa cristiá.
Xesús é moi esixente
nisto. Non se trata de matar ou non matar; hai moitos pequenos detalles cos que
arredamos a xente de nós, cos que lles negamos a súa calidade de irmáns, cos
que dalgunha maneira os facemos desaparecer da nosa existencia, e dalgunha
maneira os matamos.
Aprender a dar e recibir
perdón é unha grande e elemental tarefa cristiá, humana, que temos moi deixada
de lado. Por iso quizabes son tan frouxos tamén os nosos actos de culto.
Intentamos o imposible: tratar con Deus esquecendo o próximo.
Oración
Xesús,
irmán e mestre,
que che saiba
abrir o corazón
ao que ti me
aprendes.
Que acerte
contigo,
ao teu lado,
a andar os
camiños que levan
a intimar de
verdade con Deus.
Que descubra e
coide
o valor das
persoas que me rodean
como lugar onde
se xoga principalmente
a posibilidade
de tratar contigo.
Que saiba pedir
e dar perdón,
para entrar na
onda da túa loanza.
Acción
Practiquemos hoxe algo
disto que nos di Xesús. Se nalgunha cousa temos ofendido a alguén, antes de rezar
ou celebrar nada, vaiamos a reconciliarnos con esa persoa.
12 de xuño: venres da 10ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 27-32
Díxolles
Xesús aos seus discípulos.
—Tedes oído que se dixo:
Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller
casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che
é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un
dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man
dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis
che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no
inferno.
Ténsevos dito: Quen
repudie a súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que
repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera
e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Meditación
Coma no caso de onte co
de matar ou non matar, tamén aquí Xesús nos invita a ir ao fondo do noso
corazón, alí onde nacen e se desenvolven amores e desamores, respectos e
abusos, fidelidades e infidelidades; alí onde pode nacer xa o mal, o pecado.
Dicíao Xesús noutra ocasión: non son as comidas, que veñen de fóra, as que nos
fan persoas impuras; é o que nace dentro do noso corazón o que pode determinar
se a nosa vida se vai desenvolver de maneira fondamente humana ou non. Mirar,
logo, coidar o noso mundo interior, o que nace no noso corazón.
Non se trata de nos ir
mutilando, cando algún membro do noso corpo nos leva a facer o mal. Calquera
membro en si sempre é ben inocente. É unha maneira de falar de Xesús para nos
advertir da seriedade que pode ter, para o desenvolvemento da nosa vida, que
nos deixemos levar por determinados instintos, ideas, plans, que de entrada
mesmo nos poden dar gusto e pracer.
O repudio da muller polo
home, non o do home pola muller, era cousa moi corrente naquela sociedade.
Xesús defende a muller nesta condición de debilidade, de desigualdade, e aposta
por un amor permanente. Canto nos custa hoxe esta aposta, nunha cultura branda
e frouxa para os compromisos! Xesús tamén quere acompañarnos nesta frouxidade
dos nosos tempos.
Oración
Que mundo tan
intenso vai dentro de nós, meu Deus!
Cantas
inseguridades, cantos medos, cantas paixóns cegas!
Cantos desexos
de afecto e recoñecemento!
Cantas
frustracións!
Que
marabillosas/os e que fráxiles somos!
Que difícil se
nos fai entendernos a nós mesmos/as,
e, máis aínda,
entender aos demais,
pois non
podemos sentir o palpitar interno do seu corazón!
Canta
necesidade temos de sermos humildes e cautos/as,
honestas/os e
transparentes,
ante ti, meu
Deus,
ante as persoas
coas que compartimos vida e tarefa!
Canto nos
cómpre ollarnos a nós e a quen nos rodea
con respecto,
agarimo e comprensión,
e así, entre
errores e acertos,
ir construíndo
as fidelidades da nosa vida!
Canto nos
cómpres ao noso lado, meu Deus,
iluminando,
clarificando, fortalecendo.
Grazas, meu
Deus, porque nunca te esqueces de nós.
Acción
O feminismo está aí, como
froito do traballo de moitas mulleres, e, dalgunha maneira tamén, como froito
reivindicativo do Espírito de Deus. Podiamos hoxe achegarnos a algunha muller
que ande no feminismo, para escoitala; seguro que nos virá ben.
13 de xuño: sábado da 10ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 33-37
Nunha ocasión díxolle
Xesús aos seus discípulos:
—Tamén tedes oído que se
lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso e cumprirás as promesas feitas
con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que
é o trono de Deus; nin pola terra, que é escano dos seus pés; nin por
Xerusalén, que é a cidade do gran rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque
nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste
xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do
Malo.
Meditación
Xúrocho polos meus
defuntos, xúrocho por Deus… Aínda hoxe os nosos maiores empregan esta maneira
de lle dar creto á palabra dita. Tamén o facían os contemporáneos de Xesús, sen
poñer nunca a Deus por testemuña, porque o seu nome, por respecto, non se podía
pronunciar. É fermosa esa aclaración de Xesús indicándonos que en calquera
cousa, en calquera realidade, en calquera persoa batemos dalgunha maneira coa
presenza de Deus, e de aí o sumo respecto e consideración que lle debemos a
todo, especialmente, xaora, ás persoas.
Xesús reponse ao costume
de xurar por…, apelando á palabra sinxela, honesta, verdadeira en si mesma: si,
si; non, non. A palabra como canle da verdade da propia persoa; a persoa
dicíndosenos claramente na palabra pronunciada. Ante tanta mentira,
manipulación, ante tanta “postverdade”, e novas falsas que están tan de moda na
nosa sociedade en xeral, na nosa cultura, e que circulan polos variados medios
de comunicación de que dispoñemos, ¡canto nos cómpre a palabra limpa,
verdadeira, plena, viva, auténtica!
Oración
Xesús, Xesús, …
enchernos de
verdade,
deixar que
madure dentro de nós,
tecendo as
nosas entrañas,
ocupando todos
os recantos do noso ser,
dos nosos
pensamentos, dos nosos sentimentos…,
e que logo
brote
coa
transparencia das augas dos regatos montesíos,
fresca, limpa,
humilde, atraínte,
para dicirnos
cara a fóra tal como somos e sentimos,
para contaxiar
brancuras,
para andar
sobre seguro,
para axudar a
sandar un mundo enfermo
por simular o
que non é,
por ocultar
verdades,
por agacharnos
debaixo de enfermizas carantoñas,
por negarnos
simplemente a dicir:
“si, si; non,
non,
como Cristo nos
ensina.”
Acción
¿Estamos deixando de
dicir algo, a nivel familiar, laboral, social, eclesial, grupo político etc.,
por gardar as aparencias? ¿Podiamos aventurarnos a practicar o de Xesús: si,
si; non, non, sen chulería, coa humildade que dá a simple verdade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.