11 xuño, 2020

Tempo Ordinario: 11ª semana





14 de xuño: Santísimo Corpo e Sangue de Cristo, solemnidade

Evanxeo: Xn 6, 51-58
   Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
   —Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre, e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.
   Discutían entón entre eles os xudeus:
   —¿Como pode este darnos a comer a súa carne?
   Díxolles Xesús:
   —Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
   Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min  e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai  que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.


Meditación
   Xesús ofrécenos o seu corpo como comida e o seu sangue como bebida. Loxicamente estamos falando nunha linguaxe sacramental, é dicir, de símbolos, de signos. Nin mascamos a carne de Cristo nin bebemos o seu sangue; comemos, no pan, o sacramento do seu corpo; bebemos, no viño, o sacramento do seu sangue. Nese pan e nese viño, que para nós pasan a ser santos e dignos de toda adoración e agradecemento, transmítesenos todo o ser e toda a vida de Xesús: o seu nacemento, o seu crecemento en fidelidade a Deus a á xente, as súas opcións contra os poderes relixiosos e civís e en favor da xente máis fráxil e deshumanizada (por errores e pecados propios ou por abusos e desprezos alleos), transmítesenos a súa grandísima humildade, pero tamén a súa grandísima audacia, valentía; transmítesenos a súa decisión de manterse en fidelidade a Deus e á xente, a todos e todas nós, aínda que iso lle custase a morte, como así foi; transmítesenos tamén a súa resurrección, a aceptación e glorificación por parte de Deus dunha vida aparentemente fracasada.
   Cando comungamos, sacramentalmente, naquel pedaciño de pan, naquel groliño de viño, poñémonos en comuñón con todo isto, deixamos que a nosa existencia toda sexa inundada por esta corrente de amor, de entrega, de solidariedade que tan extraordinariamente protagonizou Xesús. O pan que comemos, o viño que bebemos ponnos en contacto directo, íntimo, profundo, con Xesús, con toda a súa existencia; pero ponnos tamén, polo mesmo feito, en contacto directo coa nosa vida, coa nosa historia, coas nosas decisións, coas nosas maneiras de nos situar ante a realidade social na que estamos metidos. O pan que comemos, o viño que bebemos ponnos en contacto directo, íntimo, profundo, con aqueloutro sacramento que Xesús escolleu tamén para facernos evidente a súa presenza: o corpo e sangue, a vida toda da xente máis marxinada. Non podemos separar un corpo do outro; non podemos adorar o Santísimo Sacramento, sen adorar igualmente o desprezadísimo sacramento dos marxinados; non podemos recibir o corpo e o sangue de Cristo na Eucaristía, se non comungamos co corpo e co sangue dos marxinados na rúa, nos lugares de exclusión que tanto abundan polo mundo enteiro, e nos nosos pobos e aldeas tamén. Cada un, cada unha verá, como pode levar a cabo esa comuñón.
   Por iso, con moito acerto, no día do Corpo de Cristo, celébrase o Día da Caridade, que non é máis ca un intento de facernos conscientes de que de pouco vale comungar nas Misas, se non o facemos tamén coas necesidades da xente. A caridade, a solidariedade é algo que afecta á verdade da práctica relixiosa; tanto a caridade, a solidariedade que exercemos coas axudas, esmolas, visitas, acompañamentos que diariamente podemos facer, como a que exercemos cando  colaboramos coa mellor ordenación da sociedade participando en asociacións, sindicatos, partidos políticos, movementos alternativos, etc.
   A celebración de hoxe, comungando con ese “pan feito de lúa, perdón e beixo eterno” (Díaz Castro), pódenos introducir comunitariamente neste mundo marabilloso, máxico, ben real, de comungar co corpo e sangue de Cristo, co corpo e sangue da xente marxinada.

Oración

O teu pan, o teu corpo, Xesús,
o teu corpo, a túa carne,
a túa carne, o teu sangue,
o teu sangue, o teu ser,
o teu ser, a túa historia,
a túa historia, a túa palabra,
a túa palabra, os teus feitos,
os teus feitos, a túa vida,
a túa vida, as túas decisións,
as túas decisións, o teu Deus,
o teu Deus, o teu pobo,
o teu pobo, os teus máis esquecidos/as,
os teus máis esquecidos/as, o teu gozo,
o teu gozo, a túa loita,
a túa loita, a túa paixón,
a túa paixón, os teus opoñentes,
os teus opoñentes, o teu conflito,
o teu conflito, o teu servizo,
o teu servizo, a túa solidariedade,
a túa solidariedade, a túa morte,
a túa morte, o teu sangue,
o teu sangue, o teu cáliz,
o teu cáliz, a túa vida,
a túa vida, o teu corpo,
o teu corpo, o teu pan, Xesús,
o teu pan, a túa mesa, Xesús,
a túa mesa, a túa fraternidade, Xesús.

Bendito sexa
o Santísimo Sacramento do teu corpo,
feito pan e viño
para a vida de todo o pobo!

Acción
   Podemos participar nalgunha procesión de homenaxe a Xesús feito, desfeito no pan e no viño sacramentais por nós. Pero de pouco valería iso se non compartimos algo do que somos e temos, en caridade e xustiza, coa xente máis marxinal que nos arrodea.


15 de xuño: luns da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5,38-42
   Naquel tempo díxolles Xesús á xente:
   —Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che pida emprestado.

Meditación
   Frecuentemente fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron, para que aprenda.
   O de “ollo por ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras, nos fira no máis fondo da  vida e nos impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.

Oración

   Canto custa, Xesús,
   non devolver mal por mal,
   insulto por insulto,
   desprezo por desprezo,
   pasas de min por paso de ti,
   ata vivir multiplicando distancias e paredes,
   co corazón engurrado,
   coa alma no máis fondo ferida!
   E ves ti, Xesús,
   e rétasnos ao que parece imposible,
   e proposnos un remedio simple, eficaz,
   ousado, valente,
   e ofrécestenos como exemplo e camiño,
   e dásnos o bo Espírito para poder facelo.
   E eu dígoche:
   grazas, Xesús,
   fíome de ti,
   desde xa vou cambiar de chip na miña vida,
   velarei polas miñas emocións, polas miñas respostas,
   tentarei imitarte.
   Dáme a túa man para camiñar xuntas.

Acción
   ¿Estamos nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?


16 de xuño: martes da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 43-48
   Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
   —Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente os vosos irmáns, ¿que facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede  completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.

Meditación
   Por tendencia natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten, podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir, saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.
   Xesús invítanos a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor, que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas, por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.

Oración

   Como aprendiz do amor,
   así me achego hoxe ante ti, Xesús,
   e, contigo, ante o Deus do amor,
   o Deus do bo amor,
   o Deus de todo amor,
   o Deus do amor máis completo.
   Que lonxe estou de amar ben,
   esquecéndome de min,
   buscando sempre a compracencia da persoa amada!
   Que lonxe estou de amar sen distincións,
   superando parentescos familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!
   Que lonxe estou do pequeno amor cotián,
   feito de pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!
   Que lonxe estou do amor laico, secular,
   que se exerce desde a militancia social, política, ecolóxica!
   Como aprendiz do amor,
   así ante ti hoxe, Xesús,
   para que me aprendas,
   para aprender.
   Grazas!

Acción
   Seguro que nos é doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor. ¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha persoa concreta?


17 de xuño: mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo. Mt 6,1-6.16-18
   Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
   —Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.
   Cando deas unha esmola, non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
   Cando recedes, non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nas esquinas das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, polo contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.
   Cando xaxuedes, non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas, que desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

Meditación
   Urxente e ben necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor. Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.
   A invitación de Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.

Oración

   Ai, meu Deus,
   canto me pesa o que pensen e digan de min!
   Canto condiciona iso as miñas accións e omisións,
   as miñas palabras e os meus silencios!
   Canto busco torpemente, infantilmente,
   loas, aprecios, aloumiños!
   Canto me custa ser libre, desapegada,
   facer as cousas simplemente desde min,
   simplemente desde o amor,
   desde o servizo, cando cousas de servizo sexan!
   Quen me poderá curar deste cancro destrutor,
   desta metástase que o quere invadir todo?
   Cólleme da man,
   méteme onda ti,
   no segredo, no baleiro, no esquecemento,
   para aprender a gustar o gozo simple dos amores libres.
   Ai, meu Deus, meu Deus!

Acción
   Podemos mirar que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo, algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.


18 de xuño: xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 6, 7-15
   Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
   —Cando vos poñades a rezar, non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
   Noso Pai, que estás no ceo: santificado sexa o teu nome; veña o teu reino; fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa os nosos debedores. E non nos sometas á tentación, mais líbramos do Malo.
   Porque, se vós perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero, se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.

Meditación
   Moitas veces a nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo, e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!
   Xesús invítanos ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus, a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña que necesita dos nosos apoios.

Oración

   Noso Pai maternal,
   que nos queres sen medida
   que te sentes honrado véndonos felices en irmandade:
   sexa respectado, querido e agradecido o teu nome!
   Que  levemos adiante o teu proxecto fraternal
   sobre a xente, a natureza, o mundo, o cosmos todo.
   Que o teu querer, asentado en nós como matriz de vida,
   se desenvolva en nós ata a súa plenitude,
   nos grandes proxectos, nos pequenos feitos de cada día.

   Que a ninguén lle falte o pan de cada día,
   o pan, a casa, a saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…
   sen que ningunha persoa ou pobo quede excluído.
   Que saibamos ser humildes para recibir perdóns,
   os da xente e os teus,
   e ser valentes para saber ofrecelo
   e non enredarnos nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.
   Que as forzas do mal que aniñan no noso mesmo corazón
   non nos poidan, por moito que se vistan de cores vistosas.
   E que, ben apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,
   que ameaza as nosas vidas e a casa común
   con proxectos dominadores, imperialistas, deshumanizados,
   que buscan triunfar  á conta da saúde corporal e espiritual da xente.

Oración
   ¿Como oramos, cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos? Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración, para mellorala.


19 de xuño: Venres da semana do 2º domingo despois de Pentecoste
Solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús

Evanxeo: Mt 11, 25-30
   Unha vez dixo Xesús_
   —Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece ao Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
   Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación
   No sentir común o corazón é o seo dos sentimentos, dos amores, do apaixonamento, das decisións máis vitais e comprometidas. O corazón é o seo da solicitude pola demais xente: ten moi bo corazón –dicimos—, cando falamos dunha persoa moi dada a doerse de quen anda en debilidade.
   ¡Como de grande, de marabilloso, de ardente, de solidario, de entregado foi o corazón de Xesús! El que sempre andou facendo o ben, que se implicaba coas persoas que atopaba fráxiles, que as acompañaba en procesos de curación, de esperanza, de inclusión social e relixiosa, que perdoaba, que se cabreaba e enfrontaba con quen diminuía a xente con calquera escusa. Ese Xesús, apaixonado e amante ata a fin, é o que morre na cruz en acto de solidariedade extrema. Ese corazón de Xesús, roto pola lanzada, real ou simbólica, é o que segue aberto ofertando amores e solidariedades, garantindo compañías e alentos para facer deste mundo unha casa común, unha familia irmandada. Ese corazón, esa vida toda, é a que hoxe se pon gratuitamente ao noso dispor.

Oración

   Douche grazas, Xesús querido,
   por seres onte e hoxe,
   para todas e todos nós,
   unha persoa de bo corazón,
   de grande corazón,
   de desfeito corazón.
   Douche grazas,
   porque fuches e segues sendo
   solidario e comprometido connosco,
   para compartir os nosos gozos.
   para acompañarnos nas nosas soidades e desesperos;
   para perdoarnos, acompañarnos, alentarnos.
   Douche grazas
   porque o teu non ir de indiferente,
   ante nada, ante ninguén,
   e menos ante a xente desamparada;
   tampouco ante min:
   coñécesme e implícaste comigo a fondo.
   Douche grazas
   porque es o rostro vivo de Deus,
   ante nós,
   na cruz do calvario,
   e nas infinitas cruces que enchen este mundo.
   Douche grazas, Xesús querido.

Acción
   Podemos botar unha ollada sobre as nosas vidas. ¿Somos xente solidaria, ou pasamos indiferentes ante persoas que o están pasando mal? A nosa solidariedade e implicación mide en boa medida a verdade da nosa vida de crentes. ¿En que poderiamos avanzar?


20 de xuño: Sábado da semana do 2º domingo despois de Pentecoste: Inmaculado Corazón de María

Evanxeo: Lc 2, 41-51
   Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles regresaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, ficaron moi impresionados, e díxolle súa nai:
   —Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.
   El respondeu:
   —¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?
   Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Meditación
   María soubo de dificultades e bágoas na crianza do seu fillo, de Xesús. Os evanxeos non nos ofrecen moitas noticias, pero son abondas para nos poder decatar de como María se sentiu desbordada polo que na casa tiñan: un neno, mozo e home adulto que se deixaba levar polo espírito de Deus en todo; que rompía coa familia cando o cría oportuno, que lles fixo pensar ás veces que mesmo perdera a cabeza. Así ata quedar tamén marabillada polo que dicía e facía aquel seu fillo, Xesús, que ao tempo o era tamén de Deus. Así ata o momento último da súa existencia cando o ven morrer cravado nunha cruz, coa morte propia da xente máis marxinal e desprezada. E María –supoñemos que tamén Xosé— gardaba todas estas cousas no seu corazón de nai, dándolles voltas, intentando comprendelas á luz do Espírito que tamén a ela a animaba. E así foi madurando como muller, como esposa, como nai, ata se converter nun referente para moitas nais, para moitas persoas crentes, á hora de contemplar e comprender a fondura de vida agochada e manifestada en Xesús e en si mesma.

Oración

Bendita, Santa María,
bendito o teu corazón   
cheo de grandes ledicias.
Bendita no grande amor
co que, á par que Xosé,
coidaches o Salvador.
Bendita si, abofé:
nas horas mouras de angustia
soubeches manterte en pé.
A túa fe non foi murcha,
callou moi dentro de ti,
colmoute por estar núa.
Todo o pobo te bendí,
que grande o teu corazón!
mestra do non e do si.
Con humilde admiración,
por termos nai tan cumprida,
muller de tan gran tesón,
bendita, Santa María!

Acción
   As traballos e sufrimentos de moitas das nosas nais cos seus fillos ou fillas pódennos lembrar un pouco os traballos e sufrimentos de María co seu fillo Xesús. Igual podemos achegarnos a algunha destas mulleres, falar algo con elas, acollelas, admiralas, agradecelas



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.